Para que e para quen pagan impostos os traballadores de Chantada?

 

 

Informe de Por Chantada-CUP sobre a conta do concello de 2014

para que remate esta vergonha

En que se gastan os cartos no concello de Chantada? A que se destinan os impostos dos traballadores e das traballadoras do país do Faro? Canto se destina a políticas sociais e canto a débeda pública? No seguinte informe tentaremos dar resposta a estas e outras cuestións, aínda que se fixeron isto estando en minoría que podemos esperar a agora que teñen a maioría absoluta do pleno? Chantada ten un problema. [Descarga o pdf do informe aquí: Informe de Por Chantada-CUP sobre a conta do concello 2014].

0. Introdución

Onte, 31 de agosto, ás sete da tarde celebrouse a Comisión Informativa de Economía e Facenda e Comisión Especial de Contas na alcaldía, pola que cada concelleiro percibe 60€ por asistir. O único punto da orde do día era o “Informe da conta xeral de 2014“. Todos os grupos agás INTA reservamos o voto para o pleno, polo que a comisión contou con 4 votos a favor (faltou un membro da comisión de INTA) e 4 abstencións. Agora ábrese un período de exposición ao público durante 15 días e 8 máis para reclamacións antes de aprobarse no pleno.

O Informe da conta xeral 2014 contén información sobre a totalidade dos gastos e dos ingresos do Concello de Chantada durante o exercicio 2014, así como outra información de utilidade.

Sorprendeunos xa de inicio que o interventor, José Ferreiro Fernández, tentase aprobar as mesmas sen ningunha cuestión ou debate (que poderíamos formular noutro momento). Como xa intuíamos ao ver o informe trátase dun funcionario cuxa neutralidade é máis do que discutíbel e no desenvolvemento da sesión quedounos claro que o denominado “cacharrismo” ten unhas bases nunha burocracia e nunha casta política que se beneficiou amplamente dos métodos caciquís. Durante máis dunha hora e media estivemos formulando cuestións sen obter ningunha resposta concreta da persoa responsábel da elaboración das contas do concello e reducindo todo a unha “cuestión técnica”, como noutras escalas fan os burócratas do Dr. Schäuble.

Por se isto fose pouco, no pleno de xuño enumeramos unha serie de cuestións de índole económica, para que constasen en acta, e non recibimos resposta da intervención, cando o 14 de setembro de celebra un novo pleno ordinario e as cuestións formuladas nun pleno deben contestarse no seguinte por lei. Hai, xa que logo, motivos máis que suficientes para dubidar da imparcialidade do titular da intervención do concello e da súa belixerancia partidaria a favor de INTA (chegando a empregar mesmo a primeira persoas do plural ao referirse a decisións e medidas políticas do alcalde Manuel Lorenzo Varela).

A única alternativa que se nos deu para obter algo máis concreto (“se a carga de traballo llo permitía”) era enviarlle as cuestións por mail, aínda que non “poden” contestalas por esa vía senón mediante un “informe”. Está claro que non hai vontade de como funcionario público sustentado polos impostos de todas e todos os chantadinos responder as demandas de información e transparencia dos representantes da cidadanía.

Segundo a Lei 7/2007 do 12 de abril do Estatuto Básico do Emprego Público, a imparcialidade, a obxectividade e a profesionalidade no servizo garántense coa inamovibilidade na condición de funcionario de carreira, de aí que cando existe belixerancia política e parcialidade se perda a devandita condición. Os artigos 52, 53 e 54 son aínda máis claros a este respecto. A non observancia dos principios ten a consecuencia da perda da condición de funcionario regulada, nomeadamente, nos artigos 63 e 66.

Canto á verba oca dos tecnócratas e a apoloxía apolítica da tecnocracia temos claro que a oligarquía e os segmentos sociais favorecidos polo status quo venden a promesa demagóxica ás clases medias dunha reestamentalización da sociedade civil onde a disputa de clases non existe, onde as eleccións non poden modificar nada (e moito menos deter a brutal e salvaxe transferencia das rendas do traballo ás rendas do capital) e onde o partido-único (aínda que se presente con varias siglas) é o da austeridade que ofrece “estabilidade” e “recuperación”.

Non difire moito a situación en Chantada onde a dereita vende unha mellora da situación e un optimismo entenrecedor que só pode responder a dúas cousas: ou a unha ausencia total dos mínimos rudimentos da economía política e capacidade de análise do mercado mundial e da gaiola de ferro do euro –e aínda da situación concreta dos sectores produtivos da comarca–; ou a un egoísmo atroz onde o beneficio propio e o “sálvese quen poda” é a verdadeira “regra de ouro” e non a estabilidade orzamentar. A disxuntiva non é excluínte, senón que sospeitamos que mesmo pode retroalimentarse.

Coa cesión de soberanía recadatoria á Deputación a partir do 1 de xaneiro de 2015 e a ratificación dun plano de axuste co Ministerio de Facenda Chantada é xa un concello intervido onde a súa soberanía local é, cada vez máis, un espellismo. Iso si, unha minoría benefíciase amplamente da situación, chegándose en tempos incluso a aboar por parte do concello os xuros das hipotecas de certos funcionarios que pagan os cidadáns cos seus impostos a escote.

Ao longo da análise das contas de 2014 queremos transmitir aos cidadáns e cidadás que teñan interese en que se gastan os cartos do concello e para que e quen paga impostos a clase traballadora de Chantada.

A modo de síntese deixámosvos os seguintes cadros:

CADRO I: gasto social versus gasto en débeda máis amortización da débeda anticipada (cartos para os bancos)

Gasto social

74€ por habitante

Gasto débeda

141,98€ por habitante

Gasto persoal

255,06€ por habitante

CADRO II: distribución das principais partidas do gasto do concello en 2014

Concepto

Gasto en 2014 (en €)

Porcentaxe do ingreso 2014

Débeda Pública e amortización da débeda antecipada

1.124.422€

22,42%

Concesionarias (Viaqua, Sogama, Ascan)1

559.000€

10,32%

Gasto persoal

2.181.568, 06€

40,29%

TOTAL % de ingresos do concello

73,03%

Podemos afirmar entón que o concello de Chantada destina os impostos das traballadoras e dos traballadores do país do Faro fundamentalmente ao pago aos bancos e ás grandes empresas que viven de parasitar o público. Politicamente, INTA é o partido dunha minoría da poboación con altos recursos económico, cunha especial relevancia da burocracia que recolle boa parte dos funcionarios públicos do concello.

Mudar o concello é, pois, mudar o Partido, que goberne a maioría social, o pobo traballador, e non unha elite que só vela polos seus intereses, tal e como se reflicte nas políticas desenvolvidas e na propia análise do gasto e do ingreso municipal. Chantada ingresa máis de 5.000.000€ cada ano, hai que preguntarse se a xestión actual é eficiente e axuda a paliar a grave crise social e demográfica ou se a agrava.

1.- Valoración xeral da composición das contas

Parécenos que sería mellorábel a distribución dos gastos, xa que se tende a concentrar nalgúns capítulos todo na administración xeral deixando as restantes partidas sen cumprimentar. A falta dun desglose maior e claridade nos conceptos é unha fórmula para opacar as contas. Se aínda por riba non se contesta a nada en concreto cúmprese co que se pide desde as administracións superiores, mais faise terribelmente difícil fiscalizar o desenvolvemento das contas do Goberno. Aínda así, e como se exporá, abonda o que se especifica para ver as orientacións xerais e prioridades deste goberno.

Na memoria tampouco hai referencia algunha aos compromisos adoptados no plano de axuste nin mención algunha da análise técnica dos orzamentos. Por outras palabras, preséntanse números sen contextualización de ningún tipo e preténdese que sexan aprobados sen maiores explicacións. Realismo máxico.

Tampouco se especifica o gasto e o vencemento das concesións a Viaqua, Sogama e Ascan que, segundo a nosa análise das contas, absorben en total 559.000€, un 10,32% do que ingresou o concello nese mesmo ano de 2014. Non se debe esquecer que no caso de Viaqua a concesión fíxose por 30 anos e que existen indicios de ilegalidade na mesma, investigados pola xuíza Pilar de Lara e remitida agora a investigación, pola dimensión da trama, á Audiencia Nacional.

Tampouco se indica a porcentaxe de execución dos orzamentos, só se indica a porcentaxe dos cobros pendentes, coa que encriptadamente se xustificou e xustifica a intervención do concello desde a Deputación de Lugo (coa escusa de que se melloraran os ingresos porque cobrará os impostos directamente a Deputación e logo cederallos aos concellos). O que, evidentemente, si se alivia é o traballo da intervención que vendo os informes recentes e comparándoos cos de anteriores titulares da área é máis ben discreto ultimamente.

É cando menos curioso que após tantos anos de alegría e esvanxamento desde as diversas institucións sexa agora, no tempo da austeridade e o reinado dos bonistas e rendistas (que se vingaron de Keynes folgadamente), cando chegue a onda de ceder a recadación dos concellos ás deputacións, organismos dependentes do Estado central. Nun futuro non moito distante será un instrumento para facer pagar as débedas e transferir recursos da administración local sen importar se se atenderon ou non as necesidades dos cidadáns?

Por outra banda, botamos en falta que se continúe sen facer ningún estudo, por frugal que sexa, da calidade dos servizos, o seu impacto económico e as alternativas de xestión pública directa que están en Francia e en moitos concellos do Estado na orde do día, nomeadamente no tema da auga.

Tamén debería subsanarse a deficiencia de que non levar unha contabilidade que permita extraer datos individualizados a respecto do custe dos servizos públicos. Porén desde Europa obrigan a facelo e xa vai entrar en vigor en novembro deste ano, aínda que a actual intervención falou de aplicalo a partir de 2016.

A pregunta de porque a execución dos proxectos de gasto con financiación afectada non foi desenvolvida na contabilidade de forma independente resolveuse por parte do titular da intervención co circunloquio de que precisa un módulo de contabilidade complexa. Algo así como que para traballar no campo hai que saber empregar a ordeñadora e o tractor cos seus diferentes apeiros…

Figura tamén unha subvención da AEDL do ano 2014, concedida pola Consellaría de traballo e benestar, cuxo importo ascende a 27.081€ dos que 7.988,90€ non se xustificaron. A explicación que se nos deu desde a intervención é «mirámolo» e tampouco o Goberno se pronunciou polo que mesmo podería ser que dita subvención se perdese por non xustificarse en prazo e forma. Solicitaremos explicacións, aínda que vistos os precedentes non agardamos explicacións convincentes nin satisfactorias.

No tocante ás subvencións, sería lóxico facer unha ordenanza reguladora para conceder as subvencións con normas claras, documentación homoxénea, baremos con puntuacións claras que garantan a transparencia na concesión, a igualdade e a progresividade segundo o seu impacto cultural, social e/ou económico.

Preguntamos se en 2016 se van manter as mesmas contías para todas as subvencións vixentes e respondeunos Manuel Lorenzo Varela que, como mínimo se manterán todas, e que tentarán mellorar algunhas (fútbol e baloncesto) e crear algunha nova (para o campionato estatal de montaña, mais que terán que estudar en todo caso).

As subvencións da Asociación de alcohólicos, El Enjambre, Alzeimer e Cruz Roja aparecen asociadas na memoria a unha partida que na liquidación aparece en branco, dotada con 0€. A partida 231 de Acción social aparece no desglose dos gastos coa contía de 32,67€ na partida específica de “outros suministros” (o mesmo que a de Promoción Social 232 con 0€ e asistencia a persoas dependentes con 0€) e o mesmo a partida orzamentar específica á que se asocian a 48.900. Magnífico traballo de corta e pega e máis un indicio das “prioridades” do “partido”.

Do punto de vista da lectura política e xa non da fasquía técnica outro exemplo das “prioridades” do Goberno que salientamos son os 3.000€ que se gastan en emerxencia social (partida orzamentar 230.489.00), unha cantidade menor dos máis de 4.000€ que gasta en combustíbel a policía local (partida orzamentar 132.221.03) ou dos máis de 5.000€ en produtos de limpeza na administración xeral (partida orzamentar 920.221.10). Por non falar dos máis de 24.716.46€ que se gastaron en teléfono na administración xeral do concello (partida orzamentar 920.222.00) e outros moitos exemplos que poderíamos seguir enumerando (comidas, atencións protocolarias, etc.).

Con isto o que queremos dicir é que ao tempo que se vende boa xestión e que todo vai ben a realidade é que hai un goberno con escasa ou nula sensibilidade perante a situación de emerxencia social de moitas veciños e veciñas. Cando temos máis dun 30% da poboación en situación de exclusión social, segundo diversos informes, o concello de Chantada é o segundo do sur da provincia de Lugo que menos destina ao gasto social por habitante (74€), situación que Manuel Varela xustificou en que a Xunta se fai cargo do centro de día e da gardaría e que «se non se gasta máis ao mellor é porque non fai falta máis» (sic.). A orquestra do Titanic toca ollando para a popa coa proa a toda vela rumo ás rochas.

2.- Balance de situación

Comezamos por inquerir porque non se explicita o patrimonio neto, que resulta de restar ao activo o pasivo. Contéstase que se fai na conta 100.

Tamén se, de acordo co plano de pago a provedores, estas contas non poñen en dúbida a capacidade do concello facer fronte aos compromisos adquiridos, cunha autofinanciación mermada que se obriga a reflotar desde Facenda con impostos de nova creación e que son sempre regresivos, polo que a carga fiscal maior recae sobre as clases populares2.

Volvemos aos trabucos e aos foros, só que hoxe non para os fidalgos senón para os etéreos mercados, as empresas do capitalismo de amigos politicamente promíscuos do Estado español e a burocracia colaboradora coa oligarquía. Esencialmente, o 1% máis rico da poboación mundial e, concretamente o 0’1% superior, tal e como analizou brillantemente Piketty no seu libro O capital no século XXI3.

A resposta, melancólica certamente, foi por parte do interventor que Manuel Varela sempre tivo vontade de baixar os impostos, aspecto que o titular da alcaldía ratificou. Mágoa que os cidadáns non lles sirva esa “vontade” para liberarse de cada vez máis impostos e pagos en canto ven decrecer os seus ingresos. Novamente, o funcionario recorreu ao circunloquio e a tratar a oposición como imbéciles reducindo todo a “cuestións técnicas”. Impresentábel. Se se crean novos impostos e estes suben hai que indicalo e punto, igualmente que hai que indicar outros impostos aos que se comprometeu con Facenda este goberno e que aínda non aplicaron por desleixo, como mesmamente se recollía por parte da intevención na documentación relativa á dación de conta de Informe de seguimento do Plano de axuste do primeiro trimestre de 2015.

Manuel Varela defendeu tamén que o seu Goberno durante 4 anos non fixo ningunha execución de crédito alén do pago a provedores que é como se un Estado rescatado di que só foi intervido unha vez e agora se dedica a cumprir cos “acredores”. Segundo o titular da alcaldía van tocarlle ao IBI e reducilo, se vén a autofinanciación en 2014 –segundo a intervención– si requiriu unha suba de impostos para equilibrar gastos e ingresos.

3.- Conta do resultado económico-patrimonial

O aforro que se apresenta foi explicado polo secretario do concello, pois tamén é interventor aínda que non exerza como tal en Chantada. Resulta de exercicios anteriores (797.420,24), xa que non hai un resultado positivo no presente exercicio, senón o contrario.

4.- Débeda pública: traballar para o inglés

Preguntamos tamén a canto ascendía a débeda pública do concello, mentres dous concelleiros do grupo de goberno continuaban cunha “comisión” paralela que durou toda a actuación. A resposta novamente foi bastante contraditoria, dando cifras diferentes e aproximadas desde o Goberno (3.300.000) e desde a Intervención (3.500.000). En todo caso, Manuel Lorenzo Varela salientou que non era un dato da conta de 2014 senón referido ao presente e que, en consecuencia, non viña a conto.

Os últimos datos que nós manexamos dan unha cifra de 3.761.000€, ou sexa 439,72€ por habitante e aproximadamente o 70% do ingreso promedio do concello (a diferenza dun Estado nos concellos a magnitude do PIB non se pode empregar por razóns obvias)4.

A tentativa de imputar esta débeda a unha suposta “herdanza” xa a desmontamos no seu momento cun informe na nosa páxina onde anexamos a acta dun pleno onde se recollen as débedas deixadas por Manuel Varela e as que este recibiu cando volveu á alcaldía. Dificilemente se pode falar de “herdanza”, copiando o discurso do PP sobre Zapatero –cando Rajoy situou a débeda pública do Estado español en 1’2 billóns de euros que farán inevitábeis novos “axustes” coa troika ao pasar as eleccións estatais–, cando Manuel Varela e o seu “Partido” –ora PP, ora INTA– gobernaron Chantada ininterrompidamente agás dous breves lapsos temporais. Porén, demostramos con datos que é rotundamente falso.

No ano 2014, Chantada destinou 780.874,44€ ao pago de débeda pública, o que supón 91,29€ por habitantes e representa máis de 14% do total dos ingresos do concello. Nun concello coma Chantada 780.874€ son unha cantidade que podería resolver importantes déficits en políticas sociais, infraestruturas e un longo etc. e que están indo para os mesmos bancos que a partir de 2008 rescatamos cos nosos impostos. E están indo para os bancos porque houbo unha xestión irresponsábel do público, de orzamentos irreais e gastar máis do que efectivamente se recadaba (algo que aínda segue acontecendo). Ademais, se lle sumamos a amortización da débeda antecipada (8% do ingreso de 2014) os bancos recibiron 22’42% do ingreso do concello en 2014, un gasto de 141,98€ por habitante que contrasta cos 73€ que se destinan ao gasto social. En total, os bancos recibiron 1.124.422€, cantidade que pode mesmo ser maior xa que non computamos algunha partida orzamentar menor como a 330.352.00 (xuros de demora por valor de 1,259,58€ na Administración Xeral de… Cultura!!!) ou os xuros por non pagar en prazo da Administración Xeral de vivenda e urbanismo que ascenden a 79.379,60€ (partida orzamentar 150.352.00).

Actualmente, o concello paga pola débeda contraída polo Plano de Emprego a Provedores unha taxa de xuro do 4,08%, segundo Manuel Varela. Aínda que anunciou que a partir do 31 de marzo do vindeiro ano só pagará unha taxa do 1’35% o cal entende como unha magnífica noticia. Creamos os problemas, ofrecémoslle as solucións5. Asemade, anunciou que non ten prevista ningunha operación de tesouraría, aínda que podería facelo até 75%.

5.- O resultado orzamentar axustado

O resultado orzamentar forma parte do Estado de liquidación do orzamento e representa o resultado da execución do orzamento. Trátase da diferenza entre a totalidade dos dereitos orzamentares netos liquidados no exercicio e as obrigas orzamentares netas recoñecidas no mesmo período (2014 neste caso). O resultado final indicará se enes ano os recursos orzamentares obtidos son maiores ou menores que os gastos orzamentares do ano.

No 2014 este resultado orzamentar é de -783.378,88€ que, cos pertinentes axustes (créditos gastados financiados con remanentes de tesouraría e desviacións de financiación negativas do exercicio no caso que nos ocupa) fica en -424.910,79€.

Xa que logo o concello gastou 424.910, 79€ dos que non dispuña en 2014 de acordo cos seus ingresos e coa xestión desenvolvida. Isto significa que a situación financeira ten que correxirse, xa que os dereitos recoñecidos son insuficientes para atender ás obrigas xeradas por este Goberno, co agravante que non se destinan a paliar a grave crise económica e social do noso concello e a procurar alternativas, mais, fundamentalmente, a alimentar unha casta que se autorreproduce e que vive dos impostos de todas e todos.

É máis, o Goberno de INTA é incapaz de cumprir o compromiso da estabilidade orzamentar, a “regra de ouro” da troika, ao que se amolloou ao subscribir o Plano de pago a provedores (que tivo que subscribir por ter innúmeras débedas con estes por unha deficiente xestión onde sistematicamente se gastaba máis do que se ingresaba).

Preguntámoslle ao interventor que valorase que consecuencias a curto, medio e longo prazo ten para o concello este feito, especialmente de acordo co artigo 11 da LOESPE e coa Lei 27/2013 de racionalización e sostenibildiade da administración local. A resposta do interventor foi «estudiarémolo»6.

Preguntámoslle ao Goberno que medidas concretas barallas aplicar para correxir este desfase, así como a súa tradución en recortes nos vindeiros orzamentos e en que capítulos. Pola resposta, no mellor dos casos, podemos intuír que serán uns orzamentos de continuidade caracterizados pola improvisación e por ir saíndo do paso sen tocar o “fundamental” para o “Partido”. Esperamos equivocarnos.

Queremos concluír esta exposición cunha recapitulación: un concello gobernado durante máis de 40 anos cáseque polas mesmas familias políticas da dereita local encóntrase na seguinte situación en 2014:

a.- gasta 400.000€ máis do que ingresa (débeda que teremos que pagar cos nosos impostos). Hai que reparar que os máis de 700.000€ que hai de diferenza entre as obrigas recoñecidas netas e os dereitos orzamentares netos son equivalentes aos máis de 700.000 que se destinan a débeda pública, polo que o círculo retroaliméntase esixindo axustes cada vez máis draconianos para axustar as contas se non se lle pon remedio á situación. A opción de ceder á Deputación de Lugo a recadación do concello é a vía libre para que o Estado central “garanta” que as obrigas coas entidades de crédito e coas “reformas” se antepoñan a calquera outra consideración, por descontado ao interés xeral e ao benestar das veciñas e veciños do concello.

b.- de cada 10 euros que ingresa destina:

2’2€ aos bancos

1€ a Viaqua, Sogama e Ascan

4’2€ a gastos de persoal (somos conscientes de é inxusto meter a todos os funcionarios no mesmo saco, pois nin todos contan con privilexios nin é correcto asociar coa nugalla a moitos deles, si a unha parte da que máis ou menos o cidadán medio é consciente sen que enumeremos aquí pormenorizadamente).

Quedan 3€ para alumeado público, para escolas deportivas, banda de música, políticas sociais, cultura, festexos e festas…

Moi groseiramente podemos dicir que de cada 10€ que ingresa o concello de Chantada, máis de 7 son para o “Partido”e as súas redes clientelares e bastante menos de 3 para o 90% restante da sociedade. Isto non se pode mudar da noite para a mañá nin simplemente gañando unhas eleccións, aínda que conformar unha nova maioría política é determinante para inverter a tendencia.

6.- En que outras cousas gasta Chantada o que ingresa?

Código

Concepto

Cantidade (en €)

Porcentaxe

011

Débeda Pública

780.874,44

14%

132

Policia Local

281.558,98

5,19%

134

Protección Civil

45.393

0’838%

135

Brigada de Incendios

33.270

0’614%

150

Administración Xeral de Vivenda e urbanismo

695.285,84

12,84%

151

Urbanismo

61.777,36

1’14%

152

Vivenda

12.443,83

0,229%

155

Vías Públicas

631,30

0’011%

161

Auga

52.290’95

0’965%

162

Recollida e tratamento do lixo

572.338,67

10’57%

165

Alumeado Público

447.078’88

8’25%

170

Administración Xeral de Medio Ambiente

465’60

3’304%

179

Outras relacionadas co Medio Ambiente

10.862’53

0’2%

230

Administración Xeral Servizos Sociais

484.609’78

8’949%

231

Acción Social

32’67

0’0006%

233

Asistencia a persoas dependentes

0

0

241

Fomento do emprego7

200.045’89

3’69%

311

Amortización débeda antecipada

433.547’87

8%

320

Administración xeral de educación

79.692’81

1’47%

321

Prescolar

177

323

Promoción Educativa

444’91

0’008%

330

Administración Xeral de Cultura

185665’77

3’42%

332

Bibliotecas e arquivos

0

0

338

Festas Populares e festexos

152.424,51

2’815%

340

Administración xeral de deportes

379.672’36

7’011%

341

Promoción e fomento do deporte

0

0

342

Instalacións deportivas

0

0

410

Administración xeral agricultura, gandeiría e pesca

708

0’01%

420

Administración xeral de industria e enerxía

0

0

430

Administración xeral de comercio, turismo e PEMES

36.860’15

0’680%

432

Ordenación e promoción turística

0

0

450

Administración xeral infraestruturas

48.703’92

0’899%

454

Camiños veciñais

0

0

912

Órganos de goberno

67.982’30

1’255%

920

Administración xeral

954.239’77

17’623%

A súa vez cada partida contén no seu interior pequenos paquetes (partidas orzamentares) onde se van acumulando as facturas correspondentes. Por exemplo, se queremos saber o que gasta o concello en combustíbel debemos ir procurando este concepto nas diferentes partidas:

Gasto en combustíbeis do Concello de Chantada (2014)

Protección Civil

2.272’84€

Brigada de incendios

480€

Alumeado público

4.120’53€

Parques e xardíns

15.795’97€

Administración xeral de deportes

53.579’29€

Administración xeral de infraestruturas

9.802’42€

Policia Local

4.006’10€

TOTAL

90.057’15

1Gasto aproximadado, xa que as cantidades exactas non nos foron fornecidas por pate da intervención alegando descoñecemento das mesmas. Fundamentalemente, fixámonos nalgunhas partidas, aínda que previsibelmente se nons pasan por alto outras que non computamos, por exemplo o 3,5% que Aquagest recibe de comisión pola recadación do lixo ou os 3.000€ que recibe pola limpeza da rede de pluviais. Só estes dous conceptos supoñen máis de 10.000€ cada ano, máis de 300.000€ nos 30 anos de concesión concedidos por Manuel Varela en 2007 para atinxir o máximo legal dunha concesión (50 anos) e cun informe desfavorábel do secretario do concello por outorgar unha obra desas dimensións (a da rúa Xoan XXIII) sen concurso público. Xa que logo, a concesión realizouse en fraude de lei e está sendo investigada dentro da trama Pokemon como recollemos unha moción que presentamos para o pleno do 14 de setembro.

2No imposto regresivo paga o mesmo (realmente paga a proporción moito máis) o que non dispón de ingresos ou ten ingresos baixos que o que conta cun ingresos altísimos. Un exemplo de imposto regresivo é o IVE. Nos impostos progresivos, como o seu nome indica, a cotización varía segundo o tramo de renda en que se encontre o cidadán, pagando máis ou menos dependendo dos ingresos con este conte. No entanto, coincidimos con Thomas Piketty, pois a historia demóstrao unha e outra vez, cando indica que «a hstoria do imposto progresivo ao longo do século transcorrido suxire que o risco de desviación oligárquica é real (…). Foron as guerras as que levaron ao xurdimento do imposto progresivo, non o xogo natural do sufraxio universal» [Piketty, 2014: 572].

3O cal non exime a obra de ter erros clamorosos, como obviar a contradición capital-traballo e outras contradicións do capitalismo. Adoita acontecer cando os cantos de serea da academia moderna esquecen ou desbotan a totalidade da análise marxista.

4Tomamos como referencia para a poboación os datos do INE, 8.553 persoas e para os ingresos o dato que ofrece a propia conta xeral de 2014 (5.414.655,33€).

5Non está de máis lembrar que cando se subscribiu o devandito Plano non se coñecía sequera a taxa á que a banca privada ía cobrarlle os cartos prestados aos concellos (cando o normal é que os prestase o Estado e a que a estes llos cedes o BCE, mais o BCE ao ser “independente” dedícase a fornecer liquidez á banca privada ao 1% para que logo esta lla preste aos estados ao 4, ao 5 ou a máis do 7%).

6As consecuencias varían desde a intervención por parte do Estado central nos casos máis graves até o máis común que é obrigar a sucesivos planos de axuste até cadrar as contas e onde o que queda polo camiño adoitan ser os servizos sociais e os servizos públicos en xeral. Ese 30% que aínda non absorben en Chantada os bancos e a burocracia.

7Actuacións en relación coa RISGA da Xunta e co obradoiro de emprego, segundo resposta do Goberno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s