
Alén da moción sobre o centro de saúde ou da moción pendente sobre o TTIP no pleno do día 18 de xaneiro imos apresentar unha moción solicitando que o Goberno municipal compareza nunha sesión plenaria extraordinaria e monotemática para explicar porque non se seguiu o mantemento axeitado da casa da música, un desleixo que repercute negativamente nas arcas públicas e que apunta a unha irresponsabilidade do Goberno local.
Será tamén o pleno en que se aproben, entre outras cuestións, os orzamentos para 2016. Aínda dentro dun brutal plano de axuste (que, entre outras cousas, trouxo consigo a brutal subida do IBI e doutros impostos) Manuel Varela e INTA deciden crear unha nova dedicación exclusiva que non se destina a ningunha tenencia de alcaldía senón ao concelleiro Diego Otero Veiga. Tamén se dispara o gasto en persoal. Informaremos debidamente deste asunto.
Para veres o texto da moción preme en ver máis.
Para leres a moción en pdf preme aquí: Moción Casa da Música
Para consultares o libro de mantemento do edificio preme aquí: LIBRO EDIFICIO CHANTADA FASE I
Como figura na páxina web da empresa construtora do edificio da casa da música, Framiñan, esta obra entregouse ao concello en marzo do ano 2012. Desde entón, o concello de Chantada presidido por Manuel Lorenzo Varela e o seu equipo de Goberno non realizou ningún tipo de mantemento dos que se regulan no libro do edificio.
Concretamente, o documento intitúlase Libro do edificio Edificio Municipal de Uso Múltiplo: Escola de Música e Danza e Oficinas Sindicais de Chantada. Consta de 194 páxinas e, para o que aquí é pertinente, a sección máis importante é a II, intitulada “Normas e instrucións de uso, conservación e mantemento” que comeza na páxina 25 e, por súa vez, consta de dous epígrafes xerais: A.- Manual de uso e mantemento e B.- Rexistro de operacións de mantemento e reparación.
Na “Introdución” do epígrafe A recóllese con claridade a responsabilidade do actual Goberno, xa que recibiu a obra en 2012, no mantemento das instalacións, o cal en partes como a cuberta do edificio é evidente que non se realizou nestes 4 anos. Concretamente dise:
O presente manual pretende ser un documento que facilite o correcto uso e o axeitado mantemento do edificio, co obxecto de manter ao longo do tempo as características funcionais e estéticas inerentes ao edificio proxectado, recollendo as instrucións de uso e mantemento do edificio rematado, de conformidade co previsto no Código Técnico da Edificación (CTE), aprobado meidante Real Decreto 314/2006, de 17 de marzo. Do bo uso dispensado e do cumprimento dos requerimentos do mantemento a realizar, dependerá en grande medida o inevitábel ritmo de avellentamento do noso edificio. Este documento forma parte do Libro do Edificio, que debe estar a disposición dos propietarios. Amais, debe completarse durante o transcurso da vida do edificio, engadindo as posíbeis incidencias que vaian surxindo, así como as inspeccións e reparacións que se realicen. O titular ou usuario é responsábel de que sobre a súa instalación se realicen as operacións mínimas de mantemento, mediante a contratación dun servizo de mantemento cunha empresa autorizada, de modo previo á entrada en servizo do edificio, segundo a lexislación vixente. Asemade, o técnico responsábel do mantemento emitirá un certificado e deixará rexistrado no presente manual de cada actuación realizada.
Se seguimos somerxéndonos polo documento non se fica en cuestión a actuación do actual Goberno, que entra no terreo da neglixencia, senón que tamén se poden pór en causa outras actuacións como o recente “cementado” da entrada do edificio que pode supor un agravamento das inundacións que xa viña sufrindo o edificio.
No tocante ao mantemento, especifícase igualmente a parte correspondente ao usuario (o concello neste caso) e a parte correspondente a profesionais. Por exemplo, no caso dos muros corresponde ao concello inspeccionar o muro e o terreo anexo cada ano, especialmente após grandes choivas e «cando se observe algunha anomalía, un técnico competente ditaminará a súa importancia e, no seu caso, a solución a adoptar». Igualmente indícase que «cando se observe unha fuga nas canalizacións de subministro ou evacuación da auga, un técnico competente ditaminará a súa importancia e, no seu caso, a solución a adoptar». E así sucesivamente con cada parte do edificio.
Trátase igualmente problemas de fugas e cos sumidoiros. Neste sentido o edificio presenta tamén grandes eivas: dunha parte os servizos dispostos no andar inferior non se poden empregar ao ficaren por baixo da rede de sumidoiros e, doutra parte, a necesidade dunha bomba –cun alto custe enerxético para o que se deberían avaliar outras solucións– que achique a auga que se filtra no andar inferior e que pode afectar a compoñentes do edificio (muros, zapatas, corrosión das armaduras, etc.). Xa non é só que haxa humidades por filtración ou condensación, danse situacións graves de inundación.
Outros dos principais problemas é o da cuberta inclinada de madeira. Por exemplo, cada ano, deberíase por parte de persoal cualificado eliminar calquera tipo de vexetación ou materiais acumulados polo vento; manter a protección da cuberta nas condicións iniciais; e, o que consideremos máis grave xa que permitiu deteriorar toda a madeira da cuberta, «aplicación dun produto tipo lasur para o correcto mantemento da madeira». Cada tres anos «comprobación do estado de conservación da madeira». A maiores do libro remitiuse ao concello un anexo co certificado de tratamento da madeira.
O lasur, ao contrario do verniz, penetra profundamente na madeira e non forma capa, deixando un acabado que regula a humidade e facilita a saída do vapor de augar do interior. Por outras palabras, hai expertos que que defenden que é un tratamento axeitado para a madeira en exteriores expostos a grandes oscilacións térmicas e que se emprega no norte de Europa, pois a flexibilidade das súa resinas permite adaptarse ás variacións dimensionais da madeira. Ao estar en superficie horizontal (como é o caso) a madeira, aínda está máis exposta polo que o mantemento terá que facerse máis a miúdo. Ao fechar o poro da madeira con estes produto, pódese acadar unha mellora contra o xeo que se pode complementar con outras solucións para evitar superficies esvaradías marcando un vieiro de paso.
No entanto, a neglixencia no mantemento da cuberta provocou que haxa madeira que vai exixir ser substituída, polo que –se os técnicos así o aconsellan– podería buscarse outra alternativa para a cuberta atendendo a que solución é máis económica e ten un menor impacto ambiental. Como é posíbel que unha obra entregada ao concello pola empresa de Lalín Framiñan en marzo de 2012 non recibira ningún mantemento por parte de INTA en 3 longos invernos?
Por último, e a maiores de afrontar os problemas antes sinalados e outros cos que conta o edificio, así como proceder a iniciar o correcto mantemento do edificio, é mester sinalar dúas eivas, ano noso entender, que deben arranxarse: a primeira é que se se fai un aparcadoiro na entrada do edificio – solución como é sabido que non partillamos– debe incluírse unha praza para persoas con mobilidade reducida, máxime cando non existe ningunha nas inmediacións; a segunda é reiterar a necesidade de pór remedio aos problemas de escorregamento na cuberta do edificio para que se poda empregar nos meses de inverno e non se feche ao público cando hai xeadas como se fixo até o de agora (cunha simple valla de obra do concello).
Por todo o anterior, e remitindo á lectura do referido documento aos concelleiros da corporación local, propomos o seguinte ACORDO:
O pleno de Chantada acorda convocar un pleno extraordinario, nos vindeiros 20 días, cuxa orde do día é a que segue:
1.1.- Dación de contas dos responsábeis políticos pola ausencia do correcto mantemento e xestión dos edificios públicos da casa da música, edificio de uso múltiplo e auditorio. Como mínimo remitirase, con 72 horas de antelación ao pleno, un informe no que se faga constar que tipo de actuacións de mantemento se levaron a cabo, coa correspondente documentación acreditativa en anexo.
1.2.- Informe do arquitecto municipal avaliando, cando menos:
a.- O alcance e consecuencias da neglixencia municipal
b.- O alcance, duración e cobertura da garantía dos edificios sinalados ut supra
c.- As eivas da obra que podan reclamarse á construtora ou a terceiros en xeral
d.- Alternativas e solucións aos principais problemas que ten nestes momentos o edificio, algúns deles sinalados na presente moción como os da cuberta, as inundacións do andar inferior, etc.
e.- Certificado, se o houber, e rexistro no manual das actuacións realizadas.
f.- Risco de inundación após a obra realizada co POS na entrada do auditorio municipal.
g.- Incluír en anexos calquera documentación pertinente, por exemplo o certificado de tratamento da madeira da cuberta inclinada de madeira.
1.3.- Dispor unha Partida Orzamentar suficiente para facerse cargo das reformas inminentes que precisa o edificio, asociada aos acordos necesarios para, no sucesivo, seguir as pautas para o correcto mantemento das instalacións. Ditas solucións faranse a partir do informe do arquitecto municipal e das propostas dos distintos grupos municipais nunha comisión extraordinaria de urbanismo monotemática que se celebrará 5 días antes da sesión plenaria extraordinaria, entregándose o informe do arquitecto municipal con, cando menos, 5 días de antelación.
1.4.- Dispor unha P.O. para, no prazo dun mes, dispor dunha praza de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida.
1.5.- Iniciar a instalación de malla ou calquera outra solución para evitar escorregamentos e caídas na cuberta e escadas da cada da música.
POR CHANTADA – CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR
[…] descargares Moción Casa da Música, para consultala en liña podes facelo nesta ligazón. Para consultares o libro do edificio preme […]
GústameGústame
[…] descargares Moción Casa da Música, para consultala en liña podes facelo nesta ligazón. Para consultares o libro do edificio preme […]
GústameGústame
[…] De especial relevancia son a nosa proposta de regulamento para o auditorio municipal ou as nosas consideracións sobre o estado, deficiencias e alternativas para a Casa da música, a raíz dun informe do arquitecto municipal que conseguimos que se fixera mal que ben a raíz dunha proposta que apresentamos en xaneiro. […]
GústameGústame
[…] aval correspondente ao “Edificio municipal de uso cultural de Chantada”. No seu día aprobouse unha moción do noso grupo da que derivou un informe do arquitecto municipal, que cuestionamos en varios ponto.a xestión do Goberno neste particular e o informe discutíbel do […]
GústameGústame
[…] devolución do aval a Antonio Framiñán. Incide en que se examine ben o expediente. A CUP lembra o acordo plenario sobre o edifico da música. Medela di que desta volta aínda está sobre a mesa a […]
GústameGústame