Moción en defensa da sanidade pública e para un servizo digno e universal no ambulatorio de Chantada

MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA E PARA UN SERVIZO DIGNO E UNIVERSAL NO AMBULATORIO DE CHANTADA

Consulta a nosa moción en pdf: Moción en defensa da sanidade pública e do centro de saúde de Chantada

Consulta as preguntas da deputada Consuelo Martínez no parlamento de Galiza: Ambulancias Chantada

 

20151130_125216

O grupo municipal Por ChantadaCUP, ao abeiro do disposto no artigo 97.3 do ROF apresenta perante o pleno da corporación a seguinte MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA E PARA UN SERVIZO DIGNO E UNIVERSAL NO AMBULATORIO DE CHANTADA

Exposición de motivos:

O día 15 de setembro de 2015 a corporación chantadina acordou, unanimemente, demandar a Xunta de Galiza que se cubra de xeito estábel a tempo completo a cuarta praza de pediatría no Hospital de Monforte. É evidente que cáseque medio ano despois o problema non só persiste senón que se agravou.

Ten causado fondo malestar entre mais e pais do país do Faro o feito de careceren do servizo de atención primaria pediátrico na vila do Asma cando a titular do mesmo se encontra de ferias. A Xunta de Galiza lonxe de cubrir este servizo cun substituto, como sería lóxico, decide seguir cos recortes na calidade e na eficiencia da sanidade pública, en canto dispara o custo sanitario nas concesións a empresas amigas, por exemplo nas iniciativas público-privadas tan desastrosas como a do Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no desmantelamento da área sanitaria de Monforte de Lemos a partir dunha área de xestión integrada – é dicir as decisións que antes se tomaban en Monforte agora tómanse en Lugo– e cuxa prioridade non é a atención sanitaria mais a relación custe-beneficio da empresa privada aplicada á saúde pública, de acordo cos principios do que se coñece na xerga ultraliberal como new public management ou novo xerencialismo.

Así as cousas, moitas mais e pais de Chantada tiveron que peregrinar de socato cos seus fillos até Monforte para seren atendidos por un pediatra durante algúns días e sen previo aviso. O mesmo acontece cos meniños de Carballedo, ao facerse cargo o titular de Chantada do servizo de pediatría en Chantada e Carballedo.

Nestas situacións, as crianzas aténdense de urxencia, cando están doentes, ben no PAC (Punto de Atención Continuada, o que se denomina popularmente como “urxencias”) ou son vistos polos médicos de familia dos seus pais, co que fican sen control de saúde e sen seren atendidos por un especialista. Que diriamos se tendo un anomalía nun pulmón nos atendera un urólogo e non un neumólogo? Pois aínda máis grave é cando esta violencia se exerce sobre os máis indefensos causando, con razón, a irritación dos pais e mais do noso concello.

A prevención é mellor que paliar e require dun especialista, sendo esta prevención xa precaria polos inexplicábeis recortes no calendario de vacinas. Nos controis de saúde dos nenos sans danse consellos de alimentación, psicomotricidade, etc. e os médicos de cabeceira só lles tratarían unha posíbel doenza sen atenderen á prevención.

Non é a única deficiencia, nin a de peores consecuencias, no centro de saúde de Chantada. O centro de saúde de Chantada ten tido problemas de instrumental e de demora no arranxo de material básico avariado. De por parte, o concello, que ten creado unha profusión de prazas de aparcadoiro por toda a vila (cando isto ten como efecto promover o uso do carro e por tanto agrava e non solventa o caos do tránsito local), non foi capaz aínda de crear prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida nas inmediacións do centro de saúde. Algo elemental que non debería facer falta solicitar e debería saír do propio Goberno.

Porén, o especialmente grave, pondo en risco vidas humanas, son as deficiencias no servizo de emerxencias, cunha única ambulancia para toda a nosa área sanitaria.

O día 30 de outubro unha veciña caeu dunha escada e estivo máis dunha hora agardando pola ambulancia, cun brazo roto e sen saber se tiña algún dano na columna, porque só hai unha ambulancia do 061 e ía en Monforte. Nun concello de máis de 8.000 habitantes non é normal que só haxa unha ambulancia e aínda é menos normal que o Goberno municipal non tomase ningunha medida ao respecto após advertirlle da situación na sesión plenaria ordinaria do pasado mes de novembro.

O 3 de novembro produciuse un accidente con dous feridos. Os médicos decidiron que cumpría unha ambulancia para cada ferido e tivo que vir unha desde Monforte porque só hai unha en Chantada asociada ao 061. Por ventura, a gravidade dos feridos non era de extrema gravidade non véndose a súa vida en risco pola demora en seren trasladados.

Segundo as nosas pesquisas, a finais de outubro rematou a concesión do 061 que tiña unha empresa local. A nova concesión saíu a concurso de tal xeito que era escusado que as pequenas empresas se presentaran. A concesión déuselle a Salutrans, unha macroempresa que, curiosamente, comprou 20 ambulancias novas xusto antes de saír a concesión a concurso, tal era a súa certeza… capitalismo de amiguiños politicamente promiscuos e concesións PP style. Desde Sanidade parapétanse en que os casos máis graves aténdense mediante helicópteros, cando este servizo (contratado con outra empresa privada) o único que fai é disparar o custo e cunhas isócronas moito máis deficientes que ter un servizo de ambulancias axeitado in situ.

En canto a anterior concesionaria tiña reforzo para a ambulancia do 061 Salutrans só ten unha. A anterior empresa local tiña amais a base con todos os requisitos, mentres que a esta empresa –Salutrans– déuselle un chilote no ambulatorio e iso non estaba nas bases da concesión, podendo tratarse, xa que logo, dunha grave infracción legal que o concello debería denunciar. Así poden axustar máis a súa oferta ao contaren cun edificio público… Vergoñento. As privatizacións, o capitalismo de amigos politicamente promiscuos e os recortes as políticas sociópatas da dereita ultraliberal matan.

En virtude do anteriormente descrito propomos o seguinte ACORDO:

1.- Facer unha declaración institucional en defensa da sanidade pública e para un servizo digno e universal en todos os niveis da sanidade pública. O concello de Chantada condena os recortes en sanidade e educación.

2.- Trasladar á Xunta de Galiza este acordo plenario, nomeadamente as seguintes demandas:

a.- Dotar dunha cobertura axeitada o servizo de pediatría no centro de saúde pública de Chantada, xa que non se están a cubrir dos días feriados da titular ficando sen servizo e tendo que trasladarse pola súa conta os pais até Monforte de Lemos, onde o servizo tamén apresenta deficiencias. De feito, desde este concello demandou por unanimidade (acordo plenario do 15 de setembro de 2015) que:

«O Concello de Chantada demanda da Xunta de Galiza que se cubra de xeito estábel a tempo completo a cuarta praza de pediatría no Hospital de Monforte».

b.- Dotar ao PAC de Chantada de unha equipa suficiente de persoal sanitario para as gardas, -dúas equipas de medica/o e enfermeira/o- para poder cumprir as isócronas que marca a lexislación.

Tampouco é suficiente unha única ambulancia para un servizo de emerxencia que vai desde Chantada até os Peares (con isócronas de 1’5 horas co mínimo de 10 minutos de atención in situ), contra toda lóxica e racionalidade ao estar o centro de saúde de Coles a 15 minutos.

c.- Denunciar o uso indebido de espazo, materiais e enerxía do SERGAS (ambulatorio) por parte da empresa concesionaria (Salutrans), carecendo esta de base operativa para o servizo de urxencias e recibindo aínda así a concesión do servizo en detrimento da empresa local que viña xestionando este servizo cunha eficacia comprobada.

3.- En caso de que a consellaría non ofreza solucións inmediatas e tanxíbeis propor ao pleno de Chantada desde o Goberno alternativas, por exemplo a través dunha partida orzamentar para subsanar, mediante convenio, cunha empresa local as deficiencias no servizo.

4.- Crear dúas prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida na contorna do centro de saúde de Chantada nun prazo dun mes contado a partir da adopción deste acordo plenario1.

5.- Rebaixar toda a beirarrúa diante do centro de saúde para mellorar a accesibilidade dos doentes trasladados en ambulancia, os que se desprazan en cadeiras de rodas e, en xeral, as xente maior ou con mobilidade reducida no mesmo prazo que o fixado para o punto 4º deste acordo plenario.

1
Na foto vense dous colectores entre a cabina de teléfonos e a zona reservada para ambulancias. Ese seria bo sitio para as dúas prazas para discapacitados.

Por Chantada-CUP
 Por Chantada-CUP
 

3 comentarios en “Moción en defensa da sanidade pública e para un servizo digno e universal no ambulatorio de Chantada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s