Por Chantada demandará no Pleno de xaneiro declarar a emerxencia climática e medidas no eido local para un horizonte sen carbono

 

 

O pasado 5 de decembro, a concelleira Cruz Fernández Rodríguez rexistrou a Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono. Mediante esta procuramos contemplar as emerxencias global e local sistemicamente, é dicir, analizar o cenario que aí vén e como propor alternativas e lidar co mesmo desde un concello do interior galego. Para comezar, é necesario un xesto simbólico, procedendo a declarar a emerxencia climática. Para iso, consideramos fundamental implementar un novidoso e audaz programa de estradas de cobertas vexatais (ECV), para o que cómpre un Protocolo local de fomento e conservación das estradas municipais con coberta vexetal (PEMCOVE).

As estradas de túnel ou coberta vexetal (ECV) son aquelas que transcorren á sombra de frondosas caducifolias autóctones, debéndose seleccionar aquelas cuxas raíces non atinxan o firme e que son maioritarias nas estradas de titularidade municipal do Concello de Chantada, sobretodo carballos e castiñeiros. Esta é unha forma de, para alén de medidas de aforro enerxético, situármonos á vangarda da descarbonización.

Para alén do interior é fundamental, que as cotas do carbono non se poxen a nivel global sen ter en conta a contribución de cada terrritorio, é dicir, o carbono fixado no noso territorio non debería saír de aquí permitindo así a dinamización dos diferentes territorios e revertendo a ambiental e socialmente insustentábel concentración de medios produción propia do capitalismo desde o século XIX. Por outras palabras, trátase de exixir o que acreditamos que é de xustiza: que o interior galego receba a cota de carbono que secuestra, ou sexa, o CO2 secuestrado nunha comarca natural debe enlotarse apenas nesa comarca favorecendo o seu desenvolvemento. Desta arte, é mester desenvolver en 2020 un censo das toneladas de carbono fixadas no noso territorio, cando menos aquelas que son públicas ou pertencen a CMVMC, como ponderación para determinar a importancia estratéxica e económica do Concello de Chantada no horizonte da descarbonización e para reforzo do tecido empresarial instalado no noso territorio.

 

Amais, na moción cremos bon acordar estender o convite aos Concellos de Carballedo e Taboada, para avanzarmos conxuntamente como comarca pioneira na descarbonización e trasladar o acordo a outras institucións para que estuden e impulsen solucións análogas, deixando de lado declaracións ampulosas sen consecuencias nen accións concretas.

 

Podes ler a moción íntegra na seguinte ligazón: Moción de Por Chantada-CUP para declarar a emerxencia climática no Concello de Chantada e sobre adopción de medidas no eido local para un horizonte sen carbono

 

#construírfuturo #NonhaiplanetaB

Por Chantada eleva propostas de mellora ao anteproxecto de decreto da Xunta que regulará as directrices da paisaxe na Galiza.

 

Na pasada semana rexistramos Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Anteproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza. Tratábase dun documento moi complexo, asociado a un basto marco normativo e legal. No entanto, desde o grupo de traballo de medio rural, dependente da nosa Comisión política, considerabamos fundamental dar conta dalgúns aspectos que, en síntese, podemos enumerar do seguinte xeito:

  • Fixemos especial fincapé nas especies autóctones e en limitar severamente as especies alóctonas e pirófitas.
  • Apostamos polo mantemento e recuperación de SAU, xa que é vital para un interior e un rural vivos.
  • Limitar os privilexios das transnacionais fronte á cidadanía do común e que se estabezan pautas e normas, como mínimo, en igualdade e non con discriminación positiva para as grandes empresas enerxéticas e expoliadoras do territorio.
  • Ordenación autocentrada do territorio, da paisaxe e dos seus usos. Sempre desde a compatibilidade coa fixación de poboación e coa necesaria transición ecolóxica.

 

Podes consultar todas as achegas aquí (PDF): Propostas de mellora e suxestións de Por Chantada-CUP ao Antexproxecto de Decreto polo que se aproban as directrices de paisaxe da Galiza

#ConstruírFuturo #InteriorGalegoVivo

 

#colapsosentornarratos: imaxes da apresentación dos libros de Xosé Constenla e David Rodríguez.

 

 

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

 

 

Desde Por Chantada-CUP agradecemos a todos os asistentes e, por suposto, aos relatores facer posíbel este acto, que achamos necesario. Por iso, imos dar continuadade a estes actos formativos nos vindeiros meses.  #SomosAlternativa #CUPChantada

 

 

 

Apresentación de dous libros e debate participativo o próximo 14 de setembro

 

Desde Por Chantada-CUP impulsamos máis un acto para reflexionar sobre o tempo e o lugar que nos tocou vivir. Desta volta será o 14 DE SETEMBRO ás 19:30 horas no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Casino).

Trátase de ouvirmos e debatermos cos autores de dous dos ensaios fundamentais publicados na nosa Terra neste 2018: O colapso territorial en Galiza de Xose Constenla e O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega de David Rodríguez.

Xosé Constenla Vela (Compostela, 1980) licenciouse e doutorouse en Xeografía pola USC, exercendo actualmente como docente na UVigo e de León, após o seu paso pola universidade Carlos III de Madrid e a UdC. É tamén autor de (Re)Imaxinando o universo urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela e hai uns meses, en marzo, estivo connosco precisamente para falarmos de modelos de xestión do #territorio na secuencia da declaración #BIC da #RibeiraSacra. Precisamente, froito daquel debate foron as alegacións que apresentamos ao expediente e que intitulamos Os indíxenas imos comer turismo. Agora, Xosé Constenla achéganos o seu novo ensaio O colapso territorial en Galiza, galardoado co Premio Ramón Piñeiro de ensaio no ano 2017.

David Rodríguez (Vigo, 1975) é deseñador gráfico. Publicou teatro radiofónico como O Bamban (2007) ou Nunca me esquecerei de ti (2010), o poemario Lapidarias, os versos escuros (2010) e partipou de ensaios colectivos como Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010), A praza é nosa (2011), 15-M. O pobo indignado (2011), Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado exceção (2012), Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política (2014). Desde 2005 mantén tamén a súa bitácora persoal O Funambulista Coxo que peneirou en papel nun volume publicado en 2012 e intitulado Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro. No tocante a O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega estamos perante un monllo de reflexións imprescindíbeis e necesarias sobre o noso aquí e agora como pobo.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://porchantada.wordpress.com/

 

Se nos queres axudar a promover o acto colando cartaces nos teus espazos de relacionamento social , o cal agradecemos de antemán, podes imprimir o seguinte PDF: cartaz definitivo.

As candidaturas de unidade popular de Lugo comezamos a coordinarnos para resolver problemas comúns

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.

Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade

Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.

Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.

Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.