Apresentación de dous libros e debate participativo o próximo 14 de setembro

 

Desde Por Chantada-CUP impulsamos máis un acto para reflexionar sobre o tempo e o lugar que nos tocou vivir. Desta volta será o 14 DE SETEMBRO ás 19:30 horas no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Casino).

Trátase de ouvirmos e debatermos cos autores de dous dos ensaios fundamentais publicados na nosa Terra neste 2018: O colapso territorial en Galiza de Xose Constenla e O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega de David Rodríguez.

Xosé Constenla Vela (Compostela, 1980) licenciouse e doutorouse en Xeografía pola USC, exercendo actualmente como docente na UVigo e de León, após o seu paso pola universidade Carlos III de Madrid e a UdC. É tamén autor de (Re)Imaxinando o universo urbano. De Baltimore a Santiago de Compostela e hai uns meses, en marzo, estivo connosco precisamente para falarmos de modelos de xestión do #territorio na secuencia da declaración #BIC da #RibeiraSacra. Precisamente, froito daquel debate foron as alegacións que apresentamos ao expediente e que intitulamos Os indíxenas imos comer turismo. Agora, Xosé Constenla achéganos o seu novo ensaio O colapso territorial en Galiza, galardoado co Premio Ramón Piñeiro de ensaio no ano 2017.

David Rodríguez (Vigo, 1975) é deseñador gráfico. Publicou teatro radiofónico como O Bamban (2007) ou Nunca me esquecerei de ti (2010), o poemario Lapidarias, os versos escuros (2010) e partipou de ensaios colectivos como Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural (2010), A praza é nosa (2011), 15-M. O pobo indignado (2011), Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado exceção (2012), Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política (2014). Desde 2005 mantén tamén a súa bitácora persoal O Funambulista Coxo que peneirou en papel nun volume publicado en 2012 e intitulado Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro. No tocante a O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega estamos perante un monllo de reflexións imprescindíbeis e necesarias sobre o noso aquí e agora como pobo.

#SomosAlternativa #CUPChantada

https://porchantada.wordpress.com/

 

Se nos queres axudar a promover o acto colando cartaces nos teus espazos de relacionamento social , o cal agradecemos de antemán, podes imprimir o seguinte PDF: cartaz definitivo.

As CUP’s de Lugo e a Ribeira Sacra animamos á participación na asemblea de En Marea

GZ

As candidaturas de unidade popular da provincia de Lugo e da Ribeira Sacra, redes nas que participamos para defendernos de problemas comúns, queremos un espazo de confluencia, de adscrición individual, para construír a verdadeira unidade popular en Galiza.

Para esta fin de semana, cup’s como Por Chantada, Agroma Sober, Esperta Monforte, Lugonovo ou Son de Manzaneda vimos de acordar facer chamamento conxunto a participar na asemblea de En Marea.

“As candidaturas de unidade popular da provincia agrupadas na Rede Lugo animan á participación na asemblea de En Marea que se vai celebrar o vindeiro 15 de maio, xa que é unha oportunidade para afondar na democratización dun espazo de confluencia que contribúa á construción da verdadeira unidade popular en Galiza.

A participación colectiva é decisiva para reforzar un proxecto que derrote ao PP e configure un polo popular para aplicar alternativas ás políticas que agreden á maioría social. Un espazo que ten que asentarse no municipalismo e nos movementos cívicos para sumar vontades e complicidades, construíndo en común e desde a radicalidade democrática o futuro deste país dende a unidade na diversidade.”

http://enmarea.gal/inscribete-na-asemblea-xeral-de-en-marea/

Encontro das candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra

No marco das xornadas “As figuras de protección medioambiental da UE en zonas de montaña” celebradas en Trives o pasado sábado 16 de abril, as diversas candidaturas de unidade popular da Ribeira Sacra celebramos o noso primeiro encontro abranxendo problemáticas comúns e alternativas para facerlle fronte. Desde un espírito fraternal e de cooperación emitimos o seguinte comunicado:

xornadas montaña AGEE

Seguir lendo

As candidaturas de unidade popular de Lugo comezamos a coordinarnos para resolver problemas comúns

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado domingo, día 2 de abril, xuntámonos representantes das candidaturas de Lugo, tanto cargos institucionais como membros das diversas plataformas cidadás. Desde Por Chantada-CUP valoramos positivamente a xuntanza e pulamos para que sexa o comenzo dunha fraternal colaboración nas problemáticas que afectan á veciñanza dos nosos concellos.

Afondamos así na posta en común dos problemas que confrontamos no distrito electoral de Lugo como a nova Lei do solo –que en Chantada coincide coa aprobación inicial o 18 de marzo do PXOM, na véspera da entrada da nova lei e cuxa aprobación inicial aínda non saíu no DOG–; o Catastrazo, que supuxo no noso termo municipal unha suba de máis de 300% no rural da carga impositiva do IBI; o ferrocarril e a desvertebración territorial, que afecta especialmente á nosa comarca; a defensa da contorna natural, nomeadamente as concas fluviais do Miño e do Sil; as consecuencias nefatas do TTIP para o noso tecido produtivo e para a Ribeira Sacra, pois suporía a desaparición das D.O.; a liquidación do sector agro-gandeiro fronte á pasividade dos nosos alcaldes cómplices de palabra, obra e omisión en boa medida da desfeita; a desfeita demográfica ou emigración da mocidade

Debullando os problemas avogamos por estabelecer métodos de colaboración e construír unidade popular para botar ao PP da Xunta de Galiza, para o que se acordou constituír unha rede estábel de colaboración entre as diversas candidaturas para unificar voz e criterios con posicións unificadas en asuntos comúns fronte ás diversas administracións.

Hai que lembrar que recentemente a Deputación aprobou o seu orzamento anual, que supera os 90 millóns de euros e dos que Chantada non recibirá un só euro alén das transferencias obrigadas, polo que semella que pouco importan as dedicacións que aprobe o Goberno da absoluta de Inta.

Coincidimos os presentes en que é precisa a unidade na diversidade, ou sexa construír unidade popular real, desde a participación democrática, directa e individual, de todas as persoas que así o desexen. En consecuencia, e perante as eleccións ao parlamento de Galiza, decidimos impulsar unha única candidatura unitaria segundo os principios de radicalidade democrática, a participación directa da cidadanía e o noso código ético e de acordo coas iniciativas galegas existentes.