Alcalde catastrófico. Resumo do pleno extraordinario urxente do 15 de xullo de 2021 [audio]

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Asistiron 12 concelleiros, ausentándose Daniel Camiñas (PSOE) e incorporándose coa sesión iniciada Pamela (PP). Asistiu como secretario accidental Ledo Cores e 5 persoas no público. 

Baixa o audio do pleno aquí: https://drive.google.com/file/d/1rueqASJpOTH20sNY_8MQZAqPbdQ8Hj19/view?usp=sharing

1.- Votación da urxencia da sesión.

Os voceiros dos grupos deciden renunciar ás dietas da sesión e, por unanimidade dos once concelleiros presentes, apróbase a urxencia da sesión. Neste momento incorpórase a concelleira do PP Pamela.

ACLARACIÓN:

Visto que transcorreu máis dun mes desde a saraibada e máis dunha semana da solicitude das persoas afectadas.

Visto que non existe nengún prazo administrativo que xustifique a urxencia da sesión extraordinaria nen sequera esta se xustifica por parte do alcalde como marca o artigo 79 do ROF para poder convocar unha sesión extraordinaria urxente.

Visto que procedería convocar unha sesión extraordinaria cunha antelación mínima de dous días hábiles.

O Goberno municipal  prescinde unha e outra vez dos procedementos legais estabelecidos.

2.-Escrito das viciñas e viciños proprietarios de parcelas agrícolas das parroquias de Pesqueiras, Sabadelle, San Pedro de Líncora e San Fiz de Asma atinxidos polas treboadas de saraiba dos días 15 e 16 de xuño de 2021. Solicitude de axudas directas á Consellaría de Medio Rural para paliar os danos.

DECRETO 2021-0547 [Decreto da convocatoria]

Emendas Por Chantada pleno extra urxente 15 de xullo 2021

Aquí produciuse un dos episodios máis surrealistas e bochornosos dos que temos memoria. O alcalde leu “de viva voz” unha proposta de acordo que preparou “pola mañá” en canto non permitiu que se votasen nen lesen as proposta que como emendas rexistrou, en tempo e forma, Por Chantada.

A maiores, a proposta do PP estamos certos que foi elaborada desde Santiago (Medio Rural) e nen se nos transmitiu por escrito aos grupos nen aos afectados polo que o alcalde vende a viciñanza ao partido como xa fixera na Deputación de Lugo no seu día. Nas propostas do alcalde hai propostas que non obrigan a nada á Xunta e á Consellaría de Medio Rural, botando todas as demandas sobre o Goberno central ao ser de diferente cor política. Así, procura estafar e tomar por parva a viciñanza e xogar ao tenis politicamente sen solventar a grave situación en que fican moitos damnificados. Amais, adiou calquera proposta da oposición “para o pleno ordinario” e tentou facer demagoxia, como de costume, dicindo que “aínda falei hoxe co conceselleiro”. Unha tomadura de pelo á viciñanza.

O PSOE lembrou que rexistrou unha moción sobre o asunto para o pleno ordinario e lembrou as iniciativas que levou ao parlamento galego, así como a visita que fixeron ás ribeiras in situ e que documentaron con fotos. Raquel entende que a zona catastrófica non sería aplicábel a Chantada.

Desde Por Chantada comezamos sinalando que resulta vergoñento que, nun suceso desta magnitude e transcorrido máis dun mes, non se emitise calquera comunicado oficial por parte do Concello de Chantada. Vergoña allea é o que sente Por Chantada cando ve que son os adegueiros e as viticultoras as que teñen que demandar o que esta cámara debera facer de oficio, é dicir, procurar solucións e dialogar con outras administracións para axilizar as axudas e os apoios. Fente explicou a estimación que elaborou Por Chantada, segundo os dados oficiais coñecidos, polo que as perdas en uva ascenden a máis dun millón de quilos, ao que se suman as de rianxo e froiteiras, muras e infraestruturas de modo que as axudas deberían situarse sobre 2.5 millóns de euros e a liña directa de axudas, polo menos, no millón de euros. Fente explicou tamén a lexislación actual para poder solicitar a zona catastrófica e puxo exemplos de concellos que demandaron esta figura, por exemplo no recente temporal Filomena o alcalde de Madrid e a presidenta Isabel Díaz Ayuso. Son para Madrid e para o PP as leis segundo sopre o ar? 

Explicado este contexto e achegando dados sobre a lexislación e as voluminosas perdas con cifras concretas e detalladas, Antom leu a proposta  de declaración institucional do grupo municipal por Chantada, mais o alcalde xa non lle deixou ler as propostas de actuación concretas que solicitabamos, cortando o debate e obrigando a votar e non deixando que se votasen as nosas emendas. No entanto, xa rexistramos unha moción que recolle as demandas das emendas que apresentamos e que se debaterá no pleno ordinario do 29 de xullo, xunto a outras dúas que apresentamos a maiores:

Moción Por Chantada saraiba San Fiz

Na votación optamos para votar a favor, aínda que nada tivese pés nen cabeza, polo feito de que consideramos que a Corporación debera ter a suficiente altura como para pór os intereses da viciñanza por riba das siglas, se ben este alcalde catastrófico pónnolo moi difícil e o que propuxo non son as axudas reais e directas que demanda o sector. Este goberno do PP non é o que Chantada merece nen está á altura das circunstancias.

Neste asunto, coma sempre, Manuel Lorenzo Varela e o seu Goberno seguen co piloto automático: un mes sen xestionar nen acordar nada, facendo ouvidos xordos ás propostas e demandas da oposición e tiveron que ser os afectados quen lle ensinaran a vía que debían seguir. Non sabemos se atinxiremos a declaración de zona catastrófica mais si que trafegamos e pomos en limpo que timos un alcalde catastrófico. Haberá que aplicar tamén na política local podas en verde, cicatrizantes e antifúnxicos para preservar o futuro da nosa Terra.

Votación: 

A FAVOR: Por Chantada (2) e PP (7)

Abstención: PSOE (3)

Zona catastrófica ou alcalde catastrófico

Crónica do pleno ordinario do 08/05/2017

 

O pleno comezou ás 20:08 horas coa presenza dos 13 concelleiros do Pleno mais a secretaria e a interventora municipais. Foi un pleno bronco onde se evidenciou máis unha vez a total falta de repeito pola lei e polo debate democrático por parte de Inta, quen leva meses baleirando o pleno de calquera contido en canto o Concello segue sen iniciativa e na parálise.

Seguir lendo