Moción de Por Chantada-CUP para a implantación de Códigos de Transparencia e Participación Cidadá na administración local

Á atención do alcalde do Concello de Chantada

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O Grupo Municipal Por Chantada-CUP, a través do seu portavoz no Concello de Chantada, presenta para a inclusión, debate e, se procede, aprobación na vindeira sesión plenaria de carácter ordinario a seguinte MOCIÓN relativa á implantación de Códigos de Transparencia e Participación Cidadá na administración local (CTPC).

11665363_10207671318167517_7182516677456324702_n

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Permítasenos comezar esta exposición cunha explicación etimolóxica. A palabra democracia (δημοκρατία) significa «poder popular», en canto demos fai referencia a pobo e kratos a poder. No entanto, non é ningunha ningunha novidade na Filosofía Política, ou no que modernamente se denomina como “ciencias políticas”, que unha das eivas que sofren os sistemas democráticos actuais é facer da democracia unha aristocracia. Por outras palabras, o poder popular é suplantado por uns elementos suprarrepresentativos (os partidos políticos) que determinan as decisións comunitarias fóra dos sistemas elaborados para tal fin, baleirando de significado e contido democrático boa parte das institucións e convertendo a democracia nunha oligarquía.

Aínda que este simulacro (do lat. SIMULACRUM, de SIMILIS, “semellante”, mais xa que logo non igual) é especialmente grave na UE e ten na Comisión Europea o seu paradigma, o certo é que os partidos se converten en lobbys (do inglés “salón de espera” e xa que logo lugar para tratantes e cabildeiros que comercian con libras de carne humana como O mercader de Venecia de Shakespeare). Non podemos tolerar que o cabildeo sexa a norma mentres se fecha a porta á transparencia e a participación cidadá. E aquí, en tanto en canto son os concellos as institucións máis próximas aos cidadáns, temos que escoller onde queremos estar: se ao lado das veciñas e dos veciños, sendo transparentes e diáfanos, ou do lado dos que saquean e expolian o presente e o futuro dos pobos.

Neste sentido, o acontecido en Grecia, onde os negocios da banca e do grande capital se disfrazan de “rescates” en troca de “sacrificios” (do lat. SACER, “fóra da lei, paria” – no direito romano o sacrifício dun “SACER” non era delito, de aí que SACRIFICIUM sexa “facer SACER”), só pode denominarse como unha brutal chantaxe e como a morte da democracia e do proxecto europeo.

De feito, é a apocalipse (do gr. Ἀποκάλυψις, “revelación”), non no sentido do fin do imperio europeo (que aínda goza de boa saúde e poder absoluto) senón nese sentido etimolóxico de “revelación”: a incompatibilidade do capitalismo sen bridas coa democracia entendida tamén etimoloxicamente como “poder popular” e non como “simulacro” para seguir “sacrificando” os pobos1.

Precisamente, Por Chantada-CUP presentouse ás eleccións coa bandeira da transparencia e da participación democrática da cidadanía como parte fundamental para recuperar a soberanía e o poder popular. É nese sentido que, coherentemente, impulsamos esta iniciativa.

A democracia debe ser é un sistema político participativo que recoñeza que a cidadanía é a protagonista dos dereitos e das obrigas sociais, civís e políticas. Só restituíndo no día a día á cidadanía a representatividade que exerce no proceso electoral somos consecuentes co mandato democrático, que non pode ser unha acción intermitente segundo os prazos electorais nin un cheque en branco para catro anos senón algo que se exerce día a día.

Igualmente, trátase aínda de desenvolver a lexislación máis básica, como os artigos 41.26, 88.3, 226, 227, 228, 229, 230, 231, 232, 233, 234, 235 e 236 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro ben coñecida nas entidades locais por estabelecer o Regulamento, funcionamento e réxime xurídico das Entidades Locais (o denominado ROF). E trátase do mesmo xeito de situar a Chantada entre os múltiplos concellos que xa contan con regulamentos de participación veciñal e cos que adoptan códigos de transparencia, algo igualmente consecuente co aprobado polo último pleno do concello de Chantada: a adhesión ao Marco de colaboración entre o MINHAP e a FEMP para o desenvolvemento da Lei de Transparencia.

Por tanto, máis alá de posturas políticas reaccionarias e antidemocráticas non temos escusas para seguir adiando estabelecer mecanismos que melloren a transparencia e a participación das veciñas e dos veciños. Cremos firmemente que isto só redundará en mellorar a experiencia de todas as partes e contribuirá a deter a desafección crecente (e máis que xustificada) entre cidadanía e partidos políticos.

A procura da horizontalidade nas relacións entre o concello e a veciñanza é unha panca das máis poderosas e efectivas para mellorar a eficacia, eficiencia e calidade nos servizos prestados, eliminando innecesarios intermediarios. Por outra banda, non hai mellor maneira de cumprir o mandato cidadán, de representarmos como concelleiras e concelleiros aos nosos veciños e as nosas veciñas, que creando os procedementos que garantan en igualdade de condicións para todas e todos, o funcionamento democráticos e transparente das institucións que eles sustentan cos seus impostos e, en consecuencia, lles permitan ter voz nos procesos de deliberación e toma de decisións políticas. Niso consiste a participación cidadá, en que todas e todos podan contar con mecanismos de información, control e participación na xestión municipal.

Un concello coas fiestras e as portas abertas ao servizo de todas e todos non é son recibir aos veciños que dan o paso de ir solicitar algo ao concello. Iso é cumprir estritamente coas disposicións legais.

Un concello coas fiestras e as portas abertas é o que explota a intelixencia colectiva, escoitando asociacións e cidadáns; especialmente aqueles sectores involucrados e afectados nas decisións que se toman e das ordenanzas e disposicións que se elaboran que deben contar coa súa experiencia e coñecementos. Máxime nun caso como o Concello de Chantada, atravesado por unha crise social, económica e demográfica que corre o risco de atinxir un punto de non retorno e converternos nun deserto verde precisa de políticas arriscadas e audaces por riba das lexítimas opcións ideolóxicas que podamos profesar como individuos. Nesta altura histórica, xa que logo, a única escolla é ou estar co pobo e a democracia ou coa oligarquía e a ditadura das finanzas.

CKjPyezWwAQ3TYD

ACORDOS

1.- O goberno municipal de Chantada someterá ao pleno, como máximo antes do 31 de decembro de 2015, un Regulamento de Participación Cidadá (RPC) que, baseado na lexislación vixente, defina as prácticas e as posibilidades para o exercicio efectivo dos dereitos veciñais.

2.- O RPC estabelecerá o procedemento polo que os particulares e as entidades legalmente constituídas da sociedade civil podan informarse, transmitir propostas e opinar nas distintas fases do proceso político de toma de decisións e de execución administrativa das mesmas.

3.- O RPC garantirá unha serie de dereitos (información, consulta, petición, etc.) e obrigas (prazos, fórmulas e mecanismos de dirixirse ao concello), para alén dos órganos que se estipulen para poder exercer a participación veciñal.

4.- Sen prexuízo dos órganos sectoriais, permanentes ou puntuais, que o RPC regule, crearase un Consello de Participación Cidadá (CPC). O CPC reunirá as asociacións veciñais, de bairro, culturais… e calquera outra entidade da sociedade civil podendo elaborar as propostas e ditames que considere pertinentes e rexerase por un regulamento para o que a sociedade civil –en réxime de autoconvocatoria– escollerá unha comisión redactora.

5.- O RPC incluirá unha cláusula dedicada ao compromiso do Concello co desenvolvemento dunha política social que garanta a promoción da iniciativa social e o asociacionismo. A tal efecto, débese eliminar calquera pexa que supoña un condicionante sociocultural ou económica que dificulte dita participación.

6.- O RPC estabelecerá unha dotación orzamentaria suficiente, medida en tanto por cento do total orzamentar do que dispón a institución en cada exercicio, para subvencionar economicamente ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza e tamén no que se refire aos seus gastos xerais como as actividades que realicen.

7.- Os sucesivos orzamentos municipais incluirán a partida á que se fai referencia no RPC e nas súas bases de execución estabeleceranse os criterios de distribución da mesma, conforme a súa representatividade, o grado de interés ou utilidade cidadá, a súa capacidade económica autónoma e as acudas doutras entidades que reciban. Tamén o ditame CPC e o disposto na RPC no capítulo dedicado a tal fin e que deberá garantir a transparencia e igualdade de oportunidades na asignación de calquera axuda directa ou indirecta que deberán publicarse anualmente na páxina web do concello nun informe elaborado polos funcionarios competentes que inclúa tamén o disposto no artigo 236.4 do ROF.

8.- Até a aprobación do RPC o Goberno Local comunicará a todas as entidades da sociedade civil a apertura deste proceso para dotar de mecanismos, sostidos no tempo, de participación na súa elaboración e habilitará ferramentas para a participación directa e efectiva da cidadanía e das asociacións nos Plenos ou órganos colexiados dependentes do Concello de Chantada.

9.- O Concello de Chantada elaborará un Plano de Transparencia e Bo Goberno que conteña un Código Ético e arbitrará procedementos que permitan a troca de información entre veciñanza e administración, como mínimo nos eidos institucional, organizativo, planificación, persoal, altos cargos e persoal directivo, normativa municipal, orzamentos, ligazóns a boletíns oficiais ou páxinas doutros organismos…

Chantada, 28 de xullo de 2015.
Antom Fente Parada, portavoz do Grupo Municipal Por Chantada-CUP

25_07_15

1 Precisamente, o libro da Apocalipse ou das revelacións de San Xoán é o volume máis escuro e alegórico do Novo Testamento. Contra a posterior carga de culpa sobre os xudeus, invertendo a mensaxe orixinal de Xesús, o certo é que só con este tipo de escrita podía escribirse sobre a fin do Imperio Romano e o saqueo do pobo xudeu. O sanedrín e a parte das elites xudías que colaboraban coa dominación son mutatis mutandis os fariseos de hoxe no Reino de España: Rajoy, Feijoo, Bárcenas, Rita Barberá, Zapatero, Rodrigo Rato e un longo etc. de sumos sacerdotes da austeridade.

3 comentarios en “Moción de Por Chantada-CUP para a implantación de Códigos de Transparencia e Participación Cidadá na administración local

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s