[FAQ] Novas tarifas eléctricas: información de utilidade

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Podes ler, se o prefires, este informe elaborado polo Grupo de traballo de consumo e TIC de Por Chantada en PDF: Nova tarifa eléctrica. Sobre tarifas eléctricas e como aforrar na factura da luz organizamos tamén desde Por Chantada un acto informativo o 23 de novembro de 2018, cuxo audio podedes consultalo aquí.

 

1.- Cando se comeza a aplicar e por que?

A partir do 1 de xuño de 2021 e, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a nova factura eléctrica «fomentará o aforro enerxético, o autoconsumo e o despregue do vehículo eléctrico». No entanto, en maio o prezo medio do kWh foi de 17 céntimos, é dicir, que as grandes eléctricas continúan inflando as tarifas no mercado da xeración, tal e como denuncia Facua

A restruturación responde a un mandato da UE e a proposta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) foi modificar as peaxes para penalizar a quen consome máis nas horas de maior demanda. O Ministerio estabeleceu en abril os prezos definitivos da tarifa da luz a través dunha orde ministerial.

2.- A quen afecta?

Atinxirá a fogares e empresas, tanto os acollidos ao Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor (PVPC) coma os que están no mercado libre, aínda que dun xeito diferente en cada caso. O termo fixo do recibo, o “mínimo” que hai que pagar aínda que non se consuma, e o termo variábel, o que depende do consumo, calcularanse agora de forma diferente.

Como explicamos no acto de 2018 hai dous tipos de modelos para calcular a factura da luz: a PVPC, cuxa tarifa oficial fixa o Goberno, e as do mercado libre, onde é a comercializadora quen fixa o prezo unilateralmente. Naturalmente, a PVPC era até agora moitísimo máis recomendábel e barata, mais hai un problema: o límite de potencia contratada é de 10 kW e exclúe tamén os pequenos comercios.

 

3.- Que temos que facer os consumidores?

A priori nada, xa que a nova peaxe aplicarase de xeito automático. No entanto, o consumidor pode adoptar as súas potencias contratadas e as súas pautas de consumo para aproveitar as ventaxes da nova estrutura de peaxes (vid. 5, 6 e 7).

 

4.- Cales son os principais cambios?

Haberá tres faixas horarias, que estabelecerán o custe da enerxía. Pagaremos máis de luns a venres cás fins de semana e os feriados ás mesmas horas e poderán terse dúas potencias contratadas.

O período máis barato estabelécese entre as 24:00 horas e as 8 horas da mañá e durante a fin de semana e os feriados.

 

5.- Como funcionan as faixas horarias?

Desde o 1 de xuño todos os consumidores temos unha peaxe con discriminación horaria nos termos de potencia e enerxía. Por orde de custe, de maior a menor, as tres faixas horarias son:

  • Faixa ponta: de 10 a 14 horas e entre as 18 e as 22 horas. En total haberá 40 horas ponta á semana, que coinciden en grande medida con horas de moita actividade nos fogares para comidas e ceas. Como primeira medida para poupar, convén estarmos atentes para evitar os consumos que se poidan deslocar a un horario máis económico (lavadoras, lavalouza…). Na práctica o prezo de cada kWh co novo sistema en faixa horaria ponta será de 25 céntimos (20 céntimos antes de impostos).
  • Faixa chao: de 8 a 10 horas, de 14 a 18 horas e entre as 22 e as 24 horas. O horario chao terá unhas tarifas semellantes ás actuais para un fogar sen discriminación horaria.
  • Faixa val: entre as 24 e as 8 horas, fins de semana e feriados. En total haberá 88 horas val á semana, 52% do total. Será un bocadiño máis caro cada kWh que agora, polo que haberá que trasladar moito consumo á fin de semana.

Faixas horarias

A nova estrutura de tarifas eléctricas por treitos ou faixas horarias comezou este 1 de xuño cun mínimo de 14.61 céntimos kWh (impostos indirectos incluídos) na hora val, a máis económica; e un máximo de 31.55 céntimos en hora ponta, a máis cara. Segundo Facua, o prezo medio do kWh foi de 17,20 céntimos en maio, representando un encarecemento interanual de 45.4% na factura do utente medio. 

 

6.- Para que serve ter dúas potencias contratadas?

Contratar dúas potencias será agora posíbel: unha para a faixa val, que será moito máis barata, e outra para os períodos ponta e chan. Até o 31 de maio de 2022 permítense dúas mudanzas de potencia de balde. Segundo a CNMC deste xeito evítase pagar potencia desnecesaria durante todo o día. Porén, a potencia atinxe apenas ao prezo do termo variábel.

O kW contratado baixa 16% polo que a parte fixa da factura baixará. Para quen teña menos de 10 kW de potencia contratada pagar. Por exemplo, un fogar que subira a potencia de 3,3 a 7 kW para cargar o carro eléctrico pasaría de pagar 339€ ao ano co antigo sistema a 135€ ao ano contratando os 7 kW apenas para o horario val.

 

7.- Como interpretar a factura eléctrica actual?

A factura eléctrica actual componse de cinco partes:

7.1.- O termo variábel, que é o custe da enerxía, é dicir, o que pagamos en función do consumo.

7.2.- O termo fixo, o que se paga por receber o servizo, aínda que non se consuma nada. Denominamos isto popularmente como “o mínimo” e tecnicamente como tarifas de acceso. Dentro destas temos os cargos ao sistema eléctrico, que son prezos fixos que marca o Goberno e inclúen: subvencións a renovábeis, compensación do déficit acumulado en anos pasados, axudas aos sistemas non peninsulares etc. e as peaxes, que serven teoricamente para cobrir os custes de transportar a enerxía e distribuíla polos fogares.

7.3.- Os custes de produción (+/- 7 céntimos kW).O que as empresas produtoras de enerxía cobran vendéndoa ao por maior.

7.4.- Marxes de comercialización. Sons os lucros da comercializadora por encargarse da facturación, do cobro, do arrendamento do contador e o marxe de beneficio. Este último varía en función da comercializadora e da tarifa. Algunhas inclúen as marxes na parte fixa do recibo, como acontece na tarifa regulada PVPC.

7.5.- Impostos: o imposto eléctrico, que é 5,112% e o IVE, que é do tipo xeral, é dicir, 21%. O IVE subiuno até o 21% o Goberno de Mariano Rajoy (PP) en 2012. Previamente, o Goberno de Aznar privatizou as eléctricas do Estado, pasando logo a traballar en Endesa por 200.000€ ao ano. En 1998 remataba un proceso que xa comezara a xestarse no último Goberno de Felipe González (PSOE), quen tamén foi conselleiro independente de Gas Natural por 126.500 euros ao ano. Semella que traizoar os intereses populares para servir ao oligopolio eléctrico págase ben. Tamén na Galiza Beatriz Mato, conselleira de Feijoo, ten unha fulgurante carreira en Greenalia e na cúpula de Euskaltel.

Estes cinco pontos mantéñense, mais, desde o 1 de xaneiro, varía a fórmula para calcular os custes fixos e variábeis:  sobe o prezo do kWh e baixa o do kW contratado.

 

 

8.- Pagaremos máis ou menos?

Sobre as portas xiratorias xa falamos. Tal e como explica a OCU dependerá do consumo e da tarifa que teñamos contratadas. A facturación de peaxes e cargos reducirase para os consumidores que até agora non tiñan discriminación horaria, uns 19 millóns de consumidores, baixando a factura 3.4%. No entanto, aumentará para aqueles que estaban acollidos á discriminación (uns 11 millóns de consumidores) e que tiñan un prezo máis barato.

Por outras palabras, vai prexudicar aos que tiñan a popularmente denominada como tarifa de discriminación nocturna e aos que grandes consumidores. O Kw contratado baixa 16%, mais esta redución do termo fixo compénsase en parte cun incremento no prezo do kWh.

Para os utentes da PVPC: pór a lavadora ás 10 da mañá dun venres será o triplo de caro ca ás 10 de mañá do sábado. O PVPC repercute ao consumidor, desde 2014, o prezo dos custes do sistema, por iso se ve tan impactado por unha mudanza profunda.

Para os utentes de libre mercado o comercializador adaptará o prezo do contrato para incorporar a diferenza dos custes regulados polo que cómpre pór especial tino para que non nos estafen. Cada compañía fará unha proposta e o cliente ten o direito de acolllerse a ela ou irse. Para potencias inferiores a 10 kW recomendámosvos acollervos á modalidade PVPC.

Tarifas de acceso

 

9.- Que podemos facer para reducir a factura?

O primeiro é ter claro que tipo de modalidade temos (PVPC ou libre) e memorizar os novos horarios para adaptar os nosos hábitos na medida do posíbel.

Tamén axustar a potencia para reducir custes (vid. 6). Se o consumidor non solicita a mudanza aos dous novos períodos (val e ponta) aplicaráselle a potencia actual contratada en ambos de forma automática.

As novas facturas deberán informar dos picos de máxima potencia durante os últimos 12 meses, o que axuda a axustar as potencias contratadas, permitíndose dúas mudanzas de balde até o 31 de maio de 2022. Tamén pode consultarse en Datadis.

Para saber o que gastan os electrodomésticos para pensar a potencia a contratar podes ver esta guía elaborada pola OCU.

 

 

10.- Por que o Reino de España ten un problema coa luz e por que é tremendamente inxusto para a Galiza?

O Estado español ten unha das facturas domésticas máis elevadas para un ben de primeira necesidade como é a luz. Isto non sempre foi así, senón que se produciu a partir das privatizacións de Felipe González (PSOE) e Aznar (PP) na década de noventa e da posterior subida impositiva de Mariano Rajoy (PP). O Goberno de PSOE e UP, presidido por Pedro Sánchez, prometera abaratar a luz e anunciou novas medidas, mais está por ver que iso se traduza nunha rebaixa substancia.

 

Os dados de Eurostat  non deixan marxe a dúbidas: a electricidade para os fogares galegos págase coma un luxo sendo un ben de primeira necesidade. Algo que é aínda máis grave cando en comarcas coma Chantada temos encoros, parques eólicos… e padecemos moitos impactos negativos destas infraestruturas sen calquera compensación. Nese sentido, desde Interior Galego Vivo demandamos un canon eólico que deixe beneficios a concellos e propietarios e que permita a xeración distribuída e pule por outro modelo enerxético que non sexa coto exclusivo do oligopolio enerxético.

EOLICOS_IGV

 

GRUPO DE TRABALLO DE CONSUMO E TIC DE POR CHANTADA

 

cropped-logo-redes-8m-blanco