COMUNICADO DE POR CHANTADA SOBRE AS BASES QUE REGULAN A SELECCIÓN DE SEIS PRAZAS DE PEÓNS ESPECIALISTAS PARA TRABALLOS EN EVENTOS CULTURAIS

O que fai a lei, fai a trampa (ditado popular)

Por Chantada - Participación Democrática Directa

BASES PEÓNS EVENTOS CULTURAIS

DECRETO APROBACIÓN BASES PEÓNS CULTURAIS

Por Chantada considera que as bases apobadas pola Alcaldía o día 13 de xullo de 2015 non son xustas, transparentes nin equitativas. É máis valoramos que son un exemplo claro de como non debe funcionar o concello, un exemplo do emprego patrimonialista e privativo dunha institución que é de todos os chantadinos e todas as chantadinas.

Na nosa opinión calquera posto laboral no sector público debe guiarse polos criterios de mérito e igualdade, conforme ao que estabelece o artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008, de 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galiza: 

O acceso á función pública e aos seus corpos ou escalas realizarase mediante concurso, oposición ou concurso-oposición libre, convocados publicamente e baseados nos principios de igualdade, mérito e capacidade, sen prexuízo do que, sobre a carreira administrativa, se dispón nesta lei. Na convocatoria será necesario ter en conta o disposto polo artigo 37 da Lei 7/2004, de 15 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes.

Contratar a seis persoas respectando a igualdade nos méritos e nas capacidades é difícil atendendo á cláusula sexta das Bases, onde non se especifica quen conforma o tribunal e que transmite máis sensación de arbitrariedade que de equidade (con indenpendencia de que formalmente poda axutarse á lexislación, o importante é a ética!). Amais, lembramos que o tribunal segue pendente de designar cando xa existe a listaxe de admitidos. Entre outros evidentes trastornos, dificulta a posibilidade de recusación dos seus membros conforme aos artigos 28 e 29 da Lei 20/1992, de 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. Tampouco se axusta co fondo, apenas coa forma, do artigo 103 da Lei 7/1985 de 2 de abril:

O persoal laboral será seleccionado pola propia Corporación aténdose, en todo caso, ao disposto no artigo 91 e co máximo respecto ao principio de igualdade de oportunidades de cantos reúnan os requisitos exixidos.

E o mesmo podemos dicir para o artigo 91 da Lei 7/1985, que dispón o seguinte:

1.- As Corporacións locais formarán publicamente a súa oferta de emprego, axustándose aos criterios fixados na normativa básica estatal.

2.- A selección de todo o persoal, sexa funcionario ou laboral, debe realizarse de acordo coa oferta de emprego público, mediante convocatoria pública e a través do sistema de concurso, oposición ou concurso-oposición libre nos que se garantan, en todo caso, os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

Nin que dicir ten que a igualdade só se cumpre cando se dispoñen todos os medios para asegurala, como mínimo:


a.- un xurado conformado por persoas competentes na materia
, cuxa composición cando menos aproximada- se coñeza previamente;

b.- uns criterios claros de valoración das entrevistas e dos méritos (mesmo se for preciso cun anexo onde se especifique, por exemplo, que é “certificábel” e por quen no ámbito privado);

c. e, finalmente, mediante a máxima publicitación da convocatoria para o que se debe contactar co INEM local (a fin de solicitar persoas desempregadas que se axusten ao perfil) e publicar no taboleiro de anuncios do concello e na páxina web (estamos no 2015 e o concello non ten nin presenza no Facebook).

Cando isto non se cumpre e se contraveñen estas indicacións é perfectamente posíbel estar dentro do marco legal vixente, mais no fondo non se cumpre a conciencia e se é consecuente coa igualdade, a equidade e a publicidade do mesmo.

 

Seguir lendo