Por Chantada impulsa unha moción para dotar dunha canle pública galega á mocidade.

 

Mediante esta nota de imprensa damos conta de que, na vindeira sesión ordinaria do Pleno da Corporación de Chantada, defenderemos a Moción do grupo municipal Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular para dotar dunha canle pública galega á mocidade, a cal podedes consultar integramente premendo aquí: Moción Por Chantada para dotar dunha canle pública galega á mocidade (arquivo en formato PDF).

Concretamente, demandamos as seguintes cuestións:

👉 Ao Goberno do Estado que a TVE emita os seus contidos con dobraxe ao galego, nomeadamente na programación da canle Clan TV e nos contidos da súa APP. Amais, debe facerse efectivo o compromiso de recepción na Galiza das canles de televisión portuguesas a través da TDT, segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, máxime ao non existir nengún atranco desde a aprobación, pola banda portuguesa, pola Assembleia da República dunha iniciativa a favor de recibir as televisións e radios portuguesas na Galiza e tamén desde o Parlamento galego.

👉 Á Xunta que adopte medidas e accións precisas para que a Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) aumente a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como App actualizadas que conten ademais con programas e xogos co fin de garantir nesta canle en galego, a presenza de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega.

👉 Ao Concello a criazón dunha praza para contratar unha persoa técnica en normalización lingüística no Concello de Chantada e pular para que as actividades lúdicas e culturais dirixidas á infancia e á mocidade e financiadas polo Concello de Chantada se desenvolvan en lingua galega.

 

Na exposición de motivos, entre outras cuestións, incidimos en que a  lingua galega é a única oficial no Estado que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil, a diferenza do que acontece co castelán, co catalán e co éuscaro. O resultado disto é que só 4,6% da programación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana, o que unido a emerxencia das RRSS e da prevalencia do castelán nas mesmas, así como noutros dispositivos electrónicos de lecer, invisibiliza na práctica a nosa lingua nas camadas máis mozas da poboación. A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español, agás as galegas, poden gozar dos mellores contidos televisivos na súa lingua.

En consecuencia, na actualidade, a situación da lingua galega entre a mocidade é dramática. Por dar apenas algúns dados: tres de cada catro rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74,88%) son castelanfalantes e só 23,90% sabe falar galego. Daquela, cómpre un compromiso enérxico de todos os poderes públicos a prol da nosa lingua.  Como deixou para a historia escrito Afonso Daniel Rodríguez Castelao no Sempre en Galiza (1944): «unha língoa é mais ca unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte». Así pois, xa que o goberno galego conta con importantes recursos para tornar realidade a demanda cidadá para que o galego estexa presente e dispoñíbel en todos os espazos, nomeadamente para a infancia e a mocidade, é o momento de irmos á fronte a prol das mil primaveras máis para o galego das que falaba Álvaro Cunqueiro.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.