Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular a prol da instalación nos colexios e institutos públicos de purificadores de ar HEPA.

 

Podes ler a nosa moción íntegra aquí (formato PDF): Moción Por Chantada filtros centros educativos

 

Por que apresentamos esta moción?

O curso 2020/2021 está desde o comezo marcado pola pandemía da COVID-19 e, en consecuencia, moitas AMPAs teñen mostrado desacougo e desconcerto en diferentes centros públicos do noso país pola actitude da Consellaría de Educación prohibindo ou pondo atrancos á instalación de purificadores de ar nos centros, a pesar de que,  tornarían as aulas máis seguras tanto para o alumnado canto para o profesorado. Desta arte, desde o grupo municipal Por Chantada-CUP, asumindo este desasosego da nosa viciñanza, dámoslle traslado ao Pleno da Corporación para que se posicione ao respeito á falta dun regulamento de participación viciñal que permitise canalizar a proposta ás proprias AMPAS.

Aproximadamente 80% dos contaxios da covid 19 son vía aerosois, fronte a 20% por fómites e superficies, como veñen divulgando dende hai meses expertos mundiais en aerosois. Por iso, o CSIC, máximo organismo científico do Estado, publica as súas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigorosas e punteiras, e seguindo a estela do protocolo de Harvard, propoñendo os HEPA como unha axuda indispensábel para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica naquelas circunstancias nas que, por meteoroloxía ou contaminación ambiental (centros en rúas con moito tráfico, por exemplo), non é posíbel manter as xanelas abertas de xeito continuado. E, desde logo, a ciencia insiste na ventilación como punto chave, determinando que os espazos pechados, con pobre ou nula ventilación, agrupamento de persoas falando, cantando ou berrando e sen máscara, por espazo de tempo prolongado, son os escenarios de máximo risco de contraer a COVID-19. Os espazos fechados multiplican por máis de 20 o risco de contaxio e, entre estas contornas atópanse os centros educativos. En consecuencia, debemos utilizar un sistema de capas de protección combinadas (máscara, distancia, hixiene, ventilación natural por xanelas, filtrado de ar).

Amais, no edificio que alberga o Concello de Chantada existe unha problemática ligada ao gas radon. Sobre isto, xa alertamos no pleno ordinario de 8 de maio de 2017, através da Moción de Por Chantada-CUP para impulsar un estudo sobre a incidencia do cancro no Concello de Chantada e a adopción de medidas preventivas fronte a esta doenza. No Pleno ordinario de novembro de 2019 formulamos unha pergunta, xa que fomos coñecedores de elevadísimas medicións deste gas. A resposta foi que se ía arranxar cuns ventiladores.
A día de hoxe a situación non está solventada. Os filtros HEPA, porén, non son eficaces para gases, pasando unha das solucións, complementar da ventilación, pola instalación de filtros de carbón activo que protexan ás persoas traballadoras da casa consistorial.

 

 

Que demandamos concretamente?

1.- O Pleno da Corporación Municipal de Chantada demanda da Consellaría de Educación que permita o fornecemento aos centros educativos de equipos HEPA portátiles para engadir unha capa máis de protección fronte á transmisión da COVID 19, facéndose cargo da devandita instalación e subministro a propia Consellaría.

2.- Comunicar a aprobación desta moción, se for o caso, á Consellería de Educación e a todos os Grupos Parlamentares do Parlamento galego.

3.- O Concello de Chantada estudará a instalación de sistemas de succión e filtros de carbón activo na casa consistorial para lidara co gas radon. Asemade, promoverá campaña informativa sobre os perigos deste gas e instalará medidores en todos os edificios públicos da súa titularidade.

 

 

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

A situación sanitaria derivada da pandemía da COVID19 é cada vez máis preocupante e desde marzo non se reforzou a sanidade polo que a sombra de novas restricións é unha evidencia nesta segunda vaga, que semella vai castigar con maior virulencia a nosa comarca cá primeira. Por iso, desde Por Chantada levaremos ao próximo pleno unha Moción para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria, é dicir, no sul de Lugo. Por todo isto, imos seguir traballando en alternativas e demandando que fagamos Política, en maiúscula, e adaptada ao novo mundo que nos tocou viver, xa que nada voltará ser igual.

 

Que pedimos?

👉 Solicitar á Xunta da Galiza que incremente o orzamento sanitario e que garanta que os fondos estatais se destinen á sanidade e á educación pública na Galiza. Nomeadamente, o sul de Lugo precisa un aumento dos recursos para atención primaria e o hospital comarcal.

👉 Que se poña fin ás restricións de acceso aos centros de Saúde, que están limitando as actividades de promoción, prevención e recuperación da saúde da poboación. A atención telefónica debe ser un complemento á atención presencial e non a única opción para a poboación.

👉 Incrementar o persoal dos equipos de Atención Primaria, garantíndolles unhas condicións de traballo dignas, un equipamento adecuado e o libre acceso a probas diagnósticas.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que cese a política de desmantelamento e feche de servizos do hospital comarcal de Monforte, dotándoo do persoal necesario en cada categoría e contratando as/os especialistas necesarios. Concretamente:
• unha praza de especialista en neuroloxía;
• unha praza de especialista dixestivo;
• unha praza de especialista en cardioloxía;
• unha praza de pediatra en atención primaria para toda a zona, que xa era precisa sen a COVID-19.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que recupere a área sanitaria de Monforte, con capacidade de xestión.

👉 Trasladar á Xunta a esixencia de que se publiquen as listaxes de espera ocultas – non estruturais – e se acometa un plano de redución das listaxes de agarda e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos no Hospital de Monforte.

👉 Acabar coa parálise dos servizos hospitalarios, para o que propoñemos crear circuítos separados para persoas coa COVID-19 e con outras patoloxías e abrir os centros pola tarde para acabar o máis pronto posíbel coa enorme listaxe de agarda xerada durante a pandemia.

👉 Dar participación aos concellos e aos representantes da poboación na loita contra a COVID nas áreas sanitarias.

👉 Desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, poñendo en marcha o Consello de Saúde da Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

👉 Proporcionar información real e actualizada, das persoas afectadas en cada localidade, para que os Concellos e a poboación, coñezan a transcendencia da pandemía e colaboren activa e responsabelmente na súa solución.

👉 Constituír unha Comisión de coordinación sanitaria comarcal con representantes dos PAC e dos Concellos de Chantada, Carballedo e Taboada. As súas funcións serían partillar informacións, seguir a incidencia comarcal da COVID-19 e propor medidas e proposta para aplicar desde o ámbito municipal na comarca.

 

Podes consultar aquí o texto íntegro da moción en formato PDF: Moción de Por Chantada para o reforzo da sanidade pública, nomeadamente na nosa área sanitaria.

 

#construírfuturo #mellorarChantada #opartidodaxente

 

Rendición de contas das actuacións de Por Chantada durante a crise do COVID-19 [última actualización 07/06/2020]

 

 

 

Na presente entrada da nosa bitácora iremos rendendo contas das principais actuacións desenvolvidas desde o noso grupo municipal en relación coa crise sanitaria derivada do COVID-19. Neste sentido, a nosa actuación caracterízase por brindar a nosa total disposición a colaborar co Goberno municipal para a mellor resolución da crise mediante a achega de propostas.

  1. Propostas de Interior Galego Vivo ante a crise do coronavirus (13/03/2020).
  2. Interior Galego Vivo: FAQ Ninguén é unha illa. Preguntas e respostas para o mundo rural perante a crise do coronavirus (15/03/2020).
  3. Propostas de Por Chantada-CUP para actuación desde o Goberno municipal perante a emerxencia sanitaria derivada do COVID-19. (21/03/2020)
  4. Proposta de protocolo para o SAF no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19. (22/03/2020)
  5. Documento achegas Por Chantada comisión seguimento 24 de marzo de 2020 (24 de marzo de 2020)
  6. Proposta de protocolo para a limpeza viaria no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (27/03/2020)
  7.  “Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?“, artigo en Nós Diario de Paula Verao (Agroma Sober) e Antom Fente (Por Chantada) sobre a crise e a situación no rural (30/03/2020).
  8. Parte diario da situación sanitaria en Chantada a partir do 1 de abril de 2020 nas nosas RRSS e até que o Concello de Chantada dea conta da mesma nas canles oficiais, así como información variada de utilidade á cidadanía.
  9. Comunicado de imprensa sobre a residencia de Chantada (02/04/2020, publicado o día 4).
  10. Resumo das axudas supramunicipais ás que vos podedes acolller [COVID-19] (07/04/2020).
  11. Proposta de protocolo para reparto de máscaras no Concello de Chantada a aplicar durante a crise do COVID-19 (18/04/2020).
  12. Consideracións ante a emerxencia sanitaria e a crise social e económica pola COVID19 da plataforma Por un Interior Galego Vivo (IGV) (19/04/2020).
  13. Decálogo de propostas urxentes perante a evolución da crise da COVID-19 e o novo cenario de confinamento. (22/04/2020).
  14. Propostas derivadas da Comisión de seguimento da crise da COVID-19 do día 24 de abril. (25/04/2020)
  15. FAQ #fase1: perguntas e respostas frecuentes sobre a Fase 1 do desconfinamento progresivo. (09/05/2020).
  16. Por Chantada denuncia a privatización do SAF en plena pandemía (2/06/2020).
  17. Solicitude de Por Chantada-CUP en relación co PACES (07/06/2020).

Estamos tamén en permanente contacto coas candidaturas e entidades da plataforma Por un Interior Galego Vivo para partillarmos propostas e informacións.

 

Consideramos tamén interesante a seguinte información, que sintetiza cuestións, do ámbito sanitario (consulta máis información básica para a cidadanía aquí: https://porchantada.wordpress.com/2020/04/11/blindar-o-rural-covid-19-recomendacions/):

 

 

 

 

 

 

Queremos, por último, reiterar os chamamentos á calma e a importancia de guiarnos por informacións contrastadas e facer caso das disposicións das autoridades sanitarias. Para calquera cuestión que nos queirades facer chegar podedes contactarnos ben através do formulario de contacto da nosa bitácora ou ben nas redes sociais.

 

#ficanacasa #apoiomutuo #solidariedade

Resumo do pleno 11/09/2017

 

Foi o pleno máis concorrido da lexislatura. Cabo da secretaria, da interventora, do funcionario Segundo Navaza e dos trece concelleiros asistiron 16 persoas e dous xornalistas de Televinte. Un dos asistentes era aínda un bebé e puxo de manifesto o inaxeitado do salón de plenos pola falta total de accesibilidade. De seguido, a crónica completa para todos os asuntos tratados no pleno.

Seguir lendo

ALEGACIÓNS AO ANTEPROXECTO DE LEI POLO QUE SE MODIFICA A LEI 8/2008 DE SAÚDE DA GALIZA

 

No día da romaría do Faro desde Por Chantada-CUP apresentamos alegacións ao anteproxecto de lei polo que se mofifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde da Galiza. Preocúpanos que afonda na ofensiva de socializar as perdas e privatizar os beneficios, degradar a sanidade pública e incrementar a condición periférica de Chantada e da Ribeira Sacra ao tempo que acelera a merma dos servizos sanitarios, facendo desaparecer a área sanitaria de Lemos.

Máis información no pdf coas nosas alegacións: alegacións anteproxecto lei supresión área sanitaria Monforte 

Outra documentación de interese: SA_lei_modificacion_lei saude_galicia_gal

Animámosvos a apresentardes as vosas alegacións (podedes facer vosas as nosas suxestións ou moficalas) premendo aquí (abrirase unha nova páxina).

#SomosAlternativa #CUPChantada

MOCIÓN PARA APROBACIÓN DUN PROTOCOLO DE ACTUACIÓN DO CONCELLO DE CHANTADA PERANTE A APLICACIÓN DE FITOSANITARIOS NO SEU TERMO MUNICIPAL

 

Moción íntegra (pdf): Moción de Por Chantada-CUP para aprobación dun Protocolo de actuación do Concello de Chantada perante a aplicación de fitosanitarios no seu termo municipal

 

 

MOCIÓN PARA IMPULSAR UN ESTUDO SOBRE A INCIDENCIA DO CANCRO NO CONCELLO DE CHANTADA E A ADOPCIÓN DE MEDIDAS PREVENTIVAS FRONTE ESTA DOENZA

 

Moción íntegra en pdf:

Moción de Por Chantada-CUP para impulsar un estudo sobre a incidencia do cancro no Concello de Chantada e a adopción de medidas preventivas fronte esta doenza.

#SomosAlternativa #CUPChantada

Seguir lendo

[PLENOS] Crónica do pleno ordinario de xaneiro de 2017

cartaz-vivir-e-producir-pchcup

O pleno ordinario de xaneiro comezou ás 20 horas, segundo o previsto, incorporándose o concelleiro Manuel Javier Goyanes (PP) no ponto 3. Non asistiu a interventora, supostamente por non existiren “asuntos económicos”, o cal non se axusta, como se verá, á realidade.

No tocante ao público, apenas entre 3 e 5 persoas, no entanto un dos mellores dados de asistencia da lexislatura por triste que sexa. Non houbo presenza da imprensa e só un grupo, Por Chantada-CUP levou propostas ao pleno (3 mocións). O grupo de Goberno non foi capaz de pór na orde do día un só asunto.

Seguir lendo

Por Chantada-CUP apresentará 3 mocións no pleno ordinario de xaneiro (23/01/2017)

logo-por-chantada

ORDE DO DÍA DEFINITIVA: convocatoria-orde-do-dia-definitiva

O vindeiro 23 de xaneiro celébrase a sesión ordinaria do pleno de Chantada, atrasada a petición de Inta xa que debera celebrarse o día 9 de xaneiro, mais alegaban certar coas vacacións. A pesar do notábel atraso na convocatoria das comisións informativas, que se mudaron de día sen previo aviso, o Goberno non trasladou ningún asunto para ser tratado e continúa a procurar subterfuxios de diversa índole para dificultar o labor de oposición de Por Chantada-CUP, cuxo voceiro está actualmente traballando no estranxeiro ao igual que moita da nosa mocidade emigrada que pouco lle importa ao indolente Desgoberno municipal.

Desde Por Chantada-CUP trasladamos 3 mocións ao vindeiro pleno que explicamos suscintamente e que poden consultarse en PDF nesta mesma entrada. Para comezar dicir que están pensadas tamén no marco da aprobación do novo marco orzamentar para este 2017 que, como é habitual, chegará tamén con notábel atraso e fóra de prazo.

1.- Moción de Por Chantada-CUP para a mellora e ampliación da biblioteca municipal. Con esta moción, que recolle peticións que nos trasladaron usuarios e mocidade organizada do noso concello, queremos sentar as bases para a construción dun espazo digno para a consulta e o estudo, a recuperación do arquivo municipal e a reorganización e racionalización da Casa da Cultura, etc.

2.- Moción para impulsar a creacion dunha mesa local de coordinacion interinstitucional fronte a violencia de xenero . Con esta moción tentamos achegar unha proposta concreta, xa en andamento nalgunha comarca galega, para o combate da violencia doméstica e da lacra da violencia de xénero xa que ano a ano vemos que os minutos de silencio e as declaracións institucionais de pouco serven sen medios e disposicións concretas.

3.- Moción de Por Chantada-CUP para a restitución do acceso universal ao sistema estatal de saude e plano de choque contra a exclusion no concello de Chantada. Con esta proposta visamos defender a universalidade dos servizos públicos, nomeadamente da sanidade, trasladando a nosa visión local a outras instancias e, ao tempo, comprometéndonos cun humilde e perfectamente asumíbel plano de choque local contra a crecente exclusión social (o Reino de España é o estado europeu onde máis inzou a desigualdade desde 2008 e o sul de Lugo é o territorio coas taxas de exclusión social máis elevadas da Galiza).

A orde do día foi modificada grazas a nosa petición de que inclúa a rendición de contas da suposta “urxencia” do pleno extraordinario de decembro que, finalmente, ficou en nada.

Tamén trasladaremos numerosas cuestións, preguntas e rogos como vén sendo habitual e ficamos á vosa disposición para calquera suxerencia, pois entre tod@s construímos Chantada.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts  

[Crónica] Pleno ordinario de xullo de 2016

 

Por Chantada - Participación Democrática Directa

 

O de xullo é o pleno ordinario no que o Goberno chega co chip das ferias, pois é o previo ás vacacións oficiais do alcalde e, habitualmente, ten escasa carga. Isto determinou tamén a súa brevidade. Comezando ás 20:04 horas e rematando sobre as 23:00 horas. O concelleiro do PP Manuel Javier Goyanes incorporouse co pleno xa comezado e o de INTA Diego Otero Veiga non asistiu ao encontrarse de vacacións en Sevilla, a pesar de comezar a traballar aínda o día 1 de xuño, o que xunto á negativa de Manuel Varela de facer públicas as súas funcións, amparándose na maioría absoluta con pouco máis do 40% dos votos, é unha evidente falta de respecto á cidadanía de Chantada e unha concepción da política a desterrar.

A continuación damos unha detallada crónica do mesmo.

Seguir lendo