Resumo pleno ordinario 19/10/23 [audio]

 

O pleno comezou ás 20 horas coa asistencia dos 13 concelleiros, o secretario accidental Ledo Cores e a interventora municipal. Como público asistiu unicamente unha persoa.

Audio íntegro do pleno ordinario do 19 de outubro de 2023

 

CartazGM-PChIGV

 

A) Parte resolutiva

1.- Aprobación da acta da sesión anterior, ordinaria de 7 de setembro de 2023.

Acta pleno_ORDINARIA_070923 [non incorpora as mudanzas]

Aprobouse por unanimidade acabando o pleno, xa que ao comezo ficou sobre a mesa pois o secretario accidental non lembraba se unha concelleira asistira ou non, indicando Fente que no pleno anterior faltara Manuel Diéguez (PP) e Elena Pavón (PSOE). Rematando o pleno Ledo Cores dixo que lembraba que a concelleira non asistira e esta ratificouno nise momento.

 

2.Modificación orzamentaria 42/2023, mediante Suplemento de Crédito 02/2023 por importe de 57.617,44 euros.-Exte.-G1361/2023

Proposta ao pleno

INFORMES DE INTERVENCION 2023-0027 [ SC PARTICIPACIÓN TRIBUTOS ESTADO]

Na comisión informativa non se nos quixo informar sobre o destino dos fundos que se receben de xeito extraordinario do Estado por maiores transferencias das agardadas. Trátase da participación nos orzamentos do estado que anualmente transferen aos concellos. En total no 2023 Chantada recebeu máis de 60.000 euros ca no ano 2022 o que contrasta cos constantes laídos do PP sobre o Goberno central (especialistas en culpar a aquelas institucións en que non gobernan mentres eximen de calquera culpa á Xunta a pesar do desastroso funcionamento de moitos servizos básicos da súa competencia ou do crecente cofinanciamento en política social).

No Pleno, cando o volvemos perguntar, foi aínda pior. Mentres a interventora dixo descoñecer a que se ían destinar, o alcalde tentounos enganar afirmando que eran para a suba dos salarios cando son para pagar actuacións de empresas, portanto non importa mentir a caracán e sabendo que o está facendo, pois Fente advertiu que a partida non era para iso, senón para pagar a terceiros. Concretamente, trátase da aplicación orzamentar 338.227.99, que é da área de Festexos (“Outros traballos realizados por outras empresas”). Sospeitamos que moitas destas actuacións, ao igual que as obras feitas en campaña eleitoral, non seguiron a tramitación acorde á Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) e á lexislación vixente.

 

A favor: 7 PP. En contra: 6 (4 Por Chantada – IGV) e 2 PSOE).

 

3.Modificación orzamentaria 43/2023, Transferencia de crédito 15/2023 por importe de 62000 euros.-Exte.-G1364/2023

PROPOSTA AO PLENO

Informe_MO 2023-0040 [INFORME MP 432023 TC 152023 PARA DEPORTE]

Sorprendeunos que coa dotación orzamentar tan elevada que tiña a área de deportes fose precisa esta modificación que non se xustificou en nengunha actuación concreta na comisión informativa. Xa no pleno perguntamos novamente e o alcalde falou de reparacións para as que non había dotación económica, sinalando a inundación da piscina e as reparacións da caldeira de penso calórico. Fente perguntou se non había un seguro que se fixese cargo e contestóusenos que non porque é unha neglixencia municipal ao haber retroceso de auga cando o río aumenta o caudal… coma sempre o peto da viciñanza faise cargo das consecuencias de décadas de xestión errática e sen planificación nen rigor. Posteriormente, o alcalde explicoulle ao voceiro do PSOE que nesa partida inclúense todas as instalacións (pavillón, campo de fútbol, piscinas…), xa que descoñecíao.

A favor: 7 PP. En contra: 6 (4 Por Chantada – IGV) e 2 PSOE).

 

4.Moción do Grupo Municipal Por Chantada-Interior Galego Vivo para impulsar a mellora da comunicación a seguranza e a potenciación dos valores patrimoniais do Barrio da Ponte.-RE. 1337 do 10/10/2023.

Moción_PCh_IGV_bairrodaPonte

Fente defendeu a moción, explicando as propostas de acordo, e lembrando que foi o alcalde o responsábel de aceitar a nefasta solución dos semáforos e que anos despois nen sequera foron capaces de renunciar ao convenio para comezar as actuacións que permitan ter unha ponte de duplo sentido (durante o bipartito houbera un proxecto de ponte de sentido único que non chegara a executarse). Fente lémbralle a PP e PSOE que o levaban no programa polo que a proposta debería saír por unanimidade e que o Goberno municipal ten que facer xa unha modificación pontoal do plano urbanístico que permita construír a ponte.

Mariano López Nieves (PSOE) espuxo que o seu grupo concorda coa ponte e que o levaban no programa. Tamén anunciou que vai interceder diante da Deputación de Lugo e até diante do Goberno do Estado, pois é unha obra necesaria e como grupo apóiana ao ser boa para o concello.

Manuel Varela (PP) tamén concorda coa moción e que antes de dous anos deberían ter o novo PXOM aprobado, aínda que ve factíbel facer unha modificación pontoal do PXOU (1985) para acelerar o proxecto. Baseou a intervención en descargar a responsabilidade da construción na Deputación de Lugo e ofreceu aos voceiros a ir conxuntamente a Lugo á Conferederación e á Deputación. Defende que se pode facer na primavera se a Deputación fai o proxecto e a infraestrutura. 

Mariano (PSOE) di que farán as xestións oportunas.

Fente (IGV) lembra que unha modificación do PXOU leva moito máis tempo ca 6 meses e desde Por Chantada – IGV mostramos o noso total escepticismo, xa que o PP unicamente aproba a moción para en época preeleitoral culpar a Deputación do PSOE de non facer a actuación… novamente falta seriedade e altura de miras. Agardamos estar equivocados e que se traballe realmente para conseguir unha nova ponte, mais vendo os antecedentes que se explican na moción é difícil ser optimistas.

Aprobada por UNANIMIDADE (13).

 

5.- Moción do PS de G-PSOE para o cambio de nome dunha rúa de Chantada polo de “8 de marzo” e emendas á mesma apresentadas polo Grupo Municipal Por Chantada-IGV.

Moción rúa 8M.-PS DE G-PSOE

Emendas-IGV_Moción_8M_PSOE

Expón a moción Elena Pavón (PSOE) e di que o nome actual da Travesía do Concello non ten sentido e que estando alí o CIM sería un bon xesto pórlle Rúa Oito de marzo.

Desde o PP o alcalde di que podía mercerer unha rúa meirande e que falando cos seus compañeiros prefererirían comezar por pór nomes de mulleres importantes, mais que apoiarán á moción. Adverte que non é conveniente mudar o nome das rúas, xa que ten consecuencias.

Helena Fernández (IGV) manifesta a conformidade do grupo municipal de Por Chantada coa proposta, que agradece. Porén, entende que ao igual que se fixo noutros lugares da Galiza debería facerse unha revisión integral do rueiro e que a simboloxía tamén require visibilidade se quere ser efectiva preferindo dar visibilidade á igualdade na praza da Galiza, que ninguén chama así, para o 8 de marzo e que non tería consecuencias ao haber nela unicamente edificios administrativos moi ligados precisamente á igualdade: o Xulgado, o CIM ou os sindicatos coa grande importancia distes últimos nas conquistas sociais. En definitiva, a emenda de Por Chantada busca a revisión do rueiro recuperando nomes tradicionais como O Cantón a partir dunha comisión para mudar o que estexa desfasado e aprobeitar para visibilizar no rueiro mulleres locais.

Elena Pavón (PSOE) contesta que non lles parece ben tirar o nome do país a unha praza, que a súa proposta é a que é e ponto.

O alcalde (PP) di que non lle parecería ben reteriar o nome da comunidade autónoma para dedicarllos ao 8 de marzo e pede respeitar a moción do PSOE e noutro momento ver que tipo de rúas se mudarían [manipula descaradamente xa que o procedemento das emendas é habitual na vida parlamentar e sábeo perfeitamente como ex-senador. O proprio grupo que encabeza ten emendado ducias de mocións de Por Chantada e non por escrito e con antelación, mais no momento]. Continúa dicindo que en Chantada gobernou UCD e o PP case sempre e foron aínda así pioneiros en retirar os nomes das rúas franquistas sen pór nunca impedimento [volve manipular ocultando que se mudaron precisamente nunha lexislatura onde il non gobernaba como demostra a hemeroteca]. Defende que se faga un referendo [sic.] e que il non quere unha rúa despois de 24 anos para 28 na alcaldía, que só quere cumprir coa cidadanía, aínda que vai ser difícil que haxa outro alcalde que bote tantos anos.

Emenda Por Chantada – IGV: A favor 4 (Por Chantada – IGV) En contra: 9 (PP e PSOE).

Moción: UNANIMIDADE (13).

 

6.Asuntos de Urxencia.

Non se tramitou nengún.

 

B) Actividade de control

7.- Dación de conta dos reparos de intervención. Exercicio 2023. G370/2021.

 

8.- Dación en conta de decretos da Alcaldía. Números 840 de 2023 a 928 de 2023.

 

9.- Rogos e perguntas.

1.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS por unha SUBVENCIÓN PERDIDA para conseguir un vehículo para persoas maiores, dependentes ou con discapacidade con cargos aos fundos Next Generation UE.

Contesta o alcalde que non era unha necesidade, que era para os servizos sociais ou para levar a alguén a algunha viaxe, que o farán igual.

 

2.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS un sinal de STOP para o cruce da estrada Faluche-Cuqueira na súa ligazón coa LU-P-1817.

Contesta o alcalde que nunca un problema tivo co coche, que hai que andar de vagar e que agora lle piden moitos espellos.

 

3.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS que se revisen todas as prazas de aparcamento para PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA, xa que algunhas teñen mala accesibilidade. A maiores, rogamos que se impulsen máis xa que son escasas as existente.

Contestan que temos razón e que están pendentes de pintar dúas nas inmediacións de AFA e do Centro de Día.

 

4.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS novamente que non se debería usar CAUCHO NOS PARQUES INFANTÍS. O Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas da Universidade de Santiago de Compostela vén de receber un premio por un estudo que demostra que até trinta e cinco substancias químicas tóxicas foron detectadas no caucho reciclado de pneumáticos que se emprega para acolchar o chao dos parques infantís. Por exemplo, Policarburos aromáticos policíclicos (PAHs), ftalatos, antioxidantes… Algunhas mesmo son canceríxenas.

O alcalde responde que se enteraron que vai afectar tamén para o 2030 aos campos de fútbol, que é normativa europea. Deféndese dicindo que non se decataron antes de inaugurar o da Alameda e que a ver se son capaces de adaptarse en tempo en forma á Directiva europea. A partir de agora tirano en conta [dixémosllo hai anos cando fixeron irregularmente nunha zona que se inundaba o parque das piscinas sen resultado].

 

5.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS polas RATAS E LIXO acumulado sen intervención municipal entre a Avenida de Portomarín e a Avenida de Lugo a pesar de que o alcalde era coñecedor do asunto.

Contesta o alcalde que debían andar hoxe limpando os particulares. Só se vía desde a Cruz Vermella e Protección Civil. Hai xente que ten moita présa. [Lembrámoslle que na limpeza de solares e nas faixas de seguranza arredor dos núcleos rurais o Concello ten a obriga de incoar expediente e faculdade sancionadora e de execución forzosa, mais que non se está facendo].

 

6.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS unha solución para o MURO DA GRADA DO SANGOÑEDO que pode ser retiralo e facer que a grada chegue até abaixo ou polo menos acolchalo para que en caso de que algún choque, amortigüe o golpe.

Contestan que xa están traballando niso.

 

7.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS partida orzamentar no 2024 para un VESTIARIO ADAPTADO E ACCESO Á PISCINA e ao vaso igualmente adaptado para persoas con mobilidade reducida.

O alcalde di que tocamos de ouvido e que estiveron cunha persoa con mobilidade reducida que precisa do servizo nas piscinas. Van facer un baño na sala de masaxes cando teñan a memoria do técnico municipal de urbanismo.

 

8.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS polo descenso nas saídas de SENDEIRISMO a pesar da demanda existente.

O alcalde di que non lle consta. A concelleira de deportes, Belén Caseiro, aclara que foi por mor de baixas no persoal. Un problema pontoal que se resolverá iste ano con máis saídas ca nunca.

 

9.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS pola COBERTA DA CASA DA MÚSICA que se ten previsto facer.

Contesta Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura, que van estudar alternativas con axardinamento.

 

10.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS se o Goberno se vai xuntar coas traballadoras do SAF para explicarlle a NOVA LICITACIÓN e que mudanzas hai nos pregos. Tamén incidimos en que aplica o vetusto convenio autonómico e non o municipal que era o de aplicación ás traballadoras cando o servizo era público.

Contéstase que só coa representante das traballadoras, mais non coas afectadas. A interventora aclara aspectos dos convenios dicindo que a cada unha se lle aplicará o que aparece no anexo e que o local só se aplica aos traballadores municipais. O alcalde di que fai política para todos e que non hai que criticar, mais colaborar. Fente di que privatizando non van tir a colaboración de Por Chantada.

 

11.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS pola ampliación do COMEDOR DO COLEXIO XOÁN DE REQUEIXO, xa que ten 287 prazas ocupadas de 289.

O alcalde di que o Concello xa fixo o que tiña que facer, que se dirixan á Consellaría de Educación, e que no colexio están moi contentes co seu goberno.

 

12.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS o arranxo urxente das ESTRADAS de a) Andemil – Lamela (Vilaúxe), b) Brandián – miradoiro Terra Branca (Vilaúxe), c) A Eirexe – Brandián (Vilaúxe), d) Nogueira (San Salvador de Asma) – Adaúlfe (San Pedro de Líncora), e) Pincelo – Soutariz (A Sariña), f) Soilán (Pesqueiras) – Sabadelle, g) Outeiro (Pesqueiras).

O alcalde di que iste ano imposíbel e a ver para o ano esas e outras, xa que gastan 54.000 euros por cada quilómetro de aglomerado.

 

13.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS se van pór COLECTORES NO RURAL para impulsar a recollida selectiva de lixo e cando van pór colectores marróns suficientes antes do remate do ano (normativa Directiva UE 2018/851).

O alcalde di que xa hai pontos limpos móbiles e porán amarelos onde cumpra. Tamén van licitar a recollida do lixo para mellorala.

 

14.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, TRANSMITIMOS as queixas viciñais na vila polos FEDORES INTENSOS a granxa de marrraos que houbo e que teñen a súa orixe en Abral e se repiten todos os anos.

O alcalde contesta que non sabe, que de vez en cando cheira en Centulle.

 

15.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS que se mellore o baleirado e coidado das PAPELEIRAS NO PASEO xa que meten nelas as bolsas cos excrementos dos cánidos.

O alcalde di que nunca viu nengunha a plan e que perguntará aos xardineiros.

 

16.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS polos traballos no RÍO ASMA que está desenvolvendo a CHMS e comunicamos que un chopo caeu nas inmediacións do paseo.

O alcalde di que están agradecidos polos traballos e a colaboración da Confederación e unha empresa de Narón está facendo o proxecto para Chantada co que se vai desenvolver o convenio.

 

17.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS explicacións pola actuación do alcalde en relación cunha MARQUESIÑA NA SANTA ROSA, parroquia de Sabadelle.

O alcalde di que como levabamos iso a Pleno. A parroquia ten o uso e unha familia ten a propriedade en Cadastro. Queren entalar o Concello, mais a pel dil vale máis ca a parroquia de Sabadelle inteira. Teñen escrito da Fiscalía de por que puxeron aí a marquesiña da Deputación. Declárase inocente e que a puxo na pista do concello e non na da Deputación porque llo pediron os viciños e agora a madrileña proprietaria non a quere alí, dálle pena que haxa xente así.

 

18.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS pola coberta do MERCADO GANDEIRO se teñen pensado facer algo e pola necesidade de arranxar os canalóns.

O alcalde refere que si, que xa falaron cunha empresa local para con paneis solares abastecer os locais municipais. Fente lembra as axudas para comunidades enerxéticas que xa levara IGV ao pleno no cabo da pasada lexislatura.

 

19.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS a necesidade dunha ordenanza para FEIRANTES que obrigue, coma noutras vilas, a deixar todo recollido e non que fiquen plásticos e perchas ciscadas.

O alcalde recoñece que cómpre a ordenanza e que deberían pagar, cousa que non acontece desde a COVID. A policía local xa cursou varios avisos e tomaranse medidas. Hai anos déronselle sacos de plástico para o lixo até.

 

20.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS pola cesión do uso dos locais municipais, que dista moito de ser óptima, e por que se lle denega a CORAL POLIFÓNICA ensaiar no auditorio.

Manuel Diéguez (Cultura) di que iso non é así, que non se lles deixa porque cando iles queren está ocupado o auditorio e que lles ofrecían outras alternativas. Di que se vai xuntar coiles e que se chegará a unha solución.

 

21.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS para a CASA DOS CAMINEROS que se complete a restauración feita no seu día para darlle uso e que se deben ter as inmedicaciós limpas.

O alcalde di que xa limparon e que lle van meter luz e paneis solares.

 

22.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS por CAS COCHERO e a nosa solicitude de que se manteñan as súas carpitarías e o mural do antigo pub Boys propoñendo que se emende urxentemente o proxecto para a súa conservación.

O alcalde desvía o tema dicindo que xa viu algo nas RRSS e que non gosta da foto que empregamos dil, que lle dixeron que non se poden empregar así as fotos. Fente dille que é unha imaxe pública que está nas redes e que pode enviarlle outra foto. Non se contesta nada do perguntado.

 

23.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS se os DISPENSADORES DE XEL hidroalcóholico instalados na rúa stán esperando por outra pandemía e lembramos que deberiamos acumular menos ferros e lixo na rúa sen control.

O alcalde di que até agora aínda hai moita COVID e poden facer falla.

 

24.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, PREGUNTAMOS se comprobaran que o Concello pagou todas as costas (1.134,72 euros) no Supremo (R. CASACION núm.: 7981/2022) cando era parte codemandada.

Contestan desde a Intervención municipal que a cantidade xa foi reclamada.

 

25.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, LEMBRAMOS que hai numerosas contratacións reparadas, practicamente todas, a pesar de que se aprobou unha RPT; e que as relacións de facturas con reparo de intervención e omisión de fiscalización ascenden a 1.210.095,35 euros e que moitas desas actuacións reparadas foron feitasna campaña eleitoral sen seguir o procedemento de contratación correcto e incumprindo a LCSP.

O alcade di que están as obras feitas e que son gastos que benefician a viciñanza.

 

26.- POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO, no Pleno ordinario do 19 de outubro de 2023, DEMANDAMOS que se nos dea acceso á documentación e aos expedientes que solicitamos en tempo e forma, xa que continúan entorpecendo o noso labor de control e fiscalización. De feito, seguimos agardando acceso no Gestiona despois de varios escritos solictándoos.

O alcalde di que non ten constancia. O secretario accidental, Ledo Cores, aclara que deu traslado a diferentes departamentos. O alcalde di que il non pon impedimentos, que non hai nada que ocultar. Fente di que é moi fácil dar acceso a un expediente no Gestiona e o alcalde di que así é. [Os expedientes seguen sen entregarse a día de hoxe].