Moción de Por Chantada para adoptar unha declaración institucional sobre o Sahara Occidental.

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

As declaracións institucionais requiren a UNANIMIDADE de todos os grupos para saíren avante. A pesar desa dificuldade, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a sociedade civil galega desexan que a Corporación de Chantada se sume a súa campaña para que rectifique o Goberno español con relación ao Sahara Occidental.

IMG-20220322-WA0019
Crianzas saharauís vestidas con fato tradicional nunha das xornadas de achegamento ao pobo saharauí que se facían en Chantada en espazos como a praza do Cantón, a Casa da Mocidade… Veñen de lonxe os lazos e as ligazóns entre Chantada e o Sáhara. Foto: Por Chantada-CUP.

Por Chantada, como partícipe da Rede Galega de Refuxiad@s desde a súa constitución en 2015, canaliza ao Pleno da Corporación, xa que logo, a demanda do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e da sociedade civil galega, lembrando igualmente que a rede nacera con motivo da guerra de Siria, que segue hoxe activa sen que finalmente se acollese nengunha persoa refuxiada no noso territorio e pondo de relevo – como Libia, o Curdistán, Afganistán, Iraque, Iemen, Chiapas, Colombia– que hai pobos e guerras de varias categorías e que se impón o cinismo, a hipocrisía e o unilateralismo nas relacións internacionais nunha deriva tan perigosa canto coñecida historicamente e que un dos historiadores máis recoñecidos do século XX, Eric Hobsbawm, cualificou de «imperialismo dos Direitos Humanos».

Desta arte,  o grupo municipal Por Chantada-CUP propón ao pleno da Corporación do Concello de Chantada adoptar a seguinte

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A MUDANZA DE POSTURA DO GOBERNO DO REINO DE ESPAÑA SOBRE O SAHARA OCCIDENTAL

IMG-20220322-WA0016
Crianzas saharauís eran acollidas por chantadeses durante os veraos. Na imaxe, dous saharauís nun batuxo no río Miño. Foto: Por Chantada.

O Concello de Chantada, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a sociedade civil galega amosan o seu fondo desacordo co recente cambio de postura sobre o Sáhara Occidental do Goberno do Reino de España. Despois de avalar durante décadas o referendo de autodeterminación auspiciado pola ONU e que se ampara no direito de autodeterminación recollido no direito internacional, o Ministerio de Asuntos Exteriores defende agora que a República Árabe Saharauí Democrática (RASD), recoñecida por máis de 80 estados, se converta nunha rexión autónoma dentro de Marrocos, pregándose así ás demandas do reino alauita.

O Estado Español ten unha responsabilidade ineludíbel co pobo saharauí após un pésimo proceso de descolonización que, a partir de 1975 coa denominada “Marcha Verde”, facilitou a ocupación do territorio por parte de Marrocos e obrigou á poboación local a fuxir cara Alxeria, onde hoxe máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas grazas á axuda humanitaria nos campamentos de Tindouf, no canto de viver dos recursos naturais que tiñan nas súas terras, por exemplo as maiores reservas de fosfatos do mundo, esenciais para obter fósforo e fertilizantes. As tres cuartas partes das reservas de fosfatos de boa calidade que restan no mundo están no Sahara Occidental. De feito, os fosfatos representan 20% das exportacións de Marrocos -que xunto con China e os Estados Unidos acaparan a maior parte da oferta- e teñen un peso de aproximadamente 5% do seu PIB. Outro grande recurso son os caladoiros de pesca, arrasados por Marrocos e a UE.

Hogano, segue estando invadido por Marrocos o 80% da que fora a provincia número 53 do Estado español, separado por un muro de máis de 2.700 quilómetros das zonas liberadas pola Fronte Polisario, muro no que desde novembro de 2020 retomouse o confronto armado en condicións penosamente desiguais. Nos territorios ocupados, a violación dos dereitos humanos é continua, tal e como denuncian organizacións especializadas, malia o “apagón informativo” que impide acceder e reportar con liberdade desde estes lugares.

Ante esta situación, o Fondo Galego e o Concello de Chantada denuncian que os intereses económicos e xeopolíticos non poden estar por enriba do compromiso adquirido co pobo saharauí, ao que o Estado Español non pode abandonar, unha vez máis, á súa sorte. Especialmente, tendo en conta o movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil na Galiza e en Chantada. No noso concello existen tamén sólidos lazos de unión pola presenza de chantadeses nos campamentos saharauis ou polos programas de acollida de crianzas e adolescentes que se desenvolveron durante anos.

Desde Chantada apostamos por unha saída dialogada ao conflito, que supón a posta en práctica do Plano de Arranxo subscrito en 1991 con mediación de Nacións Unidas e da Organización para a Unidade Africana. Isto implica celebrar o referendo de autodeterminación acordado por ambas as dúas partes. Ao mesmo tempo, reclamamos o cesamento inmediato da violencia e que as institucións internacionais adopten medidas fronte a impunidade coa que Marrocos continúa actuando no Sáhara Occidental. Agardamos que tanto a comunidade internacional como o Goberno Español estean á altura das circunstancias e mostramos toda a nosa solidariedade coa República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

IMG-20220322-WA0022

Accede á moción íntegra en PDF: Moción Por Chantada DI Sahara