Chantada, 2 de setembro de 2021.

O poeta e integrante de Por Chantada, Rafa Lobelle, recitando nun recente recital, que se desenvolveu nas xornadas CULTURMAR, que organizou na semana das festas patronais a Cafetaría Mar de Chantada.
O próximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta da Galiza para que os Concellos adapten as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.
O goberno de Manuel Varela incumpre as súas obrigas: nen se molestou en dous anos en informar aos negocios afectados, nen cumpre as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta da Galiza. Manuel Varela revela unha e outra vez a súa incompetencia en detrimento dun sector xa duramente castigado pola pandemía como é a hostalaría.
No inicio de 2018 entrou en vigor a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas da Galiza, que, fora duramente criticada por varios dos colectivos afectados, desde as comisións de festas e festivais até ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que aquela lei condenaba ao feche.
O 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e estabelecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galiza e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia. O seu contido afecta ás comisións de festas e aos locais hostaleiros e corrixía parcialmente os aspectos máis lesivos da lei para o que unha das pancas esenciais é o obriga para os concellos de realizaren a adaptación das licenzas municipais a esta lei nun prazo de dous anos desde o 14 de outubro de 2019.
No tocante aos horarios, desenvolveuse o decreto mediante nunha orde, á que Por Chantada alegou en setembro de 2019 no período de exposición pública. Coma sempre o Concello de Chantada nen estaba nen se esperaba a pesar de contar con máis medios e dedicacións exclusivas. O senador co seu habitual piloto automático leva dous anos mirando para o ar e o prazo remata de xeito inminente. Por Chantada exíxelle traballo e adicación para seren resolutivos en diálogo coa hostalaría.
Este crónico desleixo fai que Chantada vaia esmorecendo e atinxe directamente tamén á economía local. Nesta ocasión, as consecuencias impactarían na cultura e na hostalaría precisamente os sectores máis castigados pola pandemía.
Desde a candidatura viciñal Por Chantada, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non fai nada para regularizar a situación, apresentamos por rexistro escrito recordándolle a Manuel Lorenzo Varela as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados, informándoos da Lei de Espectáculos e a lexislación que a desenvolve.
O Concello debe outorgarlle ás persoas afectadas un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo estabelecido pola Xunta, a Xunta de Goberno Local, que é o órgano neste caso competente, debe aprobar as licenzas axeitadas á lei.
Tamén aproveitamos para lembrarlle ao Goberno local que segue sen elaborar as bases para repartir os 50.000€ orzamentados para axudas COVID-19 en bonos, tan necesarios para as persoas máis carenciadas pola actual crise.
O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda, Por Chantada seguirá ao servizo da viciñanza, insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulso de campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.
Agardamos que, novamente grazas ao traballo e constancia de Por Chantada, o Leviatán local saia do seu sono profundo e a situación se resolva en favor dos referentes culturais do noso concello.
POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR
