Por Chantada defenderá no pleno impulsar unha FISCALIDADE RURAL

  • Por Chantada nunha moción de doce páxinas fai unha diagnose do estado do interior galego e da necesidade dunha fiscalidade rural.
  • Por Chantada propón a modificación do mapa de axudas rexionais para, de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, se crien xa axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora coa máxima intensidade que o marco europeu permita a razón da súa condición ultraperiférica.
  • Asemade, propomos, pra reverter a demotanasia, instar ao Congreso e ao Senado a que impulsen unha renda básica rural e que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

IMG-20220615-WA0032

Casco antigo de Chantada. O interior galego atravesa unha encrucillada que o sitúa nunha situación de completa emerxencia. Fiscalidade rural ou demotanasia. Foto: Por Chantada.

Através dunha completa diagnose, demostramos que o interior galego está sufrindo un implacábel proceso de demotanasia, é dicir, un proceso en que as accións ou omisións políticas provocan a desaparición da poboación nun territorio, cuestión que profunda nas desigualdades sociais e territoriais, á vez que nos converte nunha zona de sacrificio, ou sexa unha área xeográfica permanentemente suxeita a dano medioambiental, espolio dos seus recursos naturais e/ou a falta de investimento económico.

Este conxunto de fenómenos provocan unha mingua de poboación e degrada as condicións de vida dos habitantes, así como os seus medios de vida. Así pois, hai unha perda de biodiversidade natural, cultural e produtiva.

A diagnose que xustifica a necesidade dunha fiscalidade rural complétase atendendo a:

a) Envellecemento.

Ourense, Zamora e Lugo son das provincias da Unión Europea coa poboación máis envellecida e con índices de avellentamento brutais.

b) Despoboamento.

Durante o século XX, dez provincias no conxunto do Estado perderon poboación, con Lugo e Teruel á cabeza. Nas dúas décadas que levamos do século XXI o dramático récorde teno Ourense (10,88%) en termos cuantitativos, aínda que a porcentaxe de despoboamento é superior en Zamora (15,40%) e seguidas de Lugo (9.85%). Na Riberira Sacra a caída media das parroquias ribeirás de Miño e Sil foi do 40%! Para que serviron as supostas medidas de protección e dinamización por parte da Xunta na Ribeira Sacra?

c) Dispersión xeográfica.

Temos xa amplas áreas do interior galego que rozan o deserto demográfico. A dispersión xeográfica sumada ao avellentamento dispara as necesidades de gasto público social e torna máis complexa a prestación dos servizos públicos. Mentres no centro de Europa a maior parte da poboación encóntrase a menos de 15 minutos conducindo dun hospital na Península estas cifra smudan moito, encontrándose Teruel, Cuenca, Soria, Cáceres e Lugo entre as que apresentan unhas isócronas piores.

d) Mocidade, desemprego e precariado.

O precariado é un fenómeno cada vez máis xeneralizado, con amplas capas da sociedade que viven en risco de exclusión social aínda cando sexan traballadores activos. Na Galiza, a taxa de desemprego para as persoas mozas é 24,7% (2021), polo que máis que duplica a taxa xeral de desemprego, que é de 11.7%, e máis que triplica a taxa xeral da UE. No segundo semestre de 2022 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada, 8,5 puntos por riba da media total do Estado español. Asemade, as taxas de desemprego alcanzan a 55,5% das persoas de 16 a 19 anos e a 31,3% entre 20 e 24 anos. Neste contexto, explícase o elevado nivel de precariedade e parcialidade no colectivo, favorecido por traballar 71,6% da mocidade no sector servizos.

Por se o anterior fose pouco, os salarios das persoas menores de 35 anos están 20,5% por baixo da media, unha fenda salarial de 4.678 euros anuais e a diferenza coa medida estatal aumenta cada ano.

Son as xeracións máis novas as que marchan e a vaga migratoria expulsou da Galiza máis envellecida da historia 371.637 persoas entre 2009 e 2021 con especial incidencia no interior galego. Deste total, 38% eran menores de 29 ano. Emigran as camadas máis formadas e en que se fixo un investimento social por medio do ensino, afectando a expulsión de talento á capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno no interior galego.

e) Consecuencias políticas.

Ourense (37,38%), Zamora (36,3%) e Lugo (35,12%) teñen a maior porcentaxe de maiores de 65 anos, por riba do 35% do censo eleitoral, fronte ao 24% do conxunto do Estado. Por volta de 70% das persoas que pertencen á faixa etaria dos maiores de 65 anos, segundo o CIS, vota sempre e cunha altísima fidelidade, é dicir, votan sempre e case sempre ao mesmo partido, favorecendo ao bipartidismo (PP e PSOE) e, daquela, os representantes eleitos nesas provincias teñen escasos incentivos para cuestionar as políticas centralistas do Goberno central con independencia do partido que nese momento goberne e aínda menos as da Xunta. Porén, todo pode mudar, como demostran Soria (35,12%) e Teruel (31,58%) que veñen de apostar maioritariamente por formacións que desafían a demotanasia e o abandono do mundo rural.

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Unha FISCALIDADE RURAL para un INTERIOR GALEGO VIVO.

Por Chantada integra o movemento cidadán Interior Galego Vivo, que leva demandando en diferentes ocasións unha fiscalidade rural que debe concretarse en planificacións e coordinacións transversais das diferentes administracións públicas partindo do direito europeu e do principio constitucional de igualdade e da cohesión territorial, pois non pode existir igualdade e equilibrio territorial sen servizos nen mocidade. Infelizmente, as propostas que fixemos chegar na última campaña das eleicións galegas ao PP, ao PSOE, ao BNG, a C’s e a UP foron desatendidas e tampouco o labor parlamentar destes partidos en Madrid ou Bruxelas se destacou por unha sensibilidade especial para a demotanasia que padece o interior galego.

O Goberno do Estado vén de anunciar tamén beneficios fiscais que se aplicarán ás tres provincias de menor densidade de poboación (Teruel, Soria e Cuenca) e que foron incluídas pola Comisión Europea no novo mapa de Axudas á Finalidade Rexional. As novas axudas actívanse xa conforme a disposición adicional 123 dos Orzamentos de 2022 e suporán reducir as cotizacións empresariais nos contratos indefinidos nun 5% nos contratos existentes no ámbito provincial, dun 15% nos novos contratos e dun 20% nos novos contratos en concellos de até 1000 habitantes (se a sede social e fiscal está nese concello). No entanto, o anunciado está aínda lonxe do tope que permite a UE.

Celebramos esta vitoria do rural, que non se entendería sen o traballo parlamentario de Teruel Existe dito sexa de paso, xa que fixou a activación destas axudas como conditio sine qua non para apoiar os próximos Orzamentos Xerais do Estado, se ben fica aínda moito por facer para termos unha fiscalidade rural de noso. No entanto, a situación de Zamora, Ourense e Lugo non é mellor e entendemos deberían acollerse a estes beneficios fiscais de igual xeito, xa que aínda tendo unha maior densidade de poboación o envellecemento e a dispersión sitúannos igualmente un escenario de recursos e dinamismo económico reducido e nunha proxección de deserto demográfico, que xa é unha realidade en moitas parroquias, concellos e mesmo comarcas do interior galego. En consecuencia, Ourense, Zamora e Lugo encóntranse de pleno direito no mesmo artigo 174 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea polo que non atopamos xustificación para que se aplique nuns territorios e noutros non.

Ao tempo, Interior Galego Vivo reclama que se abandone o indicativo de investimento por habitante co que se realizan as valoracións dos Orzamentos Xerais do Estado como fundamento único, xa que é moi lesivo para o interior galego. Demandamos, pola contra, o emprego do estándar de investimento por superficie, que deixa ben en claro a marxinación dos territorios rurais do interior. Os indicativos do PIB; a renda ou o investimento por habitantes non son bons indicadores para medir o desenvolvemento dun territorio, pois o que cómpre é valorar o custe real dos servizos para planificar o seu financiamento en base á dispersión e o índice de avellentamento se verdadeiramente se acredita na igualdade e na cohesión territorial.

Interior Galego Vivo demanda o recoñecemento de Zamora, Ourense e Lugo como territorios ultraperiféricos e subvencionábeis en virtude do seu índice de envellecemento, as proxeccións demográficas e a elevadísima dispersión demográfica que encarece a prestación de servizos públicos esenciais e reduce a igualdade de oportunidades. O PIB per cápita na maioría dos concellos tamén está nas rendas inferiores do Estado e é inferior a 75 % da media da UE, concentrándose no sul de Lugo e en Ourense a meirande parte dos concellos con maiores índices de pobreza, entre eles Chantada co 40,88% da poboación en risco de exclusión social, segundo cifras do INE.

Asemade, Interior Galego Vivo entende que a Xunta debe destinar parte do incremento do financiamento autonómico, que recollen os vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, a un reforzo efectivo dos apoios ao sector primario e a unha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, a rehabilitación de vivenda no rural para uso social, a reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, a impulso á conciliación e a unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

Finalmente, cabe perguntarse se as comarcas do interior galego poden continuar permitíndose o luxo de non disporen de voz nas institucións, xa que os deputados galegos e as senadoras galegas actuais non demandaron algo tan elemental e de xustiza como as reducións nas cotizacións empresariais que si conseguiron Teruel Existe e Soria Ya! na secuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado. Tampouco ouvimos voces galegas na Eurocámara pedindo unha fiscalidade rural e políticas agrícolas que garantan a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

paso RM NG fondo paso Sernande
O Miño ao seu paso por Cartemil (Santa María de Nogueira) estase vendo atinxido por unha falta de regulación das embarcacións a motor (perdas de aceite, combustíbel, ruídos…) e os verquidos son frecuentes ao careceren as parroquias de sistema de depuración. A Confederación Hidrográfica segue a ser moi pouco transparente e as diferentes administracións non se cordinan para solventar un problema que contradi na práctica a recente declaración de Reserva de Biosfera. Ríos cada vez con menos flora e fauna autóctona poden ser reserva de biosfera?

As propostas da nosa moción.

1.- Demandar do Estado español a modificación do mapa de axudas rexionais 2022-2027, incluído no plan territorial de transición xusta no contexto do Regulamento sobre o Fundo de Transición Xusta no marco das Directrices sobre as axudas de finalidade rexional revisadas (DAR), e a súa notificación á Comisión europea co fin de aplicar un aumento da intensidade máxima das axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ao elevado índice de avellentamento, á dispersión poboacional e á demotanasia que sofren estes territorios.

2.- Dirixirse ao Goberno central para que as provincias de Zamora, Ourense e Lugo sexan consideradas rexións ultraperiféricas e, portanto, subvencionábeis, de acordo co artigo 107 do TFUE e tamén para que o Goberno defenda a modificación do TFUE para dotar de maiores axudas ao equilibrio territorial e ao mundo rural.

3.- Solicitar da Xunta da Galiza que incremento do financiamento autonómico, que recollen os Orzamentos Xerais do Estado, se traduza nun reforzo dos apoios ao sector primario e nunha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, rehabilitación de vivenda no rural para uso social, reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, impulso á conciliación e unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

4.-Propor ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se impulse un marco lexislativo que ancore o despregue dunha fiscalidade rural e dunha renda básica rural como pago social pola xestión sustentábel e a garantía de soberanía alimentar que supoñen as comunidades rurais.

5.- Instar ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

MociónPCh_TFUE_demotanasia

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

#ofuturotenpartido
#mellorarChantada
#avozdorural

Comprometidos cun interior galego vivo

Resumo do pleno do 6 de outubro de 2022

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Asistiron 12 dos 13 concelleiros e concelleiras, ausentándose Cándida Carnero (PP). Tamén asisten a interventora (María) e o secretario accidental (Cores). Canto ao público, asiste unha única viciña, e o pleno comezou ás 20:03 horas do día seis de outubro de 2022, sendo a convocatoria ordinaria.

Podes escoitar o audio do Pleno grabado polo noso grupo municipal na seguinte ligazón:

https://drive.google.com/file/d/1uxzRK8uIdYHVXTJtqZTlhNoR4jw5Pv1K/view?usp=sharing

A) Parte resolutiva

1.- Aprobación da acta da sesión anterior: ordinaria de 4/08/22.

DOCUMENTACIÓN: Acta pleno_040822

O grupo socialista quéixase de que continuamente se convocan os plenos fóra do prazo acordado ao comezo da lexislatura. Pide respeito á oposición, xa que o pleno tiña que ser o 22 de setembro. Tamén pide que se corrixa o ponto 6.1 da acta, xa que non perguntou pola carreira de obstáculos, mais pola Gold River Race de piragüismo.

Apróbase a acta anterior, coas correccións indicadas, por unanimidade.

2.- Baixa de Obrigas Pendentes de pagamento de exercizos pechados.-Periodo 2002-2016.-Exte. G434/2022. [Audio min. 3]

DOCUMENTACIÓN: 01.- PROPOSTA BAIXA OBRIGAS EX. PECHADOS

02.- INFORME-PROPOSTA TESOURERIA BAIXA OBRIGAS EXERCICIOS PECHADOS

03.- RELACION OBRIGAS PENDENTES PECHADOS

04.- INFORMES DE INTERVENCION 2022-0017

Raquel (PSOE) di que é algo que debía levar tempo feito e que a exposición pública en xullo non é a mellor altura para que as persoas afectadas se enteren. Alégranse de que se depuren e se camiñe a unha imaxe máis fiel. Falta o inventario municipal.

Desde Por Chantada http://minuto%205 reiteramos o xa explicado da comisión informativa (CI):  habitualmente estes expedientes acompáñanse tamén de baixas dos direitos pendentes de pagamento, mais valeunos a explicación que se nos deu desde Intervención: a necesidade de comezar por aquilo que desvirtúa máis a imaxe fiel e real da Facenda local e o feito de os direitos pendentes de cobro “oxídanse” ao 100% a partir do 5º ano. De por parte, hai partidas que revelan erros ou duplas contabilidades destacando varias que deberían tramitarse com subvencións. Imaxinamos que puido deberse aos sucesivos cambios que houbo na Intervención municipal ou, en xeral, a erros humanos.

En todo caso, o expedientes tramitouse conforme á legalidade e o tempo transcorrido –son facturas comprendidas entre 2022-2016– e expúxose en xullo polo que non observamos elementos anormais no procedemento. No entanto, si que é irregular que estas facturas, agás a de 2016, non entraran no mecanismo de pago a provedores do ano 2012, regulado mediante RD 4/2012, de 24 de febreiro e RDL 7/2012, do 9 de marzo, co cal se deberían ter liquidado todas as facturas pendentes de pagamento con cargo a un moi oneroso crédito co Banco Santander de funestas consecuencias para o Concello de Chantada.

Tendo en conta que o noso grupo municipal non tivo nengunha responsabilidade nesas facturas e tampouco no deseño e aprobación do plano de axuste optamos por non apoiar este asunto e absternos.

Manuel Varela di que ten no concello a oferta dunha empresa para facer as faixas de todas as parroquias de Chantada e se gostan de como traballan poderían tamén facer o inventario do patrimonio municipal e que xa teñen eles feitos uns disquetes (sic.) e sería só repasar. Van comezar en 2023 a licitar estes servizos.

VOTACIÓNA FAVOR: PP e PSOE (10). ABSTENCIÓN: Por Chantada (2) EN CONTRA: 0.

3.- Fixación de dous días festivos locais para 2023. Ratificación se procede dos días festivos comunicados por mor da urxencia, á X.T. da Consellería de Emprego e Igualdade. [Audio minuto 9:17]

[Os días que se escolleron foron o día da Empanada e o Día do Faro (8 de setembro).]

Intervén Daniel (PSOE) para indicar que no expediente non consta nengunha decisión e, portanto, a legalidade non sería o que se di senón convalidar un acordo nulo ao ser adoptado por órgano incompetente, substraendo ao Pleno a súa compentencia (artigo 52.3 LPAC). Non serven escusas. A lei é así desde 1983 e o alcalde non é un recén chegado. Desleixo e improvisación. Enteráronse polas RRSS do Concello. A cortesía e o respeito pola oposición brilla pola súa ausencia e tampouco falaron cos axentes sociais antes de adoptar o acordo.

Manuel Varela intervén para incidir en que chamaron á Asociación de empresarios (AECh) e que vían lóxico o Faro ao ser venres o día 8. Di que é excesivo dicir que non respeita a oposición, que é moi educado e que iso sobra.

Desde Por Chantada [minuto 15:20] sinalamos que máis un ano que os feriados non veñen ao Pleno. Máis un ano que non existe diálogo entre os grupos e coa sociedade para estabelecer unha norma e uns días fixos. Que a Xunta non metera a demanda por rexistro non exime de sabermos que todos os anos debemos na mesma data límite indicar os feriados e tampouco que tivemos todo un ano desde o anterior para dialogar.
Pola nosa parte consideramos que é preciso falar e consensuar para adoptar acordos co máximo respaldo democrático. Amais, ao igual que se fai noutros concellos, por exemplo o de Pantón, deberían darse axudas municipais ás festas das parroquias, pois Chantada non é só a vila e os seus festexos. Faise unha reflexión sobre as romarías como patrimonio inmaterial e que, como outro patrimonio, deberiamos reflexionar quen o vai manter e coidar doravante, se o campo se baleira. Isto incide na necesidade de intervir para manter tradicións e festexos como a romaría do San Lucas, que sen feriado nen diálogo e axudas vai camiño do esmorecemento total.

Manuel Varela dio que no segundo pleno da vindeira lexislatura poderíase decidir o día e que no 2024 e 2025 podería ser o San Lucas, ao caír na fin de semana o Faro. Porén, di que o San Lucas debería pasarse á fin de semana, que ao santo pódeselle ter calquera día a festa e pergunta quen puxo o día do santo. O santo é todo o ano. Tamén os de Líncora reclaman a Saúde e Merlán as cabras.

Ledo Cores intervén para sinalar o primeiro pleno do ano como o ideal para adoptar o acordo.

VOTACIÓN: A FAVOR: PP (6). ABSTENCIÓN: PSOE (4). EN CONTRA: Por Chantada (2).

4.- Moción do Grupo Municipal de Por Chantada-CUP sobre da declaración de loito oficial nos accidentes laborais mortais, nomeadamente no agro. RE 909. [Audio min. 20:47]

DOCUMENTACIÓN: Moción Por Chantada loito accidentes tractores.

Intervén Antom Fente, voceiro de Por Chantada, para explicar a moción [Audio min. 21:40].

Raquel (PSOE) ve un número considerábel de mortes e o noso é un concello con moita xente traballando no agro. Parécelle ben a declaración de loito e o máis importante son as medidas de prevención, sendo isto o fundamental. Van votar a favor.

Varela (PP) di que vistas as circustancias a moción ten o seu interese, mais… [comeza a divagar con anécdotas persoas onde pasou apuros co tractor]. O mellor remedio con 70 ou 80 anos é non coller o tractor. Non van apoiar senón tamén tería que facerse coas vítimas de violencia de xénero. Non van apoiar a moción. Hai pouco que facer. Di que se morrese unha persoa relevante ou moza en Chantada farían a declaración de loito de un día ou tres. Non para accidentes laborais ou violencia de xénero.

Intervén Fente para interpelar á concelleira de Igualdade e ao alcalde de que, segundo o Plano de igualdade do Concello, habería que declarar loito en caso de vítimas de violencia de xénero.

Varela di que sáese 5 ou 10 minutos, a loita ten que vir por outras circunstancias, a educación desde o berce.

VOTACIÓN: A FAVOR: Por Chantada e PSOE  (6). ABSTENCIÓN: 0. EN CONTRA: PP (6). Rexeitada polo voto de calidade do alcalde.

5.- Moción do Grupo Municipal do PS de G-PSOE para un tránsito peonil seguro e accesíbel. RE 927. [Audio min. 29:30]

DOCUMENTACIÓN: Moción_PSOE_BEIRARRÚAS

Defende a  moción Daniel (PSOE).

Antom Fente [Audio min. 30] indica que a moción que se nos apresenta agora casa ben coa Moción de Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular a prol de garantir un itinerario peonil accesíbel, que a pesar de demandar unicamente o cumprimento da lexislación vixente, a comezar polo texto constitucional e os direitos fundamentais nel recollidos, foi rexeitada polo voto de calidade do alcalde e do PP. Tememos, en consecuencia, que hoxe volva acontecer o mesmo.

Pola nosa banda, o cumprimento da legalidade non merece maior debate neste caso e, tamén pola complementariedade exposta, só podemos apoiar a proposta e incidir en que non nos deteremos até que se faga valer a IGUALDADE de direitos de todas as persoas, tamén daquelas con mobilidade reducida e cuxo direito á mobilidade se ve conculcado sistematicamente en Chantada.

Ven fantasmas onde non os hai e le está orgulloso da vila de Chantada. O formigón impreso en pendente dá mal resultado. A fisura da Avenida de Monforte está en garantía. Noutros temas haberá que volver á baldosa. Di que o lastro e as beirarrúas do Cantón non respeitan a mobilidade. Fixeron rebaixas e xa correxiron moitas cousas. Na rúa hai que atender ao que se vai e con un ollo no pé  e di que as reclamacións non van ir adiante, quen queira cartos que se poña a traballar. Tamén lle pide á oposición que lle pase a listaxe de onde hai que faver rebaixes. Van apoiar a moción, aínda que hai moito enxeñeiro e arquitecto.

VOTACIÓN: UNANIMIDADE.

6. Mocións e Asuntos de Urxencia. [Audio min. 40:47]

Raquel xustifica a urxencia en que é a primeira que traen no mandato e que non tería sentido traela no pleno de novembro.

VOTACIÓN DA URXENCIA: UNANIMIDADE.

DOCUMENTACIÓN: MOCIÓN RECLAMANDO A VACINACIÓN DAS PERSOAS MAIORES DE 80 ANOS NOS CENTROS DE SAÚDE OU PACS

Polo grupo municipal do PSOE defende Raquel [Audio min. 41:24].

Fente fai unha defensa cerrada dos servizos públicos para unha sociedade máis xusta e con menor desigualdade fronte ao criterio economicista do PP. Sinala a falta de empatía da Xunta exercendo a violencia, simbólica se queremos mais violencia, sobre unha faixa etaria, especialmente vulnerábel e penalizando as persoas do rural. Pagar taxis coas pensións máis baixas do Estado. Se se vai facer a repesca nos centros de primaria, habería que facer todo o proceso xa aí e corrixir as lagoas na atención primaria. Non se aprendeu nada da pandemía e a sanidade privada cada vez ten máis clientes.

Varela (PP) defende que hai que optimizar recursos e que logo haberá repesca nos PAC. El vai levar a mai a Monforte e a muller o pai a Ourense. Até lles irían á casa se quixesen. Queremos potenciar o hospital de Monforte hai que darlle traballo. Os da terceira idade xa están vacinados e defende que a vacinación na Galiza foi das mellores no conxunto de Europa. De momento hai que deixar seguir facendo e optimizar recursos. Refere un debate que se deu recentemente no senado.

Raquel (PSOE) dubida que a repesca sexa optimizar e que a cantidade de xente a vacinar xa se sabe.  Necesítanse máis recursos e para iso fan fallar impostos e que pague máis o que máis ten.

Varela (PP) concorda, mais tamén con deixarlle cartos no peto a quen ten pouco. No fondo teñen razón, mais optimizar recursos.

VOTACIÓN: A FAVOR: Por Chantada e PSOE  (6). ABSTENCIÓN: 0. EN CONTRA: PP (6). Rexeitada polo voto de calidade do alcalde.

B) Actividade de control

7.- Dación en conta de Resolucións da Alcaldía.

8.- Dación en conta en materia económica.

C) Rogos e preguntas [Audio min. 56]

8.1.- Rogos e perguntas PSOE.

8.1.2.- Biblioteca: horarios e nova biblioteca.

Varela di que van asinar estes días convenio coa Xunta. Pamela di que os sábados si que abre que quen se queixa nunca foi a ela. 

8.1.3.- Linguaxe sexista nos folletos das Escolas municipais de Chantada.

Diego Otero di que foi a área de Deportes  e que o fixo un técnico, que se debeu despistar, e que as Escolas son para todo o mundo. Preocúpalle o acoso e non unha palabra en feminino. Varela di que os xenéricos é retorcer e repite unha e outra vez que o PSOE goberna en Madrid con UnidAs Podemos, que debería ser Unidos e Unidas Podemos. 

8.1.4.- Baldeado das rúas.

Raquel lémbralle que no anterior pleno quedaran de facelo (rogo nese pleno de Por Chantada) mais que non se cumpriu. Veu aviso da Confederación, que falen da limpeza das festas, que foi moi boa. Jisi (PSOE) di que foi un desastre. Varela di que en Santa Ana non foi culpa diles. Haberá que facer cubeo coma en Monforte.

8.1.5.- Escola infantil Galiña azul.

Pergunta sobre a dotación de persoal. Varela responde que se trasladou doutros sitios onde baixou a matrícula. Dúas traballadoras máis. A ratio cúmprese. Penela di que hai 11 traballadores.

8.1.6.- Carreira de obstáculos.

Pergunta polo custe [no anterior pleno Por Chantada fixo pergunta sobre isto e díxose que organizaba o Concello]. A resposta de Diego Otero di que aínda non sabe. Raquel pergunta se as inscricións as cobrou o Concello. Diego revela que non.

8.1.7.- Autobús doazóns de sangue. Coches mal aparcados.

Haberá que multar. 

8.1.8.- Pasos de peóns antigos.

Xeran confusión. Varela di que debería desaparecer agora que lle van dar tratamento de cemento ou formigón ao centro da praza de Santa Ana. Raquel di que falta un sinal de 20 km/h aí e que na Avenida de Monforte seguen as carreiras. Varela di que hai un sinal de 50 que non ten sentido, que avisou a quen leva infraestruturas en Lugo. Tamén recoñece que os sinais de 30 case non se ven, que os haberá que pór máis grandes e que sancionar a quen non ten nada non serve, que como moito unha temporada en Monterroso e saen aínda pior.

8.1.9.- Cobertura das antenas de televisión na Sariña e nos Queixeiros (repetidor de Mourelos).

Raquel explica que a viciñanza ten moi poucas canles. Varela fía a solución á fibra óptica, que avanza a moi bon ritmo e que en 2023 estará xa todo o Concello coberto. Nogueira é o máis complicado.

/_______________________________________________________/

8.2.- Rogos e perguntas Por Chantada. [Audio min. 1:25:15]

8.2.1.- Valado de aparcamentos.O 18/09/2022 até as 20 horas non se colocaron as vallas para evitar aparcamentos a partir das 7 horas do día 19 na rúa Ribeira Sacra (en fronte do Telecentro). Esta falta de antelación foi sinalada por varios viciños como molesta e pouco considerada, coincidindo a nosa formación que se deben colocar os avisos con, cando menos, 24 horas de antelación.

Varela: o normal é poñelkas pola noite ou á última hora da tarde. Penela: normalmente faise pola mañá, que pola tarde non hai persoal. Foi unha excepción. 

8.2.2.- Varanda na rúa Muiñeira de Chantada. [Audio min. 1:27:00]
Na rúa Muñeira de Chantada hai unhas escadas que, por seguranza, debería colocarse unha varanda, actuación que rogamos que se faga coa máxima celeridade dado que unha caída desde esa altura podería ter consecuencias graves.

Varela: en Santa Ana tamén cómpre para onde se entra para onde estaban os Hermanos Sánchez. Canto perigoso.

8.2.3.- Parque das piscinas. [Audio min. 1:27:39]
Hai unha árbore no parque, detrás da fonte, que habería que tratar doutro xeito ou precintar, xa que actualmente os cativos desfixérona toda por dentro xogando e rompéndolle pólas. A xente chega a deixar aí deposicións e logo as crianzas xogar sendo un foco de incivismo e insalubridade. Outros tres que están a carón do paseo sofren o mesmo vandalismo en diferente medida. Non hai resposta concreta.

Rogamos adopten medidas.

8.2.4.- Parque da feira vello. [Audio min. 1:29:30]
Varios días no parque Eloísa Ribadulla con velutinas e só se precintou após picaren un pícaro mais a cidadanía chamar á Policía Local. Por que se tardou tanto e por que se suspendeu un concerto das festas cando xa se coñecía a existencia do niño con antelación? O domingo das festas cando se retirou non sabían nada Penela e Varela.

8.2.5.- Piscinas municipais. [Audio min. 1:30:00]
• Do 11 ao 19 de agosto a piscina exterior estivo fechada. Cal foi a causa e por que se tardou tanto en proceder á reapertura? Diego Otero: fallou a depuración e estaba a auga verde.
• Tivo algo que ver co exceso de cloro ou PH da auga e unha manipulación indebida dos produtos químicos? Diego Otero: hai que facer unha actuación porque o terreo cede e desnivela desde que se fixeron en 2009 as piscinas novas. Até agora conseguíase metendo máis auga todos os días pola noite. Iste ano evitouse facelo polas restricións da seca.
• Hai unha filtración. Diego Otero: van levantar o perímetro o ano que vén e por gravidade que asente durante meses, ao non poder meter máquinas alí. Veu Sanidade e deulles o aviso.

8.2.6.- Servizo de atención temperá (preveñen arranxar o edifico da policía local). [Audio min. 1:31:34]
Despois de inspeccionar a Casa da Xuventude en días pasados á ultima hora da tarde:
Por que se levou para a Casa da xuventude cando o Concello ten edificios e é un emprazamento que se axeita pouco? Manuel Varela: está falado coa Xunta e van tentar arranxar o edificio da policía local e levará un ano ou máis. O edificio da xuventude non vén que teña moito uso e todos os edificios públicos están para seren gastos.
Comprobamos que non está adaptado para persoas con mobilidade reducida. O ascensor está avariado desde abril xa e, desde que fixeron a solicitude, aínda teñen que agardar mes e medio, segundo o xefe territorial de Servizos Sociais. 
Hai entón agora en todos os andares servizos para persoas con mobilidade reducida? É para nenos e xente moza o servizo entraría a cadeira de rodas. Para xente maior hai un centro privado na Avenida de Monforte. Derivacións de pediatras e persoas especializadas para corrixir certas cuestións das rapazas e rapaces.

Cúmprese o Decreto que regula o Servizo de atención temperá tocante a obstáculos e elementos saíntes?
 Non sabe dicir se se cumpre o decreto, mais van facer o posíbel para prestar o servizo aos tres concellos da zona. Agora tempo limitado de dous meses e contan ampliar. Dificuldades para encontrar fisioterapeuta e díxolle a Xunta que metesen un diplomado en infantil, que tamén vale de momento.

8.2.7.- Auga. [Audio min. 1:34:59]
Por que no 4º bimestre houbo unha suba tan notábel do padrón a respeito do resto do ano (144.000 fronte 129.000)? Houbo venda a terceiros? A xente que veu de ferias en xullo e agosto duplica o consumo.

8.2.8.- Limpeza instalacións municipais. [Audio min. 1:35:51]
No anterior pleno perguntamos pola privatización do servizo de limpeza e non se recoñeceu a problemática existente e que agora, na CI, é xa pública, xa que se ben o lote 1 se licitou con Mantelnor Limpiezas SL no lote 2 un recurso de Faro foi acollido favorabelmente polo Tribunal de recursos contractuais da Galiza. Por que nos esconderon a situación? Están as traballadoras atinxidas pola privatización do servizos informadas desta circunstancia? O alcalde pergunta que traballadoras. As subrogadas dille Fente. Varela di que serano pola empresa concesionaria, non lles afecta. O tempo dilátase e ninguén as informa de nada, unha incertidume innecesaria e coida que habería que telas informado.

8.2.9.- Río Asma tramo urbano. [Audio min. 1:37:10]

Están facendo seguimento da actuación da CHMS e valoraron o proxecto? Estivo co presidente dúas ou tres veces [Quiroga] e pedíronlle que o limpase (sic.) hai dous anos. Eles saberán que teñen os seus técnicos, imaxina que ben el non é técnico. Fíxolles facer a solicitude a Aguas de Galicia polo tema medioambietnal e alégranse.

Quen se vai facer cargo do afundimento do firme xunto ao paseo da Alameda por parte dun camión da empresa concesionaria da actuación da CHMS? Tendo en conta o furado de notábeis dimensións e fundura e que nesa parte introdúcense vehículos con periodicidade elevada, non se deberían adoptar medidas por seguranza? Cun coche non se afunde aquilo e arranxouno a empresa que tamén afectou a un xardín e deben restituílo. 

8.2.10.- Liña de alta tensión do Maxal. [Audio min. 1:39:10]

Está en exposición. Como vai informar o Concello á viciñanza? Van formular alegacións? Manuel Varela: está no Concello o proxecto tamén. Desde antes do Pazo Piñeiro a Belesar sotérrana. É o que sabe el e parécelle ben. Do resto que se poñan de acordo e paguen ben á cidadanía as empresas e non ten nada máis que dicir. Todos istes proxectos teñen prevalencia e o que non concorde que se dirixa á Xunta. Fente di que o Concello tamén pode alegar. Que alegas? Que a luz está barata? Chantada sóbranlle LAT, iso está claro, e hai unha que vén do Faro que é só é dunha empresa (Enerfin). Partidario das enerxías limpas.

8.2.11.- Obras campo da feira vello. [Audio min. 1:41:20]

Están facendo outros baños no Campo da feira vello, os terceiros, e afectando ao muro da entrada. Poden explicar en que consiste este proxecto e por que ten que facerse aí, xa que non vimos nada entre as resolucións da alcaldía nen nas actas da XGL? Parecíalles a máis axeitada, di o alcalde, Está parado e van buscar outra porque o técnico informou mal e non se pode facer aí, segundo o PXOU de 1985 por unha circunvalción proxectada, que nunca se vai facer. Os baños son unha demadna da xente desde que non se empregan os dos Pendellos.

8.2.12.- Plano estratéxico de subvencións. [Audio min. 1:42:47]
Lembrámoslle máis unha vez a obriga legal que ten este Concello de dotarse dun plano estratéxico de subvencións, así como da necesidade de facer unha memoria anual das concedidas desde a alcaldía con arranxo ao disposto na lei.
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo reforzou o principio de planificación, contemplado na Lei 40/2015 do Réxime Xurídico do Sector Público, ao ditar que é requisito esencial e previo á concesión de calquera subvención o comprimento do Plano estratéxico de subvencións, contemplado no artigo 8.1 da Lei Xeral de Subvencións, polo que Chantada estaría concedendo as subvencións en nulidade o que xera unha manifesta inseguranza xurídica para as asociacións e entidades benefactoras. Seguindo a doutrina da Sentenza de 26/06/2012 a concesión dunha subvención sen o devandito plano é un vicio substancial e non formal, entrando xa que logo na nulidade do artigo 47 da LPAC.

[A interventora solicita que lle fagamos chegar esa sentenza.Varela di que todo son facilidades, que o concellos dá poucas subvencións e que é moito papeleo. Fente lémbralle que máis burocracia teñen que facer as asociacións, que non teñen funcionarios, cando receben subencións das AAPP e que o plano estratéxico é case un copia e pega dun ano para outro, que non é traballo, e xa llo levamos lembrado varias anualidades.

8.2.13.- Rogo XGL: contratos SAF e limpeza. [Audio min. 1:45:25]
Ultimamente estanse celebrando máis XGL e algunhas, como a prórroga ao contrato do SAF, poderían perfeitamente terse planificado sen precisar dunha XGL só para iso. Amais, queremos que conste en acta a nosa oposición a esta prórroga, así como o descontento polo escaso seguimento das cuestións laborais.  [Audio min. ]

8.2.14.- Equipamento para emerxencias por desaparicións. [Audio min. 1:45:38]

Rogo para que se dote con focos potentes e material o Concello que permitan a búsqueda durante as primeiras 24 horas, que son vitais e sen medios é moi difícil. Non é o momento de tratar isto, mais si mellorar a coordinación e tomar nota do material preciso para cando saian as subvencións para equipamento de emerxencias. Varela di que cando situacións de emerxencia hai que avisar antes de que se dea o caso, que isto máis ou menos sabíase. Fente di que non lle faga falar e lémbralle que avisou xa en 2019, en pleno confinamento, á concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero, e que desde iso a viciñanza tamén se dirixiu a eles en varias ocasións. Pamela discúlpase dicindo que ese caso en particular era algo que levaban os servizos sociais do centro de saúde. O día que faltou houbo outra notificación da viciñanza e xa tiñan visita proxectada para o luns. Varela di que miraron dunha residencia, mais que o señor non quere e que dúas fillas se fan cargo del. Houbo unha mudanza na lei. Pamela explica que lle porán xeolocalizador, SAF e limpeza de choque. As 24 horas do día non poden estar. Fente lembra que se poden facer informes e envialos a outras instancias para que actúen. Xa está agora mandado, di Pamela, ao xulgado.

8.2.15.- Documentación [Audio min. 1:49:23]

Seguimos sen receber numerosa documentación que demandamos ao Concello de Chantada. Varela diríxese ao secretario accidental. Fente dille que o interpela a el e non aos funcionarios, debendo as solicitudes dirixirse a el. Varela di que se lle dea trámite o funcionariado, sempre e cando poda, que teñen acceso a todo e el non impide nada. Que para faciliar traballos que se acheguen por alí, que os funcionarios son escasos. Teñen acceso a todo através do Gestiona. Xa pediron através do Gestiona. [A interventora di que tivo que haber descordinación e Cores que o papel ten que estar en contratación].

_______________________________________________________

AVATAR 25xullo

Por Chantada proporá no vindeiro pleno medidas para protexer o mosteiro de San Salvador de Asma

A candidatura viciñal lamenta que prosiga o abandono por parte da Xunta e do Concello de Chantada a pesar de ser declarado BIC na categoría de monumento (BIC.000.705).

Por Chantada propón impulsar un plan especial de protección (PEP) do mosteiro de San Salvador de Asma como primeiro paso firme para deter o seu deterioro e demanda dirixirse á Consellaría de Cultura para que colabore nas actuacións protectoras através dun convenio de financiamento do devandito instrumento de planeamento urbanístico.

Antom Fente e Cruz Fernández defenderán no pleno que o Goberno central e a Xunta adquiran o mosteiro para darlle un uso público e garantindo o seu uso e desfrute, en tanto BIC, para a toda a cidadanía.

Mosteiro de San Salvador
O noso voceiro nas inmediación do mosteiro acompañado pola viciñanza que alertou das obras que se estaban efectuando sen licenza habilitante. Foto Por Chantada.

O mosteiro de San Salvador de Asma é un dos núcleos xustificativos da inventio da Ribeira Sacra e co románico base da candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade que, reiteramos, ten deixado na marxe aos habitantes do territorio ao primar a configuración dunha marca territorial sobre a protección real do patrimonio material e inmaterial, a paisaxe ou a fixación de poboación. De feito, todas as parroquias ribeirás incluídas na delimitación da candidatura perderon entre 2000-2020 40% da poboación e o envellecemento é notábel. Uns dados tan rotundos só poden definirse como demotanasia, é dicir, o baleirado dun territorio alentado –por acción ou omisión– desde as institucións.

San Salvador de Asma é central para historia da comarca. A súa orixe remóntase ao século IX e consta documentación desde 1074, cando aínda era unha abadía. Dificilmente, se pode entender que semellante fito do noso patrimonio colectivo aparecese en pleno século XXI á venda en Milanuncios sen que a declaración de BIC por parte da Xunta tivese revertido a súa continuada degradación, ruína e abandono.

obras mosteiro são salvador de asma 4
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Desde Por Chantada levamos desenvolto numerosas iniciativas perante diversas institucións na defensa do noso patrimonio e, no que atinxe ao mosteiro de San Salvador de Asma, podemos salientar iniciativas como a Moción de Por Chantada-CUP para impulsar a adquisición e xestión públicas do mosterior de San Salvador de Asma (2017), varios expedientes demandando a intermediación da Valedora do pobo (2019-2022) ou perante a Dirección Xeral de Patrimonio. No entanto, o único certo é que, e isto cómpre subliñalo, a degradación de San Salvador de Asma continúa a pesar de que, no papel, a súa protección é integral.

obras mosteiro são salvador de asma 3
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Desta arte, Por Chantada demandará o cumprimento do artigo 20.1 da Lei 16/58 do Patrimonio Histórico Español, que fixa a obriga de redactar un Plano de especial protección para os lugares declarados BIC. Tamén o disposto no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza, art. 30.1 da Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural da Galiza (LPCG) e no art. 35 LPCG para o grado de protección e usos permitidos.

Entre as prerrogativas do Concello de Chantada atópase a de instar á redacción dun plan especial ou mesmo outras actuacións protectoras como a prevista na lei, mesmo a situación disposta no artigo 51 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural da Galiza no tocante á expropiación forzosa.

obras mosteiro são salvador de asma 2
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Por todo isto, Por Chantada propón, por unha banda, impulsar, como primeiro paso para a súa conservación, a redacción dun plan especial de protección (PEP) do mosteiro de San Salvador de Asma (BIC.000.705) e dirixirse á Consellaría de Cultura para que colabore nas actuacións protectoras através dun convenio de financiamento do devandito instrumento de planeamento urbanístico. Por outra banda, desde a candidatura viciñal entendemos que o Goberno central e a Xunta da Galiza deben pór os medios para adquirir o mosteiro de San Salvador de Asma dándolle un uso público e garantindo o uso e desfrute do BIC debidamente contextualizado.

obras mosteiro são salvador de asma 1
Foto tomada desde o exterior do mosteiro cando a viciñanza da parroquia de San Salvador alertou das obras que se estaban efectuando no interior do mosterior. Foto: Por Chantada.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Por Chantada apresenta moción para garantir itinerarios accesíbeis aos peóns.

Consulta a nosa moción íntegra en PDF aquí: Moción Por Chantada itinerario peonil accesíbel

distanciasDimensións mínimas dun itenerario peonil accesíbel segundo a lexislación vixente. Fonte: http://www.oaamb.com

A atención das necesidades das persoas con discapacidade é un principio reitor da política social e económica proclamado na Constitución que obriga, por conseguinte, todos os poderes públicos e que se inscrebe no direito internacional através da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de 2006, ratificada polo Reino de España en 2007, que estabelece que os poderes públicos deberán asegurar que as vías públicas sexan accesíbeis para as persoas con discapacidade.

A Orde TMA/851/2021, do 23 de xullo, pola que se desenvolve o documento técnico das condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos urbanizados impón a necesidade de garantir o uso e a circulación de forma segura, cómoda, autónoma e continua de todas as persoas polos itinerarios peonís. Para iso, recolle unha serie de requisitos, entre os que podemos destacar a necesidade de que os ditos itinerarios linden coa liña de fachada a nivel do chan ou, de non ser posíbel, de que se usen pavimentos táctiles para sinalalose de que conten cunha anchura e cunha altura libres de paso non inferiores a 1,8 m e a 2,2 m respectivamente.

En numerosos puntos do casco urbano de Chantada faise patente un incumprimento claro da normativa en materia de accesibilidade, pois existen terrazas instaladas no espazo próximo á liña de fachada sen que exista un pavimento táctil indicador do itinerario peonil substitutivo. Isto supón, como razoa o Tribunal Supremo (Sentenza 354/2019, do 11 de febreiro), unha limitación do dereito de mobilidade polos espazos públicos das persoas con discapacidade que, no caso de Chantada, alcanza unha intensidade preocupante e que se está producindo coa total connivencia do Goberno municipal que leva anos adiando o debate e aprobación dunha ordenanza acorde cos tempos, as necesidades e os diferentes intereses en concorrencia, así como adiou sempre adaptar a mobilidade da vila ás persoas con mobilidade reducida.

O cumprimento desta regulación técnica debe entenderse como unha cuestión de primeira orde, por canto implica garantir a igualdade de dereitos das persoas con discapacidade visual e poñer fin a situacións de discriminación que conculcan o principio de igualdade, valor superior do noso ordenamento xurídico e núcleo duro da Constitución.

paso peónsFonte: Junta de Andalucía. Este organismo ten editado vídeos explicativos que son moi gráficos, por exemplo sobre vados ou itenerario peonil.

Que propón POR CHANTADA?

1.- Adoptar o compromiso como Corporación de respeitar os direitos das persoas con discapacidade e garantir a accesibilidade universal dos espazos públicos. 

2.- Condicionar as autorizacións da Xunta de Goberno Local á instalación de terrazas a que non se sitúen no espazo inmediato de fachada e a que deixen unha anchura e unha altura libres de paso de 1,8 m e de 2,2 m, respectivamente.

3.- A Xunta de Goberno Local deberá requerir a os estabelecementos que conten con terrazas para que garantan que deixen libre o espazo inmediato á liña de fachada, cunha anchura e cunha altura mínimas de 1,8 m e de 2,2 m, respectivamente.

4.- O Goberno municial elevará ao Pleno un informe coas actuación substanciadas en cumprimento desta moción e os puntos en que o itinerario peonil siga sen ser accesíbel nun prazo máximo de seis meses.

cropped-logo-redes-8m-blanco

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

 

Chantada, 2 de setembro de 2021.

Pode ser uma imagem de 2 pessoas e interiores

O poeta e integrante de Por Chantada, Rafa Lobelle, recitando nun recente recital, que se desenvolveu nas xornadas CULTURMAR, que organizou na semana das festas patronais a Cafetaría Mar de Chantada.

 

O próximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta da Galiza para que os Concellos adapten as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.

O goberno de Manuel Varela incumpre as súas obrigas: nen se molestou en dous anos en informar aos negocios afectados, nen cumpre as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta da Galiza. Manuel Varela revela unha e outra vez a súa incompetencia en detrimento dun sector xa duramente castigado pola pandemía como é a hostalaría.

No inicio de 2018 entrou en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza, que, fora duramente criticada por varios dos colectivos afectados, desde as comisións de festas e festivais até ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que aquela lei condenaba ao feche.

O 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e estabelecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galiza e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. O seu contido afecta ás comisións de festas e aos locais hostaleiros e corrixía parcialmente os aspectos máis lesivos da lei para o que unha das pancas esenciais é o obriga para os concellos de realizaren a adaptación das licenzas municipais a esta lei nun prazo de dous anos desde o 14 de outubro de 2019.

No tocante aos horarios, desenvolveuse o decreto mediante nunha orde, á que Por Chantada alegou en setembro de 2019 no período de exposición pública1. Coma sempre o Concello de Chantada nen estaba nen se esperaba a pesar de contar con máis medios e dedicacións exclusivas. O senador co seu habitual piloto automático leva dous anos mirando para o ar e o prazo remata de xeito inminente. Por Chantada exíxelle traballo e adicación para seren resolutivos en diálogo coa hostalaría.

Este crónico desleixo fai que Chantada vaia esmorecendo e atinxe directamente tamén á economía local. Nesta ocasión, as consecuencias impactarían na cultura e na hostalaría precisamente os sectores máis castigados pola pandemía.

Desde a candidatura viciñal Por Chantada, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non fai nada para regularizar a situación, apresentamos por rexistro escrito recordándolle a Manuel Lorenzo Varela as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados, informándoos da Lei de Espectáculos e a lexislación que a desenvolve.

O Concello debe outorgarlle ás persoas afectadas un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo estabelecido pola Xunta, a Xunta de Goberno Local, que é o órgano neste caso competente, debe aprobar as licenzas axeitadas á lei.

Tamén aproveitamos para lembrarlle ao Goberno local que segue sen elaborar as bases para repartir os 50.000€ orzamentados para axudas COVID-19 en bonos, tan necesarios para as persoas máis carenciadas pola actual crise.

O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda, Por Chantada seguirá ao servizo da viciñanza, insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulso de campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.

Agardamos que, novamente grazas ao traballo e constancia de Por Chantada, o Leviatán local saia do seu sono profundo e a situación se resolva en favor dos referentes culturais do noso concello.

 

POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

 

1“Suxestións de mellora de Por Chantada ao proxecto de orde para regular horarios de abertura e feche dos estabelecementos na Galiza.” in Por Chantada. Dispoñíbel en

https://porchantada.wordpress.com/2019/09/24/suxestions-de-mellora-de-por-chantada-ao-proxecto-de-orde-para-regular-horarios-de-abertura-e-feche-dos-estabelecementos-na-galiza/ (última consulta 7/08/2021).

Por Chantada denuncia os recortes da Xunta no IES Lama das Quendas

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta pon en risco a saúde da comunidade educativa, mingua a calidade e a oferta educativas e deixaría sen educación para adultos a toda a comarca.

Exiximos que a Consellaría reverta estes brutais e irracionais recortes sen parangón nos 50 anos de historia do centro e que os alcaldes do PP de Chantada, Taboada e Carballedo fagan unha fronte común para manter a calidade educativa e servizos esenciais para a comarca.

Por Chantada xa puxo en coñecemento do Valedor do pobo estes graves feitos para que medie na procura dunha solución.

Foto Roi Fernández 2018

Foto: Roi Fernández para La Voz de Galicia edición Lemos. Imaxe de 2018 cando a comunidade educativa se tivo que mobilizar perante a perda de itinerarios no bacharelato e da cafetaría do centro. A Corporación naquela altura aprobara por unanimidade a Moción de Por Chantada-CUP a prol dunha educación pública, galega e de calidade para o rural galego.

 

Chantada, 6 de agosto de 2021.

 

A candidatura viciñal de Por Chantada reuniuse coa equipa directiva do IES Lama das Quendas, que amosou un profundo malestar pola redución inxustificada do cupo de profesorado para o curso 2021/2022. O centro perde 7.5 docentes a respeito do curso pasado e, o que é máis sorprendente é que perde 3 docentes en relación ao cupo de 2012-2020 sen calquera xustificación. A pesar de ter o aval da Inspección educativa desde Santiago aplícase un brutal recorte en plena pandemía, que non ten parangón nen coa época da Grande Recesión (2011).

As consecuencias deste recorte porán en risco a saúde da comunidade educativa, xa que será imposíbel manter as gardas fixadas no Protocolo COVID do centro, sobretodo ao comezo da xornada e dos recreos, e que foron un éxito no curso pasado. Cun recorte tan acusado do profesorado auméntase o risco de que o alumnado non respeite as normas e que poda darse transmisión na comunidade educativa. Tamén os recortes afectarían de cheo á equipa COVID do centro, que precisa moitas horas de dedicación.

De por parte, van supor unha forte mingua na calidade educativa en contra do espírito da LOMLOE e da propria retórica da Consellaría. Non se poderá formar grupo de PMAR co que sofre a atención á diversidade, que é un principio fundamental da LOE; periga a educación secundaria de adultos (ESA), que só se oferta neste centro en toda a comarca; reducirase moito a oferta de optativas, terase que suprimir o programa CUALE que leva máis de 20 anos impartíndose; pon en perigo os programas PLAMBE (Plano de Mellora da Biblioteca Escolar) ou o Clube de leitura, que tamén suporía detraer recursos económicos; e obrigará a dar as denominadas “afíns”, que ao non seren impartidas por especialistas minguan tamén a calidade educativa.

A Por Chantada parécelle especialmente negativo a perda da ESA, pois é un servizo educativo esencial xa non só para toda a comarca, senón para todo o partido xudicial. As persoas adultas sen a ESO terían que desprazarse até Monforte ou Lalín cando moitas veces o perfil do alumnado é migrante ou persoas con baixos recursos e dificuldades para se desprazaren, máxime coa oferta de transporte realmente existente hoxe por hoxe. Novamente, a obsesión do PP polos recortes mostra a falta de sensibilidade coas persoas e cos servizos para o medio rural.

Por Chantada condena enérxicamente estes recortes feitos con aleivosía no período estival e que se soman á amortización dunha praza de administrativo mais unha praza de limpeza que non se repón e que poderían obrigar a fechar o centro en agosto, algo que non acontecía tampouco durante todos estes anos. Non se pode facer política desde un despacho de Santiago ignorando a a realidade do rural e os dados e a información que dan os centros. O PP debe abandonar a súa economía planificada de recortes draconianos a base de planos quinquenais que baleiran o rural.

Demandamos que os alcaldes da comarca fagan unha fronte común para garantiren a saúde da comunidade educativa e unha atención educativa de calidade que atenda á diversidade e ao sentido común.

 

Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular

 

Resumo do Pleno ordinario de Chantada correspondente ao 24 de setembro de 2020.

 

Asisten 13 concelleiras e concelleiros (todos os integrantes da Corporación), o secretario accidental, a interventora, un funcionario e un viciño.

 

Accede ao audio íntegro da sesión plenaria premendo aquí.

 

1.- ACTAS ANTERIORES, CORRESPONDENTES ÁS SESIÓNS: EXTRAORDINARIA 09/03/2020.

ACTA DO PLENO MESAS ELECTORAIS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 09-03-2020

Apróbase por UNANIMIDADE. A acta da sesión ordinaria de 30 de xuño aínda non está feita, segundo explicou o alcalde por ferias do secretario titular.

2.- APROBACIÓN CONTA XERAL 2019. EXP. G-286/2020.

Documentación da Conta Xeral 2019.

1.-PROPOSTA APROBACION CONTA XERAL 2019

Comeza intervindo o grupo municipal socialista por medio da súa voceira Raquel López. Expón que a conta xeral reflecte uns orzamentos desvirtuados cun 15% de inexecución e que espella improvisación e falla de previsión, aínda que non todo se pode prever. Se se volve a vista a 2012 seguen os mesmos problemas: reparos de intervención, omisións de fiscalización, pagos atrasados, contratos menores, planos que non se cumpren e outros problemas endémicos do Concello de Chantada que dificultan ter información. Esperan que en 2021 o Orzamento modifique algúns destes aspectos para podelos apoiar.

Como xa dixemos na CI correspondente a liquidación do Orzamento 2019 aprobouse por Decreto da alcaldía 168/2020, do 27 de abril, polo que debera darse conta dela na sesión extraordinaria do Pleno de xuño e non se fixo.

O primeiro que cómpre destacar é que a execución orzamentar bateu un récorde. 15,96% do orzamento ficou sen executar, a pesar do estado da infraestrutura, da listaxe de agarda no SAF e as problemáticas noutros servizos, das eivas da limpeza ou da necesidade de novas políticas. Non é de recibo ter 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€, cando a estabilidade orzamentar e o teito de gasto permitían aínda gastar 1 millón máis. Este altísimo volume de inexecución fala dunha má planificación, xestión e concreción do orzamento e explica o aforro neto de 829.606,57€, en todo caso bastante inferior ao que debería dada a execución deficiente do orzamento, mais que se explica polo elevado volume de facturas de exercicios anteriores que se pagaron no 2019 e as que aínda se están pagando neste 2020, como demostran os 11 recoñecementos extraxudiciais de crédito (REC) que levamos en 2020, moitas facturas son de 2019 e 2020.

Dentro da xestión deficiente atópase o uso e abuso do contrato menor, contornando a LCSP. Tamén con eivas na contratación do persoal entre outras innúmeras cuestións que fomos asilanando no seu momento. Así as cousas, o 2019 fechou con 65 Reparos de intervención e 41 Omisións de fiscalización por parte da intervención municipal.

A consecuencia deste tipo de procedemento é que se fecha o exercicio con 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 24 de setembro de 2020 levamos 547.588,84€ en pagos pendentes de 2019.

Relación de pagos do ano 2019 abonados en 2020

Recoñecementos extraxudiciais de crédito 1, 23 e 28/2020

74.378,83€

Suplemento de crédito 1/2020 con cargo ao RTGX

125.486,77€

Transferencia de crédito no orzamento prorrogado de 2019 para abono de xuros de demora a Fevisa (obras ilegais adxudicadas a dedo, sen contrato e sen crédito dispoñíbel en maio de 2015)

120.140,43€

REC 11/2020

227.582,85€

TOTAL pagos 2019 (e 2018) abonados en 2020

547.588,84€

Por outras palabras, desvirtúase totalmente a contabilidade por abusar do contrato menor e non licitar os principais servizos e fornecementos aos que recorre dun xeito reiterado o Goberno local, así como obras e outras actuacións nas que non se licita por xunto senón que se fraccionan como contratos menores, por exemplo numerosas actuacións feitas durante os meses de abril e maio de 2019. O RTGX real se non se producise este desfase sería, xa que logo, de 227.582,85, menos da metade. Cómpre engadir que se gastou 1.008.518,82 do RTGX durante 2019.

Polo lados dos ingresos, a previsión definitiva de ingresos era de 8.117.183,81€, mais o defeito de previsión é moi elevado, de 1.614,649,05€, o que, de persistir, pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

Canto ao gasto,prodúcense moitas modificacións de crédito (MC) e, nomeadamente, transferencias de crédito (TC) e, por veces, fanse posteriormente ao gasto. Atinxiron en 2019 un volume desmesurado: 1.744.068,93€.

Aínda que na campaña eleitoral defenderon que o Concello estaba en “débeda 0” o certo é que en 2019 destináronse 436.245,39€ para amortizar débeda e a área de gasto 011 ascendeu a 441.498,19€, que se ben é menos que outras anualidades onde o servizo da débeda superaba o millón de euros, segue sendo considerábel.

O gasto en persoal, capítulo 1, situouse en 2.672.919,80€ superando os 2.625.594,24€ dos capítulos 1 e 2 de ingresos. Por outras palabras, todos os impostos directos e indirectos –a pesar da suba substancial dalgúns como o IBI ou o ICIO– non abondaron para abonar os custes de persoal.

No capítulo 4, de transferencias correntes, destacar a baixa execución nas Axudas de emerxencia social (48904), xa que se gastaron 6.994,62€ e ficaron sen executar 2.005,38€. Por pedir unha ordenanza axeitada non foi. E a bolsa de transportes (48906), sobre a que demandamos mudar as bases para aproveitar o orzamentado, tamén ficou cun remanente de 8.600€ moi superior aos 3.400€ repartidos. Dixeron que o ían estudar e resulta que en 2020 desaparecen.

No capítulo 6, inversións reais, pasa o mesmo que en 2018, un grao de execución baixísimo. Do 1.211.246,43€ de créditos definitivos só se executaron 653.799,63€ ficando un remanente de 557.446,80€. É dicir, o 47% das inversións comprometidas non se executou a pesar do estado calamitoso de moitas infraestruturas en Vías públicas (157) foi máis o non executado (90.472,45€) có executado (67.256,14€), o que ten difícil explicación.

Canto ao pendente de cobro e de pago de exercicios anteriores:

  • 2.032.413,78€, dos que 1.196.926,48 pertencen aos anos 1991-2012 e, xa que logo, son de dubidoso cobro.

  • 293.208,33€ pendentes de pago, dos que 290.667,42€ son de 1991-2012.

É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación. Persistir nesta situación adultera as contas e afecta á exactitude coa que se pode configurar o RTGX, polo que redunda en prexuízo da administración local.

En conclusión:

  • 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€ (15.96%) sen executar, especialmente sangrante no capítulo 6 de inversións reais ou en emerxencia social.

  • 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 30 de xullo de 2020 levamos 320.005,99€ en pagos pendentes de 2019, que se incrementarán hoxe co REC 11/2020 (125.112,58€). Portanto, o RTGX “real” sería menos da metade de pagarse en tempo e forma: 227.582,85.

  • Moitas MC e TC por importe de 1.744.068,93€ o que, unido ao defeito de previsión de ingresos moi elevado, de 1.614,649,05€ pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

  • É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación.

 

Intervén polo grupo municipal popular o alcalde Manuel Varela. Todo o que dixo a oposición recoñece que pode estar ben, aínda que hai cousas coas que non coincide. Ora ben, a conta xeral ou se aproba ou nbon se aproba e a baixa execución orzamentar págase agora, por exemplo coas facturas de FENOSA. A ver se entran na central de contratacións da FEMP e licitan a electricidade antes de rematar o ano. Defende que todos os parámetros da Conta Xeral dan ben e son correctos e que o Consello de Contas, ou ben nunca le as de Chantada, ou están ben porque nunca lles turraron das orellas. Segundo a oposición todo vai mal, cando todo vai á perfección, segundo o alcalde.

 

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

3.-RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (REC) Nº 11/2020 por importe de 125.112,58€. EXP. G-822/2020.

1.-PROPOSTA AO PLENO APROBACION REC 11-2020

2.-REPAROS 2020-0028 [FISCALIZACION INTERVENCION]

Raquel López lembra que os REC son un ponto fixo da orde do día. Caos no Concello pagando aínda facturas de 2018 e 2019. Non poden votar a favor cun reparo da intervención. Celebran que queiran solventar o da electricidade antes de rematar o ano, mais hai outra factura reparada por contratar cunha comunidade bens, o cal é ilegal que facturen cunha administración.

Este é xa o enésimo REC que vén este ano. Levamos 11. Desta volta facturas de 2018 e 2019 que se abonarán aínda en finais de 2020 e por importe total de 125.112,58€. Como sinalabamos anteriormente desvirtúan por completo a contabilidade anual e os recursos reais do Concello, por un lado, e incúmprese a LCSP polo outro.

Xa fai anos que lles demandamos limitar o abuso do contrato menor e licitar a luz, estudando alternativas ás grandes eléctricas, como as cooperativas enerxéticas galegas. Fai uns anos a Deputación de Ourense licitou a luz, poden pedirlle os pregos a Baltar.

Portanto, isto era evitábel e trátase dun problema recorrente por non ter o servizo licitado, o cal non podemos partillar nen apoiar.

A maior abastanza, o informe da intervención sinala que procedería facer primeiro a revisión de oficio que declarase a nulidade de pleno direito e despois proceder a facer o REC. Así llo temos pedido xa en varios recursos apresentados, mais eluden calquera responsabilidade e seguir os procedementos legalmente estabelecidos.

Manuel Lorenzo di que están na boa liña e antes de comprometer gasto é certo que teñen que comprobar que exista crédito. No entanto, onte visitouno Luís Aragunde [ex-alcalde do PP de Cambados, até 2015] e contoulle que deixou a alcaldía con 35 reparos e a actual rexedora [PSOE] ten 78. Ou se levantan reparos ou se paraliza todo. O Concello de Lugo [PSOE e BNG] vén de aprobar un REC por importe de 28 millóns de euros. Agradece en todo caso o ton das intervencións e dálle pena que haxa xente sen cobrar por estas cousas. Hai cousas que non se poden prever, deben deixar unha partida de imprevistos, mais é difícil calcular e hai urxencias [manipula porque estamos falando da luz que non é nengunha urxencia, senón un gasto elevadísimo e recorrente todos os meses polo que non pode seguir como contrato menor]. Agora teñen que facer un muro no camiño das Córneas e non teñen financiamento (8-10.000€) polo que terán que buscar outras partidas.

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

4.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE MEDIDAS PARA A VOLTA ÁS AULAS. EXP. G-835/2020.

Moción do grupo socialista sobre medidas para a volta ás aulas.

Expón a moción Raquel López, conforme a exposición de motivos e os acordos da moción.

No pleno do 29 de xullo xa transmitimos un rogo e varias perguntas sobre esta cuestión, en concreto rogabamos que o Goberno municipal estudara as nosas propostas para chegar a setembro coas tarefas feitas. Infelizmente, coidamos que non foi así.

Queremos, pois, lembrar as alternativas que propomos, algunhas xa contidas na moción:

  • No acceso e na saída dos centros sempre se producen aglomeracións, pola COVID-19 cómpre adoptar medidas decididas. Débese falar coas direccións dos CEIP para optimizar as entradas e saídas1. Asemade, cómpre incrementar o espazo de acceso aos colexios para as crianzas e acompañantes, estudando a nosa proposta de camiño escolar enunciada no seu momento.

  • Para a conciliación é o momento de estudar tamén implementar o Plano madruga, vendo o número de solicitudes e contratando ao persoal necesario. Desde Por Chantada mostramos a nosa disposición para apoiar o cambio orzamentar que se requira para pór en marcha este programa, así como a participar da elaboración dos seus protocolos.

  • Limpeza e desinfección do centro. Contratouse moi pouco persoal para todo o que demandan dos protocolos. Entendemos que o Concello seguirá a asumir a limpeza e desinfección dos centros de primaria – de xeito impropio, pois debería estar coberto por Educación – e que precisa un reforzo orzamentar nesta partida. Un informe xurídico da Deputación de Pontevedra e outro da Deputación da Cruña asinalan que os custes extraordinarios de desinfección e limpeza xerados pola COVID-19 «non son competencia propria dos concellos e supoñen unha ampliación das mesmas». O Concello debe asumir, pois, esta necesidade polo ben da comunidade educativa local, mais logo repercutir os gastos á Xunta da Galiza, que recebeu 92,9 millóns de euros de fundos extraordinarios do Estado para educación.

  • A situación sanitaria vaise manter, previsibelmente, máis aló deste curso, co cal, os nenos e nenas de Chantada vanse ver privadas de facer moitas actividades dentro e fóra da aula que habitualmente facían en conxunto, como poden ser os festivais de Nadal e fin de curso, excursións pola zona ou, simplemente, xogar no parque en conxunto de xeito habitual. Entendemos que dende o Concello se pode contribuír a manter a conexión do alumnado dos CEIPS mediante o recurso a actividades en liña. Por iso, consideramos que se debe reforzar esta área de animación sociocultural e dotala dos recursos necesarios para que durante todo este ano se fomente a conexión dos nenos e nenas con actividades lúdicas e educativas.

  • O PP votou no parlamento galego contra o sufraxio das máscaras que pasarán ao cativo orzamento escolar. Ante a obrigatoriedade do uso de máscaras na aula e dado o custe que vai supor para as familias, uníndose ao custos habituais do inicio de curso, entendemos que é o

    momento de que o Concello realice unha nova dotación de máscaras dirixida á poboación escolar, tanto de Primaria como de ESO, FP e Bacharelato. Aínda que o Concello xa dotou aos nenos e nenas de máscaras estas vanse deteriorando co uso, polo que entendemos que sería importante comezar o curso cunha nova doazón de máscaras á poboación escolar, toda vez que, neste momento, xa se dispón de máis modelos homologados no mercado, tanto reutilizábeis como cirúrxicas dun só uso.

  • Partillamos dos acordos da moción tamén que a pandemía fai necesario impulsar o Consello escolar municipal, con reunións periódicas para o seguimento da situación sanitaria e das necesidades dos centros e da comunidade educativa.

1 O CEIP Eloísa Ribadulla abre portas ás 9:00 horas e o Xoán de Requeixo ás 9:30 horas e no primeiro saen ás 14:00 e no segundo ás 16 horas. No Eloísa Ribadulla á hora de entrada e saída hai aglomeracións no exterior, conflúen as crianzas e acompañantes que chegan a pé cos que chegan de carro (o transporte escolar accede ao recinto polo que non afecta ao exterior).

No Xoán de Requeixo á hora de entrada e de saída conflúen no exterior todos e hai aglomeracións no espazo habilitado de agarda (rúa poeta Añón) e diante da cancela de entrada. Para maior agravante o tránsito non se interrompe aumentando a conxestión e a beirarrúa onde baixan as crianzas do transporte escolar é moi estreita e coinciden coas que acceden a pé.

O alcalde di que non está disposto a darlle unha patada ao presidente da Xunta ou ao Conselleiro aprobando esta moción. O PP obtivo maioría absoluta. Se son incompetentes, como defende o PSOE, que nas próximas eleccións os cidadáns tomen nota e os boten fóra. Non concorda co que di a oposición. Con maior previsión recoñece que poderían derivarse alumnos a Carballedo ou Taboda ou mesmo usar escolas rurais, mais pensa que en Chantada non hai problemas de lotación de alumnado. Reforzouse a limpeza dúas horas ás mañás e están facendo bolsa de traballadores. Prorrogáronlle a empresa o contrato até setembro de 2021 e a partir de aí licitarán mellor a limpeza. No Xoán de Requeixo xa hai área habilitada e acceso desde o pavillón e mais desde García Árias. Os pais deberían ter maior conciencia e no IES non é posíbel seguramente que se poña a policía local por mor do horario. Canto ao consello escolar asisten aos de cada centro e están contentes coas actuacións do Concello [non é o que nos consta desde Por Chantada como temos demostrado nalgún pleno]. O diñeiro para medios dixitais pode estudarse cando se estuden os orzamentos para 2021. Hai pontos da moción que van tentar cumprir de aquí a finais de ano e debater o orzamento antes de rematar o ano, mais non se van dirixir á Xunta cando xa comezou o curso e defende que o Goberno galego funciona á perfección. Ao mellor o PSOE debería preocuparse máis polo ingreso mínimo vital, que só entregaron 10%, ou os ERTEs. O Concello axudará ás familias con necesidades e ás persoas maiores.

Raquel lamenta como profesional e como viciña que o PP vote en contra e di que eles critican calquera administración da cor que sexa. Preocupante a defensa fechada da Xunta. Varela retruca que iso dio ela. Raquel di que ten a mesa do primeiro alumno pegada a dela. Varela dille que en que Concello é iso, que apresenten alí a moción. Raquel retrúcalle que onde están os cartos do Goberno central entregados á Xunta para educación. Varela dille que xa dixo Antón que ían en parte para computadores. Eles cumpren cos cidadáns de Chantada e cada catro anos hai oposicións nas urnas e a Xunta revalidou unha maioría aplastante.

Votos a favor: 6 (Por Chantada e PSOE). Votos en contra: 7 (PP). Rexeitada.

5.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CUP A PROL DUNHA PAC AXEITADA PARA O INTERIOR GALEGO. EXP. G-835/2020.

Mocion Por Chantada PAC

Expón a moción o voceiro de Por Chantada, Antom Fente, sintetizando a exposición de motivos.

Desde o PSOE, Raquel López, di que é unha moción densa, aínda que entenden que o tema é complexo. O PSdG leva décadas traballando no tema da PAC e seguirá facéndoo. Coinciden nalgúns aspectos da moción: paisaxe, relevo xeracional, mudanza climática, calidade alimentar etc. Neste momento non tiveron en conta a situación da COVID-19, que é unha variábel a ter en conta. Tomara teñan en conta a moción os grupos do parlamento galego.

O PP di que non teñen inconveniente en apoiar a moción. Gobernando o PP en Madrid pasaban en gobernar en Europa sen reunións coas CCAA e sería bon que as fixesen. Ve ben pasarlle esta exposición de motivos á Xunta, ao Ministerio e aos grupos políticos e agarda que a teñan en conta. O Ministerio de Agricultura do Goberno estatal ten un ministro que é competente e cumpre chegar a Europa con unidade e sen confrontación.

Aprobada por unanimidade, Por Chantada (2), PP (7) e PSOE (4).

6.- RENUNCIA CONDICIÓN DE CONCELLEIRA DE DONA MARÍA VARELA RODRÍGUEZ (PSG-PSOE). DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA. EXP. G-834/2020.

1.-PROPOSTA DE ACORDO

2.-Informe de Secretaría

3.-LISTA PS de G-PSOE

4.-Providencia de Alcaldía solicitando Informe

5.-Renuncia María Varela

Só interviu o alcalde agradecendo a presenza e o labor da concelleira do PSOE, a pesar de pertencer á Corporación apenas un ano. Desexoulle sorte no plano profesional e laboral e lamentou que se fose unha das “caras máis amábeis do Pleno”. Non se abriu rolda de intervención para os voceiros do grupo socialista e de Por Chantada.

7.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA.

Non se produciron.

8.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA (DECRETOS 400/2020 A 495/2020).

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

9.1.- Ornato público e lixo.

9.1.1.- Actividades insalubres en Vista Alegre.

En Vista Alegre recebemos queixas viciñais polo botellón, prohibido pola lexislación actual da COVID-19, e o denominado popularmente como mirador ten cada vez máis lixo. Rogamos que se execute a correspondente limpeza e se incremente a vixilancia, tamén no parque da feira vello, pois recebemos queixas de actividades ilícitas.

Contesta o alcalde, que tamén hai que reforzar a vixilancia nas escolas rurais, que son do Concello e mesmo algunha alugouse. Vaise arranxar a rúa Vista Alegre.

9.1.2.- Sumidoiros atascados.

Rogamos que antes da temporada de choivas máis fortes se proceda a revisar os sumidoiros, xa que existen varios que están totalmente atascados, por exemplos, na rúa de Portomarín e no mercado gandeiro, até con terróns de herba.

Concordan que é necesario, que normalmente se fai en outubro.

9.1.3.- Colectores.

Moitos colectores da vila precisan de ser reubicados e, en todo caso, deben estar limpos. Os amarelos e os de vidro son os que pior están e non se limpa debaixo deles. A imaxe de moitos deles dista moito do desexábel e máxime nesta situación de pandemía. No rural hai varios totalmente rotos. O horario de tirar o lixo só ten sentido se coincide co de recollida inmediatamente despois e hai que mellorar a distribución dos colectores en varios pontos. Os colectores están mellor nun solar sen edificar, pois repartidos quitan prazas de aparcamento. Cada tonelada de cascallos son 80€ van ter que revisar a ordenanza.

9.1.4.- Limpeza rúas.

Nas inmediacións da praza de abastos ou na rúa da Flora, por pór só algúns exemplos.

9.1.5.- Praza Santa Ana.

Rogamos novamente que se arranxen os elementos do pavimento que o precisan con urxencia, así como vernizar os bancos e limpalos por baixo. Debe vixiarse que se aparque mellor.

Van arranxar os bancos en breve.

9.1.6.- Camión abandonado.

Hai un camión abandonado nun solar fronte ás piscinas e está criando maleza polo que rogamos que se actúe.

Hai outro nun solar alugado polo Concello. Toman nota.

9.2.- Peonalización Cantón.

Rogamos que se vixíe o mal uso dos aparcadoiros existentes na nova zona peonil a horas en que non está xustificado o seu uso.

Negan que haxa problemas.

9.3.- Xardín da infancia (Galiña Azul).

Para alén de que coa escusa da COVID-19 se impuxo o mesmo catering que opera no centro de día, tanto en Chantada canto en Taboada, Antas e Pantón, a escola infantil segue sen pintar. Coidamos que este ano disporíase de fundos suficientes para facelo, xa que non comprometería unha contía moi elevada. Rogamos, pois, que se pinte a escola infantil.

Toman nota e verán se se pode facer xa neste 2020.

9.4.- Piscinas municipais.

Cando contemplan abrilas?

Se poden o 2 de outubro.

9.5.- Rozado na parroquia de Arcos.

Desbrozaron mal en Arcos e non volveron a pasar a pesar das queixas viciñais. Por exemplo, o camiño da parte de arriba de Souto non se desbrozou e en Gomesende. Rogamos se solucione.

Están rematando coas ribeiras e empezarán outra vez que cumpre en San Vicente etc. Este ano houbo tres meses perdidos pola pandemía.

9.6.- Pistas.

9.6.1.- Arcos.

Aínda que xa trouxemos unha relación na moción que veu ao pasado Pleno e que está a comisión de seguemento das infraestruturas por constituírse, transmitíronnos que urxe o arranxo das seguintes pistas:

  • A pisa que sai da Cruz de Outeiro até Casteda.

  • Pedrafita a Casteda.

  • Arsilleiros desde Casteda á cima da Cruz.

  • Igrexa – Arcos, o firme está moi deteriorado.

  • Vilanova (estrada a Antas), a pista non se anda.

  • Rogamos que se faga, como solicitamos, unha relación polo nível de deterioro e que se liciten conxuntamente, xa que se están contratando como contratos menores todas con FEVISA Vías e obras, empresa á que aínda recentemente se lle abonaron 120.143,43€ en xuros de demora (Decreto 446/2020 de 12 de agosto).

  • Cando se prevé criar a comisión de infraestruturas? Facer unha ou dúas e na dos orzamentos facer estudo das que fican sen arranxar.

9.6.2.- Devolución AGADER.

Mediante Decreto 405/2020 de 24 de xullo acordouse devolver á Consellaría de Medio Rural os fondos non xustificados AGADER 2019 por importe de 39.431€. Estes fondos correspondían ao expediente PM19-291 Mellora de camiños municipais da Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza. Poden explicarnos isto? Provabelmente naquele intre o Concello non lle podía facer fronte ou ben incumpriron o prazo da xustificación.

9.7.- Sentenzas (Decreto 430/2020 de 4 de agosto).

Abonáronse 11.087,1€ a varias persoas en conceito de expropriación e xuros pola Sentenza 86/2020 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Lugo do 12 de xuño de 2020. Pódennos explicar isto? Non se concreta na resposta nada.

9.8.- Guía de linguaxe inclusiva (Decreto 426/2020 de 3 de agosto).

Contratouse con Coeduca Consultora de Coeducación por importe de 2.194,78€.

  • A quen se vai dirixir? Primeiro aos funcionarios e logo a outros colectivos pouco a pouco, como asociacións.

  • Cantos exemplares en papel se van facer? A subvención inclúe a impresión de 20 exemplares.

  • Disponibilizarase na web para baixar libremente? Rogamos que así se faga. Din que se fará.

10.- Muradelle. Cruceiro e patrimonio.

Propomos como rogo que o Concello de Chantada se dote dunha Guía de restauración, conservación e xestión do patrimonio. Están de acordo.

Por Chantada rexistra moción sobre pistas e proposta para a Casa da música

 

No día de hoxe rexistramos no Concello dous documentos (en anexo) desde o grupo municipal Por Chantada:

1.- Solicitude do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación ao edificio da Casa da Música após o incendio do día 10 de xullo de 2020.

  •  Neste documento demandamos análise do dano e, en función de como a temperatura puido atinxiu á estrutura, adoptar as pertinentes solucións.
  •  Prohibir fumar e cortar eficazmente o tránsito de persoas no inverno polo risco de caídas que produce a xeada, así como velar das condicións de seguranza da terraza instalada no teito do auditorio desde o fin do estado de alarme pola COVID-19.
  • Proceder a atender as demandas de Por Chantada formuladas en 2016 sobre o correcto tratamento e conservación do edificio, a comezar polo rexistro de todo o feito e que se faga a partir de agora no Manual de actuacións.
  • Aproveitar a reforma necesaria para procurar solucións para a cristaleira do cenario do auditorio, dado que se alcanzan temperaturas elevadas coas consecuencias xa coñecidas: esnaquizado o pano de fundo, gasto elevado en ar acondicionado… O financiamento pode facerse mediante modificación orzamentar, por exemplo desde as partidas 334.489.01 (parte dos 58.000€ de subvención das festas do Carme) e do programa 338 (Festas populares), xa que este ano non se vai gastar o mesmo nas festas patronais.
  • Mellorar o mantemento de escadas interiores así como a limpeza do edificio.

2.- Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP para o arranxo e conservación de infraestruturas e pistas de titularidade pública no termo municipal de Chantada e contra o uso de glifosato na N-540 por parte do Ministerio de Fomento.

 
Nesta moción, que se debaterá no Pleno ordinario de xullo, demandamos:
  • Dirixirse á Deputación provincial de Lugo para que se arranxen coa maior celeridade posíbel as estradas sinaladas.
  • Impulsar un Pacto polas infraestruturas locais, cunha comisión de seguimento específica, que se reunirá cuatrimestralmente, e que tería as seguintes funcións:
    • Estudar a relación de pistas ordenadas polo seu estado de conservación: clasificándoas en A (estado óptimo), B (bo estado), C (deficiencias leves), D (deficiencias graves), E (deficiencias moi graves e/ou perigo para a circulación). Dito informe elaboraríao o técnico municipal correspondente.
    • Aprobar un protocolo de actuación municipal nas estradas con coberta vexetal (ECV) e no manexo, limpeza e rozado das gabias.
    • Seguimento das actuacións municipais no eido das infraestruturas e elaboración dunha memoria anual con propostas concretas de actuación e análise das deficiencias detectadas.
  • Contemplar no vindeiro orzamento aplicacións orzamentares suficientes para o arranxo das estradas de titularidade municipal sinaladas, que precisan intervención urxente.
  •  O Pleno municipal de Chantada diríxese ao Ministerio de Fomento para que deixe de usar glifosato e opte polo rozado mecánico das beiravías da N-540, así como no conxunto da súa rede de estradas.
Por último lembrar que este sábado, 18 de xullo, celebramos a nosa Asemblea ordinaria anual ás 20 horas no Casino de Chantada.

#construírfuturo #mellorarChantada #opartidodaxente

Rendición de contas das actuacións de Por Chantada durante a crise do COVID-19 [última actualización 07/06/2020]

 

 

 

Na presente entrada da nosa bitácora iremos rendendo contas das principais actuacións desenvolvidas desde o noso grupo municipal en relación coa crise sanitaria derivada do COVID-19. Neste sentido, a nosa actuación caracterízase por brindar a nosa total disposición a colaborar co Goberno municipal para a mellor resolución da crise mediante a achega de propostas.

  1. Propostas de Interior Galego Vivo ante a crise do coronavirus (13/03/2020).
  2. Interior Galego Vivo: FAQ Ninguén é unha illa. Preguntas e respostas para o mundo rural perante a crise do coronavirus (15/03/2020).
  3. Propostas de Por Chantada-CUP para actuación desde o Goberno municipal perante a emerxencia sanitaria derivada do COVID-19. (21/03/2020)
  4. Proposta de protocolo para o SAF no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19. (22/03/2020)
  5. Documento achegas Por Chantada comisión seguimento 24 de marzo de 2020 (24 de marzo de 2020)
  6. Proposta de protocolo para a limpeza viaria no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (27/03/2020)
  7.  “Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?“, artigo en Nós Diario de Paula Verao (Agroma Sober) e Antom Fente (Por Chantada) sobre a crise e a situación no rural (30/03/2020).
  8. Parte diario da situación sanitaria en Chantada a partir do 1 de abril de 2020 nas nosas RRSS e até que o Concello de Chantada dea conta da mesma nas canles oficiais, así como información variada de utilidade á cidadanía.
  9. Comunicado de imprensa sobre a residencia de Chantada (02/04/2020, publicado o día 4).
  10. Resumo das axudas supramunicipais ás que vos podedes acolller [COVID-19] (07/04/2020).
  11. Proposta de protocolo para reparto de máscaras no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (18/04/2020).
  12. Consideracións ante a emerxencia sanitaria e a crise social e económica pola COVID19 da plataforma Por un Interior Galego Vivo (IGV) (19/04/2020).
  13. Decálogo de propostas urxentes perante a evolución da crise da COVID-19 e o novo cenario de confinamento. (22/04/2020).
  14. Propostas derivadas da Comisión de seguimento da crise da COVID-19 do día 24 de abril. (25/04/2020)
  15. FAQ #fase1: perguntas e respostas frecuentes sobre a Fase 1 do desconfinamento progresivo. (09/05/2020).
  16. Por Chantada denuncia a privatización do SAF en plena pandemía (2/06/2020).
  17. Solicitude de Por Chantada-CUP en relación co PACES (07/06/2020).

Estamos tamén en permanente contacto coas candidaturas e entidades da plataforma Por un Interior Galego Vivo para partillarmos propostas e informacións.

 

Consideramos tamén interesante a seguinte información, que sintetiza cuestións, do ámbito sanitario (consulta máis información básica para a cidadanía aquí: https://porchantada.wordpress.com/2020/04/11/blindar-o-rural-covid-19-recomendacions/):

 

 

 

 

 

 

Queremos, por último, reiterar os chamamentos á calma e a importancia de guiarnos por informacións contrastadas e facer caso das disposicións das autoridades sanitarias. Para calquera cuestión que nos queirades facer chegar podedes contactarnos ben através do formulario de contacto da nosa bitácora ou ben nas redes sociais.

 

#ficanacasa #apoiomutuo #solidariedade

Resumo Pleno ordinario correspondente ao 30 de xaneiro 2020 [audio]

O Pleno comezou ás 20:05 horas coa presenza dos 13 concelleiros e concelleiras da Corporación, a interventora e a secretaria municipais e 3 funcionarios (un administrativo e dous policias locais). Como público asistiron sobre 20 persoas, a maioría delas ligadas co Servizo de axuda no fogar (SAF). Confire o audio do Pleno aquí: https://drive.google.com/file/d/1kTk9IHLAOy-26ch7fS3ZyqSSPlfX796O/view?usp=sharing

 

Antes de comezar a concelleira do PSOE, Raquel, invoca unha cuestión de orde para queixarse pola mudanza da data do Pleno sen avisar á oposición, do retraso no envío da documentación, non se receben as actas das Xuntas de Goberno Locais en tempo e forma, métense continuamente cousas por urxencia etc. En definitiva, estase a dificultar o labor da oposición. Manuel Varela retruca que se mudou porque tivo que asistir a Fitur e que non oculta nada. Mesmo afirma que había compañeiros do PSOE que preferían a mudanza de data. Daniel do PSOE nega que dixera iso.

1.- Actas anteriores, correspondentes ás sesións: Ordinaria do día 28/11/2019.

Rascuño acta Pleno 28/11/2019

Desde o PSOE din que no ponto do horario dos Plenos se abstiveron e que no ponto 8º na intervención non se indica.

Por parte de Por Chantada, indícase que as actas deberían paxinarse para podermos indicar as deficiencias detectadas con maior axilidade. Na quenda de debate da epígrafe 3ª (p. 9) contestouse polo noso grupo que é falso que se emitira recurso no último día do prazo, senón que se fixo ao comezo do mesmo. Isto non se recolle na acta. Na páxina 21, quenda de debate da epígrafe 8ª, propuxemos exixir á Deputación e á Xunta o arranxo das deficiencias do Polígono (fronte as discrepancias entre PP e PSOE) e tampouco se recolle na acta. Na páxina 24, rogos e perguntas do noso grupo, indícase nunha cuestión que nos contesta o señor Manuel Diéguez Carballo, algo bastante improbábel tendo en conta que non asistiu ao Pleno. Na seguinte pergunta non se recolle que a concelleira Cruz Fernández Rodríguez desmentiu que só se queixase unha persoa do asunto da rúa do Parque ao existir escrito da Comunidade Viciñal rexistrado no Concello no seu día.

Con estas modificacións, apróbase a acta por unanimidade.

2.- Inadmisión Recurso Potestativo de reposición de Por Chantada-CUP. Expediente Suplemento de Crédito 05/2019 (G-1021/2019).

Recurso de reposición de Por Chantada-CUP ao SC 5/2019

Informe resurso Suplemento de crédito 5/2019

PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO

  • Desde o PSOE din que é a terceira vez que este asunto vén ao Pleno e reiteran os seus argumentos. É algo grave, obras en período eleitoral que se queren blanquear co SC 5/2019. Cando se inadmitira a reclamación de Por Chantada xa dixeron que faltaba ir ao fondo da cuestión e agora reiterase o mesmo. Agora arguméntase que non cabe apresentalo e desde o grupo municipal socialista son respeituosos co informe xurídico. O triste son as actuacións e revisión de fondo.

Desde Por Chantada explícase que este asunto xa foi debatido anteriormente, ou máis ben a oposición fixo un monólogo e o Goberno obviou calquera resposta e explicación ao caso, algo ao que nos ten acostumados. Como na medicina premoderna ou na economía ordoliberal contemporánea, para calquera doenza a receita sempre é a mesma: aplicar máis unha sangría ao paciente aínda que se vexa que iso só fai piorar o seu estado.

Novamente non se nos contesta a nada do fundo do asunto, obviando que se incumpriu a LCSP, que se abusou do fraccionamento e do contrato menor, ou que foron obras desenvolvidas en pleno período eleitoral e polos motivos expostos nos diferentes recursos apresentados susceptíbeis de seren declaradas nulas de pleno de direito e dar lugar a un expediente de oficio de depuración de responsabilidades.

Esta forma de xerir os asuntos públicos, tapar as irregularidades que son continuadas e sistemáticas, e negar calquera diálogo ou revisión para solucionar deficiencias é irresponsábel e contribúe a xudicializar a política e non a mellorar a xestión.

Solicitamos a votación nominal (art. 102 do ROF) e en contra de desestimar o noso recurso potestativo de reposición.

 

Votación nominal: a favor Por Chantada e PSOE (6); en contra PP (7).

Votación inadmisión recurso potestativo de reposición de Por Chantada-CUP: a favor PP (7); en contra Por Chantada (2); abstencións PSOE (4).

 

3.- Aprobación expediente contratación SAF, expediente G-37/2020.

01 PROVIDENCIA DE MODIFICACIÓN DO INFORME

02 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0009 [INFORME ECONOMICO-FINANCIERO SAF

03 INFORME TRABALLADOR SOCIAL

04 RESUMEN PPTO PRORROGADO 2020

05 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0011 [RECURSOS ORDINARIOS DO ORZAMENTO

06 ESTUDO ECONÓMICO SAF CHANTADA FINAL

07 memoria xustificativa

08 informe insuficiencia medios saf

09 informe non división lotes saf

10 PCAP SAF

11 PPT SAF

12 RC CONTRATO SERVIZOS SAF

13 LIBRO INFORMES SECRETARIA 2020-0005 [INFORME DE SECRETARIA]

14 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0012 [FASE A CONTRATO SAF CONFORME ARTI

15 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0013 [FASE A FISCALIZACION PLIEGOS SAF]

16 PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO DA CORPORACIÓN

Desde o PSOE cualifican este ponto como outro capítulo da agonía e morte do SAF de Chantada. Abraiados perante esta licitación sen o orzamento para 2020. Trangallada con Modificación de crédito e Transferencia de crédito. Só con o SAF o 8% do orzamento non nato xa comprometido e a isto engadirlle o ponto de urxencia sen informar nen falar. Raquel acusa de incompetencia e comodidade ao PP. Comprometen xa entre 15-20% do orzamento sen sequera debatelo. Externalizan un servizo facéndoo un 10% máis caro do que supuña a xestión pública, só en IVE 36.000€, ao que cómpre engadir un coordinador do servizo e 5% de beneficio industrial.

Os pregos provocan dúbidas na bancada socialista, polas súas ambigüidades. A cláusula 27ª debería ser máis concreta nos limites da subcontratación. A situación das traballadoras non se sabe ben como fica <<tenas aquí>>. Raquel acusa ao PP de dicir que non mudaría a situación, mais non ve que se manteña o convenio actual con 6-7 días de LD, asistencia a familiares no médico, trienios… iso recóllese no convenio colectivo.

Faltan medidas claras no controlo do servizo e sobre a empresa. A mesa de contratación non a debe presidir o alcalde, só debería estar integrada por técnicos e non a concelleira 4 anos como responsábel.

Unha chapuza con aleivosía de quen espera a pasar as eleicións para externalizar, cun orzamento hipotecado e mostrando incompetencia para favorecer o lucro empresarial. Un ataque á xestión pública. Conflito laboral desde outubro e cercenando o direito á greve con servizos mínimos abusivos de máis de 90% e denegando todas as licenzas sen piedade e solventando os continuos reparos de intervención. O único responsábelk é a equipa de goberno e o alcalde.

Desde Por Chantada-CUP comézase con retranca, dicindo que as bases son bastantes rigorosas, vindo de vostedes, vese que renderon os 1.800€ do bufete de avogados que contrataron. En todo caso, nen se pode ocultar a privatización até, cando menos, 2024, nen a mingua de direitos laborais, nen moito menos que imos pagar moito máis que coa xestión directa e pública 100% do servizo. Isto sen contarmos que se negaron a calquera diálogo ou consulta coa oposición e desouviron estudar a criazón dunha empresa pública, que mesmo podería ser mancomunada con concellos limítrofes.
No prego de cláusulas administrativas particulares na cláusula 1 pon moi claro que «O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo público de carácter local consistente en oferecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia (…)» co cal están dicindo que é un servizo público e a súa vez estano privatizando, isto é unha contradición moi clara.
É curioso ver que para ceder parcelas do público ao privado a lexislación é ben flexíbel e pouco importa que se incremente o gasto e que nos vaia saír máis caro. Iso si, para reverter privatizacións os concellos teñen que facer pinchacarneiros e xustificar moi ben a poupanza económica. A súa aposta estratéxica sempre foi favorecer o privado en detrimento do público, aínda que funcionase pior (lémbrese o caso das piscinas, por exemplo) e saíse en condicións ruinosas para o conxunto dos contribuíntes. Daquela, non partillamos os fracos argumentos da motivación da necesidade (Memoria, 9.c e Informe insuficiencia de medios), cando existen numerosas alternativas, que nen foron valoradas: estudar a criazón dunha empresa pública, racionalizar a distribución dos fogares e do servizo, impulsar cadrantes anuais das traballadoras e unha bolsa de reserva horas para cobrir eventualidades (baixas, imprevistos, asuntos proprios…), máis traballadores mediante RTP etc.

No Prego de cláusulas administrativas particulares do contrato do SAF do Concello de Chantada (PCAP), na cláusula 21ª indícase que o local da empresa podería estar en Chantada ou nos Concellos limítrofes. Entendemos que debería estar si ou si na vila do Asma, xa que estamos falando dun desembolso económico moi importante por parte da cidadanía.
Canto ao custo, estipúlase un custo de 3.639.571,36€ para o período 2020-2024, que achamos, no entanto, insuficiente e irreal (AO 231.227.99.04). A comezar porque nen contempla o IPC nem as subas salariais. Non obstante, se imos ao Anexo I do mesmo documento xa se fala de 4.199.505,41€ atendendo ao 20% das modificacións (909.892,84€ por ano con IVE incluído do 4% + 20% das modificacións). Por outras palabras, o lucro mínimo da empresa vai ser de 209.976€ durante a vixencia do contrato, aínda coas contas que se aquí se nos presentan. Unha aposta segura.
Porén, na CI díxoselle á miña irmá Cruz que as 66 persoas en listaxe de agarda entraban no cómputo actual e non no 20% das modificacións contempadas no PCAP, porén iso contradise coas traballadoras calculadas, xa que por cada traballador do SAF hai entre 1 e 4 utentes dependendo das horas estipuladas. Á parte habería que computar os quilómetros polo que incrementaría o prezo que se nos trae hoxe aquí.

SUPOSTO DE CÁCULO
Supoñendo que os utentes da listaxe de agarda son dependentes de grao 2 corresponderíalles 2horas diarias, isto suporía 10 horas a semana , 40 ao mes, 480 o ano e por 66 usuarios farían un total de 31.680 horas. Se multiplicamos as horas, sen contar feriados nen fins de semana, obtemos un custo de 551.232€ (31680×17,40= 551.232€) ao que habería que engadirlle os quilómetros a percorrer para atender a estes dependentes a maiores (unha media de 15km diarios x 5 días=75; semanais x4=300; mensualesx12=3.600 anuais x 66 usuarios=237.600×0,19km=45.144€): 45.144€. Falamos entón de 596.376€ anuais que non se están computando neste momento. Por outras palabras, mais 2.385.504€ no período de vixencia do contrato que, sen o 20% de modificacións, ascendería a 6.025.075,36€ e co 20% a 6.585.009,41‬ no total.

Estas discrepancias, falamos de máis de dous millóns de euros o cal non é peccata minuta, moito me temo que vai ser como o que falamos das horas. Nós indicabámoslle que andarían sobre 18€ e vostedes falaban de 14 ou 15. Resulta que aproximamos moito mellor. Claro que admitir un custo de 1.646.253€ suporía deitar por terra a suficiencia dos medios financeiros e imposibilitaría a privatización nestes termos.

De por parte, contémplase nos pregos que se debería cobrir o servizo de 8:00 a 22:00, cando o mesmo traballador social estima que a maioría dos fogares só queren o servizo de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, entón cal sería o motivo da ampliación do horario se xa se contemplaba por necesidades do servizo en casos específicos?

Na memoria xustificativa fálase da adecuación á normativa laboral do convenio sectorial de aplicación dos contratos do persoal traballador do servizo. Por unha banda, dise que teñen que pasar coas mesmas condicións que teñen no Concello e, pola outra, dise que se lles ten que aplicar o convenio estatal de axuda no fogar prexudicando as traballadoras, xa que perderían dereitos pasando do convenio de persoal laboral a outro inferior. Nos pregos non observamos que se especifique o convenio de aplicación, que defendemos debe ser o galego, tal e como reclamou a delegada sindical das traballadoras. Só se recolle na epígrafe 7ª da Memoria (p. 9) que debe ser o Convenio Colectivo laboral do sector da axuda no fogar na Galiza, mais ponse entre parénteses.

Igualemente, quero salientar que existe solicitude de días por lactancia (13, RE 4779) dunha traballadora, da que tomou razón a XGL do 9/1/2020- No entanto, cal foi a nosa surpresa ao comprobarmos que non aparece na subrogación, a pesar de levar prestando os seus servizos no concello de Chantada dende o ano 2017. Pouco importa editar o III PIOM se logo actuamos deste xeito e non respeitamos unha baixa por maternidade de alguén que aprobou o exame da bolsa e solicitou a licenza por lactancia á que, evidentemente, ten direito. Esta é a conciliación e a igualdade que vostedes queren promover? Pola contra, outra traballadora que se apresenta por vez primeira á bolsa e, aínda negándose 3 veces a traballar alegando motivos persoais, nen se bota fóra da bolsa e resulta que si figura na subrogación. Isto non é para nada coherente. En todo caso, recapaciten en inclúan as dúas.

Tampouco o é nomear responsábel do contrato a concelleira de Servizos Sociais e que logo sexa suplente na mesa de contratación, cando ao noso xuízo, ambas figuras (a presidencia da mesa e o responsábel deberían coincidir).

Como lle dixemos no seu día, saía máis barato privatizar o Goberno, incapaz de xerir o servizo, do que o proprio servizo… claro que este Goberno se callar xa é máis privado e privativo do que un conxunto de servidores públicos ligados polo compromiso de fideicomiso cos seus cidadáns. Ou por que non levaron isto no programa e incumpren todo o que levaron nel?

Mantemos o voto en contra xa emitido na CI.

 

Por parte do PP dise que se se vai á CI será para vir informados e non con retaílas para estar en contra do que se fai en Monforte, Saviñao, Sarria ou Ribadeo. O PSOE debería usar outro tipo de adxectivos e non insultar, Varela acúsaos de na CI afirmaren que é o que queren as traballadoras. Raquel tenta contestar. Varela dille que non o interrompa. Están aquí as traballadoras e van mellorar e é falso que non se reuniran con elas, tal e como recolleu a imprensa. Non van dar máis explicacións, traballan para os cidadáns. Manteñen o voto da CI.

Raquel intervén para acusar a Varela de terxiversar as súas palabras, na CI a pergunta era se todo ficaba como estaba como é que segue a greve das traballadoras do SAF. Varela aféalle que siga insultando, que por ese camiño o PSOE de Chantada vai moi ben.

A favor: PP (7).   En contra: Por Chantada e PSOE (6).

Neste momento sae a maior parte do público e comeza a manifestación do SAF nas rúas contiguas á sala de Plenos.

4.- Aprobación de facturas mediante recoñecemento extraxudicial de crédito (REC 01/2020) por importe de 74.378,83 69.978.63€. Expediente 42/2020.

Informe de fiscalización_OMISION DE FISCALIZACION 2020-0001 [OMISION FISCALIZACION FACTURAS REC 01-2020 OF 01-2020]

01 PROVIDENCIA APROBACION FACTURA

02 PROPUESTA RESOLUCION APROB FACT PLENO A FISCALIZAR

03 MEMORIA XUSTIFICATIVA

04 PROPUESTA APROB FACT PLENO

Raquel acusa a Varela de mentir na CI ao dicir que eran sancións da CH e resulta que son facturas. Varela deféndese dicindo que non dixo iso, entendería mal.

Prosegue o PSOE dicindo que son 70.000€ de gastos que non se planificaron. Constantemente ocorre isto e o Concello está submido nun caos absoluto. Reparos por fraccionamento de contratos supón estar no fío do arame con adxudicación continuas ás mesmas empresas.

Desde Por Chantada dise que non podía faltar á cita un REC, que totaliza desta volta 74.378,83€ (69.978,63€ en facturas mais 4.400,20€ en sancións da Confederación Hidrográfica, outro clásico). Veñen acompañadas dunha Omisión de fiscalización 1/2020, de 24 de xaneiro, da intervención municipal, para comezarmos ben o ano. Dinos ese documento que non existía crédito axeitado e suficiente para esas facturas e que se incumpriron varias disposicións da lexislación, como o RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno ou a LCSP. Existen mesmo 3 facturas emitidas por comunidades de bens que non poden contratar con entes públicos e outras que fan referencia a gastos recorrentes e que superaron o ano polo que se incumpre o deber de licitación con transparencia, igualdade e publicidade. Tamén nos di que existen facturas pendentes de tramitar que son anteriores ás que imos aprobar, incumpríndose a prelación de pagos.

Non sería especialmente grave se acontecese unha vez, mais esquecéronse de dicir na Memoria xustificativa REC 01/2020, de 24 de xaneiro, asinada polo alcalde, que isto non é excepción senón norma. E que o uso e abuso do contrato menor é un procedemento sui generis da súa xestión, a pesar dalgunha moción que lle temos traído, como a de febreiro de 2016, Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos do Concello de Chantada, nomeadamente no relativo á contratación e seguimento dos contratos menores. Folga dicer que se negaron a aprobala, como desouviron a nosa proposta máis recente, en 2019, de impulsar unha Central de Contratación Local.

Deberían lembrar tamén que a axilidade e eficiencia que invocan non pode contradicir as leis, pois vostede non é Luís XIV para dicer «L’Etat ce moi». Por exemplo, teñen a empresa que xere as RRSS 6 meses sen cobrar (parte vén agora a este REC 1/2020) e resulta que xa cando se contratou lle advertimos que era necesario facer unha licitación. Se iso é “eficiencia”… máis ben son probas continuadas e palpábeis da súa deficiente xestión.

Pola súa banda, o PP recoñece na figura de Manuel Varela que a oposición ten parte de razón. Porén, xa verán que difícil é gobernar cando lles toque. A plataforma de contratación do Estado mirárona, mais saia máis caro. En todo caso, eles están alegres porque aínda facendo REC non teñen que ir a operacións de crédito como en 2011. Non hai un millón de euros de débeda, iso era en 2018, agora case non hai a imprensa non pode mentir así. Sempre miran as melloras ofertas e peden 3 prezos para poupar aí cartos. Todos os subministradores baixaron os prezos porque pagamos máis ou menos ao día. Nas facturas do REC anterior había cousas do obradoiro de emprego e van solicitar outro e se houbese orzamento non o poderían contemplar aínda e terían que ir a unha modificación de crédito.

A favor: PP (7) En contra: Por Chantada e PSOE (6).

5.- Moción do grupo municipal socialista sobre servizos no rural. Expediente G-36/2020.

MOCION DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE SERVIZOS NO RURAL

Defende a moción do PSOE Raquel. Di que visa mellorar o rural. A primeira parte céntrase nos servizos básicos e urxentes (traídas de auga e saneamento). Case todo o rural sen elas. Problemas na época de seca.

Interrompe Varela (PP) para indicar que as traballadoras do SAF perderon a razón pola manifestación vergoñenta que están facendo. Outros sindicatos non defenden isto e dálle pena, vaia país que estamos criando. Acusa á oposición de alentar estas actitudes coas súas intervencións.

Continua Raquel. Non foron capaces de escoller unha parroquia, daí a súa proposta de comisión para facer baremos e reflectir nos orzamentos as máis urxentes. Os pontos 3º e 4º son menos urxentes. Trátase do convenio da FEGAMP e envexan a Sober polo proxecto de fibra óptica en todas as súas parroquias. Isto require anos, trataríase de sentar as bases.

Desde Por Chantada ven a moción interesante. No tema da auga existen numerosas problemáticas en diferentes lugares. Podemos cáseque dicer que non hai parroquia sen conflitos ou deficiencias na auga, porque cada vez fican menos viciños, a auga non se “busca” e o mantemento das traídas é insuficiente (ao tempo que aumentan as necesidades). Todo o noso apoio á creación desa comisión para o estudo das necesidades de cada parroquia en saneamento e auga. Cómpre lembrar que concellos con 500 ou 600 habitantes da provincia de Ourense levan 20 anos con saneamento integral e Chantada con máis de 8.000 habitantes ten o 90% do rural sen el, sen colectores do lixo para reciclar e con moitos lugares que no verao fican sen auga.

Tamén apoiamos a demanda de fibra óptica ao Goberno do Estado e á Xunta da Galiza, outro campo onde se manifesta a desigualdade e o abandono que padece o interior galego e que é fundamental para moitas empresas e explotacións, cada vez máis. O problema é que a fibra óptica para os lugares do noso Concello sería unha millonada e temémonos que o rural ficaría novamente cun servizo de terceira ou cuarta categoría. En Laponia foi a propria comunidade a que puxo a fibra óptica con fondos europeos.

O máis factíbel é estudar fórmulas para que o Concello poida ter unha conexión óptima e de balde e que a espalle ao rural, mais para iso é necesario dotármonos de nodos e infraestrutura. Este debería ser o camiño e a dirección na que traballar. Poden consultar con Xinzo de Limia, que puxo tiradas de fibra óptica municipal.

A Mancomunidade de Santa Águeda (San Amaro, Coles, Vilamarín etc.) ten pontos de graza e de balde nos concellos. No Macizo Central, dez concellos, van pór a Internet de balde por apenas 3.000€ cada un, para un proxecto semellante que financia 90% o GDR. Aquí, en Chantada, levamos anos sen ver un peso do GDR porque este rexeita proxectos deficientes e pouco interesantes.

No que discordamos, pois, desta moción é no convenio entre AMTEGA e a FEGAMP. En primeiro lugar, porque existen outras alternativas a estudar. Por exemplo, o Proxecto Guifi.net, que surxiu en Catalunya e outorga banda ancha a prezos irrisorios con nodos funcionando no Courel ou en Sarria xa (o custe por utente e ano é sobre 70-90€) e máis de 100.000 utentes no Estado. É unha rede libre e aberta toda vez nos dotemos da infraestrutura. En Euskadi, concellos de Bildu, contan con rede de balde para todos os empadronados e un informático que xestiona a rede e nas horas que lle sobran traballa para o Concello. O prezo son 10€ por utente. Aquí, neste Concello, temos un informático e facemos contratacións externas para calquera reparación e mantemento de computadores. Algo falla… mais para chegar a iso primeiro traballaron, insisto, en dotarse da infraestrutura certa para a súa orografía e necesidades reais.

O convenio da FEGAMP é unha chapuza porque non ten en conta a cobertura, por non falar que o prazo remata esta semana e se atenderán as demandas por orde de chegada (coma sempre imos tarde). Exixiríannos dúas cousas para que sexa a rede de balde para o Concello: informar dalgunha aldea sen cobertura de nengún tipo na actualidade e ceder 10 m2 de finca para a torre de celosía, que instala RTGAL, empresa pública. Onde temos esa finca en tan pouco tempo e ben ubicada? A Xunta dá, como máximo, 30.000€ para a acometida eléctrica, xa que os emprazamentos ideais distan normalmente do subministro.

Tampouco indican que compañía vai dar o servizo, xa que sae a concurso a posteriori. Pode resultar enton que a empresa X teña pouca rede de cobertura no noso ámbito e non solvente para nada as nosas necesidades.

É máis, vendo o convenio temos claro que isto non vai solucionar nada e temos que buscarnos a vida con iniciativas e medidas máis audaces. Claro que nengunha delas está na axenda deste goberno… De todas formas a torre de celosía si sería una boa adquisición que permitiría, ao ser do Concello, impulsar unha radio local e outros usos, aínda que non nos solventase a problemática da Internet.

O PP di que lle parece ben a moción e que na CI de urbanismo poden estudar isto conxuntamente cos orzamentos. O 50% do canon enerxético estaba previsto para saneamento e o resto para outras cousas necesarias no Concello, mais non se fixo así. O GDR investiu no centro de día máis de 200.000€ e este ano 180.000€ en Palas, non todos os anos vai levar Chantada partidas, sobretudo lévaas para servizos sociais. Insta a reunirse antes dos orzamentos e estudar as cantidades a destinar. Tamén fala de traer a auga desde o Faro, que sería un investimento importante e necesario, ora é inviábel atender 300 núcleos sen saneamento habitados. Rexeitan a moción, mais estudarán as necesidades.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

6.- Moción de Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego. Expediente G-36/2020.

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego.

Defende a moción de Por Chantada Antom Fente que le os acordos e fai unha síntese da exposición de motivos e as iniciativas que leva desenvolvendo Por Chantada neste eido.

Raquel (PSOE) di que nos últimos anos o PP leva atacando moito a sanidade pública, que se está desmantelando e o tema da pediatría tócalle a Chantada en primeira liña. A política debe buscar solucións: ambulancias, listaxes de agarda etc. Monforte pode ser o seguinte, como xa se indicou na defensa da moción. En Verín rectificouse pola presión popular, mais lamentábel ouvir que <<un parto non é un infarto>>. Apoian a moción na defensa da sanidade pública e as manifestacións.

O PP, por medio de Varela, di que receben mocións do PP e que non as traen ao Pleno. A moción anterior atinxe a Chantada, esta non. Sobre as transferencias de capital aos concellos a infección vén de atrás, xa que o Goberno central non financia ben as CCAA e a Deputación de Lugo está discriminada pola extensión, 92.000 millóns fronte os 160 millóns da Cruña. Lévano defendendo na FEGAMP, mais non os atenden. A ver se o defende tamén no Senado. O tema de Verín correxirase e espera que non volva ocorrer. Non hai cartos. Que loite o PSOE agora que está en Madrid. O tema da dependencia non se dotou de forma suficiente. A CCAA paga 9’70€, o utente 2€ e até os 17-18 hora ten que pagalo o Concello sen receber máis do 13% dos fondos do Estado. Que suban até o 25%. Lamenta moito e na situación que está agora terá que berrar con estas cuestións, mais vir ao Concello dicir que hai que facer cousas cando pagamos impostos coma todos e logo pagamos máis pola porta de atrás, pagamos duplamente. Sobre Portugal e o hospital privado de Chaves tiñan que ir a Porto ou a Verín por cobertura europea. En Portugal fano ben actualmente, mais o norte está abandonado.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

7.- Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono. Expediente G-36/2020.

Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono

Por parte de Por Chantada defende a moción Antom Fente expondo os acordos e sintetizando a exposición de motivos. Acéitase a emenda do PSOE.

Desde o PSOE intervén Daniel. En primeiro lugar para indicar que as traballadoras do SAF están defendendo os seus direitos. Vostedes que son tan constitucionalistas respeiten ese direito, espétalle ao PP.

Varela (PP) indica que teñen direito da subdelegación do goberno, mais xa pasan da hora e non lle vai dar leicións de ética e respeito o PSOE. Pédelle a Daniel que se limite ao ponto a tratar.

Volve intervir o PSOE. A moción parécelles oportuna polo momento en que vivemos. Cada día que pasa é unha batalla perdida e condenan as voces negacionistas da ultradireita e a direita dócil como Rajoy que mencionaba un curmán seu.  O novo Goberno estatal do PSOE ten como ponto nuclear a loita contra a mudanza climática na figura da vicepresidencia de transición ecolóxica e aprobouse a declaración de emerxencia climática e púxose enriba da mesa facer unha lei de mudanza climática en 100 días. Desde o PSOE están de acordo coa moción: emerxencia climática, fixación de carbono, medicións e debe ser tamén autonómico ao ter a Xunta as competencias exclusivas en ordenación do territorio, mais ao PP dálle igual isto, polo que agarda que se produza o cambio na Xunta. As ECV provocan sombras e mais humidade e deterioros, xiadas, caída da folla, raíces… problemas que cumpre ter en conta na elaboración do protocolo. Ofrece colaboración para facelo. O PSOE apresenta unha emenda de engádega que pasaría ao ponto 4º sobre eficiencia enerxética nos edificios públicos e para novos edificios. A construción ten unha grande pegada de carbono e espallalo a outras administracións veno ben.

O PP di que rexeita a moción. Participou como alcalde das xornadas sobre mudanza climática na Consellaría de Medio Ambiente até 2030. Desde Chantada non lle imos dirixirnos a todas as administracións. Teñen axudas de 200.000€ do Ministerio para substitución de luminarias na Avenida de Monforte con 55% de poupanza; en Uxío Novoneyra tamén novo alumeado con 75% de poupanza… Traballar todo o que pede a moción requeriría destinar todo o persoal do Concello a isto e teñen outras prioridades. Ir facendo na medida do posíbel.

A pesar do anterior, na votación – imaxinamos que por erro- a moción apróbase:

Votación moción con emenda: unanimidade.

Votación moción sen emenda: a favor Por Chantada e PSOE (6) e en contra PP (7).

8.- Mocións e asuntos de urxencia.

8.1.- Modificación orzamentar 03/2020 mediante crédito extraordinario 01/2020 de 550.000€.

Intervén Fente (Por Chantada) para pedir a explicación da urxencia, xa que é algo que <<non decidirían hoxe pola mañá ao levantarse estupendos>>.

O PP explica que a urxencia é porque aínda hoxe receberan unha das dúas ofertas dos dous edificios que se queren mercar. Defende Varela que é un tema sinxelo e tiñan intención de mercar estas casas na zona antiga desde hai tempo. A antiga Academia queren comunicala co actual Concello cun corredor e a outra para albergar biblioteca e arquivo como é debido, que o actual está nunha situación perigosísima cada vez que hai que ir buscar algo. Facer un estudo para albergar todos os servizos do Concello. Amais, hai departamentos da Xunta esperanto por estudos detallados para investir, xa que en Chantada hai moito que non se investe en edificios desta índole e están na mellor disposición de acceder a isto.

Fente pregunta que edificios son e Manuel Diéguez di que son a antiga Academia e o inmóbel onde estaba o antigo Pub Boys, o nº6 da Rúa Formoso Lamas.

Votación da urxencia: a favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Varela (PP) indica que este diñeiro que se pede se o RTGX axuda xa se solventaría en 2020 e se non en 5 anos, a razón de 50.000 anos cada 6 meses e cun ano de carencia.

O PSOE critica novamente que a documentación sexa insuficiente e se remitira o mesmo día do Pleno. Xa na CI meteron ponto por urxencia e non mandaron a documentación. Tampouco receberan as XGL.

A secretaria di que pensa que se mandaron. Fente di que de novembro non teñen e Daniel di que están na sede electrónica. A secretaria di que pediu expresamente que se eneviaran, que a ela é imposíbel.

Varela (PP) di que eles non se meten niso, que é cousa de Secretaría, que chamen desde o PSOE por telefone ao Concello e se informen. Que se alguén lles nega información que llo digan.

Raquel (PSOE) defende que para operacións desta índole o orzamento debería estar aprobado e sería bon telo para isto.

Varela explica que é compromiso, polo que 2020 sería o ano de carencia e, ao mellor, ao rematar o ano de carencia xa se amortiza; non afecta ao orzamento, nen este é a panacea. O orzamento de 2019 que teñen prorrogado non é tan desastroso e Pedro Sánchez aínda traballa con orzamento de Mariano Rajoy e o deste ano a ver se ben para xuño, que é difícil, canto mellor o fagan mellor para todos.

Raquel di que compadece a Sánchez por seguir cun orzamento do PP, mais el non ten maioría absoluta como o PP en Chantada. O PSOE di que é boa idea a compra, mais non viron a documentación en tempo ao remitírselle na mesma mañá do Pleno en horario laboral.

Varela di que houbo reunión no Concello e que a da Academia chegou antonte e a outra xa a tiñan e prepararon expediente Secretaría e Intervención, que el até non estaba. Gostaríalle facere isto por unanimidade, xa que é algo para todos os cidadáns e para as sucesivas corporacións que veñan. Poden dar ideas desde a oposición. O Concello está nunha situación que podería pedir 2-3 millóns de euros de crédito, xa que a capacidade do Concello é absoluta.

Raquel insiste en que lles parece ben a compra, como sempre dixeron, mais precísase ver a documentación e non tiveron tempo material. Abstención, aínda que segura de que a compra sexa boa deben ler os informes.

Varela di que leu a documentación hoxe pola tarde, que é un expediente fácil de ler.

Fente (Por Chantada) parécenlle ben os edificos. Certa incidencia non ter o orzamento. Contraditorio dicir que non hai débeda e remanente e logo ir a crédito. A urxencia polas eleicións autonómicas para receber axudas.

Varela di que hai boa predisposición da Xunta, por aí vai ben non é por votos. Diéguez que había predentes.

Fente indica que van dar un voto de confianza polo tema da biblioteca e da accesibilidade. Non gostaron das formas, que leva a receos e a desconfianzas.

Hai que pensar en ubicar aí os sindicatos e tirar o edificio da Praza da Galiza. Vaian pensando niso, gostaríalles ver tirada aquela casa.

Fente recalca que un dos edificios en todo caso vai ser para biblioteca e arquivos.

Varela di que si, que son sobre 680 m2 en total. O do Boys 280.000€ o resto para a Academia.

A favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Sobre este ponto queremos lembrar o ponto 15.7 do noso programa, do seguinte teor: <<Adquisición de edificios contiguos á Casa Consistorial para mellorar a accesibilidade e construír unha nova biblioteca>>.

PARTE DE CONTROLO DA XESTIÓN.

9.- Dación de conta de resolucións da alcaldía (Decretos 544/2019 a 47/2020).

10.- Rogos e pergunta.

10.1.- Rogos e perguntas PSOE.

(vid. audio)

10.2.- Rogos e perguntas Por Chantada.

I.- Indicacións a cuestións formuladas con anterioridade.

1.1.- Axudas ao transporte. Rogo para incrementar contías caso haxa poucas solicitudes e evitar os excesivos remanentes que están ficando nesta partida. A concelleira Concepción indica que así farán na seguinte anualidade, mais que non lle deu tempo aínda ao acabara de incorporarse en maio.

1.2.- Lama das Quendas. Pontoalízase que, tendo falado coa asociación, o que pede esta é insonorizar os locais. Contesta Manuel Varela que se vai adquirir un aparato para realizar as medicións de ruídos.

II.- Subvencións.

2.1- Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? Pamela contesta que si, que van facer máis un mirador, neste caso en Tarrio. Fente retruca que máis un mirador… que logo hai que mantelos.

2.2.- Para actuacións de mellora paisaxística e de mellora de bens e recursos que se encontren no Camiño de Santiago (DOG, nº 229, terza feira 2 de decembro do 2019). Acolleuse o Concello a esta liña de axudas (remataba o prazo o 2/01/2020) de até 15.000€ para Concellos e 10.000€ pra persoas físicas ou xurídicas privadas (75%)? Diego Otero indica que se gastará no Casco antigo para substituír placas co nome das rúas que aínda non están en galego e unhas letras de “Chantada” para que os visitantes podan fotografarse diante da Casa da cultura. Están estudando a peonalización.

2.3.- Para rehabilitar e reformar mercados municipais e prazas de abastos (DOG, 21/01/2020, 45 días para facer a solicitude e fondos FEADER, PDR). Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? A concelleira Pamela non ve a idoneidade de acollerse a esta resolución. Queren reorganizar a praza e apagar barreiras arquitectónicas. Pór queixos, viños e produtos locais para dinamizala. Porén, este ano correspondería facer a ordenación e logo pedir subvencións.

III.- Medio rural.

3.1- Rexistros e canalización de auga no lugar de Uriz.

Xa trouxemos hai medio ano aquí a cuestión da canalización de Uriz, producíndose inundacións pola falta de limpeza dos rexistros dadas as abundantes choivas. Rogámoslle novamente que o goberno teña en conta a situación e proceda a súa limpeza, que debería incluír a limpeza desde o manancial para asegurar tamén a existencia de auga no verao.

3.2.- Sinalización estrada San Lucas-Limiñón.

Colocáronse algúns indicadores recentemente, foi o Concello ou son privados? Manuel Varela indica que son de natureza privada.

IV.- Seguranza vial e infraestruturas.

4.1.- Fochancas na Cruz en Barrio.

Rogamos o arranxo de fochancas de dimensións considerábeis na cruz , no acceso a Barrio (parroquia de Muradelle).

4.2.- Pista de Pesqueiras-Airoá-Soilán.

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.3.- Camporramiro-Polígono (a que pasa por Señorín).

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.4.- Pista Río Pedroso até O Romeo.

Arranxada hai pouco xa volve ter fochancas, polo que rogamos se tomen medidas. Manuel Varela di que no cruce, polo peso do tránsito é incorrexíbel.

4.5.- Pistas da Deputación LU-P-1807 na parroquia de Brigos (Congostra Fonda e entrada a Eiriz) e LU-P-1805 (entre o Solar e Vilar de Eiriz).

Rogamos se demande á Deputación o seu arranxo, xa que hai fochancas considerábeis neses trechos da estrada e mesmo se produciron pinchazos en rodas. O PP non contesta. Os concelleiros do PSOE toman nota.

4.6.- N-540.

Apresenta importantes fochancas xa, precisamente na zona do Polígono. Rogamos que se actúe e non se volva a agardar a que estexa intransitábel para reaxir.

4.7.- Talude en Doutor Fleming.

Rogamos a rehabilitación do mesmo.

4.8.- Canto da rúa dos Pilos coa Alameda.

Non hai paseo (beirarrúa) e a vexetación da sebe entra na rúa. Rogamos que se actúe. O proprietario ten algún ao cargo do mantemento, mais deixou a poda ciscada.

4.9.- Pista de Fornas.

Comezaron os arranxos da pista de Fornas para a que se recebeu unha subvención da Xunta da Galiza segundo informou o alcalde nunha CI? Varela contesta que falou con Infraestruturas nesta semana e que, cando o tempo o permita, comezarán as obras con aglomerado en quente.

4.10.- Pista Surribas- Quinzán da Vila até o rego do Caño do muíño.

Solicítase o seu arranxo encontrándose nun estado de deterioro total.

V.- Educación.

5.1- Prescolar na casa.

Durante a pasada lexislatura, tanto sendo concelleiro educación Castor Novoa canto sendo Diego Otero, desenvolveuse o programa de Prescolar na casa. Para o mesmo o Concello outorgaba apenas unha achega de 1.300€ e a cesión dun local. No entanto, este curso aínda non se encontra operativo e, desde a asociación Antonio Gandoy, confirmáronnos que a nova concelleira non está polo labor de facer unha achega económica, aínda cando existen numerosas familias interesadas na súa existencia. Contestouse á solicitude de local formulada en 27/12/2020 en sentido negativo e sen dar alternativas e aínda o día 21/01/2020 receberan a notificación de cesión de local para xuntanza… celebrada en decembro!

  • Por que, de repente, se segue o mesmo goberno se están pondo tantos problemas con este servizo que contribúe á crianza e á conciliación e ten demanda por parte das familias?

  • Van ceder o local para que podamos ter no Concello de Chantada este servizo que contribúe para a crianza activa e a conciliación?

  • Que día e en que horario?

A concelleira Concepción di que a estas perguntas contestará noutro momento, que apostan polo público. Fente lémbralle a moción do pasado Pleno sobre a escola infantil que rexeitaron. Ao rematar o Pleno explícasenos que se quere implementar o Plano madruga e que, portanto, non acreditan que o axeitado sexa prescolar na casa e que o Telecentro tampouco é axeitado.

VI.- Patrimonio e cultura.

6.1.- Entroido ribeirao.

Declarado o Entroido Ribeirao BIC, resiste no Moredo e en Santiago de Riba, cando non fai tanto que se espallaba por Líncora, Vilauxe, A Sariña ou Nogueira. A asociación está facendo un traballo inxente e o día 9 de febreiro numerosos entroidos da Galiza visitarán a vila de Chantada. Coidamos desde o noso grupo que xa non sabemos como rogarlles que arranxen a casa escola do Moredo e o campo, así como incremente a subvención nominativa ao noso maior elemento elemento do patrimonio inmaterial xunto coa lingua e o Folión de carros.

Indícase que neste ano se vai substituír a varanda e Manuel Diéguez di que teñen compromiso de corrixir a situación e incrementar o apoio á Asociación do Entroido Ribeirao.

VII.- Medio ambiente.

7.1.- Colectores soterrados da rúa Nova.

O seu estado é deplorábel e dá má sensación nunha das entradas ao casco antigo e nunha das principais rúas da vila. Cando menos, rogamos que se baleiren.

7.2.- Decreto 615/2019 de 31 de decembro, devolución 9.971.72€ da anualidade 2018 por importe non xustificado da Rede Natura.

Os fondos da Rede Natura, outorgados pola Consellaría de Medio Ambiente, territorio e vivenda, non son suficientes para a xerir correctamente estes espazos e involucrar as poboacións locais. No entanto, sorprende que o Concello de Chantada perdese case 10.000€ por non xustificar o importe. Poden explicar isto? Varela indica que a tardanza dalgúns informes necesarios dalgúns departamentos atrasa todo e xa se queixaron na Xunta de Cultura, Patrimonio e da Confederación Hidrográfica. É imposíbel cumprir así os prazos e, para o rexedor, eran mellor transferencias directas aos concellos. Varela contesta que tiveron que readaptar cartos do Plano Único de Mondín porque a Confederación Hidrográfica exixe abastecemento de auga e complica todo para o arranxo da casa da escola. Acreditan pozo de 50 anos, mais non lles vale, e a concesión tarda un ano.

VIII.- Urbanismo.

8.1.- Decreto 578/2019, do 4 de decembro.

Polo mesmo, déixase sen efeito a encomenda fixada na resolución da alcaldía 509/2019, de 7 de novembro, e efectuase unha nova encomenda da defensa e representación do Concello de Chantada no Procedemento abreviado 331/2019 do Contencioso-administrativo, nº2 de Lugo a instancias de PRONOR Chantada S.L., a favor dos letrados da Asesoría Xurídica da Deputación Provincial. Non pasaba nada por darnos a razón no pasado Pleno de novembro cando lle advertimos que estaban cometendo unha ilegalidade e lembrámoslle que a lexislación non permite que cargos eleitos contraten a familiares directos en nengunha modalidadeNon se contesta.

8.2.- MP con ordenación detallada do PXOU en Pousada (Convenio urbanístico de planeamento coa mercantil Mirta Properties S.L.U.).

Mediante Decreto 639/2019 de 20 de decembro dáse trámite de audiencia aos titulares cadastrais afectados, total ou parcialmente, pola área de afección da MP en cumprimento do artigo 401 do Regulamento da Lei do Solo da Galiza (Decreto 143/206, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo da Galiza). No entanto o prazo fixado para alegacións ou adhesións ao convenio, 15 días, e a circunstancia de que rematase o mesmo día da reunión informativa (10 de xaneiro) invalidan o procedemento, xa que primeiro debe informarse axeitadamente e logo dar o prazo para formular alegación, se for o caso.

  • Vai o Goberno municipal convocar un novo prazo de alegacións, xa que mesmo a empresa redactora da MP recoñeceu que este procedemento era irregular? Varela di que as alegacións son despois e que só son 3 os afectados. Pode alegar calquera cidadán de Chantada.

  • Non debería na reunión informativa informar sobre Plano de como fica cada parcela e se hai mudanza do solo, posibilidade de expropriación etc.?

  • Rogamos que se poña solución a estas deficiencias e se abra un novo período de alegacións e información que siga os procedementos legais estabelecidos.

Varela di que só houbo perguntas dos concelleiros do PSOE e que noutros sitios non se informa os viciños. Neste momento sen coñecemento que se vai alegar?