A diversificación na produción, a consecución de produtos de calidade e a transformación alimentar deben ser os piares en que orientemos a base económica de Chantada na secuencia du nsistema-mundo caótico con recorrentes crises cíclicas que acentuarán a dependencia e carácter periférico de territorios coma o noso, debendo procurar unha especificidade multifuncional que nos permita termos hipóteses de concorrer e sobreviver nas mellores condicións.
Na mostra de FITUR o alcalde de Chantada participou con outros cargos do seu partido na vindicación da DO, mais entendemos que é insuficiente e lesivo restrinxila apenas a Quiroga, cando pode impulsarse unha DO galega para a área luco-auriense que diferencie no seu interior entre as subzonas de produción histórica (oliveiras de máis de 100 anos) e as subzonas de nova produción. É urxente, daquela, que o Concello se comprometa e tome consciencia da importancia de non ficarmos para atrás nesta altura e a aposta de Por Chantada-CUP, neste sentido, é brindar todo o apoio e colaboración ao Goberno local neste combate tan necesario, de adoptarse esta moción.
PROPOMOS:
Rexistrar a marca ACEITE DAS TERRAS DE ASMA, que ampare a produción dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada.
Trasladar á Xunta da Galiza e á Consellaría de Medio Rural a exixencia de criar unha DO de ACEITE DA GALIZA en que se inclúa a nosa comarca e que ampare a produción de aceite galego, diferenciando no seu interior a produción entre a área histórica (Quiroga ou Seixalbo en Ourense) para as oliveiras de máis dun século e as novas áreas con oliveiras através de subzonas.
Trasladar este acordo aos concellos de Carballedo e Taboada instándoos a facer unha fronte común para a integración da nosa comarca na futura DO de Aceite da Galiza.
Podes ler a moción íntegra en formato PDF aquí: Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP DO azeite da Galiza