#MAREASENCOMÚN Constuíndo unidade popular para a ruptura democrática

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado sábado día 9 de abril démonos cita máis de 40 candidaturas de unidade popular de toda Galiza, congregando a máis de 150 persoas na Casa da cultura de Santo Tomé de Piñeiro (parroquia de Marín). Entre outros debates, troca de pareceres e problemáticas adotáronse os seguintes ACORDOS:

* As Mareas En Común acordan un momento constituínte para a confluencia nas eleccións galegas, para o que é imprescindíbel abrir o proceso á cidadanía e aos axentes sociais e políticos, decidindo cuestións coma a fórmula para celebrar primarias, o modelo organizativo e o código ético dos cargos electos.

*Aprobáronse tamén os principios básicos que guiarán o proceso, coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas candidaturas municipalistas, e unha organización interna baseada, como non podía ser doutro xeito, na democracia directa, ou sexa na participación individual de todas aquelas persoas que partillen os nosos principios ético-políticos: defensa dos dereitos humanos; radicalidade democrática, incluído o radical dereito democrático de autodeterminación; transparencia e loita contra a corrupción; feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación; defensa da lingua e a cultura galega; defensa do ambiente e o benestar animal; xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común…

*No tocante á organización interna, foi aprobado o modelo de Organización Interna das Mareas en Común, baseado na participación individual e cunha estrutura simple e en rede, na que as persoas están no centro. A organización descansa en dous niveis, o local, no municipalismo que deu impulso a este proceso, respectando a total autonomía das candidaturas na política local, e o nacional, onde se toman as decisións que afectan a toda Galiza.

A vindeira xuntanza das candidaturas de unidade popular galegas será  en Sada en próximas datas, e nela fecharase definitivamente esta nova metodoloxía.

Saúde e unidade popular!