Por Chantada ve aberrantes os novos impostos á auga.

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta da Galiza pretende aprobar dúas novas taxas que van disparar a factura da auga. Concretamente, trátase de dous canons de nova criazón para o consumidor doméstico e outro para os concellos, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua, xa en tramitación.

Estimacións de profesionais do sector sitúan a suba do recibo en 180% na auga dos fogares e 130% no caso das empresas. Un despropósito que, na Galiza, coincide no tempo coa suba interanual máis elevada da inflación rexistrada do Estado español (4%).

Trátase doutra volta de porca na política de mercantilización dun ben público e esencial que comezou coa Lei de augas da Galiza, que desde 2012 xa aplica un canon.

Por Chantada demanda a paralización inmediata da tramitación do anteproxecto e un plano de depuración e saneamento para as parroquias do rural galego.

 

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Chantada 20 de setembro de 2021.

En sintonía coas políticas ultraliberais e aporofóbicas do PP, a nova lexislación castigará máis aos consumidores domésticos e, nomeadamente, aos que teñen un consumo máis baixo que, polo xeral, son fogares máis humildes. Apenas contemplan bonificacións de 50% para familias numerosas e fogares en risco de exclusión social, mais deberían ser nestes casos do 100%.

 
Para o uso doméstico existe agora no trecho máis baixo de consumo unha tarifa de 0€ que pasaría cos novos impostos a 0.15€ por metro cúbico, avanzando no mercado e mercantilización da auga. Por exemplo, nun fogar onde vivan 3 persoas cun consumo de 25 m3 de auga cada trimestre pagaríase case o triplo: dos actuais 6.65€ a 18.7€. Para alén do consumo os novos canons incorporan unha parte fixa (1.54€ por persoa e mes) remedando a factura da luz. 
 
A auga vai ser un ben crecentemente escaso, por iso se debe instar ao seu uso racional por parte da poboación con taxas que penalicen os consumos elevados e a falla de eficiencia desde os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais, é dicir, que pague máis quen máis consome. Amais, debe garantirse o seu fornecemento a todas as poboacións, así como o seu correcto tratamento e depuración.
 
Por Chantada demandará no vindeiro pleno ordinario que a Xunta paralice a tramitación do anteproxecto para desde o diálogo social incorporar os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais. Amais, exiximos saneamento e deputación axeitadas para as parroquias do rural a comezara polas do interior galego e, nomeadamente, as atinxidas por figuras de protección como a de Reserva de Biosfera.
 
 
Para leres a nosa moción íntegra preme aquí (PDF): Moción Por Chantada canon augas Galiza_signed
 

AMPLIACIÓN 22/09/2021.

 
Alertados pola viciñanza denunciamos a recollida de dados que está desenvolvendo o Concello de Chantada nas parroquias sen dar calquera explicación oficial á viciñanza. É bochornoso que un alcalde dun concello non emita un bando nen dea calquera explicación pública á viciñanza cando se están recollendo dados para un uso e tratamento que os afectados descoñecen. 
 
 
Consultados varios xuristas e expertos relacionan este censo coa intención da Xunta de “municipalizar” as traída do rural, de momento “voluntariamente”,  para que se lles poda cobrar o canon da Xunta (Lei de augas) mais os novos impostos que prevé o Anteproxecto de lei de mellora do ciclo integral da auga, denunciados nunha moción rexistrada onte. Amais, unha vez exista rede municipal nun territorio xa non será posíbel desengancharse e criar unha autoxestionada entre a viciñanza, pois non o permite a normativa e a Confederación Hidrográfica denegaría a renovación até daquelas traídas debidamente legalizadas, que no noso termo municipal non chegan a 10%).
 
 
 
Lembrade que, co modelo actual de mercantilización dun ben esencial e público por parte de Feijoo en sucesivas reformas normativas:
 
1.- Pagamos por trechos e non por consumo real (empresas) pasando o trecho máis baixo para consumidores domésticos de 0 a 0.15€ por metro cúbico.
2.- Pagamos canon autonómico en base a ese importe (imposto Xunta).
3.- Pagamos coeficientes de verquido en base a unha estimación non real de convivintes por morada (imposto da Xunta).
4.- Pagamos IVE de 10% e non de 4% porque seica non é un ben de primeira necesidade cando é para consumo.
5.- Pagaremos dous canons de nova criazón (impostos Xunta) triplicando o que se paga agora e cunha cota fixa de 1.54€ por persoa ao mes (haxa ou non gasto), o que supón un “mínimo” de case 20€ ao ano.

 
 
Están criando as condicións para facer, paso a paso, outro mercado piramidal e espoliador como o da luz, agora coa auga, ao tempo que acaban coa sanidade, coa educación e presionan cada vez máis as pensións.
 

Na defensa do ben común e da maioría social nen un paso atrás.

 
 

A comarca de Chantada queda excluída do reparto de Augas de Galiza

nova101106_augasdegalicia

O organismo público Augas de Galicia, cuxa dirección está intimamente ligada ao PP especialmente desde a aprobación da Lei de augas por Núñez Feijoo, volveu demostrar que fai un reparto partidista dos fondos públicos, segundo se desprende do DOGa do 3 de novembro, xa que dos 66 convenios que foron asinados 57 beneficiaron a cámaras municipais con gobernos do PP.

Esta cifra representa máis dun 86% dos convenios asinados con alcaldes do PP, entre o 13 de xuño e o 31 de agosto de 2016 ambas datas próximas a convocatorias electorais. Tamén varían moito as magnitudes sendo as máis importantes as asociadas a actuacións en concellos do PP como Foz con 8 millóns de euros, Laracha con 2, Cotobade con 1’85…

Desde Por Chantada-CUP levamos máis dun ano preguntando polos fondos de Augas de Galicia que corresponden ao concello de Chantada. O goberno do señor Varela non só non aclarou esta cuestión senón que non fixo ningunha xestión ao respecto e volve reincidir na súa incapacidade. Cómpre lembrar que a maioría das 36 parroquias do concello de Chantada seguen a 2016 sen saneamento, cando moitas das actuacións contempladas no DOGa son precisamente actuacións deste tipo, por exemplo os 405.000€ que se van gastar no saneamento das parroquias de Ferrón, A Igrexa e O Pinar no concello de Sober  ou os 35.000€ que se van destinar a San Roque, no concello de Portomarín.

Outra actuación urxente é a dotación dunha deputadora suficiente para Chantada, tal e como recoñece o propio PXOM, e o saneamento do río Asma, así como a separación de pluviais e fecais en moitas rúas de Chantada. Porén tampouco se fixo ningunha xestión neste sentido. Si a fixeron outros concellos como Moraña (60.000€) ou A Pastoriza (30.000€).

DOCUMENTOS:

Resolución do 12 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta entidade pública no segundo cuadrimestre do ano 2016

Acta do Pleno ordinario do 18 de xaneiro de 2016 (pregunta 23, páxina 21)
ACTA do pleno do 14 de setembro de 2015 (pregunta 5, páxina 34)

Memoria PXOM aprobada inicialmente cos votos de Inta (páxinas 38, 56 e 57)