A CUP denuncia a precariedade á que se somete a atención sanitaria en Chantada

 

Desde Por Chantada denunicamos que o PP segue coa súa política de agresión aos servizos públicos elementares en pleno mes de agosto, xusto cando máis poboación está no termo municipal de Chantada. Á cosabida polémica das ambulancias ou da pediatría, que está lonxe de solucionarse e semella vai cronificarse alén do verán deixando desamparadas as nosas crianzas, súmanse novas medidas que deixan á poboación en situación de vulnerabilidade e discriminada.

Comezada hoxe a segunda quincena de agosto no centro de saúde de Chantada hai un médico de ferias sen cobrir a baixa, unha médica xubilada amortizada, 2 enfermeiros de ferias sen substituír tampouco, o fisioterapeuta tamén de ferias sen recambio e o servizo de pediatria só vén desde Monforte dous días á semana vestindo un santo para desvestir outro. Esta situación vaise prolongar durante 15 días e ameaza con ser cada vez máis usual.

Os recortes no servizo contrasta con aumento do gasto para a xestión e para as contratas con empresas privadas. Así, un contrato millionario das ambulancias con Salutrans serviu no seu día para degradar e reducir o servizo de ambulancias existindo neste momento unha única ambulancia para toda a zona con isócronas superiores aos 50 minutos (atención por exemplo en Peares). Do mesmo xeito a falta de material ou a situación da pediatría contrata cos investimentos cada vez maiores que reciben empresas privadas que drenan o groso dos recursos do sistema sanitario. A receita do PP para a sanidade e a educación é clara: operar unha lucrativa privatización encoberta socializando as perdas e privatizando os beneficios.

Como denunciamos nas alegacións ao Anteproxecto para a reforma da lei 8/2008, de 10 de xullo, de saúde da Galiza o PP prometeu que esta ía ser “a lexislatura do rural” cando o que presenciamos é un abandono e ataque do tecido produtivo (sector primario) e a supresión ou degradación dos servizos públicos: pediatría, fisioterapía, PAC, etc.

Asemade, desde a CUP sinalamos igualmente o contraste entre as palabras e os feitos do Goberno municipal, que segue sen adoptar ningunha medida enérxica e explícita para a defensa do noso centro de saúde e da sanidade pública. Nesta tesitura de abandono e desprezo por parte das institucións, en Chantada só nos fica, en tanto en canto cidadáns, rachar coa submisión e o invisíbel veo do medo para autoorgarnizarnos, mobilizarnos e defender nas rúas os direitos de todas e todos.

#SomosAlternativa #CUPChantada

Resumo do pleno ordinario do 9 de maio de 2016

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pleno ordinario de maio comezou ás 20 horas coa presenza de 10 concelleiros. En total, finalmente, asistiron, 12 concelleiros ausentándose Cándida Carnero do grupo Inta e Goyanes do PP. Como público, alén de Televinte, só asistiu unha persoa.

A continuación facemos un detallado resumo do pleno.

Seguir lendo

Coñece as nosas propostas para o pleno ordinario do 9 de maio

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O vindeiro luns día 9 de maio celebrarase o pleno ordinario de maio. Desde Por Chantada levaremos a este pleno tres mocións que conteñen propostas achamos que vitais para a nosa vila.

Na proposta íntegra de nova ordenanza que anexamos propomos, entre outras cuestións de relevancia, rebaixar o tipo xeral do IBI rústico ao mínimo legal do 0’3%, aplicar bonificacións a aquelas vivendas que fan esforzos para cumprir coa eficiencia enerxética, a familias numerosas, ou bonificacións entre 90-95% para os inmóbeis ligados a explicacións gandeiras ou núcleos tradicionais do medio rural recoñecidos polo ordenamento urbanístico como tales. Trátase, en suma, dunha proposta de ordenanza fiscal moito máis completa e actualizada que a existente, que mesmo insire certa progresividade e que, de aplicarse, suporía unha baixada deste imposto para máis do 95% dos veciños.

Alén do exposto formularemos coma sempre moitas outras cuestións relacionadas con asuntos que nos fan chegar desde a veciñanza, o último aínda onte, ou relacionados coa nosa función fiscalizadora do Goberno atrapado nas vellas inercias da inacción que sempre lle foron propias e que a maioría absoluta só fixo aumentar.

De especial relevancia son a nosa proposta de regulamento para o auditorio municipal ou as nosas consideracións sobre o estado, deficiencias e alternativas para a Casa da música, a raíz dun informe do arquitecto municipal que conseguimos que se fixera mal que ben a raíz dunha proposta que apresentamos en xaneiro. A respecto da proposta sobre o regulamento municipal desde o concelleiro de cultura de Inta fixo afirmacións sesgadas sobre a mesma. Entregámola en xaneiro sen obtermos resposta e primando as asociacións e o seu uso aberto a todas e todos. Publicaremos ambas as propostas xunto co resumo do pleno.

 

Aprobeitamos tamén para denunciar que a concelleira de servizos socias levase as bases que rexirán o reparto de alimentos só a Xunta de Goberno Local sen contar coas propostas da oposición nin atreverse a debaterse en pleno esta cuestión de vital trascendencia.

#SomosAlternativa #CUPChantada