A REDE GALEGA DE APOIO AS PERSOAS REFUXIADAS SOLICITA A RETIRADA DO PREMIO PRINCESA DE ASTURIES A UE

Os setenta colectivos que integran a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, entre eles Por Chantada-CUP, manifestan a súa indignación polo otorgamento do Premio Princesa de Asturies da Concordia á Unión Europea e esixe á Fundación que retire o Premio.

 

A Rede quere manifestar o seu apoio á Red Española de Inmigración y Ayuda al Refugiado, que xa formalmente pediu ao Principado de Asturias así como ao Conceyu de Uviéu que se posicione en contra da concesión de dito galardón, coa intención de sumar forzas de entidades e institucións políticas e sociais para solicitar a Fundación Princesa de Asturies que retire dito premio. Considérase insultante a entrega de dito honor a unha Unión Europea acusada por Nacions Unidas de violar os Dereitos Humanos.

Unha Europa que prohíbe a entrada ás personas que migran fuxindo da guerra, e emprega contra elas todo tipo de represións intolerábeis. Apenas en 2016, según cifras oficiais, morreron 5.096 personas nas aguas do Mediterráneo, a maior fosa común do mundo na que nos últimos 15 anos perderon a vida máis de 25.000 personas.

Ademáis considerase inadmisíbel tendo en conta a experiencia do Goberno español para cumprir co acordo coa UE de acoller  17.387 persoas refuxiadas, das que só chegaron 1304 persoas en case  2 anos. No día de hoxe, 65 millóns de persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares, a maior cifra dende a II Guerra Mundial; 20 millóns están en situación de fame extrema; máis de 30 conflitos enquistáronse en distintos lugares do planeta; e o cambio climático está a acabar co medio no que viven centos de comunidades, coas súas colleitas, a súa auga e a súa vida prevéndose centos de millóns de desprazados nas próximas décadas. O sistema non funciona.

As persoas que migran deixan atrás as súas vidas sen apenas garantías. Foxen de conflitos bélicos, de condicións de pobreza extrema e dun contexto no que se violan sistematicamente os seus dereitos humanos. Realidades nas que os países occidentais tiveron e teñen unha importante responsabilidade, por acción ou por omisión. Cando máis se necesita a paz, máis se alimenta a guerra. A industria das armas non para de crecer; as fronteiras quedaron en mans de empresas privadas; Trump presiona aos países da OTAN para que aumenten ata un 2% do seu PIB o gasto en defensa; e o goberno español aumenta nun 30% o orzamento de defensa.

Para máis información: www.rederefuxiadas.org

Alegacións da CUP ao anteproxecto de transporte para a comarca de Chantada

 

Por Chantada-CUP apresentou no día de hoxe (08/06/2017) alegacións ao Plano de transportes da Galiza, nomeadamente a aqueles anteproxectos que atinxen a nosa comarca (códigos XG548 “Lalín-Monforte-Lugo, con anexos” e XG549 “Chantada-Carballedo, con anexos”) e que consideramos que pecan de improvisación após o fallo do Tribunal Supremo de marzo de 2016, que anulou 129 concesións de transporte público por estrada.

Así as cousas, estas propostas non nacen dun período de exposición e participación real que mapee o rural da nosa comarca e garanta o direito e as necesidades sociais dos habitantes do rual, senón que unicamente fan primar criterios economicistas que só farán empiorar a situación e contribuír para o avance do deserto verde. Entre 2006 e 2016 Chantada perdeu 8’8% da súa poboación a pesar de ser cabeceira comarcal, pasando de 9.249 habitantes a 8.431, se ben a cifra real de residentes habituais é moi inferior. No caso de Taboada a caída demográfica é de 19%, pasando de 3.614 habitantes a tan só 2.928. Por último, en Carballedo, para o mesmo período, a mingua é de 22,2% (de 2.929 habitantes en 2006 a 2.280 en 2016). Un verdadeiro inverno demográfico cunha caída comarcal de 14% da poboación.

Por todo isto, nas nosas alegacións apostamos por garantir o direito ao transporte público de todos os cidadáns, non só os das grandes urbes, impulsando fórmulas reais de transporte baixo demanda que demandan a implicación de todas as administracións e unha participación seria e en condicións do tecido cívico e social na elaboración dun plano integral de transportes para a Galiza.

En consecuencia, valoramos urxente atender ao conxunto da comarca xa que estas liñas parciais asociadas ao transporte escolar non solucionan o centro da cuestión: o direito dos cidadáns do rural ao transporte público e a un transporte público que atenta ás súas necesidades. Así, en canto, os nosos políticos se desfán en prometer o Tren de Alta Velocidade(TAV) o rural esmorece sen un servizo de transporte e as conexións entre Chantada coas 7 cidades galegas e con Monforte son cada vez máis fracas e deficientes e o Goberno de Inta nen sequera foi capaz de contestar ao inquérito da Xunta: ir de Chantada a Vigo supón, por exemplo, por volta de 6 horas con transbordo en Ourense, ou sexa, chégase antes a
Lisboa ou a Madrid.

Rematamos cun parágrafo das nosas alegacións:

Por dicilo todo, isto é un efeito máis da corrupción sistémica engarzada no aparato xurídico-político do Reino de España, onde unha oligarquía vive de depredar os recursos públicos. Non é unha afirmación no ar, senón que o emprego da obra pública como fonte de negocio e lucro é a única explicación ao estado de cousas actual onde en canto a maior parte do territorio non ten servizos de transporte dignos o Reino de España é o estado europeo con máis quilómetros de autovías e autoestradas (máis de 20% do total da UE) e só 2 estados no mundo teñen máis quilómetros totais: EUA e China, iso si con entre 7 e 30 veces máis poboación. Igualmente, somos o primeiro estado europeo e o segundo do mundo con máis quilómetros totais de alta velocidade ferroviaria, aínda que só con 20% e con 7% dos viaxeiros que teñen Franza e Xapón que nos seguen de cerca. Por outras palabras, durante décadas en vez de vertebrar territorialmente o Estado e a nación galega os poderes públicos gastaron billóns de euros en infraestruturas inútiles (aeroporto de Castellón), infrautilizadas, privatizadas… socializando as perdas (autoestradas de Madrid) e privatizando os beneficios (AP-9 amortizada hai longo tempo). E mentres Holanda, Bélxica ou os estados desenvolvidos realmente vertebrados territorialmente teñen un servizo ferroviario de proximidade extraordinario o Estado español desmantela na Galiza as proximidades e o tren segue sen chegar as principais vilas e cabeceiras comarcais do país.

 

#SomosAlternativa #CUPChantada

PDF coas alegacións aquí: Alegacións ao Plano de transporte público de Galiza

 

 

Comunicado de Por Chantada sobre o PEP

Para o pleno do 8 de maio rexistramos por escrito a solicitude de aclaracións sobre o PEP (Plano de Especial Protección do Casco Histórico de Chantada) demandando novamente que se volvese a súa aprobación inicial dadas as numerosas irregularidades detectadas na súa deficiente tramitación entre abril de 2015 e febreiro de 2017. Esta deficiencias consistiron en que se ocultou documentación aos concelleiros da oposición no pleno de abril de 2014 ou que non se notificou o acordo aos proprietarios até decembro de 2016, ou sexa fóra de calquera prazo razoábel após a aprobación inicial.
 
No pleno ordinario de marzo o proprio Manuel Varela dixo o seguinte, así o recolle a acta (páxina 60):
É mellor tramitalo de novo. É un erro. Non hai ningunha ilegalidade e tampouco intención de ocultarlle información, contamos que sexa a primeiros de abril, xa me puxen en contacto co redactor do proxecto e virán a Chantada se fai falta.
No entanto, dous meses depois Inta non só pospón a cuestión até aprobar o orzamento de 2017, senón que tenta descargar na empresa #EPTISA a responsabilidade de non querer volver facer a aprobación inicial para gañar tempo. 
 
É máis, en declaracións a Televinte Chantada o acalde de Chantada restoulle importancia ás pegas ao proxecto de aparcadoiro, defendéndoo coa falaz coartada da peonalización e sabendo que o PEP cos erros na súa tramitación actual non resistiría un contencioso, para alén de que se coartou totalmente a participación cidadá e non se tivo en conta a opinión dos viciños.
 
Pois ben, desde a CUP, acreditamos que a mellor ferramenta é dar información á cidadanía e que xulgue por ela mesma. E dado que unha imaxe vale máis que mil palabras deixámosvos a mostra da dimensión e do impacto que ten o proxecto de aparcadoiro (a área marcada como UI-1). Como se ve ocupa toda a ribeira do Asma desde onde o Casco Histórico oferece precisamente as mellores vistas, nunha área de alto valor paisaxístico e ecolóxico e que acreditamos que debería ser unha zona verde ou hortas urbanas.
 
A grande pergunta é… hai algo que non se nos está contanto? Que novidade houbo nos dous últimos meses para este pinchacarneiro de Manuel Varela? Imos permitir que uns poucos que levan facendo e desfacendo 20 anos en Chantada arrasen valores patrimoniais, medioambientais e turísticos como xa aconteceu antes coa praza de Santa Ana, coa Torre de Vilar de Eiriz, con Xoan XXIII, etc.?
Só a presión popular obrigará a que se volva a tramitar inicialmente o PEP e a obrigar a Inta a retirar o esperpéntico proxecto de aparcadoiro. É a hora de defender desde o sentido común o noso futuro!

#SomosAlternativa #CUPChantada

A comarca de Chantada queda excluída do reparto de Augas de Galiza

nova101106_augasdegalicia

O organismo público Augas de Galicia, cuxa dirección está intimamente ligada ao PP especialmente desde a aprobación da Lei de augas por Núñez Feijoo, volveu demostrar que fai un reparto partidista dos fondos públicos, segundo se desprende do DOGa do 3 de novembro, xa que dos 66 convenios que foron asinados 57 beneficiaron a cámaras municipais con gobernos do PP.

Esta cifra representa máis dun 86% dos convenios asinados con alcaldes do PP, entre o 13 de xuño e o 31 de agosto de 2016 ambas datas próximas a convocatorias electorais. Tamén varían moito as magnitudes sendo as máis importantes as asociadas a actuacións en concellos do PP como Foz con 8 millóns de euros, Laracha con 2, Cotobade con 1’85…

Desde Por Chantada-CUP levamos máis dun ano preguntando polos fondos de Augas de Galicia que corresponden ao concello de Chantada. O goberno do señor Varela non só non aclarou esta cuestión senón que non fixo ningunha xestión ao respecto e volve reincidir na súa incapacidade. Cómpre lembrar que a maioría das 36 parroquias do concello de Chantada seguen a 2016 sen saneamento, cando moitas das actuacións contempladas no DOGa son precisamente actuacións deste tipo, por exemplo os 405.000€ que se van gastar no saneamento das parroquias de Ferrón, A Igrexa e O Pinar no concello de Sober  ou os 35.000€ que se van destinar a San Roque, no concello de Portomarín.

Outra actuación urxente é a dotación dunha deputadora suficiente para Chantada, tal e como recoñece o propio PXOM, e o saneamento do río Asma, así como a separación de pluviais e fecais en moitas rúas de Chantada. Porén tampouco se fixo ningunha xestión neste sentido. Si a fixeron outros concellos como Moraña (60.000€) ou A Pastoriza (30.000€).

DOCUMENTOS:

Resolución do 12 de setembro de 2016 pola que se dá publicidade dos convenios de colaboración subscritos por esta entidade pública no segundo cuadrimestre do ano 2016

Acta do Pleno ordinario do 18 de xaneiro de 2016 (pregunta 23, páxina 21)
ACTA do pleno do 14 de setembro de 2015 (pregunta 5, páxina 34)

Memoria PXOM aprobada inicialmente cos votos de Inta (páxinas 38, 56 e 57)

PXOM: alegacións-tipo para o medio rural

Por Chantada - Participación Democrática Directa

Hoxe queremos pór a disposición dos simpatizantes da candidatura de unidade popular Por Chantada dúas alegación-tipo para os problemas máis salientábeis detectados no medio rural. Con pequenas adaptacións poderán ser empregadas por calquera persoa que se vexa prexudicada pola redacción actual do PXOM con serias eivas.

Descarga os dous modelos de alegacións que facilitamos premendo nas seguintes ligazóns:

modelo 1

modelo 2

Máis sobre o PXOM na páxina de Por Chantada-CUP:

1.- Resumo do acto aberto sobre o PXOM impulsado pola candidatura de unidade popular

2.- Algunhas recomendacións e instrucións para formular alegacións ao PXOM

3.- O PXOM e Chantada: cronoloxía dun desastre

4.- Resumo do pleno extraordinario e accidentado para a aprobación incial do PXOM

5.- Intervención incial de Antom Fente no pleno de aprobación no PXOM

6.- Declaracións do voceiro da CUP en Televinte

7.- PXOM_CHANTADA mapa xeral do solo urbano

8.- PXOM_CHANTADA mapa xeral do solo rural

#SomosAlternativa #CUPChantada

Coñece as nosas propostas para o pleno ordinario do 9 de maio

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O vindeiro luns día 9 de maio celebrarase o pleno ordinario de maio. Desde Por Chantada levaremos a este pleno tres mocións que conteñen propostas achamos que vitais para a nosa vila.

Na proposta íntegra de nova ordenanza que anexamos propomos, entre outras cuestións de relevancia, rebaixar o tipo xeral do IBI rústico ao mínimo legal do 0’3%, aplicar bonificacións a aquelas vivendas que fan esforzos para cumprir coa eficiencia enerxética, a familias numerosas, ou bonificacións entre 90-95% para os inmóbeis ligados a explicacións gandeiras ou núcleos tradicionais do medio rural recoñecidos polo ordenamento urbanístico como tales. Trátase, en suma, dunha proposta de ordenanza fiscal moito máis completa e actualizada que a existente, que mesmo insire certa progresividade e que, de aplicarse, suporía unha baixada deste imposto para máis do 95% dos veciños.

Alén do exposto formularemos coma sempre moitas outras cuestións relacionadas con asuntos que nos fan chegar desde a veciñanza, o último aínda onte, ou relacionados coa nosa función fiscalizadora do Goberno atrapado nas vellas inercias da inacción que sempre lle foron propias e que a maioría absoluta só fixo aumentar.

De especial relevancia son a nosa proposta de regulamento para o auditorio municipal ou as nosas consideracións sobre o estado, deficiencias e alternativas para a Casa da música, a raíz dun informe do arquitecto municipal que conseguimos que se fixera mal que ben a raíz dunha proposta que apresentamos en xaneiro. A respecto da proposta sobre o regulamento municipal desde o concelleiro de cultura de Inta fixo afirmacións sesgadas sobre a mesma. Entregámola en xaneiro sen obtermos resposta e primando as asociacións e o seu uso aberto a todas e todos. Publicaremos ambas as propostas xunto co resumo do pleno.

 

Aprobeitamos tamén para denunciar que a concelleira de servizos socias levase as bases que rexirán o reparto de alimentos só a Xunta de Goberno Local sen contar coas propostas da oposición nin atreverse a debaterse en pleno esta cuestión de vital trascendencia.

#SomosAlternativa #CUPChantada

 

 

#MAREASENCOMÚN Constuíndo unidade popular para a ruptura democrática

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pasado sábado día 9 de abril démonos cita máis de 40 candidaturas de unidade popular de toda Galiza, congregando a máis de 150 persoas na Casa da cultura de Santo Tomé de Piñeiro (parroquia de Marín). Entre outros debates, troca de pareceres e problemáticas adotáronse os seguintes ACORDOS:

* As Mareas En Común acordan un momento constituínte para a confluencia nas eleccións galegas, para o que é imprescindíbel abrir o proceso á cidadanía e aos axentes sociais e políticos, decidindo cuestións coma a fórmula para celebrar primarias, o modelo organizativo e o código ético dos cargos electos.

*Aprobáronse tamén os principios básicos que guiarán o proceso, coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas candidaturas municipalistas, e unha organización interna baseada, como non podía ser doutro xeito, na democracia directa, ou sexa na participación individual de todas aquelas persoas que partillen os nosos principios ético-políticos: defensa dos dereitos humanos; radicalidade democrática, incluído o radical dereito democrático de autodeterminación; transparencia e loita contra a corrupción; feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación; defensa da lingua e a cultura galega; defensa do ambiente e o benestar animal; xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común…

*No tocante á organización interna, foi aprobado o modelo de Organización Interna das Mareas en Común, baseado na participación individual e cunha estrutura simple e en rede, na que as persoas están no centro. A organización descansa en dous niveis, o local, no municipalismo que deu impulso a este proceso, respectando a total autonomía das candidaturas na política local, e o nacional, onde se toman as decisións que afectan a toda Galiza.

A vindeira xuntanza das candidaturas de unidade popular galegas será  en Sada en próximas datas, e nela fecharase definitivamente esta nova metodoloxía.

Saúde e unidade popular!

Secretaría e intervención coinciden coa oposición en sinalar irregularidades no recoñecemento extraxudicial de crédito para obras por valor superior a 600.000€

Por Chantada-CUP
Por Chantada-CUP

 

No día de onte (02/02/2016) a secretaría do concello de Chantada emitiu un informe a petición dos grupos da oposición en que afonda no xa exposto no informe da intervención.

No resumo do pleno ordinario de xaneiro demos conta, nos puntos 5 e 6, do Expediente de modificacion de crétidos: suplemento de crédito 1/2016 e do Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016Desde a candidatura de unidade popular Por Chantada afirmamos que Inta trae a pleno facturas por valor de 631.486’97€, das cales só había no orzamento de 2015, prorrogado do de 2014, dotación orzamentar para 120.840’40€.

Porén, resulta que gastaron 510.646’57€ [P.O. 450.610.00 Arranxo camiños municipais], non previstos, e que  aprobaron vencido xa o exercicio 2015  -malia non dispor aínda da liquidación do exercicio- a cargo do remanente de tesouraría. Sexa como for, tanto a intervención como a secretaría coinciden coa oposición en sinalar irregularidades no proceso.

Trátase dun novo exemplo de mala xestión e de falta de previsión, vicios crónicos nas etapas de Manuel Varela como alcalde de Chantada. Neste caso, aparecen facturas con datas coincidentes (sempre 31 de agosto ou 31 de outubro) e sempre deténdose na barreira legal dos 49.000€ para evitar as consecuencias legais e poderen facturar como contratos menores máis de 600.000€ en actuacións feitas por dúas empresas.

A falta de previsión tamén afectou mesmo a incluír erros de suma por valor de 1.000 euros e un céntimo, xa que se inicialmente eran 631.486’99€ finalmente tratábase de 630.486’98€.

A posición da CUP é que as inversións que xustifican a ollos do Goberno este recoñecemento extraxudicial son diversas actuacións necesarias en pistas e camiños, mais que non se consignaron axeitadamente nos orzamentos, imaxinamos para cadrar así as contas. A pesar de Gobernar durante a pasada lexislatura foron incapaces de facer uns orzamentos para 2015, prorrogando os de 2014 e desde maio xa viñeron de xeito bastante discutíbel e irregular as facturas de ICOS ou agora máis de medio millón de euros en obras limitadas na barreira dos 49.000€.

As datas das facturas en 31 de agosto e 31 de decembro chámannos tamén a atención cando as obras se realizaron desde o mes de maio inclusive e dan conta de que Inta ten plena consciencia da irregularidade que comenten, o cal aínda é máis grave. O informe da intervención recolle que estamos perante unha clara irregularidade, por exemplo, e citamos textualmente:

Tanto por economía procesal como para evitar menoscabos adicionais á parte da relación xurídica que non ocasionou a posíbel irregularidade no procedemento [é dicir as empresas que fixeron as obras], sempre ca contía a pagar derivada da contratación se presuma non superior á indemnización que se debería abonar se o procedemento for anulado, semella razoábel convalidar o acto irregular.

Asemade afírmase que non debería volverse dar esta situacion no futuro. De por parte, non é menos contundente a secretaría:

secr irreg Ch

Polo exposto, desde Por Chantada queremos ser solícitos co noso labor de fiscalización da acción do Goberno e que a cidadanía sexa partícipe dos asuntos públicos, contando Chantada cun Goberno que fai bandeira da improvisación e dunha xestión moi mellorábel, que tamén se reflexa no Orzamento de 2016 e que afecta ao día a día dos veciños.  Deste xeito, Inta demostra infelizmente que non ten un proxecto político e moito menos o proxecto de futuro e de emerxencia que precisa con urxencia o país do Faro

 

Documentación de referencia:

Suplemento de crédito 1/2016 co informe da intervención: suplemento de créditos S.C.01-2016

Recoñecemento extraxudicial de crédito coa lista de facturas: recoñecemento extraxudicial 01-2016

Informe da secretaría a petición dos grupos da oposición: INFORME FACTURAS CAMIÑOS