Información de interese sobre fitosanitarios

GZ

Desde Por Chantada-CUP organizaremos un acto informativo o vindeiro 29 de xullo sobre a nova lexislación sobre fitosanitarios así como unha visión sobre a influencia e efectos do lobbing das transnacionais dos pesticidas sobre as nosas vidas ou os efectos destes produtos na nosa saúde. Será unha palestra aberta a todo aquel que desexe achegarse e onde poderedes formular as vosas inquedanzas. Conteremos con Vítor Álvarez Árias funcionario de Medio Rural e, antes de máis, activista político envolvido sempre coa causa e nas loitas da esquerda galega emancipadora.

En consecuencia, parécenos interesante oferecer algunha información previa que poda servir para ir aclarando determinadas cuestións que afectan aos usuarios de produtos fitosanitarios e nomeadamente no relativo á Inspección de equipos de apliación de fitosanitarios (ITEAF) ou máis coñecida como a “ITV das sulfatadoras”.

As equipas de aplicación de produtos fitosanitarios, a partires de agora, deberán ser inspeccionadas tal e como estabelece a Xunta e, dependendo da equipa, o seu custo oscilará entre os 75 e os 85€ . A data límite para facelo é o 26 de novembro de 2016. A lexislación aplicábel é o Decreto 60/2014, de 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Galego e o Real Decreto 1702/2011, de 18 de novembro, de inspeccións periódicas das equipas de aplicación de produtos fitosanitarios.

No entanto, debemos ter claro que non afecta a calquera dispositivo dos que se emprega para dar produtos fitosanitarios. Así pois, non será necesario que unha sulfatadora tradicional pase a ITEAF en ningún caso (xa que non ten unha capacidade superior aos 100 litros). Aqueles dispositivos que si atinxe a nova lexislación antes de pasar a ITEAF deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).

Porén, diferente é o caso doutros dispositivos que si a deberán pasar. Por exmeplo, as equipas móbiles de aplicación de produtos fitosanitarios de uso agrario e non agrario como os pulverizadores hidráulicos, os pulverizadores hidroneumáticos, os pulverizadores neumáticos, os pulverizadores centrífugos ou os espolvoreadores. A maiores, tamén lle afecta ás equipas de aplicación montadas a borde de aeronaves, as equipas instaladas no interior de invernadorios e outros locais fechados ou os pulverizadores de arrastre manual con depósito maior de 100 litros.

Canto á periodicidade das inspeccións nas equipas novas será dentro dos 5 anos a partir da súa adquisición e a partires daí unha vez cada lustro a non ser no caso de titulares prioritarios que será cada 3 anos (asociacións, empresas de servizos agrarios, cooperativas ou comunidades de bens con máis de dez produtores).

Antes de levardes os vosos dispositvos a pasar a ITEAF debedes levar a cabo unha serie de operacións con carácter previo:

1.- Ter correctamente regularizada a equipa, coa documentación da máquina e o número correspondente do ROMA.

2.- O traballador que emprega habitualmente a equipa debe estar presente na inspección.

3.- O dispositivo deberá ir totalmente limpo de tratamentos polo que se debe desmontar preivamente limpando todas as saídas e filtros para que non teña restos de produtos. Comprobar que non haxa obstruccións ou pezas desgastadas.

4.- Arranxar calquera defecto ou disfunción que, con anterioridade á inspección, se teña detectado.

5.- O depósito deberá ir con auga en 3/4 partes da súa capacidade e, preferentemente, accionado polo tractor co que habitualmente se emprega.