Por Chantada apresentou alegacións ao Real Decreto sobre nutrición do solo.

 

 

 

Preme aquí para veres o documento íntegro das alegacións de Por Chantada.

 

 

O rascuño de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios (RD) impulsado polo Goberno do Estado esquece máis unha vez a realidade galega e atenta contra todos os sectores agrarios e gandeiros que apostan por modelos sustentábeis polo que, de non atender ás modificacións propostas, terá o efeito contrario aos obxectivos que, teoricamente, procura.

Neste sentido, Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular formulou 40 alegacións ao documento e vindicamos novamente normas legais e unha PAC axeitadas para a Galiza e o noso sector primario, fundamental para a comarca de Chantada, que se vería especialmente castigada polas disposicións do RD. Se non se revisa o rascuño inicial no sentido proposto será letal para as pequenas e medianas exploracións galegas, que son a maioría, e atinxe a todos os sectores: o vacún, a carne, o vitícola, o froiteiro, a horta ou o florestal. Todos estes sectores foron defendidos nas nosas alegacións.

A pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias, nomeadamente o sector porcino polo lobbing das organizacións estatais, para alén de impulsar a venda de maquinaria agrícola e a venda de adubos sintéticos moito máis contaminantes. É o mundo ao revés e, coma sempre, esquécese á maioría social que resiste no medio rural producindo.

 

Inxectores de xurro e obrigas burocráticas.

Embora na imprensa o pouco que trascendeu do RD foi a necesidade de inxectores de xurros, resulta que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. Moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco obviando o sistema tradicional galego de muricos que actúa como semicompostaxe e con nulo impacto ambiental, inspeccións de equipas, planos de adubado etc. Estas medidas van atinxir de cheo a todo o sector primario: desde unha pequena horta ou viñedo até calquera cultivo froiteiro ou florestal.

No caso de Chantada, con titulares de elevada idade, é totalmente surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación e favorecería, por un lado, o abandono, e, por outro lado, o uso de adubos sintéticos que contaminan acuíferos.

 

Non se estabelece a diferenza entre esterco e xurro.

De feito, o RD é tan incompleto e nefasto que non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo, pola mineralización máis lenta e o favorecemento da microbioloxía etc. É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Tampouco se teñen en conta as características edafoclimáticas da Galiza como se todo o Estado tivese un único tipo de solo e clima e considerando igual unha granxa isolada na montaña do que miles de exploracións concentradas.

 

O eucalipto trátase como SAU.

Outra barbaridade é considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Entre o ano 1985 e 2005 na Galiza 43% da superficie agraria mudou de uso e representa xa menos da cuarta parte da superficie total da Galiza, a metade que na UE, e a perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has. As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio, das cales 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie florestal que ten xa hoxe a Galiza a respeito do seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia. En síntese, a menor SAU maior despoboamento e piores condicións para producir alimentos de calidade e sustentábeis no rural en canto os usos alternativos para esa SAU que se perde son incumpatíbeis cun interior galego vivo. O RD acelera a conversión do interior galego nunha Laponia sen renos nen nenos.

 

Impón a necesidade de asesoramento externo.

No tocante a outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas sen reparar na extensión da exploración, na súa natureza (autoconsumo ou venda maciza) e no uso de adubos da propria granxa ou non. Para máis Inri, fica a porta aberta a que os asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.

 

Impúlsase o uso de lodos de depuradora, refugallos da agroindustria e até residuos plásticos na produción de alimentos.

A realidade supera a ficción. Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica. O RD mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material, un atentado á saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios. Os cidadáns non merecemos gobernos que poñan por cima da nosa saúde e benestar os intereses da agroindustria.

De por parte, os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA.

 

Despropósito nas medicións GEI e no tratamento da agricultura ecolóxica.

Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza. Indícanse 0 horas (si o horas!) de pastoreo cando 61,2 % das granxas galegas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas). Amais, en nengún momento se fala dos pastos permanentes, a pesar de seren sistemas de produción máis extensivos e sustentábeis que reducen os gases de efeito estufa (GEI) e crian un solo vivo. Contrasta este maltrato á agricultura ecolóxica coa ausencia de regulación da gandaría intesiva sen base territorial e moito menos se potencia a soberanía alimentar e os alimentos quilómetro 0.

 

Síntese das nosas alternativas.

Así as cousas, Por Chantada defende:

  • Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
  • Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
  • Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.