Por Chantada-CUP apresenta alegacións ao Expediente de vertido de augas residuais no río enviande e aos suplementos de créditos cos que se quere facer pagar ao concello sen dilucidar as pertinentes responsabilidades

logo-por-chantada

 

No día de hoxe, 19 de decembro de 2016, o Grupo Municipal Por Chantada-CUP vén de apresentar dúas alegacións no concello de Chantada que quere dar a coñecer e cuxo coñecemento entendemos que é importante sexa de libre acceso para que os cidadáns podan ter unha análise rigorosa para conformar a súa opinión sobre os asuntos públicos.

A primeira delas é un documento de 13 páxinas que recolle as Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande. Antes de máis queremos agraceder a confianza e o apoio da entidade viciñal na defensa do patrimonio natural de todas e todos, non só da viciñanza da parroquia de Arcos. Pola nosa banda, xa anunciaramos que iamos estudar o expediente e apresentar, se procedía, alegacións, perplexos perante a deixadez do Goberno local (as súas razóns terán opostas polo que se ve a velar polos intereses xerais). A seguir, indicar que o documento, pode leerse integramente nesta entrada, consta dunha exposición inicial dos motivos que nos levan a apresentar estas alegacións (pp. 1-5), continuando por 7 alegacións onde detallamos os principais aspectos do proxecto e do vertido que pomos en causa (pp. 5-12) e, por último, unha solicitude composta de 5 pontos (pp. 12-13).

 

O segundo documento é a Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016 onde explicamos todo o proceso desde o comezo, adxuntamos boa parte da documentación e, entre outras moitas cuestións, sinalamos as irregularidades que, ao entender do noso grupo e fundamentándonos no ordenamento xurídico vixente, existen en todo o proceso: máis de 600.000 euros en obras fraccionadas en contratos menores contratadas verbalmente e a dedo sen proxecto nin consignación orzamentar, prescindindo (tal e como recoñeceu o concello ao declarar a nulidade dos actos) total e absolutamente do procedemento. Consta de 20 páxinas que constitúen un completo dossier sobre todo o proceso mediante o cal procuramos informar á opinión pública ao tempo que evitar que o concello perda nin un só euro por malas praxes e/ou actuacións irregulares.

Todas estas cuestións achamos que poden levar aparelladas responsabilidades patrimoniais e xurídicas que deberán ser esclarecidas a fondo, xa non só polo Concello de oficio senón polo Consello de Contas, entre outros. O que non se pode, desde logo, é “cargarlle o morto” á Facenda local a través dun pleno extraordinario urxente sen entregar a documentación en tempo e forma e sen xustificar a urxencia no momento da convocatoria, aspectos que tamén nos levaron en días pasados a formular unha reclamación.

No caso deste segundo documento, o proceso segue en andamento e non descartamos ningunha actuación para defender os intereses de todas e todos.

CONFIRA OS DOCUMENTOS (PDF):

Reclamación en trámite de exposición pública de expedientes de Suplemento de Crédito 02/2016 e 03/2016

Alegacións de Por Chantada-CUP e Asociación de Viciños Torre de Arcos ao “Expediente de vequido de augas residuais e obras en dominio público hidráulico” no río Enviande

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

stopfeminicidios

 

Concello de Chantada: dous soldos ningunha dedicación

logo-por-chantada

A realidade, teimuda, volve demostrar que de pouco serven dúas dedicacións en Chantada cando non se vela e se loita por cousas elementais. O enésimo exemplo é o relacionado co anuncio do BOP nº 247 do día 27 de novembro de 2016 (páxinas 11-12). No mesmo anúnciase a creación dunha EDAR que vai verter 20.183 metros cúbicos de “augas residuais industriais e de escorrentía” por parte da empresa Lácteos Casa Macán S.L.

Vaia por diante que o desenvolvemento no rural é vital para fixarmos poboación e tamén a súa transformación, xerando valor engadido dos nosos excelentes produtos algo que debería guiar  a acción das políticas públicas, aínda que estea lonxe de ser así na actualidade. Ora, estas grandes liñas que deben fomentar as institucións deben facerse de acordo coa legalidade e os concellos deben velar por un desenvolvemento harmonioso onde se teñan todas as garantías de que o futuro, a calidade ambiental e os dereitos de todas as persoas se respectan. Como é público a empresa no seu día foi condenada por vertidos ilegais que mataron vacas e árbores e produciron transtornos á viciñanza polo que, pese a mudar de propietario agora, as institucións deberían estar se cabe máis vixilantes (La Voz de Galicia 26/04/2014).

Aínda que as instalacións do vertido se ubican en Taboada, o vertido ao Ponte Enviande (no BOP hai un erro) prodúcese xa en Chantada e, a pesar disto, o proxecto non se encontra para a súa consulta e alegacións no concello de Chantada. Inta non elevou ningunha queixa ou informe estudando o proxecto, malia que vai afectar a parrroquias do noso concello ao producirse en límite de finca do concello de Taboada (polígono 109, parcela 88)  cunha parcela do concello de Chantada (polígono 11, parcela 12) ao outro lado do río e afectando de cheo a parroquias do termo municipal chantadino (véxase o punteiro do rato):

img-20161124-wa0006

O alcalde de Taboada tranquilizou aos seus viciños en Televinte, do concello de Chantada nada se sabe nin se molestaron a pedir e consultar o proxecto como si fixemos desde Por Chantada-CUP. O 25 de novembro, a requerimento deste grupo, enviáronnos desde o concello de Chantada a única documentación que teñen sobre este expediente e que debe exporse no taboleiro de anuncios non contemplando adoptar ningunha medida (documentacion-expediente-chantada), extremos que agardamos se corrixan toda vez que o prazo foi aumentado (polo erro de contido no BOP que xa citamos antes).

O Enviande nace na Serra do Faro, na Rede Natura, e desemboca no anegado Castro Candaz, cun alto valor paisaxístico e ecológico dada a súa biodiversidade e riqueza piscícola: oucas, árbores, troitas… O inventario de humidais da Galiza identifica 5 humidais de interese só no concello de Chantada figurando no mapa dos humidais da Galiza o alto de San Roque que atinxe ao río Enviande co código 11201351. Estamos falando, pois, dunha área de altísimo valor ambiental, paisaxístico e ecolóxico que merece todo o rigor e atención, tamén porque é unha área prioritaria de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local de especies de aves e como área de distribución potencial do sapoconcho común (Emys orbicularis L.) e considerarase tamén en casos como o que nos ocupa  o disposto no artigo 6.2 do Decreto 70/2013, do 25 de abril, polo que se aproba o Plano de recuperación do sapoconcho común na Galiza, as masas de auga lénticas e zonas húmidas do concellos, así como as súas correspondentes zonas de policía, fican dentro das áreas de distribución potencial desta especie. Ao anterior cómpre engadir a captación e augas que poderían verse afectadas doutras captacións para granxas, exploracións gandeiras e mesmo traídas viciñais.

O presente expediente interpretamos que sería viábel e responsábel expolo en Chantada e que sexa informado tamén polos técnicos municipais correspondentes do concello de Chantada: viabilidade técnica, suficiencia da EDAR, distancia ás vivendas, garantías medioambientais, alternativas para o percorrido e para o vertido, vertido único ou vertido deseminado para unha maior disolución… Porque se leva desde Santa María de Piñeira ao límite con Chantada? Que garantías temos de que non se supere o límite de metros cúbicos contemplados? Quen vai facer controis e con que periocidade da calidade das augas? Que sedimentos e componentes químicos poden deitarse ao río e que impacto poden ter por acumulación no río ou no encoro? Que impacto no ecosistema e na fauna e na flora van ter estas augas residuais? Que alternativas poderían estudarse e barallarse? Vaise esixir estudo de impacto ambiental o cal obrigatoriamente recollería alternativas que podería estudar o concello de Chantada? Preguntas de sentido común que calquera cidadán pode facerse e que un concello competente e responsábel debería ter estudado e demandado as pertinentes aclaracións na defensa dos intereses dos seus representados. Nada se fixo.

conducion-da-tuberia
Na imaxe, en vermello, o longo percorrido entre as instalacións da EDAR e o ponto de vertido xa en Chantada.

En definitiva, con moitas máis dificuldades e menos medios temos que ser os cidadáns organizados os que, coma sempre, velemos polo benestar e os direitos colectivos. Desde Por Chantada-CUP imos seguir exercendo o noso cometido responsabelmente polo que imos estudar o expediente e, se procede, apresentar alegacións  mesmo cos medios dos que dispomos, pois o goberno é como quen non o ten: dous soldos, ningunha dedicación.