[PLENOS] Crónica do pleno ordinario de xaneiro de 2017

cartaz-vivir-e-producir-pchcup

O pleno ordinario de xaneiro comezou ás 20 horas, segundo o previsto, incorporándose o concelleiro Manuel Javier Goyanes (PP) no ponto 3. Non asistiu a interventora, supostamente por non existiren “asuntos económicos”, o cal non se axusta, como se verá, á realidade.

No tocante ao público, apenas entre 3 e 5 persoas, no entanto un dos mellores dados de asistencia da lexislatura por triste que sexa. Non houbo presenza da imprensa e só un grupo, Por Chantada-CUP levou propostas ao pleno (3 mocións). O grupo de Goberno non foi capaz de pór na orde do día un só asunto.

Seguir lendo

Moción para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada, Carballedo e Taboada

Consulta en pdf a nosa Moción para impulsar un proceso de fusión entre as entidades locais de Chantada

 

@CUPChantada #SomosAlternativa

Vídeos de Televinte sobre o pleno ordinario do 18 de xaneiro de 2016

2.- Debate sobre o Orzamento 2016

O portavoz de Por Chantada explicou en Televinte o voto contrario ao‪#‎Orzamento‬, un dos puntos do pasado pleno ordinario. Se o desexares, podes ler as intervencións plenarias sobre esta asunto aquí: I.- O orzamento da resaca…da borracheira electoral e II.-Intervención II sobre o orzamento da resaca

4.- Debate sobre a dedicación exclusiva

Neste punto, desde Por Chantada-CUP, temos que valorar a suba do soldo do alcalde, como se dun funcionario se tratase, conxuntamente coa creación dunha dedicación de 4 horas diarias para un concelleiro que nin sequera ostenta ningunha tenencia de alcaldía e que vai percibir 1.500€ mensuais por 4 horas de traballo en canto a mocidade local vive a realidade do desemprego e da precaridade percibindo menos de 600€ no mellor dos casos, cando non facendo as maletas e emigrando.

5.- Expediente de modificación de crédito: suplemento de crédito 1/2016

Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada afirmamos que se traen a pleno facturas por valor de 631.486’97€, das cales só había no orzamento de 2015 dotación orzamentar para 120.840’40€. Porén, resulta que se gastaron 510.646’57€ (P.O. 450.610.00 Arranxo camiños municipais), non previstos, e que se pretenden aprobar vencido xa o exercicio 2015.

7.- Plano estratéxico de subvencións do concello de Chantada período 2016-2017

Desde Por Chantada emitimos un voto contrario ao Plano estratéxico de subvencións após pedir a súa retirada para elaboralo participadamente e contar co tecido social da vila do Asma. INTA votou en contra de deixalo sobre a mesa en canto a CUP e o PSOE votamos a favor.
Na segunda votación, xa sobre a proposta orixinal de INTA, emitimos un voto contrario por ser un documento feito ás carreiras, sobre os prazos e sen contido real nin co rigor que require un Plano de calquera tipo.

8.- Modificación das medidas do Plano de axuste aprobado como consecuencia da operación de endebedamento derivada do RD/Lei 4/2012

Un dos puntos do pasado pleno foi a modificación do plano de axuste. Aproveitamos o punto para criticar o plano de axuste a nivel macro (como parte dunha estratexia de facernos pagar vía impostos o rescate encuberto ao Estado español para pagar as inxeccións de capital a cambio de nada aos bancos e especuladores) e a nivel micro (cun desenvolvemento moi desigual do acordado e que se centrou na creación de taxas e subos de impostos de natureza regresiva -obviando a aplicación desa mesma “austeridade” na propia administración e sen a transparencia axeitada na contratación, etc.-). Por estas razóns, nin apoiariamos o plano de axuste tal e como se elaborou no seu momento (sen coñecer tan sequera a taxa de xuro que ía pagar o concello) nin tampouco calquera modificación.

Tampouco se pode vender como un logro saír dun plano de axuste cando quen nos meteu nel (o que supón devolver máis de 3.000.000€) foron as políticas desenvolvidas por Manuel Varela na súa etapa no PP, responsábeis de xerar un volume de débeda que lastrou as contas do concello.

A explicación é sinxela: cando deixou o concello, após 11 anos desde 1996 cando chegou a alcadía mediante moción de censura, a débeda ascendía a 6.900.000€ con 3.427.365€ en facturas pendentes de pago. Ao cabo, esa situación foi a que “obrigou” a recorrer a un plano de axuste, toda vez que 4 anos despois -cando con INTA regresa á alcaldía- as facturas pendentes de pago ascenden a 1.636.872€ das que 938.596€ son aínda da etapa de Varela no PP tal e como reflexa a acta en que se aproba o Plano de axuste ao que vota favorabelmente o propio Varela sen pór reparo algún a estes datos.

13.- Moción do Grupo Municipal por Chantada-CUP para que o Goberno Municipal comapreza en sesión plenaria extraordinaria e monotemática para explicar porque non se seguiu o mantemento do edificio da casa da música conforme o disposto no libro do edificio

16.- Rogos e preguntas

16.1.- PSOE

16.2.- PP e Por Chantada-CUP

Resumo da sesión ordinaria municipal do 9 de novembro de 2015

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pleno do día 9 de novembro, o último ordinario deste 2015, contou cunha asistencia de público máis nutrida do habitual e mesmo dúas das persoas asistentes demandaron poder intervir nalgún momento do pleno, o cal lles foi denegado (Chantada non conta cun regulamento de participación veciñal que nos pedimos mediante unha moción). Foi tamén o primeiro pleno que contou coa presenza dun membro da policia local na porta do local da sesión plenaria (na casa da cultura). A continuación desglosamos o contido do pleno que comezou ás 20 horas.

1.- Actas anteriores correspondentes ás sesións do 15 (ordinaria) e do 29 (extraordinaria) de setembro de 2015

Acta do pleno do 15 de setembro de 2015 1ª parte

Acta do pleno do 15 de setembro de 2015 2ªparte

Acta pleno extraordinario do 29 de setembro de 2015

A voceira do PSOE, Raquel, sinalou algún aspecto das súas intervencións que non fora recollida ben na acta. Desde a candidatura de unidade popular (CUP) tamén asinalamos algunhas cuestións, pois aínda recoñecendo a dificultade de tomar as correspondentes notas hai que velar que cando se sintetiza non se deturpe o sentido do que se di, por exemplo:

– Páxina 29: dise que en boca do alcalde que «participamos nas manifestacións de Santiago e de Chantada», cando no debate quedou claro que non participaran de todas as manifestacións. Moito menos da última de Compostela na que o portavoz da estiven presente e non asistiu á mesma ningún membro do Goberno (si se fretaron autocarros). Tampouco da de Lugo. Polo que, se mal non lembro, o Goberno só participou da manifestación feita en Chantada e convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e na primeira que se fixo en Compostela, após un debate plenario no que o alcalde hesitaba se ir ou non por mor das súas vacacións.

O secretario contesta que interpretou que tal e como se recolle non está mal. De todos os xeitos o alcalde acepta a corrección da acta.

– Páxina 34: na pregunta número 16 hai unha cuestión sobre unha reunión de todos os grupos políticos, agás o noso, con Amancio López Seijas. Na acta recóllese incorrectamente o nome de “Amando”. José María Baños Campo, o secretario, di que xa correxiu o erro.

– Páxina 35: Figura na resposta á nosa pregunta sobre a colabroación co Banco de Alimentos unha referencia a “Augas de Galicia”, como unha das institucións coas que se colabora cando debera pór “Amigos de Galicia” (que dito sexa de paso é unha entidade encabezada por Luís Rial próximo a Feijoo e que, por certo, ten unha causa xudicial pendente en Vilagarcía de Arousa).

Na acta 29 de setembro na páxina 3 ponse en boca do interventor, José Ferreiro, que «xa non hai gastos médicos». Evidentemente non pudo dicir iso, xa que ten que ser plenamente consciente polo seu traballo que hai numerosas facturas correspondentes por ese concepto que aparece igualmente no informe da intervención sobre o seguimento do plano de axuste. É máis, na documentación plenaria de novembro hai facturas de medicamentos (76€) e gastos médicos de Adeslas. De feito no 3º trimestre de 2015 a sanidade privada para algúns funcionarios representa un volume de gasto de 17.446,85€ fronte os 14.345€ do ano 2014. O secretario indica que por “gastos médicos” se fai referencia a próteses e cuestións que non cubre a Seguridade Social e das que, voluntariamente, se facía cargo o concello no caso dalgúns funcionarios. Aceptamos a explicación aínda indicando as facturas xa referidas, aspecto que asevera tamén Javier Medela (PP).

Apróbanse por unanimidade.

2.- Fraccionamento do prazo de reintegro do saldo debedor da liquidación definitiva da participación en tributos do estado do ano 2013

Documentación en pdf: FRACCIONAMENTO LIQUIDACIÓN PTE 2013

Xa no ano 2008 e 2009 a mingua dos caudais públicos do Estado produciu fenómenos semellantes pola crise do sistema-mundo capitalista. Agora acontece o mesmo fenómeno no ano 2013 tendo que reintegrar 91.568,74€. O Goberno acóllese ao Decreto 237/2015 de 30 de outubro de 2015 o Goberno solicita o fraccionamento en dez anos, resultando 120 pagos para o concello de 763’07€ ao mes.
Desde Por Chantada indicamos que, en primeiro lugar, hai que chamar a atención de que se recorreu ao Decreto antes de pasar ao pleno porque non se tivo en conta até a última hora que o prazo remataba o día 1 de novembro. Xa é un clásico neste concello andar sobre das datas e calquera día imos levar un desgusto.

En segundo lugar, é cando menos rebatíbel a conveniencia de estabelecer un prazo de dez anos e non de 4 que é o que vai durar a súa lexislatura, aínda que neste caso ao estar exento de xuros e ser unha cantidade relativamente modesta non supoña unha grande desviación de crédito.
En consecuencia, e dado que se trata dun pago que soborda a actual lexislatura e que o noso voto non é decisivo para que o acordo saia adiante decidimos absternos: pola falta de previsión nos tempos que impediu que esta cuestión puidese tratarse con máis detemento, existindo outras posibilidades como pagar 30.522,91€ durante 3 anualidades (art. 72 da Lei de Orzamentos Xerais do Estado).

Apróbase con 12 votos a favor de INTA, PSOE e PP. A CUP abstense (1).

3.- Determinación de espazos de maior afluencia turística a efectos das subvencións convodacadas polo consorcio de turismo Ribeira Sacra en materia de uniformidade das terrazas

ESPAZOS TURÍSTICOS TERRAZAS

Neste punto desde a CUP quixemos salientar que a convocatoria de axudas saíu o día 21 de setembro no BOP, sendo preceptivo a publicación por parte do concello dos espazos que se poden acoller a estas axudas.

O día 22 de setembro envíamoslle unha solicitude a este Goberno informando das susoditas axudas e, entre outras cousas, propondo axudas complementarías para o conxunto da hostalaría e unha reunión co sector.

Con todo, esa reunión non se produciu até a última semana de outubro, ou sexa un mes despois, e a aprobación dos espazos non se deu até o 9 de novembro rematando o día 15 de novembro o prazo. Como xa dixemos no anterior punto, estase sempre bordeando os límites nos prazos e se se xoga con lume hai altas probabilidades de queimarse.
Aínda que na comisión se nos dixo que non era preceptivo o punto 4º da Convocatoria para a concesión de subvencións en materia de uniformidade das terrazas do destino turístico Ribeira Sacra, ano 2015 non deixa lugar a dúbidas. Cito textualmente: «Os espazos de maior afluencia turística serán determinados por cada Concello e incorporados a ordenanza reguladora segundo acordo plenario de data 06 de agosto de 2015. Os interesados terán que facer consulta ao respecto nas dependencias municipais e solicitar o informe que acredita como local ubicado en punto de afluencia turística». Por outras palabras, até o martes 10 non se poderá emitir ningún estes informes e o día 15 remata o prazo. Non é serio cando avisamos hai máis dun mes, o 22 de setembro.
Logo, na comisión preguntamos sobre os criterios para determinar as zonas de afluencia turística. A contestación foi parca e non nos quedou nada claro cales foron eses criterios alén do camiño de inverno. No entanto, o camiño de inverno non pasa só por Belesar nin é Belesar a zona de maior afluencia turística no rural, cando menos a parte que é de Chantada. En relación con outro punto deste pleno hai numerosos monumentos románicos e parroquias con estabelecementos hosteleiros que se poderían ter incluído e até outras zonas da vila como a Costaña e os catro camiños.
Entón, volvemos á improvisación e non vemos rigor nin criterios claros á hora de tomar decisións. Hai un problema engadido volvendo ao punto 4º. Nel recóllese que os estabelecementos para acollerse deben ter licenza urbanística e licenza para uso do espazo público destinado a terraza e «regulado por odenanza municipal»… u-la ordenanza municipal? Até onde nós sabemos non existe.
En consonancia con esta harmonización turística tamén estaría ben apostar por placas artísticas como as que hai en Ourense, con explicación da denominación e primando as denominacións tradicionais do noso rueiro, cando menos no casco histórico.
Como tampouco se respondeu a nosa solicitude e, en virtude do exposto, imos absternos en sinal de protesta, xa que o noso voto non é decisivo para que o acordo saia adiante e instamos ao Goberno a ter maior diálogo nestas cuestións e a preparar unha ordenanza reguladora das terrazas.

Manuel Varela indicou, por súa parte, que o camiño de inverno coincide co casco antigo no caso de Chantada, non así noutros núcleos da Ribeira Sacra. Fóra de Belesar no camiño só está a de Penasillás e como moito Limiñón perto. Se o ano que vén sae a axuda de 200.000€ que prometeu a Xunta pódense ampliar os espazos.

Aprobouse por 12 votos a favor (INTA, PSOE e PP) e 1 abstención (CUP).
4.- Ordenanza reguladora das axudas á rehabilitación da vivenda

Ordenanza: S45C-215110511480
Neste punto, o secretario indicou na comisión que hai que facer fincapé en que é unha ordenanza-marco para as convocatorias ao abeiro da normativa de subvención que proceda realizar para o fomento do alugueiro de vivendas, a rehabilitación e a rexeneración urbana, cofinanciado polo Ministerio de Fomento, os particulares e o concello a través do persoal (o gasto no persoal correspondente xa contratado, como o arquitecto).

Desde Por Chantada-CUP gustaríanos coñecer a que se deben certas mudanzas que se fixeron a raíz da ordenanza anterior, mais imos apoiala. O PSOE indicou que se sacaron os criterios de renda e o realoxo durante as obras. INTA indicou que había que adoptalo á normativa de Fomento, cousa que fixo o arquitecto municipal [que non asistiu nin a comisión nin ao pleno e xa non é a primeira vez que isto acontece en asuntos da súa competencia]. O realoxo contémplase, mais só nalgúns supostos de falta de medios. Raquel retrucou que non apare e que o fai na ordenanza-tipo proposta desde a Federación Española de Municipios [nós tampouco detectamos a a referencia ao realoxo na ordenanza. De todos os xeitos, agora pasa 1 mes á exposición pública e pode enmendarse.

Apróbase por unanimidade.
5.- Iniciación de expediente para declarar o mosterio e claustro de San Salvador de Asma (Convento), Ben de Interese Cultural (BIC)

S45C-215110511450
O acordo, segundo o artigo 91 da Lei/1995, é para que a Consellaría de Cultura actúe tendo a obriga de contestar, segundo o disposto no DOG do 8 de novembro de 1995, tal e como explicou o secretario na comisión informativa correspondente en que este asunto foi ditaminado por unanimidade.
Nós mantemos o voto favorábel, mais pensamos que xa hai tempo que se tiñan que ter intentado tomar medidas contra o propietario de Rodeiro, xa que é propiedade privada desde a desamortización coa que o liberalismo favoreceu os grandes capitais no século XIX, como as privatización dos noventa favoreceron as grandes multinacionais e como o ultraliberalismo dos nosos dáis favorece ao grande capital.
Sen desmerecer o “informe” de José Méndez Pérez trátase dun estudo ou compendio de informacións, algunha por duplicado como as igrexas dependentes, e non dun informe stritu senso que se acolla ao que se demanda desde as institucións nestes casos. Con todo, sendo unha iniciativa de numerosas asociacións e máis que necesaria non podemos senón apoiala e, cando menos, con este acordo unánime gañamos tempo e esperamos poder conseguir esta declaración.
Finalmente, instamos ao Goberno a adoptar medidas xa no 2016 para a posta en valor, protección e restauración do tesouro románico do noso concello. Temos que ser consciente que eran fundamentalmente os feligreses quen mantiñan o patrimonio eclesiástico e que a realidade demográfica ameaza xa no presente, mais aínda máis no futuro a conservación deste legado de incalculábel valor. Aproveitando a Ribeira Sacra e talvez promovendo a mancomunidade con outros concellos hai que estudar as fórmulas para actuar neste terreo no que é incríbel que aínda ningún goberno dese pasos firmes.

Javier Medela (PP) indicou que se pode asesorar desde a Dirección xeral de patrimonio para o expediente. Roga que o concello tutele o expediente e en 3-6 meses informe da marcha do mesmo. Raquel (PSOE) se se pode axudar xa a mellorar a memoria desde o concello facelo. Varela (INTA) di que o Patrimonio da Humanidade pode ter indicencia nestas cousas. No 1997 ou no 98 contactarase co propietario que desastrou o mosteiro. Descoidamos este tipo de cousas. De fai vinte anos e pico para aquí o pequeno POS [Plano de Obras e Servizos da Deputación] na reparación de igrexas, por exemplo Centulle ou Pesqueiras, que conta cun valor superior aínda ao do mosteiro. O alcalde tamén reprochou á Igrexa  a falta de axilidade á hora de conservar o seu patrimonio. Van tomar cartas no asunto.

Aprobado por unanimidade.
6.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que Chantada se declare como concello libre de circo con animais

Para leres a moción preme aquí ou descárgaa aquí: MOCIÓN PCh-CUP CONCELLO LIBRE CIRCO ANIMAIS.

O portavoz da CUP le a exposción de motivos da moción, así como o acordo proposto.

Javier Medela (PP) di que calquera espectáculo é positivo e que existen leis estatais, autonómicas e se existe ordenanza en Chantada aplicala. Raquel (PSOE) apoia a moción e resalta o punto 2 do acordo da moción de Por Chantada. Varela (INTA) indica que se está facendo exame veterinario e que teñen que traer unha certificación. En todo caso, desde o concello pode facerse outra certificación. Desde os colexios fanse viaxes a Marcelle e os circos dan espectáculo e teñen unha función educativa para ver como viven os animais. O respecto polos animais debe ser o máximo e vixiar os circos. O PSOE retruca dicindo que é desafortunado falar de Marcelle e que é distinto iso das grazas que fan os animais, aprendendo eses condicionamentos dun xeito non exento de violencia. Raquel redunda no dito na comisión sobre a repulsa que lle produce o maltrato animal e que unha sociedade valórase por como trata os animais. Varela (INTA) di que non fixo ningunha comparación e que respeta moito os animais, pois naceu entre eles e non lles gusta nin cando vía a alguén vareándoos. O portavoz da CUP pregunta se existe ordenanza e o alcalde di que non, que se pode facer.

A moción rexéitase cos votos a favor de Por Chantada-CUP e PSOE (4) e os votos en contra de INTA e PP (9).
7.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP relativa á declaración do concello de Chantada como zona Liber do Tratado Transatrlántico de Comercio e Inversións (TTIP)

A moción pode lerse premendo aquí ou descargarse en pdf aquí:  MOCIÓN PCh-CUP ZONA LIBRE TTIP.

O portavoz de Por Chantada-CUP le a exposición de motivos e os acordos. Na quenda de intervencións posterior Javier Medela (PP) indica que o seu partido vaise abster e que se fai unha lectura demagóxica do TTIP xa que liberalizar o comercio supón mellorar o comercio e xerar máis emprego. O PSOE, por súa vez, di que tiñan unha proposta sobre este tema. No entanto, este acordo escásenos a todos nós, ou cando menos a ela. A propia Lidia Senra di que non coñece este tratado e hai partes que non pode revelar. O debate deste calibre escápasenos das mans e é moi aventurado xulgalo desde Chantada. Non tempos potestade. O que o PSOE pide é transparencia. Por súa parte, INTA, di que Antón (CUP) traballa moito, mais que o Goberno actual do Estado está en “funcións” e ao pasar as eleccións do 20 de novembro pode facerse unha declaración institucional. Escápaselle das mans o TTIP e coidaba incialmente que era para conforntar o “xigante asiático”, polo que precisa ilustrase máis e pide deixalo para outra ocasión. Intervén Por Chantada advertindo novamente dos perigos do TTIP para a saúde humana, para a agricultura – especialmente para a pequena agricultura -, expón as consecuencias de tratados semellantes en Méxicos (as maquiladoras e o desenvolvemento xeográfico desigual). Retrúcase ao PP que se fora trigo limpo non se ocultaba. O sur de Europa e os seus pobos levarán a peor parte. O alcalde, Manuel Varela de INTA, indica que é certo que xa non hai millo do país, que aínda lle dicían o outro día que non había raíñas. Desde a CUP acúsase a Monsanto e outras multinancionais. INTA di que para o seguinte pleno ordinario esta cuestión queda sobre a mesa.

Rexeítase a moción co voto faborábel de Por Chantada-CUP (1), a abstención de PSOE e PP (5) e o voto contrario de INTA (7).
8.- Moción do Grupo Municipal Socialista sobre a elaboración de Ordenanza de reparto de alimentos

Raquel comeza mudando algunhas cousas do texto orixinal da exposición de motivos dado que suscitou rebumbio na comisión informativa, nomeadamente entre a concelleira de INTA Cándida Carnero e a propia portavoz do PSOE. Solicita que conste en acta que <<En ningún caso se ataca a ningún traballador do concello, sexa quen sexa, o que a moción quere refletir é que non se pode estar sen unha ordenanza>>. Logo a concelleira do PSOE pasa a ler os acordos da moción.

Desde Por Chantada explicamos que nos interesan tres cousas da moción para debater e tomar acordos. A primeira é que coincidimos na necesidade dunha ordenanza con criterios claros e que favorezan a inclusión do maior número de persoas que estean en situación de inclusión, algo que debería levar feito xa desde hai varias lexislaturas e que só podemos explicar por certo desleixo normativo dos sucesivos gobernos do noso concello. Non é prato de recibo ter que solicitar axuda e menos nun sitio tan pequeno como Chantada polo que canto menos burocracia e máis claras sexan as normas coidamos que mellor e máis eficientes seremos.
A segunda cuestión importante é o reforzo nos vindeiros orzamentos das políticas sociais. A situación de crise social e económica obríganos a replantexar as políticas sociais no seu conxunto, sendo preciso dotalas do maior grado de financiamento, transparencia e eficacia que nos sexa posíbel.
A terceira cuestión e que contactamos con diversas persoas nunha situación dramática: dietas por debaixo das 2.000 calorías diarias, pobreza enerxética… Desde logo, temos claro que se foramos goberno isto sería o primordial e urxente no que investir tempo, cartos e enerxía. Cando falamos das necesidades básicas para ter unha vida digna todo o demais é secundario.
De feito botamos en falta na moción que se inclúa un punto sobre esta cuestión, xa que non debería haber necesidade de excluír a ninguén senón ter medios para atender a toda a poboación necesitada, xa que non é só a falta de alimentos senón tamén as dietas pobres en elementos esenciais moito máis difíciles de detectar –en especial entre a poboación infantil–. Tendo en conta as altas taxas de persoas en risco de exclusión existentes na nosa comarca resulta evidente que nos vindeiros orzamentos haberá que pór o acento nestas cuestións e inserir enmendas neste sentido.
Lembrámoslle en varias ocasións que Chantada é o segundo concello do sur de Lugo que menos gasta en políticas sociais e dunha ocasión até se me contestou que ao mellor non facía falta gastar máis. A realidade é ben diferente e estes días puidemos comprobalo novamente, aínda que xa lle preguntaramos polo banco de alimentos no pasado pleno.
En resumo, dado que consideramos que a ordenanza é algo positivo e que apoiamos que sexa participada para partillar no posíbel o seu contido imos votar a favor da mesma desexando que neste tema transcendental traballemos todos na mesma dirección, debendo estudarse a posibilidade de crear un banco de alimentos propio ou un comedor social en dependencias municipais.

Desde o PP, Javier Medela, di que é precisa unha ordenanza ou regulamento. De feito, piden unha comisión cos grupos políticos para que haxa transparencia. Varela (INTA) afirma que houbo cousas que non lle gustaron. Parécelle ben o que dixo o portavoz do PP e van crear unhas bases reguladoras, porque a ordenanza por si mesma non vale para nada e nos orzamentos haberá que tentar facer un esforzo. Tamén reitera que en ningún caso o Goberno manipulou as listas e fanse cos criterios dos servizos sociais. Hai que estar empadroado e hai uns baremos de ingresos: se ten 1 membro e cobra RISGA non ten dereito, se ingresa menos de 398€ si. Con 2 membros 463€ ou con 11 membros 873€, o que lle parece unha cantidade cativa. Hai persoal do Goberno que fai os paquetes e conta unha anécdota de que estando Cándida Carnero preparando eses paquetes unha nena dunha voluntaria pediulle un paquete de galletas e mandou alguén ao Tropic comprarllo, para que se vexa como gardan escrupulosamente co seu cometido. Estas cousas aquí e saber de nomes [por unha persoa presente que non se lle deixou intervir con todo] non debería facerse.

Cándida di que hai criterios autonómicos e que as bases están practicamente feitas cando desde a CUP se subliña a necesidade de ter criterios claros e que se hai vontade política tanto teñen os criterios autonómicos, o que importan é dotar a nivel local da financiación precisa para antender as necesidades que temos. Desde o PSOE lamentan a demagoxia da anécdota do Tropic.

A moción é rexeitada cos votos favorábeis de Por Chantada, PSOE e PP (6) e o voto en contra de INTA (7).
9.- Moción do Grupo municipal Por Chantada-CUP para apoiar a marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro de 2015

Podes ler a moción premendo aquí ou descargala aquí en pdf: moción 7N
O secretario lembra que foi ditaminada favorabelmente por unanimidade na comisión. Por Chantada expón os motivos que levan a presentala e os acordos propostos. Indícase que é unha moción que foi adaptada a Chantada desde a proposta polo colectivo convocante da marcha e que en Chantada temos un plano de igualdade, o II Plano de Igualdade de oportunidades (2013-2017) cuxo grado de cumprimento é manifestamente mellorábel, pois non podemos permitirnos aprobar papeis só para a galería sen tradución concreta na realidade e cun seguimento a disposición do tecido asociativo co gallo de subsanar erros e mellorar futuras iniciativas.

Varela (INTA) di que está tristemente de actualidade a moción e que <<aínda hoxe se deron 4 casos>>. Cándida Carnero expón que a faixa se pon se todos os anos.

A moción apróbase por unanimidade.
10.- Moción do PP en defensa CC.AA e a Constitución do 78

Se desexas ler a moción do PP podes descargala en pdf aquí: MOCION EN DEFENSA DO ESTADO DAS AUTONOMIAS

Comeza lendo a moción e os acordos o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular Javier Medela.

A continuación toma a palabra do portavoz de Por Chantada-CUP para referirse a que “nacionalidade histórica” é un oxímoron, pois se Galiza é unha nación ao longo da historia ségueo sendo na actualidade e, xa que logo, non se pode falar dun único suxeito nacional no Estado español. E logo engade: <<A moción está incompleta, falta falar de solucións diplomáticas made in PP. Por exemplo, podiamos engadir unha enmenda para propor a Baltar de embaixador a ver se así a cambio de traballo os cataláns baixaban as bragas ou enviar a Candia e a Martínez a parlamentar nalgunha gasolineira da francha de Aragón. Incluso podiamos propor a Bárcenas, a Correa, a Fabra ou a Rajoy que paga os coidados do seu pai con diñeiro público, a Esperanza Aguirre que pagaba a luz a conta da Comunidade de Madrid, etc.
Brinquedos a parte, esta é unha moción xenérica que o PP está presentando en todos os concellos, como unha que presentaron en semanas pasadas –afortunadamente non en Chantada porque xa sería o colmo– sobre o apoio á marca 100% galega, que para comezar revela o desleixo do PP coa cultura deste país, pois o leite en galego é un substantivo masculino e non feminino como en castelán. Porén que lle imos pedir a unha Xunta presidida por quen aínda non aprendeu a dicir crise e sigue recuncando na crisi, que por outra parte nega na fuxida da realidade que hai moito tempo emprendeu o PP.
Agora aparecen aquí, compadézome do papelón dos concelleiros aquí presentes do PP por teren que traer ao pleno estas mocións xenéricas e electoralistas, ás portas das eleccións do 20 de decembro, cunha moción pensada para alimentar a catalanofobia e o españolismo máis ranzo a ver se así atraen os votos da extrema dereita e dalgún extraterrestre que acabe de chegar ao Reino de España e descoñeza o balance das políticas da peor lexislatura desde 1978, si a presidida por Mariano Rajoy.
Falan de respectar a Constitución cando desaloxan á xente da súa casa; cando por volta de 8 millóns de persoas non temos traballo e máis de 2 perderon a esperanza de atopalo; cando permitiron que as eléctricas nos rouben na cara cada mes en canto millóns de familias sufren pobreza enerxética; cando aniquilan impasíbeis o sector agrario e lle dan unha esmola por vaca; cando os mariñeiros do cerco acampan diante de San Caetano e Feijoo mantén o corazón duro e as orellas fechadas; cando empregan a xustiza partidariamente e realizan cazas de bruxas contra os independentistas como se non fose unha opción política lexítima en canto permiten homenaxes a escuros personaxes da ditadura como Yagüe, o carniceiro de Badaxoz; cando permiten que a mocidade formada e preparada marche sen esperanza de retorno a un país cada vez máis ingrato, máis escuro e que se parece máis e máis aos peores días da historia desa entelequia chamada España e que nunca pasou de ser un proxecto falido ao servizo do latifundio do sur e dos oligarcas da meseta.
Neste triste contexto o PP quere envolverse na bandeira raída da oligarquía, no odio, na manipulación e na mentira para ver se as clases traballadoras lle seguen dando votos aos zánganos que viven a conta dela. Non merecen nin o primeiro cando efectúan mesmo recortes en sanidade que matan e só hai que ver o estado lamentábel do Álvaro Cunqueiro.
Mellor que fabricar frontes nacionais (por certo Front national é o nome do partido de Le Pen en Franza non por casualidade) sería mostrar capacidade de diálogo e de negociación. Mellor que empregar a lei e a Constitución como chantaxe permanente sería respectar o dereito a decidir democraticamente do pobo traballador catalán. O dereito a decidir das mulleres sobre o seu propio corpo e así seguido.
A lei tamén era inviolábel no franquismo e en calquera ditadura que coa Lei Mordaza parece que é onde nos quere retrotraer o PP. Porén, para a reforma express da Constitución que atendeu ao diktat da troika en tempo récorde non houbo ningún impedimento nin apareceron os patriotas de folla de lata defendendo a soberanía nacional. Cos dereitos nacionais de galegos, bascos e cataláns vostedes exercen a mesma receita que a dereita casposa emprega coa muller: tratarnos como suxeitos inferiores sen dereito a decidir sobre nós mesmos, sobre o propio corpo e sen dereito ao divorcio.
A lei pode ser inxusta e mesmo debe desobedecerse cando colide coa ética e coa democracia. Os cidadáns deben poder decidir sobre as cuestións que lle afectan e non só emitir un voto cada 4 anos. Un voto mediatizado pola chantaxe dos medios, dos tecnócratas de Bruxelas, do patriotismo do IBEX-35 que xa está construíndo un recambio en Ciudadanos para que nada mude e seguir aumentando o laño da desigualdade e as políticas fiscais regresivas que son as que realmente separan e dividen os pobos.
Se o PP quere defender as comunidades autónomas como é que vetou o Estatut? Se defende a Galiza como nación como é que non pula pola súa soberanía? A soberanía dos seus sectores produtivos como o leite, que non se pode tirar o que é dun e traer o de fóra aniquilando os gandeiros; a soberanía para pór en valor o noso patrimonio, a comezar pola lingua; a soberanía para dotar de traballo, vivenda e cubrir as necesidades básicas de todas as galegas e dos galegos para o que cómpre incrementar os impostos aos ricos, nacionalizar as eléctricas e outras empresas de sectores estratéxicos… e así seguido.
Non está moción non é para defender nin para promover nin para mellorar as condicións de vida da maioría social. Esta moción é unicamente envolverse nunha bandeira chea de calazas para ver se así se tapan as miserias propias e de paso presentar a oferta electoral do PP que, dito sexa de paso, asusta do terribelmente probe que é: xa só lles queda un trapo para vender como activo e aínda por riba non lles pertence aínda que 40 anos de franquismo puideron causarlles a sensación errónea de que o Estado español é un coto privado da oligarquía cañí.>>

Desde o PSOE, Raquel di que o pleno de Chantada non é lugar para falar deste tema e que se trata de propaganda electoral. Tamén afirma que lle sona casposo e ranzo a “indosolúbel unidade da nación española” [a verdade esta posición chamounos a atención para ben, xa que se trata dalgo recollido no artigo 2º da Constitución do 78, que evidentemente na súa redacción procede da xurisdición franquista].

Desde INTA o alcalde di que estas moción-tipo non lles gostan. E que sería mellor deixala para despois do 20 de decembro. Aprobar isto agora non vale para nada, aínda que INTA lle dará o seu apoio á moción do PP. Di que Antón (CUP) foi duro con este asunto, mais que eles lla van aprobar.

Medela (PP) quere que a moción siga adiante. No acepta a enmenda da CUP e que grazas ao PP se pode expresar así o portavoz da CUP.

Antón retruca que non era unha enmenda senón unha brincadeira evidente e que se se pode expresar é polo Estado de dereito e a democracia e non polo PP que sempre confunde as institucións co partido.

A moción apróbase cos votos favorábeis de INTA e PP (9 votos), a abstención do PSOE (2) e o voto en contra de Por Chantada-CUP (1).

11.- Moción de urxencia relativa á adxudicación dunha rúa na vila de Chantada á banda de música do concello de Chantada
Ao abeiro do disposto nos artigos 94.1 e 2 do Regulamento Orgánico Municipal e 97.2 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o grupo municipal de Por Chantada-CUP apresenta, para a súa discusión e aprobación, se procede, a MOCIÓN DE URXENCIA RELATIVA Á ADXUDICACIÓN DUNHA RÚA NA VILA DE CHANTADA Á BANDA DE MÚSICA DO CONCELLO DE CHANTADA.
Exposición de motivos:

Dado que neste novembro de 2015 se conmemora o 150 aniversario da banda dos Ferraias, considerado comunmente como fito fundacional da Banda de Música de Chantada, desde a candidatura de unidade popular Por Chantada promomos á corporación local o seguinte ACORDO:
1.- Mudar o nome da Travesía Praza de Galicia por Rúa da Banda de Música de Chantada.
En Chantada a 9 de novembro de 2015.

Varela (INTA) di que non é un asunto para decidir por urxencia, mais que pode estudarse. Penela (INTA) di que xa tratou coa banda deste tema, que é algo delicado xa que hai máis agrupacións de música e que estudarán o tema. Medela intervén en dúas ocasións para recalcar que merece unha avenida e non unha travesía. O resultado é que nin INTA nin o PP apoian a urxencia da moción polo que non pode votarse.  Só apoia Por Chantada-CUP, que subliña que é polo 150 aniversario, que Os Barrios tamén contan cunha e que a ubicación é evidente porque se escolle esa, amais que o nome actual da rúa non é nome nin é nada.

Non se admite a urxencia da moción que só apoia o grupo propoñente (Por Chantada-CUP).

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

[Primeiro pomos as cuestións apresentadas e comentarios de Por Chantada-CUP. As respostas que se deron tamén se recollen].
12.- Dación de conta de resolucións da alcaldía 
Por Chantada-CUP pregunta  polo Decreto 282/2015: opómonos rotundamente a conceder á Igrexa a exención do IBI no ano 2014 e sucesivos, xa que consideramos que é totalmente inxusto que se sangre á maioría da poboación por este concepto, en canto non se lle cobra a unha institución relixiosa por eles. A Igrexa debe velar e responder polo seu patrimonio como calquera particular e hai que tender á laicidade do Estado. Canto vai perder de ingresar o concello de Chantada de recadar por estes inmóbeis (Carballeira, Mato; San Miguel do Monte e Soilán, Pesqueiras)? Como lle explicamos aos veciños e veciñas o catastrazo mentres hai grupos privilexiados que non o pagan? Que podemos facer como concello para que a Igrexa tamén pague polas súas propiedades?

A tesoureria, Susana, di que se recaudarían 300€ por esas tres igrexas. Varela di que o único que se pode facer é cobrarlle o IBI e que aínda así non arranxan as igrexas.
Decreto 167/2015 09/09/2015: Contén erros. Especifícase o que paga Repsol Butano S.A pola ocupación de dominio público local, mais non o período nin a cantidade que tributan Orange Espagne S.A.U., Endesa Energía S.A.U., Iberdrola, Gas Natural ou CideHcenergia S.A. Solicitamos que se nos remita novamente con todos os datos, xa que pode ser que se moveran.
Decreto nº169 de 10/09/2015: Que se nos explique o despedimento improcedente de María Carmen López Fernández, segundo sentenza do Xulgado do Social nº2 de Lugo autos 145/2015, cunha indemnización de 2.558,50€. O secretario contesta que ela tiña contratos temporais, o último de decembro de 2014. No 2015 outro contrato de substitución. O concello entendía que fixera o correcto, mais o xuíz recoñeceulle o indefinido polo dereito laboral ou indemnización ou readmisión. O portavoz da CUP pregunta se o Goberno quere engadir algo. Cándida di que xa rematou o temporal. O Concello optou por indemnizar e non por readmitir. Varela di que non había onde ubicala, ao haber só unhas prazas determinadas. [Fícanos a dúbida de se a traballadora ocupaba unha praza porque se botou para que a pasara a cobrir outra persoa].
Decreto nº170/2015: na resolución, no punto primeiro non se especifica o importe. Vendo a redacción dos decretos, as grallas ortográficas e mesmo a mestura de linguas volvo insistir en que fai falta un técnico de normalización lingüística e non vale a resposta doutro pleno de que xa temos unha bibliotecaria con filoloxía galega, pois desenvolve o traballo de bibliotecaria e non de normalizadora. Amais, como lle dixemos no outro pleno perdeuse unha subvención que si percibiron outros concellos para contratar a unha persoa e aínda que fora por crear un posto de traballo sen custe adicional para o concello había que pedila. [Sen resposta]
Decreto 172/2015 (Transferencia de crédito 07/2015 de 14 de setembro): aparece a aplicación orzamentar 150.610.00 por un importe de 24.370,42€. Sendo o nome da partida “inversións en terreos” pode dicírsenos de que inversión concreta estamos falando? No caso do persoal non directivo da administración xeral (920.230.20) figuran 2.000€, pode explicarse en que se investiron exactamente?
Estaría ben que cando menos as modificacións de crédito se explicasen. Porque se falamos de control da xestión e de dación de contas non é só transmitir a documentación senón tamén dar conta e aquí non hai costume de dar explicacións de nada e iso non pode ser.

Varela indica que debe facer referencia ao gastado nos pasos elevados [o resto sen resposta].
Decreto de alcaldía nº173/2015 de 14/08/2015: os 116.000€ que se inverten en terreos, pódesenos explicar máis concretamente? [Sen resposta]
Decreto nº174 03/09/2015: trátase do recoñecemento de dúas facturas por valor total máis de 7.000€ con data de 8 e 20 de maio coas que semella que houbo algún problema, ao seren reintegradas por erro na conta bancaria e en período electoral. No mes de xullo aparece outra factura para pagarlle a esta empresa por valor de 876,27€ en concepto de formigón que se mete na partida orzamentar 150.631.00 denominada “Terreos e bens naturais” e outra de 1.274,57€ tamén en formigón asociada á partida orzamentar 150.631.00.
En todo caso, o que nos interesa é saber en concepto de que se gastaron 7.000€ en dous días durante o mes das eleccións coa empresa Lemos Chantada Transportes S.L., teméndonos que sexa outro caso de «política de asfalto por sufraxio universal», como din os Dios ke te krew. [Sen resposta]
[O catastrazo recóllese no Decreto 192/2015]

DECRETO nº197 22/09/2015. O aluguer ás “Hermandas Mercedarias” supera os 4.000€ ao mes polo centro de día. Parécenos unha cantidade excesiva e que non se corresponde co valor actual dos inmóbeis. O Goberno ten previsto algunha alternativa? Cándida Carnero  contesta que o novo Centro de Día.
Aparecen dúas facturas co concepto “Facturación mes de febreiro 2015” a favor de Gas Natural polo alumeado público (partida orzamentar 165.221.00). Unha é de 14.111,14€ e outra 16.998,35€, ou sexa máis de 30.000€ en alumeado público o que supón máis de 1.000€ por día só en farolas que gastamos neste concello. En xaneiro pagouse 20.136,53€ nunha única factura e en abril 28.000€ en dúas facturas polo que máis ou menos vén sendo unha constante e que se corrobora co montante de aforro nesta cuestión xa que é un dispendio inasumíbel. Un concello de 8.000 habitantes non pode gastar máis de 1.000€ ao día en farolas só no rural. E o importe é moito maior porque logo aparecen diversas facturas por rúas na vila, que se imputan ao alumeado público, nos edificios, no polígono, etc.. Que medidas concretas ten previsto facer o Goberno para aforrar no alumeado público? Varela pon en dúbida que se gaste tanto e di que desde 2011 se aforraron 70 ou 80.000€ en luz e que está solicitada a devolución da reactiva desde marzo ou abril, correspondente aos exercicios 2012, 2013 e 2014.
A CUP engade que tamén hai un concepto dubidoso que é o de “10 hora de limpar e nivelar camiños Arcos” que nos gustaría saber a que é debido. [sen contestación]
Tamén estaría ben que se nos explique a que corresponden os 550’28€ co concepto “poste formigón Riazón (Laxe)” e a mesma cantidade en O Padrairo (Líncora). Estanse pondo novos puntos de luz ou de que poste se trata para valer eses cartos? Pode ser que se substitúa algún de madeira por outro de formigón. Pendente un en Requeixo e outro en San Fiz. Desde a CUP díselle se se van revisar os puntos de luz, xa que o abandono do rural fai que algúns podan ser superfluos ou artellar mecanismos para que só se empreguen se se prenden polos veciños. Varela pasa a explicar que existen aínda numerosos de “tanto alzado” que non debería haber e que custaban 9.000€ ao mes. Isto negociouse e pasou a ser menos de 6.000€ o importe. Aínda que o electrecista do concello, Javier, pode explicarlle a Por Chantada mellor isto, a idea é ir mudando pouco a pouco os de tanto alzado, especialmente onde hai varios e hoxe págase menos de 4.000€ ao mes por este concepto.
Decreto 206 2/409/2015: figura a aprobación da factura nº2015A00010 cuxo concepto é “promoción e difusión do Folión de Carros do día 22 de agosto de 2015” por importe de 3.509€. Gostaríamos de saber desde a candidatura de unidade popular exactamente en que consistiu esa promoción e se eses cartos forman parte da subvención pública que recibe desde o concello (9.500€) ou se é unha contribución extraordinaria. O concelleiro de cultura, Manuel Diéguez Carballo, di que se trata dunha xustificación de gastos para a axuda equivalente da Axencia Galega de Turismo.
Liquidación tributaria da taxa por ocupación da vía pública con mesas, cadeiras, etc. correspondente ao ano 2015: recádase 3.733.77€ por este concepto. É urxente facer unha ordenanza que regule e fixe uns criterios claros e adatados a realidade socio-económica actual para este concepto e que se faga tendo en conta ao sector. Amais, é inxusto que haxa estabelecementos que estean pagando e cumprindo coa lexislación e outros que non o fagan. A obriga da institución é garantir a equidade e a igualdade, tamén neste asunto. [Sen resposta]
Decreto da alcaldía nº222/2015 de 22/10/2015: recóllese xeración de crédito por unha axuda da Consellaría do Medio Rural para a brigada de incendios por valor de 47.250€. Podemos pór isto en relación coa moción sobre incendios apresentada e como con isto a Xunta crea precariedade e servizos de extinción pouco preparados e temporais. A canto ascende a totalidade do custo da brigada municipal en 2015? Varela di que faltou quilometraxe e que debeu ser en incendios, polo que habería que pór algo.
Decreto de alcaldía nº238 de 02/11/2015: corrixe un erro que puxemos en coñecemento da secretaría do concello desde a candidatura de unidade popular Por Chantada-CUP xa que se facía referencia á factura nº739 da Libraría Central cando debía falarse da “sanción por infracción da Lei de Seguridade de Galiza” (nº de expediente IN635C2014/35-2). Pode explicársenos porque o concello de Chantada foi sancionado con máis de 3.000€ pola Xefatura Territorial da Consellaría de Economía e Industria de Lugo?
A maiores o decreto nº238 aparece por duplicado na relación de resolucións da alcaldía e en castrapo. En galego nin hai tempos compostos (“habendose detectado”, sic.; nin existe “resuelvo”). Rigor tamén no uso da lingua. Somos moitos os filólogos que estamos en paro como para maltratar así a nosa lingua, máxime cando houbo axudas para isto que se perderon por incompetencia.

A sanción de industria débese a un solarium que deixou a empresa que tiña a piscina, xa que o puxo a nome do concello e estaba sen pasar a ITV. O concello non sabía do asunto.

[Por mor disto non só Chantada perde 3.000€de sanción e varios millerios de subvención para crear un posto de traballo, senón que Cea e Carballedo perderon tamén a axuda de normalización lingüística da Xunta].
13.- Dación de conta do informe de seguimento do Plano de axuste do terceiro trimestre de 2016

Informe da intervención sobre o seguimento do Plano de axuste no 3º trimestre: PLAN AXUSTE 3T2015
Non imos redundar no que xa lle expuxemos no pleno sobre a conta xeral de 2014. O informe da intervención segue laiándose da falta de medios sen facer ningunha proposta e, por certo, segue sen contestar as nosas preguntas elaboradas en pleno o que queremos que novamente se faga constar en acta.
A subida recadatoria no IBI vai en consonancia coa nova que aparecía en La Voz de Galicia na semana pasada, os alcaldes vendo favorecidas as arcas municipais foron cómplices de Montoro e do catastrazo do PP.
Os funcionarios aos que lle pagamos todos a sanidade privada supoñen un desaforro de máis de 3.000€ e o gasto en persoal como xa lle advertimos séguese disparando sen que vexamos mudanzas substanciais no plantel ou na produtividade. Isto contrasta cos restantes pontos do plano de axuste, os que pagan vía impostos regresivos os cidadáns, onde si que se fai o groso do plano de axuste nestes momentos (atravémonos a dicir que o 95%): a subida do IBI produce máis de 333.000€, o ICIO e taxas de urbanismo máis de 44.000€, as taxas asociadas co deporte e as instalacións deportivas máis de 4.800€… Insistimos en que non nos parece xusto.
Seguimos igualmente sen ter ningunha evidencia de que se fagan os contratos menores do concello con ofertas a diversos provedores primando o requisito do menor prezo. É máis hai “pequenas facturas” con importes que nos parecen excesivos en relación ao concepto e, en todo caso mellorábeis no seu prezo, aínda que agora non vaiamos entrar niso. Claro que para iso non se pode tardar 2 ou 3 meses en pagar como acontece neste concello, se ben xa case estamos dentro do máximo legal de 30 días desta volta (37 días).
As medidas en aforro no alumeado público así como no gasóleo das piscinas (hai que sumar o gasto en pellets) segue sen cuantificarse. Non por falta de medios na intervención. Xa que as facturas están aí e, existindo vontade, claramente pode cuantificarse. O problema é que lonxe de haber aforro estase gastando máis que cando se aprobou o plano de axuste.
Logo cando se fala das subvencións nominativas a intervención directamente está mentindo. As subvencións para o ano 2015 están concedidas na súa maior parte e mesmo, en moitos casos, adiantouse xa o 50% das mesmas. Xa que logo, poderían tamén cuantificarse e novamente hai un desaforro (desaforro que neste caso celebramos, ao igual que celebramos que non se estea cobrando o lixo no rural).
En resumo, este informe abusa do corta e pega e elude algúns datos que só coas facturas e coa información que fomos analizando nestes meses estariamos en condicións de completar. Non se pode delegar comodamente na falta de medios cando hai unha nugalla e un desleixo tan evidente.
14.- Dación de conta do informe de morosidade do terceiro trimestre de 2015

INFORME MOROSIDADE 3T2015

15.- Dación de conta do período medio de pago a provedores do terceiro trimestre de 2015
37’29 días (máximo legal 30 días) PMP 3T2015
16.- Dación de contas da execución orzamentar do terceiro trimestre de 2015
RESUMO (Ver os datos completos aquí: EXECUCION PRESUPOSTO 3T2015):

Total ingresos 3º trimestre 2015: 6.256.846,23€

Impostos directos: 2.176.823,32€

Impostos indirectos: 27.774,95€

Taxas e outros ingresos: 863.845,60€

TOTAL RECURSOS PROPIOS: 3.000.000€ aprox.

Tranferencias correntes: 2.229.023,85€

TOTAL gastos 3º trimestre 2015: 6.102.010,02€

Gastos persoal: 2.335.470,34€ (máis da suma de impostos directos e indirectos)

Bens correntes e servizos: 1.846.430,89€

Gastos financeiros: 236.906,78€

Activos financeiros: 10.000€

Pasivos financeiros: 597.694€

Inversións reais: 799.892,58€
INTERVENCIÓN:

O gasto en persoal recuncamos en que é moi elevado. Os datos do 3º trimestre mostran que ascende a máis de 2.300.000€ que é unha cantidade maior ao recadado en impostos directos e indirectos e aínda maior das transferencias correntes.

17.- Rogos e preguntas [PREGUNTAS DE POR CHANTADA-CUP PARA O PLENO ORDINARIO DE 9 DE NOVEMBRO]
I.- Economía política
1.1.- Imposto sobre Actividades Económicas
Porque figura unha recadación de 276.723€ fronte aos máis de 300.000€ do exercicio 2014? Parécenos inxusto que as grandes empresas paguen menos en canto se dispara o recadado no IBI e nos impostos directos e indirectos e nas taxas que paga a clase traballadora. [Non se dá resposta no momento]
1.2.- Cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo
No pasado pleno manifestamos as nosas dúbidas sobre a cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo. A lacónica resposta desde a intervención foi que no pleno da Deputación se ía debater unha proposta do BNG para eliminar todo custo por este concepto. Queríamos saber cal foi o resultado e reiteramos que queremos explicacións desde a intervención sobre como se vai cuantificar a suposta mellora na recadación. [En ausencia do interventor non se dá conta sobre como cuantificar a “mellora”. Varela di que pensa que non se apresentou a moción do BNG e desde a CUP dise que ultimamente andan moi ocupados na Deputación de Lugo]
1.3.- Gasto en persoal
En 2014 gastouse en persoal o 40’29% do ingreso. Segundo os datos recollidos no Decreto nº161 de 27 de agosto de 2015 e o Expediente 08/2015 das nóminas de agosto neste 2015 superarase ese 40%. No 3º trimestre de 2015 as obrigas recoñecidas netas en gasto de persoal ascenden a 1.638.003,46€
En 2012 o gasto en persoal supuxo 231€ por habitante. En 2013 242€ por habitante. En 2014 255 € por habitante. A isto cómpre sumarlle o custe dos órganos de goberno. Esta realidade bate cun plano de axuste que ía aforrar neste apartado, mais que ao non contar cun proxecto nin cun estudo serio neste campo responde á improvisación e a cadrar números para acollerse ao pago a provedores sen unha correspondencia pensada e clara na realidade.
Pois ben, con estes datos na man e mentres hai áreas sen persoal e outras claramente sobredimensionadas, Chantada colócase como un dos concellos de máis de 5.000 habitantes do Estado español que máis cartos porcentualmente dedica ao gasto en persoal.
Xa que logo, o noso grupo quere preguntarlle ao Goberno que medidas específicas contemplan neste sentido, xa que estamos ás portas da confección e aprobación duns novos orzamentos. [A resposta do Goberno é que se estudará estes días].

1.4.- Complementos aos funcionarios
Só na acta da sesión extraordinaria da Xunta de Goberno local correspondente ao 22 de setembro de 2015 se recoñecen obrigas por valor de máis de 10.000€ en concepto de bonificacións por produtividade a varios funcionarios e persoal laboral deste concello. Como o propio título do concepto di son «premios» por facer o seu traballo fóra do seu horario laboral.
En primeiro lugar, a suma total revela unha mellorábel planificación das xornadas laborais e das necesidades do concello do seu persoal laboral en cada área. En segundo lugar, queremos denunciar que a inoperancia crónica neste concello fai que non exista un regulamento que evite que as bonificacións e gratificacións se fagan dunha maneira inxusta e baseada no libre albedrío, cando o trato debería ser equitativo para todos os traballadores e todas as traballadoras.
Queremos que se nos explique cantas horas traballaron, porque motivo, etc. Sobre todo, queremos que se dea conta da diferenza de emolumentos e porque hai traballadores de primeira, de segunda e de terceira nun organismo público que debe promover a igualdade e non discriminar ou retribuír aos funcionarios arbitrariamente.
Por exemplo, no caso dunha traballadora especifícase que fixo 87’15 horas de máis e que o concello abona por ese concepto 397,30€, ou sexa que se está pagando a hora extra a 4’56€ o que, evidentemente, roza a explotación laboral.
Logo no caso doutros funcionarios non se recolle cantas horas a maiores fixeron. Fálase de servizo de “reforzo” prestado na “Carreira Popular” e na “Subida” sen especificar cantas horas fixo cada un, se todos fixeron os actos en todas as actividades, se fixeron ou non o mesmo… Iso si, todos eles superan folgadamente os 600€ por estes dous días. Como saben o día ten 24 horas e 600€ (tirando polo baixo) entre 48 horas (dous días) dá a 12’5€ a hora. E dubido moito que estes funcionarios traballasen 48 horas seguidas ou que ningún deles estivera de servizo os días do evento.
Logo aparecen outros funcionarios que reciben complementos sen especificar as horas que se remuneran, nin o lapso temporal afectado nalgún caso. Por exemplo, nun caso fálase de máis 4.100€ entre xaneiro e setembro. Se se lle pagan a 4’5€, como a traballadora da limpeza, darían máis de 900 horas extra que, permítanme que dubide que sexa o caso.
Evidentemente isto é a todo punto impresentábel e esixímoslle transparencia e explicacións neste asunto. Para pagar por producir fóra do horario laboral hai que dicir que se produce, como e a cantidade de tempo destinado a esa actividade como mínimo. O que vostedes aprobaron carece do rigor elemental que lle hai que esixir a un organismo público. Amais, rógolles encarecidamente que fagan un regulamento como é debido e deixen de improvisar fomentando a discriminación entre traballadores deste concello. Unha cousa é pagar as horas extra (e pagalas como é debido), no cal concordamos, e outra é facelo sen uns criterios claros e con diferente raseiro dependendo de quen se trate, o cal é intolerábel. [Varela responda que se nos explicará <<en privado>> (sic.)].
1.5.- IBI e catastro
O 2 de setembro de 2015 o Goberno aprobou o padrón de contribuíntes obrigados ao pagamento do Imposto Sobre Bens Inmóbeis (IBI) de natureza rústica e urbana e de características especiais (BICES) do exercicio 2015.
O BICES, que se aplica ao encoro e ao parque eólico por exemplo, ascende apenas a 188.379’35€. No entanto o IBI urbano ascende a 1.664.090’38€ fronte a 1.351.995’5€ que se pagaba en 2013. Xuntos imos a máis, xa o dicían na campaña electoral. Porén, o que nos parece especialmente grave é que fronte aos 25.698€que se recadaban por este concepto no rural en 2013 pasamos a 99.129’93€, unha suba de máis do 385%!!!
Os traballadores pagan os rescates á banca. Os traballadores pagan o pago a provedores. Os traballadores pagan a luz máis cara de Europa e sofren as maiores subas. Sofren os recortes en sanidade e en educación. Sofren a inxusta xustiza como unha espada de Damocles. Sofren prezos de miseria para os seus produtos e a brutalidade do libre mercado. Onde pensades que imos chegar por este camiño?
Rogámoslle que en 2016 impulsen desde o concello unha campaña de información e asesoramento para impulsar reclamacións no sentido de revisar o IBI do rural de xeito que se baixen uns valores propios da borbulla inmobiliaria e que fai que se pague por establos, pendellos e pallares o mesmo que por un piso no paseo da Castellana de Madrid. [Sen nada en concreto fálase desde o Goberno que si, que se pode poder pór o persoal do concello a facer reclamacións. E que Chantada paga menos IBI rural (0’40 sendo o mínimo 0’30) que os restantes concellos da redonda. A CUP responde que son conscientes diso e que saiu na prensa recentemente o caso de Pantón. (O 0’40 págase desde 2002, antes o 0’30. A urbana 0’66 desde 2013)].
1.6.- Ordenanza sobre o uso privativo do espazo público
Rogámoslle que desenvolvan e apliquen especialmente a bancos, eléctricas e multinacionais a ordenanza sobre o uso privativo do espazo público. É unha fonte de ingresos preferíbel a aumentar os impostos indirectos a particulares que deberían destinarse ao reforzo das políticas sociais.
Outra medida que pode adoptar é crear un imposto polas vivendas baleiras, cobrando máis polo IBI a quen conta con varias vivendas de natureza urbana e baixar o IBI dos que unicamente contan cunha vivenda. O recadado debería empregarse para o reforzo das políticas sociais, a todas luces insuficientes. [Non hai resposta no momento]

1.7.- Matadorio FRILUSA
Hai xa bastantes meses, o 20 de outubro de 2014, en sesión plenaria ordinaria aprobouse unha moción para tomar medidas a prol de buscar solucións e saídas para o matadoiro de FRILUSA. Até onde chega o noso coñecemento o Goberno, como tristememente é costume, non adoptou ningunha medida. Lembrámoslle que o acordo ao que por aquel entón o seu grupo se comprometeu:
1.- Pór en marcha unha comisión que estude a viabilidade e posíbeis achegas doutras administracións ou dos fondos europeos.
2.- Promover desde o concello a construción e posta en marcha dun matadoiro achegando a parcela propiedade municipal no Polígono dos Acivros e implicando o gremio dos carniceiros e os gandeiros e/ou cooperativas.
De feito no acta do pleno recóllese o seguinte: «O Pleno, concluído o debate, acorda POR UNANIMNIDADE, convocar os portavoces, algúns carniceiros, cooperativa, grandes almacéns alimenticios, comisións agrarias e labregas, para abondar o asunto e ver se se pode chegar a un acordo».
Parece que a constitución de comisións é un imposíbel neste concello. Estamos esperando tamén pola comisión plural con representación do sector lácteo que aprobamos no pasado pleno: «Que se forme unha comisión específica, plural e aberta dedicada á defensa do noso tecido produtivo con contactos con produtores, cooperativas, sindicatos e organizacións agrarias aos que deberá apoiar nas súas demandas».

[Varela (INTA) di que as últimas novas era estabelecer un clúster e escola técnica de formación para a manipulación da carne. Agora, hai dous meses, apareceu unha multinacional dun grande supermercado para compralo. Da comisión do sector lácteo non se nos responde].

II.- Cultura
2.1.- Auditorio
En Xunta de Goberno do 22 de setembro de 2015 aprobouse a concesión do auditorio a diversos colectivos. Celebramos que este espazo, que en rigor non é un auditorio senón máis ben un salón de actos, poida ser por fin empregado polos coletivos da vila. No entanto, desde o mes de maio en que a campaña electoral permitiu o seu uso, o cal é bastante significativo de como funciona a política infelizmente, o Goberno tivo xa bastante tempo para preparar a súa inauguración oficial para que o seu uso se axuste por completo á legalidade.
En declaración a Televinte, Manuel Varela anunciou que non se vai inaugurar até despois das eleccións estatais. Queremos saber que falta exactamente por facer e se hai dotación orzamentar suficiente.
Amais, debería rexirse mediante ordenanza e fianza a cesión de espazos públicos, sexa o auditorio, o mercado gandeiro ou calquera outro tal e como se fai habitualmente nos concellos. [Desde INTA dise que falta adecentar os exteriores e que os interiores están practicamente listos, segundo informa Diéguez. (Hotusa vai celebrar un congreso no mesmo e que estase deixando por rexistro e con presenza de alguén do concello até que se produza a inauguración oficial)].
III. Saúde pública
3.1.- Centro de día
Polo 20 de setembro remataba o prazo para ter pronto o centro de día para non perder a subvención. En vistas de que non se inaugurou oficialmente supomos que se deu unha prórroga e solicitamos información ao respecto.
A maiores, queremos subliñar que desde a concesión da axuda até a concesión da obra pasaron moitos meses e que, no sucesivo, se debe tentar mellorar e ser máis áxiles. Neste caso, corresponderíalle a Cándida Carnero ter tido unha maior previsión, a non ser que haxa algunha razón que xustifique 3 meses de atraso entre a concesión da subvención e a adxudicación da obra. Porque de non concederse máis dunha prórroga –cunha xenerosidade que non sempre se dá desde outras institucións– Chantada tería perdido unha subvención de milleiros de euros coa conseguinte merma dos caudais públicos. Nestas cousas hai que ter un celo especial e non nos gustou tampouco que cando preguntamos se nos respondese negando que houber calquera problema e que se ía rematar sen ningún contratempo cando a realidade é que andiveron coa auga ao pescozo, como o título dun coñecido documental chantadino. [Dísenos que houbo prórroga, efectivamente]
3.2.- Augas de Galicia
Solicitaron a Viaqua as cantidades recadas por Augas de Galicia desde 2012? Teñen reclamado inversións e cando se contempla a súa execución? Fixeron xestións para reclamar unha nova depuradora suficiente para o concello? Cales? [INTA di que Varela solicitou hai dous anos a depuradora. Complicado, xa que a Confederación atende primeiro a núcleos importantes. Pode volverse pedir no 2016]
3.3.- Zonas de solta de cans e animais abandonados
No paseo puxeron zona de solta de cans e zonas prohibidas para cánidos. Queremos saber en que se basearon porque, a falta dun estudo pormenorizado ben é certo, sospeitamos que esas zonas non cumpren coas disposicións legais vixentes.
Do mesmo xeito, todos os concellos teñen a obriga de teren un servizo de recollida de animais e no casco urbano é a policia local a encargada de facerse cargo de calquera animal abandonado. Recibimos varias queixas advertíndonos que a policia local non está cumprindo neste eido coa profesionalidade e o rigor requirido, tendo a obriga esta de facerse cargo de calquera animal abandonado en casco urbano.
Amais, desde antes do verán os cancís do Sangoñedo están clausurados por non cumpriren coa normativa vixente e a raíz dunha denuncia. Isto ten como contratempo que os cans abandonados deben enviarse a Xinzo co conseguinte gasto. Que nos conste houbo varios animais abandonados que apareceron neste período, cantos foron enviados a Xinzo… Pódese explicar este punto? O tenente de alcalde, Castor, dixo que se estaba subsanada esta cuestión dos cancís. Está xa arranxado o problema porque só no mes de xullo superáronse os 400€ en gastos de transporte de animais? [Castor di que talvez sexa necesario adatar a ordenanza de 2001 para os cans. A policia local cumpre perfectamente e ten a obriga de recollelos todos e Varela chamou á responsabilidade dos donos xa que sancionar debía ser o último recurso e que o que debe ter a xente é educación. El mesmo tivo que ir ao xulgado a declarar e cárgase ao dono o cobro cando se sabe quen é. Castor engade que pasaban 2-3 días nos cancís e logo á canzaría a Xinzo, mais como houbo a denucnia comezaron os trámites para adaptar os cancís, vindo xa varias veces os técnicos da Xunta e faltando dúas obras: a zona de recreo e a sala de curas. Desde a CUP dise que na educación non se pode interferir desde o concello, só sancionando para evitar problemas, como os accidentes de tráfico demostran]
3.4.- Ambulancias en Chantada [Neste ponto o secretario anuncia que ten que ir até Oporto e, por iso, pide se podemos rematar a sesión e abreviar as preguntas o cal facemos, polo que moitas preguntas fican no tinteiro]
A nosa formación recibiu diversas denuncias polo mal funcionamento das ambulancias en Chantada. Sabe algo o Goberno de Chantada sobre este tema? [O Goberno non está ao tanto, só de que mudou a concesión]
Por Chantada-CUP di que o día 30 de outubro unha veciña caeu dunha escada e estivo máis dunha hora agardando pola ambulancia, cun brazo roto e sen saber se tiña algún dano na columna, porque só hai unha ambulancia do 061 e ía en Monforte. Nun concello de máis de 8.000 habitantes non é normal que só haxa unha ambulancia. Isto vén da Xunta e se a ambulancia vai nos Peares tarde 1’5 horas en volver. A anterior concesionaria tiña ambulancia de reforzo e era a empresa local Calvo. Ínstase ao Goberno a informarse e tomar medidas.
3.5.- Teito da casa da música
Van vir as primeiras xeadas e non se adoptou ningunha medida para evitar que a xente esvare. Outros anos fechan cunha valla que nin é “medida” nin é nada. En México, por exemplo, para evitar superficies esvaradías empregan malla tupida, semellante á das pitas, para facer un camiño polo que se poda transitar.
ROGOS E PREGUNTAS DO PP 

[Aínda que o secretario rogara rematar a sesión, os outros grupos decidiron seguir adiante coa mesma]

Medela (PP) preguntou pola subvención de 82.000€ para a Depuradora do Polígono e por outra á que se podía optar para a praza de Abastos. Varela (INTA) di que se renunciou ás dúas desde o Goberno. Medela pregunta polo gasto no Faro e díselle que foi na limpeza e tratamento da fonte da Virxe. Pregunta tamén polo alugueiro do Telecentro a Mercedes Vázquez e díselle que é por todo o baixo. Comenta logo o adianto de 50% da subvención da casa da música e pola duración do convenio e Diéguez (INTA) dille que é por 10 anos. Logo, Medela fai <<unha pregunta das difíciles>> sobre unha viaxe a Lisboa recollida no Decreto nº147 e díselle que foi para o Entroido Ribeirao. Logo pregunta por unhas demandas sociais para comparecer no xulgado e se pasaran de indefinidos a laboral-fixo. O secretario retruca que non son homoxéneas as demandas e tendo en conta que o xuízo é a finais de 2016 e comezos de 2017 pode reconducirse a situación. Logo Medela pregunta pola pista de padel José Pastor se é en serio a foto que lle chegou… E pregunta sobre un depósito próximo de 10.000 litros, que se lle explica que está fóra e que hai que facer unha obra e non se vai empregar. A continuación, pregunta Medela (PP) polo Decreto 172 e a que se corresponde esa transferencia [non hai resposta]. Logo polo Decreto 198/2015 de traxes da policía local mercados a Turini Sport [a factura ascende a 5.364,32€ e hai máis a esa empresa]. Castor di que que ten que ser materia deportivo [en días posteriores tivo a deferencia de enviarnos a factura orixinal escaneada para comprobalo, cando menos á CUP]. Despois, desde o PP preguntan polo Decreto 192/2015, correspondente ao Catastrazo e se se deixan sen efecto as liquidacións. A recadadora, Susana, di que só se devolve ao que conteste catastro. Javier Medela solicita que se mande a documentación dos plenos antes. Menciona varios locais electorais en pésimas condicións. Varela di que de Nogueira para arriba terán que votar en Chantada pois non chegaban aos 200 electores para conformar mesa e preferían votar en Chantada e non en San Pedro de Líncora. [No BOP publicáronse as Mesas Estatais 2015]. Por último, Campelo fala de tomar medidas contras os donos dos cans e que se informe das inauguracións.

Rogos e preguntas do PSOE

Comeza preguntando por Augas de Galicia e a cantidade recaudada. Varela volve dicir que non sabe e Susana que podería dar o dato. Logo dise desde o PSOE que está cobrando por árbores. O secretario aclara que estábase liquidando impostos sobre contratacións. O imposto de contratacións é para licenza urbanística e non vale para cortes de árbores. En urbano non se está liquidando. Medela (PP) di que do 30 de outubro hai unha. Varela di que a licenza e o seguro de responsabilidade civil quéreo a xente para evitar problemas. O secretario ratifica que na ordenanza está o cobro. A continuación, Raquel transmite o rogo da Asociación contra o alzhéimer, que pide unha caldeira de pellets. Varela di que lles chegou a segunda-feira pasada a petición e que se verán o que se pode facer, prevendo dar 2.000€ dos 3.000€ que custa, mais sendo patrimonio municipal. Logo, Raquel pregunta polos cancís e díselle que falta pouco para rematar as obras. A continuación fala de edificios perigosos e da necesidade de informe do arquitecto municipal. Varela di que ese traballo non o dará feito só o arquitecto e que se precisa unha partida específica nos vindeiros orzamentos, pois agora os concellos son tamén responsábeis do rural. Raquel pregunta polo camiño de inverno, que segue sen declaración oficial, sendo para o PSOE o recoñecemento vital e aprobándose unha moción no seu día por unanimidade [na anterior lexislatura]. Roga que se una Chantada a outros concellos, como Valdeorras e Lalín, que pulan por esta cuestión. INTA contesta que o deixa un pouco nas mans do presidente do consorcio de turismo Ribeira Sacra. Falou tamén con Aída Menéndez que di que hai deixadez neste aspecto desde a Xunta. Raquel menciona a subvención de 31 de xullo de 2015 denegada a Carballedo, Cea, Chantada… Varela di que se debe á máquina de solarium pola que foron sancionados con 3.000€. Como se tramitou conxuntamente con outros concellos, Carballedo e Cea tamén a perderon. A continuación, o PSOE pregunta pola contratación de obras para arranxos, cal foi o profeso de contratación para a súa realización. Varela (INTA) di que as 2 empresas foron as que mellor oferta fixeron cando se contratou coa Xunta e que o m2 de obra feita saíu polo prezo daquela altura e sen beneficio industrial non o 6%. Verémolo no orzamento da Xunta. Raquel fai unha cuestión análoga sobre a sinalización horizontal sen expediente de contratación e dille o secretario que coida que foron contratos menores.

Neste punto o secretario ergue a acta e ponse fin ao pleno. A sesión ordinaria de xaneiro múdase para o día 18.

Resumo do último pleno ordinario (15/09/2015)

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

1.- Acta anterior, correspondente á sesión ordinaria do 13 de xullo de 2015

Unanimidade (Eis a acta en pdf: acta pleno 13.07.2015).

2.- Carácter ordinario da sesión

Unanimidade.

3.- Festas locais 2016

Unanimidade.

4.- Expediente de permutas (consúltaos aquí: Ditames Comisións informativas)

Héctor do PSOE abstense por parentesco en B2.

B1. A favor: INTA (7). En contra: CUP (1) e PSOE (3). Abstención: PP (2). [A proposta co coñecido empresario local Rabelas. Os veciños e colindantes non está de acordo, por iso votamos en contra].

B2: a favor INTA (7), abstención CUP (1), PSOE (2), PP (2)

B3: a favor INTA (7), abstención CUP (1), PSOE (3) e PP (2)

5.- Expediente de moficación de créditos. Transferencia de créditos 2/2015 recoñecemento extraxudicial 022015

O alcalde di que xa se tratou na comisión de facenda. A CUP lémbralle que alí nin están todos os concelleiros nin é pública como si é o pleno polo que hai que volver explicar o punto. Varela (INTA) di que se trata de pagos ao Consorcio da Ribeira Sacra correspondentes a varios exercicios e que non podían incluirse no pago a provedores ao que se acolleu o concello [a cambio dun duro plano de axuste]. Non había liquidez no concello e deixouse esta débeda e outras cousas, como a débeda con ICOS que se mete no punto posterior e que se “negociou” desde a alcaldía coa empresa.

A favor: INTA (7), PSOE (3) e PP (2).

Abstención: CUP (1)

6.- Expediente de moficación de créditos. Transferencia de créditos 6/2015 transferencia crédito 062015

Héctor pide absterse de votar por vinculación coa empresa ICOS.

A favor: INTA (7)

Abtención: PSOE (2) e PP (2).

En contra: Por Chantada (1)

7.- Expediente de moficación de ordenanzas fiscais: das reguladoras da taxa por licenzas urbanísticas e servizos urbanísticos e do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

O interventor indica que se traen a colación conceptos que teñen base urbanística e que deben axustarse á realidade mudando o baremo para ter unha base impoñíbel realista. Non ten relevancia que recaudemos menos ou máis neste concepto. O alcalde di que neste caso estamos falando de cifras cativas e que o informe do arquitecto é favorábel. O interventor di que gosta de que isto se dea neste concello e que lle encanta que se leva adiante, dedicando a enerxía ao traballo máis importante. Raquel do PSOE di que non é incompatíbel unha cousa con outra.

A favor: INTA (7) e PSOE (3)

Abtención: CUP (1), PP (2).

8.- Moción de Por Chantada-CUP para a implantanción de códigos de transparencia e participación cidadá na administración local.
Consulta a nosa moción aquí


A favor: Por Chantada-CUP (1)
En Contra: INTA (7)
Abstanción: PSOE (3) e PP (2)

Raquel (PSOE) di que a moción é demasiado ambiciosa. O concello subscribiuse a un portal de transparencia (no pleno ordinario de xullo). Valora positivamente a participación cidadá. Non é algo que se poda elaborar ás presas, será de común de acordo. Precisa un complexo artellamento, as dotacións a asociacións deberían ir nunha ordenanza aparte.

Manuel Varela (INTA) sería para traballar con máis tempo entre os portavoces. Descoñece se nalgún se dá isto. Podemos reunirnos para estudar algunha proposta de participación. Traballar con máis tempo entre os portavoces xa que a moción ten partes asequíbeis, aínda que este concello xa ten as portas e as fiestras abertas.

Medela (PP) acepta a proposta da comisión.

Antón (CUP) indica que en Google o Goberno pode encontrar ducias de regulamentos de participación cidadá e que concellos como A Estrada, Ferrol, etc. contan con el por non saír de Galiza.


9.- Moción de Por Chantada-CUP para que o concello-pleno de Chantada traslade á Xunta de Galiza que se cubra de forma estábel unha praza de pediatría no hospital de Monforte de Lemos.

Consulta a moción aquí

Aprobouse por unanimidade.

O alcalde di que o seu grupo a apoia aínda que, fala en nome da concelleira do seu grupo Pamela, o servizo está bastante ben prestado segundo as informacións que ten.

[Evidentemente vémonos na obriga de discrepar: “A espera para pasar aos pediatras do centro de saúde alcanza os sete días“]

10. Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para prohibir o emprego de herbicidas para usos non agrarios no concello de Chantada

Consulta a nosa moción aquí

Aprobouse por unanimidade. Medela (PP) apoia redución. Manuel Varela pregunta ao secretario pola competencia do concello. O Secretario responde dicindo que é unha cuestión complexa. Se o concello fai esa norma é universal no termo municipal. Non é fácil de responder cuestións deste tipo a bote pronto e menos dun xeito tallante. Héctor (PSOE) coincide no glifosato e hai estados que o prohiben. Fala de “herbicidas ecolóxicos” [un oxímoron que non partillamos desde logo), que son non tóxicos como os MPCA. Manuel Varela (INTA) di que a aplicación sistemática de herbicidas remata até por tirar cos muros, co conseguinte prexuízo para o concello. Héctor do PSOE di que desde 2013 traen na contraetiqueta que o seu uso está prohibido en muros, regatos, etc. Insiste na alternativa dos MPCA, que se levan empregando na Bretaña francesa desde 1970 e que requirirían o emprego de maquinaria para gramíneas, xestas, etc.

En consecuencia, o PSOE insire unha enmeda para reducir a prohibición ao glifosato. Aceptámola para que a moción se aprobe por unanimidade.

11.- Moción de Por Chantada-CUP para a adopción de medidas de prevención de lumes.

Consulta aquí a nosa moción

A Favor: CUP (1) e PSOE (3)

En contra: INTA (7)

Abstención: PP (2)

Medela (PP) di que o concello ten unha ordenanza de plantacións. Outras cousas son doutras institucións. Raquel (PSOE) pide que se aclare o dos puntos de auga [hidrantes]. Manuel Varela (INTA) di que os bombeiros si que teñen varios, mais que descoñece se para valen para as brigadas e senón adataptalas. Castor (INTA) di que é interesante ter unha carroceta grande que abasteza ás pequenas, máis que os puntos de auga. Ou sexa avoga por unha base móbil. Raquel [PSOE] lembra a moción de limpeza de soares apresentada pola súa formación no pleno de xullo [pode consultarse aquí] e pregunta como está o tema. Castor [INTA] hai varios soares que xa están notificados, o do antigo Capitol limpouno o concello e está a policia local tentando localizar ao dono e que o concello, por suposto, non ten que gastar os cartos nisto polo que se lle pasaría a minuta. Di que están todos notificados. Manuel Varela di que se o concello o limpa e non se paga hai que cobralo como un acredor máis [o soar en cuestión está embargado]. O secretario lembra que vai por vía executiva, como operación subsidaria. Outra cousa é que sexa insolvente. Raquel (PSOE) anuncia que o seu grupo apoia a moción. Manuel Varela (INTA) di que tería que estar máis concentrada no concello a moción. Aquí hai moito que non houbo un grande incendio. A selección de persoal faise mediante TRAGSA e o INEM, non sabe dicir se están ben pagados entre 950 e 1050€ dependendo da categoría de cada un. Concorda no das 5 hectáreas. Pola Xunta pasaron diferentes partidos políticos e non se solucionou. Hai puntos que ten en consideración a nivel concello.

[Os hidrantes non están habilitados para as brigadas tal e como volvemos corroborar pasado o pleno. Hai salarios moitos máis baixos. Tampouco imos entrar a valorar o proceso de contratación da brigada municipal, que daría para un capítulo aparte].

12.- Moción de Por Chantada-CUP para o rescate da concesión da auga e dación de contas do alcalde Manuel Lorenzo Varela sobrea concesión por 30 anos da auga a Aquagest.

Consulta a nosa moción aquí.

A favor: CUP (1)

Abstención: PP (2) e PSOE (3)

En contra: INTA (7)

O PP di que é suficiente que o estude a xustiza. Raquel do PSOE di que son escrupulosos co proceso que está sendo investigado e valoran positivamente a petición de informes e o pleno extraordinario. O interventor, na súa liña de “neutralidade gobernamental” (ironía on), aconsella cautela, porque recortamos os dereitos da empresa [que deben estar por riba do dos cidadáns] e iso é un risco moi alto. Os contratos están para cumprilos. O informe viría nda man do conte da auga por ano. Manuel Varela (INTA) que se investiga a Aquagest e Viaquea e que pasa en máis concellos, polo que hai que deixar traballar a xustiza e que se a oposición quere un pleno extraordinario que o solicite.

13.- Moción do PSOE de apoio ao sector lácteo.

 Lémbase que na moción de xullo quedan puntos por cumprir. O PP introduce unha enmenda e a CUP outra con 2 puntos que se acepta. A moción sae adiante por unanimidadade. Manuel Varela di que 3 céntimos non solucionan nada. Héctor do PSOE que haberá unha reunción para que haxa prezo base a nivel estatal. Valrea di que hai que deixar traballar con liberdade a todos [en referencia aos piquetes que bloqueaban a industria e a distribución, algo moi ilustrativo da parte de quen está]. O concello fletou dous autobuses para Lugo e outro para Compostela. Participará en todas as manifestacións [como resposta á nosa pregunta de se particara alguén do Goberno en Compostela e Lugo, cuxa resposta foi negativa]. A CUP valora a moción, aínda que é xenérica e vén desde arriba. Engade unha enmenda con dous puntos que nos comprometa a actuar a nivel local e lembra que as mocións adoptada en pleno están para cumprirse, en referencia a inacción con respecto da moción aprobada en xuño.

Aprobáse a moción do PSOE coa enmenda de Por Chantada por unanimidade.

14.- Moción do grupo municipal socialista sobre a regularización catastral e as liquidacións do imposto de bens inmobles.

A favor: CUP (1) PSOE (3)

Abstención: PP (2)

En contra: INTA (7)

Raquel do PSOE di que é un proceso moi lento e na práctica os expedientes están en trámite e os valores catastrais non son firmes. O interventor di que hai que asesorar ben ás persoas. E que non remata de ver a posibilidade de fraccionar o pago sen xuros, polo que hai que pasar o “trago”. O secretario di que o fraccionamento do pago debe ser rogado polo contribuínte. Aquí pénsase nun pago a prazos, como o padrón tributario (50% en xaneiro e 50% en decembro). Descoñece o tema e é pouto importante no fondo do asunto a moción. Manuel Varela de INTA di que o concello revaloriza continuamente o catastro. Vénse facendo habitualmente e hai concellos que evitan a revisión catastral porque teñen a regularicación feita. Os 60.000€ son a base dunha regularización. Hai temas que subsanar. Raquel di que se están aplicando cousas sobre expedientes que non están en firme. Persoas que presentan alegacións ao catastro e non se pode pasar o cobro sen estar o expediente regularizado. Manuel Varela reprocha ao PSOE que intente “inculcarlle” o tema do catastro ao Goberno. Os funcionarios fixeron un traballo encomiábel (sic.). Os 60€ son un abuso [12€para a empresa e o resto para Montoro e o ministerio de Facenda do PP. O concello de Chantada vai recaudar así 370.000€ máis polo IBI talvez por iso garde un silencio cómplice en vez de denunciar este atropelo e posicionarse do lado dos veciños e das veciñas asesorándoos debidamente]. Raquel di que o PSOE non quere culpabilizar non ao concello nin aos funcionarios. Aprobouse no BOE, no 2014, e no concello non se avisou aos veciños para facer a regularización voluntaria. Varela di que o fixo unha empresa e que non apoia a moción.

MOCIÓN DE URXENCIA DE POR-CHANTADA CUP PARA AXUDAR A REFUXIADOS E PERSOAS EN SITUACIÓN DE EXCLUSIÓN SOCIAL

Consulta a nosa moción aquí

A favor da urxencia: CUP (1), PP (2) e PSOE (3)

En contra da urxencia: INTA (7)

Xa que logo non se pode debater a moción, que se enviara previamente por deferencia a todos os grupos a pesar do seu carácter de urxencia (non léndose no pleno xa que logo). INTA di que se van sumar aos concellos solidarios como pidiu por escrito Podemos Chantada. Así acollerán as persoas do mellor xeito posíbel e así súmase á solidariedade. Hai que sensibilizar á poboación, como di Podemos, para sumarse a esta cuestión e comezar a implicarnos nós mesmos, comezando a dar leccións nós mesmos. O PP critica que se intente aumentar os cnesos con esta cuestión e o alcalde retruca que con 2’5 persoas por cada concello seguiría sendo suficiente [3 meses despois Europa segue falando de cotas como se estiveran subastando o marrao na feira, de medidas concretas desde o concello ou medidas para prever a acollida de refuxiados ou mellorar as políticas para facer fronte á exclusión social nin rastro].

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

15.- Dación de conta de resolucións da alcaldía.

16.- Dación de contas da liquidación do orzamento de 2014

17.- Dación de conta de informe de seguimento do plan de axuste do segundo trimestre de 2015.

18. Dación de conta de informe de morosidade do segundo trimestre de 2015.

19. Dación de conta do período medio de pago do segundo trimestre de 2015.

20.. Dación de conta da execución orzamentarioa do segundo trimestre do 2015.

O alcalde di que non adimiten debate estes puntos. A CUP lémbralle que non é asi e que como oposición o control da xestión esixe unha valoración e que se deben remitir con máis tempo a documentación para poder facer axeitadamente o noso traballo [de feito a análise destes puntos fixémola no pleno extraordinario para o debate da conta xeral do 2014 e que subiremos á rede proximamente]. Campelo do PP insiste en que os decretos seguen sen enumerarse correlativamente. O secretario contesta que en principio non é preciso numeralos, aínda que se se fai ben é certo que hai que gardar disciplina correlativa.


21.- 
PREGUNTAS PARA O PLENO ORDINARIO CORRESPONDENTE AO 14 DE SETEMBRO DE 2014 de Por Chantada-CUP

I. RELACIÓNS INTITUCIONAIS e DEMOCRACIA

21.1- Pregunta sobre a solicitude de Por Chantada dun local para realizar as súas xuntanzas e actividades

Hai xa máis dun mes que lle enviamos unha solicitude que, ao igual que unha anterior que lle remitimos sobre o sector lácteo, non se dignou a responder.

Entre outras cousas, na solicitude pedíase un local ao amparo dos artigos 17 e 18 do Real Decreto 2568/1986 de 28 de novembro polo que se estabelece o Regulamento de Organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

O incumprimento desta lei básica supomos que xa se sabe as consecuencias que pode ter e esiximos faga efectiva a solicitude no inmediato, xa que para o resto da solicitude é de aplicación o disposto no artigo 14 do ROF:

ARTIGO 14 [DEREITO DE INFORMACIÓN DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN LOCAL]

1.- Todos os membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do alcalde ou presidente ou da comisión de goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.

2.- A petición de acceso ás informacións entenderase concedida por silencio administrativo en caso de que o Presidente ou a Comisión de Goberno non diten resolución ou acordo denegatorio no termo de cinco días, a contar desde a data da solicitude.

3.- En todo caso, a denegación do acceso á documentación informativa farase a través de resolución ou acordo motivado.

Volvendo ao local, vostedes estando na oposición empregaron o mesmo local que lle estabamos solicitando na mesma. Por deferencia, agardamos mais dun mes e esperemos que solventen de inmediato as cuestións solicitadas, especialmente no tocante ao local.

Contestouse que se “estudará” dotar dun local aos grupos políticos independentes xa que PSOE e PP xa teñen sede de seu. Ningún grupo ten local do concello, artellar un e repartilo. As outras cuestións que nos “pasemos” polo concello.

21.2.- Pregunta sobre a RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2015, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se fan públicas as axudas concedidas ao abeiro da Orde do 1 de abril de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupación de concellos.

Como se van gastar os 2.338,32€ concedidos ao concello de Chantada?

Van facer un equipo de voluntariado para substituír ao GRUMIR, mais é complexo e a ver se rematan antes de que acabe o ano.

22.3. Criticamos as bases para a contratación de 6 peóns para eventos culturais no mes de agosto, como xa denunciamos nesta páxina no seu día.

a.- Porque non se fixo público o xurado até despois de coñecer os seleccionados e que criterio se seguiu para a súa selección? Isto non dificulta, por non dicir que imposibilita, o disposto nas propias bases (a aplicación do artigo 29 da Lei 20/1992)? Porque non se aposta por tribunais de predominancia técnica so criterio de especialidade?

b.- Porque non se publicou no BOP e se fixo ás presas, publicándose en El Progreso, mais non na web do concello que é un medio bastante máis efectivo nos tempos que corren?

c.- As “certificacións” ás que se fai referencia no caso do ámbito privado, quen as podía expedir outorgando até un máximo de 4 puntos e baixo que condicións? Que criterios se seguen e porque non se especifican?

d.- Porque non se inclúen, como é habitual, as funcións a desenvolver como peóns especialista nin o grupo de cotización?

e.- Porque se exclúe ás persoas que tendo a ESO, mais sendo menores de idade, poderían optar a seren peós especialistas conforme á lexislación vixente1?

f.- Porque non se especifica máis polo miúdo en que consiste a fase da entrevista?

g.- A non fixación dun mínimo de puntuación na fase de valoración permite pasar a todos os candidatos á fase da entrevista, empregada moitas veces como panca para reverter a puntuación por méritos. Uns criterios de entrevista pouco claros, xunto a unha “certificación” de experiencia confusa constitúen 70 % da valoración. Ao respecto convén lembrar o epígrafe 2 do artigo 38 do DL 1/2008:

A valoración de ditos méritos ou nivel de experiencia non suporá, con relación ás probas selectivas, máis dun 40 % da puntuación máxima alcanzábel na fase da oposición. Co fin de asegurar a debida idoneidade das persoas aspirantes, estas deberán superar, na fase de oposición, a puntuación mínima estabelecida para as respectivas probas selectivas.

Cúmprese coa letra, mais non co espírito das leis. Ao noso xuízo, calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao que estabelece o artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza .

Fáganse as bases que se fagan sempre vén a mesma xente e se se prima a experiencia córtase o paso a xente nova válida.

II. SAÚDE PÚBLICA

2.1- Pregunta sobre a venda ambulante nas feiras do 5 e do 21

A través dalgúns cidadáns chegáronnos queixas sobre a limpeza das rúas nos días de feita, sendo esta manifestamente mellorábel por parte dos vendedores ambulantes.

Desexamos coñecer se existe unha ordenanza específica, ou se se ten previsto crear, tanto para regular as taxas canto para mellorar a limpeza das mesmas. Rogámoslle que actúen con urxencia para solventar esta cuestión e crear unha ordenanza reguladora que se debata no próximo pleno ordinario.

A policia local repartiulles bolsas. A empresa limpa ás 15:30 ou 16:00 horas. Foi ao Faro e ouviulle unha homilia ao cura en defensa do sector gandeiro que lle gustou moito.

2.2.- Pregunta sobre a limpeza dos parques infantís

Recibimos tamén queixas polo estado dos parques infantís durante as festas patronais celebradas entre o 20 e o 25 de agosto.

Recomendamos ao Goberno que dispoña nos próximos orzamentos unha partida específica para mellorar a limpeza das rúas e evitar que volten encontrarse restos de cristais nos parques infantís da vila, co conseguinte e evidente perigo.

Castor indica que se reforzou o servizo de limeoza e que o luns xa marcharan os traballadores e os xardineiros non traballan, polo que foi un problema puntual.

2.3.- Vertidos río Asma

No pasado pleno a portavoz do grupo socialista interpelou ao Goberno de INTA sobre un vertido producido no río Asma o día 21 de xuño. Cónstanos que os vertidos se reiteraron e queremos preguntar polas medidas adoptadas polo Goberno e as que teñen pensado tomar para pór solución a esta ilegalidade que atenta contra o medio ambiente e un dos nosos principais signos de identidade paisaxística, do punto de vista da promoción da vila.

Ao tempo, desexamos tamén indagar se cumpriu co dito do anterior pleno e solicitou en Viaqua as cantidades recadadas por Augas de Galicia desde 2012 e que inversións reclamou o concello tendo en conta que é un canon finalista. A depuradora do polígono que dixo que era urxentísima?

De por parte, rogámoslle ao actual Goberno que reclame a execución dunha nova depuradora suficiente para o concello, un tema fulcral no que hai que traballar facendo as xestións precisas. Igualmente, deberiamos adiantar á epoca de maior pluviosidade para solicitar a limpeza das orelas do río a Augas de Galicia como están facendo varios concellos.

Campelo do PP di que ten fotos do 19 de xuño, que o verquido se produciu ao lado das piscinas. Manuel Varela di que a limpeza do río está pendente do proxecto que remitiron á Deputación e á Confederación a instancias precisamente da Deputación.

2.4.- Rogo sobre a restauración do espazo peonil na praza de Santa Ana

Aquí queremos primeiramente parabenizar ao Goberno por pintar as rúas e estabelecer algúns pasos elevados. Tamén pola disposición a dialogar sobre propostas para mellorar o tránsito e a ordenación dos espazos da vila.

Con todo, vémonos na obriga de indicarlles un aspecto que non podemos pasar por alto. No pasado pleno preguntámoslle sobre o edificio en que colocou INTA a súa faixa electoral, na praza de Santa Ana e a ocupación da vía pública derivada do estado do edificio.

Díxosenos que se ían tomar medidas, cales se adoptaron e cales se pensan adoptar?

De momento o único que vimos foi dar aparencia de legalidade a unha ilegalidade, ou sexa onde non se aparcaba mal agora píntanse catro prazas de aparcamento e subtráese espazo de paso aos peóns a unha praza que debería pór o acento nos peóns e non nos vehículos.

Para alén disto, advertímoslle que están correndo un risco superfluo. As vallas que até hai pouco ocupaban a beirarrúa son mostra máis que suficiente de que o concello é consciente do risco de desprendemento de cascallos, máxime cando se achega o inverno. Rogámoslle seriedade, restaurando o espazo peonil e, antes de lamentar males maiores, que se adopten medidas con carácter urxente no que respecta ao devandito edificio.

Castor di que hai prazas suficientes, tratar de regulalas e que os peóns pasan ben que hai tres metros de beirarrúa. 

2.5.- Pregunta sobre a presenza de po de xofre no paseo de Chantada

Varios casos de cans con diarrea hemorráxica, un dos síntomas típicos de envelenamento, foron detectados en Chantada nun intervalo de tempo coincidente durante no mes de agosto e sempre após pasearen polo paseo de Chantada. Os donos referíronos a súa preocupación inquirindo se o concello empregara po de xofre no paseo.

Evidentemente, nas inmediacións do río Asma e nun lugar onde cativos e calquera adulto pode resultar gravemente envelenado somos conscientes có concello non se lle ocorrería semellante malfeitoría. Iso, si pomos en coñecemento do concello este grave feito, por se non tiñan xa coñecemento, e preguntámoslle que medidas teñen pensado tomar e se a policía local vai investigar o sucedido.

O emprego do xofre está estritamente regulado polo Real Decreto 379/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de almacenamento de produtos químicos e as súas instrucións técnicas complementarias MIE APQ-1, MIE APQ-2, MIE APQ-3, MIE APQ-4, MIE APQ-5, MIE APQ-6 e MIE APQ-7 («BOE» 112, do 10-5-2001.). O mínimo é que emitan un bando advertindo que:

a.- non existe ningunha evidencia científica de que o pó de xofre escorrente os animais e si de que pode causar graves danos na fauna, na flora e nos seres humanos sendo o seu uso indebido penado e sancionábel.

b.- os donos de animais son responsábeis dos mesmos e tamén da súas deposicións e miccións en lugares indebidos e que lles é aplicábel a Lei 1/1993, de 13 de abril, sobre Protección de animais domésticos e salvaxes en cautividade na Galiza, reproducindo no bando cando menos o seu artigo 7º e 19º.

Para alén disto, e sen movernos do paseo, acaban de pór uns cartazes coa zona de solta de cans e as zonas prohibidas para os cánidos. As zonas de solta de cans non cumpren cos requerimentos legais, advertímosllo e instámolos a que cumpran coas disposicións legais vixentes.

Por último, todos os concellos teñen a obriga de teren un servizo de recollida de animais e no casco urbano é a policia local a encargada de facerse cargo de calquera animal abandonado. Até onde nós sabemos Chantada incumpre flagrantemente con isto e tampouco buscou colaboración con concellos da contorna para satisfacer esta necesidade. Como está esta cuestión? Existe algún protocolo de recollida? Hai ou vaise facer unha ordenanza para regular unha cuestión que está suscitando cada vez máis malestar entre un sector importante da veciñanza?

Dise que se porá en coñecemento da policia local o asunto.

2.6.- Pregunta sobre se van xestionar os 15.013€ concedidos pola RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2015, conxunta da Secretaría Xeral de Política Social e da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, pola que se publican as contías das transferencias finalistas efectuadas no exercicio 2014 ao abeiro do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento.

Inquirimos tamén se os 108.306€ recibidos da Xunta de Galiza para axuda no fogar permiten introducir algunha mellora no servizo e se a contía é superior ou inferior a de exercicios anteriores.

Aumentou a partida porque aumentaron as horas. Varela di que a Deputación asinou a teleasistencia e corre ao 100% a cargo da Deputación de Lugo.

2.7.- Pregunta sobre a cesión de competencias á Deputación de Lugo que se fará efectiva en 2016

No pleno de febreiro de 2015 INTA e o PP aprobaron a delegación na Deputación Provincial de Lugo a recadación e inspección de tributos.

Tendo en conta que as deputacións xestionan por volta de 7.000 millóns de euros anuais e que máis do 63% vai a gasto corrente son as administracións que menos dedican a gasto corrente. Para máis INRI, o seu orzamento depende cáseque ao 100% do Estado e das CC.AA e aínda por riba non as escollemos os cidadáns votando os nosos representantes. Estamos pois, ante o mellor exemplo de organismos burocráticos e ineficientes, de duplicidades na administración e de chiringuitos desde os que os grandes partidos fomentan o clientelismo, o amiguismo e o desbanxamento dos recursos públicos.

Aproximadamente 60% do orzamento da Deputación destínase a gasto corrente e unicamente 9% se reserva para transferir aos concellos, que sentido teñen estas administracións? E aínda así en Chantada o PP e INTA apostan por cederlle competencias? Comprenderán que nos preocupemos e moito, pois é cando menos contraditorio que os concellos cedan competencias a un organismo que é en boa medida responsábel do continuo devalar das competencias locais.

Desde Por Chantada consideramos que a descentralización e o reforzo da soberanía local son imprescindíbeis se queremos institucións democráticas e funcionais (o que non quere dicir que deba existir unha fiscalización e control moito máis eficaz e profesionalizada das institucións locais).

Cando a recentralización do Estado é un feito e a perda de soberanía local aínda o é máis, sorprende que desde Chantada non só non se loite por conseguir máis recursos, autonomía e inversións senón que mesmo se ceda a unha institución que non elixen mediante sufraxio directo os cidadáns e totalmente anacrónica (creada no século XIX por Javier de Burgos) para da nosa soberanía.

Se non entendín mal esta decisión entrará en vigor no 2016 e remataría no 2018 segundo a modificación no punto 11.1 aprobada no pleno de abril de 2015, e isto certo? Cando e quen avaliará se melloran ou empeoran os ingresos do concello? Está disposto e comprométese (constando en acta) a reverter este acordo se non hai incremento ou este fica por baixo dos 30.000 euros prometidos?

Só nos queda rogarlle que dean marcha atrás neste acordo:

– Porque recorta a soberanía local e precisamente a pouca soberanía local que lles fica aos concellos. Por outras palabras, faise cos concellos o que a troika (que ninguén vota) fai cos estados do sul de Europa. E ao igual que PP e PSOE aprobaron unha reforma express da sancrosanta Constitución do 78 (polo resto texto sagrado e intocábel da II Restauración borbónica) para atender ao diktat alemán coa Lei Orgánica 2/2012, de 27 de abril de Estabilidade Orzamentar e Sostibilidade Financeira, agora os concellos seguen prégandose aos desexos recentralizadores do Estado español para o que xa se dispuxeron a Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local. É neste contexto e neste marco no que chamamos ao conxunto do pleno a reflexionar sobre os perigos desta cesión de competencias (que non deixa de ser unha intervención consentida, aínda que aquí ningúen semellou decatarse, como a que fai Bruxelas das contas do parlamento español como primeiro paso para drenar recursos).

– Advertimos, e queremos que fique constancia, que Por Chantada oponse enerxicamente a esta decisión aínda non tendo formado parte dese acordo porque é un mecanismo máis para obrigar que os concellos paguen a débeda e alimenten as contas dos bancos por riba de todo: tamén dos cidadáns e da democracia. Non é ningunha casualidade que estes acordos se acompañen nos concellos cos cantos de serea do refinanciamento da débeda. A mensaxe dos oligarcas non pode ser máis clara: decidan vostedes sobre o que queiran, menos sobre o verdadeiramente importante: a economía política.

– Porque no réxime xurídico das condicións é a Deputación a que ditará disposicións sobre a interpretación ou aplicación da normativa anterior e aprobará os períodos de pagamento de cada un dos tributos. Parécenos xa non só un paso máis na recentralización do Estado, senón tamén no vieiro do novo xerencialismo que aplica na xestión pública os intereses e principios ultraliberais, cos xa coñecidos efectos devastadores na sanidade, na educación e no servizos públicos en xerais (en canto se drenan recursos cada vez máis escasos para a banca, empresas privadas amigas e multinacionais).

– Porque se cederán recursos do concello (compensación económica) ás Deputacións cando tanta falta en Chantada; cando son institucións vetustas e antidemocráticas do século XIX que pexan o desenvolvemento libre dos concellos e das mancomunidades.

– Porque existe un servizo provincial de asesoramento aos concellos sen necesidade de ceder competencias.

– Porque se pode estudar a viabilidade outras fórmulas para o aumento dos ingresos das arcas municipais aínda dentro do disposto na Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local: mancomunidades, fusións, etc. Presicamente, queremos advertir ao pleno que o “caramelo envelenado” que agora ofrece a Deputación é a resposta do Estado ao rotundo fracaso dos incentivos ás fusións e que aínda podendo ser positiva a delegación da soberanía durante uns anos as súas consecuencias poden ser funestas a medio-longo prazo. Ao respecto, poden informarse do que aconteceu en Grecia no ámbito municipal.

O intenventor di que se vai debater no pleno da Deputación por unha proposta do BNG que pide custe 0€ e que a nivel local o precisan porque non están capacitados.

III.- FRATERNIDADE

3.1- PREGUNTA sobre o PLANO DE IGUALDADE

O 20 e o 21 de xuño celebrouse o I Encontro de Mulleres en Transición, onde mulleres comprometidas en diferentes ámbitos da sociedade civil fixeron unha posta en común das súas experiencias. En Lalín, o concello acolleu a XI edición do curso de verán sobre igualdade, desta volta co título “Violencias, Coeducación e Axentes de Socialización” organizado pola Oficina de Igualdade en colaboración co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (ICE-USC).

A raíz destas e doutras experiencias, nas que a nosa contorna fica cáseque sempre marxinada, e conforme ao disposto no II Plano de Igualdade de oportunidades (2013-2017) aprobado polo concello de Chantada onde, entre outras cousas, se dispón «organizar eventos ou xornadas onde as protagonistas sexan as mulleres representantes das asociacións feministas en Galiza para fomentar a creación de asociacións de mulleres en Chantada» (II PIO: 13).

En que estado de desenvolvemento se encontra o plano?

Que actividades do teor das expostas contempla desenvolver o Goberno nesta lexislatura?

E doutra natureza máis acorde co disposto no referido PIO?

Vaise traballar nun novo plano e, de ser o caso, cando se contempla facelo?

Que preguntemos no CIM.

3.2.- Rogo sobre as vivendas do Cantón

Desde Por Chantada-CUP consideramos que a Xunta e o Concello non están tendo unha actuación afortunada no tocante ás vivendas restauradas da praza do Cantón que se ían pór ao dispor das persoas que precisaren unha vivenda, “garantida” pola Constitución de 1978.

En que situación se encontran arestora e que medidas pensan adoptar ao respecto para facelas verdadeiramente útiles e cumprir o seu propósito? Estudouse se é posíbel modificar instando á Xunta ou complementar os requirimentos con medidas locais para que quen as precise as poda desfrutar?

Pasan os meses e non se lle dá dado saída, di o alcalde. Só se adxudicaron 3 e unha renunciou. O tema voltou ser noticia recentemente pola visita da conselleira: https://www.youtube.com/watch?v=truVOBfeB3I&feature=youtu.be

IV AGRO

4.1.-Rogo para a promoción da agricultura ecolóxica no concello de Chantada

O Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza (CRAEGA) creouse no ano 2000 e certifica os produtos ecolóxicos. Para alén do inxusto e irracional que é certificar o que non ten adubos químicos fronte aos alimentos envelenados da agro-industria, na actual conxuntura os pequenos propietarios e a mocidade que desexen incorporarse ao agro precisan explorar novas vías.

Galiza ten condicións, tradición e capacidade para apostar pola calidade. No caso de Chantada mesmo aínda conservamos as feiras e os mercado.

Castaña, viño, hortalizas, carne de pastoreo extensivo, leite fresco, marmeladas… Hai saídas, mas precisan de asesoramento, da autoorganización e do apoio mútuo entre produtores.

O concello, sen apenas custe de cartos –iso si require traballo–, debería estabelecer contacto coa CREAGA e outras iniciativas para iniciar un ciclo de palestras destinado ás persoas interesadas na agricultura ecolóxica, tanto produtores canto consumidores.

Rogamos, pois, que se encete o devandito proceso e, fixado o calendario de actividades, distribuír un bando informativo (nas parroquias, na web e en Televinte cando menos).

No mes de abril houbo xornadas de apicultura ecolóxica galega. Que se pode preguntar nos sindicatos e que o mellor medio de difusión é Televinte.

4.2.- Pregunta sobre as actuacións do Goberno local a respecto do sector lácteo

O Goberno de INTA planeou desenvolver algunha das medidas que lle propuxemos mediante solicitude, ou calquera outra da súa colleita? Na actual conxuntura, fraco favor lle facemos ao futuro da institución e da economía da nosa comarca conformándonos co apoio mediático sen ningunha medida concreta.

Lembrámosvos que só entre 2002 e 2012, segundo o IGE, Chantada perdeu por volta de 5.000 vacas, ficando nas 8.300 cabezas. Un descenso que é superado en Galiza polo concello de Santa Comba. Amais, os concellos que perderon máis vacas no interior de Galiza tamén foron os que perderon máis poboación nos últimos anos, que sen podermos estabelecer unha correlación directa e evidente que si que podemos sinalar a degradación das economías locais como causa fulcral.

Resposta xeral sen concretar nada, máis ou menos na liña das anteriores.

4.3.- ROGO para declarar a Lence, propietario de Leite Río persoa non grata

Dadas as reiteradas declaracións insultantes contra os nosos gandeiros do señor Lence, propietario de leite Río rogamos declarar ao mesmo persoa non grata no noso concello.

Tales declaracións son un insulto dado que un dos grandes beneficiarios dos prezos de miseria e da práctica durante décadas do dumping para sortear o sistema de cotas está máis que probado.

É máis os informes da OCU sobre a calidade do leite, por exemplo o de 2011, sinalaba que as marcas da empresa Río son o leite de peor calidade e no 2014 os datos non son mellores. Presenta tamén unha concentración de bacterias termoresistentes superior ao habitual e que evidencian que o proceso de elaboración da empresa é altamente mellorábel. Debería, pois, comezar por arranxa a súa casa antes de falar das casas dos demais.

Non formulamos como tal o rogo, recollendo a referencia a este empresario impresentábel no anterior punto.

4.4.- Rogo para repor sinais e contenedores en varios lugares do rural

A empresa de recollida de lixo dixo que os ía repor. Xa deberían estar. 

V ECONOMÍA POLÍTICA

5.1.- Período de pago medio a provedores

No ponto 13 do pleno do 13 de xuño advertímoslle sobre o incumprimento no período de pago a provedores, que mesmo situou a Chantada nas novas dos principais xornais e non por algo positivo precisamente. Tamén nesa sesión fixemos unha lectura política dese dato solicitándolle que polo ben común se poñan a traballar en serio.

Os novos datos, correspondentes ao segundo trimestre, seguen sendo dos peores de Galiza malia a mellora: 67,45 días. Xa que logo, é a nosa obriga volverlle facer a mesma pregunta, agardando desta volta unha resposta fundamentada e non a vacua retórica da improvisación:

– Que medidas ten pensado tomar o Goberno, en que se fundamentan para reducir a morosidade especialmente no que concirne a pequenas e medianas empresas da comarca?

Varela di que no 2016 estarán nos 30 días e que hai liquidez. O interventor resta importancia a este dato dicindo que é relativo. http://www.farodevigo.es/galicia/2015/08/16/treinta-siete-concellos-figuran-lista/1297058.html

5.2.- Pregunta sobre a reunión de representantes da corporación local con Amancio López-Seijas

O pasado domingo 15 de agosto houbo unha reunión entre representantes da corporación e o empresario Amancio López-Seijas, do grupo Hotusa.

Xa que foron en calidade de membros desta Corporación, ninguén que non fose concelleiro foi convidado até onde nós sabemos, gostaríamos que se rendese conta da mesma aquí no pleno, así como das peticións elevadas no encontro polo susodito, como se ten feito con outras reunións de natureza semellante.

Que lle preguntemos aos voceiros do PSOE ou do PP ou que nolo explican en privado. Retrucamos que non debería ocultarse o que se trata entre representantes públicos e un empresarios se non hai nada que ocultar nin irregular.

5.3.- Bicicletas municipais

Durante o goberno local da coalición PSOE-BNG o concello fíxose con bicicletas para o uso da policía local. Consérvanse? En que estado se encontran?

Rogamos sexa regulado e se cumpra o seu uso en casco urbano por parte dos axentes tal e como se fai en tantas outras vilas.

Tendo en conta que se gastaron máis de 4.000€ en gasoil (partida orzamentar 132-22103) e que supón o duplo do crédito orzamentar inicialmente orzamentado deberían implementar esta proposta con urxencia.

Amais, aforraríanse tamén así nos elementos de transporte (132-21400) onde se gastaron 3.000€ e en maquinaria e instalación técnicas (132-21.300) con 9.500€.

En xeral, tendo en conta que en 2014 se gastaron 47 millóns de pesetas na seguridade e a orde pública, dos que 43.260.274 millóns de pesetas (259.572,27€) se van só en soldos, hai que preguntarse se isto é axeitado ás nosas dimensións e mesmo se responde semellante inversión e número de policías locais coa ordenación actual do tránsito na vila.

Na nosa opinión, é máis un exemplo de como exercer o clientelismo desde as institucións nos tempos de vacas gordas que agora drenan recursos esenciais para o que realmente é importante e necesario, por exemplo as políticas sociais que as teñen abandonadas sendo Chantada o concello que menos inviste por habitante do sur de Lugo cando hai máis dun 30% da poboación en situación de exclusión.

Por non falar dos 425.000€ de déficit no exercicio 2014, que indican que debe corrixirse a situación financeira do concello, xa que os dereitos recoñecidos son insuficientes para atender as obrigas xeradas no mesmo.

Por outras palabras, o Goberno de Manuel Varela aceptou o principio da «estabilidade orzamentar» do ordoliberalismo alemán e a regra de ouro da troika imposta polo Ministerio de Facenda en troques do pago a provedores. Porén, até o de agora os informes da intervención e as contas revelan que foron incapaces de adoptar a súa política económica ás contrapartidas do plano subscrito expóndonos a todos a graves consecuencias. Estamos dándolle numerosas ideas para que podan facelo da maneira menos traumática para a maioría social e intentando facer que paguen máis os que máis teñen, ao tempo que lle damos ideas para que elaboren uns orzamentos de carácter social e centrados no futuro sen seguir coas inercias letais do pasado.

Sobre isto recuncamos no pleno extraordinario para o debate da Conta Xeral de 2014.

5.4.- Estrada San Martiño-A Barrela

Con máis dunha década de atraso Fomento, que gastará o groso da inversión na Galiza no AVE para as empresas amigas do IBEX.35, volve coa autovía Lugo-Ourense cun trecho testemuñal de 8’8 quilómetros entre San Martiño e A Barrela, cun gasto de 5 millóns de euros. Temos claro que é parte da estratexia do ano electoral e que, contrariamente, ao optimismo dos alcaldes de Chantada e Carballedo non terá provabelmente continuidade, máxime cando era o único en construción en 2010.

Estudaron adoptar conxuntamente os alcaldes dos concellos afectados algunha determinación ao respecto? Lémbrolle aos presentes que concellos como Lalín ou A Limia que partían dunha situación análoga á nosa están hoxe nunha ben diferente económica e demograficamente por contaren con esa infraestrutura (aínda que o tren de proximidade e de mercadorías é o que debería reclamar o interior galego e non o despropósito do AVE).

Saltamos esta cuestión pra tratala máis pormenorizadamente noutro pleno, xa que este xa superara as tres horas.

5.5.- Solicitude de información sobre a xestión dos 82.147,37€ concedidos por RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade dos beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 4 de marzo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (IN519B).

Irase informando.

VI CULTURA

6.1- Pregunta sobre a política lingüística do concello

Porque a entidade de Chantada non se acolleu á Orde do 22 de abril de 2015 que regula a convocatoria e a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 79, do 28 de abril? Coa subvención concedida poderíase dispor dun técnico en normalización lingüística para, cando menos, cumprir a lexislación sobre o emprego da lingua galega na administración local e non publicar unhas bases para a contratación de 6 peóns para eventos culturais en castelán e onde o “gallego” (sic.) só aparecía como mérito.

A bibliotecaria fai o servizo de normalización ao ser titulada en galego (sic.).

6.2.- Festas patronais

Que cantidade achega de fondos públicos o concello ás festas patronais que tiveron un orzamento total de máis de 60.000€? 35.000€ como en 2014?

Que cantidade se destinou en 2015 á Asociación Amigos do Folión? 9.500€ como no 2014?

Sería recomendábel,igualmente, que o Goberno elaborase un Plano de Seguridade e Emerxencias que contemple eventos de risco como a Empanada ou a Feira do Viño para evitar sucesos tráxicos relacionados co tráfico rodado ou de viandantes, cortes con cristais, etc.

De por parte, este ano en Cangas,após a semana do jazz, viñeron as festas patronais por onde pasaron Caxade, Sés, Terbutalina, Milladoiro, Traspés, Ludovaina, etc. Supoño que vostede non terá “cedés” de grupos galegos no seu carro e, por iso, pensa que o tempo dos concertos xa pasou, porque confunde os artistas do playback e a grande distribución, xunto coas orquestras-espectáculo coa música ao vivo.

Iso si, en moitas desas efemérides (bastante máis concorridas que as festas locais onde tivemos talvez o folión con menos afluencia de público da historia) non hai nin unha soa orquestra ou estas son secundarias. Na referida vila da península do Morrazo faltou unha para a primeira e na festa do Albariño de Cambados as orquestras ocupan un plano terciario, xa non secundario face as actuacións internacionais de James ou as nacionais de Dios ke te krew, Sés e Sokram, por exemplo. E o mesmo podo anunciarlle que sucederá no San Froilán.

O contraste é elevado entre varios concellos, onde hai grandes festas cunha programación compensada e variada que non se prega en exclusiva ás orquestras e a uns representantes que levan o beneficio. Para alén de que as festas deberían saír a concurso público ou ter unhas contas públicas transparentes, dada a importantísima axuda pública que reciben, é bastante elocuente a entrevista do alcalde que di que «a época das actuacións xa pasou» cando aínda tivemos non hai tanto a Emilio Rúa en Chantada. Entre iso e afirmar que quen queira escoitar a un artista merque un CD…

Rogámoslle, pois, máis frescura e un enfoque novidoso para reactivar os eventos locais. Exemplos onde aprender ao seu redor teñen se queren.

Por último, é froito tamén da ignorancia ou da malicia vender que son unhas festas austeras cando se gastan desde o concello arredor de 40.000€ e mais de 10.000.000 das antigas pesetas en total, ou sexa, máis incluso que nalgunhas outras localidades onde si hai actuacións musicais ao vivo e variadas de música galega (e por certo cunha resposta de público obxectivamente maior que o optimismo que vende na súa entrevista). Un gasto elevado nas festas e en eventos debe procurar atraer visitantes para que repercuta na economía local.

Sobre a promesa do aglomerado en cante e outras perlas da súa entrevista prefiro nin pronunciarme, pois no seu caso cando fachendea de xestión acórdame o refrán do dime do que presumes e direiche do que careces.

 35.000€ ás festas e 9.500€ ao folión. Que se refería aos artistas de fóra.

Preguntas de última hora de Por Chantada-CUP

Sobre a limpeza da praia do Sangoñedo que se encontra chea de lodo. Limpouse en xullo.

Sobre a colaboración co banco de alimentos e a recollida de alimentos nos supermercados, evitando que vaian ao lixo. Varela di que trabllan coa Cruz Vermella [danlle 500€ ao ano], co Banco de alimentos e con Amigos de Galicia.

Preguntas PP

Campelo pregunta polo BICES. Sobre o vertido do 19 de xuño. Varela di que se deu coñecemento a Viaqua e que ese “aliviadeiro” chando chove dá problemas. Campelo di que ese día estaba un día bon. Campelo fala do derribo dunha construción e dos soares e Castor di que o propietario accedeu a retiralo e fíxoo a brigada do concello. Campelo pregunta se pagou o concello e díselle que ese soar foi de FENOSA e, ao cabo, recoñécese que pagou o concello. Capelo fala do repintado dos pasos elevados e di que coinciden coa casa do alcalde (Manuel Varela), do tenente de alcalde (Castor) e do lugar de traballo da número 3 (Cati). Castor di que isto é debido ao informe da policia local e que en total se puxeron 4 pasos elevados. Campelo di que nas contratacións non se está reservando unha porcentaxe para discapacitados. Manel Varela di que está dentro dos parámetros. Fala o PP da axuda para a depuradora de 82.000€ da Xunta de Galiza. Varela di que non lle poden facer fronte por se precisan 200.000€. Campelo di que entre o que dá a Deputación 102.648€ e o que dá a Xunta de Galiza supón o 80% do custe da obra, polo que roga que non se perda a subvención. Campelo pide regular o volume das atraccións da rúa Xoán XXIII nas festas.

Preguntas PSOE

Segue habendo problemas coa recollida do lixo en lugares como San Fiz [desde a CUP informamos que tamén se dan estes problemas nas parroquias de Seoane e Santa Cruz de Viana pois só recollen unha vez á semana e cobran por dúas e os contedores están cheos]. Castor di que hai problemas co persoal da empresa. O PSOE pide máis pasos elevados na avenida de Monforte á altura do Día. Castor volta facer referencia ao informe da policia local. Raquel pregunta se falaron coa Xunta. Castor di que entre dúas e tres veces en xunta local de Goberno. Falaron cun enxeñeiro. Mais problema en desprazar os medios ca en facer os pasos. Manuel Varela di que Taboada e Ramos foi a concesionaria [xa fixo outras actuacións en Chantada como a ampliación do tramo ao pasar a ponte do Asma dirección Brigos]. Raquel pide que se arranxe o camiño de veciños de Santiago de Arriba [hai máis que precisan arranxos de urxencia como a pista que vai ao cruce da Lagoa-Saramagal ou a estrada da SEAT dirección Faluche]. Castor non teñen permiso para o novo trazado no caso que anuncia a portavoz do PSOE e descoñecen se hai conformidade dos veciños. Raquel especifica ben a ubicación do camiño. Manuel Varfela di que se o tempo o permite se desbrozará e que aquela subida precisa de formigón ou durará nada o arranxo. Raquel engade a pista de Arcos-Casteda. VArela responde que no día do pleno andaban desbrozando en Barrio e Lamasendín. Raquel di que o camiño do San Lucas a Abral non estaba limpo na festa da empanada. Xaquín (INTA) contesta que de Abral a Centulle está desbrozada e Varela engade que hai que ir moi mal para dar coas silvas aínda que estivera sen desbrozar a pista. Pregúntase polo cobro de taxas pola realización de queimas dentro de casco urbano. A Lei 7/2012 e 3/2007 esixen reformar a ordenanza e non contempla cobro por este concepto. O secretario di que non sabe se se cobra ou non. Raquel retruca que se estude para o próximo pleno.