A décima sesión plenaria deste 2020 foi extraordinaria urxente, é dicir, convocada con menos de 48 horas de antelación. A “urxencia” xustificouse por mor da necesidade de acometer actuacións e dotalas de crédito. Asistiron 13 concelleiros e 3 persoas como público, para alén do secretario accidental, a interventora e un funcionario.
Antes de comezar o secretario indicou que a orde do día era incorrecta, xa que o primeiro ponto debería ser a ratificación da urxencia, polo que se modificou a mesma.
1.- Ratificación da urxencia.
Desde Por Chantada demandamos que se explique a urxencia antes de votala, como é preceptivo.
Manuel Varela di que é para darlle cumprimento a partidas sobredotadas no Orzamento 2020, que non pasen a 2021 como remanente, senón que permita facer xa obras ou, polo menos, deixalas adxudicadas. A transferencia de crédito é do capítulo 2 para o capítulo 6, é dicir, de persoal a investimentos.
Raquel di que o seu grupo mantén o seu parecer habitual que é aprobar todas as urxencias.
VOTACIÓN: aprobada a urxencia por UNANIMIDADE.
2.- Toma de posesión no cargo de concelleira de María Argiz Ledo.
A concelleira María Argiz Ledo tomou posesión do cargo en substitución de María Varela polo grupo municipal socialista.
Varela intervén para darlle a benvida e indícalle á nova concelleira que os plenos de Chantada non se parecen en nada aos de outros concellos, segundo lle din os funcionarios de habilitación estatal. Aquí non hai problemas dentro das discrepancias. Apostar por traballar conxuntamente desde o goberno e a oposición e agarda que contribúa no eido da educación, onde fixo un bon labor, aínda que non sexa competencia municipal.
3.- Modificación orzamentaria 35/2020, Transferencia de crédito 17/2020 por importe de 216.402,09€.
PROPOSTA AO PLENO TRANSFERENCIA DE CREDITO 172020
MODIFICACIONS ORZAMENTARIAS 2020-0035 [INFORME INTERVENCION]
MEMORIA MP 352020 TC 17 CAMIÑOS E ACCESOS
Desde o grupo municipal popular defenden que é para evitar recoñecemento extraxudicial de crédito (REC) en 2021. Como quedou unha praza libre por xubilación e o capítulo 2 [gastos de persoal] está ben dotado permite facer a TC, xa que quedou remanente do SAF, que se sobreorzamentara. Destinarase ao pago de facturas, obras e a compra de grava e betún se o tempo axuda e senón ficarían sobre 15.000€ sen gastar.
O grupo municipal socialista afea que isto se faga por urxencia, non o entenden ben porque chegaba con que a sesión plenaria fose extraordinaria. Critican a mala previsión do Orzamento 2020, que aínda se aprobou en xuño e vén pouca profundidade nese proxecto, polo que agardan que o novo orzamento veña mellor. As candidades que se transfiren son do SAF, cando en xuño xa estaba a privatización en marcha. Por último solicitan que aclaren as partidas.
152.2-632.00 “Edificios e outras construcións” por importe de 10.116,85€. Varela di que non sabe exactamente a que corresponde esta partida.
153.2-609.00 “Pavimentación de vías públicas” por importe de 7.000€. Para o muro das Córneas.
153.1-610.00 “Pavimentación 2020” (AO criada mediante SC 1/2020) por importe de 33.0002,15€. Destinarase a actuacións nas rúas Antonio Lorenzana, Ramón y Cajal e García Árias.
150-202.00 “Aluguer edificios” por importe de 6.592,40€. Existían impagos e atrasos na renda do Telecentro e agora saldaríase desde maio e poríanse ao día no pago.
150-221.99 “Outros fornecementos” por importe de 24.946,30€. Para áridos e betún que permitan arranxar pistas.
454-610.00 “Camiños veciñais” por importe de 134.736,94€. Para as pistas de Nande e Bermún.
Raquel di que agardan que o fagan ben, xa que son gastos imprescindíbeis. Por iso, votarán a favor.
Desde Por Chantada incídese en que non era necesaria unha sesión extraordinaria urxente, podendo facerse simplemente extraordinaria ou, con maior previsión até evitándoa. Lembran que se opuxeron á privatización do SAF, que é de onde proceden a maioría destes fundos e que a agora vai saír máis caro para o peto de todos e todas. Sobre o Telecentro lémbranlle ao alcalde que non existe contrato formalizado e que é un gasto reiterado anualmente, que xa ten xerado reparos de intervención ao incumprir a Lei de contratos do sector público (LCSP), polo que instamos ao Goberno a regularizar esta situación. Como xesto de boa vontade, na secuencia do debate do Orzamento 2021, votaremos a favor, xa que as actuacións en infraestruturas son precisas, mais agardamos que atendan a parte das demandas que lle apresentamos para o novo orzamento através do documento Mellorar Chantada: Propostas Por Chantada-CUP para o orzamento 2021 Volvemos recapitular o destino das partidas para ter coñecemento exacto do que votamos e esperamos que logo non haxa sorpresas.
Varela di que se destinarán a iso e agradece a posición dos grupos da oposición. Sobre o Telecentro recoñece que fora mellor comprar un solar e facer a nave visto o que se leva gasto. De feito, están pensando en facerse cun solar para armacén municipal e Telecentro con investimento directo ou mediante unha operación de tesouraría. Sobre as demandas de Por Chantada e do PSOE di brincando que cos fundos europeus poderían facerlle fronte, mais dos 5.000 millóns de euros prometidos polo Goberno para os concellos aínda non saben nada. O pleno ordinario será o 26 de novembro e, seguramente, sexa telemático ou no auditorio dasdas as circunstancias. Manuel Diéguez di que está todo pronto para que sexa telemático.
VOTACIÓN: aprobada a TC por UNANIMIDADE.
E non habendo máis asuntos que tratar érguese a sesión ás 20:30 horas do 6 de novembro de 2020.