Cantos máis casos, menos médicos. Exiximos para o centro de saúde de Chantada o 100% do persoal.

Chantada, 3 de decembro de 2021. Con rogo de difusión.

Por Chantada_papel_CSChantada-D

Co Nadal ás portas e con vaga de gripes e pandemía de COVID-19 (37 novos casos nos últimos 14 días, dos que 22 se produciron na última semana) desde Por Chantada volvemos denunciar o colapso do centro de saúde de Chantada. A situación actual é totalmente dantesca con cartaces por todo o centro que indican «Consulta pechada. Só se atenderán urxencias» xusto en plena onda da COVID-19 e con varios gromos en Chantada.

A pesar do dramático da situación no pleno ordinario da Corporación, que se celebrou onte 2 de decembro, o alcalde afirmou que el visitara o centro de saúde e que practicamente non había pacientes, xustificando así o maltrato que o PP está dispensando ao rural en xeral e a Chantada en particular.

Viciñanza que tiña cita hoxe, 3 de decembro, vena mudada para o día 20 de novembro e sen garantías de que poidan ser atendidos e aínda grazas que está a pediatra. No entanto, o Sergas segue dando citas por Internet a pesar de que non cobren baixas nen mandan medios. Hai médicos en Chantada con cupos de 1600 pacientes cando 70% dos mesmos teñen máis de 70 anos, polo que 1.000 pacientes no rural equivalen a máis de 4.000 nunha cidade en carga e intensidade de traballo.

Con máis de 8.000 habitantes no Concello, dous médicos deben atender todos os cupos e desde a xerencia de Lugo non se envía persoal polo que co persoal existente, 2 facultativos e 4 traballadores da enfermaría, só se dan atendido urxencias e se hai que ir atender unha urxencia ou atención domiciliaria fica un único médico para todo o centro de saúde. A situación é tan calamitosa que non se poden dar altas médicas nin renovar partes de baixa, apenas se lles expide un papel por parte dos administrativos do centro debendo.

Así as cousas, cidadáns que tiñan cita estes días deberán agardar máis dunha semana para seren atendidos, no mellor dos casos, e as citas que se obtiveron hoxe adíanse xa até os días 13 e 14, no caso de que desen atendido.

Por súa vez, os rastreadores remiten para os resultados das PCR ao médico de cabeceira polo que PCRs feitas o día 1 terán que agardar até o día 14 para saber o resultado, mentres se dan altas aos 10 días sen PCR de confirmación para camuflar dados co que se arriscan a propagar máis a pandemía.

Na secuencia do exposto, é materialmente imposíbel dispensar unha atención minimamente axeitada en plena vaga da COVID-19. Dous médicos non poden atender a máis de 90 pacientes cada un día após día ou empatando quendas de urxencias coas mañás reiteradamente. En novembro, os facultativos atenderon entre 60 e 90 pacientes ao día, o que equivale a dedicar apenas uns segundos por cada paciente, unha degradación absoluta e total da atención médica e da sanidade pública.

A propaganda da Xunta é que non hai médicos ou pediatras e mesmo pretenden desviar a responsabilidade desta suposta carencia cara ao Goberno central. O PP oculta que o Sergas só está ofrecendo medias xornadas de luns a venres, para aforrar o soldo e a seguranza social da fin de semana, que, aínda por riba, na práctica son xornadas completas de 9 a 13 horas con 60 pacientes e, moitas veces, empatando coas urxencias (noite). Nestas condicións, con contratos a días, enganosos e precarios; os facultativos foxen deles coma da peste. Que calidade pode reunir a atención médica dispensada nestas paupérrimas condicións? Que falta total de Humanidade e empatía pode levar a xerentes e responsábeis políticos a actuares deste xeito?

Desde Por Chantada denunciamos a deliberada degradación da sanidade que practican Feijoo e o PP. Anuncian obras para centros que non terán médicos mentres non manteñen en condicións os actuais. As obras non salvan vidas, mais son máis lucrativas ca os soldos dos profesionais. Os dados e a realidade que todas e todos vivemos non se oculta con propaganda e titulares nos medios de comunicación. Fronte ás agresións á sanidade e á regresión dos nosos direitos animamos a todas as persoas afectadas a denunciar interpondo reclamacións nalgún dos seguintes lugares:

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Grupo de traballo de saúde pública de Por Chantada Candidatura de Unidade Popular.

A CUP denuncia a precariedade á que se somete a atención sanitaria en Chantada

 

Desde Por Chantada denunicamos que o PP segue coa súa política de agresión aos servizos públicos elementares en pleno mes de agosto, xusto cando máis poboación está no termo municipal de Chantada. Á cosabida polémica das ambulancias ou da pediatría, que está lonxe de solucionarse e semella vai cronificarse alén do verán deixando desamparadas as nosas crianzas, súmanse novas medidas que deixan á poboación en situación de vulnerabilidade e discriminada.

Comezada hoxe a segunda quincena de agosto no centro de saúde de Chantada hai un médico de ferias sen cobrir a baixa, unha médica xubilada amortizada, 2 enfermeiros de ferias sen substituír tampouco, o fisioterapeuta tamén de ferias sen recambio e o servizo de pediatria só vén desde Monforte dous días á semana vestindo un santo para desvestir outro. Esta situación vaise prolongar durante 15 días e ameaza con ser cada vez máis usual.

Os recortes no servizo contrasta con aumento do gasto para a xestión e para as contratas con empresas privadas. Así, un contrato millionario das ambulancias con Salutrans serviu no seu día para degradar e reducir o servizo de ambulancias existindo neste momento unha única ambulancia para toda a zona con isócronas superiores aos 50 minutos (atención por exemplo en Peares). Do mesmo xeito a falta de material ou a situación da pediatría contrata cos investimentos cada vez maiores que reciben empresas privadas que drenan o groso dos recursos do sistema sanitario. A receita do PP para a sanidade e a educación é clara: operar unha lucrativa privatización encoberta socializando as perdas e privatizando os beneficios.

Como denunciamos nas alegacións ao Anteproxecto para a reforma da lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde da Galiza o PP prometeu que esta ía ser “a lexislatura do rural” cando o que presenciamos é un abandono e ataque do tecido produtivo (sector primario) e a supresión ou degradación dos servizos públicos: pediatría, fisioterapía, PAC, etc.

Asemade, desde a CUP sinalamos igualmente o contraste entre as palabras e os feitos do Goberno municipal, que segue sen adoptar ningunha medida enérxica e explícita para a defensa do noso centro de saúde e da sanidade pública. Nesta tesitura de abandono e desprezo por parte das institucións, en Chantada só nos fica, en tanto en canto cidadáns, rachar coa submisión e o invisíbel veo do medo para autoorgarnizarnos, mobilizarnos e defender nas rúas os direitos de todas e todos.

#SomosAlternativa #CUPChantada

Os recortes matan

Por Chantada-CUP
  Por Chantada-CUP

 

Desde a canditatura de unidade popular reiteramos a nosa denuncia de que os recortes matan e xeran exclusión social. É un feito cada vez máis  constatábel  que a  economía política ultraliberal fai pagar aos que menos teñen a especulación e os abusos da oligarquía, coa colaboración servil das vellas elites políticas desde a Comisión Europea até os concellos do deprimido sur lucense. 

No caso de Chantada elevamos mocións para defender tanto o hospital comarcal como o centro de saúde da vila do Asma. Em ambos casos foron aprobadas por unanimidade, aínda que con enmendas no caso da segunda ao non comprometerse desde INTA a estabelecer unha partida orzamentar para un servizo supletorio de ambulancias no caso da Xunta de Núñez Feijoo persistir en degradar o servizo de emerxencias coa nova concesión á macroempresa Salutrans. A maiores, sobre a nova concesión das ambulancias que deixa a Chantada cunha única ambulancia para emerxencias cando o radio de acción chega aos Peares, elevamos a cuestión ao parlamento de Galiza, a través da deputada Consuelo Martínez (Ambulancias Chantada).

Entón, como partido na oposición, consideramos que fixemos os nosos deberes e exiximos que quen goberna en Chantada e na Xunta de Galiza faga o propio. De feito, o último aviso foi especialmente notorio ao producirse no campo de fútbol do Sangoñedo, encóntrandose a ambulancia do 061 prestando un servizo e avariándose o helicópero, tal e como recolle a imprensa. Aos recortes da Xunta na sanidade únense os recortes feitos desde o concello de Chantada.

Desde Por Chantada-CUP demandamos que o concello de Chantada asine un convenio coa Cruz Vermella para recuperar o servizo que esta prestaba nos eventos deportivos e que tamén incluía o reparto de alimentos da UE ou o voluntariado para outras accións como a cabalgata dos Reis Magos. Ditos servizos foron suprimidos unilateralemente polo goberno de Manuel Varela na pasada lexislatura.

É inexplicábel que un servizo que pode salvar vidas e andaba sobre  3.000€ ao ano fora unha das primeiras vítimas do plano de axuste,  que se cebou na creación de taxas e impostos e foi profundamente antisocial para pagar as débedas das políticas de cemento e farolas da etapa de Manuel Varela como alcalde do PP. Na actualdiade, a Cruz Vermella só recibe 500€ mediante subvención nominativa. Lembramos que no Orzamento de 2016, que ascende a máis de 5 millóns de euros, INTA aprobou unha nova dedicación parcial, onde por 4 horas se remunerará a un dos seus membros con 2.500€ ao mes (máis de 24.000€ ao ano), ou sexa, case o mesmo do que Cruz Vermella cobraba polo servizo de ambulancia medicalizada durante todo un ano!

Xa que logo, este é un exemplo máis do carácter antisocial destes orzamentos contra os que apresentamos alegacións onte mesmo, alén de alegar tamén contra os máis de 600.000€ que se gastaron en obras e que dos que apenas había 120.000€ consigandos no orzamento de 2015, prórroga de 2014, polo que se operou un recoñecemento extraxudicial de crédito que en palabras da propia intervención do concello de Chantada é <<convalidar un acto irregular>> e sobre o cal, toda a oposición de Chantada, demandamos un informe complementar da secretaría.

Se o desexares podes consultar aquí as alegacións:

Alegación Orzamento 2016

Alegación suplemento de crédito 01_2016

Por último, reiterar que desde a candidatura de unidade popular estamos abertos ás suxestións, participación e achegas da veciñanza porque cremos que a autoorganización desde abaixo é necesaria e imprescindíbel para desenvolver outra política ao servizo da maioría social.

Podes contactarnos ora mediante o noso espazo web (https://porchantada.wordpress.com/sobre/), ora mediante mensaxe a través das redes sociais Facebook (https://www.facebook.com/PorChantada/?fref=ts) ou Twitter (https://twitter.com/CUPChantada).

Saúde e unidade popular!