Por Chantada ve aberrantes os novos impostos á auga.

 

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

A Xunta da Galiza pretende aprobar dúas novas taxas que van disparar a factura da auga. Concretamente, trátase de dous canons de nova criazón para o consumidor doméstico e outro para os concellos, incluídos no Anteproxecto de lei para a xestión integral do ciclo da agua, xa en tramitación.

Estimacións de profesionais do sector sitúan a suba do recibo en 180% na auga dos fogares e 130% no caso das empresas. Un despropósito que, na Galiza, coincide no tempo coa suba interanual máis elevada da inflación rexistrada do Estado español (4%).

Trátase doutra volta de porca na política de mercantilización dun ben público e esencial que comezou coa Lei de augas da Galiza, que desde 2012 xa aplica un canon.

Por Chantada demanda a paralización inmediata da tramitación do anteproxecto e un plano de depuración e saneamento para as parroquias do rural galego.

 

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Chantada 20 de setembro de 2021.

En sintonía coas políticas ultraliberais e aporofóbicas do PP, a nova lexislación castigará máis aos consumidores domésticos e, nomeadamente, aos que teñen un consumo máis baixo que, polo xeral, son fogares máis humildes. Apenas contemplan bonificacións de 50% para familias numerosas e fogares en risco de exclusión social, mais deberían ser nestes casos do 100%.

 
Para o uso doméstico existe agora no trecho máis baixo de consumo unha tarifa de 0€ que pasaría cos novos impostos a 0.15€ por metro cúbico, avanzando no mercado e mercantilización da auga. Por exemplo, nun fogar onde vivan 3 persoas cun consumo de 25 m3 de auga cada trimestre pagaríase case o triplo: dos actuais 6.65€ a 18.7€. Para alén do consumo os novos canons incorporan unha parte fixa (1.54€ por persoa e mes) remedando a factura da luz. 
 
A auga vai ser un ben crecentemente escaso, por iso se debe instar ao seu uso racional por parte da poboación con taxas que penalicen os consumos elevados e a falla de eficiencia desde os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais, é dicir, que pague máis quen máis consome. Amais, debe garantirse o seu fornecemento a todas as poboacións, así como o seu correcto tratamento e depuración.
 
Por Chantada demandará no vindeiro pleno ordinario que a Xunta paralice a tramitación do anteproxecto para desde o diálogo social incorporar os principios de proporcionalidade e progresividade fiscais. Amais, exiximos saneamento e deputación axeitadas para as parroquias do rural a comezara polas do interior galego e, nomeadamente, as atinxidas por figuras de protección como a de Reserva de Biosfera.
 
 
Para leres a nosa moción íntegra preme aquí (PDF): Moción Por Chantada canon augas Galiza_signed
 

AMPLIACIÓN 22/09/2021.

 
Alertados pola viciñanza denunciamos a recollida de dados que está desenvolvendo o Concello de Chantada nas parroquias sen dar calquera explicación oficial á viciñanza. É bochornoso que un alcalde dun concello non emita un bando nen dea calquera explicación pública á viciñanza cando se están recollendo dados para un uso e tratamento que os afectados descoñecen. 
 
 
Consultados varios xuristas e expertos relacionan este censo coa intención da Xunta de “municipalizar” as traída do rural, de momento “voluntariamente”,  para que se lles poda cobrar o canon da Xunta (Lei de augas) mais os novos impostos que prevé o Anteproxecto de lei de mellora do ciclo integral da auga, denunciados nunha moción rexistrada onte. Amais, unha vez exista rede municipal nun territorio xa non será posíbel desengancharse e criar unha autoxestionada entre a viciñanza, pois non o permite a normativa e a Confederación Hidrográfica denegaría a renovación até daquelas traídas debidamente legalizadas, que no noso termo municipal non chegan a 10%).
 
 
 
Lembrade que, co modelo actual de mercantilización dun ben esencial e público por parte de Feijoo en sucesivas reformas normativas:
 
1.- Pagamos por trechos e non por consumo real (empresas) pasando o trecho máis baixo para consumidores domésticos de 0 a 0.15€ por metro cúbico.
2.- Pagamos canon autonómico en base a ese importe (imposto Xunta).
3.- Pagamos coeficientes de verquido en base a unha estimación non real de convivintes por morada (imposto da Xunta).
4.- Pagamos IVE de 10% e non de 4% porque seica non é un ben de primeira necesidade cando é para consumo.
5.- Pagaremos dous canons de nova criazón (impostos Xunta) triplicando o que se paga agora e cunha cota fixa de 1.54€ por persoa ao mes (haxa ou non gasto), o que supón un “mínimo” de case 20€ ao ano.

 
 
Están criando as condicións para facer, paso a paso, outro mercado piramidal e espoliador como o da luz, agora coa auga, ao tempo que acaban coa sanidade, coa educación e presionan cada vez máis as pensións.
 

Na defensa do ben común e da maioría social nen un paso atrás.

 
 

Resumo do Pleno extraordinario de 18 de xuño [audio]

A sesión extraordinaria do Pleno da Corporación non contou coa asistencia de público e comezou pasadas as 20 horas, rematando ás 23 horas aproximadamente. Asistiron 11 concelleiros, ao faltaren Cruz Fernández Rodríguez (Por Chantada) e José Luís Vázquez (PSOE) por motivos persoais ineludíbeis. Tamén estaban presentes o novo secretario (Fernando, acumulado e titular en Carballedo) e a interventora (María, até o de agora secretaria).

 

Audio da sesión aquí: https://drive.google.com/file/d/1KBHHHn9AiXjQOtC2JLxNaG7w1vUTBcr0/view?usp=sharing

 

1.- Acta anterior sesión ordinaria 30/01/2020.

Rascuño da acta do PLENO ordinario 30.01.2020.

Comeza falando o alcalde que dá a benvida ao novo secretario e felicítase de que Chantada só sufrise 25 casos de COVID-19, ficando 1 confinado e rexistrándose apenas un óbito. Manuel Diéguez tiña todo pronto para facer o pleno telemático, mais por falta da Liquidación de 2019 e ausencia de grandes asuntos non se realizou. Continúa Manuel Varela indicando que deixaron de convocar a Comisión de seguimento porque tiveron un traballo excesivo e hai moito apuro no Concello, por exemplo cos movementos do padrón e danlle saída a proxectos que estaban pendentes en urbanismo. Aínda lles levará 3-4 meses, mais ao final de ano contan ter todo ao día.

Raquel di que todos estamos ben e a pandemía evolui de xeito favorábel. Excusa a Jisi. Invoca cuestión de orde, que non se avisa a pesar de non ser o Pleno na data esperada.

Desde Por Chantada lémbrase que a moción da emerxencia climática aprobouse, ao votarse en contra da orixinal (primeira votación) e a favor da moción coa emenda por unanimidade (2ª votación). Sempre funcionamos así nesta Corporación. A antiga secretaria di que hai que revisar esa cuestión. Varela di que se aprobou a emenda e non a moción [posteriormente neste mesmo Pleno votarán contra emendas e dan a razón a que sempre se procedeu como indicamos e que, por tanto, a moción foi aprobada e estanse facendo manobras a posteriori para que non sexa así porque se equivocaron votando. Sexa como for, o que está clara é a falta de vontade para executala…]. Fente lembra que rexistraron escrito días antes para que se incorporen as súas propostas ao PACES en tramitación [o documento pode consultarse aquí: Solicitude de Por Chantada-CUP en relación co PACES]

Coas salvedades indicadas APRÓBASE A ACTA POR UNANIMIDADE.

2.- Moción Por Chantada-CUP en relación á proliferación de edificacións ruinosas (exp. G-401/2020).

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación á proliferación de edificacións ruinosas

Fente defende a moción explicando os acordos e sucintamente o desenvolvido na exposición de motivos, con especial referencia ao Programa de vivendas baleiras do IGVS. 

No PSOE din que non entenden a orde do día. Tradicionalmente situábase primeiro os pontos propostos pola equipa de goberno e logo as mocións dos grupos.

Varela di que tamén lle extrañou. O secretario di que non houbo calquera intencionalidade e que a próxima vez farase ao revés. Asinou a convocatoria desde Carballedo e quen a fixo seguiría o expediente montado para o Pleno desde as CCII sen decatarse. Canto á legalidade non apresenta problemas. A interventora acrecenta que se faría por orde de data, ao rexistrarse as mocións con moita antelación e non haber até agora plenos.

Intervén Daniel para indicar que, pola súa parte, o asunto da moción é preocupante e na exposición de motivos xa se fala do rogo do PSOE sobre edificacións ruinosas. Abandono do rural e demanda de vivenda. Hai unha frase na moción que di “xente sen vivendas e vivendas sen xente”. Non só é a vivenda, tamén servizos e situación socioeconómica boa, co Concello debendo mellorar a vida das persoas con postos de traballo e mellorando servizo, nomeadamente no rural. Ve ben o que se fala sobre o IGVS e facer o censo de edificacións ruinosas que propón Por Chantada, mais para iso o principal instrumento é o PXOM. Precisamente, na CI perguntaron pola tramitación deste, en aprobación inicial desde 2016 e se contemplan incluír políticas de rehabilitación.

Varela explica que está en marcha un plano especial para ordenar a parroquia de San Fiz e axudas para darlle unha volta e regular os desmáns que se cometeron. Falaron co responsábel deste proxecto e estudan contratar outro arquitecto para pórse con isto. Neste intre teñen dúas edificacións sobre as que actuar de emerxencia, unha en Río (Requeixo) e outra en Sobreira. En moitos casos vai ter que asumir o Concello os gastos ao descoñecerse proprietario e, noutros casos, si que se sabe a propriedade e cobraríaselle. O PP, por un lado, aceita todos os pontos da moción, xa que gostan dela, mais propoñen unha emenda in voce para suprimir os pontos 4º e 5º do acordo e inserir um novo ponto 4º. A interventora di que non se pode adoptar un acordo coa palabra “contratar”. Sobre o ponto 5º o alcalde confunde obradoiros de emprego cos obradoiros formativos propostos e di que hai que incidir na obriga de boa conservación as propriedades. Daniel di que no mes de marzo houbo xornadas da Fundación Juana de Vega sobre paisaxismo. O PXOM fai incidencia nos núcleos rurais e nas ampliacións e neste intre atópase paralizado, mais tenlles présa se ben non é fácil seguir cos ex-EPTISA [Alfonso Botana] e pode ser necesario facer unha nova contratación. Esta situación está creando prexuízos para construír novas vivenda unifamiliares pola falta de solares [non cita o problema da ilegalidade das oficinas non solucionado aínda por este Goberno ao non impulsar a modificación pontoal, como Por Chantada lle indicou no seu día].

Fente agradece a boa vontade dos grupos e propón a seguinte redacción para a emenda do PP, que Por Chantada aceita para conseguir a UNANIMIDADE:

Realizar os trámites necesarios para reforzar o servizo de urbanismo e desenvolver os acordos da moción durante 2-3 anos, a poder ser con axudas doutras AA.PP., como a Dirección Xeral de Urbanismo.

Votación emenda: UNANIMIDADE (11 a favor)

Votación moción: UNANIMIDADE (11 a favor)

APROBADA A MOCIÓN DE POR CHANTADA, coa emenda do PP, POR UNANIMIDADE.

 

3.- Moción Por Chantada-CUP en relación á inclusión de Chantada e outros territorios na DO Aceite da Galiza (exp. G-401/2020).

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación á inclusión de Chantada e outros territorios na denominación de orixe do aceite da Galiza

Emenda do PSOE á moción de Por Chantada sobre DO aceita da Galiza

Fente explica os acordos e defende a moción, remitindo tamén a partes da exposición de motivos. Lamenta que a Xunta só se circuscriba a Quiroga e lembra os testemuños históricos da produción de aceite na Galiza existindo mesmo restos de almazaras en Chantada.

Raquel di que, en termos xerais, concordan coa moción. Hai unha produción incipiente que agarda se consolide. Rexistrar a marca, como propón a moción, pode ser adiantarse, primeiro ter produción e logo comercializala. En Quiroga hoxe hai oito castes, non só a brava e a mansa e este concello ten unha entidade propria. Aquí deberíase partir da brava e da mansa e consultar especialistas sobre as potencialiades tal e como propoñen na emenda. Tamén considera o PSOE que debe mudarse a DO por unha IXP, porque sa só se acada con aceite extra virxe e deixa fóra outro tipo de produtos. A IXP defenden que é máis efectiva para producións de pequeno tamaño. Tamén cren que debe promoverse conxuntamente aceite e viño, poñendo en valor Chantada através da promoción dos seus recursos. O aceite pode ser un valor engadido.

Varela di que con esta moción está en desacordo e que non apoian nen a moción nen a proposta de acordo. Chamou ao alcalde de Quiroga e a Xunta quere cerrar xa a DO polo que hai que deixalos traballar e non molestar desde Chantada. Se sae ampliala como se fixo coa RS. Aceites Abril é quen está traballando por aquí. 

Fente agradece as achegas dos grupos á moción de Por Chantada, aínda que non partilla rebaixar a DO a IXP nen os argumentos do PP, aceita a emenda para tentar sacar un acordo de mínimos para todos. O aceite galego é un produto de excelente calidade o galego e que merece un impulso aínda que fose por reparar a doma y castración da que falou Castelao e, sobretodo, porque temos xa produtores na nosa zona e non adoptar un marco amplo redundará en que fiquen nunha posición subalterna ou envasando en Quiroga o producido realmente aquí, eivando de desenvolver procesos de transformación e procesado da oliva na nosa comarca.

Votación emenda: a favor 4 (Por Chantada e PSOE) en contra 7 (PP)
Votación moción: a favor 4 (Por Chantada e PSOE) en contra 7 (PP)

REXEITADA a moción e a emenda.

 

4.- Moción PSOE medidas fiscais e económicas de axuda contra a crise derivada da COVID-19 (exp. G-401/2020).

Moción para a adopción de medidas fiscais e económicas de axuda contra a crise derivada da covid-19.

Emenda do grupo municipal Por Chantada ao ponto 4º da orde do día 18 de xuño de 2020

Raquel explica os termos xerais do acordo e defende que a moción é moi xeral para avaliar as posibilidades. Adiar o cobro de impostos non tería consecuencias para as arcas municipais, xa que a Deputación de Lugo seguiría facendo os ingresos. Pergunta polo orzamento para 2020.

Fente defende a emenda do seu grupo e comeza cuestionando se a crise é imputábel por inteiro á COVID-19 ou se existían dinámicas subxacentes, apontadas por diversos economistas, estando o pior por chegar. A moción achega acordos moi xenéricos, por exemplo non vemos garantido ter orzamento en 2020. Por iso inserimos unha emenda para garantir que 20% do RTGX se destine ao gasto social neste ano, aspecto en que debería coincidir o goberno e que visa concretarmos algo neste acordo, xa que o máximo que permite a lexislación vicente aprobada na secuencia da crise da COVID-19. Propomos ao goberno facer unha comisión para estudar medidas económicas no eido local, como xa explicamos na comisión informativa. O dado de remanente que se dá na moción tampouco é veraz.

Varela di que tentarán modificalo e traelo ao Pleno ordinario de xullo e antes de rematar este ano sacar xa o de 2021 [xa o de 2020 ía vir en decembro de 2019, segundo afirmara nun Pleno e seguimos en xuño sen orzamento… A lei fixa outubro como data para sacar o orzamento do seguinte ano, prazo que nunca se cumpriu na pasada lexislatura nen nesta]. Bastante a favor da moción e critica que nas reunións da comisión de seguimento se aprobeitase o falado para saír nos medios e que apareceron cousas no Facebook das que non gostaron. O adiadamento de impostos foi unha das primeiras cousas que adoptaron, aínda que aprazar para outubro ou novembro é unha navalla de dous gumes. Non se está cobrando lixo aos comercios locais que fecharon e se alguén recebeu o recibo que os contacte para non pagalo. [Poucos días despois chegou o cobro do imposto sobre vehículos, o IVTM]. Hai que estudar que facer e hai axudas do Goberno central e da Xunta. Estudar caso por caso porque os cartos saen do mesmo sitio. Evitar redudancias e usara ben os recursos públicos, pois á xente hai que ensinarlle a pescar. Van ir aldea por aldea para censar as persoas que vivan soas ou con necesidades, xa que se decataron de que é necesario. Tamén das fincas que non se limpan. Desde Servizos Sociais están facendo todo o posíbel para reparto de alimentos etc. mais en Chantada non hai tanta necesidade como nas cidades, tampouco é para alarmarse. Si hai casos extremos e non todo o mundo se deixa axudar, mais están traballando en varios casos preocupantes. Faltan centros específicos para persoas con problemas psíquicos e as grandes AA.PP. desentendéronse, polo que o Concello non lles dá dado cobertura. o RTGX é ficticio, os 2.000.000€ que se indican na moción. É irreal polos recibos incobrábeis, se ben xa se depurou bastante. A empresa que leva a executiva das multas e a Deputación axudoulles e dálles entre 350 e 400.000€ máis cada ano. Se é necesario dedicarán os 672.000€ do remanente real para gasto social e non o 20% ou máis se é necesario. Barallan desde o Goberno axudar a comercios e bares, algúns concelleiros do seu grupo propoñen vales para mercar en Chantada. Tamén é necesario arranxar pistas e en 2 anos ter as vías de comunicación decentes e con aglomerado en quente, que a Deputación vai deixar de usar porque non dan atendido a tapar buracos nas estradas provinciais. Chantada apostará polo aglomerado en quente. Pide que o PSOE retire a moción, xa que vai vir o orzamento novo.

Daniel di que non retiran a moción. 

Votación emenda: a favor 4 (Por Chantada e PSOE), en contra 7 (PP)

Votación moción: a favor 4 (Por Chantada e PSOE), en contra 7 (PP)

REXEITADA a moción e a emenda.

 

5.- Delegación de competencias do Pleno da XGL (exp. G-431/2020).

PROVIDENCIA DE ALCALDÍA

INFORME SECRETARIA 2020-0027 [INFORME SECRETARIA]

PROPOSTA DE ACORDO

O PP di que tivo que traballar arreo para facer a plataforma de contratos, que facilitará as cousas cando estexa pronta, pois facilitará contratacións e é máis doado ter apoios e non convocar plenos cada 2-3 semanas [segue sen atender a demanda de Por Chantada dunha central de contratación local. En Chantada nunca se convocan Plenos con esa periodicidade]. Defenden que é algo que se fai en todos os concellos, pois precisan axilidade para gobernar e facilitar á cidadanía as cousas. Así evitan reclamacións.

Como oposición os argumentos son outros, defende o PSOE, e teñen unhas obrigas que cumprir. O informe de secretaría non deixa constancia para procesos xa en marcha.  O secretario acumulado, Fernando, non ve inconveniente xurídico en principio. Raquel afirma que non ve necesidade de delegar na XGL os contratos, xa que nunca houbo problemas para celebrar plenos e até, coma hoxe, con pontos fora da orde do día ou documentación que chega tarde. Non aceitan os argumentos do PP, que usa a maioría absoluta para evitar que veñan asuntos ao pleno e así non hai transparencia. Este acordo implicaría que non veña a Pleno a contratación do SAF, aínda superando 10% do orzamento. O Goberno non lles informou de nada e tiveron que buscar en plataformas estatais. Lembra que o Concello foi condenado por unha sentenza polos servizos mínimos abusivos.

Desde Por Chantada non vemos a necesidade de retirar máis competencias ao Pleno e, moito menos, que todos os contratos se furten ao escrutinio do público, até aqueles que superen 10% dos recursos ordinarios. Ao noso entender, isto é unha barbaridade e como dicía Manuel Diéguez na CI faise cando hai maioría absoluta, portanto leva implícito que non existindo tal condición non se realiza porque non é o ideal e a competencia é do Pleno, que se a ten asignada é por algo. De por parte, tendo en conta as dietas das XGL de 250€ por asistente e sesión tampouco se pode falar de que exista calquera aforro. A tendencia a esvaciar o Pleno de competencias, de traer ao mesmo os mínimos asuntos posíbeis ou de levarmos sen rogos e perguntas desde xaneiro tradúcese en degradar o que debería ser o centro da política institucional local: o Pleno da Corporación.

Varela di que en gobernos de coalición estas cousas tamén se fan e que a oposición pode ir ao Concello e ver os acordos da XGL. Poden solicitalos e velos. Se visen que non é necesario isto poderían mudar de criterio, mais fano por axilidade. Tomara teñan moitos grandes contratos.

Raquel lémbralle que a solicitude dos reparos da intervención e mais os decretos da alcaldía xa a fixeron hai mes e medio e aínda non os receberan.

O alcalde retruca que iso non depende del.

Votación: a favor 7 (PP) en contra 4 (Por Chantada e PSOE).

Apróbase a transferencia da competencia para contratos do Pleno na XGL.

 

6.- Derogación Ordenanza fiscal reguladora da taxa de ocupación de terreos de uso público con cadeiras, mesas etc. con finalidade lucrativa (exp. G-369/2020).

01.- Providencia alcaldia

02.-modificacion ordenanza taxa OVP mesas 2004

03.- Informe de Secretaría

04.- INFORMES DE INTERVENCION 2020-0001

05.-PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN

Emenda do grupo municipal socialista

Comeza defendendo a proposta de acordo o alcalde, recoñecendo que habería que facelo antes, que é un complemento de que permitiran instalar mesas e cadeiras. Cómpre ordenanza porque recoñece que hai un desbaraxuste e, aínda que favorecería a recadación a intención non é esa. Di que Chantada está preciosa, mais isto aféaa. A maioría son axeitadas, mais non poden estar así toda a vida.

Raquel di que cada no se racada menos e as terrazas son de maior tamaño e máis. Varela di que así se lles mete diñeiro no peto. Cobramos impostos ou facilitamos? Raquel di que son pouco máis de 2.000€. O Concello está moi saneado e sen cobrar polas terrazas. Di que a nova ordenanza debería estar antes de fin de ano ou de marzo ou abril, antes de cobrar 2021. A interventora aclara que depende do período de devengo. A emenda coa data non a aceitan. Manuel Diéguez di que hai dous temas, o económico e a ordenación. Non queren queimar a hostalaría como fai o concello de Lugo, que cobran cada mes. Varela fala tamén da limpeza, pois deixan o solo sen varrer e cheo de cabichas. Deben desinfectar e limpar á noite e o Concello xa as desinfectou dúas veces. Raquel di que é insuficiente. 

Na CI perguntamos polo PEF e polo Plano de axuste non sabemos se agora se podería aclarar a situación en que nos encontramos neste eido. A interventora di que falemos con ela e que nos aclara o que sexa, mais non dá o dado no Pleno. En 2019 recaudouse 2.346,74€ nesta taxa, un valor ínfimo e desaxustado ao que ocorre na maioría dos Concellos, ao tempo que proliferaron problemas sobre regulación, material e extensión do mobiliario para uso lucrativo no espazo público. Urxe pois traballar, como demandamos en reiteradas ocasións en criar ordenanzas reguladora e fiscal axeitadas. A emenda non debería apresentar problemas para o Goberno se se indica que sexa antes de rematar o ano. De por parte, que esta sexa a única medida aprobada polo goberno até o momento no plano económico para confrontar a depresión económica en que estamos comezando a submerxirnos parécenos dunha pobreza absoluta. Varela di que non sexamos alarmistas. Retrúcaselle que non é unha opinión de nos, mais a análise de diferentes economistas de renome. Parécenos ben a emenda apresentada polo Grupo socialista e estas novas ordenanzas xunto a un pacote de medidas real e ben fundamentado para confrontar a crise deberían ser obxecto da comisión que propuxemos anteriormente. Manuel Diéguez lembra que é obrigatorio recoller as terrazas polas noites, case nengún local o fai. Varela di que teme a merma das transferencias directas do Estado e da Xunta para vindeiros anos. A xestión dos impostos pode redundar ou non na hostelaría, se o que se recauda se destina a orquestras non se lles axuda, se callar, mais se se destina a axudas para harmonizar terrazas e coidar o impacto visual estarase facendo ben, polo que non é só o que se cobra senón que se fai cos impostos.

 

Votación emenda: UNANIMIDADE.

Votación acordo: UNANIMIDADE.

Apróbase a supresión do imposto para 2020 e acórdase facer unha nova ordenanza por UNANIMIDADE.

 

7.- Modificación Ordenanza IAE (exp. G-368/2020).

01.-PROVIDENCIA DE ALCALDÍA

02.-INFORMES DE INTERVENCION 2020-0003 [INFORME DE SECRETARIA E INTERVENCION]

03.- PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN

04.-TEXTO REFUNDIDO ORDENANZA FISCAL IAE

Daniel di que faltaba unha ordenanza na documentación. Defende que este traballo técnico mellora o que había, mais é unha mágoa que tivese que ser a Deputación quen avisara disto. Falta Sabadelle nas parroquias. Varela interrompe para dicir que a estrada quedou ben. Raquel retruca que aínda vai estar mellor. Continúa Daniel que, entrando nas cifras, non hai mudanzas e non hai informe de intervención. No orzamento para 2021, en tempo e forma, debería o Goberno revisar as ordenanzas e aprobar reformas fiscais como a do IBI. Hai moita normativa pendente de facer por parte do Goberno: terrazas, axudas de emerxencia social, tránsito, animais domésticos ou transparencia. Lembra o Informe de controlo financeiro da anterior interventora, que indicaba que faltaban ordenanzas e outras estaban desfasadas, por exemplo a de voos, augas etc.

Non vemos coherente, nen se nos explicou na CI, por que no rural se tributa con 1 e con 0.7 na vila e no polígonoVarela di que o das parroquias é para a presa de Belesar e os eólicos e que o índice de situación podería ser até dun 3 e pico. Polas parroquias adiante ninguén cotiza polo índice de situación ao non superaren o millón de euros de facturación. A Deputación pedía un índice único para o IAE e eles non quren. Como xa dixemos na CI é unha chapuza ter dúas ordenanzas fiscais para un mesmo imposto e que isto se arrastre desde 2001 e 2003 fala da desidia do Goberno. Como sinalamos ese día deberíase tirar ao comezo de cada ano unha revisión das ordenanzas fiscais e demais normativa municipal e pendurala no site do Concello, como se fai onde a administración local funciona con eficiencia e transparencia. Isto xa se tería que ter corrixido hai moito tempo. Hai unha parte técnica en calquera ordenanza, mais tamén política, como demostra o debate do anterior ponto. Difícil neste caso facerse idea clara das magnitudes, porén son decisións que se deben adoptar a quen e canto se lle cobra e a que destinamos os recursos que temosA interventora di que Susana foi quen a redactou e está disposta a aclarar en calquera momento o detalle do texto.

Varela di que en Chantada houbo un goberno progresista durante catro anos e que non as tocou. Eles tamén son moi progresistas en todo o bon sentido da palabra. Raquel retruca que ele tamén. Fente dille que puideron facer un goberno de concentración e progreso. Para Progreso chega o de Lugo di Varela. Daniel defende que estas modificacións tributarias deberían vir co novo orzamento, en tempo e forma, para debater sobre o réxime fiscal que queremos. Varela di que comezarán en outubro. A interventora di se iso vai constar en acta. Fente di que xa constaba o ano pasado, que as actas terman do que lles poñan.

Votación texto refundido ordenanza IAE: a favor 10 (PP e PSOE) Abstención: 1 (Por Chantada).

Apróbase o texto refundido da ordenanza do IAE.

 

8.- Modificación orzamentar 14/2020, Transferencia de crédito 8/2020. Importe 120.140,43€ (exp. G-357/2020).

01 PROVIDENCIA

02 MEMORIA MP 142020 TC 08-2020 INTERESES SENTENZA

03.- RC PARA TRANSFERENCIA INTERESES

04.- MODIFICACIONS ORZAMENTARIAS 2020-0014 [INFORME DE INTERVENCIÓN MP 142020 TC 082020]

05.-PROPOSTA MP142020 TC 082020 INTERESES SENTENZA

Informe de Por Chantada sobre o desfalco de Manuel Varela coas obras ilegais de maio 2015 (xuño 2020)

Varela di que xa é un tema do que se falou suficiente. Raquel indica que o triste é ter que pagar todos estes xuros por facer as cousas mal. O alcalde di que cando se ía ao confesionario, hai tempo que non vai, se lle dicía “anda hijo, vete y no peques más”. Non o volverán facer. Esta cantidade evitaríase pagando antes, mais houbo quen os aconsellou ir ao xulgado. O Consello consultivo dixo que se podía pagar sen problema ningún e agora toca pagar os xuros da sentenza e máis a demora. Se esa obra se contratase con custo, IVE e 16% de beneficio industrial e 13% de gastos xerais por aí andaría a cousa [como se demostra no noso informe isto é rotundamente falso e existe informe da intervención municipal que o desmente rotunda e categoricamente]. 

Desde Por Chantada lémbrase que falamos de 120.140,43€ para abonar unha sentenza 254/2019 a Fevisa, que segue contratando co concello e aínda figura nas facturas reparadas que veñen hoxe no seguinte ponto da orde do día, por importe de 36.143,58€. Por certo, non houbo tanta celeridade para abonar outras sentenzas pendentes de execución. Vese que hai sentenzas de primeira e de segunda para o Goberno. Varela interrompe a exposición para indicar que habería que coller todo o RTGX [o que ía ir para gasto social hai un anaco?] e o Plano Único e destinar un millón de euros a arranxar pistas, mais, para facelo ben, non volver repetir os erros daquela, fixérono así para aforrar e non estivo ben. Os pagos a Fevisa son para 3 rúas con aglomerado en quente, xa que era a mellor oferta. Iso si, o detalle de levalos ao xulgado non lles gostou nada. 

A raíz do problema está en obras desenvolvidas no período eleitoral de 2015 por valor de 631.486,97€ contratadas de palabra e sen crédito que o Consello Consultivo da Galiza ratificou como nulas de pleno direito en novembro de 2016. Imputábanse unha serie de actuacións en camiños, contratadas contratadas de palabra e sen crédito, ao remanente de tesouraría sen telo aprobado a través da conta xeral e tendo só no orzamento de 2015 unha dotación orzamentar de 120.840,40€ para tal fin. Isto nun contexto onde o concello de Chantada se encontraba nun plano de axuste tendo que amortizar importantes cantidades de débeda. Indicaba o Consello Consultivo que «debe aboarse ás empresas contratistas os traballos que efectivamente fosen realizados e recibidos de conformidade pola Administración, previa a súa valoración polos servizos técnicos do Concello» e b) «o artigo 35.1 contempla do mesmo xeito a obriga que corresponde á parte culpábel de indemnizar á contraria os danos e perdas que esta tivese sufrido, en consonancia co disposto no artigo 102.4 da LRXPAC». Por último, salientaban desde o organismo consultivo que «na proposta remitida o Concello recoñece que se procederá ao pagamento aos contratistas remitindo a “un trámite posterior” deste xeito, tal como consta, tal cuestión será resolta nun expediente instruído para tal efecto».
O expediente en cuestión, polo que se aprobou o pago, fíxose polo valor íntegro e non por algo máis de 400.000€ como indicaba a intervención municipal, cómpre lembrar que a xurisprudencia considera que na factura directa se inclúe un evidente beneficio industrial que debe calcularse e subtraerse das mesmas no caso de declarárense nulas de pleno direito. A diversa xurisprudencia parecer situar por volta dun mínimo de 10% ese lucro que habería que extraer e sobre o que calcular os xuros de demora.
Contra todas estas prácticas intermediamos diferentes recursos sen que se chegase en nengún momento a adoptar responsabilidades por parte de ninguén e o resultado é que imos pagar sobre 800.000€, ou sexa o duplo do que se debería e segue sen aparecer responsabilidade por parte de ningúen, a pesar de que todo gasto sen consignación orzamentar vicia de nulidade e existe responsabilidade por parte de quen permite estas práctica.
Os xuros de demora, os 120.140,43€, deberían pagalos os que cometeron, sendo totalmente conscientes do que facían, as irregularidades, a comezar polo alcalde, e non o conxunto da cidadanía de Chantada. Este é, sen dúbida, un dos episodios máis lamentábeis aos que asistimos.

Solicitamos votación nominal: artigo 102 do ROF.

 

Votación nominal: a favor 4 (Por Chantada e PSOE); en contra 7 (PP).

Rexeitada a votación nominal.

Votación pago 120.140,43€ da sentenza a FEVISA: a favor 7 (PP); en contra 4 (Por Chantada e PSOE).

Aprobado o ponto.

 

9.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 23/2020 e 28/2020. Importe 267.465,79€ (exp. G-352/2020).

1.-PROVIDENCIA APROBACION FACTURAS

2.- 20200610_F_2020_23

3.- REPAROS 2020-0017 [FISCALIZACION REC INTERVENCIÓN]

4.-PROVIDENCIA APROBACION FACTURAS F202028

5.- 20200611_F_2020_28

6.-REPAROS 2020-0019 [FISCALIZACION INTERVENCION]

7.- PROPOSTA AO PLENO

8.-PROPUESTA APROB FACTS PLENO

 

O grupo socialista lembra que chegan REC pleno após pleno xunto a reparos da intervención. Hai máis facturas deste tipo? A interventora di que fican polo menos as da luz. Varela di que queren outra comercializadora. No ano eleitoral 6 millóns de orzamento e máis dun millón sen executar e iso vailles repercutir na regra de gasto. Non entende como veñen facturas de 2018 (luz), que xunto as de 2019 que xa deberían estar pagas conforman estes REC. Neste 2020 pensan que a situación será diferente, van deixar partida de 200.000€ para imprevistos. Aínda agora teñen que erguer tres muros, un de 18.000€ indo para as Córneas, que é urxente porque hai perigo. Outros dous de emerxencia nas ribeiras. Van facer orzamentos máis sinxelos e flexíbeis. Raquel di que se lle ocorren solucións para o que lle convén. Varela di que queren facelo así… os funcionarios cobran para traballar. Diñeiro para isto e sen tocar os 600.000€ do RTGX e, se a oposición o merce, consultaráselle. Raquel di que sigan os consellos e eviten máis reparos de intervención. 

Fente di que o valor das facturas é de 267.465,79€. Entendemos que deberían votarse por separdo os dous REC e non viren nun único ponto da orde do día, ou así fixemos sempre até o de agora. Non se remitiron as facturas orixinais e só unha relación, polo que non puidemos cotexar no expediente a conformidade das mesmas e a natureza do concepto, algo elemental. Figuran algunhas, como unha de SOGAMA, sen importe na proposta de acordo polo que non sabemos se é erro e habería que corrixir ou a que responde, porque tampouco se explicou na CI a pesar de chegar a documentación fóra de prazo e non no momento da convocatoria. Estas deficiencias aconsellarían retirar o ponto da orde do día e traelo ao pleno ordinario de xullo coas debidas garantías. A interventora di que se hai un erro van revisar, que será erro de transcrición porque primeiro reteñen crédito. A partir de agora poden solicitar e daranse as facturas.

A intervención, a pesar de que pola incorporación recente, non pode comprobar os eventuais fraccionamentos dos contratos e se existía crédito para os memos do 2019, efectúa reparos por omisión de requisitos e trámites esenciais e por omisión de fiscalización das fases A e D de varios contratos menores, para alén de aconsellar a inmediata licitación dos servizos e subministros. Esta é unha longa batalla que levamos aquí reclamando, mesmo propondo unha central de contratación local, para que se cumpra a LCSP e se deixe de usar como regra xeral o contrato menor e contravindo a lei. O REC é un mecanismo excepcional que, á luz dos que desenvolvemos neste Concello anualmente, fica ás claras que se converteu nun método sistemático para realizar gastos sen a suficiente consignación orzamentar e sen atender ao procedemento legalmente estabelecido.

O alcalde deféndese dicindo que había chamadas para cobrar en 2011 e 2012 e que agora non chama ninguén. Raquel di que en 2007 a xente tamén chamaba. Varela di que se responsabiliza de 400.000€ dos 6.000.000 de débeda. Non hai por onde collelo. [Sobre o tema das débedas do Concello na primeira etapa de Manuel Varela no PP e a posterior débeda viva no goberno PSOE-BNG pódese consultar o seguinte informe de Por Chantada que desmente os dados do alcalde e tamén estoutro]

10.- Modificación pontoal do PXOU da delimitación do núcleo rural de Alemparte, parroquia de Mariz (exp. G-310/2017).

A documentación entregouse fóra de prazo. Este asunto xa veu ao pleno con anterioridade. Dado o volume da documentación non se sobe a este resumo.

Varela lembra que xa viñera doutra vez e que faltaban 2-3 informes sectoriais. Non ía na CI mais ten urxencia… A viciñanza ten que comezar a facer ben as cousas. Agora saír desta situación e ser máis vixiantes co cumprimento das licenzas.

Raquel di que un posíbel derrube conmove a calquera, mais edificaron fóra de proxecto e non se comprende a falta de advertencia do Concello. O informe da secretaría advertía da irregularidade da ampliación e falaba de “desvío de poder”. Non poden obviar a traxedia da familia, mais non poden tapar os ollos a ese informe xurídico.

Varela di que contemplan áreas de expansión, que a xente as demanda aínda que así pagarán máis IBI, ao pagar urbano e non rústico. Para o Concello mellor.

No seu día existía un informe de secretaría que falaba de desviación de poder, por iso no Pleno ordinario de 12 de marzo de 2018 votamos en contra. Cando volveu en 2019 cos informes favorábeis votamos a favor e agora, sendo estes favorábeis mantemos o criterio, se ben estas prácticas urbanísticas deberiamos desterralas e comezar a traballar nun horizonte de urbanismo que conserve o patrimonio e ordene axeitadamente o territorio cousa que o PXOM en tramitación tampouco persegue.

Votación MP Alemparte: a favor 8 (Por Chantada e PP), abstención 3 (PSOE).

Apróbase a MP de Alemparte.

 

ROGOS E PERGUNTAS

Ao ser extraordinaria non hai rogos e perguntas, mais na CI desde Por Chantada demandamos que houbese e Manuel Diéguez, de acordo cos voceiros da oposición, fixou que se puidesen realizar 5 perguntas por grupo.

Rogos e perguntas PSOE.

1.- Marquesiñas. A Deputación volve facer petición e reiteran a solicitude de Santa Rosa en Sabadelle, xa que hai rapaces. Diéguez di que iso xa está na acta do pleno anterior. A Xunta tamén dá.

2.- Verquidos Sangoñedo. Hai problemas na rede de saneamento? Varela di que se vai corrixir cando se poña en marcha o saneamento. O problema é que alí baixa o de Asdeme, Ponto Limpo e Machado e sempre dá problemas. A bomba está funcionando, mais veñen cousas que non deberían vir. O tubo é de 75 e debía ser de 125 ou 140. Aí o bombeo ten que seguir polo campo de futebol e Viaqua di que é imposíbel de destupir. A rede de saneamento non funciona por falta de fornecemento eléctrico.

3.- Perguntas COVID-19. Desinfección terrazas: varios hostaleiros comunicaron ausencia de desinfección, imos ben mais non baixar a garda. Entrega máscaras: xa se poden facer máis entregas. Pamela di que de momento aos negocios e facer compra para distribuír en setembro e outubro (colexios etc.) pola gripe. Vixilancia: polas mañás a xente non obra ben. O anterior fin de semana a policía local tivo que ir fechar e na zona de antiga xente de máis nun local e chamaron os viciños. Limpeza polígono: todas as vías é un perigo. O alcalde recoñece que só está un tractor, hai que contratar outro para mediados de xullo. Empezaron desde Vilaúxe e logo Adá e Quinzán. Xa hai que volver… estes días nas parroquias de San Fiz. A Deputación xa comezou tamén, antes viña pasando en xuño e xa veremos se non hai que volver en outubro. O idóneo é ter dous tractores e andar todo o ano. Agora xardíns anda limpando campos das festas, como estas non se celebraron. En Penasillás e Muradelle fíxoo a viciñanza. En Rabelas non e en Sabadelle limpou o Julio. Concepción di que polas eleicións do día 12 tamén teñen que limpar os locais. Varela di que o de Adá está perdido. Xaquín di que ao de Axulfe tamén lle chega ben.

4.- Casa escola Vilaúxe. Varela aclara que faltaba informe da Confederación Hidrográfica para pasar a de Mondín, non entende como é necesario para isto para unha obra nunha casa da escola. Agora tocaralle a Mondín o investimento do Plano único. Lémbralle ao PSOE que o polígono tamén o ten que limpar a Deputación, a súa parte.

5.- Brigada incendios. Sairá publicada convocatoria na segunda feira.

 

Rogos e perguntas Por Chantada.

Rúa do Mesó Mogay. Comunicáronse obras no mes de setembro, en que van consistir?

Pendente terreo do Chamari e do Delgado para adecentalo, será iso. Facer aparcadoiro con saída á Santa Mariña e que desaparezan os carros do parque Eloísa Ribadulla.

• Escola Moredo. Cando estiman comezar as obras? Esta a AO do Concello xa reservada e dispoñíbel?

Plano único 2019. En canto cheguen os permisos comezan as obras. Diego di que para o Entroido de 2021 estará listo.

• Rogamos que se nos envíen os decretos da alcaldía desde xaneiro e os reparos de intervención desde maio de 2019, xa que aínda non recibimos nada e é un volume de información dificilmente manexábel se se remite 2 días antes da sesión plenaria ordinaria.

Que vaiamos polo Concello.

Pista Aspai. Xa durante a campaña de 2015 a viciñanza de Aspai se queixaba do abandono da pista que dá acceso ao lugar e comunicaba que existía compromiso incumprido por parte do Goberno de Manuel Varela de arranxo desde había anos. Cinco anos despois a situación é calamitosa e nos días de auga é totalmente intransitábel, mesmo supondo unha eiva seria para o transporte escolar. Rogamos o seu arranxo inmediato, ao menos as fochancas actualmente existentes, como previo paso á rexeneración total dos accesos a Aspai desde a pista do Alto de Ramos (a LU-P-1817), que por certo tamén precisa arranxo. Tamén precisa arranxo urxente a de Sandiás a Nogueira.

No 2015 arranxouse a que vén de Quintá do Monte. Para a semana arranxan con aglomerado en quente a de Fornas da Cruz.

• Rozado gabias.
Tendo en conta o alto crecemento da maleza nas gabias polas condicións metereolóxicas que comprometen seriamente a visibilidade.
Tendo en conta o seu compromiso no pasado ano de mellorar a eficiencia e adiantar o comezo do rozado.
Tendo en conta que existen dous tractores municipais para tal efeito e que están parados.
Cando teñen previsto comezar co rozado mecánico das gabias e que criterios seguen para priorizar unhas áreas sobre outras? Por onde comezarán e cando?

Contan ter brigada de 6-8 persoas máis 7-8 do plano único sería o ideal. Xente preparada. Até agora non podían facelo. A RPT vanse pór a tope con ela par tela en setembro.

Peonalización casco antigo.

Están xa os sinais para peonalizar a rúa do Comercio e o Cantón en principio, con acceso para o Concello.

Resumo Pleno ordinario correspondente ao 30 de xaneiro 2020 [audio]

O Pleno comezou ás 20:05 horas coa presenza dos 13 concelleiros e concelleiras da Corporación, a interventora e a secretaria municipais e 3 funcionarios (un administrativo e dous policias locais). Como público asistiron sobre 20 persoas, a maioría delas ligadas co Servizo de axuda no fogar (SAF). Confire o audio do Pleno aquí: https://drive.google.com/file/d/1kTk9IHLAOy-26ch7fS3ZyqSSPlfX796O/view?usp=sharing

 

Antes de comezar a concelleira do PSOE, Raquel, invoca unha cuestión de orde para queixarse pola mudanza da data do Pleno sen avisar á oposición, do retraso no envío da documentación, non se receben as actas das Xuntas de Goberno Locais en tempo e forma, métense continuamente cousas por urxencia etc. En definitiva, estase a dificultar o labor da oposición. Manuel Varela retruca que se mudou porque tivo que asistir a Fitur e que non oculta nada. Mesmo afirma que había compañeiros do PSOE que preferían a mudanza de data. Daniel do PSOE nega que dixera iso.

1.- Actas anteriores, correspondentes ás sesións: Ordinaria do día 28/11/2019.

Rascuño acta Pleno 28/11/2019

Desde o PSOE din que no ponto do horario dos Plenos se abstiveron e que no ponto 8º na intervención non se indica.

Por parte de Por Chantada, indícase que as actas deberían paxinarse para podermos indicar as deficiencias detectadas con maior axilidade. Na quenda de debate da epígrafe 3ª (p. 9) contestouse polo noso grupo que é falso que se emitira recurso no último día do prazo, senón que se fixo ao comezo do mesmo. Isto non se recolle na acta. Na páxina 21, quenda de debate da epígrafe 8ª, propuxemos exixir á Deputación e á Xunta o arranxo das deficiencias do Polígono (fronte as discrepancias entre PP e PSOE) e tampouco se recolle na acta. Na páxina 24, rogos e perguntas do noso grupo, indícase nunha cuestión que nos contesta o señor Manuel Diéguez Carballo, algo bastante improbábel tendo en conta que non asistiu ao Pleno. Na seguinte pergunta non se recolle que a concelleira Cruz Fernández Rodríguez desmentiu que só se queixase unha persoa do asunto da rúa do Parque ao existir escrito da Comunidade Viciñal rexistrado no Concello no seu día.

Con estas modificacións, apróbase a acta por unanimidade.

2.- Inadmisión Recurso Potestativo de reposición de Por Chantada-CUP. Expediente Suplemento de Crédito 05/2019 (G-1021/2019).

Recurso de reposición de Por Chantada-CUP ao SC 5/2019

Informe resurso Suplemento de crédito 5/2019

PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO

  • Desde o PSOE din que é a terceira vez que este asunto vén ao Pleno e reiteran os seus argumentos. É algo grave, obras en período eleitoral que se queren blanquear co SC 5/2019. Cando se inadmitira a reclamación de Por Chantada xa dixeron que faltaba ir ao fondo da cuestión e agora reiterase o mesmo. Agora arguméntase que non cabe apresentalo e desde o grupo municipal socialista son respeituosos co informe xurídico. O triste son as actuacións e revisión de fondo.

Desde Por Chantada explícase que este asunto xa foi debatido anteriormente, ou máis ben a oposición fixo un monólogo e o Goberno obviou calquera resposta e explicación ao caso, algo ao que nos ten acostumados. Como na medicina premoderna ou na economía ordoliberal contemporánea, para calquera doenza a receita sempre é a mesma: aplicar máis unha sangría ao paciente aínda que se vexa que iso só fai piorar o seu estado.

Novamente non se nos contesta a nada do fundo do asunto, obviando que se incumpriu a LCSP, que se abusou do fraccionamento e do contrato menor, ou que foron obras desenvolvidas en pleno período eleitoral e polos motivos expostos nos diferentes recursos apresentados susceptíbeis de seren declaradas nulas de pleno de direito e dar lugar a un expediente de oficio de depuración de responsabilidades.

Esta forma de xerir os asuntos públicos, tapar as irregularidades que son continuadas e sistemáticas, e negar calquera diálogo ou revisión para solucionar deficiencias é irresponsábel e contribúe a xudicializar a política e non a mellorar a xestión.

Solicitamos a votación nominal (art. 102 do ROF) e en contra de desestimar o noso recurso potestativo de reposición.

 

Votación nominal: a favor Por Chantada e PSOE (6); en contra PP (7).

Votación inadmisión recurso potestativo de reposición de Por Chantada-CUP: a favor PP (7); en contra Por Chantada (2); abstencións PSOE (4).

 

3.- Aprobación expediente contratación SAF, expediente G-37/2020.

01 PROVIDENCIA DE MODIFICACIÓN DO INFORME

02 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0009 [INFORME ECONOMICO-FINANCIERO SAF

03 INFORME TRABALLADOR SOCIAL

04 RESUMEN PPTO PRORROGADO 2020

05 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0011 [RECURSOS ORDINARIOS DO ORZAMENTO

06 ESTUDO ECONÓMICO SAF CHANTADA FINAL

07 memoria xustificativa

08 informe insuficiencia medios saf

09 informe non división lotes saf

10 PCAP SAF

11 PPT SAF

12 RC CONTRATO SERVIZOS SAF

13 LIBRO INFORMES SECRETARIA 2020-0005 [INFORME DE SECRETARIA]

14 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0012 [FASE A CONTRATO SAF CONFORME ARTI

15 FISCALIZACION DE INTERVENCION 2020-0013 [FASE A FISCALIZACION PLIEGOS SAF]

16 PROPOSTA DE ACORDO AO PLENO DA CORPORACIÓN

Desde o PSOE cualifican este ponto como outro capítulo da agonía e morte do SAF de Chantada. Abraiados perante esta licitación sen o orzamento para 2020. Trangallada con Modificación de crédito e Transferencia de crédito. Só con o SAF o 8% do orzamento non nato xa comprometido e a isto engadirlle o ponto de urxencia sen informar nen falar. Raquel acusa de incompetencia e comodidade ao PP. Comprometen xa entre 15-20% do orzamento sen sequera debatelo. Externalizan un servizo facéndoo un 10% máis caro do que supuña a xestión pública, só en IVE 36.000€, ao que cómpre engadir un coordinador do servizo e 5% de beneficio industrial.

Os pregos provocan dúbidas na bancada socialista, polas súas ambigüidades. A cláusula 27ª debería ser máis concreta nos limites da subcontratación. A situación das traballadoras non se sabe ben como fica <<tenas aquí>>. Raquel acusa ao PP de dicir que non mudaría a situación, mais non ve que se manteña o convenio actual con 6-7 días de LD, asistencia a familiares no médico, trienios… iso recóllese no convenio colectivo.

Faltan medidas claras no controlo do servizo e sobre a empresa. A mesa de contratación non a debe presidir o alcalde, só debería estar integrada por técnicos e non a concelleira 4 anos como responsábel.

Unha chapuza con aleivosía de quen espera a pasar as eleicións para externalizar, cun orzamento hipotecado e mostrando incompetencia para favorecer o lucro empresarial. Un ataque á xestión pública. Conflito laboral desde outubro e cercenando o direito á greve con servizos mínimos abusivos de máis de 90% e denegando todas as licenzas sen piedade e solventando os continuos reparos de intervención. O único responsábelk é a equipa de goberno e o alcalde.

Desde Por Chantada-CUP comézase con retranca, dicindo que as bases son bastantes rigorosas, vindo de vostedes, vese que renderon os 1.800€ do bufete de avogados que contrataron. En todo caso, nen se pode ocultar a privatización até, cando menos, 2024, nen a mingua de direitos laborais, nen moito menos que imos pagar moito máis que coa xestión directa e pública 100% do servizo. Isto sen contarmos que se negaron a calquera diálogo ou consulta coa oposición e desouviron estudar a criazón dunha empresa pública, que mesmo podería ser mancomunada con concellos limítrofes.
No prego de cláusulas administrativas particulares na cláusula 1 pon moi claro que «O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo público de carácter local consistente en oferecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia (…)» co cal están dicindo que é un servizo público e a súa vez estano privatizando, isto é unha contradición moi clara.
É curioso ver que para ceder parcelas do público ao privado a lexislación é ben flexíbel e pouco importa que se incremente o gasto e que nos vaia saír máis caro. Iso si, para reverter privatizacións os concellos teñen que facer pinchacarneiros e xustificar moi ben a poupanza económica. A súa aposta estratéxica sempre foi favorecer o privado en detrimento do público, aínda que funcionase pior (lémbrese o caso das piscinas, por exemplo) e saíse en condicións ruinosas para o conxunto dos contribuíntes. Daquela, non partillamos os fracos argumentos da motivación da necesidade (Memoria, 9.c e Informe insuficiencia de medios), cando existen numerosas alternativas, que nen foron valoradas: estudar a criazón dunha empresa pública, racionalizar a distribución dos fogares e do servizo, impulsar cadrantes anuais das traballadoras e unha bolsa de reserva horas para cobrir eventualidades (baixas, imprevistos, asuntos proprios…), máis traballadores mediante RTP etc.

No Prego de cláusulas administrativas particulares do contrato do SAF do Concello de Chantada (PCAP), na cláusula 21ª indícase que o local da empresa podería estar en Chantada ou nos Concellos limítrofes. Entendemos que debería estar si ou si na vila do Asma, xa que estamos falando dun desembolso económico moi importante por parte da cidadanía.
Canto ao custo, estipúlase un custo de 3.639.571,36€ para o período 2020-2024, que achamos, no entanto, insuficiente e irreal (AO 231.227.99.04). A comezar porque nen contempla o IPC nem as subas salariais. Non obstante, se imos ao Anexo I do mesmo documento xa se fala de 4.199.505,41€ atendendo ao 20% das modificacións (909.892,84€ por ano con IVE incluído do 4% + 20% das modificacións). Por outras palabras, o lucro mínimo da empresa vai ser de 209.976€ durante a vixencia do contrato, aínda coas contas que se aquí se nos presentan. Unha aposta segura.
Porén, na CI díxoselle á miña irmá Cruz que as 66 persoas en listaxe de agarda entraban no cómputo actual e non no 20% das modificacións contempadas no PCAP, porén iso contradise coas traballadoras calculadas, xa que por cada traballador do SAF hai entre 1 e 4 utentes dependendo das horas estipuladas. Á parte habería que computar os quilómetros polo que incrementaría o prezo que se nos trae hoxe aquí.

SUPOSTO DE CÁCULO
Supoñendo que os utentes da listaxe de agarda son dependentes de grao 2 corresponderíalles 2horas diarias, isto suporía 10 horas a semana , 40 ao mes, 480 o ano e por 66 usuarios farían un total de 31.680 horas. Se multiplicamos as horas, sen contar feriados nen fins de semana, obtemos un custo de 551.232€ (31680×17,40= 551.232€) ao que habería que engadirlle os quilómetros a percorrer para atender a estes dependentes a maiores (unha media de 15km diarios x 5 días=75; semanais x4=300; mensualesx12=3.600 anuais x 66 usuarios=237.600×0,19km=45.144€): 45.144€. Falamos entón de 596.376€ anuais que non se están computando neste momento. Por outras palabras, mais 2.385.504€ no período de vixencia do contrato que, sen o 20% de modificacións, ascendería a 6.025.075,36€ e co 20% a 6.585.009,41‬ no total.

Estas discrepancias, falamos de máis de dous millóns de euros o cal non é peccata minuta, moito me temo que vai ser como o que falamos das horas. Nós indicabámoslle que andarían sobre 18€ e vostedes falaban de 14 ou 15. Resulta que aproximamos moito mellor. Claro que admitir un custo de 1.646.253€ suporía deitar por terra a suficiencia dos medios financeiros e imposibilitaría a privatización nestes termos.

De por parte, contémplase nos pregos que se debería cobrir o servizo de 8:00 a 22:00, cando o mesmo traballador social estima que a maioría dos fogares só queren o servizo de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00, entón cal sería o motivo da ampliación do horario se xa se contemplaba por necesidades do servizo en casos específicos?

Na memoria xustificativa fálase da adecuación á normativa laboral do convenio sectorial de aplicación dos contratos do persoal traballador do servizo. Por unha banda, dise que teñen que pasar coas mesmas condicións que teñen no Concello e, pola outra, dise que se lles ten que aplicar o convenio estatal de axuda no fogar prexudicando as traballadoras, xa que perderían dereitos pasando do convenio de persoal laboral a outro inferior. Nos pregos non observamos que se especifique o convenio de aplicación, que defendemos debe ser o galego, tal e como reclamou a delegada sindical das traballadoras. Só se recolle na epígrafe 7ª da Memoria (p. 9) que debe ser o Convenio Colectivo laboral do sector da axuda no fogar na Galiza, mais ponse entre parénteses.

Igualemente, quero salientar que existe solicitude de días por lactancia (13, RE 4779) dunha traballadora, da que tomou razón a XGL do 9/1/2020- No entanto, cal foi a nosa surpresa ao comprobarmos que non aparece na subrogación, a pesar de levar prestando os seus servizos no concello de Chantada dende o ano 2017. Pouco importa editar o III PIOM se logo actuamos deste xeito e non respeitamos unha baixa por maternidade de alguén que aprobou o exame da bolsa e solicitou a licenza por lactancia á que, evidentemente, ten direito. Esta é a conciliación e a igualdade que vostedes queren promover? Pola contra, outra traballadora que se apresenta por vez primeira á bolsa e, aínda negándose 3 veces a traballar alegando motivos persoais, nen se bota fóra da bolsa e resulta que si figura na subrogación. Isto non é para nada coherente. En todo caso, recapaciten en inclúan as dúas.

Tampouco o é nomear responsábel do contrato a concelleira de Servizos Sociais e que logo sexa suplente na mesa de contratación, cando ao noso xuízo, ambas figuras (a presidencia da mesa e o responsábel deberían coincidir).

Como lle dixemos no seu día, saía máis barato privatizar o Goberno, incapaz de xerir o servizo, do que o proprio servizo… claro que este Goberno se callar xa é máis privado e privativo do que un conxunto de servidores públicos ligados polo compromiso de fideicomiso cos seus cidadáns. Ou por que non levaron isto no programa e incumpren todo o que levaron nel?

Mantemos o voto en contra xa emitido na CI.

 

Por parte do PP dise que se se vai á CI será para vir informados e non con retaílas para estar en contra do que se fai en Monforte, Saviñao, Sarria ou Ribadeo. O PSOE debería usar outro tipo de adxectivos e non insultar, Varela acúsaos de na CI afirmaren que é o que queren as traballadoras. Raquel tenta contestar. Varela dille que non o interrompa. Están aquí as traballadoras e van mellorar e é falso que non se reuniran con elas, tal e como recolleu a imprensa. Non van dar máis explicacións, traballan para os cidadáns. Manteñen o voto da CI.

Raquel intervén para acusar a Varela de terxiversar as súas palabras, na CI a pergunta era se todo ficaba como estaba como é que segue a greve das traballadoras do SAF. Varela aféalle que siga insultando, que por ese camiño o PSOE de Chantada vai moi ben.

A favor: PP (7).   En contra: Por Chantada e PSOE (6).

Neste momento sae a maior parte do público e comeza a manifestación do SAF nas rúas contiguas á sala de Plenos.

4.- Aprobación de facturas mediante recoñecemento extraxudicial de crédito (REC 01/2020) por importe de 74.378,83 69.978.63€. Expediente 42/2020.

Informe de fiscalización_OMISION DE FISCALIZACION 2020-0001 [OMISION FISCALIZACION FACTURAS REC 01-2020 OF 01-2020]

01 PROVIDENCIA APROBACION FACTURA

02 PROPUESTA RESOLUCION APROB FACT PLENO A FISCALIZAR

03 MEMORIA XUSTIFICATIVA

04 PROPUESTA APROB FACT PLENO

Raquel acusa a Varela de mentir na CI ao dicir que eran sancións da CH e resulta que son facturas. Varela deféndese dicindo que non dixo iso, entendería mal.

Prosegue o PSOE dicindo que son 70.000€ de gastos que non se planificaron. Constantemente ocorre isto e o Concello está submido nun caos absoluto. Reparos por fraccionamento de contratos supón estar no fío do arame con adxudicación continuas ás mesmas empresas.

Desde Por Chantada dise que non podía faltar á cita un REC, que totaliza desta volta 74.378,83€ (69.978,63€ en facturas mais 4.400,20€ en sancións da Confederación Hidrográfica, outro clásico). Veñen acompañadas dunha Omisión de fiscalización 1/2020, de 24 de xaneiro, da intervención municipal, para comezarmos ben o ano. Dinos ese documento que non existía crédito axeitado e suficiente para esas facturas e que se incumpriron varias disposicións da lexislación, como o RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno ou a LCSP. Existen mesmo 3 facturas emitidas por comunidades de bens que non poden contratar con entes públicos e outras que fan referencia a gastos recorrentes e que superaron o ano polo que se incumpre o deber de licitación con transparencia, igualdade e publicidade. Tamén nos di que existen facturas pendentes de tramitar que son anteriores ás que imos aprobar, incumpríndose a prelación de pagos.

Non sería especialmente grave se acontecese unha vez, mais esquecéronse de dicir na Memoria xustificativa REC 01/2020, de 24 de xaneiro, asinada polo alcalde, que isto non é excepción senón norma. E que o uso e abuso do contrato menor é un procedemento sui generis da súa xestión, a pesar dalgunha moción que lle temos traído, como a de febreiro de 2016, Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos do Concello de Chantada, nomeadamente no relativo á contratación e seguimento dos contratos menores. Folga dicer que se negaron a aprobala, como desouviron a nosa proposta máis recente, en 2019, de impulsar unha Central de Contratación Local.

Deberían lembrar tamén que a axilidade e eficiencia que invocan non pode contradicir as leis, pois vostede non é Luís XIV para dicer «L’Etat ce moi». Por exemplo, teñen a empresa que xere as RRSS 6 meses sen cobrar (parte vén agora a este REC 1/2020) e resulta que xa cando se contratou lle advertimos que era necesario facer unha licitación. Se iso é “eficiencia”… máis ben son probas continuadas e palpábeis da súa deficiente xestión.

Pola súa banda, o PP recoñece na figura de Manuel Varela que a oposición ten parte de razón. Porén, xa verán que difícil é gobernar cando lles toque. A plataforma de contratación do Estado mirárona, mais saia máis caro. En todo caso, eles están alegres porque aínda facendo REC non teñen que ir a operacións de crédito como en 2011. Non hai un millón de euros de débeda, iso era en 2018, agora case non hai a imprensa non pode mentir así. Sempre miran as melloras ofertas e peden 3 prezos para poupar aí cartos. Todos os subministradores baixaron os prezos porque pagamos máis ou menos ao día. Nas facturas do REC anterior había cousas do obradoiro de emprego e van solicitar outro e se houbese orzamento non o poderían contemplar aínda e terían que ir a unha modificación de crédito.

A favor: PP (7) En contra: Por Chantada e PSOE (6).

5.- Moción do grupo municipal socialista sobre servizos no rural. Expediente G-36/2020.

MOCION DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE SERVIZOS NO RURAL

Defende a moción do PSOE Raquel. Di que visa mellorar o rural. A primeira parte céntrase nos servizos básicos e urxentes (traídas de auga e saneamento). Case todo o rural sen elas. Problemas na época de seca.

Interrompe Varela (PP) para indicar que as traballadoras do SAF perderon a razón pola manifestación vergoñenta que están facendo. Outros sindicatos non defenden isto e dálle pena, vaia país que estamos criando. Acusa á oposición de alentar estas actitudes coas súas intervencións.

Continua Raquel. Non foron capaces de escoller unha parroquia, daí a súa proposta de comisión para facer baremos e reflectir nos orzamentos as máis urxentes. Os pontos 3º e 4º son menos urxentes. Trátase do convenio da FEGAMP e envexan a Sober polo proxecto de fibra óptica en todas as súas parroquias. Isto require anos, trataríase de sentar as bases.

Desde Por Chantada ven a moción interesante. No tema da auga existen numerosas problemáticas en diferentes lugares. Podemos cáseque dicer que non hai parroquia sen conflitos ou deficiencias na auga, porque cada vez fican menos viciños, a auga non se “busca” e o mantemento das traídas é insuficiente (ao tempo que aumentan as necesidades). Todo o noso apoio á creación desa comisión para o estudo das necesidades de cada parroquia en saneamento e auga. Cómpre lembrar que concellos con 500 ou 600 habitantes da provincia de Ourense levan 20 anos con saneamento integral e Chantada con máis de 8.000 habitantes ten o 90% do rural sen el, sen colectores do lixo para reciclar e con moitos lugares que no verao fican sen auga.

Tamén apoiamos a demanda de fibra óptica ao Goberno do Estado e á Xunta da Galiza, outro campo onde se manifesta a desigualdade e o abandono que padece o interior galego e que é fundamental para moitas empresas e explotacións, cada vez máis. O problema é que a fibra óptica para os lugares do noso Concello sería unha millonada e temémonos que o rural ficaría novamente cun servizo de terceira ou cuarta categoría. En Laponia foi a propria comunidade a que puxo a fibra óptica con fondos europeos.

O máis factíbel é estudar fórmulas para que o Concello poida ter unha conexión óptima e de balde e que a espalle ao rural, mais para iso é necesario dotármonos de nodos e infraestrutura. Este debería ser o camiño e a dirección na que traballar. Poden consultar con Xinzo de Limia, que puxo tiradas de fibra óptica municipal.

A Mancomunidade de Santa Águeda (San Amaro, Coles, Vilamarín etc.) ten pontos de graza e de balde nos concellos. No Macizo Central, dez concellos, van pór a Internet de balde por apenas 3.000€ cada un, para un proxecto semellante que financia 90% o GDR. Aquí, en Chantada, levamos anos sen ver un peso do GDR porque este rexeita proxectos deficientes e pouco interesantes.

No que discordamos, pois, desta moción é no convenio entre AMTEGA e a FEGAMP. En primeiro lugar, porque existen outras alternativas a estudar. Por exemplo, o Proxecto Guifi.net, que surxiu en Catalunya e outorga banda ancha a prezos irrisorios con nodos funcionando no Courel ou en Sarria xa (o custe por utente e ano é sobre 70-90€) e máis de 100.000 utentes no Estado. É unha rede libre e aberta toda vez nos dotemos da infraestrutura. En Euskadi, concellos de Bildu, contan con rede de balde para todos os empadronados e un informático que xestiona a rede e nas horas que lle sobran traballa para o Concello. O prezo son 10€ por utente. Aquí, neste Concello, temos un informático e facemos contratacións externas para calquera reparación e mantemento de computadores. Algo falla… mais para chegar a iso primeiro traballaron, insisto, en dotarse da infraestrutura certa para a súa orografía e necesidades reais.

O convenio da FEGAMP é unha chapuza porque non ten en conta a cobertura, por non falar que o prazo remata esta semana e se atenderán as demandas por orde de chegada (coma sempre imos tarde). Exixiríannos dúas cousas para que sexa a rede de balde para o Concello: informar dalgunha aldea sen cobertura de nengún tipo na actualidade e ceder 10 m2 de finca para a torre de celosía, que instala RTGAL, empresa pública. Onde temos esa finca en tan pouco tempo e ben ubicada? A Xunta dá, como máximo, 30.000€ para a acometida eléctrica, xa que os emprazamentos ideais distan normalmente do subministro.

Tampouco indican que compañía vai dar o servizo, xa que sae a concurso a posteriori. Pode resultar enton que a empresa X teña pouca rede de cobertura no noso ámbito e non solvente para nada as nosas necesidades.

É máis, vendo o convenio temos claro que isto non vai solucionar nada e temos que buscarnos a vida con iniciativas e medidas máis audaces. Claro que nengunha delas está na axenda deste goberno… De todas formas a torre de celosía si sería una boa adquisición que permitiría, ao ser do Concello, impulsar unha radio local e outros usos, aínda que non nos solventase a problemática da Internet.

O PP di que lle parece ben a moción e que na CI de urbanismo poden estudar isto conxuntamente cos orzamentos. O 50% do canon enerxético estaba previsto para saneamento e o resto para outras cousas necesarias no Concello, mais non se fixo así. O GDR investiu no centro de día máis de 200.000€ e este ano 180.000€ en Palas, non todos os anos vai levar Chantada partidas, sobretudo lévaas para servizos sociais. Insta a reunirse antes dos orzamentos e estudar as cantidades a destinar. Tamén fala de traer a auga desde o Faro, que sería un investimento importante e necesario, ora é inviábel atender 300 núcleos sen saneamento habitados. Rexeitan a moción, mais estudarán as necesidades.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

6.- Moción de Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego. Expediente G-36/2020.

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP por uns servizos sanitarios dignos para o interior galego.

Defende a moción de Por Chantada Antom Fente que le os acordos e fai unha síntese da exposición de motivos e as iniciativas que leva desenvolvendo Por Chantada neste eido.

Raquel (PSOE) di que nos últimos anos o PP leva atacando moito a sanidade pública, que se está desmantelando e o tema da pediatría tócalle a Chantada en primeira liña. A política debe buscar solucións: ambulancias, listaxes de agarda etc. Monforte pode ser o seguinte, como xa se indicou na defensa da moción. En Verín rectificouse pola presión popular, mais lamentábel ouvir que <<un parto non é un infarto>>. Apoian a moción na defensa da sanidade pública e as manifestacións.

O PP, por medio de Varela, di que receben mocións do PP e que non as traen ao Pleno. A moción anterior atinxe a Chantada, esta non. Sobre as transferencias de capital aos concellos a infección vén de atrás, xa que o Goberno central non financia ben as CCAA e a Deputación de Lugo está discriminada pola extensión, 92.000 millóns fronte os 160 millóns da Cruña. Lévano defendendo na FEGAMP, mais non os atenden. A ver se o defende tamén no Senado. O tema de Verín correxirase e espera que non volva ocorrer. Non hai cartos. Que loite o PSOE agora que está en Madrid. O tema da dependencia non se dotou de forma suficiente. A CCAA paga 9’70€, o utente 2€ e até os 17-18 hora ten que pagalo o Concello sen receber máis do 13% dos fondos do Estado. Que suban até o 25%. Lamenta moito e na situación que está agora terá que berrar con estas cuestións, mais vir ao Concello dicir que hai que facer cousas cando pagamos impostos coma todos e logo pagamos máis pola porta de atrás, pagamos duplamente. Sobre Portugal e o hospital privado de Chaves tiñan que ir a Porto ou a Verín por cobertura europea. En Portugal fano ben actualmente, mais o norte está abandonado.

A favor: Por Chantada e PSOE (6). En contra: PP (7).

7.- Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono. Expediente G-36/2020.

Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono

Por parte de Por Chantada defende a moción Antom Fente expondo os acordos e sintetizando a exposición de motivos. Acéitase a emenda do PSOE.

Desde o PSOE intervén Daniel. En primeiro lugar para indicar que as traballadoras do SAF están defendendo os seus direitos. Vostedes que son tan constitucionalistas respeiten ese direito, espétalle ao PP.

Varela (PP) indica que teñen direito da subdelegación do goberno, mais xa pasan da hora e non lle vai dar leicións de ética e respeito o PSOE. Pédelle a Daniel que se limite ao ponto a tratar.

Volve intervir o PSOE. A moción parécelles oportuna polo momento en que vivemos. Cada día que pasa é unha batalla perdida e condenan as voces negacionistas da ultradireita e a direita dócil como Rajoy que mencionaba un curmán seu.  O novo Goberno estatal do PSOE ten como ponto nuclear a loita contra a mudanza climática na figura da vicepresidencia de transición ecolóxica e aprobouse a declaración de emerxencia climática e púxose enriba da mesa facer unha lei de mudanza climática en 100 días. Desde o PSOE están de acordo coa moción: emerxencia climática, fixación de carbono, medicións e debe ser tamén autonómico ao ter a Xunta as competencias exclusivas en ordenación do territorio, mais ao PP dálle igual isto, polo que agarda que se produza o cambio na Xunta. As ECV provocan sombras e mais humidade e deterioros, xiadas, caída da folla, raíces… problemas que cumpre ter en conta na elaboración do protocolo. Ofrece colaboración para facelo. O PSOE apresenta unha emenda de engádega que pasaría ao ponto 4º sobre eficiencia enerxética nos edificios públicos e para novos edificios. A construción ten unha grande pegada de carbono e espallalo a outras administracións veno ben.

O PP di que rexeita a moción. Participou como alcalde das xornadas sobre mudanza climática na Consellaría de Medio Ambiente até 2030. Desde Chantada non lle imos dirixirnos a todas as administracións. Teñen axudas de 200.000€ do Ministerio para substitución de luminarias na Avenida de Monforte con 55% de poupanza; en Uxío Novoneyra tamén novo alumeado con 75% de poupanza… Traballar todo o que pede a moción requeriría destinar todo o persoal do Concello a isto e teñen outras prioridades. Ir facendo na medida do posíbel.

A pesar do anterior, na votación – imaxinamos que por erro- a moción apróbase:

Votación moción con emenda: unanimidade.

Votación moción sen emenda: a favor Por Chantada e PSOE (6) e en contra PP (7).

8.- Mocións e asuntos de urxencia.

8.1.- Modificación orzamentar 03/2020 mediante crédito extraordinario 01/2020 de 550.000€.

Intervén Fente (Por Chantada) para pedir a explicación da urxencia, xa que é algo que <<non decidirían hoxe pola mañá ao levantarse estupendos>>.

O PP explica que a urxencia é porque aínda hoxe receberan unha das dúas ofertas dos dous edificios que se queren mercar. Defende Varela que é un tema sinxelo e tiñan intención de mercar estas casas na zona antiga desde hai tempo. A antiga Academia queren comunicala co actual Concello cun corredor e a outra para albergar biblioteca e arquivo como é debido, que o actual está nunha situación perigosísima cada vez que hai que ir buscar algo. Facer un estudo para albergar todos os servizos do Concello. Amais, hai departamentos da Xunta esperanto por estudos detallados para investir, xa que en Chantada hai moito que non se investe en edificios desta índole e están na mellor disposición de acceder a isto.

Fente pregunta que edificios son e Manuel Diéguez di que son a antiga Academia e o inmóbel onde estaba o antigo Pub Boys, o nº6 da Rúa Formoso Lamas.

Votación da urxencia: a favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Varela (PP) indica que este diñeiro que se pede se o RTGX axuda xa se solventaría en 2020 e se non en 5 anos, a razón de 50.000 anos cada 6 meses e cun ano de carencia.

O PSOE critica novamente que a documentación sexa insuficiente e se remitira o mesmo día do Pleno. Xa na CI meteron ponto por urxencia e non mandaron a documentación. Tampouco receberan as XGL.

A secretaria di que pensa que se mandaron. Fente di que de novembro non teñen e Daniel di que están na sede electrónica. A secretaria di que pediu expresamente que se eneviaran, que a ela é imposíbel.

Varela (PP) di que eles non se meten niso, que é cousa de Secretaría, que chamen desde o PSOE por telefone ao Concello e se informen. Que se alguén lles nega información que llo digan.

Raquel (PSOE) defende que para operacións desta índole o orzamento debería estar aprobado e sería bon telo para isto.

Varela explica que é compromiso, polo que 2020 sería o ano de carencia e, ao mellor, ao rematar o ano de carencia xa se amortiza; non afecta ao orzamento, nen este é a panacea. O orzamento de 2019 que teñen prorrogado non é tan desastroso e Pedro Sánchez aínda traballa con orzamento de Mariano Rajoy e o deste ano a ver se ben para xuño, que é difícil, canto mellor o fagan mellor para todos.

Raquel di que compadece a Sánchez por seguir cun orzamento do PP, mais el non ten maioría absoluta como o PP en Chantada. O PSOE di que é boa idea a compra, mais non viron a documentación en tempo ao remitírselle na mesma mañá do Pleno en horario laboral.

Varela di que houbo reunión no Concello e que a da Academia chegou antonte e a outra xa a tiñan e prepararon expediente Secretaría e Intervención, que el até non estaba. Gostaríalle facere isto por unanimidade, xa que é algo para todos os cidadáns e para as sucesivas corporacións que veñan. Poden dar ideas desde a oposición. O Concello está nunha situación que podería pedir 2-3 millóns de euros de crédito, xa que a capacidade do Concello é absoluta.

Raquel insiste en que lles parece ben a compra, como sempre dixeron, mais precísase ver a documentación e non tiveron tempo material. Abstención, aínda que segura de que a compra sexa boa deben ler os informes.

Varela di que leu a documentación hoxe pola tarde, que é un expediente fácil de ler.

Fente (Por Chantada) parécenlle ben os edificos. Certa incidencia non ter o orzamento. Contraditorio dicir que non hai débeda e remanente e logo ir a crédito. A urxencia polas eleicións autonómicas para receber axudas.

Varela di que hai boa predisposición da Xunta, por aí vai ben non é por votos. Diéguez que había predentes.

Fente indica que van dar un voto de confianza polo tema da biblioteca e da accesibilidade. Non gostaron das formas, que leva a receos e a desconfianzas.

Hai que pensar en ubicar aí os sindicatos e tirar o edificio da Praza da Galiza. Vaian pensando niso, gostaríalles ver tirada aquela casa.

Fente recalca que un dos edificios en todo caso vai ser para biblioteca e arquivos.

Varela di que si, que son sobre 680 m2 en total. O do Boys 280.000€ o resto para a Academia.

A favor: Por Chantada e PP (9). Abstención: 4 PSOE.

Sobre este ponto queremos lembrar o ponto 15.7 do noso programa, do seguinte teor: <<Adquisición de edificios contiguos á Casa Consistorial para mellorar a accesibilidade e construír unha nova biblioteca>>.

PARTE DE CONTROLO DA XESTIÓN.

9.- Dación de conta de resolucións da alcaldía (Decretos 544/2019 a 47/2020).

10.- Rogos e pergunta.

10.1.- Rogos e perguntas PSOE.

(vid. audio)

10.2.- Rogos e perguntas Por Chantada.

I.- Indicacións a cuestións formuladas con anterioridade.

1.1.- Axudas ao transporte. Rogo para incrementar contías caso haxa poucas solicitudes e evitar os excesivos remanentes que están ficando nesta partida. A concelleira Concepción indica que así farán na seguinte anualidade, mais que non lle deu tempo aínda ao acabara de incorporarse en maio.

1.2.- Lama das Quendas. Pontoalízase que, tendo falado coa asociación, o que pede esta é insonorizar os locais. Contesta Manuel Varela que se vai adquirir un aparato para realizar as medicións de ruídos.

II.- Subvencións.

2.1- Resolución do 19 de novembro de 2019 pola que se estabelecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TU501B).

Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? Pamela contesta que si, que van facer máis un mirador, neste caso en Tarrio. Fente retruca que máis un mirador… que logo hai que mantelos.

2.2.- Para actuacións de mellora paisaxística e de mellora de bens e recursos que se encontren no Camiño de Santiago (DOG, nº 229, terza feira 2 de decembro do 2019). Acolleuse o Concello a esta liña de axudas (remataba o prazo o 2/01/2020) de até 15.000€ para Concellos e 10.000€ pra persoas físicas ou xurídicas privadas (75%)? Diego Otero indica que se gastará no Casco antigo para substituír placas co nome das rúas que aínda non están en galego e unhas letras de “Chantada” para que os visitantes podan fotografarse diante da Casa da cultura. Están estudando a peonalización.

2.3.- Para rehabilitar e reformar mercados municipais e prazas de abastos (DOG, 21/01/2020, 45 días para facer a solicitude e fondos FEADER, PDR). Acolleuse o goberno a esta resolución? Con que proxecto? A concelleira Pamela non ve a idoneidade de acollerse a esta resolución. Queren reorganizar a praza e apagar barreiras arquitectónicas. Pór queixos, viños e produtos locais para dinamizala. Porén, este ano correspondería facer a ordenación e logo pedir subvencións.

III.- Medio rural.

3.1- Rexistros e canalización de auga no lugar de Uriz.

Xa trouxemos hai medio ano aquí a cuestión da canalización de Uriz, producíndose inundacións pola falta de limpeza dos rexistros dadas as abundantes choivas. Rogámoslle novamente que o goberno teña en conta a situación e proceda a súa limpeza, que debería incluír a limpeza desde o manancial para asegurar tamén a existencia de auga no verao.

3.2.- Sinalización estrada San Lucas-Limiñón.

Colocáronse algúns indicadores recentemente, foi o Concello ou son privados? Manuel Varela indica que son de natureza privada.

IV.- Seguranza vial e infraestruturas.

4.1.- Fochancas na Cruz en Barrio.

Rogamos o arranxo de fochancas de dimensións considerábeis na cruz , no acceso a Barrio (parroquia de Muradelle).

4.2.- Pista de Pesqueiras-Airoá-Soilán.

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.3.- Camporramiro-Polígono (a que pasa por Señorín).

Rogamos o arranxo da mesma dado o seu estado.

4.4.- Pista Río Pedroso até O Romeo.

Arranxada hai pouco xa volve ter fochancas, polo que rogamos se tomen medidas. Manuel Varela di que no cruce, polo peso do tránsito é incorrexíbel.

4.5.- Pistas da Deputación LU-P-1807 na parroquia de Brigos (Congostra Fonda e entrada a Eiriz) e LU-P-1805 (entre o Solar e Vilar de Eiriz).

Rogamos se demande á Deputación o seu arranxo, xa que hai fochancas considerábeis neses trechos da estrada e mesmo se produciron pinchazos en rodas. O PP non contesta. Os concelleiros do PSOE toman nota.

4.6.- N-540.

Apresenta importantes fochancas xa, precisamente na zona do Polígono. Rogamos que se actúe e non se volva a agardar a que estexa intransitábel para reaxir.

4.7.- Talude en Doutor Fleming.

Rogamos a rehabilitación do mesmo.

4.8.- Canto da rúa dos Pilos coa Alameda.

Non hai paseo (beirarrúa) e a vexetación da sebe entra na rúa. Rogamos que se actúe. O proprietario ten algún ao cargo do mantemento, mais deixou a poda ciscada.

4.9.- Pista de Fornas.

Comezaron os arranxos da pista de Fornas para a que se recebeu unha subvención da Xunta da Galiza segundo informou o alcalde nunha CI? Varela contesta que falou con Infraestruturas nesta semana e que, cando o tempo o permita, comezarán as obras con aglomerado en quente.

4.10.- Pista Surribas- Quinzán da Vila até o rego do Caño do muíño.

Solicítase o seu arranxo encontrándose nun estado de deterioro total.

V.- Educación.

5.1- Prescolar na casa.

Durante a pasada lexislatura, tanto sendo concelleiro educación Castor Novoa canto sendo Diego Otero, desenvolveuse o programa de Prescolar na casa. Para o mesmo o Concello outorgaba apenas unha achega de 1.300€ e a cesión dun local. No entanto, este curso aínda non se encontra operativo e, desde a asociación Antonio Gandoy, confirmáronnos que a nova concelleira non está polo labor de facer unha achega económica, aínda cando existen numerosas familias interesadas na súa existencia. Contestouse á solicitude de local formulada en 27/12/2020 en sentido negativo e sen dar alternativas e aínda o día 21/01/2020 receberan a notificación de cesión de local para xuntanza… celebrada en decembro!

  • Por que, de repente, se segue o mesmo goberno se están pondo tantos problemas con este servizo que contribúe á crianza e á conciliación e ten demanda por parte das familias?

  • Van ceder o local para que podamos ter no Concello de Chantada este servizo que contribúe para a crianza activa e a conciliación?

  • Que día e en que horario?

A concelleira Concepción di que a estas perguntas contestará noutro momento, que apostan polo público. Fente lémbralle a moción do pasado Pleno sobre a escola infantil que rexeitaron. Ao rematar o Pleno explícasenos que se quere implementar o Plano madruga e que, portanto, non acreditan que o axeitado sexa prescolar na casa e que o Telecentro tampouco é axeitado.

VI.- Patrimonio e cultura.

6.1.- Entroido ribeirao.

Declarado o Entroido Ribeirao BIC, resiste no Moredo e en Santiago de Riba, cando non fai tanto que se espallaba por Líncora, Vilauxe, A Sariña ou Nogueira. A asociación está facendo un traballo inxente e o día 9 de febreiro numerosos entroidos da Galiza visitarán a vila de Chantada. Coidamos desde o noso grupo que xa non sabemos como rogarlles que arranxen a casa escola do Moredo e o campo, así como incremente a subvención nominativa ao noso maior elemento elemento do patrimonio inmaterial xunto coa lingua e o Folión de carros.

Indícase que neste ano se vai substituír a varanda e Manuel Diéguez di que teñen compromiso de corrixir a situación e incrementar o apoio á Asociación do Entroido Ribeirao.

VII.- Medio ambiente.

7.1.- Colectores soterrados da rúa Nova.

O seu estado é deplorábel e dá má sensación nunha das entradas ao casco antigo e nunha das principais rúas da vila. Cando menos, rogamos que se baleiren.

7.2.- Decreto 615/2019 de 31 de decembro, devolución 9.971.72€ da anualidade 2018 por importe non xustificado da Rede Natura.

Os fondos da Rede Natura, outorgados pola Consellaría de Medio Ambiente, territorio e vivenda, non son suficientes para a xerir correctamente estes espazos e involucrar as poboacións locais. No entanto, sorprende que o Concello de Chantada perdese case 10.000€ por non xustificar o importe. Poden explicar isto? Varela indica que a tardanza dalgúns informes necesarios dalgúns departamentos atrasa todo e xa se queixaron na Xunta de Cultura, Patrimonio e da Confederación Hidrográfica. É imposíbel cumprir así os prazos e, para o rexedor, eran mellor transferencias directas aos concellos. Varela contesta que tiveron que readaptar cartos do Plano Único de Mondín porque a Confederación Hidrográfica exixe abastecemento de auga e complica todo para o arranxo da casa da escola. Acreditan pozo de 50 anos, mais non lles vale, e a concesión tarda un ano.

VIII.- Urbanismo.

8.1.- Decreto 578/2019, do 4 de decembro.

Polo mesmo, déixase sen efeito a encomenda fixada na resolución da alcaldía 509/2019, de 7 de novembro, e efectuase unha nova encomenda da defensa e representación do Concello de Chantada no Procedemento abreviado 331/2019 do Contencioso-administrativo, nº2 de Lugo a instancias de PRONOR Chantada S.L., a favor dos letrados da Asesoría Xurídica da Deputación Provincial. Non pasaba nada por darnos a razón no pasado Pleno de novembro cando lle advertimos que estaban cometendo unha ilegalidade e lembrámoslle que a lexislación non permite que cargos eleitos contraten a familiares directos en nengunha modalidadeNon se contesta.

8.2.- MP con ordenación detallada do PXOU en Pousada (Convenio urbanístico de planeamento coa mercantil Mirta Properties S.L.U.).

Mediante Decreto 639/2019 de 20 de decembro dáse trámite de audiencia aos titulares cadastrais afectados, total ou parcialmente, pola área de afección da MP en cumprimento do artigo 401 do Regulamento da Lei do Solo da Galiza (Decreto 143/206, de 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo da Galiza). No entanto o prazo fixado para alegacións ou adhesións ao convenio, 15 días, e a circunstancia de que rematase o mesmo día da reunión informativa (10 de xaneiro) invalidan o procedemento, xa que primeiro debe informarse axeitadamente e logo dar o prazo para formular alegación, se for o caso.

  • Vai o Goberno municipal convocar un novo prazo de alegacións, xa que mesmo a empresa redactora da MP recoñeceu que este procedemento era irregular? Varela di que as alegacións son despois e que só son 3 os afectados. Pode alegar calquera cidadán de Chantada.

  • Non debería na reunión informativa informar sobre Plano de como fica cada parcela e se hai mudanza do solo, posibilidade de expropriación etc.?

  • Rogamos que se poña solución a estas deficiencias e se abra un novo período de alegacións e información que siga os procedementos legais estabelecidos.

Varela di que só houbo perguntas dos concelleiros do PSOE e que noutros sitios non se informa os viciños. Neste momento sen coñecemento que se vai alegar?

Manuel Varela e o PP queren privarizar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)

Existe unanimidade en Chantada sobre o bon facer das traballadoras e traballadores do SAF, así como do seu grande labor. Este servizo, actualmente público, é esencial ao axudar e coidar a persoas maiores que viven soas nas súas casas. Doutro xeito, moitas destas persoas, nomeadamente no rural, veríanse imposibilitadas para seguir vivendo nas súas casas e/ou sen recursos para contratar a prezos de mercado un servizo análogo (as pensións na provincia de Lugo están 400€/mes por baixo da media estatal!). Tamén é un servizo esencial para as familias con maiores que precisan axuda no eido dos coidados.

Porén, sen levar iso no seu programa e non tendo cumprido aínda nada do mesmo, Manuel Varela e o actual PP de Chantada queren deteriorar e privatizar o SAF do que só lle parece interesar o rédito eleitoral. Así as cousas, esta quinta feira, tres de outubro, traen ao Pleno o comezo do proceso de privatización, cunha valoración que só ten en conta o IPC e non a realidade do custo para a cidadanía dun servizo privado.

👉🏼 As traballadoras municipais do SAF de Chantada cobran por baixo do convenio autonómico (-20%) e están gañándolle todos os xuízos laborais ao Concello.

👉🏼 O custe do Servizo de Axuda no Fogar para todos subiría 60% (vía impostos), como pasou nos dous primeiros anos en Monforte, xeraría conflitos laborais (Outeiro de Rei) ou minguaría o tempo de prestación real nos fogares (no Saviñao pasou de 60 a 45 minutos para cargar con máis usuarios ás traballadoras).

👉🏼 O problema non está nas traballadoras, senón na absolutamente neglixente xestión do servizo que fai o Goberno Local de Chantada de Manel Varela. Non o dicimos nós, testemúñao a Intervención Municipal: Reparo 14/2019 de 9 de abril, Omisión de fiscalización 10/2019 de 22 de abril, Omisión de fiscalización 7/2019 de 3 de abril ou Fiscalización de Intervención 228/2018, de 18 de decembro con Reparo 96/2018. Nun deses informes a Intervención asevera, no tocante á contratación externa dunha empresa: «cabe sinalar a gravidade da contratación, xa que se repite ao longo do tempo, non se solicita a existencia de crédito adecuado e suficiente, e descoñécese o custo das horas e o importe das contratacións efectuadas.». Consecuencia: atrasos de meses nos pagos por parte do Concello a AFA e, como consecuencia, as traballadoras externas de AFA Chantada, que cobren baixas e ferias das traballadoras municipais, sen cobrar (nalgúns fogares é o único salario que entra cada mes).

👉🏼 Dada a situación explosiva creada pola incompetencia do Goberno este fai un duplo anuncio: a privatización do SAF e a contratación dunha nova empresa até decembro, Asanis Galicia, para baixas e vacacións e que se fará cargo das traballadoras actuais de AFA Chantada. O contrato non foi público nin licitado polo que, por montante e procedemento, pode contravir a Lei de Contratos do Sector Público, no sentido que xa ten indicado a Intervención municipal.

👉🏼 As traballadoras externas, agora Asanis Galicia, van ter unhas condicións laborais que non só as prexudican a elas, mais tamén degradan o servizo e aumentan a precariedade e a explotación laboral:

👉🏼 os km ao primeiro fogar non se cobran.

👉🏼 o tempo de fogar a fogar non computa como traballado

Son estas as condicións que queren impor ás traballadoras públicas mediante a privatización do SAF? E isto só é o comezo…

Dende Por Chantada manifestamos a nosa total solidariedade cun colectivo maioritariamente feminino e xa moi castigado (funcións impropias, falta de apoio, ausencia de tabelas laborais en tempo e forma…).

A Aposta Segura de Manuel Varela era esta? Lonxe de cumprir o seu programa eleitoral e atender ás necesidades da viciñanza xeran novos problemas para non facer o seu cometido: gobernar e xestionar. Non sería máis doado privatizar o Goberno?

#StoPPrivatización #ServizosPúblicos #DefenderAmaioría #ConstruírFuturo

Cartaces en PDF para difundir: Cartaces #StoPPrivatización SAF