Por Chantada defenderá no pleno impulsar unha FISCALIDADE RURAL

  • Por Chantada nunha moción de doce páxinas fai unha diagnose do estado do interior galego e da necesidade dunha fiscalidade rural.
  • Por Chantada propón a modificación do mapa de axudas rexionais para, de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, se crien xa axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora coa máxima intensidade que o marco europeu permita a razón da súa condición ultraperiférica.
  • Asemade, propomos, pra reverter a demotanasia, instar ao Congreso e ao Senado a que impulsen unha renda básica rural e que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

IMG-20220615-WA0032

Casco antigo de Chantada. O interior galego atravesa unha encrucillada que o sitúa nunha situación de completa emerxencia. Fiscalidade rural ou demotanasia. Foto: Por Chantada.

Através dunha completa diagnose, demostramos que o interior galego está sufrindo un implacábel proceso de demotanasia, é dicir, un proceso en que as accións ou omisións políticas provocan a desaparición da poboación nun territorio, cuestión que profunda nas desigualdades sociais e territoriais, á vez que nos converte nunha zona de sacrificio, ou sexa unha área xeográfica permanentemente suxeita a dano medioambiental, espolio dos seus recursos naturais e/ou a falta de investimento económico.

Este conxunto de fenómenos provocan unha mingua de poboación e degrada as condicións de vida dos habitantes, así como os seus medios de vida. Así pois, hai unha perda de biodiversidade natural, cultural e produtiva.

A diagnose que xustifica a necesidade dunha fiscalidade rural complétase atendendo a:

a) Envellecemento.

Ourense, Zamora e Lugo son das provincias da Unión Europea coa poboación máis envellecida e con índices de avellentamento brutais.

b) Despoboamento.

Durante o século XX, dez provincias no conxunto do Estado perderon poboación, con Lugo e Teruel á cabeza. Nas dúas décadas que levamos do século XXI o dramático récorde teno Ourense (10,88%) en termos cuantitativos, aínda que a porcentaxe de despoboamento é superior en Zamora (15,40%) e seguidas de Lugo (9.85%). Na Riberira Sacra a caída media das parroquias ribeirás de Miño e Sil foi do 40%! Para que serviron as supostas medidas de protección e dinamización por parte da Xunta na Ribeira Sacra?

c) Dispersión xeográfica.

Temos xa amplas áreas do interior galego que rozan o deserto demográfico. A dispersión xeográfica sumada ao avellentamento dispara as necesidades de gasto público social e torna máis complexa a prestación dos servizos públicos. Mentres no centro de Europa a maior parte da poboación encóntrase a menos de 15 minutos conducindo dun hospital na Península estas cifra smudan moito, encontrándose Teruel, Cuenca, Soria, Cáceres e Lugo entre as que apresentan unhas isócronas piores.

d) Mocidade, desemprego e precariado.

O precariado é un fenómeno cada vez máis xeneralizado, con amplas capas da sociedade que viven en risco de exclusión social aínda cando sexan traballadores activos. Na Galiza, a taxa de desemprego para as persoas mozas é 24,7% (2021), polo que máis que duplica a taxa xeral de desemprego, que é de 11.7%, e máis que triplica a taxa xeral da UE. No segundo semestre de 2022 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada, 8,5 puntos por riba da media total do Estado español. Asemade, as taxas de desemprego alcanzan a 55,5% das persoas de 16 a 19 anos e a 31,3% entre 20 e 24 anos. Neste contexto, explícase o elevado nivel de precariedade e parcialidade no colectivo, favorecido por traballar 71,6% da mocidade no sector servizos.

Por se o anterior fose pouco, os salarios das persoas menores de 35 anos están 20,5% por baixo da media, unha fenda salarial de 4.678 euros anuais e a diferenza coa medida estatal aumenta cada ano.

Son as xeracións máis novas as que marchan e a vaga migratoria expulsou da Galiza máis envellecida da historia 371.637 persoas entre 2009 e 2021 con especial incidencia no interior galego. Deste total, 38% eran menores de 29 ano. Emigran as camadas máis formadas e en que se fixo un investimento social por medio do ensino, afectando a expulsión de talento á capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno no interior galego.

e) Consecuencias políticas.

Ourense (37,38%), Zamora (36,3%) e Lugo (35,12%) teñen a maior porcentaxe de maiores de 65 anos, por riba do 35% do censo eleitoral, fronte ao 24% do conxunto do Estado. Por volta de 70% das persoas que pertencen á faixa etaria dos maiores de 65 anos, segundo o CIS, vota sempre e cunha altísima fidelidade, é dicir, votan sempre e case sempre ao mesmo partido, favorecendo ao bipartidismo (PP e PSOE) e, daquela, os representantes eleitos nesas provincias teñen escasos incentivos para cuestionar as políticas centralistas do Goberno central con independencia do partido que nese momento goberne e aínda menos as da Xunta. Porén, todo pode mudar, como demostran Soria (35,12%) e Teruel (31,58%) que veñen de apostar maioritariamente por formacións que desafían a demotanasia e o abandono do mundo rural.

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Unha FISCALIDADE RURAL para un INTERIOR GALEGO VIVO.

Por Chantada integra o movemento cidadán Interior Galego Vivo, que leva demandando en diferentes ocasións unha fiscalidade rural que debe concretarse en planificacións e coordinacións transversais das diferentes administracións públicas partindo do direito europeu e do principio constitucional de igualdade e da cohesión territorial, pois non pode existir igualdade e equilibrio territorial sen servizos nen mocidade. Infelizmente, as propostas que fixemos chegar na última campaña das eleicións galegas ao PP, ao PSOE, ao BNG, a C’s e a UP foron desatendidas e tampouco o labor parlamentar destes partidos en Madrid ou Bruxelas se destacou por unha sensibilidade especial para a demotanasia que padece o interior galego.

O Goberno do Estado vén de anunciar tamén beneficios fiscais que se aplicarán ás tres provincias de menor densidade de poboación (Teruel, Soria e Cuenca) e que foron incluídas pola Comisión Europea no novo mapa de Axudas á Finalidade Rexional. As novas axudas actívanse xa conforme a disposición adicional 123 dos Orzamentos de 2022 e suporán reducir as cotizacións empresariais nos contratos indefinidos nun 5% nos contratos existentes no ámbito provincial, dun 15% nos novos contratos e dun 20% nos novos contratos en concellos de até 1000 habitantes (se a sede social e fiscal está nese concello). No entanto, o anunciado está aínda lonxe do tope que permite a UE.

Celebramos esta vitoria do rural, que non se entendería sen o traballo parlamentario de Teruel Existe dito sexa de paso, xa que fixou a activación destas axudas como conditio sine qua non para apoiar os próximos Orzamentos Xerais do Estado, se ben fica aínda moito por facer para termos unha fiscalidade rural de noso. No entanto, a situación de Zamora, Ourense e Lugo non é mellor e entendemos deberían acollerse a estes beneficios fiscais de igual xeito, xa que aínda tendo unha maior densidade de poboación o envellecemento e a dispersión sitúannos igualmente un escenario de recursos e dinamismo económico reducido e nunha proxección de deserto demográfico, que xa é unha realidade en moitas parroquias, concellos e mesmo comarcas do interior galego. En consecuencia, Ourense, Zamora e Lugo encóntranse de pleno direito no mesmo artigo 174 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea polo que non atopamos xustificación para que se aplique nuns territorios e noutros non.

Ao tempo, Interior Galego Vivo reclama que se abandone o indicativo de investimento por habitante co que se realizan as valoracións dos Orzamentos Xerais do Estado como fundamento único, xa que é moi lesivo para o interior galego. Demandamos, pola contra, o emprego do estándar de investimento por superficie, que deixa ben en claro a marxinación dos territorios rurais do interior. Os indicativos do PIB; a renda ou o investimento por habitantes non son bons indicadores para medir o desenvolvemento dun territorio, pois o que cómpre é valorar o custe real dos servizos para planificar o seu financiamento en base á dispersión e o índice de avellentamento se verdadeiramente se acredita na igualdade e na cohesión territorial.

Interior Galego Vivo demanda o recoñecemento de Zamora, Ourense e Lugo como territorios ultraperiféricos e subvencionábeis en virtude do seu índice de envellecemento, as proxeccións demográficas e a elevadísima dispersión demográfica que encarece a prestación de servizos públicos esenciais e reduce a igualdade de oportunidades. O PIB per cápita na maioría dos concellos tamén está nas rendas inferiores do Estado e é inferior a 75 % da media da UE, concentrándose no sul de Lugo e en Ourense a meirande parte dos concellos con maiores índices de pobreza, entre eles Chantada co 40,88% da poboación en risco de exclusión social, segundo cifras do INE.

Asemade, Interior Galego Vivo entende que a Xunta debe destinar parte do incremento do financiamento autonómico, que recollen os vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, a un reforzo efectivo dos apoios ao sector primario e a unha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, a rehabilitación de vivenda no rural para uso social, a reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, a impulso á conciliación e a unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

Finalmente, cabe perguntarse se as comarcas do interior galego poden continuar permitíndose o luxo de non disporen de voz nas institucións, xa que os deputados galegos e as senadoras galegas actuais non demandaron algo tan elemental e de xustiza como as reducións nas cotizacións empresariais que si conseguiron Teruel Existe e Soria Ya! na secuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado. Tampouco ouvimos voces galegas na Eurocámara pedindo unha fiscalidade rural e políticas agrícolas que garantan a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

paso RM NG fondo paso Sernande
O Miño ao seu paso por Cartemil (Santa María de Nogueira) estase vendo atinxido por unha falta de regulación das embarcacións a motor (perdas de aceite, combustíbel, ruídos…) e os verquidos son frecuentes ao careceren as parroquias de sistema de depuración. A Confederación Hidrográfica segue a ser moi pouco transparente e as diferentes administracións non se cordinan para solventar un problema que contradi na práctica a recente declaración de Reserva de Biosfera. Ríos cada vez con menos flora e fauna autóctona poden ser reserva de biosfera?

As propostas da nosa moción.

1.- Demandar do Estado español a modificación do mapa de axudas rexionais 2022-2027, incluído no plan territorial de transición xusta no contexto do Regulamento sobre o Fundo de Transición Xusta no marco das Directrices sobre as axudas de finalidade rexional revisadas (DAR), e a súa notificación á Comisión europea co fin de aplicar un aumento da intensidade máxima das axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ao elevado índice de avellentamento, á dispersión poboacional e á demotanasia que sofren estes territorios.

2.- Dirixirse ao Goberno central para que as provincias de Zamora, Ourense e Lugo sexan consideradas rexións ultraperiféricas e, portanto, subvencionábeis, de acordo co artigo 107 do TFUE e tamén para que o Goberno defenda a modificación do TFUE para dotar de maiores axudas ao equilibrio territorial e ao mundo rural.

3.- Solicitar da Xunta da Galiza que incremento do financiamento autonómico, que recollen os Orzamentos Xerais do Estado, se traduza nun reforzo dos apoios ao sector primario e nunha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, rehabilitación de vivenda no rural para uso social, reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, impulso á conciliación e unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

4.-Propor ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se impulse un marco lexislativo que ancore o despregue dunha fiscalidade rural e dunha renda básica rural como pago social pola xestión sustentábel e a garantía de soberanía alimentar que supoñen as comunidades rurais.

5.- Instar ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

MociónPCh_TFUE_demotanasia

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

#ofuturotenpartido
#mellorarChantada
#avozdorural

Comprometidos cun interior galego vivo

Rendición de contas das actuacións de Por Chantada durante a crise do COVID-19 [última actualización 07/06/2020]

 

 

 

Na presente entrada da nosa bitácora iremos rendendo contas das principais actuacións desenvolvidas desde o noso grupo municipal en relación coa crise sanitaria derivada do COVID-19. Neste sentido, a nosa actuación caracterízase por brindar a nosa total disposición a colaborar co Goberno municipal para a mellor resolución da crise mediante a achega de propostas.

  1. Propostas de Interior Galego Vivo ante a crise do coronavirus (13/03/2020).
  2. Interior Galego Vivo: FAQ Ninguén é unha illa. Preguntas e respostas para o mundo rural perante a crise do coronavirus (15/03/2020).
  3. Propostas de Por Chantada-CUP para actuación desde o Goberno municipal perante a emerxencia sanitaria derivada do COVID-19. (21/03/2020)
  4. Proposta de protocolo para o SAF no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19. (22/03/2020)
  5. Documento achegas Por Chantada comisión seguimento 24 de marzo de 2020 (24 de marzo de 2020)
  6. Proposta de protocolo para a limpeza viaria no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (27/03/2020)
  7.  “Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?“, artigo en Nós Diario de Paula Verao (Agroma Sober) e Antom Fente (Por Chantada) sobre a crise e a situación no rural (30/03/2020).
  8. Parte diario da situación sanitaria en Chantada a partir do 1 de abril de 2020 nas nosas RRSS e até que o Concello de Chantada dea conta da mesma nas canles oficiais, así como información variada de utilidade á cidadanía.
  9. Comunicado de imprensa sobre a residencia de Chantada (02/04/2020, publicado o día 4).
  10. Resumo das axudas supramunicipais ás que vos podedes acolller [COVID-19] (07/04/2020).
  11. Proposta de protocolo para reparto de máscaras no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (18/04/2020).
  12. Consideracións ante a emerxencia sanitaria e a crise social e económica pola COVID19 da plataforma Por un Interior Galego Vivo (IGV) (19/04/2020).
  13. Decálogo de propostas urxentes perante a evolución da crise da COVID-19 e o novo cenario de confinamento. (22/04/2020).
  14. Propostas derivadas da Comisión de seguimento da crise da COVID-19 do día 24 de abril. (25/04/2020)
  15. FAQ #fase1: perguntas e respostas frecuentes sobre a Fase 1 do desconfinamento progresivo. (09/05/2020).
  16. Por Chantada denuncia a privatización do SAF en plena pandemía (2/06/2020).
  17. Solicitude de Por Chantada-CUP en relación co PACES (07/06/2020).

Estamos tamén en permanente contacto coas candidaturas e entidades da plataforma Por un Interior Galego Vivo para partillarmos propostas e informacións.

 

Consideramos tamén interesante a seguinte información, que sintetiza cuestións, do ámbito sanitario (consulta máis información básica para a cidadanía aquí: https://porchantada.wordpress.com/2020/04/11/blindar-o-rural-covid-19-recomendacions/):

 

 

 

 

 

 

Queremos, por último, reiterar os chamamentos á calma e a importancia de guiarnos por informacións contrastadas e facer caso das disposicións das autoridades sanitarias. Para calquera cuestión que nos queirades facer chegar podedes contactarnos ben através do formulario de contacto da nosa bitácora ou ben nas redes sociais.

 

#ficanacasa #apoiomutuo #solidariedade

O Sindicato Labrego Galego e Por Chantada organizan unha xornada para o aproveitamento do monte comunal.

 

O sindicato Labrego galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, interesados ambos polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan o próximo día 11 de xaneiro, as 11:00h no local da AA.VV de San Cristovo (parroquia de Mouricios en Chantada), unha xornada para propietarios de monte comunal e para todas aquelas persoas que se queiran achegar. Falarase da lexislación aplicada a esta tipoloxía de montes, as diferentes estratexias con diferentes cultivos e poñeranse sobre a mesa tamén exemplos de boa xestión.

O Sindicato Labrego Galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, dende o interese común polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan unha xornada dirixida aos propietarios de montes comunais e a interesados en xeral coa intención de achegar información á veciñanza neste eido.

Con esta xornada preténdese ofrecer diferentes formas de xestionar o monte comunal no marco da Escola de Acción Campesina na que participa o SLG. Falaremos de novas formas de explotación e diversas formas de pór en valor os nosos recursos. Para iso, contamos con tres relatores que falarán sobre a xestión dos montes, os aspectos legais que atinxen a estas propiedades e tamén de prácticas novidosas, que introducen alternativas á madeira, como o aproveitamento de resina ou mesmo gando. Todo isto coa intención de crear riqueza e emprego en base ao noso monte.

Intervirán na xornada Alberto Ledo Moure, axente forestal que explicará as particularidades legais que atinxen o monte comunal. Tamén Diego Sánchez Agra, técnico do Sindicato Labrego Galego que falará da xestión dos montes comunais e das diversas formas de aproveitamento dos mesmos. Por último,

José Manuel Yglesias e Ángel Buján Zas, propietarios do Monte Veciñal en Man Común do Carballo Vivo en Friol. Falaranos da súa experiencia particular e do rendemento do seu monte, canto a actividades como a madeira, resina, apicultura, porco celta… entre outras.

Para máis información contáctanos ou consulta o noso evento no Facebook: https://www.facebook.com/events/463651044526300/

Por Chantada eleva propostas de mellora ao anteproxecto de decreto da Xunta que regulará as directrices da paisaxe na Galiza.

 

Na pasada semana rexistramos Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Anteproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza. Tratábase dun documento moi complexo, asociado a un basto marco normativo e legal. No entanto, desde o grupo de traballo de medio rural, dependente da nosa Comisión política, considerabamos fundamental dar conta dalgúns aspectos que, en síntese, podemos enumerar do seguinte xeito:

  • Fixemos especial fincapé nas especies autóctones e en limitar severamente as especies alóctonas e pirófitas.
  • Apostamos polo mantemento e recuperación de SAU, xa que é vital para un interior e un rural vivos.
  • Limitar os privilexios das transnacionais fronte á cidadanía do común e que se estabezan pautas e normas, como mínimo, en igualdade e non con discriminación positiva para as grandes empresas enerxéticas e expoliadoras do territorio.
  • Ordenación autocentrada do territorio, da paisaxe e dos seus usos. Sempre desde a compatibilidade coa fixación de poboación e coa necesaria transición ecolóxica.

 

Podes consultar todas as achegas aquí (PDF): Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Antexproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza

#ConstruírFuturo #InteriorGalegoVivo

 

Por Chantada eleva emendas aos Orzamentos para 2020 da Xunta da Galiza

 

 

Através da deputada Paula Vázquez Verao, as propostas de Por Chantada-CUP chegarán ao Hórreo. Así, nos #Orzamentos2020 da #XuntadaGaliza proporanse as seguintes emendas:

💧 Mellorar a depuración e tratamento das #augas residuais.

👵Aumentar os fondos que a Xunta achega ao Servizo de Axuda no Fogar (#SAF) e rematar coa precariedade laboral no sector.

👶 Incrementar as prazas da #GaliñaAzul, xa que temos demanda, e unha partida para dotar de cociña a nosa escola.

 Dotar, con carácter prioritario, partidas para actuacións de conservación do noso #patrimonio, a comezar polo mosteiro de San Salvador de Asma.

🌏 Universalizar a #bandalarga nas comarcas rurais.

🍷 Orzamentar unha campaña específica de apoio á promoción da #viticultura e o viño galego no exterior.

 Fondo para axudas por #danos provocados por sarabias e xiadas no sector primario.

🐄 Liñas de financiamento para as #explotaciónslácteas.

🚍 Melloras no #transporte do #rural.

🌳 Dotar cun millón de euros anual o Plano de xestión da #ReservadeBiosfera #RibeiraSacra-Courel-O Iribio, así como facer unha campaña de #participación no territorio.

#Construírfuturo #InteriorGalegoVivo

Podes consultar a nota de imprensa da deputada Paula Vázquez Verao premendo aquí (PDF): Emendas orzamentos 2020 Xunta da Galiza para o sul de Lugo e o interior galego

Por Chantada fai achegas á proposta de Orde para a Tarifa Xente Nova da Xunta.

No día de hoxe, desde Por Chantada-CUP rexistramos propostas de mellora e suxestións ao Proxecto de Orde pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta da Galiza, que podedes consultar aquí: IM-orde-tarifa-xentenova-gal.
O noso documento coidamos que conta con achegas moi salientábeis que, de seren aceites, mellorarían substancialmente o documento. En síntese:

  1. Consideramos que a Xunta da Galiza debería prever unha ampliación de idade para aqueles mozos e mozas que non poden cursar os seus estudos no seu lugar de residencia. Cremos que isto sería positivo para axudar a que parte desa mocidade, especialmente a que vive no rural, se manteña vinculada a el fomentando un interior galego vivo.
  2. Propoñemos que a Xunta da Galiza contemple convenios coas Administracións locais. Dese xeito, os Concellos poderían sufragar parte dos gastos ocasionados por eses estudantes universitarios que previamos na epígrafe anterior, de forma que, dun tramo tarifario superior, se puidese pasar a un inferior ou ao plenamente gratuíto. Isto permitiría que as axudas promovesen o transporte público e se adecuasen mellor aos desembolsos que teñen que realizar os mozos e mozas.
  3. Consideramos que o procedemento de reembolso da contía das viaxes previsto é sumamente confuso e pouco intuitivo para as persoas usuarias. Coa redacción actual, sería necesario acudir a un caixeiro da entidade financeira colaboradora para solicitar o reembolso das viaxes realizadas.Cremos que sería máis áxil que aos usuarios non se lles retirase o saldo da tarxeta cando realizan unha viaxe. Deste xeito, eliminaríase a necesidade de todo o proceso anterior e a intermediación bancaria.
Se quixeres ler as nosas propostas íntegras podes facelo premendo aquí (PDF): Propostas de Por Chantada-CUP ao anteproxecto da tarifa Xente Nova.
#Construírfuturo #InteriorGalegoVivo

Apresentación do manifesto POR UN INTERIOR GALEGO VIVO

 

Desde Por Chantada temos o pracer de convidarvos a este acto que celebramos mañá sábado en Belesar, ás 17 horas. Dez candidaturas que imos xuntar forzas para loitar por servizos e oportunidades dignas para o interior galego.

 

POR CHANTADA: a candidatura d@s viciñ@s POR UN INTERIOR GALEGO VIVO

 

Após a confección e debate do programa, cunha participación histórica na súa elaboración, a candidatura das viciñas e dos viciños ten o pracer de emitir o seguinte comunicado en que anunciamos a súa composición.

Trátase dunha candidatura ampla e plural conformada por 21 homes e mulleres que, amais destaca:

  • pola súa representatividade, contando cos principais sectores produtivos e coa implicación de persoas fondamente imbricadas no tecido social e asociativo,
  • pola súa renovación a respeito de 2015 (86%, só repiten tres persoas),
  • pola súa media de idade de 38 anos, moi inferior á do Concello (56 anos)
  • pola súa composición paritaria e equilibrada que procura a emerxencia de liderados e referentes femininos para a política municipal,
  • polo equilibrio entre candidatos das parroquias e da vila tentando representar así o conxunto das 36 parroquias do noso Concello,
  • pola aposta con outras candidaturas irmás POR UN INTERIOR GALEGO VIVO, un movemento de colaboración e estratexias conxuntas que chegou para ficar no combate contro o despoboamento e o abandono ao que somenten as diferentes administracións ao rural e ao interior do país.

 

Saímos a gañar porque levamos #Chantadanocorazón, desde o convencemento que precisamos unha viraxe das xestión das políticas municipais e implementar medidas audaces que fagan fronte aos grandes retos que temos por diante: o despoboamento, a degradación das infraestruturas e dos servizos públicos, a dinamización do tecido económico, a mellora da oferta cultural, a creación de oportunidades para a mocidade, a aposta polo noso tecido produtivo a comezar polo rural, etc.

Abalan a nosa proposta catro anos de intenso labor municipal onde fomos o grupo que máis iniciativas apresentou no Pleno sempre na defensa do ben común e defendendo o mellor para #construírfuturo. Un proxecto que ten como principios a honestidade, o traballo e a competencia que se suman á ilusión por transformar o noso concello.

POR CHANTADA – Candidatura de Unidade Popular POR UN INTERIOR GALEGO VIVO.

1.- Antom Fente Parada. Santa Uxía de Asma. Profesor no ensino secundario. 32 anos.

2.- Cruz Fernández Rodríguez. Brigos. Técnico en coidados de enfermaría. 51 anos.

3.- Alba Mirás Varela. San Salvador de Asma. Administrativa no sector da viticultura. 27 anos.

4.- Rafael Lobelle González. Santa Cruz de Viana. Profesor no ensino secundario. 30 anos.

5.- Isaac Viana Fernández. Chantada. Traballador na industria, no sector da alimentación. 47 anos.

6.- Eva María Naveiro Rey. Chantada. Envasadora no sector da panadaría. 49 anos.

7.- Vítor Fernández Caseiro. Esmoriz. Labrego en extensivo. 33 anos.

8.- Verónica García Otero. Mariz. Técnico de Atención a Persoas Dependentes. 22 anos.

9.- Xosé Francisco García. Muradelle. Investigador posdoutoral. 35 anos.

10.Nerea Noguerol Barrenetxea. Chantada. Intérprete e especialista en linguaxe de signos. 33 anos.

11.- Xosé Henrique Díaz Jorge. Chantada. Traballador da hostalaría. 48 anos.

12.- Patricia Gay Ledo. Chantada. Empresaria do sector da hostalaría. 40 anos.

13.- André Vázquez Figueiras. Chantada. Profesor no ensino secundario. 26 anos.

14.- Ana Sanmartín Geada. Chantada. Traballadora da construción. 29 anos.

15.- Igor André Morgado Vieira. San Pedro de Líncora. Biólogo e empresario do sector turístico. 31 anos.

16.- Raquel Quintanilla Río. Requeixo. Auxiliar administrativa. 42 anos.

17.Odmin Lale Suárez. Chantada. Traballador no sector servizos. 34 anos.

18.- Olga Otero Gómez. Arcos. Labrega xubilada. Ex-concelleira entre 2007-2011. 73 anos.

19.- Benxamín Díaz Sierra. Chantada. Técnico forestal e operario en servizos públicos. 46 anos.

20.- Cristina Ouro Gómez. Chantada. Ilustradora e autónoma. 40 anos.

21.- Ibán Ratón Varela. Laxe. Músico. 36 anos.