MOCIÓN PARA A ADOPCIÓN DE PROTOCOLOS DE TRANSPARENCIA NO RELATIVO Á CONTRATACIÓN E SEGUIMENTO DOS CONTRATOS MENORES

corrupción

Descarga aquí o contido íntegro da nosa Moción para a adopción de protocolos de transparencia e eficiencia nos servizos económicos. Curiosamente ao pleno ordinario de marzo tamén chegará un convenio entre a Deputación de Lugo e o concello de Chantada para cumprir coas novas disposicións legais sobre transparencia. A hipocrisía como bandeira, depois de rexeitar hai máis de medio ano a nosa Moción para a implantación de códigos de transparencia e Participación Cidadá na Administración Local. As tretas da vella política contan a cada paso cun recorrido menor.

MOCIÓN PARA A ADOPCIÓN DE PROTOCOLOS DE TRANSPARENCIA E EFICIENCIA NOS SERVIZOS ECONÓMICOS DO CONCELLO DE CHANTADA, NOMEADAMENTE NO RELATIVO Á CONTRATACIÓN E SEGUIMENTO DOS CONTRATOS MENORES

Por Chantada-CUP
Por Chantada-CUP

Na maioría dos concellos galegos emprégase o contrato menor para adxudicar directamente a un empresario da súa libre elección, sen xustificar os motivos de dita decisión, sen publicidade nin concorrencia, un contrato de obras até os seguintes valores (sen IVA):

Obras

<50.000€

Resto

<18.000€

Chantada non é unha excepción a isto, infelizmente. Nalgúns casos a gravidade é extrema, como no caso do Expediente de modificación de créditos: suplemento de crédito 1/2016 e Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016, onde facturas por valor de 631.486’97€, para as que só había no orzamento de 2015 consignados 120.840’40€, foron fraccionadas para nunca superar o tope legal que se estabelece para os contratos menores. A intervención emitiu un informe sorprendentemente indulxente (máis aínda se consideramos os tempos que corren) e aínda así fala de «convalidar un acto irregular» e aínda máis explícita é o informe da secretaría a petición da oposición, tamén no tocante ao uso e abuso do fraccionamento en contratos menores para eludir a preceptiva adxudicación mediante concurso:

secr irreg Ch

Por casos como este o contrato menor está baixo permanente sospeita, ao ser tamén un procedemento asociado a numerosos casos de corrupción no Estado español, as denominadas “comisións” en troca das adxudicacións. Nese sentido, no mellor dos casos téñense inserido aspectos como considerar tres ofertas que non solvetan o fondo da problemática e fican en reparos cosméticos mediante a adopción de normas internas no caso das administracións locais. Porén, no caso de Chantada non contamos nin coa existencia destas normas internas nun sentido que garante minimamente certa transparencia, a pesar do recollido no propio Plano de axuste vixente.

O contrato menor de tres ofertas, con todo, segue adxudicándose sen criterios coñecidos e obxectivados. Sen ponderación dos criterios de adxudicación e sen pregos que definan a característica do que se pretenda contratar. Igualmente, propician a imaxe dunha contratación en que o poder adxudicador ten a potestade de decidir a quen se lle outorga a licitación. É máis decide quen participa e quen gaña polo que a opacidade segue a ser, no esencial, a mesma e mesmo ten favorecido corruptelas entre os propios empresarios que procuran testaferros para apresentar as dúas ofertas que sumen tres.

Ao xuízo do grupo que isto subscribe a legalidade e a pertinencia do Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016, aprobado cos votos favorábeis de Inta e co informe de intervención favorábel na sesión ordinaria de xaneiro, xa que, entre outras posíbeis irregularidades, fracciónase o obxecto do contrato coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que corresponda (art. 86.2 TRLCSP).

Da mesma opinión é a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa das Illas Baleares no seu “Acuerdo de la Junta Consultiva de Contratación Administrativa de 29 de octubre de 2010” (Informe 4/2010, de 29 de octubre. Contratos menores. Principios generales de la contratación. Fraccionamiento del objeto de un contrato)1:

«Esta Xunta Consultiva pronunciouse en diversas ocasións sobre o fraccionamento do obxecto dos contratos, a máis recente no Informe 1/2009, de 30 de xuño».

«Neste Informe asinálase que non se poden contratar de maneira xebrada, mediante expedientes independentes, as prestacións que por razón da súa natureza deberían integrarse nun único obxecto ou que, consideradas conxuntamente, forman unha unidade funcional. Facelo pode implicar eludir os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que corresponda, amais de dificultar ou imposibilitar a libre concorrencia, no caso, por exemplo, de fraccionamento do obxecto dun contrato en diferentes contratos menores ou negociados sen publicidade. Amais, afírmase que se pode falar de fraccionamento cando razoabelmente poda preverse que a prestación obxecto do contrato debe manterse durante un determinado período que excede o prazo de execución ou da duración máximos previstos ao inicio da contratación»

«Neste sentido, a existencia de diversos contratos menores, tramitados simultánea ou consecutivamente, que ten por obxecto diversas prestacións que, consideradas no seu conxunto, forman unha unidade operativa ou funcional, pode ser un indicio de que se fraccionou un contrato indebidamente –e isto é así con independencia de que o adxudicatario sexa diferente en cada contrato, dado que o que se fracciona é o obxecto do contrato–. Isto, no entanto, como xa se dixo, este feito é un simple indicio que debe ser obxecto dunha análise máis detallada».

En consecuencia, a única solución real para erradicar o contrato menor é non empregalo. O Libro verde da contratación pública europea: reflexións para o futuro, de 27 de novembro de 1996, no seu punto 3.28º indica que:

os procedementos previstos polas directivas comunitarias son aplicábeis exclusivamente aos contratos públicos dun importe estimado superior aos umbrais estabelecidos. Algúns poderes adxudicadores consideran cos contratos públicos que non alcanzan estes umbrais non está sometidos a ningunha disposición comunitaria, de maneira que en ocasións estes contratos se adxudican sen convocaren previamente un concurso público. Moitos destes contratos son dunha importancia considerábel, en particular para a pequena e mediana empresa. Mesmamente co outorgamento de concesións e contratos semellantes, a adxudicación destas concesións e contratos semellantes, a adxudicación destes contratos debe efectuarse respeitando as disposicións do Tratado CE sobre a libre circulación das mercadorías e servizos e os principios fundamentais de non discriminación, igualdade de trato e transparencia, se se achan na súa base2.

Poñamos un exemplo concreto recente (ecollido ao chou) onde un aparente pequeno volume acaba por traspasar o volume do contrato menor. A XGL do 2 de febreiro de 2016 aproba varios contratos menores. O contrato B1 ten un importe de 650€ mensuais e, xa que logo, 7.800€. É un servizo que vén prestándose xa durante toda a pasada lexislatura e que se manterá previsibelmente durante a actual, polo tanto o Goberno de Inta estará facendo unha prórroga dun contrato menor anual deliberadamente o que, para comezar, vai contra o artigo 23.3 do Real Decreto Lexislativo 3/2011, de 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, en adiante TRLCSP3. E, en segundo lugar, ao cabo vulnera igualmente os límites cifrados no artigo 138.3 TRLCSP, xa que en 8 anos estaremos falando de 62.400€. O xa citado Informe 4/2010 é tallante:

Certamente, en principio e con carácter xeral, podería considerarse que un contrato menor é contrario a Dereito se o órgano de contratación, no momento de iniciar a tramitación dese contrato, ten coñecemento certo– ou podería telo, se se aplicasen os principios de programación e boa xestión– da necesidade de contraer unha prestación determinada de carácter ou natureza unitarias, perfeitamente definida, cuxas características esenciais non poden variar de maneira substancial, que se ten que levar a termo necesariamente ano após ano e que responde a unha necesidade continuada no tempo, e, aínda así, tramítase diferentes contratos menores e elúdense as normas máis exixentes de publicidade e procedemento.

E aínda engade que «noutros casos, o contrato menor podería considerarse axustado a Dereito, malia que é aconsellábel cumprir, máis alá do que esixe a Lei, os principios de publicidade e concorrencia», o que se axusta co espírito e dirección da nosa moción.

O mesmo podería dicirse doutros procedementos semellantes que fai este concello con diversos actores (empresas, asociacións, etc.) onde se están facendo facturacións mensuais ou convenios encubertos sen ningún tipo de transparencia e vulnerando de facto, cando non de iure, a lexislación sobre a contración menor. Isto lévanos a explicitar a necesidade de estabelecer, cando menos, uns mínimos protocolos de transparencia que deben seguir os servizos económicos do concello, entedemos que reforzados pola mellora económica recollida no Orzamento 2016, así como pola cesión da soberanía recadatória do concello de Chantada á Deputación de Lugo –aspectos que xa valoramos no seu momento e que, en todo caso, foron demandados por estes para superar as eivas que manifestaban nos informes de seguemento do Plano de axuste para desenvolver eficazmente o seu traballo-.

Desta arte, trátase de configurar un abano de sistemas de adxudicación contractual e seguemento que, con flexibilidade suficiente para a casuística diversa, permita fundamentarse sempre na publicidade, motivación dos actos e obxectividade na decisión da adxudicación; dito sexa de pasaxe é o principio de “caixa de ferramentas” propugnado pola Comisión europea na nova directiva que derogará a 2004/18: se se precisa negociar cos licitadores empregase o procedemento negociado; se se quere potenciar a fase selectiva e restritiva do número de licitadores o procedemento restrinxido; se non se considera preciso solicitar solvencia na fase de apresentación dos licitadores substitúese por unha declaración responsábel… En definitiva, un abano de opcións para que os órganos de contratación escollan razoadamente o instrumento máis axeitado.

Na nova Lei 14/2003, do 27 de setembro, de apoio aos emprendedores e á súa internacionalización regúlase ben é certo un novo procedemento de contratación simplificada e imponse de forma obrigada en determinadas franxas económicas. Unha reforma que vai na dirección contraria, por certo, ás directivas europeas en múltiplas disposicións e que apenas é fiel co proceder de moitos integrantes do partido que a impulsa.

Desde Por Chantada-CUP, instamos ao concello de Chantada a erradicar o contrato menor mediante a adxudicación destes contratos mediante a fórmula do procedemento aberto simplificado (un auténtico procedemento aberto simplificado con transparencia, publicidade e obxectividade na selección da oferta máis ventaxosa). O contrato simplificado é acorde co disposto na Directiva 2014/24/UE do parlamento europeo e do Consello de 26 de febreiro de 2014 sobre contratación pública e pola que se deroga a Directiva 2005/18/CE4 e que inspira inevitabelmente o Anteproxecto de lei de contratos do sector público, aprobado por unanimidade polo Consello Xeral do Poder Xudicial en 11 de xuño.

En consecuencia do exposto, propomos o seguinte ACORDO:

1.- O concello de Chantada comprométese a non empregar a modalidade de contratos menores, substituíndoa polo instrumento do procedemento aberto simplificado en aras da transparencia, a equidade, a publicade e a obxectividade na selección da oferta máis ventaxosa.

2.- Os servizos económicos do concello de Chantada rexeranse por un protocolo acorde ao recollido na Directiva 2014/24/UE. En todos os contratos recolleranse as fases A (autorización do gasto), D (disposición ou compromiso do gasto), O (recoñecemento ou liquidación da obriga) e P (ordenación do pago), alén dun informe de fiscalización asinado pola intervención do concello de Chantada que avale, ou non, todas as contratacións e certifique, ou non, o cumprimento do procedemento aberto simplificado así como a dipoñibilidade de fondos suficientes para facerlles fronte ás obrigas netas recoñecidas.

3.- A secretaría do concello de Chantada emitirá tamén informe previo á aprobación do procedemento aberto simplificado en XGL.

4.- Todas as contratacións e anuncios recolleranse na páxina web do concello de Chantada, alén de no taboleiro de anuncios, respectando os prazos asinalados na lexislación que regula o procedemento aberto simplificado para a contratación de obras e servizos por parte das administracións públicas.

5.- Solicitar que o Consello de Contas de Galiza emita un informe sobre a legalidade e pertinencia do Recoñecemento extraxudicial de créditos 1/2016 aprobado na sesión ordinaria de xaneiro, xa que, entre outras posíbeis irregularidades, fracciónase o obxecto do contrato coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que corresponda (art. 86.2 TRLCSP), aínda cando o concello de Chantada se encontraba nese momento no marco dun Plan de axuste onde se contemplan medidas relativas a adxudicación de contratos menores e, na lexislación, estipúlase o destino dos remanentes de tesouraría no marco dun plano de axuste. A tal efecto remitiráselle toda a documentación englobada nos correspontes expedientes do citado Recoñecemento extraxudicial e mais do Suplemento de crédito 1/2016.

En Chantada, a 18 de febreiro de 2016.

3O artigo 23.3 TRLCSP di textualmente o seguinte: «Artigo 23. Prazo de duración dos contratos (…) 3. Os contratos menores definidos no artigo 138.3 non poderán ter unha duración superior a un ano nin seren obxecto de prórroga».

2 comentarios en “MOCIÓN PARA A ADOPCIÓN DE PROTOCOLOS DE TRANSPARENCIA NO RELATIVO Á CONTRATACIÓN E SEGUIMENTO DOS CONTRATOS MENORES

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s