Por Chantada apresentou alegacións ao Real Decreto sobre nutrición do solo.

 

 

 

Preme aquí para veres o documento íntegro das alegacións de Por Chantada.

 

 

O rascuño de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios (RD) impulsado polo Goberno do Estado esquece máis unha vez a realidade galega e atenta contra todos os sectores agrarios e gandeiros que apostan por modelos sustentábeis polo que, de non atender ás modificacións propostas, terá o efeito contrario aos obxectivos que, teoricamente, procura.

Neste sentido, Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular formulou 40 alegacións ao documento e vindicamos novamente normas legais e unha PAC axeitadas para a Galiza e o noso sector primario, fundamental para a comarca de Chantada, que se vería especialmente castigada polas disposicións do RD. Se non se revisa o rascuño inicial no sentido proposto será letal para as pequenas e medianas exploracións galegas, que son a maioría, e atinxe a todos os sectores: o vacún, a carne, o vitícola, o froiteiro, a horta ou o florestal. Todos estes sectores foron defendidos nas nosas alegacións.

A pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias, nomeadamente o sector porcino polo lobbing das organizacións estatais, para alén de impulsar a venda de maquinaria agrícola e a venda de adubos sintéticos moito máis contaminantes. É o mundo ao revés e, coma sempre, esquécese á maioría social que resiste no medio rural producindo.

 

Inxectores de xurro e obrigas burocráticas.

Embora na imprensa o pouco que trascendeu do RD foi a necesidade de inxectores de xurros, resulta que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. Moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco obviando o sistema tradicional galego de muricos que actúa como semicompostaxe e con nulo impacto ambiental, inspeccións de equipas, planos de adubado etc. Estas medidas van atinxir de cheo a todo o sector primario: desde unha pequena horta ou viñedo até calquera cultivo froiteiro ou florestal.

No caso de Chantada, con titulares de elevada idade, é totalmente surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación e favorecería, por un lado, o abandono, e, por outro lado, o uso de adubos sintéticos que contaminan acuíferos.

 

Non se estabelece a diferenza entre esterco e xurro.

De feito, o RD é tan incompleto e nefasto que non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo, pola mineralización máis lenta e o favorecemento da microbioloxía etc. É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Tampouco se teñen en conta as características edafoclimáticas da Galiza como se todo o Estado tivese un único tipo de solo e clima e considerando igual unha granxa isolada na montaña do que miles de exploracións concentradas.

 

O eucalipto trátase como SAU.

Outra barbaridade é considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Entre o ano 1985 e 2005 na Galiza 43% da superficie agraria mudou de uso e representa xa menos da cuarta parte da superficie total da Galiza, a metade que na UE, e a perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has. As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio, das cales 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie florestal que ten xa hoxe a Galiza a respeito do seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia. En síntese, a menor SAU maior despoboamento e piores condicións para producir alimentos de calidade e sustentábeis no rural en canto os usos alternativos para esa SAU que se perde son incumpatíbeis cun interior galego vivo. O RD acelera a conversión do interior galego nunha Laponia sen renos nen nenos.

 

Impón a necesidade de asesoramento externo.

No tocante a outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas sen reparar na extensión da exploración, na súa natureza (autoconsumo ou venda maciza) e no uso de adubos da propria granxa ou non. Para máis Inri, fica a porta aberta a que os asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.

 

Impúlsase o uso de lodos de depuradora, refugallos da agroindustria e até residuos plásticos na produción de alimentos.

A realidade supera a ficción. Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica. O RD mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material, un atentado á saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios. Os cidadáns non merecemos gobernos que poñan por cima da nosa saúde e benestar os intereses da agroindustria.

De por parte, os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA.

 

Despropósito nas medicións GEI e no tratamento da agricultura ecolóxica.

Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza. Indícanse 0 horas (si o horas!) de pastoreo cando 61,2 % das granxas galegas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas). Amais, en nengún momento se fala dos pastos permanentes, a pesar de seren sistemas de produción máis extensivos e sustentábeis que reducen os gases de efeito estufa (GEI) e crian un solo vivo. Contrasta este maltrato á agricultura ecolóxica coa ausencia de regulación da gandaría intesiva sen base territorial e moito menos se potencia a soberanía alimentar e os alimentos quilómetro 0.

 

Síntese das nosas alternativas.

Así as cousas, Por Chantada defende:

  • Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
  • Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
  • Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

O Sindicato Labrego Galego e Por Chantada organizan unha xornada para o aproveitamento do monte comunal.

 

O sindicato Labrego galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, interesados ambos polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan o próximo día 11 de xaneiro, as 11:00h no local da AA.VV de San Cristovo (parroquia de Mouricios en Chantada), unha xornada para propietarios de monte comunal e para todas aquelas persoas que se queiran achegar. Falarase da lexislación aplicada a esta tipoloxía de montes, as diferentes estratexias con diferentes cultivos e poñeranse sobre a mesa tamén exemplos de boa xestión.

O Sindicato Labrego Galego e a candidatura de unidade popular Por Chantada, dende o interese común polo desenvolvemento e o futuro do rural, organizan unha xornada dirixida aos propietarios de montes comunais e a interesados en xeral coa intención de achegar información á veciñanza neste eido.

Con esta xornada preténdese ofrecer diferentes formas de xestionar o monte comunal no marco da Escola de Acción Campesina na que participa o SLG. Falaremos de novas formas de explotación e diversas formas de pór en valor os nosos recursos. Para iso, contamos con tres relatores que falarán sobre a xestión dos montes, os aspectos legais que atinxen a estas propiedades e tamén de prácticas novidosas, que introducen alternativas á madeira, como o aproveitamento de resina ou mesmo gando. Todo isto coa intención de crear riqueza e emprego en base ao noso monte.

Intervirán na xornada Alberto Ledo Moure, axente forestal que explicará as particularidades legais que atinxen o monte comunal. Tamén Diego Sánchez Agra, técnico do Sindicato Labrego Galego que falará da xestión dos montes comunais e das diversas formas de aproveitamento dos mesmos. Por último,

José Manuel Yglesias e Ángel Buján Zas, propietarios do Monte Veciñal en Man Común do Carballo Vivo en Friol. Falaranos da súa experiencia particular e do rendemento do seu monte, canto a actividades como a madeira, resina, apicultura, porco celta… entre outras.

Para máis información contáctanos ou consulta o noso evento no Facebook: https://www.facebook.com/events/463651044526300/

MOCIÓN PARA IMPULSAR MEDIDAS A PROL DO SECTOR APÍCOLA

 

Desde Por Chantada-Candidatura de Unidade Popular levaremos ao vindeiro pleno ordinario de marzo , a través do noso concelleiro e voceiro Antom Fente, unha Moción para impulsar medidas a prol do sector apícola.

 

Como deixamos claro na moción, a apicultura é unha actividade social e economicamente relevante na Galiza, xa que o sector conta con máis de 160.000 colmeas en 4.000 explotacións diferentes e unha dinámica de crecemento, máis de 70.000 colmeas nos últimos anos. Porén, as importacións de baixa calidade aumentan ao ritmo dunha regulación da etiquetaxe por parte das administracións que non detalla cal é o país de orixe. Nas últimas décadas as importacións duplicaron no Estado, atinxindo xa as 30.000 toneladas anuais. Fundamentalmente desde Arxentina e China entra mel de baixa calidade ou, moitas veces, adulterado, permitindo a normativa etiquetar meles con menos 1% de mel procedente da Unión europea como mistura de meles orixinarios e non orixinarios da UE, o que, evidentemente, ao noso xuízo, é unha estafa ao consumidor e un fraude ao sector que, na Galiza, desenvolve un papel imprescindíbel.

Cómpre lembrar que o consumo de mel galego só ten aspectos positivos: favorece a economía local, fixa poboación no rural, provoca menores impactos ambientais derivados da importación desde longas distancias e é indespensábel para o mantemento da biodiversidade e da produción agraria pola polinización das abellas.

 

A continuación podedes ler a nosa moción íntegra no seguinte documento (PDF), agardando que sexa do voso agrado: Moción para impulsar medidas a prol do sector apícola

 #SomosAlternativa #CUPChantada 

Contáctanos en cupchantada@gmail.com.

[Audio] Acto formativo Por Chantada-CUP sobre as pensións

 

 

A pasada sexta-feira 16 de novembro impulsamos máis un acto formativo desde Por Chantada-CUP. Deixamos, coma de costume, información sobre o acto, nesta caso o audio íntegro coas intervencións dos relatores e do público. Que preste!

 

https://drive.google.com/open?id=1_gKY0oKpbG2Qzj6Nn8x2PldgZrZQQF0A

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 #SomosAlternativa #CUPChantada 

Lídia Senra denuncia na CE a falta de participación das comunidades afectadas no BIC Ribeira Sacra

 

 

 

En días pasados, a eurodeputada Lidia Senra e a deputada Paula Verao apresentaron en Arcos un interesante libro a prol da igualdade entre mulleres e homes. Aquela ocasión aprobeitámola para facerlle chegar a Lidia Senra as nosas inquedanzas sobre a opacidade e a falta de transparencia na xestión da declaración BIC da Ribeira Sacra. Desta arte, Lídia Senra denunciou na Comisión Europea a falta de participación das comunidades afectadas no BIC Ribeira Sacra, en consonancia co que xa expuxemos desde a CUP nas nosas alegacións.

A eurodeputada entende que é censurábel que a Xunta da Galiza non estexa a informar sobre o procedimento e consecuencias de declarar a área Ben de Interese Cultural precisamente aos habitantes dos territorios atinxidos. A este respeito, Senra lembrou que as conclusións europeas de gobernanza participativa no patrimonio cultural son inequívocas e inclúen que se promova a participación das partes interesadas nas decisións.

 

Pódese acceder a unha copia da pregunta rexistrada na Comisión Europea por Lídia Senra aquí: PE-BIC-Ribeira-Sacra-040518

Para aceder ao documento de Conclusións aquíOJ_C_2014_463_FULL_PT_TXT

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

O acto que impulsamos desde Por Chantada-CUP sobre a declaración BIC e o seu impacto no territorio contou cunha nutrida asistencia, demostrando o interesese e as inquedanzas que este suscita na poboación.

Por Chantada-CUP elevará tres mocións ao pleno ordinario do 8 de novembro de 2017

O próximo 8 de novembro celébrase sesión ordinaria do pleno, adiantada por mor de motivos persoais de concelleiros de Inta que, doutro xeito, non poderían asistir e coa orde do día que anexamos en pdf nesta mesma entrada xunto ás mocións que apresentamos.

Non hai moito tempo, produciuse unha mudanza de pastas no Goberno “por motivos persoais”, onde Castor asumiu Educación e deixou Deportes, que sempre fora o seu grande foco de atención. Previamente a dedicación de Diego Otero e o seu soldo por 4 horas de traballo creara, nos comezos de 2016, unha crise no Goberno de Manuel Varela. Agora vaise producir, tamén por “motivos persoais”, a renuncia á acta de concelleira de Cándida Otero e, por tanto, a saída do Goberno dunha tenente de alcalde. Por Chantada leva toda a lexislatura insistindo en que temos un Goberno en piloto automático que, amais, comeza a dar signos de descomposición e crise, talvez antesala do seu regreso ao útero do partido máis corrupto de Europa: o PP.

Para este pleno, desde a Candidatura de Unidade Popular apresentamos 3 mocións que, coma sempre, oferecemos para coñecemento e discusión pública e que defenderemos na sesión plenaria do día 8. Desta arte, seguimos loitando desde Por Chantada pola defensa dos intereses comúns e abertos á participación e achegas da cidadanía porque acreditamos que a autoorganización popular por riba das siglas é o único camiño para un municipalismo alternativo e transformador que non sexa escravo de siglas nen sucursal de ninguén.

(PDF) Orde do día do pleno de novembro: DECRETO 2017-0503 [CONVOCATORIA PLENO 08.11.2017](3).

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP para dirixirse á Comisión Nacional do Mercado e a Competencia para evitar os abusos no prezo do leite

(PDF) Moción Lei de Predación Galiza

(PDF) Moción de Por Chantada-CUP na defensa dunha política agroforestal ao servizo do pobo galego

#SomosAlterntativa #CUPChantada

Europa non ten constancia da existencia do vertido ao Enviande e responsabiliza á Xunta

A eurodeputada Lídia Senra remitiu a Por Chantada-CUP, ao SLG e a Asociación de viciños Torre de Arcos a pergunta formulada no parlamento europeu así como o escrito de resposta.

 

Imaxe tomada no exterior do muíño da Alameda o 20 de xaneiro de 2017 nun acto impulsado desde Por Chantada-CUP para informar aos medios e á viciñanza sobre o impacto do proxecto de vertidos ao río Enviande. O acto celebrouse nas inmediacións do muíño debido a que  o Goberno de Manuel Lorenzo Varela negouse a ceder o interior das instalacións. De esquerda a direita: Paula Verao, deputada de En Marea no parlamento galego; Antom Fente, voceiro da CUP; Lídia Senra, eurodeputada de AGEE; e Olga Otero, da Asociación de Viciños Torre de Arcos.

 

A eurodeputada Lídia Senra perguntou á Comisión europea se o vertido que se contempla no río Enviande por parte dunha empresa, que xa foi condenada por contaminación e agresións ao medio ambiente, debería ter avaliación de impacto ambiental de acordo coa Directiva 2011/92/UE, así como os requisitos que debería cumprir un proxecto tan agresivo e poluente para ter unha hipotética avaliación positiva.

A ex-secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, cuxa representante local Belén Conde tamén participou da loita veciñal por deter os vertidos, alertou en Bruxelas de que a queixaría podería danar zonas naturais protexidas e tamén a auga de granxas e traídas veciñais, como a Comunidade de regantes de Casteda. Natural de Brollón, Lidia tamén cuestionou se a CE pensa que dita empresa pode compaxinar a súa actividade e este novo vertido ao río co respecto as áreas protexidas pola Directiva de Hábitats.

Pois ben, a resposta chegou da man do Comisario europeo de Medio Ambiente, asuntos marítimos e pesca, Karmenu Vella e é do seguinte teor:

En virtude da Directiva de Hábitats é responsabilidade das autoridades competentes dos Estados membros asegurarse, por medio dunha avaliación axeitada, de que calquera plano ou proxecto que poda afectar de forma apreciábel un lugar Natura 2000 non cause perxuízo á integridade dese lugar.

De por parte, a fabricación de produtos lácteos é unha das actividades enumeradas no anexo II da Directiva de avaliación de impacto ambiental. Por conseguinte, antes de autorizar un proxecto, as autoridades competentes deben determinar se este debe someterse a unha avaliación de impacto.

A Comisión non ten coñecemento do proxecto a que se refire a súa señoría e, á luz da información facilitada, non está en condicións de determinar se esas obrigas se cumpriron no presente caso.

 

Por máis abastamento, o exposto vén coincidir en boa medida coas teses expostas desde Por Chantada-CUP. O noso grupo non só constatou a pasividade do goberno municipal, senón que rexistrou en parcería coa Asociación de viciños Torre de Arcos no seu día unhas alegacións perante a Confederación hidrográfica que seguen, a día de hoxe, sen seren contestadas nas que solitabamos precisamente o informe de impacto ambiental.

Agora, á luz da resposta do maltés Karmenu Vella, consideramos que este informe de impacto ambiental é totalmete necesario e de obrigado esixencia nun proxecto destas características e dimensións. Igualmente, é extremadamente preocupante como continúa sen realizarse un axeitado tratamento dos vertidos e persiste con total impunidade a contaminación dos nosos ríos entre a dilación inexplicábel da Confederación e a pasividade da Xunta. A auga e a calidade da mesma vai ser un ben cada vez máis escaso nun cadro de mudanza climática, sendo a Península o territorio europeo que máis vai sofrer o seu impacto.

Pola súa banda, a deputada  soberina de En Marea, Paula Vázquez Verao, tamén redactou unha pregunta, para resposta oral no pleno e na Comisión do Parlamento Galego, en que lle reclama á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que explique se vai esixir o sometemento do proxecto de vertido ao río Enviande a estudo de impacto ambiental e que nel se contemplen as alternativas posíbeis, informando cumpridamente á cidadanía. Cando se resolva daremos cumprida información.

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

Moción para a adopción de medidas de apoio ao campo galego

Para accederes á MOCIÓN PARA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS DE APOIO AO CAMPO GALEGO preme na seguinte ligazón:

mocion-para-a-adopcion-de-medidas-de-apoio-ao-campo-galego

 

Como curiosidade pomos unha moción apresentada pola dereita local no ano 2009, daquela na oposición:

mocion-pp-pleno-30_04_2009
Moción apresentada polo PP no ano 2009, por aquel entón estaba na oposición tanto en Chantada como na Xunta.

 

Información de interese sobre fitosanitarios

GZ

Desde Por Chantada-CUP organizaremos un acto informativo o vindeiro 29 de xullo sobre a nova lexislación sobre fitosanitarios así como unha visión sobre a influencia e efectos do lobbing das transnacionais dos pesticidas sobre as nosas vidas ou os efectos destes produtos na nosa saúde. Será unha palestra aberta a todo aquel que desexe achegarse e onde poderedes formular as vosas inquedanzas. Conteremos con Vítor Álvarez Árias funcionario de Medio Rural e, antes de máis, activista político envolvido sempre coa causa e nas loitas da esquerda galega emancipadora.

En consecuencia, parécenos interesante oferecer algunha información previa que poda servir para ir aclarando determinadas cuestións que afectan aos usuarios de produtos fitosanitarios e nomeadamente no relativo á Inspección de equipos de apliación de fitosanitarios (ITEAF) ou máis coñecida como a “ITV das sulfatadoras”.

As equipas de aplicación de produtos fitosanitarios, a partires de agora, deberán ser inspeccionadas tal e como estabelece a Xunta e, dependendo da equipa, o seu custo oscilará entre os 75 e os 85€ . A data límite para facelo é o 26 de novembro de 2016. A lexislación aplicábel é o Decreto 60/2014, de 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Galego e o Real Decreto 1702/2011, de 18 de novembro, de inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios.

No entanto, debemos ter claro que non afecta a calquera dispositivo dos que se emprega para dar produtos fitosanitarios. Así pois, non será necesario que unha sulfatadora tradicional pase a ITEAF en ningún caso (xa que non ten unha capacidade superior aos 100 litros). Aqueles dispositivos que si atinxe a nova lexislación antes de pasar a ITEAF deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).

Porén, diferente é o caso doutros dispositivos que si a deberán pasar. Por exmeplo, as equipas móbiles de aplicación de produtos fitosanitarios de uso agrario e non agrario como os pulverizadores hidráulicos, os pulverizadores hidroneumáticos, os pulverizadores neumáticos, os pulverizadores centrífugos ou os espolvoreadores. A maiores, tamén lle afecta ás equipas de aplicación montadas a borde de aeronaves, as equipas instaladas no interior de invernadorios e outros locais fechados ou os pulverizadores de arrastre manual con depósito maior de 100 litros.

Canto á periodicidade das inspeccións nas equipas novas será dentro dos 5 anos a partir da súa adquisición e a partires daí unha vez cada lustro a non ser no caso de titulares prioritarios que será cada 3 anos (asociacións, empresas de servizos agrarios, cooperativas ou comunidades de bens con máis de dez produtores).

Antes de levardes os vosos dispositvos a pasar a ITEAF debedes levar a cabo unha serie de operacións con carácter previo:

1.- Ter correctamente regularizada a equipa, coa documentación da máquina e o número correspondente do ROMA.

2.- O traballador que emprega habitualmente a equipa debe estar presente na inspección.

3.- O dispositivo deberá ir totalmente limpo de tratamentos polo que se debe desmontar preivamente limpando todas as saídas e filtros para que non teña restos de produtos. Comprobar que non haxa obstruccións ou pezas desgastadas.

4.- Arranxar calquera defecto ou disfunción que, con anterioridade á inspección, se teña detectado.

5.- O depósito deberá ir con auga en 3/4 partes da súa capacidade e, preferentemente, accionado polo tractor co que habitualmente se emprega.