Resumo do pleno ordinario do 9 de maio de 2016

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pleno ordinario de maio comezou ás 20 horas coa presenza de 10 concelleiros. En total, finalmente, asistiron, 12 concelleiros ausentándose Cándida Carnero do grupo Inta e Goyanes do PP. Como público, alén de Televinte, só asistiu unha persoa.

A continuación facemos un detallado resumo do pleno.

Seguir lendo

Resumo do pleno ordinario do 7 de marzo de 2016

 

Por Chantada-CUP

 

O.- Orde do día

Para veres o resumo preme en ler máis. Seguir lendo

Resumo da sesión ordinaria municipal do 9 de novembro de 2015

Por Chantada - Participación Democrática Directa

O pleno do día 9 de novembro, o último ordinario deste 2015, contou cunha asistencia de público máis nutrida do habitual e mesmo dúas das persoas asistentes demandaron poder intervir nalgún momento do pleno, o cal lles foi denegado (Chantada non conta cun regulamento de participación veciñal que nos pedimos mediante unha moción). Foi tamén o primeiro pleno que contou coa presenza dun membro da policia local na porta do local da sesión plenaria (na casa da cultura). A continuación desglosamos o contido do pleno que comezou ás 20 horas.

1.- Actas anteriores correspondentes ás sesións do 15 (ordinaria) e do 29 (extraordinaria) de setembro de 2015

Acta do pleno do 15 de setembro de 2015 1ª parte

Acta do pleno do 15 de setembro de 2015 2ªparte

Acta pleno extraordinario do 29 de setembro de 2015

A voceira do PSOE, Raquel, sinalou algún aspecto das súas intervencións que non fora recollida ben na acta. Desde a candidatura de unidade popular (CUP) tamén asinalamos algunhas cuestións, pois aínda recoñecendo a dificultade de tomar as correspondentes notas hai que velar que cando se sintetiza non se deturpe o sentido do que se di, por exemplo:

– Páxina 29: dise que en boca do alcalde que «participamos nas manifestacións de Santiago e de Chantada», cando no debate quedou claro que non participaran de todas as manifestacións. Moito menos da última de Compostela na que o portavoz da estiven presente e non asistiu á mesma ningún membro do Goberno (si se fretaron autocarros). Tampouco da de Lugo. Polo que, se mal non lembro, o Goberno só participou da manifestación feita en Chantada e convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e na primeira que se fixo en Compostela, após un debate plenario no que o alcalde hesitaba se ir ou non por mor das súas vacacións.

O secretario contesta que interpretou que tal e como se recolle non está mal. De todos os xeitos o alcalde acepta a corrección da acta.

– Páxina 34: na pregunta número 16 hai unha cuestión sobre unha reunión de todos os grupos políticos, agás o noso, con Amancio López Seijas. Na acta recóllese incorrectamente o nome de “Amando”. José María Baños Campo, o secretario, di que xa correxiu o erro.

– Páxina 35: Figura na resposta á nosa pregunta sobre a colabroación co Banco de Alimentos unha referencia a “Augas de Galicia”, como unha das institucións coas que se colabora cando debera pór “Amigos de Galicia” (que dito sexa de paso é unha entidade encabezada por Luís Rial próximo a Feijoo e que, por certo, ten unha causa xudicial pendente en Vilagarcía de Arousa).

Na acta 29 de setembro na páxina 3 ponse en boca do interventor, José Ferreiro, que «xa non hai gastos médicos». Evidentemente non pudo dicir iso, xa que ten que ser plenamente consciente polo seu traballo que hai numerosas facturas correspondentes por ese concepto que aparece igualmente no informe da intervención sobre o seguimento do plano de axuste. É máis, na documentación plenaria de novembro hai facturas de medicamentos (76€) e gastos médicos de Adeslas. De feito no 3º trimestre de 2015 a sanidade privada para algúns funcionarios representa un volume de gasto de 17.446,85€ fronte os 14.345€ do ano 2014. O secretario indica que por “gastos médicos” se fai referencia a próteses e cuestións que non cubre a Seguridade Social e das que, voluntariamente, se facía cargo o concello no caso dalgúns funcionarios. Aceptamos a explicación aínda indicando as facturas xa referidas, aspecto que asevera tamén Javier Medela (PP).

Apróbanse por unanimidade.

2.- Fraccionamento do prazo de reintegro do saldo debedor da liquidación definitiva da participación en tributos do estado do ano 2013

Documentación en pdf: FRACCIONAMENTO LIQUIDACIÓN PTE 2013

Xa no ano 2008 e 2009 a mingua dos caudais públicos do Estado produciu fenómenos semellantes pola crise do sistema-mundo capitalista. Agora acontece o mesmo fenómeno no ano 2013 tendo que reintegrar 91.568,74€. O Goberno acóllese ao Decreto 237/2015 de 30 de outubro de 2015 o Goberno solicita o fraccionamento en dez anos, resultando 120 pagos para o concello de 763’07€ ao mes.
Desde Por Chantada indicamos que, en primeiro lugar, hai que chamar a atención de que se recorreu ao Decreto antes de pasar ao pleno porque non se tivo en conta até a última hora que o prazo remataba o día 1 de novembro. Xa é un clásico neste concello andar sobre das datas e calquera día imos levar un desgusto.

En segundo lugar, é cando menos rebatíbel a conveniencia de estabelecer un prazo de dez anos e non de 4 que é o que vai durar a súa lexislatura, aínda que neste caso ao estar exento de xuros e ser unha cantidade relativamente modesta non supoña unha grande desviación de crédito.
En consecuencia, e dado que se trata dun pago que soborda a actual lexislatura e que o noso voto non é decisivo para que o acordo saia adiante decidimos absternos: pola falta de previsión nos tempos que impediu que esta cuestión puidese tratarse con máis detemento, existindo outras posibilidades como pagar 30.522,91€ durante 3 anualidades (art. 72 da Lei de Orzamentos Xerais do Estado).

Apróbase con 12 votos a favor de INTA, PSOE e PP. A CUP abstense (1).

3.- Determinación de espazos de maior afluencia turística a efectos das subvencións convodacadas polo consorcio de turismo Ribeira Sacra en materia de uniformidade das terrazas

ESPAZOS TURÍSTICOS TERRAZAS

Neste punto desde a CUP quixemos salientar que a convocatoria de axudas saíu o día 21 de setembro no BOP, sendo preceptivo a publicación por parte do concello dos espazos que se poden acoller a estas axudas.

O día 22 de setembro envíamoslle unha solicitude a este Goberno informando das susoditas axudas e, entre outras cousas, propondo axudas complementarías para o conxunto da hostalaría e unha reunión co sector.

Con todo, esa reunión non se produciu até a última semana de outubro, ou sexa un mes despois, e a aprobación dos espazos non se deu até o 9 de novembro rematando o día 15 de novembro o prazo. Como xa dixemos no anterior punto, estase sempre bordeando os límites nos prazos e se se xoga con lume hai altas probabilidades de queimarse.
Aínda que na comisión se nos dixo que non era preceptivo o punto 4º da Convocatoria para a concesión de subvencións en materia de uniformidade das terrazas do destino turístico Ribeira Sacra, ano 2015 non deixa lugar a dúbidas. Cito textualmente: «Os espazos de maior afluencia turística serán determinados por cada Concello e incorporados a ordenanza reguladora segundo acordo plenario de data 06 de agosto de 2015. Os interesados terán que facer consulta ao respecto nas dependencias municipais e solicitar o informe que acredita como local ubicado en punto de afluencia turística». Por outras palabras, até o martes 10 non se poderá emitir ningún estes informes e o día 15 remata o prazo. Non é serio cando avisamos hai máis dun mes, o 22 de setembro.
Logo, na comisión preguntamos sobre os criterios para determinar as zonas de afluencia turística. A contestación foi parca e non nos quedou nada claro cales foron eses criterios alén do camiño de inverno. No entanto, o camiño de inverno non pasa só por Belesar nin é Belesar a zona de maior afluencia turística no rural, cando menos a parte que é de Chantada. En relación con outro punto deste pleno hai numerosos monumentos románicos e parroquias con estabelecementos hosteleiros que se poderían ter incluído e até outras zonas da vila como a Costaña e os catro camiños.
Entón, volvemos á improvisación e non vemos rigor nin criterios claros á hora de tomar decisións. Hai un problema engadido volvendo ao punto 4º. Nel recóllese que os estabelecementos para acollerse deben ter licenza urbanística e licenza para uso do espazo público destinado a terraza e «regulado por odenanza municipal»… u-la ordenanza municipal? Até onde nós sabemos non existe.
En consonancia con esta harmonización turística tamén estaría ben apostar por placas artísticas como as que hai en Ourense, con explicación da denominación e primando as denominacións tradicionais do noso rueiro, cando menos no casco histórico.
Como tampouco se respondeu a nosa solicitude e, en virtude do exposto, imos absternos en sinal de protesta, xa que o noso voto non é decisivo para que o acordo saia adiante e instamos ao Goberno a ter maior diálogo nestas cuestións e a preparar unha ordenanza reguladora das terrazas.

Manuel Varela indicou, por súa parte, que o camiño de inverno coincide co casco antigo no caso de Chantada, non así noutros núcleos da Ribeira Sacra. Fóra de Belesar no camiño só está a de Penasillás e como moito Limiñón perto. Se o ano que vén sae a axuda de 200.000€ que prometeu a Xunta pódense ampliar os espazos.

Aprobouse por 12 votos a favor (INTA, PSOE e PP) e 1 abstención (CUP).
4.- Ordenanza reguladora das axudas á rehabilitación da vivenda

Ordenanza: S45C-215110511480
Neste punto, o secretario indicou na comisión que hai que facer fincapé en que é unha ordenanza-marco para as convocatorias ao abeiro da normativa de subvención que proceda realizar para o fomento do alugueiro de vivendas, a rehabilitación e a rexeneración urbana, cofinanciado polo Ministerio de Fomento, os particulares e o concello a través do persoal (o gasto no persoal correspondente xa contratado, como o arquitecto).

Desde Por Chantada-CUP gustaríanos coñecer a que se deben certas mudanzas que se fixeron a raíz da ordenanza anterior, mais imos apoiala. O PSOE indicou que se sacaron os criterios de renda e o realoxo durante as obras. INTA indicou que había que adoptalo á normativa de Fomento, cousa que fixo o arquitecto municipal [que non asistiu nin a comisión nin ao pleno e xa non é a primeira vez que isto acontece en asuntos da súa competencia]. O realoxo contémplase, mais só nalgúns supostos de falta de medios. Raquel retrucou que non apare e que o fai na ordenanza-tipo proposta desde a Federación Española de Municipios [nós tampouco detectamos a a referencia ao realoxo na ordenanza. De todos os xeitos, agora pasa 1 mes á exposición pública e pode enmendarse.

Apróbase por unanimidade.
5.- Iniciación de expediente para declarar o mosterio e claustro de San Salvador de Asma (Convento), Ben de Interese Cultural (BIC)

S45C-215110511450
O acordo, segundo o artigo 91 da Lei/1995, é para que a Consellaría de Cultura actúe tendo a obriga de contestar, segundo o disposto no DOG do 8 de novembro de 1995, tal e como explicou o secretario na comisión informativa correspondente en que este asunto foi ditaminado por unanimidade.
Nós mantemos o voto favorábel, mais pensamos que xa hai tempo que se tiñan que ter intentado tomar medidas contra o propietario de Rodeiro, xa que é propiedade privada desde a desamortización coa que o liberalismo favoreceu os grandes capitais no século XIX, como as privatización dos noventa favoreceron as grandes multinacionais e como o ultraliberalismo dos nosos dáis favorece ao grande capital.
Sen desmerecer o “informe” de José Méndez Pérez trátase dun estudo ou compendio de informacións, algunha por duplicado como as igrexas dependentes, e non dun informe stritu senso que se acolla ao que se demanda desde as institucións nestes casos. Con todo, sendo unha iniciativa de numerosas asociacións e máis que necesaria non podemos senón apoiala e, cando menos, con este acordo unánime gañamos tempo e esperamos poder conseguir esta declaración.
Finalmente, instamos ao Goberno a adoptar medidas xa no 2016 para a posta en valor, protección e restauración do tesouro románico do noso concello. Temos que ser consciente que eran fundamentalmente os feligreses quen mantiñan o patrimonio eclesiástico e que a realidade demográfica ameaza xa no presente, mais aínda máis no futuro a conservación deste legado de incalculábel valor. Aproveitando a Ribeira Sacra e talvez promovendo a mancomunidade con outros concellos hai que estudar as fórmulas para actuar neste terreo no que é incríbel que aínda ningún goberno dese pasos firmes.

Javier Medela (PP) indicou que se pode asesorar desde a Dirección xeral de patrimonio para o expediente. Roga que o concello tutele o expediente e en 3-6 meses informe da marcha do mesmo. Raquel (PSOE) se se pode axudar xa a mellorar a memoria desde o concello facelo. Varela (INTA) di que o Patrimonio da Humanidade pode ter indicencia nestas cousas. No 1997 ou no 98 contactarase co propietario que desastrou o mosteiro. Descoidamos este tipo de cousas. De fai vinte anos e pico para aquí o pequeno POS [Plano de Obras e Servizos da Deputación] na reparación de igrexas, por exemplo Centulle ou Pesqueiras, que conta cun valor superior aínda ao do mosteiro. O alcalde tamén reprochou á Igrexa  a falta de axilidade á hora de conservar o seu patrimonio. Van tomar cartas no asunto.

Aprobado por unanimidade.
6.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP para que Chantada se declare como concello libre de circo con animais

Para leres a moción preme aquí ou descárgaa aquí: MOCIÓN PCh-CUP CONCELLO LIBRE CIRCO ANIMAIS.

O portavoz da CUP le a exposción de motivos da moción, así como o acordo proposto.

Javier Medela (PP) di que calquera espectáculo é positivo e que existen leis estatais, autonómicas e se existe ordenanza en Chantada aplicala. Raquel (PSOE) apoia a moción e resalta o punto 2 do acordo da moción de Por Chantada. Varela (INTA) indica que se está facendo exame veterinario e que teñen que traer unha certificación. En todo caso, desde o concello pode facerse outra certificación. Desde os colexios fanse viaxes a Marcelle e os circos dan espectáculo e teñen unha función educativa para ver como viven os animais. O respecto polos animais debe ser o máximo e vixiar os circos. O PSOE retruca dicindo que é desafortunado falar de Marcelle e que é distinto iso das grazas que fan os animais, aprendendo eses condicionamentos dun xeito non exento de violencia. Raquel redunda no dito na comisión sobre a repulsa que lle produce o maltrato animal e que unha sociedade valórase por como trata os animais. Varela (INTA) di que non fixo ningunha comparación e que respeta moito os animais, pois naceu entre eles e non lles gusta nin cando vía a alguén vareándoos. O portavoz da CUP pregunta se existe ordenanza e o alcalde di que non, que se pode facer.

A moción rexéitase cos votos a favor de Por Chantada-CUP e PSOE (4) e os votos en contra de INTA e PP (9).
7.- Moción do Grupo Municipal Por Chantada-CUP relativa á declaración do concello de Chantada como zona Liber do Tratado Transatrlántico de Comercio e Inversións (TTIP)

A moción pode lerse premendo aquí ou descargarse en pdf aquí:  MOCIÓN PCh-CUP ZONA LIBRE TTIP.

O portavoz de Por Chantada-CUP le a exposición de motivos e os acordos. Na quenda de intervencións posterior Javier Medela (PP) indica que o seu partido vaise abster e que se fai unha lectura demagóxica do TTIP xa que liberalizar o comercio supón mellorar o comercio e xerar máis emprego. O PSOE, por súa vez, di que tiñan unha proposta sobre este tema. No entanto, este acordo escásenos a todos nós, ou cando menos a ela. A propia Lidia Senra di que non coñece este tratado e hai partes que non pode revelar. O debate deste calibre escápasenos das mans e é moi aventurado xulgalo desde Chantada. Non tempos potestade. O que o PSOE pide é transparencia. Por súa parte, INTA, di que Antón (CUP) traballa moito, mais que o Goberno actual do Estado está en “funcións” e ao pasar as eleccións do 20 de novembro pode facerse unha declaración institucional. Escápaselle das mans o TTIP e coidaba incialmente que era para conforntar o “xigante asiático”, polo que precisa ilustrase máis e pide deixalo para outra ocasión. Intervén Por Chantada advertindo novamente dos perigos do TTIP para a saúde humana, para a agricultura – especialmente para a pequena agricultura -, expón as consecuencias de tratados semellantes en Méxicos (as maquiladoras e o desenvolvemento xeográfico desigual). Retrúcase ao PP que se fora trigo limpo non se ocultaba. O sur de Europa e os seus pobos levarán a peor parte. O alcalde, Manuel Varela de INTA, indica que é certo que xa non hai millo do país, que aínda lle dicían o outro día que non había raíñas. Desde a CUP acúsase a Monsanto e outras multinancionais. INTA di que para o seguinte pleno ordinario esta cuestión queda sobre a mesa.

Rexeítase a moción co voto faborábel de Por Chantada-CUP (1), a abstención de PSOE e PP (5) e o voto contrario de INTA (7).
8.- Moción do Grupo Municipal Socialista sobre a elaboración de Ordenanza de reparto de alimentos

Raquel comeza mudando algunhas cousas do texto orixinal da exposición de motivos dado que suscitou rebumbio na comisión informativa, nomeadamente entre a concelleira de INTA Cándida Carnero e a propia portavoz do PSOE. Solicita que conste en acta que <<En ningún caso se ataca a ningún traballador do concello, sexa quen sexa, o que a moción quere refletir é que non se pode estar sen unha ordenanza>>. Logo a concelleira do PSOE pasa a ler os acordos da moción.

Desde Por Chantada explicamos que nos interesan tres cousas da moción para debater e tomar acordos. A primeira é que coincidimos na necesidade dunha ordenanza con criterios claros e que favorezan a inclusión do maior número de persoas que estean en situación de inclusión, algo que debería levar feito xa desde hai varias lexislaturas e que só podemos explicar por certo desleixo normativo dos sucesivos gobernos do noso concello. Non é prato de recibo ter que solicitar axuda e menos nun sitio tan pequeno como Chantada polo que canto menos burocracia e máis claras sexan as normas coidamos que mellor e máis eficientes seremos.
A segunda cuestión importante é o reforzo nos vindeiros orzamentos das políticas sociais. A situación de crise social e económica obríganos a replantexar as políticas sociais no seu conxunto, sendo preciso dotalas do maior grado de financiamento, transparencia e eficacia que nos sexa posíbel.
A terceira cuestión e que contactamos con diversas persoas nunha situación dramática: dietas por debaixo das 2.000 calorías diarias, pobreza enerxética… Desde logo, temos claro que se foramos goberno isto sería o primordial e urxente no que investir tempo, cartos e enerxía. Cando falamos das necesidades básicas para ter unha vida digna todo o demais é secundario.
De feito botamos en falta na moción que se inclúa un punto sobre esta cuestión, xa que non debería haber necesidade de excluír a ninguén senón ter medios para atender a toda a poboación necesitada, xa que non é só a falta de alimentos senón tamén as dietas pobres en elementos esenciais moito máis difíciles de detectar –en especial entre a poboación infantil–. Tendo en conta as altas taxas de persoas en risco de exclusión existentes na nosa comarca resulta evidente que nos vindeiros orzamentos haberá que pór o acento nestas cuestións e inserir enmendas neste sentido.
Lembrámoslle en varias ocasións que Chantada é o segundo concello do sur de Lugo que menos gasta en políticas sociais e dunha ocasión até se me contestou que ao mellor non facía falta gastar máis. A realidade é ben diferente e estes días puidemos comprobalo novamente, aínda que xa lle preguntaramos polo banco de alimentos no pasado pleno.
En resumo, dado que consideramos que a ordenanza é algo positivo e que apoiamos que sexa participada para partillar no posíbel o seu contido imos votar a favor da mesma desexando que neste tema transcendental traballemos todos na mesma dirección, debendo estudarse a posibilidade de crear un banco de alimentos propio ou un comedor social en dependencias municipais.

Desde o PP, Javier Medela, di que é precisa unha ordenanza ou regulamento. De feito, piden unha comisión cos grupos políticos para que haxa transparencia. Varela (INTA) afirma que houbo cousas que non lle gustaron. Parécelle ben o que dixo o portavoz do PP e van crear unhas bases reguladoras, porque a ordenanza por si mesma non vale para nada e nos orzamentos haberá que tentar facer un esforzo. Tamén reitera que en ningún caso o Goberno manipulou as listas e fanse cos criterios dos servizos sociais. Hai que estar empadroado e hai uns baremos de ingresos: se ten 1 membro e cobra RISGA non ten dereito, se ingresa menos de 398€ si. Con 2 membros 463€ ou con 11 membros 873€, o que lle parece unha cantidade cativa. Hai persoal do Goberno que fai os paquetes e conta unha anécdota de que estando Cándida Carnero preparando eses paquetes unha nena dunha voluntaria pediulle un paquete de galletas e mandou alguén ao Tropic comprarllo, para que se vexa como gardan escrupulosamente co seu cometido. Estas cousas aquí e saber de nomes [por unha persoa presente que non se lle deixou intervir con todo] non debería facerse.

Cándida di que hai criterios autonómicos e que as bases están practicamente feitas cando desde a CUP se subliña a necesidade de ter criterios claros e que se hai vontade política tanto teñen os criterios autonómicos, o que importan é dotar a nivel local da financiación precisa para antender as necesidades que temos. Desde o PSOE lamentan a demagoxia da anécdota do Tropic.

A moción é rexeitada cos votos favorábeis de Por Chantada, PSOE e PP (6) e o voto en contra de INTA (7).
9.- Moción do Grupo municipal Por Chantada-CUP para apoiar a marcha estatal contra as violencias machistas do 7 de novembro de 2015

Podes ler a moción premendo aquí ou descargala aquí en pdf: moción 7N
O secretario lembra que foi ditaminada favorabelmente por unanimidade na comisión. Por Chantada expón os motivos que levan a presentala e os acordos propostos. Indícase que é unha moción que foi adaptada a Chantada desde a proposta polo colectivo convocante da marcha e que en Chantada temos un plano de igualdade, o II Plano de Igualdade de oportunidades (2013-2017) cuxo grado de cumprimento é manifestamente mellorábel, pois non podemos permitirnos aprobar papeis só para a galería sen tradución concreta na realidade e cun seguimento a disposición do tecido asociativo co gallo de subsanar erros e mellorar futuras iniciativas.

Varela (INTA) di que está tristemente de actualidade a moción e que <<aínda hoxe se deron 4 casos>>. Cándida Carnero expón que a faixa se pon se todos os anos.

A moción apróbase por unanimidade.
10.- Moción do PP en defensa CC.AA e a Constitución do 78

Se desexas ler a moción do PP podes descargala en pdf aquí: MOCION EN DEFENSA DO ESTADO DAS AUTONOMIAS

Comeza lendo a moción e os acordos o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular Javier Medela.

A continuación toma a palabra do portavoz de Por Chantada-CUP para referirse a que “nacionalidade histórica” é un oxímoron, pois se Galiza é unha nación ao longo da historia ségueo sendo na actualidade e, xa que logo, non se pode falar dun único suxeito nacional no Estado español. E logo engade: <<A moción está incompleta, falta falar de solucións diplomáticas made in PP. Por exemplo, podiamos engadir unha enmenda para propor a Baltar de embaixador a ver se así a cambio de traballo os cataláns baixaban as bragas ou enviar a Candia e a Martínez a parlamentar nalgunha gasolineira da francha de Aragón. Incluso podiamos propor a Bárcenas, a Correa, a Fabra ou a Rajoy que paga os coidados do seu pai con diñeiro público, a Esperanza Aguirre que pagaba a luz a conta da Comunidade de Madrid, etc.
Brinquedos a parte, esta é unha moción xenérica que o PP está presentando en todos os concellos, como unha que presentaron en semanas pasadas –afortunadamente non en Chantada porque xa sería o colmo– sobre o apoio á marca 100% galega, que para comezar revela o desleixo do PP coa cultura deste país, pois o leite en galego é un substantivo masculino e non feminino como en castelán. Porén que lle imos pedir a unha Xunta presidida por quen aínda non aprendeu a dicir crise e sigue recuncando na crisi, que por outra parte nega na fuxida da realidade que hai moito tempo emprendeu o PP.
Agora aparecen aquí, compadézome do papelón dos concelleiros aquí presentes do PP por teren que traer ao pleno estas mocións xenéricas e electoralistas, ás portas das eleccións do 20 de decembro, cunha moción pensada para alimentar a catalanofobia e o españolismo máis ranzo a ver se así atraen os votos da extrema dereita e dalgún extraterrestre que acabe de chegar ao Reino de España e descoñeza o balance das políticas da peor lexislatura desde 1978, si a presidida por Mariano Rajoy.
Falan de respectar a Constitución cando desaloxan á xente da súa casa; cando por volta de 8 millóns de persoas non temos traballo e máis de 2 perderon a esperanza de atopalo; cando permitiron que as eléctricas nos rouben na cara cada mes en canto millóns de familias sufren pobreza enerxética; cando aniquilan impasíbeis o sector agrario e lle dan unha esmola por vaca; cando os mariñeiros do cerco acampan diante de San Caetano e Feijoo mantén o corazón duro e as orellas fechadas; cando empregan a xustiza partidariamente e realizan cazas de bruxas contra os independentistas como se non fose unha opción política lexítima en canto permiten homenaxes a escuros personaxes da ditadura como Yagüe, o carniceiro de Badaxoz; cando permiten que a mocidade formada e preparada marche sen esperanza de retorno a un país cada vez máis ingrato, máis escuro e que se parece máis e máis aos peores días da historia desa entelequia chamada España e que nunca pasou de ser un proxecto falido ao servizo do latifundio do sur e dos oligarcas da meseta.
Neste triste contexto o PP quere envolverse na bandeira raída da oligarquía, no odio, na manipulación e na mentira para ver se as clases traballadoras lle seguen dando votos aos zánganos que viven a conta dela. Non merecen nin o primeiro cando efectúan mesmo recortes en sanidade que matan e só hai que ver o estado lamentábel do Álvaro Cunqueiro.
Mellor que fabricar frontes nacionais (por certo Front national é o nome do partido de Le Pen en Franza non por casualidade) sería mostrar capacidade de diálogo e de negociación. Mellor que empregar a lei e a Constitución como chantaxe permanente sería respectar o dereito a decidir democraticamente do pobo traballador catalán. O dereito a decidir das mulleres sobre o seu propio corpo e así seguido.
A lei tamén era inviolábel no franquismo e en calquera ditadura que coa Lei Mordaza parece que é onde nos quere retrotraer o PP. Porén, para a reforma express da Constitución que atendeu ao diktat da troika en tempo récorde non houbo ningún impedimento nin apareceron os patriotas de folla de lata defendendo a soberanía nacional. Cos dereitos nacionais de galegos, bascos e cataláns vostedes exercen a mesma receita que a dereita casposa emprega coa muller: tratarnos como suxeitos inferiores sen dereito a decidir sobre nós mesmos, sobre o propio corpo e sen dereito ao divorcio.
A lei pode ser inxusta e mesmo debe desobedecerse cando colide coa ética e coa democracia. Os cidadáns deben poder decidir sobre as cuestións que lle afectan e non só emitir un voto cada 4 anos. Un voto mediatizado pola chantaxe dos medios, dos tecnócratas de Bruxelas, do patriotismo do IBEX-35 que xa está construíndo un recambio en Ciudadanos para que nada mude e seguir aumentando o laño da desigualdade e as políticas fiscais regresivas que son as que realmente separan e dividen os pobos.
Se o PP quere defender as comunidades autónomas como é que vetou o Estatut? Se defende a Galiza como nación como é que non pula pola súa soberanía? A soberanía dos seus sectores produtivos como o leite, que non se pode tirar o que é dun e traer o de fóra aniquilando os gandeiros; a soberanía para pór en valor o noso patrimonio, a comezar pola lingua; a soberanía para dotar de traballo, vivenda e cubrir as necesidades básicas de todas as galegas e dos galegos para o que cómpre incrementar os impostos aos ricos, nacionalizar as eléctricas e outras empresas de sectores estratéxicos… e así seguido.
Non está moción non é para defender nin para promover nin para mellorar as condicións de vida da maioría social. Esta moción é unicamente envolverse nunha bandeira chea de calazas para ver se así se tapan as miserias propias e de paso presentar a oferta electoral do PP que, dito sexa de paso, asusta do terribelmente probe que é: xa só lles queda un trapo para vender como activo e aínda por riba non lles pertence aínda que 40 anos de franquismo puideron causarlles a sensación errónea de que o Estado español é un coto privado da oligarquía cañí.>>

Desde o PSOE, Raquel di que o pleno de Chantada non é lugar para falar deste tema e que se trata de propaganda electoral. Tamén afirma que lle sona casposo e ranzo a “indosolúbel unidade da nación española” [a verdade esta posición chamounos a atención para ben, xa que se trata dalgo recollido no artigo 2º da Constitución do 78, que evidentemente na súa redacción procede da xurisdición franquista].

Desde INTA o alcalde di que estas moción-tipo non lles gostan. E que sería mellor deixala para despois do 20 de decembro. Aprobar isto agora non vale para nada, aínda que INTA lle dará o seu apoio á moción do PP. Di que Antón (CUP) foi duro con este asunto, mais que eles lla van aprobar.

Medela (PP) quere que a moción siga adiante. No acepta a enmenda da CUP e que grazas ao PP se pode expresar así o portavoz da CUP.

Antón retruca que non era unha enmenda senón unha brincadeira evidente e que se se pode expresar é polo Estado de dereito e a democracia e non polo PP que sempre confunde as institucións co partido.

A moción apróbase cos votos favorábeis de INTA e PP (9 votos), a abstención do PSOE (2) e o voto en contra de Por Chantada-CUP (1).

11.- Moción de urxencia relativa á adxudicación dunha rúa na vila de Chantada á banda de música do concello de Chantada
Ao abeiro do disposto nos artigos 94.1 e 2 do Regulamento Orgánico Municipal e 97.2 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o grupo municipal de Por Chantada-CUP apresenta, para a súa discusión e aprobación, se procede, a MOCIÓN DE URXENCIA RELATIVA Á ADXUDICACIÓN DUNHA RÚA NA VILA DE CHANTADA Á BANDA DE MÚSICA DO CONCELLO DE CHANTADA.
Exposición de motivos:

Dado que neste novembro de 2015 se conmemora o 150 aniversario da banda dos Ferraias, considerado comunmente como fito fundacional da Banda de Música de Chantada, desde a candidatura de unidade popular Por Chantada promomos á corporación local o seguinte ACORDO:
1.- Mudar o nome da Travesía Praza de Galicia por Rúa da Banda de Música de Chantada.
En Chantada a 9 de novembro de 2015.

Varela (INTA) di que non é un asunto para decidir por urxencia, mais que pode estudarse. Penela (INTA) di que xa tratou coa banda deste tema, que é algo delicado xa que hai máis agrupacións de música e que estudarán o tema. Medela intervén en dúas ocasións para recalcar que merece unha avenida e non unha travesía. O resultado é que nin INTA nin o PP apoian a urxencia da moción polo que non pode votarse.  Só apoia Por Chantada-CUP, que subliña que é polo 150 aniversario, que Os Barrios tamén contan cunha e que a ubicación é evidente porque se escolle esa, amais que o nome actual da rúa non é nome nin é nada.

Non se admite a urxencia da moción que só apoia o grupo propoñente (Por Chantada-CUP).

PARTE DE CONTROL DA XESTIÓN

[Primeiro pomos as cuestións apresentadas e comentarios de Por Chantada-CUP. As respostas que se deron tamén se recollen].
12.- Dación de conta de resolucións da alcaldía 
Por Chantada-CUP pregunta  polo Decreto 282/2015: opómonos rotundamente a conceder á Igrexa a exención do IBI no ano 2014 e sucesivos, xa que consideramos que é totalmente inxusto que se sangre á maioría da poboación por este concepto, en canto non se lle cobra a unha institución relixiosa por eles. A Igrexa debe velar e responder polo seu patrimonio como calquera particular e hai que tender á laicidade do Estado. Canto vai perder de ingresar o concello de Chantada de recadar por estes inmóbeis (Carballeira, Mato; San Miguel do Monte e Soilán, Pesqueiras)? Como lle explicamos aos veciños e veciñas o catastrazo mentres hai grupos privilexiados que non o pagan? Que podemos facer como concello para que a Igrexa tamén pague polas súas propiedades?

A tesoureria, Susana, di que se recaudarían 300€ por esas tres igrexas. Varela di que o único que se pode facer é cobrarlle o IBI e que aínda así non arranxan as igrexas.
Decreto 167/2015 09/09/2015: Contén erros. Especifícase o que paga Repsol Butano S.A pola ocupación de dominio público local, mais non o período nin a cantidade que tributan Orange Espagne S.A.U., Endesa Energía S.A.U., Iberdrola, Gas Natural ou CideHcenergia S.A. Solicitamos que se nos remita novamente con todos os datos, xa que pode ser que se moveran.
Decreto nº169 de 10/09/2015: Que se nos explique o despedimento improcedente de María Carmen López Fernández, segundo sentenza do Xulgado do Social nº2 de Lugo autos 145/2015, cunha indemnización de 2.558,50€. O secretario contesta que ela tiña contratos temporais, o último de decembro de 2014. No 2015 outro contrato de substitución. O concello entendía que fixera o correcto, mais o xuíz recoñeceulle o indefinido polo dereito laboral ou indemnización ou readmisión. O portavoz da CUP pregunta se o Goberno quere engadir algo. Cándida di que xa rematou o temporal. O Concello optou por indemnizar e non por readmitir. Varela di que non había onde ubicala, ao haber só unhas prazas determinadas. [Fícanos a dúbida de se a traballadora ocupaba unha praza porque se botou para que a pasara a cobrir outra persoa].
Decreto nº170/2015: na resolución, no punto primeiro non se especifica o importe. Vendo a redacción dos decretos, as grallas ortográficas e mesmo a mestura de linguas volvo insistir en que fai falta un técnico de normalización lingüística e non vale a resposta doutro pleno de que xa temos unha bibliotecaria con filoloxía galega, pois desenvolve o traballo de bibliotecaria e non de normalizadora. Amais, como lle dixemos no outro pleno perdeuse unha subvención que si percibiron outros concellos para contratar a unha persoa e aínda que fora por crear un posto de traballo sen custe adicional para o concello había que pedila. [Sen resposta]
Decreto 172/2015 (Transferencia de crédito 07/2015 de 14 de setembro): aparece a aplicación orzamentar 150.610.00 por un importe de 24.370,42€. Sendo o nome da partida “inversións en terreos” pode dicírsenos de que inversión concreta estamos falando? No caso do persoal non directivo da administración xeral (920.230.20) figuran 2.000€, pode explicarse en que se investiron exactamente?
Estaría ben que cando menos as modificacións de crédito se explicasen. Porque se falamos de control da xestión e de dación de contas non é só transmitir a documentación senón tamén dar conta e aquí non hai costume de dar explicacións de nada e iso non pode ser.

Varela indica que debe facer referencia ao gastado nos pasos elevados [o resto sen resposta].
Decreto de alcaldía nº173/2015 de 14/08/2015: os 116.000€ que se inverten en terreos, pódesenos explicar máis concretamente? [Sen resposta]
Decreto nº174 03/09/2015: trátase do recoñecemento de dúas facturas por valor total máis de 7.000€ con data de 8 e 20 de maio coas que semella que houbo algún problema, ao seren reintegradas por erro na conta bancaria e en período electoral. No mes de xullo aparece outra factura para pagarlle a esta empresa por valor de 876,27€ en concepto de formigón que se mete na partida orzamentar 150.631.00 denominada “Terreos e bens naturais” e outra de 1.274,57€ tamén en formigón asociada á partida orzamentar 150.631.00.
En todo caso, o que nos interesa é saber en concepto de que se gastaron 7.000€ en dous días durante o mes das eleccións coa empresa Lemos Chantada Transportes S.L., teméndonos que sexa outro caso de «política de asfalto por sufraxio universal», como din os Dios ke te krew. [Sen resposta]
[O catastrazo recóllese no Decreto 192/2015]

DECRETO nº197 22/09/2015. O aluguer ás “Hermandas Mercedarias” supera os 4.000€ ao mes polo centro de día. Parécenos unha cantidade excesiva e que non se corresponde co valor actual dos inmóbeis. O Goberno ten previsto algunha alternativa? Cándida Carnero  contesta que o novo Centro de Día.
Aparecen dúas facturas co concepto “Facturación mes de febreiro 2015” a favor de Gas Natural polo alumeado público (partida orzamentar 165.221.00). Unha é de 14.111,14€ e outra 16.998,35€, ou sexa máis de 30.000€ en alumeado público o que supón máis de 1.000€ por día só en farolas que gastamos neste concello. En xaneiro pagouse 20.136,53€ nunha única factura e en abril 28.000€ en dúas facturas polo que máis ou menos vén sendo unha constante e que se corrobora co montante de aforro nesta cuestión xa que é un dispendio inasumíbel. Un concello de 8.000 habitantes non pode gastar máis de 1.000€ ao día en farolas só no rural. E o importe é moito maior porque logo aparecen diversas facturas por rúas na vila, que se imputan ao alumeado público, nos edificios, no polígono, etc.. Que medidas concretas ten previsto facer o Goberno para aforrar no alumeado público? Varela pon en dúbida que se gaste tanto e di que desde 2011 se aforraron 70 ou 80.000€ en luz e que está solicitada a devolución da reactiva desde marzo ou abril, correspondente aos exercicios 2012, 2013 e 2014.
A CUP engade que tamén hai un concepto dubidoso que é o de “10 hora de limpar e nivelar camiños Arcos” que nos gustaría saber a que é debido. [sen contestación]
Tamén estaría ben que se nos explique a que corresponden os 550’28€ co concepto “poste formigón Riazón (Laxe)” e a mesma cantidade en O Padrairo (Líncora). Estanse pondo novos puntos de luz ou de que poste se trata para valer eses cartos? Pode ser que se substitúa algún de madeira por outro de formigón. Pendente un en Requeixo e outro en San Fiz. Desde a CUP díselle se se van revisar os puntos de luz, xa que o abandono do rural fai que algúns podan ser superfluos ou artellar mecanismos para que só se empreguen se se prenden polos veciños. Varela pasa a explicar que existen aínda numerosos de “tanto alzado” que non debería haber e que custaban 9.000€ ao mes. Isto negociouse e pasou a ser menos de 6.000€ o importe. Aínda que o electrecista do concello, Javier, pode explicarlle a Por Chantada mellor isto, a idea é ir mudando pouco a pouco os de tanto alzado, especialmente onde hai varios e hoxe págase menos de 4.000€ ao mes por este concepto.
Decreto 206 2/409/2015: figura a aprobación da factura nº2015A00010 cuxo concepto é “promoción e difusión do Folión de Carros do día 22 de agosto de 2015” por importe de 3.509€. Gostaríamos de saber desde a candidatura de unidade popular exactamente en que consistiu esa promoción e se eses cartos forman parte da subvención pública que recibe desde o concello (9.500€) ou se é unha contribución extraordinaria. O concelleiro de cultura, Manuel Diéguez Carballo, di que se trata dunha xustificación de gastos para a axuda equivalente da Axencia Galega de Turismo.
Liquidación tributaria da taxa por ocupación da vía pública con mesas, cadeiras, etc. correspondente ao ano 2015: recádase 3.733.77€ por este concepto. É urxente facer unha ordenanza que regule e fixe uns criterios claros e adatados a realidade socio-económica actual para este concepto e que se faga tendo en conta ao sector. Amais, é inxusto que haxa estabelecementos que estean pagando e cumprindo coa lexislación e outros que non o fagan. A obriga da institución é garantir a equidade e a igualdade, tamén neste asunto. [Sen resposta]
Decreto da alcaldía nº222/2015 de 22/10/2015: recóllese xeración de crédito por unha axuda da Consellaría do Medio Rural para a brigada de incendios por valor de 47.250€. Podemos pór isto en relación coa moción sobre incendios apresentada e como con isto a Xunta crea precariedade e servizos de extinción pouco preparados e temporais. A canto ascende a totalidade do custo da brigada municipal en 2015? Varela di que faltou quilometraxe e que debeu ser en incendios, polo que habería que pór algo.
Decreto de alcaldía nº238 de 02/11/2015: corrixe un erro que puxemos en coñecemento da secretaría do concello desde a candidatura de unidade popular Por Chantada-CUP xa que se facía referencia á factura nº739 da Libraría Central cando debía falarse da “sanción por infracción da Lei de Seguridade de Galiza” (nº de expediente IN635C2014/35-2). Pode explicársenos porque o concello de Chantada foi sancionado con máis de 3.000€ pola Xefatura Territorial da Consellaría de Economía e Industria de Lugo?
A maiores o decreto nº238 aparece por duplicado na relación de resolucións da alcaldía e en castrapo. En galego nin hai tempos compostos (“habendose detectado”, sic.; nin existe “resuelvo”). Rigor tamén no uso da lingua. Somos moitos os filólogos que estamos en paro como para maltratar así a nosa lingua, máxime cando houbo axudas para isto que se perderon por incompetencia.

A sanción de industria débese a un solarium que deixou a empresa que tiña a piscina, xa que o puxo a nome do concello e estaba sen pasar a ITV. O concello non sabía do asunto.

[Por mor disto non só Chantada perde 3.000€de sanción e varios millerios de subvención para crear un posto de traballo, senón que Cea e Carballedo perderon tamén a axuda de normalización lingüística da Xunta].
13.- Dación de conta do informe de seguimento do Plano de axuste do terceiro trimestre de 2016

Informe da intervención sobre o seguimento do Plano de axuste no 3º trimestre: PLAN AXUSTE 3T2015
Non imos redundar no que xa lle expuxemos no pleno sobre a conta xeral de 2014. O informe da intervención segue laiándose da falta de medios sen facer ningunha proposta e, por certo, segue sen contestar as nosas preguntas elaboradas en pleno o que queremos que novamente se faga constar en acta.
A subida recadatoria no IBI vai en consonancia coa nova que aparecía en La Voz de Galicia na semana pasada, os alcaldes vendo favorecidas as arcas municipais foron cómplices de Montoro e do catastrazo do PP.
Os funcionarios aos que lle pagamos todos a sanidade privada supoñen un desaforro de máis de 3.000€ e o gasto en persoal como xa lle advertimos séguese disparando sen que vexamos mudanzas substanciais no plantel ou na produtividade. Isto contrasta cos restantes pontos do plano de axuste, os que pagan vía impostos regresivos os cidadáns, onde si que se fai o groso do plano de axuste nestes momentos (atravémonos a dicir que o 95%): a subida do IBI produce máis de 333.000€, o ICIO e taxas de urbanismo máis de 44.000€, as taxas asociadas co deporte e as instalacións deportivas máis de 4.800€… Insistimos en que non nos parece xusto.
Seguimos igualmente sen ter ningunha evidencia de que se fagan os contratos menores do concello con ofertas a diversos provedores primando o requisito do menor prezo. É máis hai “pequenas facturas” con importes que nos parecen excesivos en relación ao concepto e, en todo caso mellorábeis no seu prezo, aínda que agora non vaiamos entrar niso. Claro que para iso non se pode tardar 2 ou 3 meses en pagar como acontece neste concello, se ben xa case estamos dentro do máximo legal de 30 días desta volta (37 días).
As medidas en aforro no alumeado público así como no gasóleo das piscinas (hai que sumar o gasto en pellets) segue sen cuantificarse. Non por falta de medios na intervención. Xa que as facturas están aí e, existindo vontade, claramente pode cuantificarse. O problema é que lonxe de haber aforro estase gastando máis que cando se aprobou o plano de axuste.
Logo cando se fala das subvencións nominativas a intervención directamente está mentindo. As subvencións para o ano 2015 están concedidas na súa maior parte e mesmo, en moitos casos, adiantouse xa o 50% das mesmas. Xa que logo, poderían tamén cuantificarse e novamente hai un desaforro (desaforro que neste caso celebramos, ao igual que celebramos que non se estea cobrando o lixo no rural).
En resumo, este informe abusa do corta e pega e elude algúns datos que só coas facturas e coa información que fomos analizando nestes meses estariamos en condicións de completar. Non se pode delegar comodamente na falta de medios cando hai unha nugalla e un desleixo tan evidente.
14.- Dación de conta do informe de morosidade do terceiro trimestre de 2015

INFORME MOROSIDADE 3T2015

15.- Dación de conta do período medio de pago a provedores do terceiro trimestre de 2015
37’29 días (máximo legal 30 días) PMP 3T2015
16.- Dación de contas da execución orzamentar do terceiro trimestre de 2015
RESUMO (Ver os datos completos aquí: EXECUCION PRESUPOSTO 3T2015):

Total ingresos 3º trimestre 2015: 6.256.846,23€

Impostos directos: 2.176.823,32€

Impostos indirectos: 27.774,95€

Taxas e outros ingresos: 863.845,60€

TOTAL RECURSOS PROPIOS: 3.000.000€ aprox.

Tranferencias correntes: 2.229.023,85€

TOTAL gastos 3º trimestre 2015: 6.102.010,02€

Gastos persoal: 2.335.470,34€ (máis da suma de impostos directos e indirectos)

Bens correntes e servizos: 1.846.430,89€

Gastos financeiros: 236.906,78€

Activos financeiros: 10.000€

Pasivos financeiros: 597.694€

Inversións reais: 799.892,58€
INTERVENCIÓN:

O gasto en persoal recuncamos en que é moi elevado. Os datos do 3º trimestre mostran que ascende a máis de 2.300.000€ que é unha cantidade maior ao recadado en impostos directos e indirectos e aínda maior das transferencias correntes.

17.- Rogos e preguntas [PREGUNTAS DE POR CHANTADA-CUP PARA O PLENO ORDINARIO DE 9 DE NOVEMBRO]
I.- Economía política
1.1.- Imposto sobre Actividades Económicas
Porque figura unha recadación de 276.723€ fronte aos máis de 300.000€ do exercicio 2014? Parécenos inxusto que as grandes empresas paguen menos en canto se dispara o recadado no IBI e nos impostos directos e indirectos e nas taxas que paga a clase traballadora. [Non se dá resposta no momento]
1.2.- Cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo
No pasado pleno manifestamos as nosas dúbidas sobre a cesión da soberanía tributaria á Deputación de Lugo. A lacónica resposta desde a intervención foi que no pleno da Deputación se ía debater unha proposta do BNG para eliminar todo custo por este concepto. Queríamos saber cal foi o resultado e reiteramos que queremos explicacións desde a intervención sobre como se vai cuantificar a suposta mellora na recadación. [En ausencia do interventor non se dá conta sobre como cuantificar a “mellora”. Varela di que pensa que non se apresentou a moción do BNG e desde a CUP dise que ultimamente andan moi ocupados na Deputación de Lugo]
1.3.- Gasto en persoal
En 2014 gastouse en persoal o 40’29% do ingreso. Segundo os datos recollidos no Decreto nº161 de 27 de agosto de 2015 e o Expediente 08/2015 das nóminas de agosto neste 2015 superarase ese 40%. No 3º trimestre de 2015 as obrigas recoñecidas netas en gasto de persoal ascenden a 1.638.003,46€
En 2012 o gasto en persoal supuxo 231€ por habitante. En 2013 242€ por habitante. En 2014 255 € por habitante. A isto cómpre sumarlle o custe dos órganos de goberno. Esta realidade bate cun plano de axuste que ía aforrar neste apartado, mais que ao non contar cun proxecto nin cun estudo serio neste campo responde á improvisación e a cadrar números para acollerse ao pago a provedores sen unha correspondencia pensada e clara na realidade.
Pois ben, con estes datos na man e mentres hai áreas sen persoal e outras claramente sobredimensionadas, Chantada colócase como un dos concellos de máis de 5.000 habitantes do Estado español que máis cartos porcentualmente dedica ao gasto en persoal.
Xa que logo, o noso grupo quere preguntarlle ao Goberno que medidas específicas contemplan neste sentido, xa que estamos ás portas da confección e aprobación duns novos orzamentos. [A resposta do Goberno é que se estudará estes días].

1.4.- Complementos aos funcionarios
Só na acta da sesión extraordinaria da Xunta de Goberno local correspondente ao 22 de setembro de 2015 se recoñecen obrigas por valor de máis de 10.000€ en concepto de bonificacións por produtividade a varios funcionarios e persoal laboral deste concello. Como o propio título do concepto di son «premios» por facer o seu traballo fóra do seu horario laboral.
En primeiro lugar, a suma total revela unha mellorábel planificación das xornadas laborais e das necesidades do concello do seu persoal laboral en cada área. En segundo lugar, queremos denunciar que a inoperancia crónica neste concello fai que non exista un regulamento que evite que as bonificacións e gratificacións se fagan dunha maneira inxusta e baseada no libre albedrío, cando o trato debería ser equitativo para todos os traballadores e todas as traballadoras.
Queremos que se nos explique cantas horas traballaron, porque motivo, etc. Sobre todo, queremos que se dea conta da diferenza de emolumentos e porque hai traballadores de primeira, de segunda e de terceira nun organismo público que debe promover a igualdade e non discriminar ou retribuír aos funcionarios arbitrariamente.
Por exemplo, no caso dunha traballadora especifícase que fixo 87’15 horas de máis e que o concello abona por ese concepto 397,30€, ou sexa que se está pagando a hora extra a 4’56€ o que, evidentemente, roza a explotación laboral.
Logo no caso doutros funcionarios non se recolle cantas horas a maiores fixeron. Fálase de servizo de “reforzo” prestado na “Carreira Popular” e na “Subida” sen especificar cantas horas fixo cada un, se todos fixeron os actos en todas as actividades, se fixeron ou non o mesmo… Iso si, todos eles superan folgadamente os 600€ por estes dous días. Como saben o día ten 24 horas e 600€ (tirando polo baixo) entre 48 horas (dous días) dá a 12’5€ a hora. E dubido moito que estes funcionarios traballasen 48 horas seguidas ou que ningún deles estivera de servizo os días do evento.
Logo aparecen outros funcionarios que reciben complementos sen especificar as horas que se remuneran, nin o lapso temporal afectado nalgún caso. Por exemplo, nun caso fálase de máis 4.100€ entre xaneiro e setembro. Se se lle pagan a 4’5€, como a traballadora da limpeza, darían máis de 900 horas extra que, permítanme que dubide que sexa o caso.
Evidentemente isto é a todo punto impresentábel e esixímoslle transparencia e explicacións neste asunto. Para pagar por producir fóra do horario laboral hai que dicir que se produce, como e a cantidade de tempo destinado a esa actividade como mínimo. O que vostedes aprobaron carece do rigor elemental que lle hai que esixir a un organismo público. Amais, rógolles encarecidamente que fagan un regulamento como é debido e deixen de improvisar fomentando a discriminación entre traballadores deste concello. Unha cousa é pagar as horas extra (e pagalas como é debido), no cal concordamos, e outra é facelo sen uns criterios claros e con diferente raseiro dependendo de quen se trate, o cal é intolerábel. [Varela responda que se nos explicará <<en privado>> (sic.)].
1.5.- IBI e catastro
O 2 de setembro de 2015 o Goberno aprobou o padrón de contribuíntes obrigados ao pagamento do Imposto Sobre Bens Inmóbeis (IBI) de natureza rústica e urbana e de características especiais (BICES) do exercicio 2015.
O BICES, que se aplica ao encoro e ao parque eólico por exemplo, ascende apenas a 188.379’35€. No entanto o IBI urbano ascende a 1.664.090’38€ fronte a 1.351.995’5€ que se pagaba en 2013. Xuntos imos a máis, xa o dicían na campaña electoral. Porén, o que nos parece especialmente grave é que fronte aos 25.698€que se recadaban por este concepto no rural en 2013 pasamos a 99.129’93€, unha suba de máis do 385%!!!
Os traballadores pagan os rescates á banca. Os traballadores pagan o pago a provedores. Os traballadores pagan a luz máis cara de Europa e sofren as maiores subas. Sofren os recortes en sanidade e en educación. Sofren a inxusta xustiza como unha espada de Damocles. Sofren prezos de miseria para os seus produtos e a brutalidade do libre mercado. Onde pensades que imos chegar por este camiño?
Rogámoslle que en 2016 impulsen desde o concello unha campaña de información e asesoramento para impulsar reclamacións no sentido de revisar o IBI do rural de xeito que se baixen uns valores propios da borbulla inmobiliaria e que fai que se pague por establos, pendellos e pallares o mesmo que por un piso no paseo da Castellana de Madrid. [Sen nada en concreto fálase desde o Goberno que si, que se pode poder pór o persoal do concello a facer reclamacións. E que Chantada paga menos IBI rural (0’40 sendo o mínimo 0’30) que os restantes concellos da redonda. A CUP responde que son conscientes diso e que saiu na prensa recentemente o caso de Pantón. (O 0’40 págase desde 2002, antes o 0’30. A urbana 0’66 desde 2013)].
1.6.- Ordenanza sobre o uso privativo do espazo público
Rogámoslle que desenvolvan e apliquen especialmente a bancos, eléctricas e multinacionais a ordenanza sobre o uso privativo do espazo público. É unha fonte de ingresos preferíbel a aumentar os impostos indirectos a particulares que deberían destinarse ao reforzo das políticas sociais.
Outra medida que pode adoptar é crear un imposto polas vivendas baleiras, cobrando máis polo IBI a quen conta con varias vivendas de natureza urbana e baixar o IBI dos que unicamente contan cunha vivenda. O recadado debería empregarse para o reforzo das políticas sociais, a todas luces insuficientes. [Non hai resposta no momento]

1.7.- Matadorio FRILUSA
Hai xa bastantes meses, o 20 de outubro de 2014, en sesión plenaria ordinaria aprobouse unha moción para tomar medidas a prol de buscar solucións e saídas para o matadoiro de FRILUSA. Até onde chega o noso coñecemento o Goberno, como tristememente é costume, non adoptou ningunha medida. Lembrámoslle que o acordo ao que por aquel entón o seu grupo se comprometeu:
1.- Pór en marcha unha comisión que estude a viabilidade e posíbeis achegas doutras administracións ou dos fondos europeos.
2.- Promover desde o concello a construción e posta en marcha dun matadoiro achegando a parcela propiedade municipal no Polígono dos Acivros e implicando o gremio dos carniceiros e os gandeiros e/ou cooperativas.
De feito no acta do pleno recóllese o seguinte: «O Pleno, concluído o debate, acorda POR UNANIMNIDADE, convocar os portavoces, algúns carniceiros, cooperativa, grandes almacéns alimenticios, comisións agrarias e labregas, para abondar o asunto e ver se se pode chegar a un acordo».
Parece que a constitución de comisións é un imposíbel neste concello. Estamos esperando tamén pola comisión plural con representación do sector lácteo que aprobamos no pasado pleno: «Que se forme unha comisión específica, plural e aberta dedicada á defensa do noso tecido produtivo con contactos con produtores, cooperativas, sindicatos e organizacións agrarias aos que deberá apoiar nas súas demandas».

[Varela (INTA) di que as últimas novas era estabelecer un clúster e escola técnica de formación para a manipulación da carne. Agora, hai dous meses, apareceu unha multinacional dun grande supermercado para compralo. Da comisión do sector lácteo non se nos responde].

II.- Cultura
2.1.- Auditorio
En Xunta de Goberno do 22 de setembro de 2015 aprobouse a concesión do auditorio a diversos colectivos. Celebramos que este espazo, que en rigor non é un auditorio senón máis ben un salón de actos, poida ser por fin empregado polos coletivos da vila. No entanto, desde o mes de maio en que a campaña electoral permitiu o seu uso, o cal é bastante significativo de como funciona a política infelizmente, o Goberno tivo xa bastante tempo para preparar a súa inauguración oficial para que o seu uso se axuste por completo á legalidade.
En declaración a Televinte, Manuel Varela anunciou que non se vai inaugurar até despois das eleccións estatais. Queremos saber que falta exactamente por facer e se hai dotación orzamentar suficiente.
Amais, debería rexirse mediante ordenanza e fianza a cesión de espazos públicos, sexa o auditorio, o mercado gandeiro ou calquera outro tal e como se fai habitualmente nos concellos. [Desde INTA dise que falta adecentar os exteriores e que os interiores están practicamente listos, segundo informa Diéguez. (Hotusa vai celebrar un congreso no mesmo e que estase deixando por rexistro e con presenza de alguén do concello até que se produza a inauguración oficial)].
III. Saúde pública
3.1.- Centro de día
Polo 20 de setembro remataba o prazo para ter pronto o centro de día para non perder a subvención. En vistas de que non se inaugurou oficialmente supomos que se deu unha prórroga e solicitamos información ao respecto.
A maiores, queremos subliñar que desde a concesión da axuda até a concesión da obra pasaron moitos meses e que, no sucesivo, se debe tentar mellorar e ser máis áxiles. Neste caso, corresponderíalle a Cándida Carnero ter tido unha maior previsión, a non ser que haxa algunha razón que xustifique 3 meses de atraso entre a concesión da subvención e a adxudicación da obra. Porque de non concederse máis dunha prórroga –cunha xenerosidade que non sempre se dá desde outras institucións– Chantada tería perdido unha subvención de milleiros de euros coa conseguinte merma dos caudais públicos. Nestas cousas hai que ter un celo especial e non nos gustou tampouco que cando preguntamos se nos respondese negando que houber calquera problema e que se ía rematar sen ningún contratempo cando a realidade é que andiveron coa auga ao pescozo, como o título dun coñecido documental chantadino. [Dísenos que houbo prórroga, efectivamente]
3.2.- Augas de Galicia
Solicitaron a Viaqua as cantidades recadas por Augas de Galicia desde 2012? Teñen reclamado inversións e cando se contempla a súa execución? Fixeron xestións para reclamar unha nova depuradora suficiente para o concello? Cales? [INTA di que Varela solicitou hai dous anos a depuradora. Complicado, xa que a Confederación atende primeiro a núcleos importantes. Pode volverse pedir no 2016]
3.3.- Zonas de solta de cans e animais abandonados
No paseo puxeron zona de solta de cans e zonas prohibidas para cánidos. Queremos saber en que se basearon porque, a falta dun estudo pormenorizado ben é certo, sospeitamos que esas zonas non cumpren coas disposicións legais vixentes.
Do mesmo xeito, todos os concellos teñen a obriga de teren un servizo de recollida de animais e no casco urbano é a policia local a encargada de facerse cargo de calquera animal abandonado. Recibimos varias queixas advertíndonos que a policia local non está cumprindo neste eido coa profesionalidade e o rigor requirido, tendo a obriga esta de facerse cargo de calquera animal abandonado en casco urbano.
Amais, desde antes do verán os cancís do Sangoñedo están clausurados por non cumpriren coa normativa vixente e a raíz dunha denuncia. Isto ten como contratempo que os cans abandonados deben enviarse a Xinzo co conseguinte gasto. Que nos conste houbo varios animais abandonados que apareceron neste período, cantos foron enviados a Xinzo… Pódese explicar este punto? O tenente de alcalde, Castor, dixo que se estaba subsanada esta cuestión dos cancís. Está xa arranxado o problema porque só no mes de xullo superáronse os 400€ en gastos de transporte de animais? [Castor di que talvez sexa necesario adatar a ordenanza de 2001 para os cans. A policia local cumpre perfectamente e ten a obriga de recollelos todos e Varela chamou á responsabilidade dos donos xa que sancionar debía ser o último recurso e que o que debe ter a xente é educación. El mesmo tivo que ir ao xulgado a declarar e cárgase ao dono o cobro cando se sabe quen é. Castor engade que pasaban 2-3 días nos cancís e logo á canzaría a Xinzo, mais como houbo a denucnia comezaron os trámites para adaptar os cancís, vindo xa varias veces os técnicos da Xunta e faltando dúas obras: a zona de recreo e a sala de curas. Desde a CUP dise que na educación non se pode interferir desde o concello, só sancionando para evitar problemas, como os accidentes de tráfico demostran]
3.4.- Ambulancias en Chantada [Neste ponto o secretario anuncia que ten que ir até Oporto e, por iso, pide se podemos rematar a sesión e abreviar as preguntas o cal facemos, polo que moitas preguntas fican no tinteiro]
A nosa formación recibiu diversas denuncias polo mal funcionamento das ambulancias en Chantada. Sabe algo o Goberno de Chantada sobre este tema? [O Goberno non está ao tanto, só de que mudou a concesión]
Por Chantada-CUP di que o día 30 de outubro unha veciña caeu dunha escada e estivo máis dunha hora agardando pola ambulancia, cun brazo roto e sen saber se tiña algún dano na columna, porque só hai unha ambulancia do 061 e ía en Monforte. Nun concello de máis de 8.000 habitantes non é normal que só haxa unha ambulancia. Isto vén da Xunta e se a ambulancia vai nos Peares tarde 1’5 horas en volver. A anterior concesionaria tiña ambulancia de reforzo e era a empresa local Calvo. Ínstase ao Goberno a informarse e tomar medidas.
3.5.- Teito da casa da música
Van vir as primeiras xeadas e non se adoptou ningunha medida para evitar que a xente esvare. Outros anos fechan cunha valla que nin é “medida” nin é nada. En México, por exemplo, para evitar superficies esvaradías empregan malla tupida, semellante á das pitas, para facer un camiño polo que se poda transitar.
ROGOS E PREGUNTAS DO PP 

[Aínda que o secretario rogara rematar a sesión, os outros grupos decidiron seguir adiante coa mesma]

Medela (PP) preguntou pola subvención de 82.000€ para a Depuradora do Polígono e por outra á que se podía optar para a praza de Abastos. Varela (INTA) di que se renunciou ás dúas desde o Goberno. Medela pregunta polo gasto no Faro e díselle que foi na limpeza e tratamento da fonte da Virxe. Pregunta tamén polo alugueiro do Telecentro a Mercedes Vázquez e díselle que é por todo o baixo. Comenta logo o adianto de 50% da subvención da casa da música e pola duración do convenio e Diéguez (INTA) dille que é por 10 anos. Logo, Medela fai <<unha pregunta das difíciles>> sobre unha viaxe a Lisboa recollida no Decreto nº147 e díselle que foi para o Entroido Ribeirao. Logo pregunta por unhas demandas sociais para comparecer no xulgado e se pasaran de indefinidos a laboral-fixo. O secretario retruca que non son homoxéneas as demandas e tendo en conta que o xuízo é a finais de 2016 e comezos de 2017 pode reconducirse a situación. Logo Medela pregunta pola pista de padel José Pastor se é en serio a foto que lle chegou… E pregunta sobre un depósito próximo de 10.000 litros, que se lle explica que está fóra e que hai que facer unha obra e non se vai empregar. A continuación, pregunta Medela (PP) polo Decreto 172 e a que se corresponde esa transferencia [non hai resposta]. Logo polo Decreto 198/2015 de traxes da policía local mercados a Turini Sport [a factura ascende a 5.364,32€ e hai máis a esa empresa]. Castor di que que ten que ser materia deportivo [en días posteriores tivo a deferencia de enviarnos a factura orixinal escaneada para comprobalo, cando menos á CUP]. Despois, desde o PP preguntan polo Decreto 192/2015, correspondente ao Catastrazo e se se deixan sen efecto as liquidacións. A recadadora, Susana, di que só se devolve ao que conteste catastro. Javier Medela solicita que se mande a documentación dos plenos antes. Menciona varios locais electorais en pésimas condicións. Varela di que de Nogueira para arriba terán que votar en Chantada pois non chegaban aos 200 electores para conformar mesa e preferían votar en Chantada e non en San Pedro de Líncora. [No BOP publicáronse as Mesas Estatais 2015]. Por último, Campelo fala de tomar medidas contras os donos dos cans e que se informe das inauguracións.

Rogos e preguntas do PSOE

Comeza preguntando por Augas de Galicia e a cantidade recaudada. Varela volve dicir que non sabe e Susana que podería dar o dato. Logo dise desde o PSOE que está cobrando por árbores. O secretario aclara que estábase liquidando impostos sobre contratacións. O imposto de contratacións é para licenza urbanística e non vale para cortes de árbores. En urbano non se está liquidando. Medela (PP) di que do 30 de outubro hai unha. Varela di que a licenza e o seguro de responsabilidade civil quéreo a xente para evitar problemas. O secretario ratifica que na ordenanza está o cobro. A continuación, Raquel transmite o rogo da Asociación contra o alzhéimer, que pide unha caldeira de pellets. Varela di que lles chegou a segunda-feira pasada a petición e que se verán o que se pode facer, prevendo dar 2.000€ dos 3.000€ que custa, mais sendo patrimonio municipal. Logo, Raquel pregunta polos cancís e díselle que falta pouco para rematar as obras. A continuación fala de edificios perigosos e da necesidade de informe do arquitecto municipal. Varela di que ese traballo non o dará feito só o arquitecto e que se precisa unha partida específica nos vindeiros orzamentos, pois agora os concellos son tamén responsábeis do rural. Raquel pregunta polo camiño de inverno, que segue sen declaración oficial, sendo para o PSOE o recoñecemento vital e aprobándose unha moción no seu día por unanimidade [na anterior lexislatura]. Roga que se una Chantada a outros concellos, como Valdeorras e Lalín, que pulan por esta cuestión. INTA contesta que o deixa un pouco nas mans do presidente do consorcio de turismo Ribeira Sacra. Falou tamén con Aída Menéndez que di que hai deixadez neste aspecto desde a Xunta. Raquel menciona a subvención de 31 de xullo de 2015 denegada a Carballedo, Cea, Chantada… Varela di que se debe á máquina de solarium pola que foron sancionados con 3.000€. Como se tramitou conxuntamente con outros concellos, Carballedo e Cea tamén a perderon. A continuación, o PSOE pregunta pola contratación de obras para arranxos, cal foi o profeso de contratación para a súa realización. Varela (INTA) di que as 2 empresas foron as que mellor oferta fixeron cando se contratou coa Xunta e que o m2 de obra feita saíu polo prezo daquela altura e sen beneficio industrial non o 6%. Verémolo no orzamento da Xunta. Raquel fai unha cuestión análoga sobre a sinalización horizontal sen expediente de contratación e dille o secretario que coida que foron contratos menores.

Neste punto o secretario ergue a acta e ponse fin ao pleno. A sesión ordinaria de xaneiro múdase para o día 18.