Por Chantada defenderá no pleno unha moción con medidas perante a ofensiva espoliadora eólica e demanda de transparencia na LAT Maxal – encoro de Belesar.

 

Aquí hai varias empresas que queren dar un pelotazo, como no seu día ocorreu co ladrillo. Non hai ningún interese por unha transición enerxética, só pretenden embolsarse diñeiro dos fundos europeus construíndo parques.

Antonio Turiel. Experto en enerxía e doutor en Física que en calidade de autoridade compareceu na Comisión de transición ecolóxica no Senado.

 

 

 

 

IMG-20210730-WA0026
Faixa colocada en San Fiz pola viciñanza ao carón dos cartaces cos que Por Chantada reclamaba a declaración de zona de desastre natural, entre outras medidas, para esta parroquia após a saraibada sufrida no pasado ano. A día de hoxe as persoas afectadas seguen sen calquera axuda da administración. Foto: Observatorio enerxético de Chantada (OECh).

Nos últimos meses estamos asistindo a unha auténtica vaga de proxectos eólicos que ameazan con transformar aínda máis a paisaxe natural e humana das comarcas do noso país e máis unha liña de alta tensión (LAT) pretende vir desde o Maxal até Belesar, con parroquias como San Fiz de Asma totalmente xa saturadas con 39 torretas de alta tensión, cáseque 8 por km2 cando a Xunta ten en tramitación un POMF para esta parroquia, o primeiro da Galiza, que non foca en absoluto esta cuestión, nen moitas outras dito sexa de pasaxe, e cando é unha parroquia en zona BIC (categoría de paisaxe Ribeira Sacra) e incluída na Reserva de biosfera Ribeira Sacra e serras de Oribio e Courel. Para que serven estas figuras de protección alén de criaren marcas territoriais para o turismo? Para complicar a vida a quen aínda resiste no rural mentres se lle agasalla a Terra ás multinacionais?

O proxecto, ao que a Xunta se resiste a darnos acceso a pesar de solicitalo xa no pasado mes de xullo, verá parcialmente soterrada a liña desde o Piñeiro, mais entendemos que nun espazo declarado BIC e que pertence á Reserva de Biosfera o soterramento debería ser na integridade do seu trazado.

No caso do Maxal, tanto o parque canto a LAT, son competencia da Xunta. Sen exposición pública, sen informes sectoriais, sen información algunha… así se confrontaron proprietarios afectados ás “visitas” da empresa para que asinasen a cesión das súas terras, que só serán remuneradas se finalmente se fai a LAT e con contías dispares, dependendo do momento, o cal demostra a alta especulación e abuso que se comete por parte destas empresas. 

Aínda hai pouco, e a pesar de demandarllo por escrito e logo no pleno, o alcalde de Chantada negouse a apoiar a solicitudede Aliente para impulsar unha moratoria para as Reservas de Biosfera, de acordo coa 22ª Reunión ordinaria do Comité Español do Programa MaB correspondente a 2021, que, o pasado 24 de setembro, apresentou informes correspondentes ás incidencias e impactos provocados por proxectos de instalacións de enerxía renovábeis nas Reservas de Biosfera.

A Xunta leva anos criando  ad hoc  normas como a propia Lei Eólica de 2009, e as leis de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais de 2017 (Lei de predación da Galiza contra a que se pronunciara o pleno do Concello de Chantada) e a recente Lei de Simplificación Administrativa de 2021, facilitan cada vez máis ás empresas desenvolver os seus proxectos en detrimento da participación pública e dos dereitos e intereses das comunidades afectadas. A redución de prazos inserida nesta última colida até coas directivas europeas (Directiva 2011/92/UE e Directiva 2014/51/UE), tal e como se ten pronunciado o TSXG na súa Sentenza 17/2022 de 21 de xaneiro dada a primacía do direito comunitario.

Polo que atinxe aos concellos, estes teñen unha case nula capacidade de intervención e participación na toma de decisións sobre estes proxectos, limitándose a acatar as decisións da Xunta e do Estado. Isto supón un agravio comparativo e un grave prexuízo para as entidades locais cuxos territorios e habitantes teñen que soportar os impactos da implantación destas infraestruturas con moi escasas compensacións económicas.

IMG-20210730-WA0025

Foto: Observatorio Enerxético de Chantada (OECh).

 

Que propón Por Chantada?

1.- A revisión por parte da Xunta do Plano Sectorial Eólico para adaptalo á normativa de Avaliación Ambiental Estratéxica e por parte do Goberno central  a incorporación de criterios de sensibilidade ambiental e afección territorial e social na planificación e regulamentación das enerxías renovábeis, particularmente na Lei do Sector Eléctrico e nos Planos de Fomento das Enerxías Renovábeis.

2.- En consecuencia,  mentres se procede a esa revisión solicitar da Xunta e do Estado unha moratoria real dos novos proxectos eólicos e dos que actualmente se atopan en tramitación e aínda non foran aprobados.

3.- Modificar a actual Lei Eólica galega e o marco regulatorio estatal para garantir a participación municipal e das comunidades locais nos proxectos eólicos, tanto desde o punto de vista impositivo como de promoción propia e participación no accionariado, favorecendo a coxeneración sobre os grandes proxectos primando a fixación de poboación no interior galego.

4.- Reformar o actual Canon Eólico e o Fondo de Compensación Ambiental para gravar a potencia instalada en lugar do número de muíños e permitir aos concellos a xestión directa do Fondo de Compensación.

5.- Crear unha oficina de información para os concellos e o público en xeral que atenda ás consultas e dúbidas sobre a tramitación administrativa dos proxectos eólicos.

6.- Impulsar desde o Concello de Chantada a contratación dunha empresa que asesore e desenvolva alegacións á LAT Belesar – San Fiz para demandar o seu total soterramento e garantir que o valor das terras e os direitos das persoas afectadas se respeitan.

 

Para leres a moción de Por Chantada íntegra en formato PDF preme aquí: Moción Por Chantada eólicos e LAT Maxal

 

EOLICOS_IGV

 

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

 

Un hotel en San Fiz ou pór en valor o espazo humanizado das ribeiras e construír futuro?

Vista das ribeiras de San Fiz (xaneiro de 2021). Foto: arquivo Por Chantada,

Desde Por Chantada apresentamos alegacións ao Plano de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma, doravante POMF, diante da Consellaría competente para defender o ben común e os intereses da viciñanza, toda vez que o Concello de Chantada non abriu á participación e mesmo non consultou coa oposición o documento-proposta. De feito, o goberno de Manuel Varela limitouse a unha única e breve alegación formulada polo técnico municipal de urbanismo. Novamente, piloto automático e opacidade.
No tocante ás prometidas inversións, o POMF detalla moi pouco as propostas de actuación e adíaas a unha hipotética segunda fase. Para alén diso, algunhas actuacións teñen, na súa formulación actual, unha viabilidade e utilidade moi limitada ou vólcanse exclusivamente para o turismo esquecendo o sector primario que lle dá vida a esta paisaxe, a pesar de que declarativamente se di o contrario. Así, por pór só un exemplo, fronte a un uso hosteleiro na área dos Cipreses, ao que se destinarían 5 millóns de euros, propomos a recuperación do patrimonio natural e etnográfico dos Cachóns do Asma. Tamén facemos fincapé en que a PAC debe dar resposta ás necesidades dos nosos viticultores que, xunto ás adegas existentes, deben ser a columna vertebral de calquera estratexia de futuro para a zona.

Aausencia total de participación das comunidades afectadas, a exclusión xa que logo dos indíxenas que manteñen e conforman a paisaxe e o ámbito que se quer protexer, agudiza a sensación de que os diferentes instrumentos aplicados sobre a Ribeira Sacra (BIC, Reserva de Biosfera, POMF…) son exóxenos e impostos de arriba a abaixo, sen consentimento explícito da poboación das áreas afectadas nen participación real. É máis, a desinformación e falta de coñecemento sobre o expediente e as súas consecuencias é íntegro no caso destas.

Desde a década de oitenta temos diversos exemplos que veñen demostrando como este proceder cria figuras de protección que rematan por elaborar decorados artificiais ou marcas territoriais en canto as comunidades locais foron explulsas. Neste sentido, un POMF, un BIC ou calquera outra figura de protección nen é boa nen má per se, o problema é o uso que se lle dá aos instrumentos, a súa concepción e implementación e a propaganda que agocha unha participación real e fluxos de información efectivos.

Daquela, esta panoplia declarativo-lexilativa, alentada no fundo só como requerimentos para atinxir a declaración de Patrimonio da Humanidade como “política estrela” de configuración dunha marca territorial, contrasta coa ausencia de inversións reais efectivas no territorio, coa falta de aposta polo tecido produtivo primario –auténtico baluarte e salvagarda da poboación e das formas tradicionais de humanizar o territorio– ou con continuadas agresións ao patrimonio sen consecuencias, por citarmos algúns exemplos recentes (posteriores a 2015):

  • venda pola Internet de pedra do mosteiro de San Salvador de Asma (BIC);

  • cimentación do camiño lousado de Belesar por parte do Concello de Chantada, tiradas hai séculos as lousas do río pola viciñanza;

  • formigoneado da base do Cruceiro de Muradelle por parte do Concello de Chantada;

  • desfiguración polo bispado da capela da Virxe do Faro;

  • derribo de hórreos;

  • degradación con maquinaria pesada da mámoas do monte Cabeza do Faro…

 

Consulta o documento íntegro coas nosas alegacións premendo na ligazón (PDF de 22 páxinas):

Propostas de mellora de Por Chantada-CUP ao anteproxecto de decreto polo que se crea a Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra.

 

No día de onte (11/02/2020) rexistramos as nosas Propostas de mellora de Por Chantada-CUP ao anteproxecto de decreto polo que se crea a Comisión Intedepartamental da Ribeira Sacra. O documento foi elaborado desde o Grupo de traballo para o Rural de Por Chantada, dependente da Comisión política.

Este novo ente, impulsado pola Xunta, visa, en teoría coordinar as políticas das diferentes administracións que se apliquen na Ribeira Sacra que, para o efecto se constitúe por concellos que ocupan máis de 10% da superficie da Galiza. Fronte ao BIC Ribeira Sacra, á declaración de Reservade Biosfera e á candidatura de Patrimonio da Humanidade preténdese harmonizar e elevar informes e demandas por parte das AA.PP.  Podemos sintetizar o documento das nosas achegas nos seguintes piares básicos que demandamos: pular por unha participación real da sociedade civil dos territorios implicados fronte ao actual modelo vertical, que exclúe e desouve sistematicamente aos “indíxenas”, polo que dificilmente a comisión pode atinxir os alvos fixados; e mellorar a eficiencia, a transparencia e o funcionamento democrático da Comisión.

 

Documentación (PDF):

Alegacións Por Chantada-CUP ao decreto de criación da Comisión interdepartamental da Ribeira Sacra

CT-decreto-comision-RibeiraSacra-gal

 

#ConstruírFuturo #PorUnInteriorGalegoVivo

Alegacións á Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel.

 

No día de hoxe, Por Chantada-CUP vén de apresentar alegacións no período de exposición pública (1 mes apenas) ao documento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta da Galiza para impulsar a Reserva de Biosfera Ribeira Sacra, serras do Oribio e Courel.

 

O documento, en PDF, pode consultarse aquí: Alegacións de Por Chantada-CUP á Proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra