Medidas para recuperar a vida económica, a ilusión no futuro e ser un lugar onde vivir e traballar dignamente

Se a cidadanía nos dá a confianza o día 24 de maio, os nosos compromisos son pór en marcha dentro dos primeiros 100 días de goberno as seguintes medidas:

1. Aprobación dun regulamento de participación veciñal que inclúa a consulta directa á cidadanía nas decisión máis relevantes do goberno municipal ou cando o soliciten o 10% das persoas censadas no municipio.
2. Mitigar a pobreza, comezando pola infantil, debe ser unha prioridade no concello, xa que as persoas en situación de exclusión social no sur de Lugo supera o 30%, sendo Chantada o segundo concello da zona con menor gasto social por habitante (só por detrás de Monforte de Lemos).
3. Auditoría externa de recursos humanos do concello co fin de facilitar e visualizar o labor das persoas que traballan no mesmo.
4. Aclarar e dar a coñecer as contas do Concello para ver os recursos reais dos que dispomos. Colaborar activamente coas investigacións xudiciais e esixir que sexa devolvido até o último euro se for o caso.
5. Na administración municipal: igualdade, equidade, axilidade e trato amábel. Facilitar á cidadanía o asesoramento preciso en colaboración cos sindicatos para a realización de trámites administrativos, solicitude de subvencións ou calquera tipo de relación coas diferentes administracións.
6. Reducir á metade o gasto en dietas e soldos do Goberno Municipal.
7. Reducir o alto custe do sostemento dos servizos e tomar en serio o aforro enerxético: eficiencia con xestión directa dos servizos municipais e obras.
Concretamente:
a) Iniciar captación do subministro de auga nun punto suficientemente alto para que chegue polo seu peso aos depósitos de distribución co conseguinte aforro enerxético e económico que isto suporá. A auga a baixo prezo será ademais unha vantaxe comparativa para a instalación de empresas.
b) Iniciar o rescate da concesión da auga entregada irregularmente a Acuagest (agora Viaqua) que está a esquilmar ás veciñas e veciños con prezos abusivos. Rebaixa do prezo da auga.
c) Rebacheo e desbroce das estradas municipais facendo uso da maquinaria municipal case abandonada nos últimos catro anos.
8. Iniciar os trámites para a rebaixa do IBI que é abusivo para a situación económica de Chantada.
9. Medidas lexislativas a prol do empadroamento de xente moza e novas familias no Concello a través de axudas ao alugueiro de vivenda, redución de impostos, axudas a libros de textos, vales de compra na vila ou prazas da escola infantil.
10. Posta en marcha do consello económico social. A unidade dá forza para esixir máis inversións para Chantada.
11. Estimular á creación de postos de traballo con beneficios fiscais. Tamén tendo en conta a creación de postos de traballo locais en todas as adxudicación de obras e/ou servizos. Estudo de medidas para facer máis atractivo o polígono dos Acivros á hora de instalar novas empresas.
12. Apoio decidido á creación ou recuperación de explotacións agrarias familiares.
a) Ao menos o Concello prestará asesoramento en colaboración cos sindicatos agrarios que estean dispostos.
b) Apoiar con todos os medios a transformación do leite en Chantada recuperando o papel punteiro que hai anos tivo neste eido. A desaparición das cotas do leite, que xa é efectiva dende o pasado 1 de abril, faino máis necesario ca nunca e abre a oportunidade de que o queixo e a manteiga de Chantada volva a estar a disposición dos consumidores. Impulso a iniciativas emprendedoras que aposta pola transformación do leite e venda directa ao consumidor cun método vía “autoservizo” como xa existen noutros concellos próximos.
c) Apoio a industrias artesanais e familiares ou cooperativas.
d) Ver a posibilidade de creación en colaboración cos sindicatos agrarios dun mercado de produtos locais e ecolóxicos.
e) Campañas de xestión e difusión do desenvolvemento sostíbel (tratamento de residuos domésticos, aforro de enerxía, uso de pesticidas e herbicidas, empresa-verde, estilos de vida saudábeis…)…
f) Plan de ordenación viticultura, en colaboración co sector, para crear un rexistro municipal de produtores e viñedos, co gallo de crear un banco de alugueiro que favoreza que novas persoas podan incorporarse ao sector. O plan atenderá igualmente ao ordenamento das adegas na ribeira para dinamizar o turismo.
g) Reclamar unha descentralización do Consello Regulardor da DO Ribeira Sacra, para dotalo de maior operatividade e sensibilidade cara a nosa ribeira.

13. Recuperación da figura dos Alcaldes Pedáneos por elección popular (por parroquias/barrios/zonas) como figura pública para facilitar a relación veciños-concello.
14. Plan de servizos de auga e rede de sumidoiros naqueles núcleos que for preciso.
15. Esixir a execución do proxecto aprobado pola Confederación Hidrográfica en 2009, de saneamento do Río Asma incluíndo unha nova depuradora suficiente.
16. Promoción da construción dun centro de día con máis capacidade.
17. Reclamar a existencia dun xeriátrico público en Chantada.
18. Estímulo ao adecentamento de edificios e humanización dos espazos públicos. Estudo da implantación dunha zona azul de balde, mais con límite temporal para estacionar naqueles lugares con maior tránsito.
19. Pór a disposición das asociacións, movementos sociais e organizacións veciñais un espazo público.
20. Elaboración dun plan de dinamización do turismo de natureza e o enoturismo en colaboración cos axentes públicos e privados (consorcio, adegueiros, casas rurais, empresas de turismo activo…), en particular en dous espazos como “a ribeira ou lagoa de Peares” e o “Camiño de Inverno a Santiago e a súa variante por Oseira”. Potenciar a marca Ribeira Sacra e a súa presenza en feiras de turismo galego a incluso internacional para difundir as nosas potencialidades turísticas.
21. Estudar unha saída á casa municipal da Alameda para o seu uso publico e cultural.
22. Prohibir o circo con animais. Crear unha ordenanza municipal sobre animais domésticos, onde a responsabilidade cidadá prime sobre as prohibicións.
23. Impulso á rehabilitación, recuperación e posta en valor do patrimonio histórico – artístico e natural.
24. Apoio ás iniciativas impulsadas polas asociacións, así como os numerosos eventos que se promoven anualmente. Impulso de ciclos culturais anuais sobre temas de interese a convir cos veciños nunha reunión preparatoria a comezo de ano coa fin de estabelecer un calendario para os diferentes centros cívicos veciñais, casas comunais ou centros de barrio.
25. Reclamar a cesión ao Concello das vivendas do Cantón construídas para alugueiro e que a Xunta mantén sen uso e no abandono.
26. Potenciar o coidado e posta en valor do casco histórico da vila como valor turístico.
27. Solicitar a creación dunha sede da Escola oficial de Idiomas (EOI) na vila ou no seu defecto, dunha delegación adscrita á EOI de Monforte de Lemos que permita a realización das probas oficiais en Chantada sen ter que desprazarse continuamente a Monforte.
28. Dinamización da Biblioteca Municipal, reactivando o programa de actividades, o préstamo de libros e os fondos bibliográficos e audiovisuais. Estudar a recuperación da Feira do Libro.
29. Axuda para aquelas comisións de festas parroquiais que apostes nas súas programacións pola música e a cultura (teatro, contacontos, humoristas…) en galego.
30. Instar á Xunta a revisar a sobrevaloración catastral das parcelas, que repercutirá na contribución, máxime cando xa se perderon 12 reclamacións xudiciais sen revisar unha taxación á alza con prezos da época da burbulla inmobiliaria.