Salvemos o casco histórico! 230.000€ para atentar contra o patrimonio?

Salvemos o casco histórico_Por ChantadaConsulta aquí o texto íntegro da nosa: Moción Por Chantada canibalismo urbanístico

Na pasada lexislatura Por Chantada alertou do perigo que corrían as hortas urbanas do casco histórico. A reacción viciñal, mesmo recollendo sinaturas, e a indignación xeral da cidadanía frearon, ao menos polo de agora, semellante despropósito.
O pasado 10 de xuño o alcalde, en comisión informativa, revelou que tiña en mente un aparcadoiro subterráneo, negociado supostamente polo alcalde cunha empresa de Madrid, e que o rexedor propuña facer na praza do Cantón, mais a empresa defendía como emprazamento Xoán XXIII, a pesar do regato subterráneo que pasa por esa rúa. Segundo o Decreto 486/2021 de 29 de xuño van destinar 13.000€ só ao estudo da súa “viabilidade”!
 
O pior estaba por chegar o día 13:  o anuncio na sesión plenaria da eliminación do empedrado da rúa do Comercio e o cuestionamento do da praza do Cantón, porque, segundo o alcalde, non permiten ás mulleres andar en tacóns. Para alén do desafortunado comentario é máis un exemplo do canibalismo urbanístico de longa data da súa catastrófica xestión, como dan fe a praza de Santa Ana (co edifico do SAREB aínda sen demoler) ou a rúa Xoán XXIII desfigurada para darlle unha concesión a Viaqua até o máximo legal permitido.
A esta actuación na rúa do Comercio o Concello destinará o Plano Hurbe 2019-2021 por importe de 230.000€ (Decreto 574/2021, de 21 de xullo). Descoñecemos aínda se finalmente van remover o lastro, que é parte do noso patrimonio e que Por Chantada demandou conservar. Tamén cómpre ter tino, pois coa mudanza climática a plataforma única pode incrementar o risco de inundacións. Retirar cabos aéreos, ampliar o empedrado ou mellorar o da praza do Cantón eran alternativas ben máis necesarias.
Para deter o canibalismo urbanístico e salvar o casco histórico, polas súas hortas e polo seu empedrado; así como para darlle solución ao edificio do SAREB da praza Santa Ana, unha vella teima do noso grupo, defenderemo o día 29 de xullo no pleno ordinario a Moción de Por Chantada – CUP con medidas para paliar os piores impactos do canibalismo urbanístico na vila, que vos remitimos en anexo e agardemos sexa do voso interese.
Saúde e Terra!
#salvemosocascohistórico
#construírfuturo
#mellorarchantada
#opartidodaxente

Crónica do pleno ordinario do 8 de xaneiro de 2018

Cada un de nós só será xusto na medida que faga o que lle corresponde, Sócrates.

Non podemos viver felices se non formos xustos, sensatos e bons; e non podemos ser xustos, sensatos e bons sen sermos felices, Epicuro.

O home xusto non é aquel que non comete nengunha inxustiza, se non o que podendo ser inxusto non quere selo, Menandro de Atenas.

O home perverso coñécese nun só día, mais para coñecer o home xusto fai falla máis tempo, Sófocles.

O pleno comezou pasadas as 20 horas, asistindo 10 concelleiros concelleiros (Salud Sotelo tomou posesión logo e Héctor incorporouse no ponto 2º tamén), o secretario en acumulación José María Baños Campo, a interventora accidental Susana Martínez López e o traballador municipal Julio Cuñarro Taboada. A maiores, asistiron como público 9 persoas e dous xornalistas (Televinte Chantada) sendo un dos Plenos máis concorridos da lexislatura e manténdose a maioría dos asistentes até o final da sesión sobre as 23 horas.

Pasamos, de seguido, a detallar a información relativa a cada asunto focado nesta sesión.

Seguir lendo

Pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

 


O pleno comezou ás 20:02 horas coa asistencia dos 13 concelleiros e o secretario e a interventora accidentais, Cores e Susana respectivamente. Canto ao público asistiron apenas 5 persoas e 2 xornalistas de Televinte. A data do pleno ordinario mudouse a petición de Inta, accedendo os restantes grupos.

1.- Aprobación da acta anterior.

Desde o PSOE piden extremar a cautela ortográfica, xa que se cometen moitos erros.

A CUP explica que vai votar en contra porque non constaba a acta no Gestiona e non se pode votar afirmativamente aquilo que se descoñece, amais solicita que se remitan as actas, pois non se enviaron as actas da XGL desde o último pleno ordinario.

A favor: Inta, PP e PSOE (12) En contra: CUP (1)

2.- Renuncia á condición e cargo de concelleira de María Cándida Carnero Blanco, do grupo municipal Inta.

O alcalde comeza brincando coa posibilidade de que aínda se pode volver atrás. O secretario accidental le o ditame da CI. Varela di que moi ao seu pesar se produce a renuncia e que en 2007 comezaron unha aventura no PP e, logo, tomaron a decisión con Penela e Castor de impulsar Inta. Agradece os servizos prestados, segundo el non ao partido mais aos veciños. Non aclara os motivos da demisión, mais recoñece que probabelmente non souberon coidar a Cándida como é debido. Onte dicía unha representante da subdelegación de Lugo, na reunión da mesa contra a violencia de xénero, que non lle ían sobrar noivos nas próximas eleccións. Moi válida onde estexa, tamén no Centro de Día onde desenvolve o seu labor profisional. Deséxalle o mellor a ela e a súa familia. Dálle apuro vela máis feliz e libertada desde fai uns dias. O labor político para ela foi arduo e sen cobrar, como a maioría dos concelleiros. Que lle vaia moi ben e sorte á familia. Grazas e sorte polo apoio recibido estes anos.

O PSOE tamén lle desexa boa xeira e pergunta quen vai asumir as responsabilidades e áreas de Cándida Carnero ao que desde Inta se contesta que se vai reorganizar novamente o goberno ao que entre a nova persoa (tampouco se aclara se será a nº 8 da listaxe de Inta, Salud Sotelo).

O PP agradécelle o traballo desenvolvido.

Desde a CUP, a pesar da distancia persoal e tamén de estar nas antípodas ideolóxicas, deséxalle bo camiño e remátase dicindo que no camiño, como din os poetas, é onde nos encontraremos. Coméntase que a experiencia é que a política actual nos fai piores persoas polo que non é bo eternizarse nos cargos, non debendo estar máis de 8-12 anos por hixiene democrática e persoal. Lémbrase que en política quen asume a responsabilidade e traballa realmente dedica moito tempo e traballo, só quen o fai o sabe, sen recoñecemento social de ningún tipo e, nos concellos pequenos, sen cobrar en boa parte dos casos.

Varela contesta ao “recado” dos 8 anos e di que iso dependende da valía da persoa, sen querer con isto desmerecer a ninguén.

[A xa ex-concelleira abandona o pleno entre abrazos do seu grupo e aplausos da Corporación].

3.- Alegacións de Por Chantada-CUP á modificación da ordenanza fiscal reguladora do ICIO e da ordenanza fiscal reguladora da taxa por licenzas e servizos urbanísticos (Exp. G-1123/2017).

O secretario accidental le o ditame da CI e a proposta ao pleno en base á seguinte documentación (PDF):

A voceira do PSOE, Raquel López, comeza indicando que non lle fica claro que se aceita e que non, xa que nas alegacións  só se aceita o relativo ao informe económico-financeiro? O alcalde contesta que si e que o informe financeiro é técnico, da interventora accidental.

No entanto, o PSOE manifesta a súa disconformidade con esas explicacións. Mistúranse epígrafes e destacan como a ausencia de informes foi nomeada pola propia intervención municipal anteriormente, obvíandose desde o Goberno. Tendo en conta os apuros que pasa o rural, ao que o PSOE apoio decididamente, debíase facer unha nova proposta que fose un apoio real, ficando esta proposta de Inta moi lonxe diso polo que votarán en contra.

Javier Medela, voceiro do PP de Chantada, maniféstase a favor mantendo a postura da aprobación inicial, que vén a ratificar, ao seu xuízo, o informe ténico e económico.

Desde a Candidatura de Unidade Popular Por Chantada defendemos que a proposta de acordo di que aceita as nosas alegacións, mais non vemos que se modifique en consonancia a ordenanza, polo que ou se mofifica a redacción da proposta ou estase aceitando unha cousa e facendo a contraria coa inseguranza xurídica e a problemática que iso insire. Non se pode ser tran trapalleiros. Se non se aceitan as alegacións votaremos en contra, aínda que tendo que aceitar o dos informes demostramos que o alcalde mentiu tanto na comisión canto no pleno negando a obrigatoriedade duns informes que agora se recoñece que si hai que facer e que, aínda por riba, tamén falseou o montande e valoración da “rebaixa fiscal”, da que publicamente saíu alardeando o alcalde, cando o técnico cifra en menos de 4.000€ anuais. Ao tempo, as grandes inversións (naves e actuacións doutro teor diferentes ás do sector primario) concédenselle bonificacións de 95% e rexeitouse a nosa moción para impulsar bonificacións no IBI de entre 90-95% para o medio rural que sería unha actuación seria e de verdade e non esta pantomima. Máis un exemplo práctico do que significa o eixe esquerda-direita en política para quen o queira ver.
Por último, é un tanto chocante que non se reparara explicitamente desde a intervención a ausencia dun informe económico-financeiro cando é preceptivo, co cal a única conclusión é que hai serias limitacións sobre a neutralidade e a independencia dos funcionarios polas dinámicas criadas durante décadas no Concello, demostrando que a rexeneración necesaria nas institucións vai moito alén da mudanza de cromos e peóns.

O alcalde nega que mentise e acusa á intervención dos vai-véns producidos. Móstrase extrañado polos 3.000€, porque lembra un caso que vira, aí ao mellor hai unha pequena “disfunción” por parte do técnico. Tampouco hai grandes investimentos no agro, ao mellor é por iso que o montante é pequeno, mais segue afirmando (a pesar dos dados do informe e da realidade!) que a rebaixa é dun 40-45%.

O voceiro da CUP lémbralle que segue faltando á verdade, porque lembramos perfeitamente como en novembro  de 2016 tiveron que retirar a proposta de moficicación precisamente por falta do informe técnico-financeiro! Mentir, minte e de que xeito, pois na páxina 3 da acta do pasado pleno di textualmente <<o Sr. alcalde confirmou que non é preceptivo o informe económico-financeiro, só cando afecte a ingresos e que non entende tanto lío>> e afirmábao aínda existindo o criterio da interventora emitido no seu informe e o precedente ocorrido no pleno de novembro de 2016, xa non entramos agora noutras deficiencias e irregularidades expostas nas alegacións.

Alega Varela que cada funcionario ten a súa responsabilidade e se non fan os informes é seu problema. Faise rebaixa na vía impositiva e parécelle moi ben porque favorece a algunhas persoas, non a moitos recoñece. Independentemente dos informes el di que fai o axeitado sempre e que non hai trampa nin cartón.

A favor: 6 Inta    En contra: 4 CUP e PSOE     Abstención: 2 PP

4.- Reclamacións e suxestións no período de exposición pública do Suplemento de Crédito (SC) 2/2017 por importe de 172.818,96 € [Exp. G-1119/2017].

O secretario accidental le o ditame da comisión informativa, quen ratifica a desestimación das únicas alegacións apresentadas, as de Por Chantada-CUP, en base, segundo o alcalde, á necesidade de axilizar os pagos e obrando no expediente, en esencia, a seguinte documentación (PDF):

Coma sempre, comeza a quenda de intervencións o grupo con maior representación numérica da oposición, o PSOE. Raquel López di que as actuacións en materia económica do Concello sancionadas nos informes da intervención municipal son un reiterado desastre. Non poden votar a favor dun SC e dunhas partidas orzamentares (PO) que reinciden nunha má praxe económica unha e outra vez sen solucións á vista.

O PP di que se abstén <<por coherencia>> e en base ao informe da interventora accidental, Susana Martínez.

O voceiro de Por Chantada, Antom Fente,  indica que, neste caso, desestímanse as nosas alegacións ao SC 2/2017, a diferenza do que aconteceu no ponto anterior, en base ao remanente que aínda ten o Concello, mais dificilmente poden saber se ese remanente é suficiente para executar a sentenza cando non existe un orzamento firme que cuantifique a actuación que se vai desenvolver. É máis o que se sabe certo é que o orzamento do anteproxecto de Viaqua ascendía a por volta de 200.000€ e que a Confederación Hidrográfica desestimou ese proxecto elevando a conatía seguramente a máis dun millón de euros. Con todo, a secretaria e a interventora titulares aclararon, a instancia do noso grupo, en Comisión Informativa (CI) que o preceptivo era incluír no orzamento, toda vez apresentada a alegación por parte da afectada, a contía do anteproxecto podendo incorrer, do contrario, en desacato reiterado de sentenza xudicial coas conseguintes consecuencias xurídicas e económicas para o Concello e os seus xestores. Porén, en vez de pensar en resolver o problema o único que fixo Inta, á última hora e previamente ao Pleno pola vía dunha emenda asinada por Pamela (Inta), após defender na CI o contrario, foi dar un pinchacarneiro, para sacar adiante o Orzamento sen cair nun explícito desacato xudicial, orzamentando unicamente 10.000€. Porque se fixo así? Porque a mediados de agosto aínda non existía orzamento para o ano 2017, magnífica xestión con maioría absoluta por certo, e incluír unha modificación de máis de 200.000€ en período de alegacións significaría reformar todo o orzamento e, en vista da (nula) capacidade de traballo do goberno elevar a aprobación definitiva, con sorte, a decembro de 2017. En consecuencia, non «queda suficientemente demostrado que o Remanente de Tesourería é suficiente», como se afirma para desestimar as alegacións da CUP, e o que si está claro é que o orzamentado non é unha reserva de crédito suficiente para facer fronte á Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza 660/2007 coas consecuencias que poden derivarse no medio prazo para a facenda local, tamén pensan do Orzamento para 2018 pór 10.000€? Vostedes fanas, os contribuíntes pagan.

O alcalde nega que houbese proxecto feito, que era un estudo detallado de 200-240.000€. Logo na Confederación falouse de perto dun millón de euros, ben é certo, o que sería inviábel para o Concello recoñece. Falaron co avogado da familia e chegaron a un acordo para prorrogar dous anos a actuación e conseguiren fondos das 3 administracións [Concello, Xunta da Galiza e Confederación hidrográfica Miño-Sil] e hai que agardar sobe 6 meses polo informe da Confederación que nos dirá o que e como o temos que facer, xa que o prazo dado pola sentenza non é viábel. Parao ano probabelmente, efectivamente, haxa que pór a mesma contía sempre e cando sexa suficiente para a porcentaxe que debe abeirar o Concello. Nestes casos as alegacións non deberían facerse, xa que a diferenza de cando están ben postas, só atrasan o cobro de obras do ano pasado e se se poden pagar é porque hai remanente e el xestiona moi ben o Concello.

Por moito que puxeran as outras administracións, que se van desentender probabelmente da Sentenza 660/2007 do TSX que a quen condena explicitamente é ao Concello pola súa neglixencia, coida o Goberno que con 12.000€ vai abondar nunha actuación que recoñeceu reiteradas veces que andará ou superará o millón de euros? Está insinuando que a Secretaria e a Interventora mentiron ou se equivocaron ao indicar cal sería o procedemento legal para evitar o desacato xudicial en beneficio do propio Concello e non dos intereses políticos do partido no Goberno? Canto ao atraso nos pagos é culpa de Por Chantada que obras de 2016 non se pagasen no primeiro trimestre de 2017, ao sumo no segundo, cando o Goberno podería ter aprobado a conta xeral, o remanente e liquidado as débedas facendo os correspondentes SC? Ten culpa a CUP, cun único concelleiro, de que o Orzamento para 2017 chegase no mes de agosto? É culpa de Por Chantada que se contraten actuacións sen crédito, sen licitar, abusando do contrato menor como lle repara constantemente a intervención? Onde consta o acordo coa familia? Debémonos fiar da súa palabra como no caso do informe económico que non era necesario para modificar o ICIO? O que está esperando é que pasen 2 anos cheguen as eleccións e a ver se a pataca quente queda de herdanza.

Varela retruca dicindo que é algo que tamén herdaron eles, que Fente non ten culpa do atraso do orzamento, mais as empresas tampouco por non cobraren e pide que se vote o ponto sen máis debate.

A favor: 6 (Inta)     En contra: 4 (CUP e PSOE)   Abstención: 2 (PP)

5.- Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á CNMC para evitar os abusos no prezo do leite.

Comeza Fente expoñendo os motivos nos que xustifica a apresentación da moción, após ler o secretario accidental o ditame da CI.

O PSOE concorda coa exposición de motivos e engade que a última referencia en orixe é de 31,1 céntimos, que se ben é o máis elevado desde a desaparición do sistema de cotas fica moi afastado dos 34 céntimos do umbral de viabilidade a longo prazo. Engade 3 pontos como emendas que entende aplicábeis polo Ministerio e di que o consumo de leite descendeu 2% en 2017 na Galiza. Tamén di que o acordo entre industrias é abusivo e deberíamos talvez somarnos á propia denuncia do SLG diante da CNMC.

Emendas:

2.- Instar as administracións públicas e ás propias empresas a que fagan campañas para reactivar o consumo de leite e derivados, especialmente para os galegos.

Que se aplique a normativa europea que prohibe chamar leite a derivados vexetais [este subepígrafe será logo retirado polo PSOE].

3.- Potenciar o papel das organizacións de produtores de leite da Galiza mediante as cooperativas e sindicatos agrarios para ter máis forza perante as industrias.

4.- Incrementar a vixilancia sobre os primeiros compradores para que cumpran coa consignación de finanzas que garantan os ingresos das explotacións.

O PP móstrase no fondo de acordo coa proposta da CUP, se ben indica que no mercado libre é ilegal marcar prezos. A nivel municipal o que podemos facer é arranxar pistas e o Banco de Terras e non estes brindes ao sol que non entende moi ben a que veñen.

Varela di que Inta está a prol dos agricultores e que todo o que se faga é pouco. A industria é abolustamente necesaria tamén, aínda que poda estar facendo manobras indebidas tampouco se pode presionar demasiado. A CNMC se se mete coas industrias pode provocar que estas deixen de recoller. Lembra igualmente que a cooperativa ICOS é primeira compradora e que non deberíamos apertar as cooperativas. Pregúntalle a Raquel se o seu compañeiro Héctor está de acordo con iso. Tamén afirma que falando con persoas do agro as industrias obríganlles a asinar porcentaxes de leite para envasar de dúas formas: un a 30-31 céntimos (B, 60%) e outro de pastoreo A (40%) a 34 céntimos. Di que pode ser unha boa solución.

Comenta o alcalde que vai primar as granxas que pastorean e que se debe explorar máis o Banco de Terras.

Héctor di que o Bantegal existía desde 2007 [fora unha das medidas estrela de Alfredo Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural no Goberno bipartido do BNG] e estaba o regadío de Lemos e 2.700 hectares na nosa zona e foi deitado por Núñez Feijoo e o PP. Sempre se pediu desde as cooperativas e os sindicatos. Engade que co mesmo depósito de leite non poden existir dous tipos de leite, iso é unha fraude.

Varela contesta que, ultimamente, participou en reunións de fusións das cooperativas, que pidan eles o que temos que facer e non vir con cousas, como di o PP, que son brindes ao sol. Inta di que o que pode facer o Concello é rebaixar impostos, como fixeron co ICIO, e non meternos no que non dominamos ben.

A CUP lembra que denominar leite o que non procede dun mamífero é unha fraude ao consumidor. Sobre o mercado libre lembrámoslle ao PP que até dous dáis existía un sistema de cotas que lle veu moi ben, ao igual que a PAC, a franceses e alemáns e pola contra aquí liquidamos o tecido produtivo básico e afastámonos de ordenar o territorio, da soberanía alimentar… O mercado libre non pode ser o dereito de pernada permanente de Goliath sobre David. Tamén se comenta quen conxelou o Banco de Terras e como podería levar en activo 30 anos reordenando o territorio e dotando de maior base produtiva ás exploracións, xa que a terra que non se ten alúgase a un prezo elevado vía forraxes, ou como os termos municipais poderían tamén impulsar bancos de viñedos para a incorporación da mocidade ao sector primario, tal e como temos proposto, polo que podemos e debemos facer máis que acementar e pór farolas que dan pouca ou nengunha produción; mercados de alimentos locais, apresentamos un proxecto no seu momento que nen se leu, para producir e consumir localmente produtos de calidade e dotalos de proxección exterior; asinalamos tamén a responsabilidade política en orientar e subvencionar os labregos primeiro para o intensivo e agora chegar alegremente os mesmos como paladíns dos pastoreo; falamos do prezo do penso para producir ese leite que eleva o seu custe de produción ou as eivas na formación e no manexo que esta administración nen quere nen sabe suplir para reorientar o modelo e prepararse para o que aí ben; por último, completamos o repaso lembrando que o big to fail que se aplicou no sistema bancario galego, ao cabo agasallado a Venezuela e cos ruinosos xestores xubilados con pensións millonarias que pagou o contribuínte empobrecido pola crise, non ten porque repetirse no caso do tan cacarexado Grupo lácteo galego… Non por ser máis grande se corrixen os erros e eivas existentes a non ser que se manteña a ficción, durante un tempo, a golpe de subvencións públicas. Sobre o brinde ao sol non podemos pronunciarnos, dada a experiencia que teñen no tema os partidos políticos que din defender aos seus votantes e logo só saben mallar neles e repetir unha e outra vez que nada poden facer en cando benefician sempre ao grande para que cada vez os sexa máis. Por Chantada non se imaxina a comarca de Chantada sen leite e sen un agro vivo e, no entanto, entre todos os partidos o que están conseguindo é a chegada do deserto verde para gloria de 3-4 agroindustrias extractivas afondando na desigualdade social e económica.

Varela solicítalle a Raquel que volva ler as emendas á moción e esta reitéraas retirando o tocante ao leite cando desde Inta se afirma que iso xa non se produce e está controlado, pondo bebida de soia ou cousas semellantes. Pede pasar a votar e rematar o debate reiterando que as industrias poden ser atracadores, mais totalmente necesarias e falta un grupo lácteo galego que se leva esperando por el 35 anos.

Procédecese a votar, por esta orde e con idéntico resultado, as emendas do PSOE e a moción orixinal da CUP.

A favor: UNANIMIDADE (12: CUP, PSOE, Inta e PP).

6.- Moción de Por Chantada-CUP para rexeitar a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais na Galiza.

Le o ditame da CI o secretario accidental mais os acordos propostos e procede Fente da CUP a facer unha síntese da exposición de motivos da moción, que pode consultarse íntegra en PDF, facendo fincapé en como se nos rouba a auga ou o vento sen nengunha contraprestación para os indíxenas que resistimos no territorio:

Raquel López e  o PSOE din partillar o fondo do propoñente. O tema da minería di que non nos afecta en Chantada, mais si, por exemplo, os eólicos. Acusa ao PP de facer unha manobra para recortar competencias aos cidadáns coa apariencia de facilitar as cousas favorécense as iniciativas privadas en contra dos cidadáns de a pé.

O PP deféndese dicindo que unha lei de que simplifica prazos sempre é boa. Regula, por exemplo, os pozos petrolíferos, mais aquí non hai que máis dá. Tamén acusa á CUP de non pór unha soa alternativa sobre a mesa facendo simple demagoxia eleitoral. Fente interrompe para dicir que non se presenta en Catalunya. Medela contesta que as locais están aí e xa andan facendo demagoxia pensando nelas. Recoñece, con todo, que estudou a lei a raíz da moción, xa que non a coñecía.

Varela di que se van abster, que é o máis fácil. Estivo en Lugo con Francisco Conde, o conselleiro de Industria, e coa Federación empresarial que están contentes coa lei. Os Concellos teñen a opción de participar con algunha empresa ou por libre nos parques eólicos. Acusa a CUP de facer unha moción de corte político, aínda que recoñece que política é todo e están no seu direito.

Desde a CUP din que se lles pode acusar pola súa posición ideolóxica e diverxer desta, mais que chama a atención que se lles acuse precisamente a eles de non traer alternativas e propostas ao Pleno de Chantada unha e outra vez. Lembran que é un debate de modelo de país, de futuro e de prioridades: se o imporante é a maioría social  e fixarmos poboación no territorio ou favorecer ás multinacionais. Engádese unha reflexión sobre o impacto que vai ter a declaración BIC na Ribeira Sacra e como se furta o debate, sendo os indíxenas convidados de pedra no seu impulso e aprobación ando deberiamos ser os protagonistas, responsabilidade das sucursais políticas de Santiago e Madrid.

Procédese á votación da moción:

A favor: 4 (CUP e PSOE)  En contra: 2 (PP) A: 6 (Inta).

7.- Moción de Por Chantada-Cup na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego.

Por parte do secretario accidental procédese a dar traslado ao Pleno do ditame da CI e mais dos acordos propostos pola moción de Por Chantada-CUP (PDF): Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego.

Desde a CUP faise unha síntese da exposición de motivos e vendo que o PP trai un papel coas medidas propostas por Feijoo no Parlamento dise que moitas xa estaban en andamento ou foran paralizadas polo proprio PP, cunha miopía que só fará que o problema continúe sendo crónico en canto se gasta máis e máis en extinción e en contratos coa empresa privada.

O PSOE indica que é triste este ano para os lumes e para Chantada. Leron a moción e estaban tamén traballando nunha semellante. Neste caso, os acordos propostos son reiterativos e extensos. O problema non é só a xestión actual da política forestal senón que o que vén de atrás, como se dixo por parte doutro grupo, debendo buscar o acordo con sindicatos e partidos. Tamén está o vector da mudanza climática. Raquel López propón a reorganización dos pontos e agrupar outros ou eliminar [non imos dar conta polo miúdo dos cambios propostos e, en todo caso, aceitados desde a CUP, xa que non saíron adiante].

Medela di que non apoian a moción, están nas antípodas ideolóxicas. Defende que o presidente da Xunta ofereceu chegar a acordos, mais seguimos en campaña. Tamén di que a Galiza non arde, estana queimando. Discrepa do que se di sobre os eucaliptos e onde está o monte coidado non arde, como na Mariña lucense. Os solares que arderon en Vigo tamén son culpa do PP? Nunha noite 268 lumes forestais.

Varela di que “lo bueno si breve dos veces bueno” e que esta moción quere abranxer todo e iso non pode ser, unha moción debe ter 2-3 conclusións non algo tan extenso que é imposíbel. Os propios concellos e parrroquias teñen culpa por como es´ta o monte. Di que desde a parroquia de Fente, Santa Cruz de Viana, viciños queren investigar parcelas de monte e reordenar entre eles o monte. Así é, os proprios proprietarios deberían facelo. Nengún goberno nons vai ordenar o monte. Cando arde o que hai que facer é axudar a apagalo e denunciar a quen se sabe que prende e dar traslado á autoridade competente. Di que isto é maltrato ao monte galego. Nengún político lle pon lume ao monte. Abeirar o ombreiro todos para solucionar o problema. Pór en valor, como xa se dixo, o monte. Van votar contra esta moción.

Raquel López quere lembrar que en Arcos había unha UXFOR pola que traballou moito a asociación e o PP botouna para atrás ao chegar Feijoo.

Varela di que simplemente lles mudaron o nome, aquí na Galiza querémoslle moito á terra por iso non van as cousas adiante.

Medela quer intervir, por alusións ao PSOE, e di que en Arcos fracasou polo chamado efeito Panorama, pois querían os cartos para contratar orquestras.

Héctor do PSOE retruca que non había corta algunha nese caso, só plantación para un proxecto con balsa de incendios.

Campelo di que perderon axudas na época do PP na Xunta por non adiantaren os cartos.

Juan Alberto Diéguez (Inta) afirma que se o monte é dos de Arcos deben os de Arcos coidalo, a administración non vai facer todo.

Hector retruca cunha pergunta retórica sobre porque parcelou entón a administración en Laxe e porque noutros lugares as UXFOR avanzaron.

Medela (PP) di que a administración non pode facer todo e que as UXFOR seguen con outro nome as SOFOR.

Varela (Inta) di que en Arcos pasaría a SOFOR en todo caso que o problema tivo que ser outro.

A CUP di que aceita as propostas do PSOE, que todo o que sexa mellorar o texto orixinal, benvindo sexa, sobretodo se contribúe a suscitar un acordo. Falan de modelo de país e altura de miras alén do partidario. Explican que derogar unha lei non conduce a un baleiro legal, xa que pode derogarse pola aprobación dun novo e necesario marco legal. Retrúcanlle ao PP dicindo que na Mariña a pluviometría e a humidade non ten nada a ver con Ourense e que a fiscalía non ten unha soa evidencia da tese do terrorismo. Medela di que el non falou de terrorismo en nengún momento e que Por Chantada fai demagoxia. Fente contesta que para demagoxia Feijoo na oposición acusando ao goberno daquela altura de que co PP non morría xente nos incendios, polo que no PP estarían mellor caliños. O de Santa Cruz o que evidencia é un fracaso da administración e agora dise que o Goberno non pode ordenar o monte, mais desde o século XIX quen inseriu un modelo concreto de florestación e xestión do monte foi quen é. En canto a Galiza ten o maior índice de medre da biomasa forestal non facemos silvicultura de calidade nen transformamos a madeira explorando a cadea de valor senón que exportamos madeira barata cun altísimo custe ambiental e social como nas boas e mansas colonias. Tamén se explica que as UXFOR en canto agrupamentos de terreos, agora denominadas SOFOR, tiveron un alcance e potencial que o PP dinamitou, como aconteceu co Bantegal, e volveu ao modelo das brigadas municipais por puro clientelismo político. As SOFOR en hectares e actuacións ficaron a anos luz, non foi mudar o nome senón virar 360º no modelo de xestión territorial e agrupamento de terreos, xa que agora non se busca rédito e potencial para o pequeno proprietario, mas ao servizo das grandes empresas da celulosa ou da madeira onde logo se xubilan os políticos nos Consellos de administración.

Varela solicita cortar o debate e proceder a votar.

Votación da emenda e da moción, por esta orde:

A FAVOR: 4 (CUP e PSOE)         EN CONTRA: 8 (Inta e PP).

A favor: 1 (CUP) Abstención: 3 (PSOE) En contra: 8 (Inta e PP).

 8.- Mocións e asuntos de urxencia.

Non se produciron.

9.- Dación de contas de resolucións da alcaldía.

10.- Reparos intervención 136, 137, 139, 139 e 140.

11.- Plano de axuste 3º T 2017.

12.- PMP 3ºT 2017.

13.- Informe morosidade 3º T 2017.

14.- Execución trimestral 3º T 2017.

15.- ROGOS E PERGUNTAS.

15.1.- Rogos e perguntas PSOE.

15.1.1.- Reparos da intervención. Un clásico en todos os plenos. Falan das responsabilidades na administración pública. Reparos sobre contratacións, de carácter estrutural. Xa falamos do persoal das piscinas e dos monitroes e non comprenden como non se xustifica e como non se subsana o que di a intervención. Nóminas debería ser o persoal do Concello, falta RTP… Débito directo… Buscar a maneira de evitar estes reparos. Hai novidades canto á RTP? Que medidas se van tomar para evitar estes reparos? Varela di que o señor Maxi dixolle que se porán con iso na Deputación a partir do 1 de decembro que Raquel xa o debería saber. Sen RTP é imposíbel facer nada e se fala con alcaldes do PSOE verá como depende dos servizos da intervención que haxa reparos e que, se non os erguese, perxudícase a toda a administración. Ao mellor tiña que facelo para que quen repara non o faga ao non cobrar a final de mes. O alcalde xógase o pescozo todos os días. Raquel di se o da xestoría tamén entre nesa casuística que comenta… Varela di que se podería licitar. Comunica que aínda no día do Pleno recibiu unha factura de AFA Chantada polos servizos de SAF, iso era inaprazábel e había que contratar unha empresa. Seguen aínda traballando 4-5 persoas. Gostaría de saber como resolvería o PSOE esa cuestión. Raquel insiste que aínda comprendendo ao alcalde o que faltan son informes que non hai excusa para non facelos. Varela retruca dicindo que da actual interventora só pode pór adxectivos calificativos (sic.), mais da anterior prefire non falar e se ten que ir ao xulgado irá encantado e falará alí todo o que ten que falar a ver que pasa. Raquel pide que se estuden solucións. Varela di que como lle dicía Medela antes a Antom, vostede que faría? López indícalle que facer o informe tal e como piden os inforems da interventora. Varela di que o departamento que lle corresponde facelo é quen ao mellor non o fai e que iso non o di o PSOE.

15.1.2.- Perguntas CUP. Que conste en acta por terceira vez que non se remetiton. Diego Otero di que nas primeiras houbera un problema co enderezo electrónico en secretaría. Enviáronse hoxe, aínda esta mañá as respostas.

15.1.3.- Modificación de crédito. Critica que haxa ausencia de crédito e teña que recorrerse a isto por falta de PO cun orzamento aprobado hai un par de meses. Falta de previsión. Varela di que son cousas que acontecen, non se dá axustado tanto, nen previsto axudas e gastos que sobreveñen.

15.1.4.- Estado do río e da maleza do mesmo. Pergunta sen responder do pleno anterior. Varela explica que este ano a Confederación non vai limpar o río. O tramo da Ponte ao Sangoñedo onde deran permiso está en perfeito estado. Teñen que facer un azude [presa con exclusas e canais en orixe traída polos árabes] de 22.000€ para que suban as troitas e solicitar o abastecemento de auga para Chantada que leva daquela maneira desde época inmemorial. hai organismos que funcionan mal, non deixan facer, mais tampouco fan. Castor engade que o ano pasado a limpeza foi manual, con desbrozadora de mao, e logo accederon a tirar a sedimentación por risco para unha casa. Entón ese tipo de limpeza non serve sen tirar a sedimentación.

15.1.5.- Solicitude de informe por parte dos grupos da oposición pola xestión e venda da auga. Segue sen resposta. Varela di que a secretaria está de baixa polo que ese tema está parado. Raquel di se hai constancia de que se cargue auga a día de hoxe. Varela di que non lles consta , senón saberíao, non tocan a traída de Chantada e se o fixeran tería coñecemento o Concello e a local e tería que ser para algunha empresa local. Desde Viaqua lembráronlle contodo que o Asma e o río non é competencia do Concello, se teñen permiso da Confederación poden vender auga... Raque di que por iso é importante o informe. Varela retruca que se callar quen o ten que facer tamén ten que ir informarse primeiro.

15.1.6.- Casco histórico, empresas e alegacións PXOM. Varela di que debería xa saber, porque saiu na imprensa, que EPTISA, agora de propriedade chinesa, devolve os máis de 20 planos xerais que tiñan. Teñen que facer unha nova concesión. No Concello non teñen toda a documentación polo que primeiro terán que pedirlla a EPTISA e remitirlla á nova empresa. Non se atreve a facer unha previsión de tempo e hai discrepancias sobre se se pode adxudicar mediante contrato menor ou se hai que ir a unha concesión pública.

15.1.7.- Bases axudas transporte. Castor di que queren falar cos voceiros e xa estánmáis ou menos confeccionadas. O alcalde di que dá fe, que os viu traballando mesmo de noite. Castor di que traballou máis Susana Martínez. Susana di que a autorización da Xunta da Galiza aínda non chegou, sendo necesaria ao ser unha competencia impropria dos entes locais.

15.1.8.- Problemas de tráfico. Nos Castro camiños e no Mánix e á altura do polbeiro especialmente. É a terceira vez que o din e o paso de peóns do útimo tramo segue aí. O ano pasado en pleno falouse tamén de transporte de mercadorías da castaña que causa problemas e díxose que non ía volver pasar, mais este ano estamos na mesma. Varela indica que a policía local fixo xestións e Castor di que foi máis ben cousas de persoas individuais. Varela di que non poder ser o das castañas en plena vila que teñen que facer como os das uvas e iren para o mercado gandeiro. A xente dá pena.

15.1.9.- Procedemento xudicial 523/2017. Agradece a remisión da documentación do pleno ao seu enderezo electrónico, xa que non daba entrado no Xestiona. López di que hai un decreto que fala do Procedemento xudicial 523/2017 e pergunta en que consiste. Castor di que no roubo do Ponto Limpo, que xa vai de segunda.

15.2.- Rogos e perguntas PP.

15.2.1.- Parte de control da xestión. Ao outro pleno viñeron os reparos 26/2017 a 32/2017 e hoxe comezamos no 37/2017. Susana explica que foron ao pleno dous que xa non veñen no SC: o 133 e o 134/2017. Medela di que aínda así faltan o 135 e o 136. Susana di que se mandarán no próximo pleno entón. Di que desde o 22/08/2017 non hai actas da XGL. Varela di que a eles si lles chegan coa convocatoria da XGL.

15.2.2.- Polígono. Pergúntase se a limpeza é con cargo e conta da Deputación de Lugo. Varela di que fixo unha xestión na Deputación do mes de agosto e xa está o desbroce agora feito. A iluminación que falta xa llo dixeron tamén a el industriais.

15.2.3.- Rexistro cans de animais perigosos. Manuel Diéguez di que desde 2005-2006 existe. O PP pergunta polo lector. Castor di que a policía local ten un detector. Varela di que non estaría mal ter un censo de cans. Castor di que no medio rural moitos non teñen chip. Varela di que cómpre peinar todo o Concello e Manuel Diéguez di que sería mellor facer unha campaña de sensibilización.

15.2.4.- Vandalismo: parque Eloísa Ribadulla nas casteas dos polbeiros. Castor explica que iso xa foi na véspera da Feira do Viño deste 2017.

15.2.5.- Desbroce de pistas. Acaba de adxudicar en 2ª adxudicación, ao quedar a primeira deserta, e aprobouse aínda onte despois dun sorteo ao haber un empate porque as empresas póñense de acordo.

15.2.6.- Ausencia secretaria. O alcalde di que José Ángel Cores traballa 24 horas e que descoñece o problema que ten a secretaria titular, de baixa. Susana aclara que evidentemente a baixa é médica ante as perguntas reiteradas de Medela.

15.2.7.- Adxudicación PEP e PXOM. Varela di que si, que se adxudicará novamente como xa explicou.

 

15.3.- Rogos e perguntas CUP.

15.3.1.-  As perguntas da pasada sesión plenaria non se contestaron. Xa se está convertendo en costume, ao que se une que non se enviaron as actas das XGL polo que se está incumprindo lexislación básica. Comprendendo a situación de interinidade da secretaría solicitan que se remitan en canto sexa posíbel.

15.3.2. PMP 3ºT 2017 e 13.- Informe morosidade 3º T 2017. Os dados do PMP volven ser terríbeis e as cifras de débedas a pequenos provedores, tanto do visto cuantitativo canto do cualitativo, son estremecedoras. Canto aos pagos realizados en prazo só se fixeron 14 (9.761’44€) e fóra de prazo 352 por un importe de 458.423’97€. E no tocante aos pendentes de pago fóra do período legal están xa 147 operacións por valor de 202.370’70€ e no caso dos materiais, subministros e obras falamos de 134 días de media para pagar as facturas. Varela di que chamaron dunha empresa das papeleiras, servíranse en febreiro e pagáronse hoxe. Trabucáronse nos servizos económicos, fora autorizado xa por Cristina e había crédito e agora parecía que non. Por veces, hai problemas deste tipo.

15.3.3.- Acolleuse o Concello á Orde do 2 de marzo de 2017 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións aos concellos galegos para a creación de espazos activos de emprendemento comercial no medio rural, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017? Varela di que non sabe.

15.3.4.- Comunicaron ás entidades cívicas e asociacións que receben subvencións nominativas que, na vixencia do orzamento de 2017, os antecipos apenas poderán ser de 40% conforme vén de rectificar o proprio Concello a instancias dun Recurso de reposición apresentado polo noso grupo? Están xustificando ao 100%. Susana aclara que non se notificou nada e recoñece que o dos antecipos do 100% está mal porque como di a CUP prevalece a base de execución sobre os convenios.

15.3.5.- Mámoas no monte da Cabeza do Faro. Desde a CUP denunciamos, perante a autoridade competente, a ilegal roturación da contorna das tres mámoas que conforman a necrópole do Monte da Cabeza. Un patrimonio con milleiros de anos de historia e de valor totalmente incalculábel que testemuña o valor simbólico-relixioso do Faro desde tempos inmemoriais.
Na súa maior parte as mámoas, sinalizadas con grandes cartaces por Enerfín cando a construción dos muíños de vento, encóntrase dentro dos límites do Concello de Chantada. Pola súa parte, o alcalde de Rodeiro anunciou que adoptaron medidas e informarán á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta da Galiza onde están catalogadas coas referencias GA36047074 (Monte Cabeza 1), GA36047075 (Monte Cabeza 2) e GA36047076 (Monte Cabeza 3).

Varela di que pensaban que eran todas de Rodeiro… Desde a CUP rógase que tomen inmediatamente medidas e Varela di que si, que así o farán.

15.3.6.- Adegas denunciadas pola APLU. Que xestións se desenvolveron ou se ten previsto desenvolver en relación coa moción apresentada conxuntamente por Inta, PSOE e PP en relación coas adegas denunciadas pola APLU? Varela descoñece que non fixo nada estritamente nese sentido, mais que tiveron varias reunións polo tema da declaración BIC da Ribeira Sacra e que aí van ir todas as adegas que teñan a parecela e a dimensión axeitadas… naturalmente haberá algunhas que non son viábeis e anuncia que con algunha vai haber problemas.

15.3.7.- Ordenanza. Rogamos que se desenvolva unha ordenanza de convivencia e tenza de animais que ampare legalmente as zonas de solta de cans e mellore a convivencia veciñal e a limpeza dos espazos públicos. Varela di que hai un canil. Chamaron o outro día que hai xente con problemas coas mascotas.

15.3.8.-  Teatro.  A canto ascendeu a achega do Concello á mostra de teatro Maruxa Villanueva no 2016? E no 2017? Diéguez di que 2.500€ cada ano. Fente di que non figura nas subvencións nominativas nen consta convenio, se se dá mediante o abono do facturas. Diéguez di que é con factura igual que a mostra de cinema.

9.- Criterios adquisición de libros [Decreto 439/2017 de 29/09/2017]? O alcalde di que é cousa da encarregada da biblioteca baseándose nas peticións e nas bases que impón a Xunta.

Resumo do pleno 11/09/2017

 

Foi o pleno máis concorrido da lexislatura. Cabo da secretaria, da interventora, do funcionario Segundo Navaza e dos trece concelleiros asistiron 16 persoas e dous xornalistas de Televinte. Un dos asistentes era aínda un bebé e puxo de manifesto o inaxeitado do salón de plenos pola falta total de accesibilidade. De seguido, a crónica completa para todos os asuntos tratados no pleno.

Seguir lendo

Comunicado de Por Chantada sobre o PEP

Para o pleno do 8 de maio rexistramos por escrito a solicitude de aclaracións sobre o PEP (Plano de Especial Protección do Casco Histórico de Chantada) demandando novamente que se volvese a súa aprobación inicial dadas as numerosas irregularidades detectadas na súa deficiente tramitación entre abril de 2015 e febreiro de 2017. Esta deficiencias consistiron en que se ocultou documentación aos concelleiros da oposición no pleno de abril de 2014 ou que non se notificou o acordo aos proprietarios até decembro de 2016, ou sexa fóra de calquera prazo razoábel após a aprobación inicial.
 
No pleno ordinario de marzo o proprio Manuel Varela dixo o seguinte, así o recolle a acta (páxina 60):
É mellor tramitalo de novo. É un erro. Non hai ningunha ilegalidade e tampouco intención de ocultarlle información, contamos que sexa a primeiros de abril, xa me puxen en contacto co redactor do proxecto e virán a Chantada se fai falta.
No entanto, dous meses depois Inta non só pospón a cuestión até aprobar o orzamento de 2017, senón que tenta descargar na empresa #EPTISA a responsabilidade de non querer volver facer a aprobación inicial para gañar tempo. 
 
É máis, en declaracións a Televinte Chantada o acalde de Chantada restoulle importancia ás pegas ao proxecto de aparcadoiro, defendéndoo coa falaz coartada da peonalización e sabendo que o PEP cos erros na súa tramitación actual non resistiría un contencioso, para alén de que se coartou totalmente a participación cidadá e non se tivo en conta a opinión dos viciños.
 
Pois ben, desde a CUP, acreditamos que a mellor ferramenta é dar información á cidadanía e que xulgue por ela mesma. E dado que unha imaxe vale máis que mil palabras deixámosvos a mostra da dimensión e do impacto que ten o proxecto de aparcadoiro (a área marcada como UI-1). Como se ve ocupa toda a ribeira do Asma desde onde o Casco Histórico oferece precisamente as mellores vistas, nunha área de alto valor paisaxístico e ecolóxico e que acreditamos que debería ser unha zona verde ou hortas urbanas.
 
A grande pergunta é… hai algo que non se nos está contanto? Que novidade houbo nos dous últimos meses para este pinchacarneiro de Manuel Varela? Imos permitir que uns poucos que levan facendo e desfacendo 20 anos en Chantada arrasen valores patrimoniais, medioambientais e turísticos como xa aconteceu antes coa praza de Santa Ana, coa Torre de Vilar de Eiriz, con Xoan XXIII, etc.?
Só a presión popular obrigará a que se volva a tramitar inicialmente o PEP e a obrigar a Inta a retirar o esperpéntico proxecto de aparcadoiro. É a hora de defender desde o sentido común o noso futuro!

#SomosAlternativa #CUPChantada

Crónica do pleno ordinario do 08/05/2017

 

O pleno comezou ás 20:08 horas coa presenza dos 13 concelleiros do Pleno mais a secretaria e a interventora municipais. Foi un pleno bronco onde se evidenciou máis unha vez a total falta de repeito pola lei e polo debate democrático por parte de Inta, quen leva meses baleirando o pleno de calquera contido en canto o Concello segue sen iniciativa e na parálise.

Seguir lendo