Por Chantada demanda que a Xunta dota de fondos os planos de mellora, incorporacións e á produción ecolóxica

  • A ausencia de debate social e de atención mediática e política sobre a PAC dá a medida da orfandade política do sector primario e do mundo rural.
  • A sobrevivencia de centos de granxas e do modo de vida de centos de familias está en xogo, mais tamén que haxa fumo e vida en centos de aldeas e parroquias do interior galego.
  • A Xunta NON axuda as persoas que se queren incorporar á actividade agrícola ou gandeira e que cumpren os requisitos para ter esta axuda, nun país que perde SAU e explotacións e onde 6 de cada 10 persoas que teñen granxa nestes momentos estarán xubiladas en 2030.
  •  Mentres outros partidos están entregados á especulación coas listaxes dos comicios municipais ou enfrascados na carreira caciquil de votos por cimento, Por Chantada continúa decote acarón dos problemas da viciñanza e procurando solucións para os problemas do interior galego.

Vacas_Vitor_Esmoriz

Vacas en pastoreo extensivo e con produción de leite ecolóxico na parroquia de Esmoriz. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.

A Xunta castiga a produción en ecolóxico contravindo a estratexia comunitaria.

 
No día de hoxe rexistramos Moción do grupo municipal Por Chantada – Interior Galego Vivo par a dotación de fondos por parte da Xunta aos planos de mellora, incorporacións e á produción ecolóxica na campaña 2022 e para o período 2023-2027 dentro da aliña de desenvolvemento da PAC. Esta acción súmase a outras anteriores, por exemplo na sesión ordinario do pleno de 24 de setembro de 2020 aprobamos por unanimidade a Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP a prol dunha PAC axeitada para o interior galego. O documento de 10 páxinas propuña liñas de acción para unha PAC axeitada aos intereses e ao territorio galegos no período 2023-2027.

 

Así pois, e infelizmente, a Corporación de Chantada foi un dos escasos foros institucionais onde houbo algo de debate cando se estaba no período de negociacións, aínda que fose pola insistencia de Por Chantada, sobre esta cuestión de vital importancia para o sector primario e para o interior galego. A ausencia de debate social e de atención mediática e política sobre a PAC dá a medida da orfandade política do sector primario e do mundo rural.

 
A PAC contén o Pacto Verde cuxo alvo é atinxir 25% da SAU dos 27 estados membros da UE de produción ecolóxica en 2030 e traduciuse en 2022 na liña de axudas da Consellaría de Medio Rural que, ao ser de concorrencia competitiva e estabelecer unha priorización de 2 pontos para as exploracións de montaña e de 1 ponto para as situadas en Rede Natura, deixou fóra, de por si, a meirande parte das pequenas granxas de leite e de pequenos produtores de horta e de carte de vacún, mais tamén a producións de ovino e cabrún en ecolóxico.

 

É dunha manifesta e incomprensíbel irresponsabilidade deixar fóra desde a Xunta ao 43% das hectares solicitantes, nomeadamente cando desde maio tiñan os dados na Consellaría e había fundos do PDR. A falta de planificación crónica no agro galego e a intensidade das axudas através da PAC e de fundos nacionais para a agricultora ecolóxica noutros estados da UE (Alemaña, Dinamarca, Austria, Franza…) sitúa nun beco sen saída a agricultura ecolóxica galega se se exclúe destas axudas.

Afondando no exposto, a perda das axudas á produción ecolóxica asóciase a risco de feche de exploracións, nomeadamente naquelas con solicitantes de nova incorporación polo castiga aínda máis a aquelas iniciativas da mocidade e, daquela, con futuro no territorio. Estas persoas cómpre saber que renunicaron ás axudas agroambientais que viñan cobrando en convencional por seren incompatíbeis coa ecolóxcio, aumentaron o gasto en asesoramento entre 1.200 e 1.400 euros, cotas de inscrición no CRAEGA (450 euros en media), corrección de incidencias na transición e adaotacións (milleiros de euros), maior custe nos insumos (só no penso 15 céntimos en quilo), perda de ingresos inicial polo descenso da produción… En síntese, é deixar desamparado e co cu ao ar as iniciativas máis valentes e de futuro por unha desastrosa previsión.

Ao tempo, Por Chantada e IGV subliñan que na Galiza a produción ecolóxica anda aínda arredor de 5%, moi afastada do 25% que marca o horizonte de 2030 da PAC. Este obxectivo é de importancia estratéxica para preservar a biodiversidade, reducir o exceso de fertilizantes (cada vez máis caros ao seren importados) e fitosanitarios e, en definitiva, para a seguranza e soberanía alimentares.

De por parte, o anteriormente exposto atinxe tamén a granxas e iniciativas da comarca de Chantada, xa que, aínda non habendo facendas afectadas directamente ao sermos alta montaña si que houbo denegacións por outras razóns e pode afectarnos no período da nova PAC, xa que segundo o CRAEGA temos 2 facendas de leite en ecolóxico nas parroquias de Esmoriz e Vilaúxe, así como apicultura e outras iniciativas susceptíbeis de verse afectadas. Na comarca, Taboada conta con outras facendas de leite en ecolóxico. Así as cousas, a provincia de Lugo é a que máis se xoga.

 
Do mesmo xeito, cómpre incidir en que coa nova PAC 2023-2027 todo isto muda e a Consellaría está negociando as axudas do período. O CRAEGA, organismo oficial da Xunta calcula 9.5 millóns de euros para dar resposta a todas as solicitudes, mais Medio Rural só quere chegar até os 7.5 millóns baixando, por un lado, as primas por hectárea, o que colide co obxectivo de Bruxelas; e, por outro lado, pondo tope por hectária mediante a degresividade.
 
45803819_343488529561288_3118119426235301888_n
Imaxe de arquivo dun acto sobre a PAC impulsado desde Por Chantada que contou coa presenza da eurodeputada Lídia Senra e da gandeira chantadadesa Ana Rodríguez, integrantes de Por Chantada. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.
 
 
 
 

Incorporacións e plans de mellora.

O día 3 de febreiro publicouse a resolución da convocatoria do 2022 de incorporacións, planos de mellora e pequenas explotacións. En primeiro lugar, resolveron cando xa estaba aberta a nova convocatoria do ano 2023, co cal moita xente non sabía se tiña que pedir outra vez ou non. En segundo termo, é inconcibíbel que queden fóra da axuda persoas que se queren incorporar á actividade agrícola ou gandeira e que cumpren os requisitos para ter esta axuda, nun país que perde SAU e explotacións e que ten unha falta de xente que produza alimentos moi preocupante: 6 de cada 10 persoas que teñen granxa nestes momentos, estarán xubiladas en 2030. Ao tempo, a Xunta e o marco lexislativo favorecen o acaparamento de terras por diferentes vías desde os fundos de investimento, ávidos de adquirir terras en todo o mundo.

Concretamente, os dados foron os seguintes:

Axudas

Concedidas

Denegadas

Incorporacións

353

76

Planos de mellora

485

180

Pequenas exploracións

166

67

Resulta evidente que non se está facendo unha xestión acertada dos fundos da PAC nen unha aposta desde a Xunta polo rural e por facilitar que a mocidade e novas labregas e labregos se incorporen á actividade agraria.

 

20170120_124333_2656x1494-768x432

 

De esquerda a direita: Paula Verao, Antom Fente, Lidia Senra e Olga Otero nunha rolda de impresa conxunta. Foto: Por Chantada – Interior Galego Vivo.

 

Que demandamos que aprobe a Corporación para trasladar á Xunta?

Exiximos que a Xunta complete o orzamento da orde de axudas do ano 2022 na cantidade precisa até acadar os 5.6 millóns de euros necesarios para cobrir 100% das solicitudes apresentadas en ecolóxico e o mesmo para as axudas ás producións ecolóxicas para o novo período 2023-2027 da Política Agraria Común.

De por parte, reclamamos que se manteña o pago por hectárea para aumentar a SAU en ecolóxico e a biodiversidade produtiva apostando pola degrevisidade e o tope de hectáreas en caso de que non houber fondos suficientes, aplicando un criterio racional de xustiza fiscal e redistributiva. En consonancia co anterior, consideramos insuficiente o incremento do 10% no importe das primas con respecto ao 2015 e que se volva ao aprobado no anterior PEPAC.

Por último, dunha parte, solicitamos transparencia ao Goberno da Xunta para que as decisións adoptadas sexa de coñecemento público, nomeadamente para as persoas produtoras en ecolóxico, co gallo de que poidan reconducir as súas exploracións evitando perdas económicas inxustificadas que traen consigo enormes prexuízos; e, doutra parte, exiximos dotación orzamentar suficiente para que as incorporacións e planos de mellora permitan que se incorpore á actividade agrícola ou gandeira todas aquelas persoas que cumpran os requisitos, así como acelerar a resolución das peticións desde a Consellaría de Medio Rural.

 

 

MOCIÓN ÍNTEGRA EN PDF: Moción_PCh_PAC-ECO

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – INTERIOR GALEGO VIVO.

PCh_logo_2023

Por Chantada defenderá no pleno impulsar unha FISCALIDADE RURAL

  • Por Chantada nunha moción de doce páxinas fai unha diagnose do estado do interior galego e da necesidade dunha fiscalidade rural.
  • Por Chantada propón a modificación do mapa de axudas rexionais para, de acordo co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, se crien xa axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora coa máxima intensidade que o marco europeu permita a razón da súa condición ultraperiférica.
  • Asemade, propomos, pra reverter a demotanasia, instar ao Congreso e ao Senado a que impulsen unha renda básica rural e que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

IMG-20220615-WA0032

Casco antigo de Chantada. O interior galego atravesa unha encrucillada que o sitúa nunha situación de completa emerxencia. Fiscalidade rural ou demotanasia. Foto: Por Chantada.

Através dunha completa diagnose, demostramos que o interior galego está sufrindo un implacábel proceso de demotanasia, é dicir, un proceso en que as accións ou omisións políticas provocan a desaparición da poboación nun territorio, cuestión que profunda nas desigualdades sociais e territoriais, á vez que nos converte nunha zona de sacrificio, ou sexa unha área xeográfica permanentemente suxeita a dano medioambiental, espolio dos seus recursos naturais e/ou a falta de investimento económico.

Este conxunto de fenómenos provocan unha mingua de poboación e degrada as condicións de vida dos habitantes, así como os seus medios de vida. Así pois, hai unha perda de biodiversidade natural, cultural e produtiva.

A diagnose que xustifica a necesidade dunha fiscalidade rural complétase atendendo a:

a) Envellecemento.

Ourense, Zamora e Lugo son das provincias da Unión Europea coa poboación máis envellecida e con índices de avellentamento brutais.

b) Despoboamento.

Durante o século XX, dez provincias no conxunto do Estado perderon poboación, con Lugo e Teruel á cabeza. Nas dúas décadas que levamos do século XXI o dramático récorde teno Ourense (10,88%) en termos cuantitativos, aínda que a porcentaxe de despoboamento é superior en Zamora (15,40%) e seguidas de Lugo (9.85%). Na Riberira Sacra a caída media das parroquias ribeirás de Miño e Sil foi do 40%! Para que serviron as supostas medidas de protección e dinamización por parte da Xunta na Ribeira Sacra?

c) Dispersión xeográfica.

Temos xa amplas áreas do interior galego que rozan o deserto demográfico. A dispersión xeográfica sumada ao avellentamento dispara as necesidades de gasto público social e torna máis complexa a prestación dos servizos públicos. Mentres no centro de Europa a maior parte da poboación encóntrase a menos de 15 minutos conducindo dun hospital na Península estas cifra smudan moito, encontrándose Teruel, Cuenca, Soria, Cáceres e Lugo entre as que apresentan unhas isócronas piores.

d) Mocidade, desemprego e precariado.

O precariado é un fenómeno cada vez máis xeneralizado, con amplas capas da sociedade que viven en risco de exclusión social aínda cando sexan traballadores activos. Na Galiza, a taxa de desemprego para as persoas mozas é 24,7% (2021), polo que máis que duplica a taxa xeral de desemprego, que é de 11.7%, e máis que triplica a taxa xeral da UE. No segundo semestre de 2022 19,7% da poboación entre 16 e 34 anos atópase desempregada, 8,5 puntos por riba da media total do Estado español. Asemade, as taxas de desemprego alcanzan a 55,5% das persoas de 16 a 19 anos e a 31,3% entre 20 e 24 anos. Neste contexto, explícase o elevado nivel de precariedade e parcialidade no colectivo, favorecido por traballar 71,6% da mocidade no sector servizos.

Por se o anterior fose pouco, os salarios das persoas menores de 35 anos están 20,5% por baixo da media, unha fenda salarial de 4.678 euros anuais e a diferenza coa medida estatal aumenta cada ano.

Son as xeracións máis novas as que marchan e a vaga migratoria expulsou da Galiza máis envellecida da historia 371.637 persoas entre 2009 e 2021 con especial incidencia no interior galego. Deste total, 38% eran menores de 29 ano. Emigran as camadas máis formadas e en que se fixo un investimento social por medio do ensino, afectando a expulsión de talento á capacidade para promover iniciativas produtivas e prexudica o consumo interno no interior galego.

e) Consecuencias políticas.

Ourense (37,38%), Zamora (36,3%) e Lugo (35,12%) teñen a maior porcentaxe de maiores de 65 anos, por riba do 35% do censo eleitoral, fronte ao 24% do conxunto do Estado. Por volta de 70% das persoas que pertencen á faixa etaria dos maiores de 65 anos, segundo o CIS, vota sempre e cunha altísima fidelidade, é dicir, votan sempre e case sempre ao mesmo partido, favorecendo ao bipartidismo (PP e PSOE) e, daquela, os representantes eleitos nesas provincias teñen escasos incentivos para cuestionar as políticas centralistas do Goberno central con independencia do partido que nese momento goberne e aínda menos as da Xunta. Porén, todo pode mudar, como demostran Soria (35,12%) e Teruel (31,58%) que veñen de apostar maioritariamente por formacións que desafían a demotanasia e o abandono do mundo rural.

IMG-20210310-WA0029
​Ao seu paso polos Cachóns do Asma as augas do río teñen un fedor moitos días insoportábel consecuencia da deficente depuración de augas. O Concello leva anos cunha problemática á que as diferentes administracións non lle dan solución e que nen sequera se inclúe no PACES (Plano de acción para o clima e a enerxía sustentábel).

Unha FISCALIDADE RURAL para un INTERIOR GALEGO VIVO.

Por Chantada integra o movemento cidadán Interior Galego Vivo, que leva demandando en diferentes ocasións unha fiscalidade rural que debe concretarse en planificacións e coordinacións transversais das diferentes administracións públicas partindo do direito europeu e do principio constitucional de igualdade e da cohesión territorial, pois non pode existir igualdade e equilibrio territorial sen servizos nen mocidade. Infelizmente, as propostas que fixemos chegar na última campaña das eleicións galegas ao PP, ao PSOE, ao BNG, a C’s e a UP foron desatendidas e tampouco o labor parlamentar destes partidos en Madrid ou Bruxelas se destacou por unha sensibilidade especial para a demotanasia que padece o interior galego.

O Goberno do Estado vén de anunciar tamén beneficios fiscais que se aplicarán ás tres provincias de menor densidade de poboación (Teruel, Soria e Cuenca) e que foron incluídas pola Comisión Europea no novo mapa de Axudas á Finalidade Rexional. As novas axudas actívanse xa conforme a disposición adicional 123 dos Orzamentos de 2022 e suporán reducir as cotizacións empresariais nos contratos indefinidos nun 5% nos contratos existentes no ámbito provincial, dun 15% nos novos contratos e dun 20% nos novos contratos en concellos de até 1000 habitantes (se a sede social e fiscal está nese concello). No entanto, o anunciado está aínda lonxe do tope que permite a UE.

Celebramos esta vitoria do rural, que non se entendería sen o traballo parlamentario de Teruel Existe dito sexa de paso, xa que fixou a activación destas axudas como conditio sine qua non para apoiar os próximos Orzamentos Xerais do Estado, se ben fica aínda moito por facer para termos unha fiscalidade rural de noso. No entanto, a situación de Zamora, Ourense e Lugo non é mellor e entendemos deberían acollerse a estes beneficios fiscais de igual xeito, xa que aínda tendo unha maior densidade de poboación o envellecemento e a dispersión sitúannos igualmente un escenario de recursos e dinamismo económico reducido e nunha proxección de deserto demográfico, que xa é unha realidade en moitas parroquias, concellos e mesmo comarcas do interior galego. En consecuencia, Ourense, Zamora e Lugo encóntranse de pleno direito no mesmo artigo 174 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea polo que non atopamos xustificación para que se aplique nuns territorios e noutros non.

Ao tempo, Interior Galego Vivo reclama que se abandone o indicativo de investimento por habitante co que se realizan as valoracións dos Orzamentos Xerais do Estado como fundamento único, xa que é moi lesivo para o interior galego. Demandamos, pola contra, o emprego do estándar de investimento por superficie, que deixa ben en claro a marxinación dos territorios rurais do interior. Os indicativos do PIB; a renda ou o investimento por habitantes non son bons indicadores para medir o desenvolvemento dun territorio, pois o que cómpre é valorar o custe real dos servizos para planificar o seu financiamento en base á dispersión e o índice de avellentamento se verdadeiramente se acredita na igualdade e na cohesión territorial.

Interior Galego Vivo demanda o recoñecemento de Zamora, Ourense e Lugo como territorios ultraperiféricos e subvencionábeis en virtude do seu índice de envellecemento, as proxeccións demográficas e a elevadísima dispersión demográfica que encarece a prestación de servizos públicos esenciais e reduce a igualdade de oportunidades. O PIB per cápita na maioría dos concellos tamén está nas rendas inferiores do Estado e é inferior a 75 % da media da UE, concentrándose no sul de Lugo e en Ourense a meirande parte dos concellos con maiores índices de pobreza, entre eles Chantada co 40,88% da poboación en risco de exclusión social, segundo cifras do INE.

Asemade, Interior Galego Vivo entende que a Xunta debe destinar parte do incremento do financiamento autonómico, que recollen os vindeiros Orzamentos Xerais do Estado, a un reforzo efectivo dos apoios ao sector primario e a unha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, a rehabilitación de vivenda no rural para uso social, a reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, a impulso á conciliación e a unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

Finalmente, cabe perguntarse se as comarcas do interior galego poden continuar permitíndose o luxo de non disporen de voz nas institucións, xa que os deputados galegos e as senadoras galegas actuais non demandaron algo tan elemental e de xustiza como as reducións nas cotizacións empresariais que si conseguiron Teruel Existe e Soria Ya! na secuencia das negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado. Tampouco ouvimos voces galegas na Eurocámara pedindo unha fiscalidade rural e políticas agrícolas que garantan a fixación de poboación e o equilibrio territorial.

paso RM NG fondo paso Sernande
O Miño ao seu paso por Cartemil (Santa María de Nogueira) estase vendo atinxido por unha falta de regulación das embarcacións a motor (perdas de aceite, combustíbel, ruídos…) e os verquidos son frecuentes ao careceren as parroquias de sistema de depuración. A Confederación Hidrográfica segue a ser moi pouco transparente e as diferentes administracións non se cordinan para solventar un problema que contradi na práctica a recente declaración de Reserva de Biosfera. Ríos cada vez con menos flora e fauna autóctona poden ser reserva de biosfera?

As propostas da nosa moción.

1.- Demandar do Estado español a modificación do mapa de axudas rexionais 2022-2027, incluído no plan territorial de transición xusta no contexto do Regulamento sobre o Fundo de Transición Xusta no marco das Directrices sobre as axudas de finalidade rexional revisadas (DAR), e a súa notificación á Comisión europea co fin de aplicar un aumento da intensidade máxima das axudas para as provincias de Lugo, Ourense e Zamora atendendo ao elevado índice de avellentamento, á dispersión poboacional e á demotanasia que sofren estes territorios.

2.- Dirixirse ao Goberno central para que as provincias de Zamora, Ourense e Lugo sexan consideradas rexións ultraperiféricas e, portanto, subvencionábeis, de acordo co artigo 107 do TFUE e tamén para que o Goberno defenda a modificación do TFUE para dotar de maiores axudas ao equilibrio territorial e ao mundo rural.

3.- Solicitar da Xunta da Galiza que incremento do financiamento autonómico, que recollen os Orzamentos Xerais do Estado, se traduza nun reforzo dos apoios ao sector primario e nunha mellora da atención primaria e da oferta educativa, adaptada á nosa estrutura económica, rehabilitación de vivenda no rural para uso social, reforzo dos Centros de Desenvolvemento Rural, impulso á conciliación e unha política forestal asociada a unha ordenación do territorio racional e que favoreza a fixación da mocidade apoiando os seus proxectos de vida.

4.-Propor ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se impulse un marco lexislativo que ancore o despregue dunha fiscalidade rural e dunha renda básica rural como pago social pola xestión sustentábel e a garantía de soberanía alimentar que supoñen as comunidades rurais.

5.- Instar ao Congreso, como cámara lexislativa, e ao Senado, como cámara de representación territorial, para que se valore o custe real dos servizos nos diferentes territorios co gallo de planificar o financiamento municipal e autonómico en base á dispersión poboacional e o índice de avellentamento para garantir os principios constitucionais de igualdade e cohesión territorial.

MociónPCh_TFUE_demotanasia

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR

#ofuturotenpartido
#mellorarChantada
#avozdorural

Comprometidos cun interior galego vivo

Modelos de alegación para o novo Catastrazo

catastrazo
Foto: ©Archivo Efe/J. Ragel

A raíz do envío de 4.600 cartas aos chantadeses e ás chantadesas, do que alertamos desde Por Chantada, o Concello contou cunha empresa que informa os afectados, mais non fai alegacións que é o que realmente pode arranxar as deficiencias ou abusos detectados.

Ao non termos capacidade para darvos axuda individualizada a todas as persoas afectadas deixámosvos modelos de alegacións que agardamos vos valan para adaptar e facer as vosas.

Nun caso trátase dunha feita para unha adega, pensando no sector primario que se dedica ao viño, que pasou de uso residencial a agrario, co que lle baixou moitísimo o valor cadastral; e noutra, para un establo que xa se destinaba unicamente ao autoconsumo – por exemplo persoas xubiladas – e non xa á produción de leite e ao que tamén lle baixou o valor. Por último, vai un recurso de reposición xenérico con alegacións para calquera outro tipo de edificación. Este último conseguiu no anterior catastrazo unha redución de 50% do valor catastral e, xa que logo, unha redución significativa da cota a pagar de IBI (“contribución”) cada ano ao Concello de Chantada.

Naturalmente, convén que anexedes fotos do interior e do exterior onde se poida comprobar que efectivamente o uso é o que indicades, por exemplo agrícola fronte a almacén ou garaxe que pagan máis.

Alegacións adega Catastrazo 2022

Alegacións establo Catastrazo 2022

Alegacións outras Catastrazo 2022

Para calquera aclaración ficamos, como de costume, ao voso dispor e agrademento especial para aquelas persoas que colaboraron con nós para a confección destes modelos.

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

Comprometidos cun interior galego vivo

Resumo pleno ordinario 14 de outubro [audio e acta]

Asistiron 12 concelleiros, ausentándose Manuel Diéguez.

Escoita aquí o audio íntegro do Pleno:

https://drive.google.com/file/d/1z19mOfTeQtPrKfhWrNm7cl37G7crOvV4/view?usp=sharing

Captura de pantalla 2019-04-21 a las 10.27.36

Podes ler aquí a acta do pleno (PDF):

Acta_ pleno_141021

1.-Aprobación da Acta da sesión anterior.-Acta da sesión ordinaria de data 29/07/2021.

Acta pleno_290721

Intervén o Sr. Alcalde para sinalar que o concelleiro Sr. Diéguez Carballo non asiste e pide disculpas polo cambio de data do pleno.

Polo que respecta á acta anterior a voceira do Grupo do PSdG-PSOE manifesta que votará a favor pero quéixase do cambio de data e insiste en que habería que avisar.

Pola súa banda o Sr. Fente Parada quéixase tamén das datas do pleno e das comisión, ao que o Sr. Alcalde responde dicindo que o venres se celebraron as comisións polo festivo do día 12 de outubro e que ademais é a primeira vez.

 Aprobada por UNANIMIDADE dos membros presentes da corporación municipal (12)

 

2.-Modificación da Ordenanza Fiscal da Taxa pola Rede de Sumidoiros e a Tasa pola Subministración de auga.-Expediente G1100/2021. 

20211005_Informe_INFORMES DE INTERVENCION 2021-0019 [INFORME SECRETARIA E INTERVENCION]

Proposta de resolución_MOD TARIFA +60 M3 OF REDE SUMIDOIROS-SUBMINISTRACION AUGA

Toma a palabra o señor alcalde para explicar a proposta de modificación da ordenanza fiscal.
Finalizada a súa intervención toma a palabra a voceira do Grupo do PSdG-PSOE para expoñer a enmenda apresentada polo seu grupo dicindo que a proposta non representa unha gran modificación da existente. Solicita que se tomen medidas que aposten por enerxías limpas. Pide bonificar o 100 × 100 da taxa para situacións de emerxencia social, sinala que ás veces os gastos son asumidos por Cáritas; quéixase tamén da falta de servizos no rural e da pasividade da Xunta de Galicia. Pide o apoio das emendas presentadas que ten como finalidade mellorar o servizo.


De seguido toma a palabra o señor o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP sinalando que non lle chegou a emenda.


Pola súa banda o Sr. Alcalde manifesta que se trata dun arranxo parcial para un gran consumidor que está no polígono e que paga máis mesmo que en grandes capitais de provincia. Finaliza dicindo que haberá que esperar a evolución do IPC.

A continuación toma a palabra o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para manifestar que advertiu no seu día das deficiencias do servizo. Quéixase de que non se aproveite a ocasión para rebaixar o custo de consumo a consumidores necesitados no medio dunha crise e co IPC por riba do 4%;  que respecto á modificación en concreto considera que pode resultar beneficiosa sempre que mellore a competitividade, pero insiste en que debería tamén afectar a rebaixa aos pequenos consumidores.


Finaliza as intervención o señor alcalde poñendo de manifesto que se trata dunha modificación puntual da ordenanza sempre que o informe sexa favorable; e que quizás sexa posible introducir a posible suba do IPC e sumala a esta modificación.

VOTACIÓNS:
1.-Emenda do PS de G.PSOE:
Procédese a votar a emenda resultando REXEITADA cos votos en contra do Partido Popular (6) dos votos a favor do PSdG-PSOE e a abstención do grupo Por Chantada-Cup (2)

Procédese a votar a proposta resultando aprobada por MAIORÍA, cos votos a favor do grupo do Partido Popular (6) os votos en contra do grupo do PSdG-PSOE (4) e dúas abstencións de Por Chantada-CUP.

3.-Modificación Subvencións Nominativas 2021.-Expediente G1063/2021.-

INFORME INTERVENCION MOD. SUBVENCIONS NOMINATIVAS 2021

MEMORIA APROBACION SUBVENCION NOMINATIVAS 2021

PROPOSTA AO PLENO MOD. SUBV. NOMINATIVAS 2021

Toma a palabra a voceira do Grupo do PSdG-PSOE para sinalar que a subvencións son inferiores ao habitual, lembra que houbo un compromiso de convocatoria da oposición para unha reunión que ao final non se celebrou, considera que se as actividades van mellorando coa mitigación da pandemia e pide que tal circunstancia se inclúa nos orzamentos; non quere que as anomalías causadas polo COVID vólvanse unha regra xeral.


Pola súa banda o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP lembra a proposta de reunión para modificar o convenio da música e lograr así unha xestión diferenciada. Sinala que a reunión nunca chegou a celebrarse.

Responde o señor alcalde dicindo que a reunión coa escola de música é difícil porque os membros viven en lugares diferentes. Manifesta que no pleno seguinte traeranse tamén as axudas e que hai que felicitarse pola axilidade dos pagos das subvencións. Engade que todas as asociacións están a cobrar e ninguén se queixa aínda que é certo que houbo alguna reducción sempre consensuada e que, o que non se gasta destínase a outras partidas.


Continúa o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP facendo fincapé no plan estratéxico de subvencións e a necesidade dun informe anual que nunca se acaba de facer; afirma que a pandemia afecta a entidades que están fóra das subvencións e que se reclamou a súa inclusión neste plan como por exemplo o “Recuncho Solidario”.


Responde o señor alcalde que esa asociación conta xa cun local propio municipal e que ademais se abona por parte do Concello a subministración de luz. Que tampouco teñen interese.


VOTACIÓN:
Procédese a votar sendo aprobada a proposta por UNANIMIDADE dos membros presentes da Corporación Municipal (12).

 

4.-Moción do Grupo Municipal do PS de G-PSOE sobre o servizo da ITV móbil para vehículos agrícolas.

Moción_MOCIÓN PS DE GA PSOE ITV MOBIL PARA VEHÍCULOS AGRÍCOLAS

Toma a palabra a voceira do Grupo do PSdG-PSOE para expoñer a moción presentada sinalando que afectou especialmente á vendimia e que ten plena vixencia.


Pola súa banda o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP di que o problema se agrava coa dispersión; quéixase de que se trata dun servizo privatizado que busca o lucro; lembra que o Sindicato Labrego Galego interpelou á Conselleria de medio rural que á súa vez respondeu propoñendo unha solución consistente na apertura dun prazo extraordinario en 2021. Considera que debería reformar e reformularse a moción con datas concretas e preguntar por qué non contar cunha ITV fixa. Quere subliñar que o cambio de datas foi comunicado ao concello de CHANTADA e pregúntase por qué non se divulgou. Insiste en que o problema de comunicación estivo no Concello e que non se actuou correctamente.


Responde o señor alcalde manifestando que se contactou coa empresa cando chegou a comunicación da Xunta pero que por esixencias doutros Concellos que están en peor situación modificáronse os días previstos. Manifesta que xaneiro e xullo son as datas máis adecuadas e que se falou coa empresa para as ensilaxes. Engade que a ITV de coches vén catro veces ao ano e que o período extraordinario aberto pola Xunta será de tres días. Resalta que os veciños de Chantada están moi contentos coa empresa da ITV e que non veu a empresa a Chantada porque así o acordou a Conselleria dicíndolle que se desprazase a outros Concellos. Di que a moción non ten sentido.

Toma a palabra novamente a voceira do Grupo do PS de G-PSOE para insistir en que debería de estudarse o tempo que hai que estar en CHANTADA porque hai moitos vehículos.

Responde o Sr. Alcalde poñendo de manifesto que non é fácil, que hai quechamar por teléfono, e que ademais hai que facer tamén o resto de Galicia; que hai máis concellos.

Pola súa banda o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP solicita un informe de viabilidade dunha ITV fixa.

Responde o Sr. Alcalde manifestando que oxalá fose así pero que se tentou e que non é viable.

Procédese a votar a moción resultando REXEITADA cos votos a favor do PSdG-PSOE (4) os votos en contra do grupo do PP (6) e dúas abstencións de Por Chantada-CUP.

 

5.-Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP sobre trasladar á Xunta a oposición aos novos impostos sobre a auga.

Moción Por Chantada canon augas Galiza_signed

Toma a palabra o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para expoñer a moción. Sinala que a filosofía sobre o mercado da auga defendida polo Banco Mundial foi inserida na lei de augas de Galicia e afirma que a subida do IPC que afectará tamén o consumo de auga e gravarase máis ao pequeno consumidor.


Toma a palabra o concelleiro Sr. Gómez Fernández-Camiñas sinalando que se busca gravar un ben básico como é a auga prexudicando especialmente ao pequeno consumidor. Considera que non hai progresividade e que sae prexudicado proporcionalmente o pequeno consumidor de auga. Lembra que se trata dun ben escaso e critica que se tramitou a norma no verán. Refire a acta de xunta de goberno local do 5 de agosto na que se recolle a comunicación da Conselleria competente neste sentido, e que se acordou solicitar informe ao técnico municipal descoñecendo se foi emitido ou non. Afirma que CHANTADA foi castigada por augas de Galicia porque tampouco acomete as obras ás que está obrigada grazas á recadación do canon da auga. Finaliza mostrando a súa conformidade coa moción presentada.

 

Intervén o señor alcalde sinalando que se prima a unha empresa que dá para comer a 70 e pico familias e que permite manter o emprego sobre o canon da auga. Manifesta que tivo contactos e que do que se trata é de evitar a seca debido a que xa non chove coa intensidade que facía antes. Sinala que se quere facer un estudo sobre a posibilidade de fornecer auga a CHANTADA desde o faro. Encanto ao gravame descoñece a súa contía pero considera que se resulta necesario para fornecer auga ao Concello de CHANTADA. Indica que haberá que aceptalo aínda que tamén di que cando a Xunta O fága mal será o primeiro en contestar.

 

Procédese a votar a moción resultando REXEITADA cos votos a favor dos membros do PSOE (4) e de Por Chantada-CUP (2) e os votos en contra do partido popular (6) e o voto de calidade do presidente da corporación.

 

6.-Moción do Grupo Municipal de Por Chantada-CUP sobre da perda dos servizos bancarios nos concellos do interior galego.

Moción de Por Chantada perda de servizos bancarios interior galego_signed

Toma a palabra O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para expoñer a moción.

Intervén o señor alcalde manifestando que apoiará a moción.

O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP pola súa banda considera que a Xunta está a premiar a entidades que están a pechar oficinas bancarias.

A voceira do Grupo do PSdG-PSOE quéixase do mediocre servizo que prestan os bancos no rural e considera que a falta dun trato personalizado aos maiores é unha forma de agravio; que é un escándalo que haxa diñeiro público para a instalación de caixeiros fixos, e invita á retirada de fondos daquelas entidades que pechen oficinas. En canto á Deputación lembra que non ten representación en Caixa Rural e considera que é a Xunta a entidade responsable e non a Deputación,e que non ve viable o punto terceiro. Pide que se cambie Deputación por Xunta e que o punto tres debe ser o punto catro.
Pola súa banda o Sr. Alcalde entende que é necesario solidarizarse cos concellos que quedan sen servizos bancarios e que tanto a Xunta como a Deputación deben facerse eco destas deficiencias.
O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP manifesta que a Xunta optou por un modelo e que só queda a Deputación por iso é polo que se dirixe a moción a esta última. Lembra que houbo dúas preguntas de Vox e do Partido Popular respecto diso sinalando o goberno que son as comunidades autónomas as que deberán chegar a acordos.


O Sr. alcalde propón finalmente un punto único. Votada a proposta formulada polo Sr. Alcalde resulta aprobada pola UNANIMIDADE dos membros presentes da corporación municipal (12) e xa que logo acordouse:
UNICO.-Solidarízarse con aqueles concellos afectados polo peche de oficinas bancarias e instar ás Administracións Públicas (Deputación e á Xunta de Galicia) para que se instalen caixeiros multientidade neses concellos.

 

7.-Mocións e asuntos de urxencia.

Pola presidencia pregúntase sobre da introdución e tratamento por urxencia dalgún asunto non incluído na orde do día non propoñéndose ningún.

B) Actividade de control.
B1) Dación en conta de Resolucións da Alcaldía: deuse conta dos decretos 2021-593 a 2021-742, ambos inclusive.
B2) Dación de conta en materia económica.-Deuse conta.
Denantes de pasar a trata-lo seguinte punto da orde do día auséntase da sesión dona Cándida Carnero Blanco cando son as 21 horas e 13 minutos

C) Rogos e Preguntas.-Formuláronse os/as seguintes:
I.-Toma a palabra o señor alcalde para responder aquelas preguntas que non foron contestadas no pleno precedente:
En canto ás formuladas polo grupo Municipal Por Chantada-CUP:
1.- Sobre da Estrada de Bermún responde que está feita con aglomerado en quente. Intervén O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para manifestar que hai pistas nas que fai falla entubar os accesos ás leiras e que se podería estragar. Responde o Sr. Alcalde que é responsabilidade dos propietarios que terán que pagar.

2.- En canto á parroquia de Esmoriz sinala que se fresarán e aplicarase un pisón para que dure ata a primavera. Espera que se faga algo coas pistas da Deputación que as de esta titularidade están feitas un desastre.
3.- Á pregunta 2.2.3 sobre a estrada Ás Córneas manifesta que está arranxado.
4.- Á pregunta 2.2.6 di o Sr. Alcalde que se instalarán bandas rugosas.
5.-Á pregunta 2.2.8 responde o Sr. Alcalde que xa non se aparca na praza do Cantón aínda que hai algún descoidado. Insiste en que haberá que instalar un pivote na rúa do Comercio.
6.-Á Pregunta 2.4.1 sobre a superficie de inmobles de titularidade municipal sinala o Sr. Alcalde que hai 211 fincas urbanas e 4.190 rústicas; lembra que houbo un incremento do patrimonio do Concello grazas aos impostos dos cidadáns.
7.-Sobre a liña de alta tensión do Maxal a Belesar manifesta o Sr. Alcalde que nunca comeu con ninguén relacionado con empresas eólicas nin ningunha outra; manifesta que se se vai por aí é capaz de ir ao xulgado. Sinala que houbo un encontro e falouse sobre unha liña que baixará de Belesar que terá que ir soterrada dende o Pazo do Piñeiro; manifesta que serán alegacións.

En canto ás preguntas formuladas polo PS dG-PSOE:
1.-Pregunta A voceira do Grupo do PSdG-PSOE polo número de cans que abarca o convenio de recollida de animais
-Resposta do Alcalde: Son 40 pero que resulta insuficiente porque xa só en Gomesende se recolléron 21.
2.- Sobre o parque de Sangoñedo:
-Resposta do Alcalde: Que se esta mellorando.
3.- Sinala que o miradoiro da parroquia de San Fiz está sucio.
4.- Pregunta sobre a creación de viveiros.
-Resposta do Sr. Alcalde: Que se optou por outras solución.
5.- Sobre as obras de Viaqua:
-Resposta o concelleiro Sr. Otero Veiga: Que a empresa puxo o material e o resto o concello. A voceira do Grupo do PS de G-PSOE lembra que quedou fibrocemento debaixo e que a obra esta mal rematada

-Resposta o Sr. Alcalde: Que hai garantía, que se dará un repaso e que se verá en Nadal, e se entón non está ben se reclamará.
6.-Pregunta a voceira do Grupo do PSdG-PSOE polo Plan municipal de emerxencias.
-Resposta do Sr. Alcalde: Que está pendente da súa remisión por parte de Viaqua e comentarase entón.
7.- Pregunta a voceira do Grupo do PSdG-PSOE polas obras do polígono.
-Resposta do señor Alcalde: que se están rematando.
8.-Pregunta a voceira do Grupo do PSdG-PSOE por un decreto dun pago a Chantada Comunicación.
-Responde o Sr. Alcalde que se refire ás xornadas do Xacobeo.
9.-Pregunta a voceira do Grupo do PS d G-PSOE polo vídeo marcador e polas obras dos vestiarios no pavillón.
-Resposta do Sr. Alcalde: Que se están executando en prazo
10.- Pregunta a voceira do Grupo do PSdG-PSOE polo informe sobre o edificio da Praza de Santa Ana.
-Responde o Sr. alcalde que non lle consta.

-Responde a Concelleira Sra. Fernández Águila dicindo que xa está instalado dende finais de setembro.
12.-Refire a voceira do Grupo do PS d G-PSOE as queixas sobre un traballador do servizo axuda no fogar contratado sen a titulación pertinente.
-Responde o Sr. Alcalde que se está facendo o seguimento e que se presente escrito ante o traballador social.
13.- Pregunta a voceira do Grupo do PS d G-PSOE pola renuncia do plan urbe na rúa do comercio.
-Responde o Sr. Alcalde que se renunciou polas queixas que houbo; que o custo superaba os 200.000 €, e que está receptivo a propostas respecto diso.
14.-Pregunta a voceira do Grupo do PS d G-PSOE polo programa de emprego.
-Resposta do Sr. Alcalde: Que non hai nada pensado.

15.-Pregunta a voceira do Grupo do PS d G-PSOE pola solicitude de axudas a viticultores.
-Responde o Sr. Alcalde que se destinarán máis de 130.000 € para camiños deteriorados polas tormentas e que tamén haberá unha liña do remanente para axudar.


Preguntas formuladas polo voceiro do Grupo Municipal de “Por Chantada-CUP”

1.-Pregunta sobre do Plan forestal de Galicia dicindo que CHANTADA debería estar incluída.
-Responde o Sr. Alcalde que se entrará o ano que ven.

2.- Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se revisen as bases que permitan que as axudas cheguen a entidades que non foron beneficiarias no pasado.


3.- Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se controle a poboación de pombas que se converteu nun auténtico problema.


4.-Queixa formulada polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP sobre a poboación de ratas; sinala que hai moitas e que a xente se queixa.


5.-Rogo formulado por o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se mude o paso de peóns xunto ao Gadis e se utilicen os semáforos que existen instalados xunto ao ambulatorio.


6.- Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se repare o lastro da igrexa,
-Responde o Sr. Alcalde que se estivo agardando.


7.-Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se revisen as placas de vaos e se pense tamén nun guindastre.
-Responde o Sr. Alcalde que é absolutamente inviable.


8.-Pregunta o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP polos recortes que se produciron no ensino, concretamente no IES Lama das Quendas, e pola actuación do concello respecto diso.
-Responde o Sr. Alcalde que está equivocado e que se chamou para enviar a un profesor. [FALSO]


9.- Pregunta o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP polo contrato concertado pola empresa de limpeza; sinala que finalizou e pregunta quen limpa agora.
-Responde o Sr. Alcalde que outra empresa mentres non se licite o contrato.


10.- Pregunta tamén pola factura de “Inicia Technology Systems”,

-Responde o Sr. Alcalde que a descoñece.


11.- Rogo do voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP que se publique un bando para evitar que a xente lave o vehículo nas rúas sinala que contamina a auga e que habería que facer algo.


12.- Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se controle a carga de cisternas de auga no polígono.
-Responde o Sr. Alcalde que non sabe nada respecto diso.


13.-Rogo formulado polo voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que se realicen analíticas das fontes de Chantada sinala que moitas non son potables e que ademais hai residuos.


14.- Pregunta o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP por unha sanción de confederación en Nogueira.
-Responde o Sr. Alcalde que o descoñece

15.-Sinala o voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP que hai lixo fóra dos contedores.
-Responde o Sr. Alcalde que nese caso haberá que chamar á policía local, que é unha cuestión de educación.


16.-Sinala O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP que hai contedores contiguos en rúas que xera problemas para o tránsito e solicita unha solución.


17.- Pide luz pública en Muradelle. Responde o Sr. Alcalde que haberá que chamar ao servizo correspondente do concello.


18.-Pregunta O voceiro do Grupo Municipal Por Chantada-CUP sobre o escrito presentado en relación ás esixencias da hostalería de CHANTADA, se se fixo algo.
-Responde o Sr. Alcalde que non.


19.- Pregunta pola falta de fiscalización das bases de hostelería.
-Responde o Sr. Alcalde que se entregaron coas bases da Xunta.

 

 

𝐋𝐢𝐦𝐩𝐞𝐳𝐚 𝐝𝐞 𝐟𝐢𝐧𝐜𝐚𝐬 𝐩𝐫ó𝐱𝐢𝐦𝐚𝐬 𝐚𝐨𝐬 𝐧ú𝐜𝐥𝐞𝐨𝐬 𝐫𝐮𝐫𝐚𝐢𝐬

Limpa a túa finca

O prazo para “limpar” as fincas de maleza remata 31 de maio, como medida preventiva contra o lume estabelecida Lei 3/2007, do 3 de abril, de prevención de incendios forestais (DOG do 17 de abril de 2007), modificada posteriormente pola Lei 7/2912 de Montes da Galiza (DOGA do luns 23 de xullo de 2012).

Quen é o responsábel da xestión da biomasa vexetal? 

As persoas proprietarias ou os usufrutuarios dos terreos (artigos 21 e 22) incluídos nas faixas de especial protección de núcleos. Se non actúan os responsábeis, compete aos concellos executar a limpeza e repercutirlle os custos.

Deben xestionar a biomasa vexetal nun perímetro de 50 metros ao solo urbano de núcleo rural e urbanizábel delimitado, así como arredor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións. No caso de depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, ubicadas a menos de 400 metros do monte, medirase desde límite das instalacións.

Especies prohibidas nas faixas de seguranza: piñeiros, eucaliptos, acacias, toxos, fentos, mimosas, xestas, carqueixa, piorno, carrasca (queiruga), silvas (Disposición transitoria terceira.

A empresa pública Seaga, nas áreas de maior risco (ZAR), fará limpezas a un prezo de 350€ por hectárea. Chantada está en ZAR, mais o Concello de Chantada é un dos poucos da Galiza que non asinaron o covenio polo que os proprietarios non se poden acoller a esta opción. 🤬 𝐎𝐮𝐭𝐫𝐨 𝐠𝐫𝐚𝐧𝐝𝐞 é𝐱𝐢𝐭𝐨 𝐝𝐨 𝐆𝐨𝐛𝐞𝐫𝐧𝐨 𝐝𝐨 𝐩𝐢𝐥𝐨𝐭𝐨 𝐚𝐮𝐭𝐨𝐦á𝐭𝐢𝐜𝐨 𝐝𝐞 𝐌𝐚𝐧𝐮𝐞𝐥 𝐕𝐚𝐫𝐞𝐥𝐚…

#construírfuturo

#mellorarChantada

#opartidodaxente

Un hotel en San Fiz ou pór en valor o espazo humanizado das ribeiras e construír futuro?

Vista das ribeiras de San Fiz (xaneiro de 2021). Foto: arquivo Por Chantada,

Desde Por Chantada apresentamos alegacións ao Plano de Ordenación do Medio Físico de San Fiz de Asma, doravante POMF, diante da Consellaría competente para defender o ben común e os intereses da viciñanza, toda vez que o Concello de Chantada non abriu á participación e mesmo non consultou coa oposición o documento-proposta. De feito, o goberno de Manuel Varela limitouse a unha única e breve alegación formulada polo técnico municipal de urbanismo. Novamente, piloto automático e opacidade.
No tocante ás prometidas inversións, o POMF detalla moi pouco as propostas de actuación e adíaas a unha hipotética segunda fase. Para alén diso, algunhas actuacións teñen, na súa formulación actual, unha viabilidade e utilidade moi limitada ou vólcanse exclusivamente para o turismo esquecendo o sector primario que lle dá vida a esta paisaxe, a pesar de que declarativamente se di o contrario. Así, por pór só un exemplo, fronte a un uso hosteleiro na área dos Cipreses, ao que se destinarían 5 millóns de euros, propomos a recuperación do patrimonio natural e etnográfico dos Cachóns do Asma. Tamén facemos fincapé en que a PAC debe dar resposta ás necesidades dos nosos viticultores que, xunto ás adegas existentes, deben ser a columna vertebral de calquera estratexia de futuro para a zona.

Aausencia total de participación das comunidades afectadas, a exclusión xa que logo dos indíxenas que manteñen e conforman a paisaxe e o ámbito que se quer protexer, agudiza a sensación de que os diferentes instrumentos aplicados sobre a Ribeira Sacra (BIC, Reserva de Biosfera, POMF…) son exóxenos e impostos de arriba a abaixo, sen consentimento explícito da poboación das áreas afectadas nen participación real. É máis, a desinformación e falta de coñecemento sobre o expediente e as súas consecuencias é íntegro no caso destas.

Desde a década de oitenta temos diversos exemplos que veñen demostrando como este proceder cria figuras de protección que rematan por elaborar decorados artificiais ou marcas territoriais en canto as comunidades locais foron explulsas. Neste sentido, un POMF, un BIC ou calquera outra figura de protección nen é boa nen má per se, o problema é o uso que se lle dá aos instrumentos, a súa concepción e implementación e a propaganda que agocha unha participación real e fluxos de información efectivos.

Daquela, esta panoplia declarativo-lexilativa, alentada no fundo só como requerimentos para atinxir a declaración de Patrimonio da Humanidade como “política estrela” de configuración dunha marca territorial, contrasta coa ausencia de inversións reais efectivas no territorio, coa falta de aposta polo tecido produtivo primario –auténtico baluarte e salvagarda da poboación e das formas tradicionais de humanizar o territorio– ou con continuadas agresións ao patrimonio sen consecuencias, por citarmos algúns exemplos recentes (posteriores a 2015):

  • venda pola Internet de pedra do mosteiro de San Salvador de Asma (BIC);

  • cimentación do camiño lousado de Belesar por parte do Concello de Chantada, tiradas hai séculos as lousas do río pola viciñanza;

  • formigoneado da base do Cruceiro de Muradelle por parte do Concello de Chantada;

  • desfiguración polo bispado da capela da Virxe do Faro;

  • derribo de hórreos;

  • degradación con maquinaria pesada da mámoas do monte Cabeza do Faro…

 

Consulta o documento íntegro coas nosas alegacións premendo na ligazón (PDF de 22 páxinas):

Por Chantada apresentou alegacións ao Real Decreto sobre nutrición do solo.

 

 

 

Preme aquí para veres o documento íntegro das alegacións de Por Chantada.

 

 

O rascuño de Real Decreto polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios (RD) impulsado polo Goberno do Estado esquece máis unha vez a realidade galega e atenta contra todos os sectores agrarios e gandeiros que apostan por modelos sustentábeis polo que, de non atender ás modificacións propostas, terá o efeito contrario aos obxectivos que, teoricamente, procura.

Neste sentido, Por Chantada – Candidatura de Unidade Popular formulou 40 alegacións ao documento e vindicamos novamente normas legais e unha PAC axeitadas para a Galiza e o noso sector primario, fundamental para a comarca de Chantada, que se vería especialmente castigada polas disposicións do RD. Se non se revisa o rascuño inicial no sentido proposto será letal para as pequenas e medianas exploracións galegas, que son a maioría, e atinxe a todos os sectores: o vacún, a carne, o vitícola, o froiteiro, a horta ou o florestal. Todos estes sectores foron defendidos nas nosas alegacións.

A pesares das boas intencións expostas na súa redacción actual o RD apenas favorece o intensivo e determinadas industrias, nomeadamente o sector porcino polo lobbing das organizacións estatais, para alén de impulsar a venda de maquinaria agrícola e a venda de adubos sintéticos moito máis contaminantes. É o mundo ao revés e, coma sempre, esquécese á maioría social que resiste no medio rural producindo.

 

Inxectores de xurro e obrigas burocráticas.

Embora na imprensa o pouco que trascendeu do RD foi a necesidade de inxectores de xurros, resulta que as disposicións son tan lesivas para a Galiza que isto sería o mal menor dentro das novidades que este traerá. Moito piores van ser as enormes obrigas burocráticas: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento externo privado, caderno de fertilización, restricións ao amoreamento de esterco obviando o sistema tradicional galego de muricos que actúa como semicompostaxe e con nulo impacto ambiental, inspeccións de equipas, planos de adubado etc. Estas medidas van atinxir de cheo a todo o sector primario: desde unha pequena horta ou viñedo até calquera cultivo froiteiro ou florestal.

No caso de Chantada, con titulares de elevada idade, é totalmente surrealista tentar aplicar estas medidas nunha orografía como a dos socalcos da Ribeira Sacra ao ser imposíbel amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación e favorecería, por un lado, o abandono, e, por outro lado, o uso de adubos sintéticos que contaminan acuíferos.

 

Non se estabelece a diferenza entre esterco e xurro.

De feito, o RD é tan incompleto e nefasto que non diferenza o esterco do xurro obviando que o primeiro ten menores perdas de amoníaco, maior contido de carbono orgánico e conserva mellor a estrutura do solo, pola mineralización máis lenta e o favorecemento da microbioloxía etc. É unha aberración condenar aos mesmos controis e obrigas (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco do que a unha macroexplotación de porcino sen terra, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Tampouco se teñen en conta as características edafoclimáticas da Galiza como se todo o Estado tivese un único tipo de solo e clima e considerando igual unha granxa isolada na montaña do que miles de exploracións concentradas.

 

O eucalipto trátase como SAU.

Outra barbaridade é considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil. Entre o ano 1985 e 2005 na Galiza 43% da superficie agraria mudou de uso e representa xa menos da cuarta parte da superficie total da Galiza, a metade que na UE, e a perda de SAU entre 1985 de 2015 cífrase entre 160.000 e 185.000 has. As plantacións de eucalipto e piñeiro pasaron a ocupar 378.718 hectáreas máis de territorio, das cales 150.000 hectáreas plantadas en solos agrícolas nos últimos 30 anos. A porcentaxe de superficie florestal que ten xa hoxe a Galiza a respeito do seu territorio (69%) é a mesma que Finlandia e Suecia. En síntese, a menor SAU maior despoboamento e piores condicións para producir alimentos de calidade e sustentábeis no rural en canto os usos alternativos para esa SAU que se perde son incumpatíbeis cun interior galego vivo. O RD acelera a conversión do interior galego nunha Laponia sen renos nen nenos.

 

Impón a necesidade de asesoramento externo.

No tocante a outra novidade como é o asesoramento, obriga a pagarlle a un asesor en fertilización para estercar as fincas sen reparar na extensión da exploración, na súa natureza (autoconsumo ou venda maciza) e no uso de adubos da propria granxa ou non. Para máis Inri, fica a porta aberta a que os asesores teñan relación con comercios agrícolas e empresas de fertilizantes favorecendo o negocio para unha minoría e a ruína da maioría.

 

Impúlsase o uso de lodos de depuradora, refugallos da agroindustria e até residuos plásticos na produción de alimentos.

A realidade supera a ficción. Un decreto que leva a palabra sustentábel no seu nome resulta que permite e incentiva o emprego de lodos de depuradora e outros refugallos da agroindustria, favorecendo que os microplásticos pasen á cadea trófica. O RD mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material, un atentado á saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios. Os cidadáns non merecemos gobernos que poñan por cima da nosa saúde e benestar os intereses da agroindustria.

De por parte, os níveis de metais pesados máximos permitidos son obsoletos. Deberíase ter en conta a revisión á baixa que xa fixeron destes valores varias CCAA.

 

Despropósito nas medicións GEI e no tratamento da agricultura ecolóxica.

Outro aspecto a pór en destaque é que a base de dados do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, o cal é especialmente grave e lesivo para a Galiza. Indícanse 0 horas (si o horas!) de pastoreo cando 61,2 % das granxas galegas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas). Amais, en nengún momento se fala dos pastos permanentes, a pesar de seren sistemas de produción máis extensivos e sustentábeis que reducen os gases de efeito estufa (GEI) e crian un solo vivo. Contrasta este maltrato á agricultura ecolóxica coa ausencia de regulación da gandaría intesiva sen base territorial e moito menos se potencia a soberanía alimentar e os alimentos quilómetro 0.

 

Síntese das nosas alternativas.

Así as cousas, Por Chantada defende:

  • Aplicar medidas de discriminación positiva para a produción ecolóxica e as pequenas e medianas granxas familiares e os proxectos agrarios biodiversos.
  • Excepcións no RD para as granxas de pequeno tamaño que practiquen a agricultura sustentábel e que empreguen métodos de aplicación tradicional dos estercos ou que estexan en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.
  • Normas máis estritas para as granxas sen terra, restricións severas ao uso de lodos de depuradora e refugallos industriais e a consideración como SAU apenas das parcelas destinadas á alimentación humana e animal, nunca o eucalipto.

 

GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR.

Resumo do Pleno ordinario de Chantada correspondente ao 24 de setembro de 2020.

 

Asisten 13 concelleiras e concelleiros (todos os integrantes da Corporación), o secretario accidental, a interventora, un funcionario e un viciño.

 

Accede ao audio íntegro da sesión plenaria premendo aquí.

 

1.- ACTAS ANTERIORES, CORRESPONDENTES ÁS SESIÓNS: EXTRAORDINARIA 09/03/2020.

ACTA DO PLENO MESAS ELECTORAIS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS 09-03-2020

Apróbase por UNANIMIDADE. A acta da sesión ordinaria de 30 de xuño aínda non está feita, segundo explicou o alcalde por ferias do secretario titular.

2.- APROBACIÓN CONTA XERAL 2019. EXP. G-286/2020.

Documentación da Conta Xeral 2019.

1.-PROPOSTA APROBACION CONTA XERAL 2019

Comeza intervindo o grupo municipal socialista por medio da súa voceira Raquel López. Expón que a conta xeral reflecte uns orzamentos desvirtuados cun 15% de inexecución e que espella improvisación e falla de previsión, aínda que non todo se pode prever. Se se volve a vista a 2012 seguen os mesmos problemas: reparos de intervención, omisións de fiscalización, pagos atrasados, contratos menores, planos que non se cumpren e outros problemas endémicos do Concello de Chantada que dificultan ter información. Esperan que en 2021 o Orzamento modifique algúns destes aspectos para podelos apoiar.

Como xa dixemos na CI correspondente a liquidación do Orzamento 2019 aprobouse por Decreto da alcaldía 168/2020, do 27 de abril, polo que debera darse conta dela na sesión extraordinaria do Pleno de xuño e non se fixo.

O primeiro que cómpre destacar é que a execución orzamentar bateu un récorde. 15,96% do orzamento ficou sen executar, a pesar do estado da infraestrutura, da listaxe de agarda no SAF e as problemáticas noutros servizos, das eivas da limpeza ou da necesidade de novas políticas. Non é de recibo ter 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€, cando a estabilidade orzamentar e o teito de gasto permitían aínda gastar 1 millón máis. Este altísimo volume de inexecución fala dunha má planificación, xestión e concreción do orzamento e explica o aforro neto de 829.606,57€, en todo caso bastante inferior ao que debería dada a execución deficiente do orzamento, mais que se explica polo elevado volume de facturas de exercicios anteriores que se pagaron no 2019 e as que aínda se están pagando neste 2020, como demostran os 11 recoñecementos extraxudiciais de crédito (REC) que levamos en 2020, moitas facturas son de 2019 e 2020.

Dentro da xestión deficiente atópase o uso e abuso do contrato menor, contornando a LCSP. Tamén con eivas na contratación do persoal entre outras innúmeras cuestións que fomos asilanando no seu momento. Así as cousas, o 2019 fechou con 65 Reparos de intervención e 41 Omisións de fiscalización por parte da intervención municipal.

A consecuencia deste tipo de procedemento é que se fecha o exercicio con 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 24 de setembro de 2020 levamos 547.588,84€ en pagos pendentes de 2019.

Relación de pagos do ano 2019 abonados en 2020

Recoñecementos extraxudiciais de crédito 1, 23 e 28/2020

74.378,83€

Suplemento de crédito 1/2020 con cargo ao RTGX

125.486,77€

Transferencia de crédito no orzamento prorrogado de 2019 para abono de xuros de demora a Fevisa (obras ilegais adxudicadas a dedo, sen contrato e sen crédito dispoñíbel en maio de 2015)

120.140,43€

REC 11/2020

227.582,85€

TOTAL pagos 2019 (e 2018) abonados en 2020

547.588,84€

Por outras palabras, desvirtúase totalmente a contabilidade por abusar do contrato menor e non licitar os principais servizos e fornecementos aos que recorre dun xeito reiterado o Goberno local, así como obras e outras actuacións nas que non se licita por xunto senón que se fraccionan como contratos menores, por exemplo numerosas actuacións feitas durante os meses de abril e maio de 2019. O RTGX real se non se producise este desfase sería, xa que logo, de 227.582,85, menos da metade. Cómpre engadir que se gastou 1.008.518,82 do RTGX durante 2019.

Polo lados dos ingresos, a previsión definitiva de ingresos era de 8.117.183,81€, mais o defeito de previsión é moi elevado, de 1.614,649,05€, o que, de persistir, pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

Canto ao gasto,prodúcense moitas modificacións de crédito (MC) e, nomeadamente, transferencias de crédito (TC) e, por veces, fanse posteriormente ao gasto. Atinxiron en 2019 un volume desmesurado: 1.744.068,93€.

Aínda que na campaña eleitoral defenderon que o Concello estaba en “débeda 0” o certo é que en 2019 destináronse 436.245,39€ para amortizar débeda e a área de gasto 011 ascendeu a 441.498,19€, que se ben é menos que outras anualidades onde o servizo da débeda superaba o millón de euros, segue sendo considerábel.

O gasto en persoal, capítulo 1, situouse en 2.672.919,80€ superando os 2.625.594,24€ dos capítulos 1 e 2 de ingresos. Por outras palabras, todos os impostos directos e indirectos –a pesar da suba substancial dalgúns como o IBI ou o ICIO– non abondaron para abonar os custes de persoal.

No capítulo 4, de transferencias correntes, destacar a baixa execución nas Axudas de emerxencia social (48904), xa que se gastaron 6.994,62€ e ficaron sen executar 2.005,38€. Por pedir unha ordenanza axeitada non foi. E a bolsa de transportes (48906), sobre a que demandamos mudar as bases para aproveitar o orzamentado, tamén ficou cun remanente de 8.600€ moi superior aos 3.400€ repartidos. Dixeron que o ían estudar e resulta que en 2020 desaparecen.

No capítulo 6, inversións reais, pasa o mesmo que en 2018, un grao de execución baixísimo. Do 1.211.246,43€ de créditos definitivos só se executaron 653.799,63€ ficando un remanente de 557.446,80€. É dicir, o 47% das inversións comprometidas non se executou a pesar do estado calamitoso de moitas infraestruturas en Vías públicas (157) foi máis o non executado (90.472,45€) có executado (67.256,14€), o que ten difícil explicación.

Canto ao pendente de cobro e de pago de exercicios anteriores:

  • 2.032.413,78€, dos que 1.196.926,48 pertencen aos anos 1991-2012 e, xa que logo, son de dubidoso cobro.

  • 293.208,33€ pendentes de pago, dos que 290.667,42€ son de 1991-2012.

É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación. Persistir nesta situación adultera as contas e afecta á exactitude coa que se pode configurar o RTGX, polo que redunda en prexuízo da administración local.

En conclusión:

  • 1.627.234,25€ de remanente de créditos nun orzamento de 6.489.949,56€ (15.96%) sen executar, especialmente sangrante no capítulo 6 de inversións reais ou en emerxencia social.

  • 68.778,38€ en facturas pendentes de pago e un RTGX de 672.701,42€, mais a 30 de xullo de 2020 levamos 320.005,99€ en pagos pendentes de 2019, que se incrementarán hoxe co REC 11/2020 (125.112,58€). Portanto, o RTGX “real” sería menos da metade de pagarse en tempo e forma: 227.582,85.

  • Moitas MC e TC por importe de 1.744.068,93€ o que, unido ao defeito de previsión de ingresos moi elevado, de 1.614,649,05€ pode ocasionar tensión de caixa e afectar ao período medio de pago a provedores.

  • É necesario adoptar medidas para evitar a prescrición dos direitos pendentes de cobro e unha depuración dos pagos, analizando cales son lexítimos e procedendo, en consecuencia, á súa liquidación.

 

Intervén polo grupo municipal popular o alcalde Manuel Varela. Todo o que dixo a oposición recoñece que pode estar ben, aínda que hai cousas coas que non coincide. Ora ben, a conta xeral ou se aproba ou nbon se aproba e a baixa execución orzamentar págase agora, por exemplo coas facturas de FENOSA. A ver se entran na central de contratacións da FEMP e licitan a electricidade antes de rematar o ano. Defende que todos os parámetros da Conta Xeral dan ben e son correctos e que o Consello de Contas, ou ben nunca le as de Chantada, ou están ben porque nunca lles turraron das orellas. Segundo a oposición todo vai mal, cando todo vai á perfección, segundo o alcalde.

 

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

3.-RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO (REC) Nº 11/2020 por importe de 125.112,58€. EXP. G-822/2020.

1.-PROPOSTA AO PLENO APROBACION REC 11-2020

2.-REPAROS 2020-0028 [FISCALIZACION INTERVENCION]

Raquel López lembra que os REC son un ponto fixo da orde do día. Caos no Concello pagando aínda facturas de 2018 e 2019. Non poden votar a favor cun reparo da intervención. Celebran que queiran solventar o da electricidade antes de rematar o ano, mais hai outra factura reparada por contratar cunha comunidade bens, o cal é ilegal que facturen cunha administración.

Este é xa o enésimo REC que vén este ano. Levamos 11. Desta volta facturas de 2018 e 2019 que se abonarán aínda en finais de 2020 e por importe total de 125.112,58€. Como sinalabamos anteriormente desvirtúan por completo a contabilidade anual e os recursos reais do Concello, por un lado, e incúmprese a LCSP polo outro.

Xa fai anos que lles demandamos limitar o abuso do contrato menor e licitar a luz, estudando alternativas ás grandes eléctricas, como as cooperativas enerxéticas galegas. Fai uns anos a Deputación de Ourense licitou a luz, poden pedirlle os pregos a Baltar.

Portanto, isto era evitábel e trátase dun problema recorrente por non ter o servizo licitado, o cal non podemos partillar nen apoiar.

A maior abastanza, o informe da intervención sinala que procedería facer primeiro a revisión de oficio que declarase a nulidade de pleno direito e despois proceder a facer o REC. Así llo temos pedido xa en varios recursos apresentados, mais eluden calquera responsabilidade e seguir os procedementos legalmente estabelecidos.

Manuel Lorenzo di que están na boa liña e antes de comprometer gasto é certo que teñen que comprobar que exista crédito. No entanto, onte visitouno Luís Aragunde [ex-alcalde do PP de Cambados, até 2015] e contoulle que deixou a alcaldía con 35 reparos e a actual rexedora [PSOE] ten 78. Ou se levantan reparos ou se paraliza todo. O Concello de Lugo [PSOE e BNG] vén de aprobar un REC por importe de 28 millóns de euros. Agradece en todo caso o ton das intervencións e dálle pena que haxa xente sen cobrar por estas cousas. Hai cousas que non se poden prever, deben deixar unha partida de imprevistos, mais é difícil calcular e hai urxencias [manipula porque estamos falando da luz que non é nengunha urxencia, senón un gasto elevadísimo e recorrente todos os meses polo que non pode seguir como contrato menor]. Agora teñen que facer un muro no camiño das Córneas e non teñen financiamento (8-10.000€) polo que terán que buscar outras partidas.

Votos a favor: 7 (PP) En contra: 6 (Por Chantada e PSOE). Apróbase.

4.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE MEDIDAS PARA A VOLTA ÁS AULAS. EXP. G-835/2020.

Moción do grupo socialista sobre medidas para a volta ás aulas.

Expón a moción Raquel López, conforme a exposición de motivos e os acordos da moción.

No pleno do 29 de xullo xa transmitimos un rogo e varias perguntas sobre esta cuestión, en concreto rogabamos que o Goberno municipal estudara as nosas propostas para chegar a setembro coas tarefas feitas. Infelizmente, coidamos que non foi así.

Queremos, pois, lembrar as alternativas que propomos, algunhas xa contidas na moción:

  • No acceso e na saída dos centros sempre se producen aglomeracións, pola COVID-19 cómpre adoptar medidas decididas. Débese falar coas direccións dos CEIP para optimizar as entradas e saídas1. Asemade, cómpre incrementar o espazo de acceso aos colexios para as crianzas e acompañantes, estudando a nosa proposta de camiño escolar enunciada no seu momento.

  • Para a conciliación é o momento de estudar tamén implementar o Plano madruga, vendo o número de solicitudes e contratando ao persoal necesario. Desde Por Chantada mostramos a nosa disposición para apoiar o cambio orzamentar que se requira para pór en marcha este programa, así como a participar da elaboración dos seus protocolos.

  • Limpeza e desinfección do centro. Contratouse moi pouco persoal para todo o que demandan dos protocolos. Entendemos que o Concello seguirá a asumir a limpeza e desinfección dos centros de primaria – de xeito impropio, pois debería estar coberto por Educación – e que precisa un reforzo orzamentar nesta partida. Un informe xurídico da Deputación de Pontevedra e outro da Deputación da Cruña asinalan que os custes extraordinarios de desinfección e limpeza xerados pola COVID-19 «non son competencia propria dos concellos e supoñen unha ampliación das mesmas». O Concello debe asumir, pois, esta necesidade polo ben da comunidade educativa local, mais logo repercutir os gastos á Xunta da Galiza, que recebeu 92,9 millóns de euros de fundos extraordinarios do Estado para educación.

  • A situación sanitaria vaise manter, previsibelmente, máis aló deste curso, co cal, os nenos e nenas de Chantada vanse ver privadas de facer moitas actividades dentro e fóra da aula que habitualmente facían en conxunto, como poden ser os festivais de Nadal e fin de curso, excursións pola zona ou, simplemente, xogar no parque en conxunto de xeito habitual. Entendemos que dende o Concello se pode contribuír a manter a conexión do alumnado dos CEIPS mediante o recurso a actividades en liña. Por iso, consideramos que se debe reforzar esta área de animación sociocultural e dotala dos recursos necesarios para que durante todo este ano se fomente a conexión dos nenos e nenas con actividades lúdicas e educativas.

  • O PP votou no parlamento galego contra o sufraxio das máscaras que pasarán ao cativo orzamento escolar. Ante a obrigatoriedade do uso de máscaras na aula e dado o custe que vai supor para as familias, uníndose ao custos habituais do inicio de curso, entendemos que é o

    momento de que o Concello realice unha nova dotación de máscaras dirixida á poboación escolar, tanto de Primaria como de ESO, FP e Bacharelato. Aínda que o Concello xa dotou aos nenos e nenas de máscaras estas vanse deteriorando co uso, polo que entendemos que sería importante comezar o curso cunha nova doazón de máscaras á poboación escolar, toda vez que, neste momento, xa se dispón de máis modelos homologados no mercado, tanto reutilizábeis como cirúrxicas dun só uso.

  • Partillamos dos acordos da moción tamén que a pandemía fai necesario impulsar o Consello escolar municipal, con reunións periódicas para o seguimento da situación sanitaria e das necesidades dos centros e da comunidade educativa.

1 O CEIP Eloísa Ribadulla abre portas ás 9:00 horas e o Xoán de Requeixo ás 9:30 horas e no primeiro saen ás 14:00 e no segundo ás 16 horas. No Eloísa Ribadulla á hora de entrada e saída hai aglomeracións no exterior, conflúen as crianzas e acompañantes que chegan a pé cos que chegan de carro (o transporte escolar accede ao recinto polo que non afecta ao exterior).

No Xoán de Requeixo á hora de entrada e de saída conflúen no exterior todos e hai aglomeracións no espazo habilitado de agarda (rúa poeta Añón) e diante da cancela de entrada. Para maior agravante o tránsito non se interrompe aumentando a conxestión e a beirarrúa onde baixan as crianzas do transporte escolar é moi estreita e coinciden coas que acceden a pé.

O alcalde di que non está disposto a darlle unha patada ao presidente da Xunta ou ao Conselleiro aprobando esta moción. O PP obtivo maioría absoluta. Se son incompetentes, como defende o PSOE, que nas próximas eleccións os cidadáns tomen nota e os boten fóra. Non concorda co que di a oposición. Con maior previsión recoñece que poderían derivarse alumnos a Carballedo ou Taboda ou mesmo usar escolas rurais, mais pensa que en Chantada non hai problemas de lotación de alumnado. Reforzouse a limpeza dúas horas ás mañás e están facendo bolsa de traballadores. Prorrogáronlle a empresa o contrato até setembro de 2021 e a partir de aí licitarán mellor a limpeza. No Xoán de Requeixo xa hai área habilitada e acceso desde o pavillón e mais desde García Árias. Os pais deberían ter maior conciencia e no IES non é posíbel seguramente que se poña a policía local por mor do horario. Canto ao consello escolar asisten aos de cada centro e están contentes coas actuacións do Concello [non é o que nos consta desde Por Chantada como temos demostrado nalgún pleno]. O diñeiro para medios dixitais pode estudarse cando se estuden os orzamentos para 2021. Hai pontos da moción que van tentar cumprir de aquí a finais de ano e debater o orzamento antes de rematar o ano, mais non se van dirixir á Xunta cando xa comezou o curso e defende que o Goberno galego funciona á perfección. Ao mellor o PSOE debería preocuparse máis polo ingreso mínimo vital, que só entregaron 10%, ou os ERTEs. O Concello axudará ás familias con necesidades e ás persoas maiores.

Raquel lamenta como profesional e como viciña que o PP vote en contra e di que eles critican calquera administración da cor que sexa. Preocupante a defensa fechada da Xunta. Varela retruca que iso dio ela. Raquel di que ten a mesa do primeiro alumno pegada a dela. Varela dille que en que Concello é iso, que apresenten alí a moción. Raquel retrúcalle que onde están os cartos do Goberno central entregados á Xunta para educación. Varela dille que xa dixo Antón que ían en parte para computadores. Eles cumpren cos cidadáns de Chantada e cada catro anos hai oposicións nas urnas e a Xunta revalidou unha maioría aplastante.

Votos a favor: 6 (Por Chantada e PSOE). Votos en contra: 7 (PP). Rexeitada.

5.- MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POR CHANTADA-CUP A PROL DUNHA PAC AXEITADA PARA O INTERIOR GALEGO. EXP. G-835/2020.

Mocion Por Chantada PAC

Expón a moción o voceiro de Por Chantada, Antom Fente, sintetizando a exposición de motivos.

Desde o PSOE, Raquel López, di que é unha moción densa, aínda que entenden que o tema é complexo. O PSdG leva décadas traballando no tema da PAC e seguirá facéndoo. Coinciden nalgúns aspectos da moción: paisaxe, relevo xeracional, mudanza climática, calidade alimentar etc. Neste momento non tiveron en conta a situación da COVID-19, que é unha variábel a ter en conta. Tomara teñan en conta a moción os grupos do parlamento galego.

O PP di que non teñen inconveniente en apoiar a moción. Gobernando o PP en Madrid pasaban en gobernar en Europa sen reunións coas CCAA e sería bon que as fixesen. Ve ben pasarlle esta exposición de motivos á Xunta, ao Ministerio e aos grupos políticos e agarda que a teñan en conta. O Ministerio de Agricultura do Goberno estatal ten un ministro que é competente e cumpre chegar a Europa con unidade e sen confrontación.

Aprobada por unanimidade, Por Chantada (2), PP (7) e PSOE (4).

6.- RENUNCIA CONDICIÓN DE CONCELLEIRA DE DONA MARÍA VARELA RODRÍGUEZ (PSG-PSOE). DITAME DA COMISIÓN INFORMATIVA. EXP. G-834/2020.

1.-PROPOSTA DE ACORDO

2.-Informe de Secretaría

3.-LISTA PS de G-PSOE

4.-Providencia de Alcaldía solicitando Informe

5.-Renuncia María Varela

Só interviu o alcalde agradecendo a presenza e o labor da concelleira do PSOE, a pesar de pertencer á Corporación apenas un ano. Desexoulle sorte no plano profesional e laboral e lamentou que se fose unha das “caras máis amábeis do Pleno”. Non se abriu rolda de intervención para os voceiros do grupo socialista e de Por Chantada.

7.- MOCIÓNS E ASUNTOS DE URXENCIA.

Non se produciron.

8.- DACIÓN DE CONTA DE RESOLUCIÓNS DA ALCALDÍA (DECRETOS 400/2020 A 495/2020).

9.- ROGOS E PREGUNTAS.

9.1.- Ornato público e lixo.

9.1.1.- Actividades insalubres en Vista Alegre.

En Vista Alegre recebemos queixas viciñais polo botellón, prohibido pola lexislación actual da COVID-19, e o denominado popularmente como mirador ten cada vez máis lixo. Rogamos que se execute a correspondente limpeza e se incremente a vixilancia, tamén no parque da feira vello, pois recebemos queixas de actividades ilícitas.

Contesta o alcalde, que tamén hai que reforzar a vixilancia nas escolas rurais, que son do Concello e mesmo algunha alugouse. Vaise arranxar a rúa Vista Alegre.

9.1.2.- Sumidoiros atascados.

Rogamos que antes da temporada de choivas máis fortes se proceda a revisar os sumidoiros, xa que existen varios que están totalmente atascados, por exemplos, na rúa de Portomarín e no mercado gandeiro, até con terróns de herba.

Concordan que é necesario, que normalmente se fai en outubro.

9.1.3.- Colectores.

Moitos colectores da vila precisan de ser reubicados e, en todo caso, deben estar limpos. Os amarelos e os de vidro son os que pior están e non se limpa debaixo deles. A imaxe de moitos deles dista moito do desexábel e máxime nesta situación de pandemía. No rural hai varios totalmente rotos. O horario de tirar o lixo só ten sentido se coincide co de recollida inmediatamente despois e hai que mellorar a distribución dos colectores en varios pontos. Os colectores están mellor nun solar sen edificar, pois repartidos quitan prazas de aparcamento. Cada tonelada de cascallos son 80€ van ter que revisar a ordenanza.

9.1.4.- Limpeza rúas.

Nas inmediacións da praza de abastos ou na rúa da Flora, por pór só algúns exemplos.

9.1.5.- Praza Santa Ana.

Rogamos novamente que se arranxen os elementos do pavimento que o precisan con urxencia, así como vernizar os bancos e limpalos por baixo. Debe vixiarse que se aparque mellor.

Van arranxar os bancos en breve.

9.1.6.- Camión abandonado.

Hai un camión abandonado nun solar fronte ás piscinas e está criando maleza polo que rogamos que se actúe.

Hai outro nun solar alugado polo Concello. Toman nota.

9.2.- Peonalización Cantón.

Rogamos que se vixíe o mal uso dos aparcadoiros existentes na nova zona peonil a horas en que non está xustificado o seu uso.

Negan que haxa problemas.

9.3.- Xardín da infancia (Galiña Azul).

Para alén de que coa escusa da COVID-19 se impuxo o mesmo catering que opera no centro de día, tanto en Chantada canto en Taboada, Antas e Pantón, a escola infantil segue sen pintar. Coidamos que este ano disporíase de fundos suficientes para facelo, xa que non comprometería unha contía moi elevada. Rogamos, pois, que se pinte a escola infantil.

Toman nota e verán se se pode facer xa neste 2020.

9.4.- Piscinas municipais.

Cando contemplan abrilas?

Se poden o 2 de outubro.

9.5.- Rozado na parroquia de Arcos.

Desbrozaron mal en Arcos e non volveron a pasar a pesar das queixas viciñais. Por exemplo, o camiño da parte de arriba de Souto non se desbrozou e en Gomesende. Rogamos se solucione.

Están rematando coas ribeiras e empezarán outra vez que cumpre en San Vicente etc. Este ano houbo tres meses perdidos pola pandemía.

9.6.- Pistas.

9.6.1.- Arcos.

Aínda que xa trouxemos unha relación na moción que veu ao pasado Pleno e que está a comisión de seguemento das infraestruturas por constituírse, transmitíronnos que urxe o arranxo das seguintes pistas:

  • A pisa que sai da Cruz de Outeiro até Casteda.

  • Pedrafita a Casteda.

  • Arsilleiros desde Casteda á cima da Cruz.

  • Igrexa – Arcos, o firme está moi deteriorado.

  • Vilanova (estrada a Antas), a pista non se anda.

  • Rogamos que se faga, como solicitamos, unha relación polo nível de deterioro e que se liciten conxuntamente, xa que se están contratando como contratos menores todas con FEVISA Vías e obras, empresa á que aínda recentemente se lle abonaron 120.143,43€ en xuros de demora (Decreto 446/2020 de 12 de agosto).

  • Cando se prevé criar a comisión de infraestruturas? Facer unha ou dúas e na dos orzamentos facer estudo das que fican sen arranxar.

9.6.2.- Devolución AGADER.

Mediante Decreto 405/2020 de 24 de xullo acordouse devolver á Consellaría de Medio Rural os fondos non xustificados AGADER 2019 por importe de 39.431€. Estes fondos correspondían ao expediente PM19-291 Mellora de camiños municipais da Consellaría de Medio Rural da Xunta da Galiza. Poden explicarnos isto? Provabelmente naquele intre o Concello non lle podía facer fronte ou ben incumpriron o prazo da xustificación.

9.7.- Sentenzas (Decreto 430/2020 de 4 de agosto).

Abonáronse 11.087,1€ a varias persoas en conceito de expropriación e xuros pola Sentenza 86/2020 do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Lugo do 12 de xuño de 2020. Pódennos explicar isto? Non se concreta na resposta nada.

9.8.- Guía de linguaxe inclusiva (Decreto 426/2020 de 3 de agosto).

Contratouse con Coeduca Consultora de Coeducación por importe de 2.194,78€.

  • A quen se vai dirixir? Primeiro aos funcionarios e logo a outros colectivos pouco a pouco, como asociacións.

  • Cantos exemplares en papel se van facer? A subvención inclúe a impresión de 20 exemplares.

  • Disponibilizarase na web para baixar libremente? Rogamos que así se faga. Din que se fará.

10.- Muradelle. Cruceiro e patrimonio.

Propomos como rogo que o Concello de Chantada se dote dunha Guía de restauración, conservación e xestión do patrimonio. Están de acordo.

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP a prol dunha PAC axeitada para o interior galego.

O 23 deste mes de setembro celébrase a sesión ordinaria do pleno do Concello de Chantada. Apresentamos por urxencia unha moción con propostas e análises sobre a PAC.

Tanto o Concello de Chantada, canto moitas das exploracións do sector primario e mais o GDR dependen destes fundos da UE, que van sofrer mudanzas decisivas para o noso país nos vindeiros anos.

No entanto, nen na campaña eleitoral das galegas nen depois as formacións políticas teñen unha folla de rota clara para a nova PAC que a Galiza precisaría. Tampouco hai novas nen audacia na Consellaría de Medio Rural mais na Xunta.

Por iso, apostamos por elaborar un documento de análises e alternativas para termos unha PAC mellor e máis xusta para as labregas e labregos. Unha PAC ao servizo do país e dos intereses da Galiza e da nosa comarca. Un traballo que desenvolvemos este verao en colaboración con persoas de diferentes sectores envolvidos e profesionais cunha contrastada traxectoria no medio rural e bons coñecedores da política agrícola común.

👉🏽 Anexamos en PDF o texto íntegro da Moción:

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP a prol dunha PAC axeitada para o interior galego.

 

 

Resumo do Pleno extraordinario de 18 de xuño [audio]

A sesión extraordinaria do Pleno da Corporación non contou coa asistencia de público e comezou pasadas as 20 horas, rematando ás 23 horas aproximadamente. Asistiron 11 concelleiros, ao faltaren Cruz Fernández Rodríguez (Por Chantada) e José Luís Vázquez (PSOE) por motivos persoais ineludíbeis. Tamén estaban presentes o novo secretario (Fernando, acumulado e titular en Carballedo) e a interventora (María, até o de agora secretaria).

 

Audio da sesión aquí: https://drive.google.com/file/d/1KBHHHn9AiXjQOtC2JLxNaG7w1vUTBcr0/view?usp=sharing

 

1.- Acta anterior sesión ordinaria 30/01/2020.

Rascuño da acta do PLENO ordinario 30.01.2020.

Comeza falando o alcalde que dá a benvida ao novo secretario e felicítase de que Chantada só sufrise 25 casos de COVID-19, ficando 1 confinado e rexistrándose apenas un óbito. Manuel Diéguez tiña todo pronto para facer o pleno telemático, mais por falta da Liquidación de 2019 e ausencia de grandes asuntos non se realizou. Continúa Manuel Varela indicando que deixaron de convocar a Comisión de seguimento porque tiveron un traballo excesivo e hai moito apuro no Concello, por exemplo cos movementos do padrón e danlle saída a proxectos que estaban pendentes en urbanismo. Aínda lles levará 3-4 meses, mais ao final de ano contan ter todo ao día.

Raquel di que todos estamos ben e a pandemía evolui de xeito favorábel. Excusa a Jisi. Invoca cuestión de orde, que non se avisa a pesar de non ser o Pleno na data esperada.

Desde Por Chantada lémbrase que a moción da emerxencia climática aprobouse, ao votarse en contra da orixinal (primeira votación) e a favor da moción coa emenda por unanimidade (2ª votación). Sempre funcionamos así nesta Corporación. A antiga secretaria di que hai que revisar esa cuestión. Varela di que se aprobou a emenda e non a moción [posteriormente neste mesmo Pleno votarán contra emendas e dan a razón a que sempre se procedeu como indicamos e que, por tanto, a moción foi aprobada e estanse facendo manobras a posteriori para que non sexa así porque se equivocaron votando. Sexa como for, o que está clara é a falta de vontade para executala…]. Fente lembra que rexistraron escrito días antes para que se incorporen as súas propostas ao PACES en tramitación [o documento pode consultarse aquí: Solicitude de Por Chantada-CUP en relación co PACES]

Coas salvedades indicadas APRÓBASE A ACTA POR UNANIMIDADE.

2.- Moción Por Chantada-CUP en relación á proliferación de edificacións ruinosas (exp. G-401/2020).

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación á proliferación de edificacións ruinosas

Fente defende a moción explicando os acordos e sucintamente o desenvolvido na exposición de motivos, con especial referencia ao Programa de vivendas baleiras do IGVS. 

No PSOE din que non entenden a orde do día. Tradicionalmente situábase primeiro os pontos propostos pola equipa de goberno e logo as mocións dos grupos.

Varela di que tamén lle extrañou. O secretario di que non houbo calquera intencionalidade e que a próxima vez farase ao revés. Asinou a convocatoria desde Carballedo e quen a fixo seguiría o expediente montado para o Pleno desde as CCII sen decatarse. Canto á legalidade non apresenta problemas. A interventora acrecenta que se faría por orde de data, ao rexistrarse as mocións con moita antelación e non haber até agora plenos.

Intervén Daniel para indicar que, pola súa parte, o asunto da moción é preocupante e na exposición de motivos xa se fala do rogo do PSOE sobre edificacións ruinosas. Abandono do rural e demanda de vivenda. Hai unha frase na moción que di “xente sen vivendas e vivendas sen xente”. Non só é a vivenda, tamén servizos e situación socioeconómica boa, co Concello debendo mellorar a vida das persoas con postos de traballo e mellorando servizo, nomeadamente no rural. Ve ben o que se fala sobre o IGVS e facer o censo de edificacións ruinosas que propón Por Chantada, mais para iso o principal instrumento é o PXOM. Precisamente, na CI perguntaron pola tramitación deste, en aprobación inicial desde 2016 e se contemplan incluír políticas de rehabilitación.

Varela explica que está en marcha un plano especial para ordenar a parroquia de San Fiz e axudas para darlle unha volta e regular os desmáns que se cometeron. Falaron co responsábel deste proxecto e estudan contratar outro arquitecto para pórse con isto. Neste intre teñen dúas edificacións sobre as que actuar de emerxencia, unha en Río (Requeixo) e outra en Sobreira. En moitos casos vai ter que asumir o Concello os gastos ao descoñecerse proprietario e, noutros casos, si que se sabe a propriedade e cobraríaselle. O PP, por un lado, aceita todos os pontos da moción, xa que gostan dela, mais propoñen unha emenda in voce para suprimir os pontos 4º e 5º do acordo e inserir um novo ponto 4º. A interventora di que non se pode adoptar un acordo coa palabra “contratar”. Sobre o ponto 5º o alcalde confunde obradoiros de emprego cos obradoiros formativos propostos e di que hai que incidir na obriga de boa conservación as propriedades. Daniel di que no mes de marzo houbo xornadas da Fundación Juana de Vega sobre paisaxismo. O PXOM fai incidencia nos núcleos rurais e nas ampliacións e neste intre atópase paralizado, mais tenlles présa se ben non é fácil seguir cos ex-EPTISA [Alfonso Botana] e pode ser necesario facer unha nova contratación. Esta situación está creando prexuízos para construír novas vivenda unifamiliares pola falta de solares [non cita o problema da ilegalidade das oficinas non solucionado aínda por este Goberno ao non impulsar a modificación pontoal, como Por Chantada lle indicou no seu día].

Fente agradece a boa vontade dos grupos e propón a seguinte redacción para a emenda do PP, que Por Chantada aceita para conseguir a UNANIMIDADE:

Realizar os trámites necesarios para reforzar o servizo de urbanismo e desenvolver os acordos da moción durante 2-3 anos, a poder ser con axudas doutras AA.PP., como a Dirección Xeral de Urbanismo.

Votación emenda: UNANIMIDADE (11 a favor)

Votación moción: UNANIMIDADE (11 a favor)

APROBADA A MOCIÓN DE POR CHANTADA, coa emenda do PP, POR UNANIMIDADE.

 

3.- Moción Por Chantada-CUP en relación á inclusión de Chantada e outros territorios na DO Aceite da Galiza (exp. G-401/2020).

Moción do grupo municipal Por Chantada-CUP en relación á inclusión de Chantada e outros territorios na denominación de orixe do aceite da Galiza

Emenda do PSOE á moción de Por Chantada sobre DO aceita da Galiza

Fente explica os acordos e defende a moción, remitindo tamén a partes da exposición de motivos. Lamenta que a Xunta só se circuscriba a Quiroga e lembra os testemuños históricos da produción de aceite na Galiza existindo mesmo restos de almazaras en Chantada.

Raquel di que, en termos xerais, concordan coa moción. Hai unha produción incipiente que agarda se consolide. Rexistrar a marca, como propón a moción, pode ser adiantarse, primeiro ter produción e logo comercializala. En Quiroga hoxe hai oito castes, non só a brava e a mansa e este concello ten unha entidade propria. Aquí deberíase partir da brava e da mansa e consultar especialistas sobre as potencialiades tal e como propoñen na emenda. Tamén considera o PSOE que debe mudarse a DO por unha IXP, porque sa só se acada con aceite extra virxe e deixa fóra outro tipo de produtos. A IXP defenden que é máis efectiva para producións de pequeno tamaño. Tamén cren que debe promoverse conxuntamente aceite e viño, poñendo en valor Chantada através da promoción dos seus recursos. O aceite pode ser un valor engadido.

Varela di que con esta moción está en desacordo e que non apoian nen a moción nen a proposta de acordo. Chamou ao alcalde de Quiroga e a Xunta quere cerrar xa a DO polo que hai que deixalos traballar e non molestar desde Chantada. Se sae ampliala como se fixo coa RS. Aceites Abril é quen está traballando por aquí. 

Fente agradece as achegas dos grupos á moción de Por Chantada, aínda que non partilla rebaixar a DO a IXP nen os argumentos do PP, aceita a emenda para tentar sacar un acordo de mínimos para todos. O aceite galego é un produto de excelente calidade o galego e que merece un impulso aínda que fose por reparar a doma y castración da que falou Castelao e, sobretodo, porque temos xa produtores na nosa zona e non adoptar un marco amplo redundará en que fiquen nunha posición subalterna ou envasando en Quiroga o producido realmente aquí, eivando de desenvolver procesos de transformación e procesado da oliva na nosa comarca.

Votación emenda: a favor 4 (Por Chantada e PSOE) en contra 7 (PP)
Votación moción: a favor 4 (Por Chantada e PSOE) en contra 7 (PP)

REXEITADA a moción e a emenda.

 

4.- Moción PSOE medidas fiscais e económicas de axuda contra a crise derivada da COVID-19 (exp. G-401/2020).

Moción para a adopción de medidas fiscais e económicas de axuda contra a crise derivada da covid-19.

Emenda do grupo municipal Por Chantada ao ponto 4º da orde do día 18 de xuño de 2020

Raquel explica os termos xerais do acordo e defende que a moción é moi xeral para avaliar as posibilidades. Adiar o cobro de impostos non tería consecuencias para as arcas municipais, xa que a Deputación de Lugo seguiría facendo os ingresos. Pergunta polo orzamento para 2020.

Fente defende a emenda do seu grupo e comeza cuestionando se a crise é imputábel por inteiro á COVID-19 ou se existían dinámicas subxacentes, apontadas por diversos economistas, estando o pior por chegar. A moción achega acordos moi xenéricos, por exemplo non vemos garantido ter orzamento en 2020. Por iso inserimos unha emenda para garantir que 20% do RTGX se destine ao gasto social neste ano, aspecto en que debería coincidir o goberno e que visa concretarmos algo neste acordo, xa que o máximo que permite a lexislación vicente aprobada na secuencia da crise da COVID-19. Propomos ao goberno facer unha comisión para estudar medidas económicas no eido local, como xa explicamos na comisión informativa. O dado de remanente que se dá na moción tampouco é veraz.

Varela di que tentarán modificalo e traelo ao Pleno ordinario de xullo e antes de rematar este ano sacar xa o de 2021 [xa o de 2020 ía vir en decembro de 2019, segundo afirmara nun Pleno e seguimos en xuño sen orzamento… A lei fixa outubro como data para sacar o orzamento do seguinte ano, prazo que nunca se cumpriu na pasada lexislatura nen nesta]. Bastante a favor da moción e critica que nas reunións da comisión de seguimento se aprobeitase o falado para saír nos medios e que apareceron cousas no Facebook das que non gostaron. O adiadamento de impostos foi unha das primeiras cousas que adoptaron, aínda que aprazar para outubro ou novembro é unha navalla de dous gumes. Non se está cobrando lixo aos comercios locais que fecharon e se alguén recebeu o recibo que os contacte para non pagalo. [Poucos días despois chegou o cobro do imposto sobre vehículos, o IVTM]. Hai que estudar que facer e hai axudas do Goberno central e da Xunta. Estudar caso por caso porque os cartos saen do mesmo sitio. Evitar redudancias e usara ben os recursos públicos, pois á xente hai que ensinarlle a pescar. Van ir aldea por aldea para censar as persoas que vivan soas ou con necesidades, xa que se decataron de que é necesario. Tamén das fincas que non se limpan. Desde Servizos Sociais están facendo todo o posíbel para reparto de alimentos etc. mais en Chantada non hai tanta necesidade como nas cidades, tampouco é para alarmarse. Si hai casos extremos e non todo o mundo se deixa axudar, mais están traballando en varios casos preocupantes. Faltan centros específicos para persoas con problemas psíquicos e as grandes AA.PP. desentendéronse, polo que o Concello non lles dá dado cobertura. o RTGX é ficticio, os 2.000.000€ que se indican na moción. É irreal polos recibos incobrábeis, se ben xa se depurou bastante. A empresa que leva a executiva das multas e a Deputación axudoulles e dálles entre 350 e 400.000€ máis cada ano. Se é necesario dedicarán os 672.000€ do remanente real para gasto social e non o 20% ou máis se é necesario. Barallan desde o Goberno axudar a comercios e bares, algúns concelleiros do seu grupo propoñen vales para mercar en Chantada. Tamén é necesario arranxar pistas e en 2 anos ter as vías de comunicación decentes e con aglomerado en quente, que a Deputación vai deixar de usar porque non dan atendido a tapar buracos nas estradas provinciais. Chantada apostará polo aglomerado en quente. Pide que o PSOE retire a moción, xa que vai vir o orzamento novo.

Daniel di que non retiran a moción. 

Votación emenda: a favor 4 (Por Chantada e PSOE), en contra 7 (PP)

Votación moción: a favor 4 (Por Chantada e PSOE), en contra 7 (PP)

REXEITADA a moción e a emenda.

 

5.- Delegación de competencias do Pleno da XGL (exp. G-431/2020).

PROVIDENCIA DE ALCALDÍA

INFORME SECRETARIA 2020-0027 [INFORME SECRETARIA]

PROPOSTA DE ACORDO

O PP di que tivo que traballar arreo para facer a plataforma de contratos, que facilitará as cousas cando estexa pronta, pois facilitará contratacións e é máis doado ter apoios e non convocar plenos cada 2-3 semanas [segue sen atender a demanda de Por Chantada dunha central de contratación local. En Chantada nunca se convocan Plenos con esa periodicidade]. Defenden que é algo que se fai en todos os concellos, pois precisan axilidade para gobernar e facilitar á cidadanía as cousas. Así evitan reclamacións.

Como oposición os argumentos son outros, defende o PSOE, e teñen unhas obrigas que cumprir. O informe de secretaría non deixa constancia para procesos xa en marcha.  O secretario acumulado, Fernando, non ve inconveniente xurídico en principio. Raquel afirma que non ve necesidade de delegar na XGL os contratos, xa que nunca houbo problemas para celebrar plenos e até, coma hoxe, con pontos fora da orde do día ou documentación que chega tarde. Non aceitan os argumentos do PP, que usa a maioría absoluta para evitar que veñan asuntos ao pleno e así non hai transparencia. Este acordo implicaría que non veña a Pleno a contratación do SAF, aínda superando 10% do orzamento. O Goberno non lles informou de nada e tiveron que buscar en plataformas estatais. Lembra que o Concello foi condenado por unha sentenza polos servizos mínimos abusivos.

Desde Por Chantada non vemos a necesidade de retirar máis competencias ao Pleno e, moito menos, que todos os contratos se furten ao escrutinio do público, até aqueles que superen 10% dos recursos ordinarios. Ao noso entender, isto é unha barbaridade e como dicía Manuel Diéguez na CI faise cando hai maioría absoluta, portanto leva implícito que non existindo tal condición non se realiza porque non é o ideal e a competencia é do Pleno, que se a ten asignada é por algo. De por parte, tendo en conta as dietas das XGL de 250€ por asistente e sesión tampouco se pode falar de que exista calquera aforro. A tendencia a esvaciar o Pleno de competencias, de traer ao mesmo os mínimos asuntos posíbeis ou de levarmos sen rogos e perguntas desde xaneiro tradúcese en degradar o que debería ser o centro da política institucional local: o Pleno da Corporación.

Varela di que en gobernos de coalición estas cousas tamén se fan e que a oposición pode ir ao Concello e ver os acordos da XGL. Poden solicitalos e velos. Se visen que non é necesario isto poderían mudar de criterio, mais fano por axilidade. Tomara teñan moitos grandes contratos.

Raquel lémbralle que a solicitude dos reparos da intervención e mais os decretos da alcaldía xa a fixeron hai mes e medio e aínda non os receberan.

O alcalde retruca que iso non depende del.

Votación: a favor 7 (PP) en contra 4 (Por Chantada e PSOE).

Apróbase a transferencia da competencia para contratos do Pleno na XGL.

 

6.- Derogación Ordenanza fiscal reguladora da taxa de ocupación de terreos de uso público con cadeiras, mesas etc. con finalidade lucrativa (exp. G-369/2020).

01.- Providencia alcaldia

02.-modificacion ordenanza taxa OVP mesas 2004

03.- Informe de Secretaría

04.- INFORMES DE INTERVENCION 2020-0001

05.-PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN

Emenda do grupo municipal socialista

Comeza defendendo a proposta de acordo o alcalde, recoñecendo que habería que facelo antes, que é un complemento de que permitiran instalar mesas e cadeiras. Cómpre ordenanza porque recoñece que hai un desbaraxuste e, aínda que favorecería a recadación a intención non é esa. Di que Chantada está preciosa, mais isto aféaa. A maioría son axeitadas, mais non poden estar así toda a vida.

Raquel di que cada no se racada menos e as terrazas son de maior tamaño e máis. Varela di que así se lles mete diñeiro no peto. Cobramos impostos ou facilitamos? Raquel di que son pouco máis de 2.000€. O Concello está moi saneado e sen cobrar polas terrazas. Di que a nova ordenanza debería estar antes de fin de ano ou de marzo ou abril, antes de cobrar 2021. A interventora aclara que depende do período de devengo. A emenda coa data non a aceitan. Manuel Diéguez di que hai dous temas, o económico e a ordenación. Non queren queimar a hostalaría como fai o concello de Lugo, que cobran cada mes. Varela fala tamén da limpeza, pois deixan o solo sen varrer e cheo de cabichas. Deben desinfectar e limpar á noite e o Concello xa as desinfectou dúas veces. Raquel di que é insuficiente. 

Na CI perguntamos polo PEF e polo Plano de axuste non sabemos se agora se podería aclarar a situación en que nos encontramos neste eido. A interventora di que falemos con ela e que nos aclara o que sexa, mais non dá o dado no Pleno. En 2019 recaudouse 2.346,74€ nesta taxa, un valor ínfimo e desaxustado ao que ocorre na maioría dos Concellos, ao tempo que proliferaron problemas sobre regulación, material e extensión do mobiliario para uso lucrativo no espazo público. Urxe pois traballar, como demandamos en reiteradas ocasións en criar ordenanzas reguladora e fiscal axeitadas. A emenda non debería apresentar problemas para o Goberno se se indica que sexa antes de rematar o ano. De por parte, que esta sexa a única medida aprobada polo goberno até o momento no plano económico para confrontar a depresión económica en que estamos comezando a submerxirnos parécenos dunha pobreza absoluta. Varela di que non sexamos alarmistas. Retrúcaselle que non é unha opinión de nos, mais a análise de diferentes economistas de renome. Parécenos ben a emenda apresentada polo Grupo socialista e estas novas ordenanzas xunto a un pacote de medidas real e ben fundamentado para confrontar a crise deberían ser obxecto da comisión que propuxemos anteriormente. Manuel Diéguez lembra que é obrigatorio recoller as terrazas polas noites, case nengún local o fai. Varela di que teme a merma das transferencias directas do Estado e da Xunta para vindeiros anos. A xestión dos impostos pode redundar ou non na hostelaría, se o que se recauda se destina a orquestras non se lles axuda, se callar, mais se se destina a axudas para harmonizar terrazas e coidar o impacto visual estarase facendo ben, polo que non é só o que se cobra senón que se fai cos impostos.

 

Votación emenda: UNANIMIDADE.

Votación acordo: UNANIMIDADE.

Apróbase a supresión do imposto para 2020 e acórdase facer unha nova ordenanza por UNANIMIDADE.

 

7.- Modificación Ordenanza IAE (exp. G-368/2020).

01.-PROVIDENCIA DE ALCALDÍA

02.-INFORMES DE INTERVENCION 2020-0003 [INFORME DE SECRETARIA E INTERVENCION]

03.- PROPOSTA AO PLENO DA CORPORACIÓN

04.-TEXTO REFUNDIDO ORDENANZA FISCAL IAE

Daniel di que faltaba unha ordenanza na documentación. Defende que este traballo técnico mellora o que había, mais é unha mágoa que tivese que ser a Deputación quen avisara disto. Falta Sabadelle nas parroquias. Varela interrompe para dicir que a estrada quedou ben. Raquel retruca que aínda vai estar mellor. Continúa Daniel que, entrando nas cifras, non hai mudanzas e non hai informe de intervención. No orzamento para 2021, en tempo e forma, debería o Goberno revisar as ordenanzas e aprobar reformas fiscais como a do IBI. Hai moita normativa pendente de facer por parte do Goberno: terrazas, axudas de emerxencia social, tránsito, animais domésticos ou transparencia. Lembra o Informe de controlo financeiro da anterior interventora, que indicaba que faltaban ordenanzas e outras estaban desfasadas, por exemplo a de voos, augas etc.

Non vemos coherente, nen se nos explicou na CI, por que no rural se tributa con 1 e con 0.7 na vila e no polígonoVarela di que o das parroquias é para a presa de Belesar e os eólicos e que o índice de situación podería ser até dun 3 e pico. Polas parroquias adiante ninguén cotiza polo índice de situación ao non superaren o millón de euros de facturación. A Deputación pedía un índice único para o IAE e eles non quren. Como xa dixemos na CI é unha chapuza ter dúas ordenanzas fiscais para un mesmo imposto e que isto se arrastre desde 2001 e 2003 fala da desidia do Goberno. Como sinalamos ese día deberíase tirar ao comezo de cada ano unha revisión das ordenanzas fiscais e demais normativa municipal e pendurala no site do Concello, como se fai onde a administración local funciona con eficiencia e transparencia. Isto xa se tería que ter corrixido hai moito tempo. Hai unha parte técnica en calquera ordenanza, mais tamén política, como demostra o debate do anterior ponto. Difícil neste caso facerse idea clara das magnitudes, porén son decisións que se deben adoptar a quen e canto se lle cobra e a que destinamos os recursos que temosA interventora di que Susana foi quen a redactou e está disposta a aclarar en calquera momento o detalle do texto.

Varela di que en Chantada houbo un goberno progresista durante catro anos e que non as tocou. Eles tamén son moi progresistas en todo o bon sentido da palabra. Raquel retruca que ele tamén. Fente dille que puideron facer un goberno de concentración e progreso. Para Progreso chega o de Lugo di Varela. Daniel defende que estas modificacións tributarias deberían vir co novo orzamento, en tempo e forma, para debater sobre o réxime fiscal que queremos. Varela di que comezarán en outubro. A interventora di se iso vai constar en acta. Fente di que xa constaba o ano pasado, que as actas terman do que lles poñan.

Votación texto refundido ordenanza IAE: a favor 10 (PP e PSOE) Abstención: 1 (Por Chantada).

Apróbase o texto refundido da ordenanza do IAE.

 

8.- Modificación orzamentar 14/2020, Transferencia de crédito 8/2020. Importe 120.140,43€ (exp. G-357/2020).

01 PROVIDENCIA

02 MEMORIA MP 142020 TC 08-2020 INTERESES SENTENZA

03.- RC PARA TRANSFERENCIA INTERESES

04.- MODIFICACIONS ORZAMENTARIAS 2020-0014 [INFORME DE INTERVENCIÓN MP 142020 TC 082020]

05.-PROPOSTA MP142020 TC 082020 INTERESES SENTENZA

Informe de Por Chantada sobre o desfalco de Manuel Varela coas obras ilegais de maio 2015 (xuño 2020)

Varela di que xa é un tema do que se falou suficiente. Raquel indica que o triste é ter que pagar todos estes xuros por facer as cousas mal. O alcalde di que cando se ía ao confesionario, hai tempo que non vai, se lle dicía “anda hijo, vete y no peques más”. Non o volverán facer. Esta cantidade evitaríase pagando antes, mais houbo quen os aconsellou ir ao xulgado. O Consello consultivo dixo que se podía pagar sen problema ningún e agora toca pagar os xuros da sentenza e máis a demora. Se esa obra se contratase con custo, IVE e 16% de beneficio industrial e 13% de gastos xerais por aí andaría a cousa [como se demostra no noso informe isto é rotundamente falso e existe informe da intervención municipal que o desmente rotunda e categoricamente]. 

Desde Por Chantada lémbrase que falamos de 120.140,43€ para abonar unha sentenza 254/2019 a Fevisa, que segue contratando co concello e aínda figura nas facturas reparadas que veñen hoxe no seguinte ponto da orde do día, por importe de 36.143,58€. Por certo, non houbo tanta celeridade para abonar outras sentenzas pendentes de execución. Vese que hai sentenzas de primeira e de segunda para o Goberno. Varela interrompe a exposición para indicar que habería que coller todo o RTGX [o que ía ir para gasto social hai un anaco?] e o Plano Único e destinar un millón de euros a arranxar pistas, mais, para facelo ben, non volver repetir os erros daquela, fixérono así para aforrar e non estivo ben. Os pagos a Fevisa son para 3 rúas con aglomerado en quente, xa que era a mellor oferta. Iso si, o detalle de levalos ao xulgado non lles gostou nada. 

A raíz do problema está en obras desenvolvidas no período eleitoral de 2015 por valor de 631.486,97€ contratadas de palabra e sen crédito que o Consello Consultivo da Galiza ratificou como nulas de pleno direito en novembro de 2016. Imputábanse unha serie de actuacións en camiños, contratadas contratadas de palabra e sen crédito, ao remanente de tesouraría sen telo aprobado a través da conta xeral e tendo só no orzamento de 2015 unha dotación orzamentar de 120.840,40€ para tal fin. Isto nun contexto onde o concello de Chantada se encontraba nun plano de axuste tendo que amortizar importantes cantidades de débeda. Indicaba o Consello Consultivo que «debe aboarse ás empresas contratistas os traballos que efectivamente fosen realizados e recibidos de conformidade pola Administración, previa a súa valoración polos servizos técnicos do Concello» e b) «o artigo 35.1 contempla do mesmo xeito a obriga que corresponde á parte culpábel de indemnizar á contraria os danos e perdas que esta tivese sufrido, en consonancia co disposto no artigo 102.4 da LRXPAC». Por último, salientaban desde o organismo consultivo que «na proposta remitida o Concello recoñece que se procederá ao pagamento aos contratistas remitindo a “un trámite posterior” deste xeito, tal como consta, tal cuestión será resolta nun expediente instruído para tal efecto».
O expediente en cuestión, polo que se aprobou o pago, fíxose polo valor íntegro e non por algo máis de 400.000€ como indicaba a intervención municipal, cómpre lembrar que a xurisprudencia considera que na factura directa se inclúe un evidente beneficio industrial que debe calcularse e subtraerse das mesmas no caso de declarárense nulas de pleno direito. A diversa xurisprudencia parecer situar por volta dun mínimo de 10% ese lucro que habería que extraer e sobre o que calcular os xuros de demora.
Contra todas estas prácticas intermediamos diferentes recursos sen que se chegase en nengún momento a adoptar responsabilidades por parte de ninguén e o resultado é que imos pagar sobre 800.000€, ou sexa o duplo do que se debería e segue sen aparecer responsabilidade por parte de ningúen, a pesar de que todo gasto sen consignación orzamentar vicia de nulidade e existe responsabilidade por parte de quen permite estas práctica.
Os xuros de demora, os 120.140,43€, deberían pagalos os que cometeron, sendo totalmente conscientes do que facían, as irregularidades, a comezar polo alcalde, e non o conxunto da cidadanía de Chantada. Este é, sen dúbida, un dos episodios máis lamentábeis aos que asistimos.

Solicitamos votación nominal: artigo 102 do ROF.

 

Votación nominal: a favor 4 (Por Chantada e PSOE); en contra 7 (PP).

Rexeitada a votación nominal.

Votación pago 120.140,43€ da sentenza a FEVISA: a favor 7 (PP); en contra 4 (Por Chantada e PSOE).

Aprobado o ponto.

 

9.- Recoñecemento extraxudicial de crédito 23/2020 e 28/2020. Importe 267.465,79€ (exp. G-352/2020).

1.-PROVIDENCIA APROBACION FACTURAS

2.- 20200610_F_2020_23

3.- REPAROS 2020-0017 [FISCALIZACION REC INTERVENCIÓN]

4.-PROVIDENCIA APROBACION FACTURAS F202028

5.- 20200611_F_2020_28

6.-REPAROS 2020-0019 [FISCALIZACION INTERVENCION]

7.- PROPOSTA AO PLENO

8.-PROPUESTA APROB FACTS PLENO

 

O grupo socialista lembra que chegan REC pleno após pleno xunto a reparos da intervención. Hai máis facturas deste tipo? A interventora di que fican polo menos as da luz. Varela di que queren outra comercializadora. No ano eleitoral 6 millóns de orzamento e máis dun millón sen executar e iso vailles repercutir na regra de gasto. Non entende como veñen facturas de 2018 (luz), que xunto as de 2019 que xa deberían estar pagas conforman estes REC. Neste 2020 pensan que a situación será diferente, van deixar partida de 200.000€ para imprevistos. Aínda agora teñen que erguer tres muros, un de 18.000€ indo para as Córneas, que é urxente porque hai perigo. Outros dous de emerxencia nas ribeiras. Van facer orzamentos máis sinxelos e flexíbeis. Raquel di que se lle ocorren solucións para o que lle convén. Varela di que queren facelo así… os funcionarios cobran para traballar. Diñeiro para isto e sen tocar os 600.000€ do RTGX e, se a oposición o merce, consultaráselle. Raquel di que sigan os consellos e eviten máis reparos de intervención. 

Fente di que o valor das facturas é de 267.465,79€. Entendemos que deberían votarse por separdo os dous REC e non viren nun único ponto da orde do día, ou así fixemos sempre até o de agora. Non se remitiron as facturas orixinais e só unha relación, polo que non puidemos cotexar no expediente a conformidade das mesmas e a natureza do concepto, algo elemental. Figuran algunhas, como unha de SOGAMA, sen importe na proposta de acordo polo que non sabemos se é erro e habería que corrixir ou a que responde, porque tampouco se explicou na CI a pesar de chegar a documentación fóra de prazo e non no momento da convocatoria. Estas deficiencias aconsellarían retirar o ponto da orde do día e traelo ao pleno ordinario de xullo coas debidas garantías. A interventora di que se hai un erro van revisar, que será erro de transcrición porque primeiro reteñen crédito. A partir de agora poden solicitar e daranse as facturas.

A intervención, a pesar de que pola incorporación recente, non pode comprobar os eventuais fraccionamentos dos contratos e se existía crédito para os memos do 2019, efectúa reparos por omisión de requisitos e trámites esenciais e por omisión de fiscalización das fases A e D de varios contratos menores, para alén de aconsellar a inmediata licitación dos servizos e subministros. Esta é unha longa batalla que levamos aquí reclamando, mesmo propondo unha central de contratación local, para que se cumpra a LCSP e se deixe de usar como regra xeral o contrato menor e contravindo a lei. O REC é un mecanismo excepcional que, á luz dos que desenvolvemos neste Concello anualmente, fica ás claras que se converteu nun método sistemático para realizar gastos sen a suficiente consignación orzamentar e sen atender ao procedemento legalmente estabelecido.

O alcalde deféndese dicindo que había chamadas para cobrar en 2011 e 2012 e que agora non chama ninguén. Raquel di que en 2007 a xente tamén chamaba. Varela di que se responsabiliza de 400.000€ dos 6.000.000 de débeda. Non hai por onde collelo. [Sobre o tema das débedas do Concello na primeira etapa de Manuel Varela no PP e a posterior débeda viva no goberno PSOE-BNG pódese consultar o seguinte informe de Por Chantada que desmente os dados do alcalde e tamén estoutro]

10.- Modificación pontoal do PXOU da delimitación do núcleo rural de Alemparte, parroquia de Mariz (exp. G-310/2017).

A documentación entregouse fóra de prazo. Este asunto xa veu ao pleno con anterioridade. Dado o volume da documentación non se sobe a este resumo.

Varela lembra que xa viñera doutra vez e que faltaban 2-3 informes sectoriais. Non ía na CI mais ten urxencia… A viciñanza ten que comezar a facer ben as cousas. Agora saír desta situación e ser máis vixiantes co cumprimento das licenzas.

Raquel di que un posíbel derrube conmove a calquera, mais edificaron fóra de proxecto e non se comprende a falta de advertencia do Concello. O informe da secretaría advertía da irregularidade da ampliación e falaba de “desvío de poder”. Non poden obviar a traxedia da familia, mais non poden tapar os ollos a ese informe xurídico.

Varela di que contemplan áreas de expansión, que a xente as demanda aínda que así pagarán máis IBI, ao pagar urbano e non rústico. Para o Concello mellor.

No seu día existía un informe de secretaría que falaba de desviación de poder, por iso no Pleno ordinario de 12 de marzo de 2018 votamos en contra. Cando volveu en 2019 cos informes favorábeis votamos a favor e agora, sendo estes favorábeis mantemos o criterio, se ben estas prácticas urbanísticas deberiamos desterralas e comezar a traballar nun horizonte de urbanismo que conserve o patrimonio e ordene axeitadamente o territorio cousa que o PXOM en tramitación tampouco persegue.

Votación MP Alemparte: a favor 8 (Por Chantada e PP), abstención 3 (PSOE).

Apróbase a MP de Alemparte.

 

ROGOS E PERGUNTAS

Ao ser extraordinaria non hai rogos e perguntas, mais na CI desde Por Chantada demandamos que houbese e Manuel Diéguez, de acordo cos voceiros da oposición, fixou que se puidesen realizar 5 perguntas por grupo.

Rogos e perguntas PSOE.

1.- Marquesiñas. A Deputación volve facer petición e reiteran a solicitude de Santa Rosa en Sabadelle, xa que hai rapaces. Diéguez di que iso xa está na acta do pleno anterior. A Xunta tamén dá.

2.- Verquidos Sangoñedo. Hai problemas na rede de saneamento? Varela di que se vai corrixir cando se poña en marcha o saneamento. O problema é que alí baixa o de Asdeme, Ponto Limpo e Machado e sempre dá problemas. A bomba está funcionando, mais veñen cousas que non deberían vir. O tubo é de 75 e debía ser de 125 ou 140. Aí o bombeo ten que seguir polo campo de futebol e Viaqua di que é imposíbel de destupir. A rede de saneamento non funciona por falta de fornecemento eléctrico.

3.- Perguntas COVID-19. Desinfección terrazas: varios hostaleiros comunicaron ausencia de desinfección, imos ben mais non baixar a garda. Entrega máscaras: xa se poden facer máis entregas. Pamela di que de momento aos negocios e facer compra para distribuír en setembro e outubro (colexios etc.) pola gripe. Vixilancia: polas mañás a xente non obra ben. O anterior fin de semana a policía local tivo que ir fechar e na zona de antiga xente de máis nun local e chamaron os viciños. Limpeza polígono: todas as vías é un perigo. O alcalde recoñece que só está un tractor, hai que contratar outro para mediados de xullo. Empezaron desde Vilaúxe e logo Adá e Quinzán. Xa hai que volver… estes días nas parroquias de San Fiz. A Deputación xa comezou tamén, antes viña pasando en xuño e xa veremos se non hai que volver en outubro. O idóneo é ter dous tractores e andar todo o ano. Agora xardíns anda limpando campos das festas, como estas non se celebraron. En Penasillás e Muradelle fíxoo a viciñanza. En Rabelas non e en Sabadelle limpou o Julio. Concepción di que polas eleicións do día 12 tamén teñen que limpar os locais. Varela di que o de Adá está perdido. Xaquín di que ao de Axulfe tamén lle chega ben.

4.- Casa escola Vilaúxe. Varela aclara que faltaba informe da Confederación Hidrográfica para pasar a de Mondín, non entende como é necesario para isto para unha obra nunha casa da escola. Agora tocaralle a Mondín o investimento do Plano único. Lémbralle ao PSOE que o polígono tamén o ten que limpar a Deputación, a súa parte.

5.- Brigada incendios. Sairá publicada convocatoria na segunda feira.

 

Rogos e perguntas Por Chantada.

Rúa do Mesó Mogay. Comunicáronse obras no mes de setembro, en que van consistir?

Pendente terreo do Chamari e do Delgado para adecentalo, será iso. Facer aparcadoiro con saída á Santa Mariña e que desaparezan os carros do parque Eloísa Ribadulla.

• Escola Moredo. Cando estiman comezar as obras? Esta a AO do Concello xa reservada e dispoñíbel?

Plano único 2019. En canto cheguen os permisos comezan as obras. Diego di que para o Entroido de 2021 estará listo.

• Rogamos que se nos envíen os decretos da alcaldía desde xaneiro e os reparos de intervención desde maio de 2019, xa que aínda non recibimos nada e é un volume de información dificilmente manexábel se se remite 2 días antes da sesión plenaria ordinaria.

Que vaiamos polo Concello.

Pista Aspai. Xa durante a campaña de 2015 a viciñanza de Aspai se queixaba do abandono da pista que dá acceso ao lugar e comunicaba que existía compromiso incumprido por parte do Goberno de Manuel Varela de arranxo desde había anos. Cinco anos despois a situación é calamitosa e nos días de auga é totalmente intransitábel, mesmo supondo unha eiva seria para o transporte escolar. Rogamos o seu arranxo inmediato, ao menos as fochancas actualmente existentes, como previo paso á rexeneración total dos accesos a Aspai desde a pista do Alto de Ramos (a LU-P-1817), que por certo tamén precisa arranxo. Tamén precisa arranxo urxente a de Sandiás a Nogueira.

No 2015 arranxouse a que vén de Quintá do Monte. Para a semana arranxan con aglomerado en quente a de Fornas da Cruz.

• Rozado gabias.
Tendo en conta o alto crecemento da maleza nas gabias polas condicións metereolóxicas que comprometen seriamente a visibilidade.
Tendo en conta o seu compromiso no pasado ano de mellorar a eficiencia e adiantar o comezo do rozado.
Tendo en conta que existen dous tractores municipais para tal efeito e que están parados.
Cando teñen previsto comezar co rozado mecánico das gabias e que criterios seguen para priorizar unhas áreas sobre outras? Por onde comezarán e cando?

Contan ter brigada de 6-8 persoas máis 7-8 do plano único sería o ideal. Xente preparada. Até agora non podían facelo. A RPT vanse pór a tope con ela par tela en setembro.

Peonalización casco antigo.

Están xa os sinais para peonalizar a rúa do Comercio e o Cantón en principio, con acceso para o Concello.